Escudo de Galicia

símbolo heráldico de Galicia
(Redirección desde «Escudo galego»)

O escudo de Galicia é o símbolo heráldico que representa a Galicia. Consta basicamente dun fondo azul cun cáliz de ouro sumado dunha hostia e acompañado de sete cruces, tres a cada lado e unha enriba. Como símbolo institucional está regulado pola Lei de símbolos de Galicia, promulgada o 29 de maio de 1984, de xeito que é empregado pola Xunta de Galicia e forma parte da bandeira de estado galega.[1]

Escudo de Galicia
Detalles
ArmigerXunta de Galicia
Adoptado29 de maio de 1984
CristaCoroa real
EscudoCáliz de ouro (Santo Graal) en campo de azur, hostia de prata acompañado de sete cruces

Nos comezos da heráldica os reis de Galicia empregaron o león púrpura como armas persoais. De feito, foi o galego Afonso VII o Emperador na metade do século XII o primeiro rei europeo en facer uso dun sinal heráldico. Co seu fillo Fernando II o emprego do león foise desenvolvendo e con Afonso VIII consolidouse heraldicamente. O emblema non pasou así e todo a representar unicamente o reino de Galicia, pois ámbolos monarcas reinaban tamén en León. Trala unión dinástica de Galicia-León e Castela-Toledo en 1230, o león continuou a se empregar no reino galego polo menos até finais do século XIII, cando aparece nos selos das irmandades dos reinos de Galicia e León; con todo, acabou asociado de xeito exclusivo ao reino leonés ao se tornar nunhas armas falantes.

O cáliz é a figura heráldica que máis tempo vén representando a Galicia. Aparece documentado por vez primeira como armas do «rey de Galyce» no armorial Segar's Roll de Inglaterra do ano c. 1282. Foron unhas armas falantes cuxa atribución se debeu á proximidade fonética existente na lingua anglonormanda entre «Galice» e «calice». Trala súa posterior difusión a través dos armoriais, acabaron sendo adoptadas no propio reino de Galicia. Continuamente foron evolucionando a través dos séculos: a figura mudou desde o orixinario cáliz aberto até a súa representación sumada da hostia, pasando polo copón ou píxide, a custodia e aínda o viril; o orixinal campo azul diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal escudo co campo liso sen ningún engadido pasou a conter enfeites diversos como anxos ou a cruz de Santiago, mais sobre todo un número variable de, primeiro, trevos e, despois, cruces, normalmente entre unha, seis ou sete, ou co campo sementado.

A estandarización gráfica moderna das Armas ou Escudo de Galicia foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega.[2] Cómpre pór de relevo, ademais, que o actual cáliz do escudo é unha representación do cáliz do Cebreiro.

Heráldica

editar
 
Representación linear e oficial do escudo de Galicia.

Segundo a Lei 5/1984 de símbolos de Galicia, o escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe.

O timbre, coroa real, forrada de goles ou vermello, pechada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun mundo azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro.

Cromatismo oficial

editar

A especificación técnica dos esmaltes do escudo foi estabelecida polo Decreto 73/1985 do 18 de abril na norma UNE 72-032, equivalente ao sistema internacional CIELAB.[3]

Ouro Prata Azur Goles Sinople
Cor (RGB)
CIELAB (H,C,L) (85,0; 35,0; 60,0) (255,0; 3,0; 72,0) (270,0; 50,0; 40,0) (30,0; 65,0; 37,0) (160,0; 41,0; 31,0)
RGB (169, 141, 83) (172, 177, 182) (0, 99, 176) (171, 25, 38) (0, 86, 50)
CMYK (0, 17, 51, 34) (5, 3, 0, 29) (100, 44, 0, 31) (0, 85, 78, 33) (100, 0, 42, 66)
Os tons amosados son soamente aproximativos, pois non se poden representar fielmente nunha pantalla.

Historia

editar

O símbolo preheráldico: a cruz (séculos V-XII)

editar
 
Moeda sueva de ouro (tremissis) coa cruz, séc. V.
 
Cruz de Churío no Museo das Mariñas, séc. IX-X.[a]

Coa chegada do pobo xermánico dos suevos á provincia romana da Gallaecia contra o ano 410, Galicia foi o primeiro estado medieval de Europa ao se constituír o reino suevo de Galicia.[7] Desde esta inicial etapa altomedieval da historia do propio reino de Galicia até ben entrada a baixa idade media, no século XII, o sinal preponderante empregado polos reis nos seus documentos e moedas foi a cruz.[8] Este símbolo, que podía ser de diferentes formas e tipos, tornouse común aos demais reinos cristiáns de Europa a partir de finais do século VI ou comezos do VII ―incluíndo os que foron xurdindo no espazo peninsular[9]―, pois estaba asociado ao poder e á unidade relixiosa.[10] Difundiuse especialmente en moedas, chegando a se documentar en practicamente toda a Europa da época.[11] Dita cruz tamén podía aparecer representada sobre unha hasta ―soporte habitual dos antigos sinais―, denominándose deste xeito cruz procesional.[9] Anteriores á aparición da ciencia da heráldica, as representacións deste tipo de figuras e símbolos son coñecidas como preheráldicas, tendo un uso e significado diferentes con respecto aos futuros emblemas e escudos de armas.[12]

Unha cruz característica desta época tivo unha importante presenza no reino galego, de maneira que se manifestou en gran variedade de soportes (pedra, ourivaría, manuscritos…), dentro e fóra dos centros de poder (coroa e episcopado), e tanto de xeito ornamental como simbólico. Ten os brazos, ou todos de igual lonxitude, ou os verticais lixeiramente máis longos, alargándose moderadamente conforme avanzan cara aos extremos, ás veces desde un disco central. Dos brazos horizontais adoitan pendurar as letras apocalípticas alfa (Α ou α) e omega (Ω ou ω). Mal chamada cruz asturiana, pois nin é especificamente asturiana nin se adscribe unicamente ao territorio asturiano, ten grandes semellanzas con outras que se espallan fundamentalmente polo espazo europeo. A súa orixe remóntase até mediados do século VI, cando no reino suevo-galego existiu unha importante influencia bizantina, levada a cabo por medio do misioneiro Martiño de Dumio, que debeu reforzar e matizar a cruz que xa se empregaba en terras galegas. Reforzada de novo no século VIII por mor da influencia franca, o seu uso estaba totalmente consolidado como tradición autóctona nos séculos IX-X.[13] Tiña como principal significación o de protección.[14]

Atribución posterior de emblema aos suevos

editar

O emprego de emblemas e bandeiras por parte dos suevos é o máis probable, pois antes da súa chegada á Gallaecia xa tiñan un longo historial de contactos co Imperio Romano mediante o cal coñecerían as insignias e vexilos romanos. No entanto, non se coñece fonte coeva ningunha que faga referencia a devanditos emblemas. O Chronicon do bispo galaico Hidacio, que documenta de xeito directo do ano 411 ao 468 e é a fonte fundamental para o estudo da primeira etapa do reino suevo, non os menciona. O mesmo ocorre con outras crónicas cuxos autores, como o galaico Orosio (†420), Olimpiodoro (†425), Sozomeno (†450), Zósimo (†520) ou Xoán Biclarense (†621), informan ocasionalmente sobre os suevos. Tampouco se manifestan na Notitia dignitatum, un documento datable entre os anos 394 e 429 que, alén de detallar a organización administrativa dos imperios occidental e oriental, inclúe os emblemas de diferentes unidades do exército romano. De ningunha das tres unidades auxiliares de laeti conformadas por suevos se representa o seu emblema. Noutra fonte documental como é a Historia Francorum do bispo galorromano Gregorio de Tours (†594), quen debía ter comunicación directa con Galicia, malia se documentaren feitos sobre os reis suevos, de novo non se alude ás súas insignias. Tampouco se tratan nas obras de Isidoro de Sevilla, nin na Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, composta en 619 (versión curta) e 624 (versión longa), nin nas Etymologiae, escritas entre 627 e 630 e nas cales se fala unicamente dos vexilos romanos no capítulo sobre as insignias militares.[b] Igualmente, as propias fontes suevas, como a moeda ou a División de Teodomiro (c. 569), tampouco fornecen información sobre a materia. De feito, é na maioría das moedas onde se amosa unha cruz central, arrodeada dunha coroa de loureiro.[c][19]

 
Escudo atribuído aos «reis suevos de Galicia» en Títulos de los Reyes de España de Valonga y Gatuellas, c. 1660-1665.[20]

Así e todo, desde o principio do século XVII comezáronse a atribuír unhas armas imaxinarias aos reis suevos, quer un dragón, quer un dragón e un león. O primeiro autor coñecido que llelas asignou foi o portugués Bernardo de Brito.[21] Na segunda parte da súa Monarchia Lusytana, con data de 1609, atribúe ao primeiro rei suevo, Hermerico, un dragón de cor verde ao explicar a procedencia das armas da cidade de Coímbra.[22] Isto foi repetido en castelán polo tamén portugués Manuel de Faria e Sousa na súa obra Epitome de las historias portuguesas, publicada en 1628.[23] En troques, outro portugués, Rodrigo Mendes Silva, na segunda edición do seu Catalogo real genealogico de España, impresa en 1639, describiu inicialmente o escudo suevo como un dragón verde dun lado e un león encarnado do outro.[24] Pola contra, noutra obra do autor de 1645, Poblacion general de España, o escudo si que é descrito simplemente como un dragón verde.[25] Mais tamén na nova edición do ano 1656 da primeira obra, titulada agora Catalogo real y genealogico de España, é de igual xeito o dragón de cor verde. Neste último traballo Mendes Silva engadiu, a maiores, dous novos datos: que o campo é de ouro e que o emblema é o mesmo que empregan os reis de Portugal.[26][d] Pola súa banda, Francisco Valonga y Gatuellas no seu manuscrito titulado Títulos de los Reyes de España, datado cara ao final do reinado de Filipe IV de Habsburgo (†1665), dá como armas dos «reis suevos de Galicia» un escudo partido en pau cun dragón verde en campo de prata e un león de ouro en campo de sangue. O primeiro é representado coa lingua de goles e o segundo coroado.[20][28] Xa dentro de Galicia, Juan Velo, cóengo da catedral de Lugo, que enviou no ano 1669 un relatorio á Xunta do Reino de Galicia mediante o cal solicitaba un donativo anual para a dotación de luminarias que alumeasen o Santísimo Sacramento na capela mor catedralicia, fai referencia en tal documento ao dragón e león suevos nos seguintes termos:[29]

De aquí tivo principio e orixinouse eliminar o dragón verde e o león roxo (armas dos reis suevos que no seu tempo tiñan neste reino a súa corte) e trasladar ao dourado campo do escudo das súas armas a hostia, non dentro do vaso sacramental, oculta (como mal pensaron historiadores modernos), si sobre o cáliz ou de manifesto na súa custodia…[e]

Cómpre mencionar que existe un precedente literario do escudo dourado co dragón verde como armas dun rei galego. Trátase da novela de cabalaría Cléomadès, que foi escrita polo brabanzón Adenet le Roi contra 1285 a pedido da raíña francesa María de Brabante e de Branca de Francia, nora de Afonso IX. Na obra aparece un rei de Galicia chamado Sormáns o Roxo (Sorman le Roux) cuxo escudo é descrito de ouro cunha serpe verde que ten as ás vermellas, as orellas e a testa azul, os pés brancos e a cola negra.[30]

Por outra banda, de volta ao século XVII, segundo a Historia de Don Servando, un falso cronicón composto por Xoán Fernández Boán e Araúxo entre 1625 e 1637,[31] as armas dos reis suevos foran «treis faijas jaqueraidas douro et roujo no campo de prata e no meo outra faxinha douro».[32][33][34]

Representacións do escudo e da bandeira dos suevos no século XIX.

Durante os séculos seguintes o dragón verde foi a divisa difundida como as armas dos suevos. De feito, xa no XVII chegara a se manifestar na Historia generale della Monarchia Spagnuola de Bernardo Giustiniani, publicada na República de Venecia en 1674.[35] No século XVIII divulgouse en diferentes obras heráldicas, tales como Ciencia heroyca de Joseph de Avilés (1725),[36] Libro, y baraja nuevos, e inseparables de Francisco Gazán (1733)[37] e Adarga catalana de Francisco Xavier de Garma y Duràn (1753).[38] No XIX, as armas foron representadas na revista Museo de las Familias nun artigo de Nicolás Castor de Caunedo, publicado en 1845,[39] en El blason español ó la ciencia heráldica de Ramon Medél, publicado en 1846,[40] así como nun tratado de vexiloloxía catalán, datado no último cuarto do século,[41] nos dous últimos casos co dragón verde sobre un fondo de ouro.

Desde mediados deste último século o reino suevo comezou a ser un referente na busca de identificación para a historiografía galega.[42] En realidade, xa en 1812 na inédita Historia de Betanzos de Verín Seijas, conservada no Arquivo Municipal de Betanzos, se daba un protagonismo especial á época sueva. Precisamente, o autor describe na obra unhas armas de Betanzos cunha cabeza de dragón no máis alto do escudo que «alude ao tempo dos suevos». Esta información foi divulgada posteriormente no ano 1892 por Manuel Martínez Santiso na súa Historia de la Ciudad de Betanzos.[43] Tamén a figura dun dragón que desapareceu en 1858 e que coroaba a espadana da igrexa de San Martiño de Tiobre en Betanzos o Vello serviu de base para o propio Verín Seijas, así como outros autores posteriores, poder datar o templo no período suevo.[44] Mais foi nese mencionado 1892 cando o dragón verde se viu por fin materializado nun estandarte de Galicia que o Centro Galego da Habana encargou para si a Manuel Murguía.[45] Digno de grandes louvanzas segundo revelan as novas da época, foi bordado por Aurora Cancela e exhibido nun escaparate comercial da sociedade Rey y Luengo en Santiago de Compostela. Cunhas dimensións de 1,75 m de alto e 1,22 de largo, o notable estandarte tiña o fondo branco e a banda azul da bandeira de Galicia e incluía o propio escudo galego no centro, entre dous ramos de carballo e loureiro, con todo arrodeado por un colar cos escudos das oito provincias nos elos ―as actuais e as antigas―, así como con dúas palmas diverxentes acoladas. Finalmente, no canto inferior esquerdo manifestábase o dragón en varios tons de verde.[46][47]

No ano 1930 o escudo co dragón verde sobre campo de ouro foi ostentado pola selección de fútbol de Galicia. A idea foi de Ramón Fernández Mato.[48][49][50]

Dúas recreacións do estandarte suevo a partir do texto de Juan Velo.

A finais do século XX, mentres en Portugal o heraldista Francisco António de Simas Alves de Azevedo propuña no Correio da Manhã un verde dragón suevo en fondo branco como bandeira de Entre Douro e Miño dentro do contexto do debate sobre a rexionalización do país,[51] en Galicia a difusión do texto de Juan Velo en diferentes publicacións deu pulo á versión das armas suevas compostas polo dragón e o león.[52] Malia que xa fora publicado en 1925 por Pablo Pérez Costanti no primeiro volume da súa obra Notas viejas galicianas, o devandito texto volveu ao prelo en 1993 coa reedición levada a cabo pola Xunta de Galicia. Ese mesmo ano apareceu tamén no libro A coca e o mito do dragón de Clodio González Pérez. Aínda en 2001 volvería ser recolleito no volume 8 da obra compilatoria Actas de las juntas del reino de Galicia dirixida por Eiras Roel. Deste xeito, alén dunha insólita bandeira aparecida nun primeiro momento en Internet no ano 1997 so o título «Bandeira Sueva», que era acuartelada cun dragón pasante encarnado en fondo de ouro no primeiro e cuarto cuarteis e un león rampante de ouro en fondo encarnado no segundo e terceiro, e que estaba baseada talvez nas armas do derradeiro Príncipe de Gales galés, Owain Glyndŵr,[53][f] o deseño dunha bandeira co dragón verde e o león encarnado encarados sobre fondo de ouro foi elaborado con base no relatorio de Juan Velo en 2003 por José Manuel Barbosa e outros membros da AGAL. Esta recreación moderna, que dispuña tamén o dragón pasante e o león rampante, foi publicada primeiramente no Portal Galego da Língua (PGL) e posteriormente no libro Bandeiras da Galiza do propio Barbosa en 2006.[53][54] Con anterioridade, en 2005, o mesmo modelo de bandeira foi manufacturado pola primeira vez cun deseño propio pola iniciativa para a recuperación de símbolos históricos galegos que xurdiu como o web Bandeira Galega. Ademais, os dous animais acabáronse representando en posición rampante.[53][55][56] A partir desta altura, esta reconstrución de bandeira para os suevos ou reino suevo de Galicia antinxiu certa difusión e popularidade,[57][58] alén de ser publicada na segunda edición de Bandeiras da Galiza en 2011 e de ter algunha nova proposta estética posterior.[59] Pola súa banda, Tomás Rodríguez Fernández, facendo unha reinterpretación do relatorio de Juan Velo e seguindo criterios históricos e antropolóxicos, realizou unha proposta publicada en 2012 para que o dragón se representase como serpe alada, a cor do león fose púrpura e entre os dous animais se colocase o cáliz.[60] Traspasando o campo da bandeira, o dragón verde e o león encarnado fóronse manifestando en diferentes traballos e produtos,[61][62][63][64][65] sendo adoptados tamén como emblema por varios equipos deportivos, como o Suévia FG.[66][67] Outro caso no mundo deportivo foi o da UD Ourense, que os ostentou en forma de silueta, como homenaxe ao reino galego-suevo, en tódalas súas camisetas da tempada 2020-2021, destacando o seu segundo uniforme de cor amarela coa propia bandeira no centro do peito.[68][69]

O dragón solitario foi recuperado para a imaxe corporativa, mocromática en verde, do I Congreso Internacional que organizou o concello de Pontevedra no ano 2010 sobre o reino suevo de Galicia para conmemorar o seu 1600 aniversario. Representado como serpe de sinuosas formas neste caso, a súa silueta configuraba a letra «G» de Galicia.[70]

O león púrpura, as primeiras armas do reino de Galicia (séculos XII-XIII)

editar

O desenvolvemento da linguaxe heráldica moderna non se pode atribuír a un só individuo, tempo ou lugar. Aínda que certos deseños considerados hoxe heráldicos se empregaron aparentemente durante o século XI, a maioría dos relatos e representacións de escudos que se realizaron até comezos do século XII conteñen pouca ou ningunha evidencia do seu carácter heráldico. Por exemplo, o Tapiz de Bayeux, que ilustra a conquista normanda de Inglaterra en 1066, e que probabelmente foi encargado contra 1077 ―cando se reconstruíu a catedral de Bayeux―, representa unha serie de escudos con diferentes figuras e deseños, moitos dos cales son simples, mentres outros están decorados con dragóns, cruces ou outras figuras tipicamente heráldicas. Porén, ninguén é representado dúas veces coas mesmas armas, e tampouco se coñece que ningún dos descendentes das diversas persoas representadas tivese insignias semellantes ás do tapiz.[71][72]

Por conseguinte, o costume de pintar formas heráldicas nos escudos de guerra acabouse forxando en Europa nos campos de batalla, non antes das décadas centrais do século XII, debido a unha confluencia de circunstancias de natureza moi diversa; unha delas foi a necesidade de diferenciar o aliado e o adversario na batalla, pois a difusión do casco con nasal impedía tal, ocultando parcialmente o rostro dos combatentes, mais tamén debido ao gran valor ornamental dos escudos decorados con rechamantes cores, no contexto do que foi a sociedade cabaleiresca.[73] Posteriormente, desde esta parte media da xerarquía social, o uso da heráldica estendeuse, quer á parte superior, quer á parte inferior. Isto fixo que a adopción das armas polos reis ou emperadores fose relativamente serodia.[74]

Nos comezos da heráldica

editar
 
Moeda de billón (óbolo) de Afonso VII coa figura do león (e da cruz).

Os primeiros sinais heráldicos empregados polos reis eran un distintivo persoal co cal se identificaban. Ao pouco tempo estes emblemas comezarían a ser compartidos polos niveis sociais superiores pertencentes á dignidade real, e finalmente terminarían representando tamén o territorio no que estes exercían a súa xurisdición: o reino.[75]

 
Trono e cetro con cabezas de león na miniatura de Afonso VII do Tombo A, c. 1130.

Deste xeito, o primeiro rei de Galicia que fixo uso do sinal heráldico foi Afonso VII o Emperador (1111-1157). Inicialmente, o monarca comezou a empregar a efixie do león nas súas moedas, e posteriormente, contra o ano 1148, xa usaría o león como emblema heráldico,[76] tal como testemuña o Poema de Almería (datado entre 1147 e 1149):[77][78][79][g]

Florida milities post hos urbis Legionis
Portans uexilla, prorumpit more leonis.
[…]
Ut Leo deuincit animalia utque decore,
Sic cunctas urbes hoc uincit prorsus honore,
[…]
Sunt in uexellis et in armis Imperatoris
Illius signa tutantia cuncta maligna,
Auro sternuntur quoties ad bella geruntur
Atrás destes [os galegos], a florida cabalaría da cidade de Legión [León],
portando os estandartes, irrompe coma un león.
[…]
Como o león supera os demais animais en reputación,
daquela esta supera largamente as cidades todas en honor,
[…]
Nos estandartes e nas armas do emperador
están os seus distintivos, que protexen contra os males todos;
cóbrense de ouro cantas veces se levan ao combate[81]

O león como figura heráldica aparece desde os inicios da propia heráldica. Un dos primeiros exemplos coñecidos de escudo de armas con leóns decora o sartego de Godofredo V de Anjou,[β] o cal foi probabelmente encargado, após a súa morte en 1151, pola esposa entre 1155 e 1160. Unha crónica datada arredor de 1175 afirma que Godofredo recibiu o emblema dun león de ouro cando foi nomeado cabaleiro polo seu sogro Henrique I de Inglaterra en 1128.[82][83]

 
Báculo ou cetro de Fernando I, rematado en cabeza de león, 1055.

Pola súa parte, o monarca galego, co emprego do león como distintivo heráldico, foi o primeiro rei de Europa en facer uso dun sinal heráldico, pois este é anterior ao primeiro ou primeiros leóns ingleses (talvez desde 1154 e con seguranza desde 1189),[84] aos tres leóns pasantes de Dinamarca (c. 1194),[85] á aguia do Sacro Imperio Romano Xermánico (c. 1200)[86] e ás flores de lis francesas (1211,[87] aínda que presentes na indumentaria real polo menos desde 1179[88]).

Así e todo, cómpre sinalar que o primeiro testemuño gráfico coñecido do león é, en realidade, anterior ao reinado de Afonso VII, e que se acha no Libro de Horas (ou Diurnal) de Fernando I e Sancha I realizado no ano 1055 e conservado na Universidade de Santiago de Compostela. Na obra, a parella real é representada nunha miniatura na cal o rei consorte Fernando aparece cun báculo ou longo cetro rematado en cabeza de león. Este remate é moi semellante ao dos cetros que posúen algúns dos monarcas representados na serie de retratos rexios do Tombo A da catedral compostelá, serie xa contemporánea a Afonso VII, pois foi creada cara a 1130. Igualmente, de xeito conxunto ou non co cetro, varios dos reis aparecen sentados en tronos con cabezas e poutas de león. Aínda que este tipo de sentadoiros estivo asociado á imaxinaría rexia desde antigo,[h] do mesmo xeito que houbo diferentes obxectos rematados en cabeza de animal sen significado emblemático ningún,[ζ] tamén é certo que existen análogos europeos que acabaron tornándose nas armas reais.[i] Alén disto, estes non son os únicos testemuños leoninos da devandita serie do Tombo A, pois posúe outros dous nas miniaturas de Afonso V e de Vermudo III que son aínda máis característicos, especialmente o segundo. Así, o primeiro rei amósase apoiando os pés nun escabelo violáceo con forma de dous leóns sentados e acaroados, mentres o segundo apóiaos nunha especie de tapiz no cal figura un gran león encarnado case rampante que lembra futuros deseños. A constante repetición do motivo do león só se explicaría polo seu carácter emblemático.[91][92][93][94]

 
Leóns protoheráldicos na fachada das Pratarías.[95]

Outra representación protoheráldica, correspondente tamén ao reinado de Afonso VII, poderíase achar na fachada das Pratarías da catedral de Compostela. Trátase de dous leóns acaroados que están situados entre as dúas arquivoltas das portas románicas, sobre o capitel medial e diante dun crismón. Sobresaíntes do muro, os ditos leóns romperían coa simboloxía relixiosa da portada e terían sido esculpidos en honor ao rei, do mesmo xeito que acontecería co león que hai nun dos laterais das portas, á mesma altura dos anteriores.[95] Afonso estivo intensamente relacionado coa cidade e catedral compostelás, onde foi coroado como rei de Galicia en 1111, homenaxeado cun recibimento triunfal en 1116, armado cabaleiro en 1124 e nomeado cóengo en 1127; sen contar o seu expreso desexo en diversas ocasións de alí ser soterrado.[96] Na mesma fachada aparece tamén a inscrición «ANF(us) REX», realizada para sinalar a coroación de 1111, ou talvez a recepción de 1116.[97]

O emblema do león era empregado conforme o seu antigo simbolismo: o leo fortis, isto é, o forte león que simbolizaba a potencia e primacía do monarca.[98] De xeito ningún tiña nesta altura un significado falante.[99] Efectivamente, isto é corroborado polo bispo Lucas de Tui no seu Chronicon mundi realizado cara a 1236. O Tudense, coetáneo do rei Afonso VIII de Galicia e León ―neto de Afonso VII―, redactou a crónica a petición da raíña consorte Berengaria de Castela e nela recolleu que «os antigos reis pintaban ou figuraban o león por significar a realeza, pois é o rei dos animais» (antiqui Reges […] Leonem depingere consueverant, eo quod Leo interpretatur Rex, vel est, omnium bestiarum).[100][101] Canto ao propio Afonso VII, este significado simbólico pódese ver nalgunhas das súas moedas, nas cales figura un león cunha cabeza humana coroada.[100]

Desenvolvemento e apoxeo

editar

Coa morte de Afonso VII en 1157, consumouse a fragmentación do antigo reino de Galicia e produciuse o repartimento territorial entre os fillos: Fernando herdou Galicia (sen Portugal) e León, mentres Sancho herdou Castela e Toledo. Desde a década de 1140, ámbolos herdeiros xa aparecían con título rexio, e desde a década seguinte xa estaban asociados a cadanseu territorio.[102] Fernando II de Galicia e León, alén de herdar a maior parte da estrutura estatal de seu pai ―os mellores escribáns e notarios, así como o propio mordomo real Ponce de Cabreira―,[80] tamén herdou as armas reais.

Tombo A
   
Escudos de Fernando II e Afonso VIII.
 
 
Emblemas de Fernando II e Afonso VIII.
Dúas das rodas de Fernando II e Afonso VIII.

Até esta altura, o sinal preponderante empregado polos reis nos seus documentos e moedas seguía a ser a cruz, mais de agora en diante esta foi sendo substituída progresivamente polo león, aínda que nunca de xeito definitivo.[11] O emblema leonino, á parte de se manter nas moedas, atinxiu novos soportes reais como os sinais de subscrición e os selos.[79] Con Fernando II (1157-1188) o emprego do león foise desenvolvendo, e co seu fillo Afonso VIII de Galicia e León (1188-1230) consolidouse heraldicamente.[98]

Xa desde o primeiro ano de reinado, Fernando II comezou a usar, para asinar os seus documentos, o signo ou sinal rodado coa insignia do león incorporada. Esta roda de orixe pontificia fora introducida en Galicia, por primeira vez na Península Ibérica, polo arcebispo compostelán Diego Xelmírez había máis de 40 anos.[θ] O seu uso estendérase, alén de aos seus sucesores, a outros bispos e nobres do reino. Un destes nobres foi Fernán Pérez de Traba, conde de Galicia, quen fora o propio aio do monarca. Deste xeito, Fernando II introduciu a roda e orixinou un novo tipo de documento real que é denominado privilexio rodado.[j] O emprego do sinal rodado foi continuo durante os reinados de Fernando II e Afonso VIII, non así o seu tamaño e deseño, que foron variando co tempo. A roda de Fernando, por exemplo, comezou cunhas dimensións duns 70 mm, aumentou até uns 150–160 mm no seu apoxeo ―contra 1165― e finalmente diminuíu, aínda que superando adoito os 100 mm. Canto ao deseño, o descoñecemento do aspecto do león por parte da xente da época fixo que a figura tivese unha gran cantidade de formas e estivese inspirada en gatos, cans ou cabalos. A postura do león tamén variou, aínda que normalmente tivo unha actitude pasante ―isto é, en andamento e cunha pata dianteira levantada―, ás veces virando a cabeza para ollar cara a tras.[104][105] No reino, a roda foi exclusivamente empregada polo rei desde arredor de 1175, xa que os bispos deixaron de a usar e na nobreza só se manifesta unha en 1176 de Fernando Ponce de Cabreira (fillo de Ponce de Cabreira e de María Fernández, filla de Fernán Pérez de Traba).[106]

 
Marabedí de ouro de Afonso VIII.[k]

O emblema do león seguiu, como se dixo, a ser incorporado nas moedas, e Fernando II incluíuno tamén na nova moeda de ouro de gran prestixio: o marabedí. Con Afonso VIII a moeda continuou a ter un deseño moi semellante.[108] Noutra das moedas salientábeis figuraron dous leóns unidos polo tronco, dun xeito análogo á aguia bicéfala, o que se suma ao paralelismo existente entre os que son os dous animais heráldicos por antonomasia.[109]

Desde 1170 a insignia do león seguiu a gañar importancia e a chegar a novos soportes reais, pois comezou a aparecer nos selos de cera. Mentres no anverso de tipo ecuestre era representado o rei con espada e sen escudo, no reverso o león posuía un deseño semellante ao dos sinais rodados e é posible que o campo circular da roda evocase o traspase ao campo circular do selo.[110][111] Fernando adiantouse aos seus coevos máis próximos ao introducir o seu emblema no selo, xa que Afonso de Castela non o faría até 1175 e Sancho de Portugal tardaría aínda máis, até 1189.[112]

A manifestación heráldica máis importante do reinado de Fernando II dáse na súa correspondente representación do Tombo A, iluminada a páxina enteira e datada entre 1175 e 1180. É posible que esta ilustración se realizase inspirándose no selo real de cera, traspasando e desenvolvendo as dúas caras sixilares.[113] Na parte superior represéntase a efixie escuestre do monarca, o cal aparece portando, alén dunha lanza, un escudo de ouro no cal figura un león rampante tamén de ouro. Esta mesma cor era a insinuada no Poema de Almería para as armas de seu pai Afonso VII.[114] Na parte inferior, totalmente paralelo á miniatura ecuestre, represéntase o emblema real xa claramente heráldico.[115] Deste xeito, o león, que aparece aquí en posición saltante, está pintado dunha cor morada escura que se podería corresponder co púrpura.[116] Pola contra, aínda aparece en «campo aberto» ―sen encadrar― e sen cor de fondo ningunha. Lémbranos o seu simbolismo unha inscrición encarnada que se pode ler xusto enriba: Leo Fortis.[115][117]

Miniaturas de Fernando II e Afonso VIII no Tombo A.

Outra miniatura ecuestre de Fernando II coa figura do león existía no perdido Tombo Encarnado, tamén da catedral compostelá. Segundo a descrición da única copia coñecida realizada no século XVI, o rei era representado «dacabalo cunha lanza e un peto en que tiña pintado un león». Este «peto» poderíase interpretar literalmente, isto é, unha peza defensiva do peito. Porén, tamén é posible que, por mor do descoñecemento do copista, este fixese en realidade referencia ao escudo. Outra posibilidade é que aludise ás galdrapas do cabalo.[118][119] Mentres uns autores atribúen á miniatura unha data posterior á do Tombo A, en finais do século XII ou principios do XIII, outros consideran que se podería datar entre 1160 e 1165.[120]

 
Sinal non-rodado de cor de Afonso VIII, 1229.

Trala morte de Fernando II, e tal como se mencionou anteriormente, Afonso VIII seguiu a empregar o sinal rodado durante todo o seu reinado. No entanto, aínda que a roda mantivo as súas principais características, tamén sofreu unha serie de variacións arbitrarias no deseño, así como unha certa perda de interese na execución. Deste xeito, pódense ver desde rodas coas palabras ordenadas anomalamente ou escritas en dirección contraria, até rodas sen lenda ningunha, mais sobre todo un bo número de privilexios sen o propio sinal rodado, malia si se lles deixar o espazo correspondente dispoñible. Aínda que isto se deu xeralmente e durante todo o reinado, cara aos anos finais tamén se produciu unha revitalización do sinal rodado, cando mesmo chegan a existir documentos con dúas rodas. Non é posible, por conseguinte, definir unhas etapas de evolución claras. Con todo, cómpre sinalar que desde 1216 aparecen rodas cuns leóns claramente inspirados no da ilustración de Afonso VIII do Tombo A.[121] Mais alén de todo isto, con Afonso VIII houbo dúas importantes innovacións. A primeira fixo que o león adquirise un maior protagonismo e consistiu no sinal non-rodado, isto é, o sinal formado unicamente polo león, sen a roda en si. Xa que logo, os documentos no canto de privilexios rodados son denominados privilexios asinados. O novo sinal empregouse xa desde o principio do reinado, desde polo menos o ano 1189, e conviviu co sinal rodado, sobre o cal mesmo chegou a predominar. Na nobreza, o uso deste tipo de sinal maniféstase de novo nun documento de Fernando Ponce de Cabreira cara ao final da súa vida, contra 1200. A segunda innovación produciuse ao final do reinado e consistiu no emprego de cor para o sinal rexio. Nun privilexio de 1229, no cal Afonso VIII confirma outro do seu avó Afonso VII, documéntase o primeiro ―e único― sinal non-rodado corado. Aquí novamente o león aparece pintado da cor real por antonomasia: a cor de ouro. En opinión dalgún autor, este é «o exemplar de león máis espléndido de toda a diplomática leonesa. Magnificamente debuxado, grandioso e ergueito o seu corpo de ouro, transmite poder e fereza coas súas fortes poutas e mais coa lingua, as enxivas e os ollos sanguíneos».[l][122][123]

 
Selo plúmbeo de Afonso VIII.

Afonso VIII tamén continuou a empregar o selo de cera. Cun deseño semellante ao de seu pai, alén do león pasante no reverso como emblema heráldico, no anverso de tipo ecuestre pódense apreciar dous leóns rampantes nas galdrapas do cabalo. Ademais, co obxectivo de procurar non tanto unha maior solemnidade senón sobre todo unha maior perpetuidade, incorporouse o selo de chumbo, que coexistiu co de cera.[124] O león pasante dos selos plúmbeos, que se conservan en varios privilexios dos mosteiros de Celanova e Melón dos anos 1226 e 1228, ten grandes semellanzas cos leóns dos sinais rodados composteláns de 1193 e 1204, polo que o selo podería ser anterior aos documentos monásticos conservados.[125]

Coa representación de Afonso VIII do Tombo A, datada entre 1208 e 1216, confírmase o estado totalmente avanzado do desenvolvemento heráldico das armas reais nesa altura. A ilustración posúe ademais unha configuración idéntica á de Fernando II, o que permite apreciar a evolución ocorrida no período. Deste xeito, tanto o león do escudo como o león do emblema aparecen coa cor que ha perdurar no futuro: púrpura. Alén disto, o escudo co león rampante ten un campo xa de cor branca, mentres o mesmo león en posición saltante do emblema, o que influíu nos sinais rodados, amósase encadrado. Adicionalmente, os dous arzóns da sela posúen cadanseu león pasante, ambos tamén de cor púrpura sobre fondo branco.[126][127]

Selo de cera de Berengaria de Castela e selos de chumbo de Fernando III.

Na época de Afonso VIII as armas reais adquiriron tamén o carácter de armas familiares e pasaron a ser herdadas non só polo sucesor do trono, senón por tódolos fillos, tanto lexítimos como ilexítimos. Dous exemplos coñecidos son os de Afonso, señor consorte de Molina ―lexítimo― e de Martiño Afonso ―ilexítimo―, que empregaron no escudo o león combinado coas armas maternas.[128] Ademais, Berengaria de Castela, esposa de Afonso VIII entre 1197 e 1204, fixo uso dun selo de cera co león nunha cara e unha efixie dela na outra.[129] Mais tamén, como exraíña consorte de Galicia e León e rexente de Castela e Toledo, entre 1214 e 1217, aparece empregando nun contrato en Burgos do ano 1215 un selo céreo co león galego-leonés en posición rampante no anverso e o emblema castelo-toledano, o castelo, no reverso.[130] Outro caso especial foi o do futuro Fernando III, fillo de Afonso VIII e Berengaria. En 1214 morría Fernando Afonso, herdeiro do trono galego-leonés, e en 1217 subía ao trono castelo-toledano o futuro Fernando III, medio irmán do anterior. Polo menos desde 1225, Fernando empregou nos seus selos de chumbo, como rei de Castela e Toledo e pretendente do trono de Galicia e León, un escudo co león en posición rampante no anverso de tipo ecuestre (non aparece na imaxe da esquerda), así como dous pequenos leóns tamén rampantes a cada lado do castelo no reverso de tipo heráldico.[131][132] Curiosamente, quen incorporou tamén dous pequenos leóns ao seu emblema foi o rei Sancho VII de Navarra, probabelmente como representación da súa liñaxe materna, a través da cal era neto de Afonso VII o Emperador. Así, no reverso do seu último selo de cera coñecido, que data de 1225, polo que talvez estivese inspirado no selo plúmbeo de Fernando, ocupa o campo a gran aguia das súas armas xunto cun minúsculo león embaixo de cada pouta; con todo, ningunha das dúas figuras emblemáticas tivo continuidade na heráldica real navarra.[133]

 
Armas de Fernando III na súa miniatura do Tombo A.

En 1230, coa morte de Afonso VIII e a usurpación do trono ás súas medias irmás Sancha II e Aldonza, Fernando tornouse en rei tamén de Galicia e León, producíndose así unha unión dinástica das dúas coroas.[134] Xa que logo, Fernando III (1230-1252) salientou a súa titulación, pasando a se intitular sempre como rei de Castela-Toledo e de Galicia-León en tódolos seus soportes reais:[135] documentación,[136] sinais rodados,[137] selos de cera e selos de chumbo.[138] Para a reprentación de ámbalas coroas inventou o acuartelado heráldico ―que tivo un grande éxito en Europa― mediante a combinación do castelo e do león, mais dando preferencia ao castelo. Deste xeito, aparecen as armas castelo-toledanas nos cuarteis primeiro e cuarto, mentres as galego-leonesas nos cuarteis segundo e terceiro.[131][132] O novo acuartelado foi empregado, por exemplo, no selo de cera, onde ocupou o escudo da súa efixie ecuestre do anverso, así como todo o campo do reverso.[138] Aínda que foi a solución que finalmente triunfou co paso do tempo, non foi a única que houbo.[131] Así pois, nos selos de chumbo as armas de cada coroa enchen cadanseu campo sixilar: o castelo o do anverso e o león ―aquí pasante― o do reverso.[138] Este modelo é denominado «binacional».[139] Dun xeito semellante, na miniatura de Fernando III do Tombo A, realizada contra 1255, as armas aparecen separadas, en cadanseu lado da efixie sedente do rei, isto é, na súa dereita as de Castela e Toledo e na súa esquerda as de Galicia e León. O león maniféstase sen encadrar, en posición rampante e de cor púrpura.[131][140] Por outra banda, Fernando non cuñou nova moeda[141] e nas rodas seguiu a empregar a cruz de Castela,[137] malia o Tombo de Caaveiro (século XIII) lle atribuír algunha co acuartelado ou coas armas combinadas.[142]

editar
 
Selo notarial do concello de Melide.

A unión persoal das coroas, e a creación do acuartelado, non propiciou que os reinos de Galicia e León deixasen de compartir as armas propias dos seus antigos reis; ao contrario, o feito de as cortes galego-leonesas seguiren a se celebrar separadamente e tanto Galicia como León seguiren a ter o seu correspondente meiriño mor fixo que se reforzase a identificación coas vellas armas.[144] Deste xeito, sábese polo perdido Tombo de Mondoñedo que en 1261 o selo do meiriño mor de Galicia levaba o león heráldico: «et no sello andava o imagen de leon et as letras do sello dizian seu nome».[98] Porén, tamén ocorreu que co paso do tempo o león foi perdendo o seu primitivo significado simbólico e adquirindo o falante,[98] para así terminar sendo asociado unicamente a León. Así e todo, o emblema leonino estivo vencellado a Galicia polo menos até finais do século XIII, cando se constituíron as irmandades de Galicia-León en senllos 1282 e 1295. Os selos destas dúas irmandades concellías tiñan unha configuración totalmente análoga á dos selos reais, e amosaban no anverso de tipo heráldico o león, mentres no reverso de tipo ecuestre o apóstolo Santiago, padroeiro tamén de ámbolos reinos.[145][146] O vencello aínda permaneceu até principios do século XIV como unha cabeza de león no selo notarial do concello de Melide.[98] Este selo, empregado tamén por outros cargos concellíos leoneses no período final do século XIII,[147] era empregado polo notario xurado melidao Pedro Domínguez desde polo menos 1264.[148]

 
Galicia no Erdapfel, 1492.

A partir do século XIII non é raro que en Galicia ―e en León―[149] os cuarteis do escudo da xa predominante coroa de Castela aparezan intercambiados, dando preferencia ao león,[150] tal como se pode ver, por exemplo, no sartego situado no Panteón Real da catedral de Compostela e pertencente á raíña consorte Xoana de Castro (finada no ano 1374), nunha das fachadas da mesma catedral,[151] no tamén compostelán colexio de San Xerome (século XVII), no colexio da Nosa Señora da Antiga en Monforte de Lemos,[152] na casa consistorial de Lugo (século XVIII) ou, moito máis recentemente, na igrexa do Pilar-San Fernando do barrio ferrolán de Recimil (anos 40).[153] Igualmente, no estranxeiro esta disposición maniféstase na bandeira que acompaña a Galicia no globo terrestre máis antigo que se conserva, o Erdapfel de Martin Behaim (1492), así como nalgunhas das bandeiras que amosan as localidades galegas representadas nos debuxos do Livro das Fortalezas de Duarte de Armas (1509-1510), tales como Tui e Randín.[154][155][n] Pola súa banda, Caspar Vopel no seu mapa de Europa editado postumamente en 1566 adscribe a Galicia tanto o león en solitario como o cáliz.[157]

Finalmente, cómpre salientar que as armas do león foron relacionadas con Raimundo de Borgoña, conde de Galicia e pai de Afonso VII, en diferentes obras, talvez polo seu casamento con Urraca, primoxénita de Afonso VI, dar orixe á dinastía de Borgoña. Destaca pola súa antigüidade o Liber additamentorum de Mateu de París, realizado contra 1250, onde o autor explica que o escudo acuartelado de Fernando III é «moderno mais non paterno» e que «seu pai ―Afonso VIII― portaba un escudo tal coma o conde Raimundo» (moderni sed non patris, pater enim portavit scutum tale quale comes Provincie Reimundus). Xa no século XVII, Jean-Jacques Chifflet no seu Vindiciae hispanicae atribúe a escolla da cor molochinum (malva[158]) ao conde borgoñón.[159][160]

Tamén cómpre advertir que é habitual non ter en conta o león como armas do reino de Galicia por considerar que Galicia estaba integrada no reino de León,[161] feito que é totalmente discutido por diferentes historiadores.[162][163] Non se pode entender, por exemplo, o predominio da lingua galega en toda a extensión da coroa galego-leonesa, e mesmo alén dos seus límites, sen a preeminencia dun reino galego.[164] De feito, no propio Poema de Almería outórgase a primacía ao reino de Galicia.[165] A invención do reino de Asturias, primeiro, e do reino de León, despois, por parte da historiografía española leva os historiadores da arte e das ciencias auxiliares da historia a encaixar os seus obxectos de estudo nun espazo político e territorial ficticio.[166][o]

Orixe anglonormanda do cáliz (século XIII)

editar
 
Armas do rey de Galyce no armorial inglés Segar's Roll, ano 1282.

Paralelamente ao proceso de desenvolvemento e consolidación dos emblemas reais europeos, nacían na segunda metade do século XIII as primeiras compilacións dos mesmos, os armoriais, onde aparecía unha relación de reinos e das respectivas armas empregadas.[167] No caso de Galicia, a antigüidade e proxección da que durante séculos gozou o reino e os seus reis, levou a que a súa representación heráldica fixese aparición en certos armoriais temperáns;[168] non obstante, a inexistencia dunhas armas exclusivas galegas nesa altura orixinou un baleiro que os heraldistas salvaron mediante a identificación simbólica coa fonética, isto é, atribuíndolle unhas armas falantes.

Dúas das copias do armorial Segar.

Xa que logo, as actuais armas de Galicia naceron no estranxeiro, nesa segunda metade[169] ou último terzo do século XIII.[167] O documento coñecido máis antigo no que se representa o escudo do entón reino de Galicia é o armorial inglés Segar's Roll, realizado cara ao ano 1282. Este armorial, que recibe o nome do seu último propietario, era un auténtico rolo de armas (roll of arms) cuxo pergamiño medía uns 2,97 m de longo e 15 cm de largo. Aínda que o orixinal desaparecera xa a mediados do século XVII, del fixéronse unhas catro ou cinco copias, algunha delas en facsímile.[p] A máis fiel e temperá copia facsimilar, realizada contra 1600, consérvase na que é a máxima autoridade heráldica de Inglaterra, o College of Arms. Nela pódese apreciar, xunto a outros escudos de monarquías europeas, a representación heráldica galega con tres cálices de ouro sobre un campo de azur. Trátase dun escudo de carácter falante, pois indubidablemente o autor do Segar atribuíu ao rey de Galyce o símbolo do cáliz debido á proximidade fonética existente na lingua anglonormanda entre «Galice» (Galicia) e «calice» (cáliz).[167][171] Ademais, a palabra «calice» faría referencia a simples copas, as cales eran daquela comunmente empregadas pola nobreza, de xeito que sería un escudo sen significación relixiosa ningunha.[172] A aparición de tres cálices iguais foi por unha cuestión de deseño, xa que, de acordo coas regras da heráldica, debíase ―e débese― encher o campo do escudo. Con esta disposición, que era habitual, as figuras adaptábanse axeitadamente á forma triangular dos escudos que se empregaban no espazo anglofrancés.[173] Con todo, algúns autores consideran que posiblemente existise unha versión orixinaria do escudo que posuiría un único cáliz.[168]

Precisamente, moi próximo no tempo, o denominado armorial do heraldo Vermandois (Armorial du Héraut Vermandois), que é datado aproximadamente entre os anos 1285 e 1300, si atribúe ao rei de Galicia un único cáliz ou copa, o que confire ao escudo unha maior forza simbólica. Escrito en picardo, non é un armorial iluminado, senón brasonado, isto é, un armorial onde aparecen as descricións heráldicas das armas. Neste caso, o único cáliz é cuberto e igualmente sobre campo de azur:[174][175]

 

O rei de Galicia porta de azur un «gálice» de ouro cuberto en forma dunha copa.[q]

Armorial de Vermandois, c. 1285-1300,
nunha copia do século XV titulada
Traité du comportement des armes.[176]

Pardo de Guevara, quen non ten coñecemento de continuidade ningunha da fórmula orixinal dos tres cálices,[177] acerta ao supor que si a houbo. Efectivamente, documéntase de novo en Inglaterra, algo máis dun século despois, no Sherborne Missal.[178] Este misal, outrora coñecido coma Alnwick Missal,[179] está datado entre 1399 e 1407 e é considerado unha obra mestra do estilo gótico internacional.[180] É probable que sobrevivise á Reforma por mor das súas espectaculares miniaturas. Chegou a pasar por Francia, mais acabou regresando a territorio inglés, onde actualmente se conserva, na Biblioteca Británica.[178] Talvez relacionado co Segar's Roll, posúe unha serie de escudos de armas ao longo de todo o manuscrito pertencentes a diferentes grupos de personaxes, reis entre outros.[181] O escudo galego maniféstase na páxina 107 cunha configuración idéntica á do Segar: tres cálices ou copas de ouro sobre campo de azur.[182]

 
Escudo de Galicia formando parte dunha letra n capitular ornamentada no Sherborne Missal, c. 1399-1407.
Lenda en latín: Rex Galacie.

Atribucións paralelas: os paus, a luva e a torre

editar

Se ben o cáliz foi as primeiras armas atribuídas a Galicia e as que acabaron triunfando sen dificultade, non foron as únicas asignadas polos armoriais:

 
Escudos de Galicia e de Santiago no armorial de Konrad Grünemberg, 1483. Acompañan as armas das coroas de Castela e de Aragón.
 
Armas de Galicia entre os escudos dos reinos en posesión dos Reis Católicos no armorial de Jörg Rugen, c. 1493-1499.
  • Desde polo menos o primeiro terzo do século XV comezou a aparecer nos armoriais alemáns como armas do rei de Galicia un escudo de paus, normalmente de ouro e azur ou de prata e azur. Foi moi difundido, pois o primeiro armorial no cal aparece, o armorial da Crónica do Concilio de Constanza (Chronik des Konstanzer Konzils) de Ulrich von Richental, datado entre 1424 e 1433, tivo numerosas copias e mesmo varias edicións impresas.[183] Tamén figura, por exemplo, no armorial de Konrad Grünemberg (1483), do cal se coñecen até 10 copias.[184] A súa aparición estendeuse até a segunda metade do século XVI. Estas armas talvez fixesen referencia ao conde de Galicia, Raimundo de Borgoña.[185] Polo menos desde 1210 foi habitual en Borgoña o escudo de paus de ouro e goles, escudo que aparece na igrexa de San Marcos de Salamanca cuxa fundación se atribúe ao conde borgoñón.[186] Igualmente, algúns autores consideran a posibilidade do controvertido cuartel de paus de ouro e goles do escudo de Salamanca facer referencia a Raimundo, quen foi o repoboador da cidade.[187][188]
  • Nalgúns armoriais, tamén alemáns, atribuíuse ao rei galego unha luva de goles en campo de prata,[189] que ás veces se manifesta coma unha man. É probable que a atribución se deba a unha confusión con outros reinos[185] ou con algún xefe irlandés que empregase a man vermella do Ulster.[190]
  • O galego Gracia Dei,[191] cronista heráldico dos Reis Católicos, no seu Blasón general de todas las insignias del universo de 1489 atribúe a Galicia «a torre branca do espello que Hércules fixo sobre sangue».[r] Alude sen dúbida a unha versión da lenda de Xerión, a quen Hércules derrotou e soterrou onde logo construíu a propia Torre de Hércules. O escudo da Coruña ten a mesma orixe e é posible que Gracia Dei se inspirase nel.[192] Ao ser o Blasón general adicado ao rei de Portugal, Xoán II, estas armas aparecen tamén, alén das copias da obra, en varias obras portuguesas,[193] tales como o mapa de Portugal de Fernando Álvaro Seco, o máis antigo coñecido do país (1561), e diversos armoriais, como por exemplo o Thesouro de Nobreza de Francisco Coelho (1675).

Primeiras representacións cun único cáliz (século XV)

editar

As primeiras representacións coñecidas das armas de Galicia cun único cáliz son relativamente serodias con respecto ás primeiras atribucións e documéntanse un pouco antes da metade do século XV. É posible que a máis antiga sexa a que aparece no armorial dunha das versións do tratado de heráldica francés denominado Egerton Tract (Egerton MS 3030). Este códice de orixe anglo-franco-borgoñoa, que viaxou desde o norte de Francia a Inglaterra e posteriormente aos Países Baixos, e que se conserva na Biblioteca Británica, está conformado, en realidade, por unha colección de varios pequenos armoriais realizados en diferentes épocas. É no primeiro, o máis antigo e orixinal, datado contra os anos 1436-1437, na sección intitulada «Nomes e armas dos reis cristiáns» onde fai aparición o escudo de Galicia.[194][195][196] Amósase timbrado con coroa aberta, mentres o cáliz de ouro cuberto enche o máximo posible o campo de azur. Enriba da composición unha única palabra: Galice.

Outros testemuños de importancia reprodúcense noutros dous armoriais europeos: o armorial Lyncenich de Flandres, conservado na Biblioteca Real de Bruxelas, e o armorial Bergshammar, composto en Güeldres ou talvez en Brabante e conservado nos arquivos nacionais de Estocolmo.[197][198][167][199] O Lyncenich, coñecido anteriormente de xeito errado coma Gymnich, foi realizado no intervalo entre os anos 1440 e 1442. O escudo galego preséntase coroado e de azur, cun cáliz cuberto piriforme e rematado en cruz. Cómpre salientar que este armorial, ao contrario dos outros todos, atribúe as armas á raíña de Galicia (dronincrike van Galissien).[200] O Bergshammar, pola súa banda, foi primeiramente datado en 1436-1450 e máis recentemente precisouse a datación entre 1449 e 1456. Unha das fontes principais para a súa compilación foi o propio Lyncenich.[201] O escudo galego, que aparece dúas veces no armorial, posúe igualmente en campo de azur un cáliz cuberto con remate crucífero e, ademais, está timbrado cun helmo con outro cáliz como cimeira. O primeiro ten escrito enriba Galiscien (Galicia), mentres o segundo coninc van Galissien (rei de Galicia).[199]

Nesta altura o escudo continuaba a manter o seu significado falante, pois a ecuación fonética Galice-Calice aínda seguía plenamente vixente.[167]

Os trevos nos armoriais franceses

editar
 
Estandarte de Ponto coas armas de Galicia, descrito en 1457 e ilustrado en 1480/5.

Durante a segunda metade do século XV as armas do reino de Galicia tiveron certa difusión a través de diferentes armoriais franceses. Mais a salientable novidade foi que o cáliz era acompañado con trevos, quer en número de catro, quer en campo sementado, o cal, dada a forma vertical do cáliz, permitía encher o campo máis axeitadamente.[202][203] Outra innovación foi a aparición do campo de goles para o cáliz.

Na década de 1460, unha das copias máis fieis de Le livre du Coeur d'amour épris describe as armas galegas «de goles con copas de ouro e o campo sementado con trevos tamén de ouro». Este manuscrito escrito en 1457 por Renato de Anjou, quen foi rei de Nápoles (1435-1442) e rei en Cataluña (1466-1472), é unha novela alegórica que inclúe un pequeno armorial sobre 29 personaxes ―16 heroes antigos, lendarios ou imaxinarios, e 13 persoeiros coevos do autor―, un dos cales é Ponto, o protagonista da Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña, relato francés datado entre 1390 e 1425 aproximadamente. Ao tratar este personaxe é cando se fai a referida descrición, contándose que o seu escudo vai sobre as armas de Galicia. As dúas miniaturas que representan a composición en cuestión, elaboradas posteriormente, contra 1480/5, amosan nun estandarte o escudo do heroe sobre fondo encarnado e arrodeado de oito copas ou cálices descubertos xunto con outros tantos trevos.[204]

Os escudos galegos representados, no entanto, compóñense todos, agás un, dun único cáliz de ouro cuberto sobre campo de azur. O primeiro co campo sementado de trevos, de ouro, figura coroado no armorial anexo á obra Le Jouvencel de Jean V de Bueil. Mentres no manuscrito relátase de xeito autobiográfico a guerra dos Cen Anos, no armorial maniféstanse as armas de diferentes reinos do mundo, así como da nobreza francesa.[202] Datado contra 1470,[205] amosa a seguinte lenda: Le roy de Galice.

Os escudos con catro trevos, de prata, aparecen nos armoriais de André de Rineck, Nancy e Coislin-Séguier. Os códices non son copias entre eles, senón que pertencerían a un mesmo grupo derivado dun armorial orixinal anterior. O máis antigo é o de Rineck, datado en 1473 e composto en Metz, mentres os outros dous serían do mesmo século.[206] Destaca no de Rineck o helmo coroado e con cáliz piriforme de cimeira.[207] Existía aínda outro armorial derivado, do que se ten coñecemento grazas a unha copia brasonada e parcial realizada no século XVII e chamada armorial do duque de Savelli (Armorial du duc de Savelli), onde as armas de Galicia tamén eran representadas. Na copia, malia o escudo non chegar a ser brasonado, menciónase como Galicien.[208] O número concreto de catro, trevos neste caso, cruces posteriormente, é moi raro e só se coñece un mapa de Europa de Caspar Vopel editado postumamente en 1566[157] e unha referencia a «catro estrelas» mencionada por Baltasar Porreño no seu Nobiliario del Reyno de Galicia de arredor do ano 1572. Nesta última obra o autor precisa que «outros pintan a custodia de ouro en campo azul con só catro estrelas, e a custodia en forma de vaso coa súa cuberta».[s]

No armorial de Jean Faucquet recupérase o primitivo cáliz descuberto ou copa, coa particularidade do campo sementado de trevos ser pintado de goles. A súa execución lembra fortemente as armas da obra de Renato de Anjou. Como se verá, non foi talvez o primeiro libro de armas que designou esta cor para o campo, mais si un dos poucos fóra da Península Ibérica. O armorial, alén da representación heráldica, tamén brasona o escudo:

O rei de Galicia porta de goles sementado de trevos de ouro un «gálice» do mesmo.[t]
Armorial de Jean Faucquet (c. 1497-1500).

Representacións renacentistas (século XVI)

editar

Se foi na Europa gótica cando a representación heráldica do reino de Galicia se espallou a través de diferentes armoriais, foi no Renacemento (século XVI) cando esta adquiriu certa uniformidade. O xa preeminente cáliz de ouro cuberto sobre campo de azur atinxiu o total protagonismo con respecto ás anteriores fórmulas, así como un forte enraizamento europeo grazas ás, agora, moito máis numerosas representacións.[198][210] No entanto, o xurdimento e desenvolvemento paralelo das cruces no campo do escudo fixo que o armorial de Martin Schrot do ano 1580 fose unha das últimas obras que representou o escudo sen elas.[211]

Nesta época, o cáliz cuberto ou píxide caracterizouse por carecer dun remate crucífero.[212] Constitúe unha excepción o escudo do armorial de Nicolas de Lutzelbourg, datado aproximadamente entre 1540 e 1547, pois posúe, alén dun helmo con cimeira que lembra o do Bergshammar, un cáliz cun deseño moi similar ao do Lyncenich, en ámbolos casos cunha sofisticación superior á dos anteriores. Por outra banda, cómpre salientar o escudo de Galicia que se acha na rúa Herzog-Friedrich, n.º 35, de Innsbruck (Tirol, Austria). Data de 1495/6 e forma parte dun elaborado deseño heráldico, feito en pintura mural, que decora a bóveda do pórtico da antiga casa do maxistrado da cidade (Stadtrichter) Walter Zeller o Vello, quen mandou a súa realización como homenaxe ó emperador Maximiliano I do Sacro Imperio Romano-Xermánico, o cal tiña a localidade como a súa residencia preferida. A obra, que presenta un conxunto de escudos, lemas e emblemas máis ou menos relacionados coa persoa do emperador, inclúe outro escudo peninsular alén do galego, isto é, o de Sevilla (Hispalis). O de Habsburgo pactara en xaneiro do propio 1495 dentro da Liga Santa o matrimonio do seu primoxénito Filipe coa filla dos Reis Católicos, Xoana, de xeito que se trata do primeiro testemuño artístico da conexión austríaco-hispana que permitiu o dominio de Carlos V de Habsburgo sobre ámbolos imperios só unhas décadas despois.[213] Tamén cómpre pór de relevo que no Arco Triunfal de Maximiliano I, encargado precisamente por Maximiliano I e debuxado principalmente por Albrecht Dürer contra 1515, o escudo de Galicia e mailo de Austria son os únicos, dos 108 escudos pertencentes a reinos e territorios, que teñen o privilexio de levar a coroa imperial.[212]

A chegada á Península Ibérica

editar

O escudo do reino de Galicia rexístrase por vez primeira na Península Ibérica arredor do ano 1497 no libro de armaría de Diego Hernández de Mendoza. Na obra, alén de apareceren as armas de históricas liñaxes galegas, brasónase e debúxase o escudo de Galicia. Este é descrito como «unha custodia de ouro en campo encarnado» e fálase tamén da hostia da custodia («a custodia […] ten en si a hostia consagrada»).[u] Porén, no debuxo represéntase un cáliz cuberto, copón ou píxide. Entenderíase, polo tanto, que levaría a hostia oculta no interior. Este foi posiblemente o primeiro armorial que outorgou o campo de goles ao escudo galego. Tamén o primeiro que conferiu ás armas un significado eucarístico no canto do falante. Na súa chegada á península, o primitivo símbolo falante só se debeu poder comprender relacionándoo co antigo privilexio eucarístico da catedral de Lugo.[v] O armorial foi moi difundido e coñecido, e tivo abondosas copias ao longo dos séculos seguintes, nas cales a figura heráldica xa se representou coma unha auténtica custodia.[168][220][221]

As cruces no escudo

editar
 
Escudo do reino de Galicia no armorial Hyghalmen, séc. XV-c. 1520.

Desde o século XVI, as armas do reino de Galicia sofreron unha serie de transformacións; talvez a máis importante fose a incorporación dun número inicialmente variable, e posteriormente estandarizado, de cruces no campo do escudo. Este ornamento, análogo aos anteriores trevos, permitía igualmente completar os espazos baleiros do campo que o vertical cáliz deixaba. Con esta fin xa se empregaba nas armas inglesas desde o final do século XIII o campo sementado de cruces. No escudo galego o número de cruces variou inicialmente entre seis, sete, oito, dez e doce, pasando tamén polo campo sementado. A súa forma variou entre as pateadas, recrucetadas, recrucetadas e fixadas, recortadas… A cor delas tamén vacilou, aparecendo sobre todo de ouro, mais tamén de prata e mesmo de goles. Dado o evidente simbolismo das cruces, axudou á súa consolidación a nova significación relixiosa do cáliz. Como xa se dixo anteriormente, as representacións heráldicas con cruces e sen elas conviviron até arredor de 1580, cando o modelo crucífero se impuxo definitivamente. No último terzo do século XVI o número de cruces ficou practicamente reducido a seis, mais sen se chegar á desaparición do campo sementado.[222][223]

 
Escudo do reino de Galicia no armorial Le Blancq, c. 1560.

É posible que a representación con cruces máis antiga coñecida sexa a que aparece no armorial alemán Hyghalmen, tamén coñecido como High Almain Roll. Conservado no College of Arms, non está datado de xeito uniforme na bibliografía: 1447-1455 (Rodney Dennys), c. 1450 (Gwynn-Jones), c. 1485 ou c. 1520 (Emmanuel de Boos).[224][225] So a inscrición Rex Galicie maniféstanse as armas galegas con dez cruces pateadas. O escudo, que posúe un cáliz de ouro cuberto, destaca tamén polo seu campo de goles.

Unha das primeiras representacións en que cruces recrucetadas se engaden ao cáliz central ―igualmente en número de dez― atópase na lareira do pazo de Brugse Vrije ou Franc de Bruges (Bruxas), realizada en 1529 e onde se amosan talladas en madeira as armas dos reinos e territorios que posuía o emperador Carlos V de Habsburgo.[226] Un dos máis antigos escudos con seis cruces ―recortadas― aparece na Cosmographia de Sebastian Münster, cuxa primeira edición é do ano 1544. Esta obra foi a primeira descrición do mundo en alemán e tivo unha gran repercusión en Europa, con máis de dúas ducias de edicións en 100 anos e numerosas traducións a outras linguas.[227] Tamén en Flandres, na fachada do hotel Sint-Jorishof de Gante, cidade natal de Carlos V, áchase en pedra policromada outro co mesmo número de cruces ―pateadas neste caso―, o cal é datable no século XVI, máis concretamente, antes de 1584.[228] Pola súa banda, o sementado de cruces fixo aparición arredor da metade do século. Pódense salientar, pola súa vistosidade, a lámina do conxunto de gravados dos irmáns Jean e Lucas Doetecum que representa as exequias de Carlos V celebradas en Bruxelas en 1558, e a composición heráldica do armorial Le Blancq realizada cara a 1560. Na primeira obra os representantes do reino de Galicia amósanse coas armas no estandarte e nas galdrapas do cabalo, mentres na segunda o escudo galego posúe até 21 cruces no campo e está timbrado cun helmo de ouro coroado, cunha gran cruz recrucetada de cimeira e adornado con amplos lambrequíns de ouro e azur.[229]

Escudos do reino de Galicia con 7 cruces no século XVI.

Pouco despois da metade do século XVI, o escudo do reino de Galicia maniféstase coa disposición actual das sete cruces en dous mapas titulados Nova Descriptio Hispaniae de senllos autores flamengos. O primeiro de Hieronymus Cock foi gravado en Anveres, Flandres, no ano 1553;[230] mentres o segundo de Thomas Geminus publicouse en Londres en 1555, sendo adicado a Filipe II e María Tudor.[231] Ámbolos escudos son practicamente idénticos e compóñense, alén das sete cruces recortadas, dun cáliz cuberto que, igual cós seus contemporáneos, non remata en cruz. Estes dous mapas, que se baseaban cartograficamente nun anterior de 1551 realizado polo cosmógrafo e dominico frei Vincenzo Paletino de Curzola, tiveron os seus propios derivados na cartografía italiana. Xa que logo, o escudo galego aparece tamén en dous mapas titulados Hispaniae Descriptio, un de Vincenzo Luchini e outro de Dominicus Zenoi, publicados en Roma e Venecia nos anos 1559 e 1560 respectivamente;[232][233] así como noutro de Paulo di Forlani Veronese,[234] tamén publicado en Venecia en 1560.[235] Os brasóns destas cartas posúen iguais características cós dous anteriores de orixe flamenga, con excepción do de Forlani, que presenta unhas cruces de diferente tipo, isto é, con forma de flor de lis. Así e todo, esta fórmula crucífera semella que non tivo continuidade, de xeito que se terá que agardar até o século XVIII para poder ver de novo o escudo de Galicia co número actual de cruces.

Xa na obra Le blason des Armoiries de Hiérosme de Bara (1581) brasónase o escudo «de azur, sementado de cruces de prata recrucetadas co pé fixado, e unha copa ou cáliz cuberto de ouro», mais precisando que «algúns poñen soamente seis cruces recrucetadas e fixadas, tres a cada lado».[w][236] Pola súa banda, o Libro de blasones y escudos de armas de cara ao final do século XVI brasona o escudo galego como «campo azul cun vaso de ouro e seis cruces de encarnado»[x] malia non as representar na imaxe.[198]

A adopción no reino de Galicia

editar
 
Escudo de Galicia da antiga casa consistorial de Betanzos, c. 1540.

Aínda que se decoñece exactamente cando chegou ao reino de Galicia o escudo que en Europa lle era atribuído, considérase que debeu ser na segunda metade do século XV. Debeuno facer, ademais, antes da conformación do libro de armaría de Diego Hernández de Mendoza (c. 1497), pois, como se dixo, este armorial xa outorga ao cáliz un significado relixioso. A inmediata asociación co antigo e famoso privilexio eucarístico da catedral de Lugo fixo seguramente que a adopción das armas fose moi rápida. O primitivo significado falante foi, por conseguinte, axiña esquecido e substituído polo relixioso.[242] Así e todo, a chegada das armas non se puido producir nun único momento, senón que tivo que ser en diferentes alturas e nas súas diferentes fórmulas, o cal explicaría a aparición e convivencia inicial de varias das fórmulas.[243] Alén disto, a asociacion eucarística tamén propiciou a transformación dunhas formas noutras,[168] especialmente tras o Concilio de Trento en 1545, cando desde a Igrexa católica se procurou consolidar o culto católico e sentar o seu dogma contra do protestantismo.[244]

 
Escudo de Galicia da antiga Porta da Vila de Betanzos, c. 1549.

As primeiras representacións heráldicas de Galicia no territorio galego documéntanse contra o final da primeira metade do século XVI. A máis antiga consérvase no interior da casa do concello de Betanzos.[245] Datable na década de 1540 e procedente da antiga casa consistorial, está realizada en pedra policromada e forma conxunto coas armas imperiais de Carlos V e coas de Betanzos.[246] Está composta por unha especie de copón cuberto ou píxide, de ouro e rematado en cruz, sobre campo de azur. Aínda que o armorial de Diego Hernández de Mendoza non representaba a hostia malia si a mencionar, agora, neste caso, a hostia é marcada no centro da figura, conferíndolle deste xeito o carácter de «custodia».[247] Outro escudo cunha configuración idéntica á do betanceiro aparece nunha Real Carta Executoria de Carlos V datada no ano 1552, a cal une o xulgado de Bergantiños ao correxemento da Coruña. Este escudo ten, a maiores, a particularidade de posuír unha orla con oito cruces, ou máis ben aspas.[248] O autor do debuxo, Lope Romero, ou ben procedía da Coruña, ou ben tiña información de primeira man, pois o escudo da cidade, que tamén figura ―así como as armas imperiais―, representa a Torre de Hércules con tódolos detalles desa época.[249]

De antes de mediados do século datan tamén os escudos do reino cuxo número de cálices, cubertos, chegou até cinco, como é o caso do que se atopaba na antiga Porta da Vila de Betanzos. Aínda que este é datado por algúns autores no último terzo do século XV,[247][243][250] para Alfredo Erias está claro que foi realizado en 1549 polo canteiro Juan de Bergantiños.[246][251] Esculpido en pedra, fai conxunto coas armas reais da coroa e coas de Betanzos, conservándose na fachada dun edificio próximo á localización orixinal, pois a que era a entrada principal da cidade foi derrubada no século XIX.[252] Unha inscrición xusto embaixo dos escudos, nas mesmas pezas pétreas, informa das súas respectivas correspondencias: «As [armas] do reino e da cidade».[y][246] Este excepcional número de cálices tamén foi representado na Porta de Carlos V de Viveiro, mandada edificar en 1548. Aquí, o escudo galego, que é acompañado igualmente polos do rei e da cidade, posúe uns cálices que son moi semellantes ao do armorial Lyncenich,[253] aínda que o central é o único que remata nunha gran cruz. A disposición en sotuer de cinco figuras debeuse empregar simplemente para se adaptar ao formato rectangular dos escudos usados no espazo peninsular, de igual xeito que se facía, en número de tres, nos escudos triangulares anglofranceses.[173] No entanto, algúns autores interpretaron que simbolizaban as antigas cinco provincias galegas ―Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñedo e Ourense― ou mesmo as cinco dioceses.[254]

 
Armas na Descripcion del Reyno de Galizia do licenciado Molina, 1550.
 
Armas na bandeira galega da batalla de Lepanto, 1571.

Foi precisamente nesta época tamén cando xurdiu a fórmula que perdurou até a actualidade, isto é, o cáliz descuberto e coa hostia visible. Quen primeiro nos dá noticias sobre esta nova fórmula é o licenciado Molina en 1550 na súa Descripcion del Reyno de Galizia. Deste xeito, na obra dise que o escudo «é hostia e un cáliz» e que «as armas deste reino de Galicia son un cáliz cunha hostia dentro». Nesta metade de século xa hai exemplos nos cales se representou o cáliz coa hostia, mais combinado co acuartelado real, unha modalidade que, como se verá, foi bastante común. A primeira representación gráfica coñecida, soa no escudo, áchase labrada en pedra ―nun estado moi deteriorado― na antiga Porta do Embarcadoiro da Coruña do ano 1595. Nesta porta, mal chamada de San Miguel, a diferenza das de Betanzos e Viveiro, o escudo de Galicia é acompañado polo do gobernador-capitán xeneral do reino, Diego das Mariñas, no canto de polo da cidade. Coa relectura eucarística do cáliz, esta nova forma do símbolo galego debeu xurdir para se axustar máis axeitadamente á visión desa época, dentro do contexto de propaganda das ideas católicas e contrarreformistas que se formou co concilio tridentino.[255][256][253]

Pola súa banda, o cáliz cuberto coa hostia marcada proseguiu a súa evolución formal; así, as armas de Galicia pódense ver, xa como unha verdadeira custodia, na bandeira ―ou estandarte― que é atribuída tradicionalmente á armada galega que loitou na batalla de Lepanto en 1571,[198] habendo autores que consideran que tal estandarte simplemente pertencería a algún nobre galego que participou en dita batalla.[257] Consérvase na Real Armaría de Madrid e é de cor encarnada, orlado cunha franxa dourada e tamén encarnada. No centro, o símbolo heráldico é sostido por dous anxos.[257] Do mesmo xeito, a custodia é representada en pedra no escudo do reino realizado en 1578 que pertenceu á antiga casa consistorial de Mondoñedo e que se conserva no Museo Provincial de Lugo. Neste caso facía conxunto coas armas imperiais de Carlos V e coas do bispo de Mondoñedo.[258] Así mesmo, conforme o libro de consistorio do concello da Coruña, na data de 30 de abril de 1574, sábese que a custodia ―«que é as armas do reino»― se puña xunto coas marcas da cidade nos pesos e medidas municipais.[259]

Baltasar Porreño, alén da precisión xa sinalada anteriormente, brasona no seu Nobiliario del Reyno de Galicia, arredor de 1572, as armas do reino de Galicia tamén como unha custodia, mais xa incluíndo as seis cruces: «Ten este reino por armas unha custodia de ouro en campo de sangue con seis estrelas aos lados coa figura do Santísimo Sacramento».[z] Sen ter en conta a orla con oito aspas da carta real, Porreño é o primeiro coñecido en Galicia que fai mención ás cruces. E xa desde os primeiros momentos da chegada destas figuras ornamentais ao reino e escudo galegos tentóuselles buscar un significado. Aquí, o autor conquense explica que representaban a igrexa de Lugo e as súas cinco igrexas sufragáneas: Ourense, Astorga, Iria Flavia, Tui e Britonia, que «outros din ser Mondoñedo». Pola súa banda, o sementado non puido ter éxito ningún en Galicia, pois era moi raro na Península Ibérica.[260]

As armas de Galicia no escudo do rei

editar
 
Armas de Galicia na Casa de Filipe II en Sarandós, 1554.

Desde mediados do século XVI foi moi común que en Galicia ―igual ca noutros estados da Monarquía Católica[261] o escudo do rei levase engadidas as armas do reino en lugar preferente. Deste xeito, as armas galegas normalmente situábanse no centro do xefe, brocante, mais non era a única fórmula empregada, habendo exemplos nos cales aparecen no abismo ou enriba do propio escudo, ou aínda no seu propio cuartel ou escudete, no centro do xefe ou no centro. Destaca a disposición dun escudo real da época de Filipe V, conservado na catedral de Tui, no cal as armas galegas ocupan o cuartel central dun terzado en pau.[262][263] Algúns destes escudos levan a maiores os cuarteis reais intercambiados,[264] dando preferencia ao león, que outrora representara a coroa galego-leonesa. Tamén un dos dous leóns do escudo pode aparecer virado por cortesía heráldica, para non dar as costas ás armas de Galicia.[262]

A figura empregada como símbolo heráldico galego foi case sempre o cáliz sumado da hostia. De feito, durante os séculos XVII e XVIII esta fórmula empregouse, dado o auxe da custodia, práctica e unicamente neste tipo de escudos.[265] O cáliz cuberto semella que nunca chegou a ser usado; si a custodia de xeito ocasional,[265] como se pode ver no pendón da Coruña; tamén o viril, como se representa na esquina exterior do claustro da catedral compostelá.[266]

Un dos máis antigos escudos do rei coas armas do reino de Galicia data de 1554 e áchase na denominada Casa de Filipe II, tamén coñecida coma o Pazo de Barral, en Sarandós (Abegondo). Nela pasou a noite o futuro Filipe II cando ía de camiño á Coruña para embarcar cara a Inglaterra e casar coa súa tía, a raíña María Tudor.[267][268][269]

Só na Coruña áchanse labrados en pedra sete destes escudos: o da porta dos xardíns do Palacio de Capitanía de mediados do século XVI, procedente dun edificio derrubado; o conservado no castelo de Santo Antón do ano 1607, procedente da antiga Porta da Mestranza; os dous da mesma época có anterior no exterior da igrexa de Santiago, un na torre e o outro na ábsida; o da antiga casa da moeda de 1662; o da Porta do Parrote, ou Porta da Cruz, de 1676; e o do púlpito da mesma igrexa de Santiago de principios do século XVIII.[264][270] Máis catro pódense atopar no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela, labrados nos últimos anos do século XVI ou nos primeiros do seguinte.[267] Outros existentes en pedra son, por exemplo, os dous do convento de Santa Clara de Allariz de antes de 1640,[271] o do Real Hospital de Montouto de 1698,[272] o que está onda a casa do concello de Neda[273] ou o da casa Pillado de Verducedo (Montecubeiro, Castroverde).[274] Tallados en madeira están o da igrexa de Santiago de Betanzos ou o do órgano do evanxeo da catedral de Lugo (1701-1705).[275] E igualmente en pinturas e tapices o escudo rexio foi representado coas armas galegas.[262]

Xa en tempos máis recentes, en 1978, Bugallal y Vela propuxo que en territorio galego o rei de España, nesa altura Xoán Carlos I, levase no seu escudo, como rei de Galicia, as armas galegas no centro do xefe.[262] Após as eleccións de 2005, no contexto de reforma do Estatuto, o Partido Galeguista propuxo tamén que no escudo da casa real española se introducisen as armas de Galicia.[276]

En Europa o escudo empregado pola Monarquía Católica non debía semellar representativo dabondo das súas posesións territoriais. Isto fixo que lle fosen atribuídos diferentes escudos territoriais nos cales adoitaba aparecer representado o reino de Galicia coas súas armas. Deste xeito, na xa mencionada lareira do pazo de Bruxas de 1529 amósase tallado en madeira un escudo acuartelado coas armas dos reinos de Castela, León e Galicia, isto é, por un lado, nos cuarteis primeiro e cuarto, acuarteladas á súa vez, as armas de Castela e León; por outro, nos cuarteis segundo e terceiro as armas de Galicia. Este mesmo escudo figura tamén no armorial de Vigil Raber, do ano 1548.[226] Ademais, das diversas obras cómpre salientar a de Mainoldi Galerati do ano 1573, onde Galicia se manifesta no seu propio escudete situado no embigo do escudo real. Outra obra podería ser a Encyclopédie de Diderot e d'Alembert, así como a Encyclopédie Méthodique, ambas da segunda metade do século XVIII, onde tamén figuran as armas galegas no talvez máis «ambicioso e estrambótico» exemplo: unha ilustración didáctica cun escudo dividido en 32 cuarteis.[279]

Logo da instauración da dinastía bonapartista na figura de Xosé I Bonaparte en 1808, cando o afrancesado Juan Antonio Llorente propuxo para o rei un escudo cunha maior significación territorial, que acabou sendo aceptado, rexeitouse a intención de incluír as armas de Galicia.[280] Posteriormente, volveuse propor a súa inclusión no escudo de Afonso XIII, mais a proposición tamén foi rexeitada.[281]

Máis recentecemente, en 1978, opinábase desde o xornal El Imparcial que no escudo de España debían aparecer as armas de Galicia, así como as das Canarias, Cataluña e Estremadura.[282] E de novo para Bugallal, nos edificios públicos de Galicia e actos oficiais, o escudo de España debería levar no centro un escusón coas armas galegas.[262]

O predominio da custodia durante o barroco (séculos XVII-XVIII)

editar
 
Escudo de Galicia no mapa de Fernando Ojea, 1603.

Co Concilio de Trento, celebrado en períodos descontinuos entre 1545 e 1563, o Papado e as monarquías fieis a Roma acordaron levar a cabo unha serie de medidas encamiñadas a frear a difusión do protestantismo en Europa. Para logralo crearonse novos instrumentos de comunicación e expansión da fe católica, poñendo especial énfase na difusión da mensaxe católica a través dunha nova propaganda artística: o barroco.[283] Malia a mudanza inicial que no século XVI sofrera o símbolo galego, pasando a ser un cáliz aberto coa hostia visible, tamén se manifestara pouco despois coma unha custodia. Xa que logo, aínda que os primeiros exemplos xurdiran no século XVI, foi durante o barroco cando a custodia atinxiu o seu apoxeo e exerceu o predominio sobre as demais formas heráldicas, pois era a que máis se axustaba ao novo estilo artístico; no entanto, non deu desprazado por completo as representacións co cáliz.[284]

Contra 1603 gravouse en Anveres un dos primeiros mapas independentes de Galicia. Titulado Descripcion del Reyno de Galizia, foi realizado polo dominico galego Fernando Ojea e incluído nas seguintes edicións do considerado o primeiro atlas moderno, o Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelius. No mapa, o autor ourensán representou o escudo de Galicia como unha custodia rematada nunha pequena cruz e acompañada de seis cruces pateadas, tres a cada lado. Esta composición heráldica foi a que deu inicio á etapa barroca das armas galegas; e alén disto, tamén tivo unha grande influencia e repercusión nas representacións posteriores, converténdose no modelo a seguir durante os dous séculos seguintes. Ademais, baixo do escudo incluíuse por vez primeira a divisa latina referente ao Santísimo Sacramento: Hoc mysterivm firmiter profitemvr (este misterio firmemente profesamos). Tivo un grande éxito e foi adoito mencionada e empregada para acompañar as armas de Galicia.[285][286] A imaxe completouse con dous anxos que sosteñen o escudo e outros dous que portan un libro aberto amosando dous pentagramas coa notación musical da divisa, ámbolos pares anxelicais entre as nubes. Após a publicación do seu mapa, Fernando Ojea seguiu a traballar nel, tendo preparada, antes do seu pasamento en 1615, unha nova edición «emendada, e con moitas cousas engadidas». No ano 1635 apareceu publicada en Ámsterdam, no Atlas Novus de Joan Blaeu, unha nova versión do mapa de Ojea «emendata et aucta» (emendada e aumentada). Alén de numerosas edicións, tivo até tres variantes con diferenzas menores tituladas Gallaecia Regnum ou Gallaecia, Regnum.[287] Nestas cartas o escudo do reino presenta unha configuración moi semellante ao da primeira edición. Posúe igualmente a custodia coas seis cruces, mais agora os dous únicos anxos están colocados a ámbolos lados do escudo, como soportes, e sosteñen unha especie de reposteiro coa partitura da divisa.

 
Escudo de Galicia de Pedro Teixeira, c. 1625-1634.

A partir do século XVII, alén do minoritario campo de goles, o escudo galego tamén apareceu ocasionalmente co campo branco ou de prata. O feito de nesta altura se imprimiren as armas monocromaticamente de xeito máis habitual, producíndose gravados para seren corados posteriormente por diferentes artistas, tal como o propio mapa de Ojea, posiblemente contribuíu a que se deixase o campo branco, seguramente por se descoñecer a súa cor.[288] Un dos máis salientables exemplos amósase no atlas manuscrito das costas e portos da Península Ibérica titulado Descripçion de España y de las costas y puertos de sus reynos, o cal foi realizado polo cartógrafo portugués Pedro Teixeira, que o rematou en 1634, após visitar Galicia probablemente contra o ano 1625.[289] As armas galegas da obra, que teñen a maiores a particularidade de estaren soportadas por un querubín, seguen o modelo de Ojea e son consideradas «unha das máis fermosas e coidadas composicións do escudo de Galicia», de xeito que neste caso non semella que o descoñecemento fose o motivo para outorgar o branco á cor do campo.[290]

Canto ás cruces, o seu tipo diversificouse máis aínda e, a maiores das formas anteriores, pódense atopar potenzadas, florenciadas ou trevadas.[284][291] A súa cor seguiu a variar principalmente entre ouro e prata, aínda que o encarnado tamén continuou a aparecer. Con todo, a meirande parte dos autores ―como os galegos Pallares, Álvarez Sotelo ou Seguín― describiunas de ouro; outros, algúns franceses ―como Palliot ou Segoing―, do mesmo xeito que anteriormente fixera Hiérosme de Bara, brasonáronas de prata. Téñase en conta que o escudo do mapa de Ojea non fornece información sobre a cor das cruces, pois, malia estaren raiadas verticalmente —na primeira versión, horizontalmente na seguinte—, o sistema para a representación monocromática das cores heráldicas nas armas mediante liñas e puntos aínda non se empregaba. Nestes casos, coma no campo, a escolla dos esmaltes dependía do iluminador.[292] O propio dominico ourensán, de feito, chegou a describilas de ouro no texto que tiña composto para o reverso do seu mapa.[293]

 
Armas no Jeu d'armoiries, 1659.
Armas nos debuxos da Coruña, Camiña e Tui de Pier Maria Baldi, 1669.

Neste século XVII foi tamén cando se comezou a representar o escudo de Galicia coa cruz de Santiago acolada, unha fórmula que axiña se tornou habitual e que tivo continuidade até o século XX. Esta cruz-espada de goles, con forma de flor de lis nos brazos e de pica na empuñadura, fora orixinalmente o emblema dos cabaleiros da militar e relixiosa Orde de Santiago, e posteriormente o da propia orde. Dado o vencello existente desde antigo entre a simboloxía xacobea e o reino de Galicia, a asociación e identificación galegas coa devandita cruz foi un proceso natural, mais para se chegar ao seu acolado inicial debeu influír tamén o costume que había de ligar os diferentes reinos aos distintivos das súas ordes máis sobranceiras. O primeiro documento coñecido no cal se incorporou a cruz ao escudo data de 1659 e é o xogo de cartas de Claude-Oronce Finé de Brianville titulado Jeu d'armoiries des souverains et états d'Europe. Este xogo francés, didáctico para a aprendizaxe da heráldica, foi moi popular, tivo numerosas edicións e estendeuse polo resto de Europa, coñecéndose traducións neerlandesas,[294] alemás,[295] italianas,[296] inglesas[297] e castelás.[298] As armas de Galicia, alén de se representaren nunha das cartas, tamén se brasonan do seguinte xeito: «De azur, sementado de cruces recrucetadas co pé fixado de ouro; un cáliz, ou copa cuberta do mesmo. A cruz da orde de Santiago de Galicia».[ab] Outro dos primeiros autores que empregou este innovador elemento foi o florentino Pier Maria Baldi. No ano 1669, durante a súa viaxe por Galicia ―e o resto da Península Ibérica―, na serie de debuxos con vistas panorámicas que fixo das cidades e lugares polos que pasou, representou o escudo do reino galego cunha configuración idéntica á do xogo heráldico até tres veces: na última vista de Portugal, Caminha, e mais na primeira e última galegas, Tui e A Coruña. No entanto, na vista de Santiago de Compostela tamén o representou seguindo o modelo de Ojea, coa custodia e as seis cruces, mesmo incluíndo a partitura da divisa.[299][300]

No reino de Galicia

editar

En Galicia, a partir da publicación do mapa de Ojea, o predominio da custodia foi case absoluto e as diferentes publicacións seguiron a pauta marcada polo dominico ourensán. Ademais, dita figura heráldica foi sempre acompañada coas cruces, ausentes até esta altura nas representacións galegas.[301]

Escudos galegos en Galicia. Reino de Christo Sacramentado de Pascasio de Seguín, 1750.

Desde os primeiros momentos a cruz da custodia tendeu a atinxir un tamaño semellante ao das outras seis, equiparándose con elas. Isto permitiu outorgar ás cruces unha nova significación, interpretando que simbolizaban as agora sete provincias do reino ―Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui―, tal como fan o cóengo Pallares, na súa obra Argos Divina publicada postumamente en 1700 após finar en 1668, e o padre Álvarez Sotelo, na súa Historia general del reyno de Galicia de comezos do XVIII. Deste xeito, na primeira metade deste último século a cruz da custodia xa se representou separadamente, como se pode ver no gravado de 1734 realizado por Juan Bernabé Palomino ou na portada realizada por Troncoso para a obra Galicia. Reyno de Christo Sacramentado de Pascasio de Seguín do ano 1750.[302]

 
Armas galegas no antigo Hospital Real de Compostela, c. 1678.

Canto ao cáliz sumado da hostia, sen ter en conta o seu xa dito uso combinado coas armas reais, só fixo aparición en moi contadas ocasións. No século XVII, arredor de 1678,[303] labrouse en pedra na fachada do antigo Hospital Real de Santiago de Compostela.[304] Neste caso, as armas galegas represéntanse radiantes nun escudo redondo e orlado cunha guarnición vexetal, que se sitúa no centro do lintel dunha das portas da balconada, sobre unha cartela sostida por dous anxos recostados.[305] No XVIII, mais xa no ano 1765, o cáliz coa hostia maniféstase no diploma de académico dunha das primeiras institucións ilustradas da coroa de España: a Real Academia de Agricultura do Reino de Galicia.[306] Acompañado das cruces ―seis de ouro―, sábese que foi representado ―en campo azur― nas exequias da raíña María Luísa de Borbón celebradas na catedral de Santiago de Compostela no ano 1689.[307] Xa coas sete cruces, aparece varias veces tamén na devandita obra de Pascasio de Seguín de 1750.

Pola súa banda, o uso do cáliz cuberto foi na Galicia desta época totalmente excepcional, coñecéndose unicamente o exemplar en pedra da fachada do Palacio de Capitanía da Coruña,[210] o cal data de mediados do século XVIII e é considerado un dos primeiros escudos de Galicia nun edificio público.[308] Neste século as armas galegas tamén se representaron como un viril, forma que xa se vira nos escudos do rei. Álvarez Sotelo menciona na súa obra que o escudo do frontispicio da casa consistorial de Compostela posuía un viril[309] e máis serodiamente aparece no centro do frontispicio do antigo Arquivo do Reino de Galicia de Betanzos, construído entre 1763 e 1766/69/75,[310][311] e na bóveda do refectorio da galería sur do mosteiro de Oia, datado en 1784.[312][313] O betanceiro áchase dentro dunha cuncha e estaba timbrado cunha coroa tirada na Primeira República Española (1873-1874),[311] en canto o oiense é policromado e ten xa as sete cruces, a sétima na punta, amosando o campo azul e as cruces vermellas.[314]

Das representacións galegas desta etapa cómpre sinalar diferentes aspectos. Igual ca no Arco Triunfal de Maximiliano I hai pouco menos dun século e medio atrás, nas dúas edicións da obra de Felipe da Gándara o escudo de Galicia timbrouse coa coroa imperial.[315] Con respecto á divisa, na primeira metade do século XVIII, como se pode ver nas xa mencionadas publicacións de 1734 e 1750, acabou mutando en In hoc misterivm fidei firmiter profitemvr.[316] Con diferentes variacións seguiu a aparecer de xeito intermitente até o século XX e ás veces foi incorporada ao propio escudo como orla.[317] Pola súa vez, a cruz de Santiago maniféstouse por vez primeira na obra de Seguín e con aparicións descontinuas continou tamén até o século XX.[318]

Na Península Ibérica

editar

Concretamente na Península Ibérica a representación do símbolo heráldico galego como un cáliz cuberto semella que foi moito máis habitual. Tamén se pode apreciar como o pintado do campo de goles e de prata foi relativamente algo máis común ca noutros lugares. A diferenza do que se verá no resto de Europa, aquí os cálices cubertos van normalmente acompañados das seis cruces, pois lémbrese que o sementado practicamente non existía no espazo peninsular. No entanto, na destacada obra Ciencia Heroyca de Joseph de Avilés, publicada en 1725, as armas galegas aparecen conforme o modelo francés, pois son representadas cun campo sementado de cruces.[302] Cómpre salientar tamén o escudo de Galicia do Salón de Reinos do antigo Palacio do Bo Retiro de Madrid, construído entre 1630 e 1635, no cal o cáliz cuberto sobre campo de goles está acompañado de oito cruces, tres a cada lado, unha no xefe e outra na punta.[319] Tamén en Madrid se pode atopar labrado en pedra coas normais seis cruces, mais co cáliz soportado por un querubín, nunha das fachadas do antigo Real Hospicio de San Fernando,[320] edificado entre 1721 e 1726.

En Europa

editar

Coa publicación do mapa de Ojea, a custodia como armas do reino de Galicia estendeuse moi rápido por Europa e competiu co máis tradicional cáliz cuberto, que perdurou especialmente en Francia.[302] Nesta época a aparición do escudo de Galicia tivo lugar en numerosas obras impresas, fundamentalmente de carácter cartográfico e en menor medida heráldico. No que respecta ás cruces, a súa disposición mantívose entre as seis e o campo sementado. Aínda que con algunha excepción, pódese apreciar que a custodia foi normalmente acompañada polas seis cruces mentres o cáliz cuberto colocouse sobre o campo sementado. Nalgúns casos, as cruces do sementado chegaron a atinxir tal tamaño que só catro delas se amosan completas no campo.[321] Curiosamente, cun número exacto de catro foi representado o escudo galego nalgúns mapas publicados en Ámsterdam, como o do alemán Petrus Schenk do ano 1706 e outro anterior.

As armas na bandeira naval de Galicia

editar
 
Bandeira galega, 1711.

Durante o século XVIII e até o segundo terzo do XIX as armas galegas representáronse no pavillón naval de Galicia, o cal aparecía de xeito habitual nos catálogos das bandeiras marítimas do mundo. Este pavillón era sempre branco coas armas do reino, que presentaban unha especie de cáliz de ouro cuberto sen remate crucífero e acompañado con 6 cruces normalmente encarnadas. Os exemplos máis temperáns pódense ver na táboa de Petrus Schenk Schouw-park aller Scheeps-Vlaggen des geheelen Water-Waerelds do ano 1711[322] ou na obra Les pavillons ou banniéres que la plûpart des nations arborent en mer de 1718,[323] ambas publicadas en Ámsterdam. Outras obras nas cales tamén se manifestan son a Encyclopédie de Diderot e d'Alembert e a Encyclopédie Méthodique. Xa no seguinte século, pódese salientar un raro lenzo de algodón coas bandeiras navais do mundo onde a galega tamén aparece. Atopado en Londres, foi probablemente elaborado para o mercado estadounidense e é datado contra 1840.[324] Unha das últimas publicacións na cal se rexistra o pavillón de Galicia debeu ser Vlaggen van alle Natien de Steenbergen, xa do ano 1862.[325] É posible que este deseño da bandeira galega se remonte a 1647, cando Filipe IV estabeleceu que a bandeira da división da armada de Galicia fose branca «coas armas dese reino».[326]

Recuperación do cáliz (séculos XVIII-XX)

editar
 
Escudo no Diario de Santiago, 1808.

Coa superación das ideas barrocas e contrarreformistas, no século XVIII imponse a Ilustración. Con ela, o escudo do reino de Galicia comeza a recuperar a súa forma renacentista, así como a restitución do cáliz no canto do relicario. Así e todo, até a segunda metade do século XX mantívose o emprego da custodia, de xeito que durante toda esta etapa das armas galegas houbo un uso indistinto do cáliz coa hostia, o cáliz cuberto e a custodia, sendo considerada como unha época caótica polos diferentes historiadores, especialmente o século XIX.[318][307]

Escudos nos selos da Xunta Suprema do reino de Galicia, 1808.

Precisamente neste século produciuse en Galicia a introdución serodia do campo sementado de cruces. Isto poderíase explicar talvez por mor da influencia das xa vistas obras peninsulares que imitaban as pautas francesas, ou tamén debido á perda de importancia das sete provincias, primeiramente, por causa da creación da intendencia única galega en 1785 e, posteriormente, por causa do estabelecemento das catro provincias após a división territorial de España en 1833 que abolía o antigo reino de Galicia.[302] Por outra banda, o emprego de cruces en número de seis tornouse durante un tempo máis habitual.[327] Canto á súa cor, non é posible determinar se foi máis frecuente o ouro ou a prata.[307]

 
Escudo no estan­darte do Rexemento de Alarma do reino de Galicia, 1808.

A inestabilidade formal da época pódese apreciar, por exemplo, nos dous selos empregados pola Xunta Suprema do Reino de Galicia, constituída en 1808 no marco da guerra contra o francés. Malia os dous teren un escudo coas sete cruces, nun aparece a custodia e no outro o viril, amosando ademais este último unha bordadura coa divisa. Ao mesmo tempo, o Diario de Santiago, un dos primeiros xornais galegos, nado por iniciativa da propia Xunta Suprema para informar sobre a guerra contra o exército invasor de Napoleón, facía uso na cabeceira dun simple escudo conformado unicamente polo cáliz sumado da hostia.[328] Un ano despois a Xunta Superior de Galicia empregaba no seu selo un escudo composto polo cáliz cuberto en campo sementado e coa cruz de Santiago acolada.[329] Alén disto, poucos anos despois, en 1823, mesmo se chegou a recuperar en Betanzos o escudo con cinco cálices cubertos, o cal foi pintado co campo de azur na fachada do concello polos absolutistas betanceiros após a chegada das tropas do duque de Angulema no que era o final do trienio liberal.[330]

Fóra de Galicia, en Europa, a aparición do escudo de Galicia reduciuse amplamente. No entanto, dada a significativa emigración galega que partiu cara a América a partir do século XIX, especialmente desde as tres últimas décadas dese século, as armas de Galicia comezaron a se manifestar nas diferentes institucións e obras galegas que se crearon no Novo Mundo. Un dos máis antigos escudos pódese ver na bandeira do Terzo de Galicia, un batallón de voluntarios galegos para a defensa de Bos Aires contra as invasións británicas, que data de 1806. O escudo amosa sobre fondo azur un viril acompañado das sete cruces.[331] Como sociedade galega en América pódese salientar o importante Centro Galego da Habana, constituído en 1879, o cal adoptou as armas de Galicia no seu propio escudo. Está conformado polo cáliz cuberto acompañado das sete cruces e orlado pola divisa. Cómpre sinalar que foi especialmente habitual o acolado da cruz de Santiago por parte das institucións galegas do outro lado do Atlántico.[332]

 
Escudo do Centro Galego da Habana.

Unha das últimas novidades no escudo galego foi a incorporación da coroa mural como timbre desde o último cuarto do século XIX. Esta coroa, con orixe na heráldica napoleónica, facía orixinalmente referencia ás vilas e cidades, outrora amuralladas. Aínda que nun primeiro momento indicaba o carácter cívico do escudo, posteriormente empregouse para outorgar o carácter republicano ás armas de Galicia.[333][334] De feito, en tempos da República tamén foi habitual representar o escudo sen timbrar ou con diferentes enfeites que substituísen a coroa. O inicio desta moda tivo lugar en 1868 co aumento do republicanismo e foi especialmente seguida polas institucións galegas de América.[335] Posiblemente o primeiro escudo de Galicia en amosar unha coroa mural fose o xa referido escudo do Centro Galego da Habana.[333]

Igual có pioneiro Diario de Santiago, aos poucos foron saíndo do prelo multitude de xornais e revistas que amosan na portada ou cabeceira as armas de Galicia. Excepcionalmente, sobre todo nalgunhas das máis ornamentais, as cruces son substituídas por estrelas, vieiras, escudos ou outros símbolos. Entre outros, pódense citar, aínda que xa no século XX, Galicia de Madrid onde o cáliz coa hostia está arrodeado polos escudos das sete provincias, así como a revista da Asociación de Contables de Galicia, con sede en Vigo, na cal se representan seis vieiras no canto das cruces.[336]

Tamén dous destacados persoeiros como Manuel Murguía e Bernardo Barreiro empregaron na segunda metade do século XIX diferente figura heráldica nas súas publicacións. Murguía, nas súas obras Historia de Galicia (1865) e Galicia (1888), fixo uso do cáliz cuberto sobre sementado de cruces; Barreiro, en Efemérides de Galicia (1877) e na revista Galicia Diplomática (1882-1893), decidiuse pola custodia acompañada das seis cruces.[337]

Na procura das «verdadeiras» armas de Galicia

editar

As diferentes variantes formais do escudo de Galicia provocaron o debate, as máis das veces acalorado, por parte dos autores galegos, que tentaron discernir cales eran as «verdadeiras» ou «auténticas» armas de Galicia, mais sen chegaren a comprender que heraldicamente este tipo de variacións son irrelevantes canto ao significado, estando a se representar unhas mesmas armas. Dous dos primeiros que trataron de esclarecer o asunto foron os propios Manuel Murguía e Bernardo Barreiro, como se pode ver nos seus respectivos traballos «Armas y bandera de Galicia» (Galicia. Revista Regional nº 1, 1887[338]) e «Insignias y blasones de Galicia» (Biblioteca Histórica de Galicia, 1888). Este fenómeno proviña, en realidade, xa desde os comezos do século XVIII, cando o padre Álvarez Sotelo na súa obra defendía acendidamente a custodia fronte ás demais figuras heráldicas, chegando a describir as armas para que «non poidan errar os ignorantes e desculpa ningunha teñan os maliciosos».[339]

Escudos de Galicia que atinxiron certa tradición no 1.º cuarto do século XX.

Logo da creación da Real Academia Galega en 1906, a institución científica empregou na cabeceira do número 3 do seu Boletín, publicado o 3 de xullo dese mesmo ano, un escudo de Galicia conformado por unha custodia e seis cruces, tres a cada lado, amosando unha bordadura coa divisa In hoc misterium fidei firmiter profitemur. Como adición orixinal, a composición sitúase sobre unha cartela, de posible orixe barcelonesa, cunha aguia ou dragón pousado no seu lado esquerdo e unhas follas sobresaíndo polo lado dereito e a parte inferior. Estas armas aparecen, tamén en 1906, na reedición da referida Historia de Galicia, impresa por Uxío Carré, así como nun cartón postal da Liga Gallega na Cruña,[340] datado tamén contra ese ano. Posteriormente foron empregadas en diferentes obras impresas,[341][342] incluído o último tomo da Historia de Murguía (1913). Do mesmo xeito, coa mesma cartela, mais representando o cáliz sumado da hostia e as sete cruces, fíxose uso igualmente en diferentes obras,[343][344] e aínda na Geografía General del Reino de Galicia (1928).[345]

Entre 1918 e 1922 o historiador César Vaamonde Lores publicou un detallado estudo onde, alén de analizar pormenorizadamente as diferentes características dun «notable» escudo da Coruña, o cal fora descuberto polo propio autor había algúns anos, trataba tamén as armas galegas. Isto debeuse a que dito escudo, labrado en pedra e procedente das antigas casas consistoriais coruñesas, ten a particularidade de incluír na súa parte superior as armas de Galicia, isto é, o cáliz sumado da hostia. No entanto, Vaamonde Lores, alén de se centrar practicamente só nos escudos coruñeses coas armas galegas, rexeitou ademais aqueles cunha disposición diferente á do devandito escudo. Esta metodoloxía levouno a defender o cáliz coa hostia como as «únicas, verdadeiras e lexítimas» armas de Galicia, desbotando incondicionalmente o resto de fórmulas, incluíndo calquera modelo coas cruces. Con todo, aínda prescindindo das consagradas cruces, o coñecido estudo de Vaamonde Lores tería sen dúbida un grande impacto na estabilización formal ao reforzar o uso do cáliz coa hostia.[339]

 
O escusón de Galicia en Madrid.

No primeiro terzo do século XX, a significación relixiosa do símbolo heráldico de Galicia non estaba ben vista por algúns autores. Por iso, especialmente Alfonso Rodríguez Castelao, entre outros, representaron o cáliz sen a hostia, tal como se pode ver na portada da revista Nós desde 1922,[346] no selo da Irmandade Nazonalista Galega,[347] no Decálogo do nacionalismo galego[348] ou no xornal Galicia. Diario de Vigo.[349] Tamén no selo do Seminario de Estudos Galegos[350] ou no tomo 2 do Diccionario galego-castelán de Leandro Carré, publicado en 1931,[351] onde as cruces son ademais substituídas por estrelas. Outro persoeiro que evitou a hostia foi o arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo, quen durante a construción do antigo Palacio de Comunicacións de Madrid ―hoxe denominado Palacio de Cibeles―, inaugurado o ano 1919, fixo esculpir no escudo de España da fachada un escusón coas armas de Galicia. Segundo contou Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz-Andrade, foi este quen suxeriu incluír ese detalle nunha visita que fixo ao taller.[ac] Igualmente, no interior do Teatro García Barbón de Vigo, proxectado tamén por Antonio Palacios e inaugurado en 1927, o escusón de Galicia volve aparecer no escudo de España sen a hostia.[353] Posteriormente, Castelao iría máis aló, chegando a crear un novo escudo galego.

 
O graal do Cebreiro.

Por outra banda, desde os comezos do século XX tamén se produciu unha reinterpretación simbólica do cáliz coa hostia, identificándoo co cáliz do Cebreiro, graal que se acha no santuario de Santa María a Real, no concello de Pedrafita do Cebreiro. O primeiro autor que vencellou as armas galegas á lenda cebreirega foi Víctor Said de Armesto, e axiña seguiron a nova corrente importantes persoeiros galegos como Xoaquín Arias Sanjurjo, Antón Vilar Ponte, Ramón Cabanillas ou Vicente Risco. Coñecido como o cáliz románico ou milagreiro, reflectiuse claramente nalgunhas das representacións da época e finalmente acabaríase manifestando na propia Lei de símbolos de Galicia.[316]

O salientable e prestixioso artista Camilo Díaz Baliño foi un dos que representou con clareza nalgúns dos seus traballos o cáliz do Cebreiro. Como un dos autores máis preocupados polo escudo de Galicia, as súas representacións destacaron pola súa gran calidade gráfica, mais tamén pola posición da sétima cruz, a cal era situada na punta do escudo. A súa preferencia incondicional por esta disposición é difícil de esclarecer, aínda cando non foi o único nin sequera o primeiro que colocou esa cruz na punta. En ocasións, Camilo Díaz tamén acolou ao escudo a cruz de Santiago. Os seus deseños ilustraron diferentes publicacións e carteis da época.[354][355]

 
Portada de Camilo Díaz para o Estatuto de Galicia, 1932.

Durante o proceso de elaboración e aprobación en referendo do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, levado a cabo desde 1931, empregáronse diferentes modelos de escudo, de xeito que a inestabilidade formal continuaba a se manifestar. Por unha banda, a Asemblea de Concellos de Galicia, na cal as corporacións municipais galegas, alén de diversas entidades do país, participaron para redactar e aprobar o proxecto de Estatuto, fixo uso dun escudo coa cruz de Santiago acolada, timbrado cunha coroa mural e composto por unha custodia e sete cruces, tres a cada lado e a última no xefe. Este escudo foi tamén incluído na portada dalgunhas das diferentes publicacións estatutarias, como algún anteproxecto e o proxecto final, do ano 1932. A Asemblea empregaba ademais no seu selo outro escudo practicamente idéntico mais sen a cruz de Santiago. Por outra banda, o Comité Central de Autonomía de Galicia, constituído o 8 de xaneiro de 1933, após a aprobación da Asemblea, tiña como armas un escudo timbrado tamén cunha coroa mural mais composto por un cáliz coa hostia e sete cruces, a última na punta. Deste escudo existen dúas versións: unha de Castelao e outra de Camilo Díaz. Deste xeito, na acta de escrutinio do referendo, con data do 5 de xullo de 1936, aparecen tanto o da Asemblea de Municipios como o do Comité Central. Alén disto, cómpre advertir que nin o propio Estatuto nin os seus respectivos anteproxectos chegaron a tratar o escudo de Galicia.[356]

Após a guerra civil española, o 15 de novembro de 1944 constituíuse en Montevideo o Consello de Galiza, o goberno galego no exilio que se lexitimaba no plebiscitado Estatuto de autonomía. Coa sede situada en realidade en Bos Aires, ocupou a presidencia o propio promotor: Castelao. En 1946 a colectividade de Bos Aires, por iniciativa das delegacións de Chile, Mendoza, Rosario e Montevideo, entregaron a Castelao unha bandeira de Galicia que foi declarada a insignia oficial do Consello. Feita en seda, ten o escudo de Galicia bordado en ouro e prata, aínda cando a incorporación das armas non era daquela o máis habitual. A súa inclusión debeuse á evidente vontade institucional de crear unha imaxe simbólica. O escudo amosa en campo de azur unha custodia de ouro acompañada de sete cruces tamén de ouro, tres a cada lado e unha na punta. Dita composición sitúase sobre unha cartela de prata que posúe unha bordadura coa divisa (In hoc misterium fidei firmiter profitemur). Como timbre ten unha coroa mural tamén de prata. Ademais, tal como o escudo empregado pola Real Academia Galega en 1906, no lado esquerdo da cartela presenta acaroado unha aguia[357] ou o dragón[358] suevo,[359] mentres no dereito e na parte inferior sobresaen unhas follas.[357][360][361] Como escudo do Consello de Galiza pódese ver, por exemplo, nos seus manifestos,[362][363] así como no seu Boletín Oficial Informativo, publicado entre 1963 e 1967. Tamén aparece en diferentes obras publicadas en Bos Aires.[364][365] Así e todo, non foi o único empregado polo Consello, pois tamén fixo uso destoutro moito máis sinxelo: un escudo sen coroa que ten simplemente o cáliz coa hostia e as sete cruces, a última no xefe.[366]

Cara ao final do terceiro cuarto do século XX non era raro o emprego do modelo de escudo sen cruces defendido por Vaamonde Lores. Deste xeito, o escudo composto unicamente polo cáliz coa hostia aparece, entre outros, na portada do libro Galicia. Estructura y ritmo socioeconómicos de Antonio Taboada Arceo, publicado en 1971; no boletín de exposicións Expo-Galicia da Sociedade Filatélica da Coruña, do ano 1974; no mapa de Galicia editado polas caixas de aforros galegas en 1976 e nos impresos do Congreso Mundial da Emigración Galega celebrado en Vigo en xuño do mesmo ano.[367] Este tipo de escudo foi tamén un dos empregados pola Real Academia Galega. No entanto, tras unha proposición de Francisco Vales Villamarín en maio de 1972, dita institución encargou a Fermín Bouza-Brey, Xosé Trapero Pardo, Dalmiro da Válgoma e José Santiago Crespo Pozo a elaboración dun relatorio sobre o inestable escudo galego. Finalmente, na sesión plenaria do 17 de decembro dese mesmo ano ficaron fixadas as armas de Galicia.[368]

O Pleno, despóis dunha moi detida deliberación respeito do particular, adoptóu o acordo de aceptar por armas do noso antigo reino, por estimar ser as verdadeiras, as que se describen a continuación:

De azul, cálice de ouro somado de hostia de prata e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado, en pala, e unha no meio do xefe. Ao timbre, coroa real.[369]

Propostas alternativas desde o século XX

editar

A partir do século XX fixéronse algunhas diferentes propostas para a substitución do escudo de Galicia por unhas novas armas. Estas propostas pasaron totalmente desapercibidas, coa excepción do escudo deseñado por Castelao, que conseguiu ter unha certa difusión.

  • En 1913 sábese, polo secretario da Casa de Galicia de Madrid, que se estaba a empregar un moderno escudo de Galicia composto por unha esfera xeográfica que facía referencia ao descubrimento de América polo «pontevedrés Cristovo Colón». Isto motivou a consulta á Real Academia Galega, a cal rexeitou completamente ditas armas.[370]
  • O independentista Fuco Gómez, na súa obra Naciones Ibéricas do ano 1931, creou un novo escudo, alén dunha bandeira, para a súa adopción pola República Galega. Trátase dun escudo cortado: na primeira partición, unha barca de pesca no centro do mar dirixíndose cara ao horizonte, e no ceo un sol á esquerda e unha lúa crecente á dereita; na segunda, terzado en pau: no cuartel central, sobre chan cuadriculado, unha bigornia e, arrimado a esta pola parte posterior e co cabo cara a riba, un martelo; nos flancos, un campo con dous outeiros entre os que se ergue un piñeiro novo, coa copa brocante sobre a primeira partición. O escudo leva acolado un facho aceso con cinco chamas onduladas, así como un ramo de oliveira no seu lado esquerdo e un ramo de loureiro no seu lado dereito, atados cunha fita no extremo inferior do facho.[371]
 
Escudo de Castelao na fachada da Sociedade Cultural de Reboreda.
O escudo tradicional debe trocarse por outro. Seríamos parvos se creésemos que pode subsistir despois da guerra o escudo tradicional de Galiza co seu emblema eucarístico, pois aínda que lle atribuísemos unha altísima significación poética, identificándoo co Santo Graal, non sería respeitado polos sobreviventes galegos despois do sacrílego proceder da Eirexa católica no noso país. Acatemos, pois, a realidade e criemos o novo escudo.
Tras realizar algunhas probas, como cruzar unha fouce cunha áncora ou un peixe cunha espiga, así como combinar unha vieira cunha estrela, finalmente optou por unha fouce de oro e unha estrela encarnada sobre fondo de azur, «como emblemas do Traballo e da Liberdade». Incorporou ademais ao escudo unha bordadura coa divisa Denantes mortos que escravos, para expresar «o martirio de Galiza». Como soporte dispuxo unha serea, tomada da heráldica dos Mariño, de xeito que fose o «símbolo mariño que fale do engado atlántico, orixe das nosas aventuras».[372][373]
O escudo proposto por Castelao atinxiu un certo éxito, podéndose ver labrado en pedra,[374][375] en bandeiras,[376][377] en tatuaxes[378] e en diferentes obras[379][380][381][382] e publicacións,[383][384][385] así como noutros deseños inspirados e adaptados que homenaxean o orixinal.[386][387][388] Alén disto, a serea, xunto co escudo de Galicia, conforman o logotipo dun organismo oficial como é o Consello da Cultura Galega.[389] Tamén forma parte do escudo da selección de fútbol gaélico de Galicia.[390]
  • En 1978, José-Maria Monterroso Devesa-Juega, baixo o pseudónimo de Sei-que-si e concordando coa opinión de Castelao sobre o simbolismo relixioso das armas, deu a coñecer nas páxinas de Galicia Socialista. Voceiro do Partido Socialista Galego un novo escudo «tradicional e revolucionario á vez» que ideara no outono de 1976 e que, a diferenza do de Castelao, representaría tódolos galegos independentemente da súa ideoloxía. Este escudo ten forma redonda e componse dun dolmen como figura principal, arrodeado de sete vieiras, arrodeadas á súa vez da divisa Deus Fratresque Galleciae. O dolmen representaría «a antigüidade e o cerne granítico da Terra, a comunidade precéltica dos pobos extremo-atlánticos, e, por fin, o mundo labrego», mentres as cunchas representarían as antigas sete provincias, as peregrinacións a Compostela e o mundo mariñeiro. A divisa como símbolo das revoltas irmandiñas aludiría, por conseguinte, á revolución, mais tamén ao mundo latino ao cal pertence Galicia, entre outros motivos por mor da súa lingua galega. O autor non descarta combinar a súa proposta coa de Castelao, facendo o escudo oval e incorporando a serea como soporte, e mesmo substituíndo un lema polo outro.[368][391]
  • Xa no século XXI, José Manuel Barbosa fixo outra proposta na súa obra Bandeiras da Galiza do ano 2006. Trátase dun escudo acuartelado: na primeira partición, sobre fondo de azur, o cáliz sumado da hostia e acompañado das sete cruces, tres a cada lado e unha enriba; na segunda, sobre fondo de prata, unha cruz de goles; na terceira, sobre fondo de prata, o león púrpura; e na cuarta, sobre fondo de sinople, a cruz da Orde de Cristo ou cruz de Portugal. Como timbre, un carballo galego. Como soportes, o león encarnado e o dragón verde rampantes. Embaixo do escudo, unha fita amosa o lema: Gallaecia Lux et Libertas. Ditas armas representan as diferentes simboloxías históricas de Galicia, isto é, nos cuarteis faise referencia á Galicia compostelá, á Galicia altomedieval ―coa primeira imaxe vexilolóxica de Ramiro I―, á Galicia imperial e ao vencello con Portugal, mentres nos soportes ao reino suevo. Á súa vez, o carballo alude «à força e ao enraizamento dos galegos à sua Terra e à sua Língua».[392]

O escudo desde 1978

editar
 
Escudo oficial de Galicia, 1978-1984.

Após a constitución da Xunta de Galicia preautonómica mediante o Real Decreto-Lei 7/1978 e o Real Decreto 474/1978, aprobados o 16 de marzo de 1978,[393][394] o goberno galego que presidía Antonio Rosón publicou o 1 de decembro o primeiro número ―o número 0― do Boletín Oficial da Xunta de Galicia, no cal se estabelecía por fin o primeiro escudo oficial de Galicia.[395] Foi publicado, polo tanto, días antes da ratificación da Constitución española de 1978 polo referendo celebrado o 6 de decembro, que supuña o recoñecemento das comunidades autónomas e do seu dereito a regular os seus propios símbolos.[396]

No ano 1981 aprobouse o novo Estatuto de autonomía de Galicia; porén, non incidiría nas armas e simplemente lembraría que «Galicia ten himno e escudo de seu».[397] Como en realidade non se ditara disposición normativa ningunha que legalizase o escudo, malia si estar oficializado, en 1983 comezouse a considerar a súa sanción legal após unha Proposición non de Lei sobre a bandeira galega presentada por Camilo Nogueira no Parlamento de Galicia o 5 de abril. Segundo o propio Nogueira, inicialmente a proposta fora só sobre a bandeira porque consideraba que podía non haber consenso sobre o escudo. Posteriormente, o 30 de decembro foi aprobado polo Consello da Xunta o Proxecto de lei de símbolos de Galicia, que tiña como obxectivo, alén de «lle dar carácter oficial á letra e á música do himno», «fixar definitivamente a composición do escudo». O 9 de febreiro do ano seguinte entrou no Rexistro Xeral do Parlamento galego.[398]

Propostas do escudo no Proxecto de Lei.

José Antonio García Cotarelo, nalquel entón secretario xeral técnico da primeira Xunta de Galicia autonómica, presidida por Xerardo Fernández Albor, encargou o deseño dun novo escudo oficial de Galicia a Luís Prego Carregal, quen xa levaba realizando un traballo de documentación persoal sobre as armas galegas desde o ano 1968. Prego tomou a decisión de representar o cáliz do Cebreiro, do cal se chegaron a facer detallados debuxos para a elaboración do modelo oficial.[399] Este foi aceptado e o 7 de marzo acordouse a tramitación do Proxecto de Lei e a súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia dous días despois.[400] O Proxecto pasou á Comisión Institucional, que designou como membros do relatorio a Tomás Pérez Vidal, Antonio Olives Quintás, Ramón Piñeiro, José María Pardo Montero e Camilo Nogueira, coa asistencia do letrado Baldomero Cores Trasmonte. Após o período de emendas,[401] o informe final redactado polo relatorio foi publicado no boletín oficial parlamentario o 11 de maio.[402] Deste xeito, dito boletín xa comezou a empregar o novo escudo a partir do número seguinte;[403] no entanto, sería o 29 de maio cando o Parlamento de Galicia finalmente aprobaría a Lei de Símbolos.[404] Aínda o 18 de abril do ano seguinte, co Decreto 73/1985, estabeleceuse a especificación técnica oficial das cores do escudo.[405]

Dúas versións do escudo de Galicia en Wikimedia Commons.

Observando as diferenzas entre o modelo proposto inicial do escudo, o das emendas e o final, pódese apreciar que se debeu debater polo miúdo unha serie de diferentes aspectos heraldicamente triviais, como a posición exacta da hostia e da coroa, tentando precisar se tiñan que ir sumadas ou superadas, isto é, apegadas ou separadas con respecto ao cáliz e ao escudo. Malia isto, os persoeiros todos opinaron positivamente do resultado final. Camilo Nogueira, que prefería un escudo «máis laico», salientou que aquel era «un momento histórico da recuperación da personalidade nacional de Galicia». Con respecto á laicidade, Antonio Olives Quintás fixo referencia ao «sentido polisémico dalgúns elementos do escudo», explicando que o cáliz «está dentro da tradición do caldeiro e de fórmulas precristiás» e que as cruces son a «expresión das sete provincias».[406] Por outra banda, toda a documentación de Luís Prego foi entregada para a súa conservación; porén, acabou sendo destruída nos anos 90.[399]

Eduardo Pardo de Guevara, vicepresidente e asesor da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e académico de número da Académie internationale d'héraldique,[407] ten criticado en diferentes ocasións o actual deseño oficial do escudo galego. Na súa opinión, «máis que lamentábel resulta a pobreza e mal gusto do “modelo oficial”». Máis concretamente, por unha banda, o deseño seméllalle demasiado sinxelo, máis propio dun logotipo ca dun escudo heráldico; por outra, considera totalmente innecesaria a longa descrición da coroa, así como a propia especificación técnica das cores. O especialista explica que os emblemas heráldicos non teñen un modelo ríxido, senón que a súa representación depende do artista. Por conseguinte, na súa propia versión das armas de Galicia debuxa un cáliz máis adaptado á arte heráldica, así como unha coroa de maiores proporcións.[408][409]

Uso institucional

editar
 
Escudo logotipado da Xunta de Galicia, creado por Alberte Permuy en 2002.[410]

Conforme a Lei de símbolos, o escudo de Galicia deberá figurar:

  1. Na bandeira de Galicia, que se usará en tódolos edificios públicos do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, e nos actos oficiais que nela se celebren.
  2. Nas Leis de Galicia que promulgue, en nome de El-Rei, o Presidente da Xunta.
  3. Nas placas nas fachadas dos locais da Administración Autonómica.
  4. Nos cuños en seco e de lacre da Comunidade Autónoma.
  5. Nos títulos acreditativos de condecoracións galegas.
  6. Nas publicacións oficiais.
  7. Nos documentos, impresos, cuños e cabeceiras de uso oficial da Comunidade.
  8. Nos diplomas e títulos expedidos pola Comunidade Autónoma.
  9. Nos distintivos usados polas autoridades ou funcionarios da Comunidade ós que lles corresponda.
  10. Nos edificios públicos e nos obxectos de uso oficial nos que, polo seu carácter representativo, sexa pertinente.
  1. A cruz de Churío foi datada tamén na época sueva (século VI). A advocación parroquial a San Martiño apoia a hipótese.[4] O propio topónimo Churío é un posible antropónimo xermánico.[5][6]
  2. Isidoro de Sevilla segue sempre a crónica de Hidacio para informar sobre a primeira etapa do reino suevo e fóra dela non é quen de achegar nova información.[15]
  3. No reino suevo de Galicia cuñáronse ―imitando os modelos romanossólidos, siliquas e tremissis. Agás nos sólidos, o reverso das moedas é ocupado por unha cruz central, latina ou grega, que é arrodeada por unha coroa de loureiro, a cal foi perdendo aos poucos a súa forma vexetal lanceolada. Os tremissis foron os máis comúns e divídense en dous tipos: o romano e o nacional suevo. Neste último a coroa ten forma de lemniscata.[16][17][18]
  4. Polo menos desde o reinado de Fernando I de Portugal (1367-1383) foi empregado un dragón ou serpe alada como cimeira das armas reais. Posteriormente, após unha gran difusión, este animal chegou a se manifestar como soportes e mesmo a se converter en fera emblemática portuguesa.[27]
  5. Tradución ao galego do orixinal: De aquí tubo prinçipio y se originó borrar el dragón berde y león roxo (armas de los Reys suevos que al tiempo tenían en este Reyno su Corte) y trasladar al dorado campo del escudo de sus armas la ostia, no dentro de basso sacramental, oculta (como mal pensaron historiadores modernos), si sobre el cáliz o de manifiesto en su custodia….
  6. Considerado o pai do nacionalismo galés desde o século XIX, a bandeira coas súas armas é empregada polo Eisteddfod nacional de Gales así como por grupos nacionalistas.
  7. O conde Ponce de Cabreira, mordomo do rei, no Privilegium Imperatoris de 1148 xa porta tamén un escudo coas súas armas falantes ―a cabra― en posición case rampante.[80][α]
  8. As cadeiras de tipo curul con cabezas e poutas de león aparecen adoito asociadas aos reis francos[γ][δ] e xermanos.[ε]
  9. A flor de lis e maila aguia foron empregadas polos reis francos[δ] e xermanos[ε][η] cun certo significado simbólico antes de se acabaren tornando nas armas reais.[90][91]
  10. Desde 1143 a roda xa era empregada na documentación real do novo reino de Portugal. Nese ano, coa súa aceptación internacional, comezouse a usar na súa diplomática o sinal rodado ―non só polo rei, senón tamén pola raíña e o chanceler, así como polo correxente―, o que estabelecía un vencello entre o reino vasalo e o seu protector, a Santa Sede.[103][ι]
  11. Segundo Serafín Moralejo, os arcos que aparecen embaixo do león do marabedí de Afonso VIII poderían facer referencia á ponte de Salamanca sobre o Tormes.[107]
  12. Tradución ao galego do orixinal: el ejemplar de león más soberbio de toda la diplomática leonesa. Magníficamente dibujado, grandioso y enhiesto su cuerpo de oro, transmite poder y fiereza con sus fuertes garras y con la lengua, las encías y los ojos sanguíneos.
  13. Fernando II de Galicia e León fíxose con Toledo en 1162. Permaneceu no seu poder até o ano 1166.[143]
  14. Tamén nos escudos cuartelados atribuídos ao rei de España ou coroa de Castela dalgúns mapas ou armoriais se deu preferencia ao león, como se pode ver no armorial de Zúric ou no Atlas Catalán.[156]
  15. Para máis información, véxase O reino de Galicia e a historiografía tradicional española.
  16. Existen catro copias iluminadas e unha brasonada do Segar's Roll: dúas no College of Arms (facsimilar e sen corar), unha na Biblioteca Británica (sen corar), outra na Society of Antiquaries of London (facsimilar) e a última no Stratford Shakespeare Trust (brasonada).[170]
  17. Tradución ao galego do orixinal: Le Roy de Galice porte daſur a vng galice dor couuert en magniere dune couppe ou dasur a ung galice dor couvert en magniere dune couppe.
  18. Tradución ao galego do orixinal: la torre blanca del espejo que Hércules hizo sobre sangre.
  19. Tradución ao galego do orixinal: Otros pintan la Custodia de oro en campo azul con sólo cuatro estrellas, y la Custodia en forma de vaso con su cubierta.[209]
  20. Tradución ao galego do orixinal: Le Roy de Galice porte de geulles ſeme de treffles dor a vng Galice de mesmes.
  21. Tradución ao galego do orixinal: una custodia de oro en canpo colorado e la custodia […] tiene ensy la hostia consagrada.
  22. O antigo e coñecido privilexio eucarístico da catedral de Lugo consiste na exposición permanente, día e noite, do Santísimo Sacramento.[219]
  23. Tradución ao galego do orixinal: D'azur, ſemé de croix recroiſettees au pied fiché d'argent, à vne couppe ou calice couuert d'or. Aucuns ni metent que ſix croix recroiſetees & fichees, trois de chaque coſte.
  24. Tradución ao galego do orixinal: El campo asul con vn vasso de oro y seis cruses de colorado.
  25. Tradución ao galego do orixinal: Las [armas] del reino e la cibdad.
  26. Tradución ao galego do orixinal: Tiene este Reyno por armas una Custodia de oro en campo de sangre con seis estrellas a los lados con la figura del Santísimo Sacramento.
  27. O escudo real das antigas casas consistoriais de Ourense levaba igualmente as armas do reino de Galicia, tal como menciona o padre Juan Álvarez Sotelo na súa Historia general del reyno de Galicia de comezos do século XVIII.[278]
  28. Tradución ao galego do orixinal: D'azur semé de croix recroisetées au pié fiché d'or; au Calice, ou couppe couuerte de meſme. La Croix de l'ordre de S.ᵗ Iacques de Galice.
  29. «Meu pai acostumaba ir a Madrid por traballo e, nunha desas viaxes, decidiu ir visitar o seu amigo. Palacios estaba preparando sobre unha mesa e a tamaño natural o bosquexo do escudo de España para Correos e o meu pai díxolle “plántalle aí o de Galicia”».[352]
  1.  
    Retrato do mordomo real Ponce de Cabreira no Privilegium Imperatoris de 1148.
  2.  
    Efixie esmaltada de Godofredo V, conde de Anjou, no seu sartego. O escudo suxire as orixes máis temperás dos tres leóns das armas de Inglaterra.
  3.  
    Trono de Dagoberto I.
  4. 4,0 4,1
     
    Selo de Filipe Augusto (1180).
  5. 5,0 5,1
     
    Otón III no seu Evanxeliario de Múnic (c. 1000).
  6.  
    O báculo da figura do apóstolo Santiago do parteluz do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela é un exemplo de obxecto cuxos extremos rematan en cabeza de animal.[89]
  7.  
    Selo de Conrado II (1029).
  8.  
    Sinal rodado de Xelmírez.
  9.  
    Un dos primeiros sinais rodados de Afonso Henriques (1153).
Referencias
  1. "Símbolos de Galicia: a bandeira". Xunta de Galicia. 
  2. "Símbolos de Galicia: o escudo". Xunta de Galicia. 
  3. "Especificacións técnicas". Os símbolos de Galicia. Parlamento de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2020. Consultado o 08 de febreiro de 2020. 
  4. López Carreira 2019, p. 105.
  5. Menéndez de Luarca Navia Osorio, José Ramón (2000). La construccion del territorio, mapa histórico del noroeste (PDF) (versión dixital) (en castelán). I: Prehistoria, romanización y germanización. p. 99. 
  6. Sánchez Pardo, José Carlos (2008). Territorio y poblamiento en Galicia entre la antigüedad y la plena Edad Media (Tese) (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela. p. 794. 
  7. López Carreira 2008, pp. 16-17.
  8. Fernández Rodríguez, Tomás (maio de 2008). "El símbolo de un antiguo reino" (PDF). Dulzaina (en castelán) (Agrupación Leonesa de México) (18): 24–25. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xullo de 2020. Consultado o 01 de setembro de 2020. 
  9. 9,0 9,1 Menéndez Pidal & Martínez de Aguirre Aldaz 2000, p. 32.
  10. López Carreira 2019, p. 89.
  11. 11,0 11,1 Pardo de Guevara 2007, p. 37.
  12. Menéndez Pidal & Martínez de Aguirre Aldaz 2000, pp. 13, 31-32.
  13. López Carreira 2019, pp. 87-114.
  14. Menéndez Pidal 2004, p. 16
  15. Díaz Martínez 2011, p. 42.
  16. Hurtado Maqueda 2007, p. 103.
  17. Cebreiro Ares, Francisco (2010). "Dificultades que plantea el estudio de la historia monetaria sueva". Tesorillo.com (en castelán). 
  18. Pliego Vázquez, Ruth (2019). "La moneda de época sueva: Un destello fugaz en la historia monetaria de Gallaecia". In Tempore Sueborum: El tiempo de los suevos en la Gallaecia (411-585). El primer reino medieval de Occidente (en castelán) Vo. Deputación de Ourense. pp. 149–155. ISBN 978-84-16643-18-9.  Texto "lume]]n de estudios " ignorado (Axuda)
  19. Hurtado Maqueda 2007.
  20. 20,0 20,1 Sánchez Badiola 2010, pp. 275-276.
  21. Sánchez Badiola 2010, p. 275.
  22. de Brito, Bernardo (1609). Monarchia Lusytana (en portugués). Segunda Parte. Lisboa. f. 149v. …& nelle o veo buſcar Hermenerico, trazẽdo a filha, & grandes riquezas ao genro, cõ quem ſe celebrarão as mais cuſtoſas bodas que ſe virão entre aquelles Barbaros, & querendo Ataces moſtrar ao ſogro a grande cõformidade em que ficauão por cauſa daquelle matrimonio, mãdou pintar nas bandeiras o rettato de Cindaſunda metida em hũa torre, & a hũa parte della hũ Drago de cór verde, & a outra hum Lião ruyuo, que erão as inſignias do ſogro, & ſuas, moſtrando, que aquellas armas ate então enemigas entre ſi, ficauão dali em diante pacificas, & conformes, por reſpeyto de Cindaſũda 
  23. de Faria e Sousa, Manuel (1628). Epitome de las historias portuguesas (en castelán). Madrid. p. 200. Ataces queriendo moſtrar al ſuegro la grande conformidad en que quedavan, mandò retratar en ſus vanderas a Cindaſunda en una torre, al un lado della un Dragon de color verde, al otro un Leon rubio. Eran eſtas las inſignias de los dos competidores, aora conformes en virtud de la novia… 
  24. Mendes Silva, Rodrigo (1639). Catalogo real genealogico de España (en castelán) (2.ª ed.). Madrid. f. 25v. Tuuierõ la mayor parte deſtos Reyes ſu Corte en la Ciudad de Lugo de Galicia, trayẽdo por armas en vn eſcudo, de vn lado vn dragon de color verde, y del otro vn leon rubio 
  25. Mendes Silva, Rodrigo (1645). Poblacion general de España (en castelán). Madrid. f. 262v. Conſtituyeron los ſobredichos Sueuos Corte, las ciudades de Lugo, y Braga; trayendo por Armas, en eſcudo vn dragon verde 
  26. Mendes Silva, Rodrigo (1656). Catalogo real y genealogico de España (en castelán). Madrid. f. 19v. Aduirtiendo que tuuieron los Reyes Sueuos vn tiempo ſu Corte en la Ciudad de Lugo, y otro en la de Braga, trayendo por armas en campo de oro, vn Dragon verde; dizen que dellos procede la familia de Dragon en Portugal, que vſa la miſma inſignia 
  27. Metelo de Seixas, Miguel (2010). "El simbolismo del territorio en la heráldica regia portuguesa. En torno a las armas del Reino Unido de Portugal, Brasil y Algarves" (PDF). Emblemata (en castelán) (Zaragoza) (16): 285–329, en 299–301. ISSN 1137-1056. 
  28. Valonga y Gatuellas, Francisco. Títulos de los Reyes de España (en castelán). f. 358. Arquivo da Real Academia da Historia, Colección Salazar y Castro, Sig. 9/495. Las Armas y Insignias de los Reyes Suevos de Galicia eran un escudo partido en pal y a la parte de mano drecha un dragon verde en campo de plata y en la otra parte un leon de oro en campo de sangre 
  29. Rodríguez Fernández 2011, pp. 223-225.
  30. Picallo, Héitor (31 de decembro de 2021). "Sormáns “O Roxo”". Sermos Galiza (482): 4–9. ISSN 2444-9326. 
  31. Boullón, Ana (2017). "A edición de textos en Galicia (da Idade Media aos Séculos Escuros)". LaborHistórico (Universidade Federal do Río de Xaneiro). 3. Lingüística Galega: a contribución do Instituto da Lingua Galega (1): 76–92, en 83. ISSN 2359-6910. doi:10.24206/lh.v3i1.17108. 
  32. Historia de Don Seruando, Obispo de Orense. 1646. f. 44r. E deſpois iste Ferrando fez boudaſ con Ilduara Ariaſ que vinha do Rey Aria Theodomiro, e do Rey Ariamiro. Que coumo os Reys Godos se chamaban Flauios, os Reys Sueuos se chamaban Ariaſ que toudo he unho: E era Senhora do Castro da Ariaſ, e seuſ filhos toumaron po Diuisa has Armaſ dos Ariaſ, e dos Reys Sueuos. Istaſ eram haſ treis Faijas Jaqueraidaſ douro, et roujo no campo de prata e no meo outra faxinha douro