Batallón Literario

O Batallón Literario foi unha compañía militar formada por estudantes da Universidade de Santiago de Compostela en diversos períodos históricos, sendo o máis famoso o formado durante a francesada, para loitar contra a invasión francesa dirixida por Napoleón.

Estandarte do Batallón Literario.

O Batallón Literario na guerra da Independencia editar

 
Coroa na honra do Batallón Literario colocada no muro do convento de San Paio de Antealtares o 4 de maio de 1896.

En 1808, nunha reunión celebrada nos claustros da Universidade de Santiago, presidida por Rafael de Murquiz, arcebispo de Compostela, acordouse a colaboración da Universidade co movemento popular a prol de liberar o país. Constituíuse un Batallón cos estudantes e procedeuse a buscar alguén con experiencia militar para dirixilo. O elixido foi Juan Ignacio de Armada, IV marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Obtívose financiamento mediante achegas populares, e outras como as do propio marqués. Para que este puidese mandar sobre os alumnos universitarios, foi necesario facelo doutor de tódalas facultades, título concedido con carácter hereditario. O batallón formouse en 42 días, dándoselle ordes para a súa incorporación a filas, tralo acto de bendición da bandeira, no que tivo lugar unha arenga do arcebispo. Esta bandeira aínda se conserva na biblioteca da universidade: coa cor branca[1] da bandeira histórica de Galiza, presenta ademais dous escudos: o do antigo Reino de Galiza, e o escudo de armas da Universidade, ambos cubertos por unha coroa real, ademais da seguinte inscrición:

AUSPICE DEO: PRO LIBERTATI REGIS PALLADIS LEGIO: ANNO MDCCCVIII.
 
Himno da Guerra da Independencia composto para o Batallón de Literarios.

O Batallón contaba cunha marcha propia de combate.[2] No ano 1888 foi publicada por José Inzenga na epígrafe galegos dos seu cancioneiro 'Cantos y bailes populares de España', onde aparece como "Himno da Guerra da Independencia composto para o Batallón de Literarios".[3] O himno foi pasando de gaiteiro en gaiteiro e empregado durante anos nos diferentes movementos políticos de Galicia.[4]

Os soldados portaban ademais unha cinta, cun breve poema, que aludía á unión entre a cultura e o mundo militar en prol da defensa nacional:
"Por rescatar a Fernando (el Rey Fernando VII) y acabar con Bonaparte unióse Minerva a Marte".

O 18 de xullo de 1808 o batallón saíu a incorporarse ás tropas do xeneral Blake, onde formaron a vangarda xunto ós voluntarios navarros. Un dos múltiples episodios recordados foi o de entrar de incógnito á Coruña a recoñecer as baterías, malia estar tomada a cidade polo Mariscal Ney. En 1810 o xeneral Castaños deu a orde de disolución do Batallón Literario, outorgando ós poucos sobreviventes o rango de oficiais nos corpos militares.

O Batallón de estudantes universitarios volveu a formarse en Compostela, de xeito efémero, durante a fracasada Revolución galega de 1846.

Notas editar

 
Na praza da Quintana, chamada tamén praza dos literarios, existe unha placa en lembranza dos combatentes universitarios.
  1. Os Símbolos de Galicia (1 reimp ed.). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. reimp. 2008. ISBN 978-84-96530-46-1. OCLC 1025546431. 
  2. USC (09/2022). Acto institucional de apertura de curso 2022-2023 no SUG (Himno do batallón de literarios) (Youtube). 
  3. Inzenga, Jose (1910). "Cantos y bailes de Galicia". bibliotecavirtualmadrid.comunidad.madrid (en castelán). Consultado o 2023-01-19. 
  4. Gago Mariño, Manuel. "Un tópico: pensar que a identidade de Galicia -os seus símbolos nacionais- foi 'inventada' no romantismo do XIX.". Twitter (fio). Consultado o 2023-01-19. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar