Abegondo
Abegondo é un concello da provincia e comarca da Coruña. Está no partido xudicial de Betanzos e forma parte do consorcio das Mariñas e da área metropolitana da Coruña. Limita con Cambre, Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes e Carral. Abegondo ocupa 87,9 km2 de terreo, que se reparte en 19 parroquias.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | San Marco | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 5.584 (2023) (66,63 hab./km²) | ||||
Xentilicio | abegondés, abegondesa | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 83,8 km² | ||||
Altitude | 700 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | José Antonio Santiso Miramontes (2009–) | ||||
Eleccións municipais en Abegondo | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15318 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15001 | ||||
Páxina web | abegondo.es |
En 2017 tiña unha poboación de 5467 persoas. O norte do concello é o máis poboado.
A metade norte do concello delimítano o río Barcés e o Mero. Vai subindo de altitude cara ao sur, pasando dos 100 aos 400 metros de altitude en Vizoño. Boa parte das augas do encoro de Cecebre están nas súas parroquias do norte: Orto e Crendes. O encoro e as ribeiras do ríos Barcés e Mero están declarados como espazo natural ZEC encoro de Abegondo-Cecebre. Un punto de ancoraxe na AP-9 en Folgoso foi declarado de interese xeolóxico polo perfil estratigráfico da serie de Ordes que mostra. Abegondo forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo.
Entre o patrimonio destacan os castros e mámoas e o posible paso da calzada romana Vía XX per loca marítima por Vizoño[1][2], as minarías de ouro no Barcés, a Torre Figueroa e as Torres de Peito Bordel do século XII, o pazo de Quiroga do XVII ou os Cruceiros Bonitos. Dúas variantes do Camiño Inglés, seguen os Camiños Reais e pasan por Abegondo desde A Coruña e Ferrol. Os abegondeses Antonio de Parga e Juan Armada foron ministros nos reinados de Fernando VII e Afonso XIII.
En Mabegondo están o Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo e a cidade deportiva do Deportivo da Coruña.
O xentilicio local é «abegondés»/«abegondesa»[3]
Xeografía
editarSituación
editarA súa superficie é de 83,9 km². Sitúase a 23 km ao sueste da capital provincial. Conta con 19 parroquias e limita cos concellos de Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes, Carral e Cambre. A capital é San Marco.
Orografía
editarA altitude media sitúase nos 198 m[4], pero o punto máis elevado atópase no Castro Maior con 477 m.[5] Forma parte das Mariñas dos Frades, unha comarca natural integrada ademais polos concellos de Culleredo e Cambre.[6]
Hidrografía
editarAbegondo delimítano os ríos Mero e o Barcés, e o Gobia descorre polo seu interior.[7] En Abegondo está o encoro de Cecebre, que abastece de auga potable á cidade da Coruña; e o encoro de Beche, en Folgoso. O encoro de Cecebre fórmao o río Mero e ocupa unhas 275 ha., parte abranguendo os concellos de Betanzos, Cambre e Carral. Construíuse no val conformado pola confluencia do Barcés e o Mero, val de relevo suave.[7]
Clima
editarRecóllense 1169 mm./ano de precipitacións, e a temperatura media é de 12,3 °C.
Demografía
editarNo 2017 a poboación do concello era de 5467 habitantes, dos cales 2698 eran homes e 2769 mulleres. A densidade da poboación no territorio en 2017 foi de 65,16 persoas/km2. En 2004 houbo 3.314 parcelas edificadas, que case na súa totalidade se empregan como vivendas residenciais. Do total de edificacións, 1168 foron construídas antes de 1950, 1662 construíronse entre 1950 e o 2000, e 598 desde o ano 2000.[8]
Evolución da poboación de Abegondo Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
7376 | 7604 | 7776 | 8238 | 8890 | 8202 | 7335 | 6302 | 5912 | 5448 | 5467 | 5451 | 5480 | 5594 | 5694 | 5772 | 5761 | 5732 | 5756 |
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Censo total 2014 | 5585 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 642 (11,49 %) |
Entre 15 e 64 anos | 3347 (59,93 %) |
Maiores de 65 anos | 1596 (28,58 %) |
Historia
editarDo calcolítico ao Imperio Romano
editarO número de xacementos arqueolóxicos mostran que o municipio, como o resto da comarca, estivo densamente poboado desde o calcolítico á idade de Bronce, xa que se conservan castros en todo o territorio.[7][9] Destacan algúns como o castro Maior, ou Coto da Cerca, e os túmulos preto deles en Vizoño.
Xacementos como o castro de Abegondo mostran un "desbordamento" na construción fóra do castro. Iso reflicte o proceso de residir fóra do recinto amurallado que se deu no período de transición do século I a.c. ao século III d.c. O resultado foron asentamentos abertos galaico-romanos.[10]
O itinerario romano chamado Vía XX per loca marítima foi unha das vías que conectou Bracara Augusta con Astorga antes do século III. Esta vía puido pasar polo actual territorio de Vizoño.[1][2] Se fose así, habería unha mansión na ruta "per loca marítima" chamada Atricondo, posiblemente preto de Castromaior en Vizoño, e que sería unha parada das vías romanas e un punto termal.[11]
Na época prerromana puido haber minería de ouro nas augas do Barcés desde a Aquelabanda ata Abegondo.[12][13]
Do medievo á idade moderna
editarAs primeiras referencias escritas ás igrexas cristiás que se crearon a partir das parroquias suevas do concello son do século IX. O "documento de Tructino" do 880, con Afonso II ao poder, fai referencia a dúas das igrexas de Abegondo: "sca. eulaliain auigondo cum sua villa et scm. tirsum in auegondo" (Santaia de Abegondo e San Tirso de Mabegondo) e cítanse como dentro do mesmo commisso ou comitatus (un "condado") de Némitos (ou Nendos), que foi o similar á comarca das Mariñas do século IX. Unha carta de doazón de Sobrado de 887, a "karta donationis quam fecit Sisnandus (sponse sue) domne Eldontie de uillis et de hominibus et de habere", cita "[...] iste sunt: in Nemitos, [...], Heletes cognomento Limenioni, Crendes, [...]”, mencionando ás igrexas de Limiñón ("o lugar de Heletes propiedade de Lemen") e Crendes. Escritos dos séculos X ao XI citan a outras vilas de Abegondo e ás súas igrexas. Escritos do mosteiro de Cis citan "[...] per archam inter Carraes et Cularagondo [....] per petram qui dividit inter Presidiu, et Iohancium et Iohancium et Villar, [...] per ipsam aquam usque ad Merum et inde per Merum usque ad Liminum [...]” mencionando a Cullergondo, o Vilar de Meangos e o paso do Mero por Limiñón. Documentos de Celanova de 934 mencionan "[...] in Nemitos Mavegondo", a Mabegondo; e noutro documento de Sobrado de 959 citan a Meangos "[...] in territorio Nemitos, uilla Melangus cum [...]". Un escrito de Santiago de 1020 cita a dúas igrexas nos lugares de Orto de San Román e Seixurra dicindo "[...] ad illos saxeos qui stant in ripa Mero inter Sanctum Romanum et Sexurriam et [...]". En 1044 cítase a Xuanzo dicindo "a villa que uocitant Iohanzu, territorio Nemitos, secus fluuium Mero [...]".[14][15] Así é que no século XIII a meirande parte das igrexas parroquiais actuais estarían construídas e vertebrando a poboación desta área da comarca.[15] As confrarías relixiosas, establecidas para representar ás 26 freguesías desta zona de Nendos pasou de ser 1 soa en 1594 a 18 en 1630-1650, unha menos que no século XXI.[16]
En 1528, con Carlos I a "xurisdición real de Betanzos", que previamente estivo unida á da cidade da Coruña, posuía "partidos" que hoxe se corresponden case por completo ás actuais parroquias da parte leste do actual concello. Nese período, con Carlos V, entre a nobreza de Betanzos estaba entre os "rexedores do concello" Fernán Reimóndez de Figueroa, da casa e torre de Figueroa e que tiña moitas propiedades en Figueroa, Crendes, Folgoso, Meangos, Limión, Sarandóns, entre outros lugares.[17]
Baltasar Pardo de Figueroa e Lupidana da casa dos Figueroa, e gobernador xeral de Tucumán e cabaleiro da armada de Santiago, recibiu o título de marqués de Figueroa no ano 1675 da man de Carlos III.[18] Así, esta familia da parroquia homónima recibiu o recoñecemento da realeza pola participación na Guerra de Francia e no Perú en 1639. Os seus antecesores tiveran unha historia ligada a Figueroa e o pazo, así como a cidade de Betanzos e á orde de Santiago. O seu pai, Ares Pardo de Figueroa, fora señor da torre de Figueroa e da casa de Pardo de Cela, así como capitán da garda do vicerrei de Nápoles, gobernador de armas na Coruña e Capitán xeneral do Reino de Galicia.[19][20][21][22] Na literatura a liñaxe dos Figueroa cítase na lenda do tributo das cen doncelas e colócaos na loita cos mouros na Torre de Peito Bordel. A lenda cita como os cabaleiros de Figueroa rescatan ás cen doncelas empregando pólas de figueiras con cinco follas.[18]
Os Quiroga foron señores do couto e xurisdición de Santirso de Mabegondo, Crendes e Santa María e San Vicente de Vigo, entre outras. Diego de Quiroga e Reimóndez foi quen o construíu no século XVII o Pazo de Quiroga en Mabegondo.[23][24]
Dúas das variantes do camiño de Santiago teñen o seu paso polo concello: desde a Coruña pasando por Sarandós e desde Ferrol pasando de Limiñón a Viós. Este camiño seguiría os "camiños reais" que comunicaron as dúas cidades con Compostela desde o medievo.[25]
Idade moderna e contemporánea
editarNa primeira división territorial de Galiza en provincias as parroquias do concello pertenceron a varias. Máis da metade estiveron dentro da provincia de Betanzos, como foron Presedo, Cullergondo, Figueroa, Mabegondo ou Crendes. Outras como Sarandós, Montouto ou Folgoso, estiveron sempre dentro da provincia de Santiago.[26]
O Concello de Abegondo constituíse como tal en 1836, formado dende entón coa actual agrupación territorial de parroquias en cada "partido" trala aprobación do decreto estatal de división territorial de 1835 para a Deputación Provincial da Coruña.[27]
Durante a ditadura franquista Abegondo foi un dos puntos loxísticos e de actuación das guerrillas contra a ditadura que actuaban entre a Coruña, Ordes e Betanzos. Nos días de 19 e 20 de xullo de 1936 a veciñanza, iniciando a resistencia, requisaron armas en lugares como a Torre de Figueroa.[28] Logo nese ano os franquistas actuaron contra deles, en lugares como Presedo, Limiñón e Viós ao consideralas puntos de resistencia ou ter sido puntos de acollida desa "guerrilla". En outubro de 1936 hai constancia dun xornaleiro da CNT "paseado" e asasinado.[29] Os guerrilleiros no concello desde 1944 actuaron en apoio ou con accións contra a ditadura.[30] En 1947 guerrilleiros que apoiaban ao grupo de resistencia “Enrique Líster" asasinaron ao párroco de Viós, por ser este un firme defensor do franquismo. Poucos días despois, en 1947 guerrilleiros do grupo "Santiago Álvarez" atentaron contra a Garda Civil nun salón de bailes propiedade dun anterior alcalde do concello e asasinaron a dous gardas, escapando despois ao monte da Groba que hai preto.[31][32] Na noite do 21 de xullo de 1948 a casa consistorial ardeu, quedando queimando o edificio e os seus arquivos ao completo. Só horas previas ao incendio, un guerrilleiros asaltaron unha casa atrás da igrexa de Beldoña e pedíronlles a cea. Os donos conseguiron avisar a Garda Civil e ao chegar á casa comezaron a confrontación cos guerrilleiros. Estes conseguen escapar polo Castro en Mabegondo e ao pouco arde a casa consistorial, co que puido ser provocado polos guerrilleiros.[31]
O abastecemento de auga da cidade da Coruña na década de 1960 estaba suplido polas presas da Telva e de Cañás. En 1967 considerouse a construción dun encoro para duplicar a subministración a cidade co que se comezou a planificar a súa construción no Mero. O plano aprobouse en 1972 e construíuse entre o 1974-1976 dirixido polo enxeñeiro Luciano Yordi. A presa construíuse en Cecebre e anegou os vales do Mero e o Barcés en Orto e Crendes.[33][34][35][36]
Cultura
editarToponimia
editarAbegondo é un topónimo de orixe xermánica[37]. O topónimo está composto por abe- 'auga' e -gondo 'terra'[18][38] (outros autores indican que se compón de ave- e -gondo[39]). Amais da propia parroquia de Abegondo, que dá nome ao concello, tamén as de Cullergondo e Mabegondo teñen esa mesma orixe xermánica con remate en -gondo.
Patrimonio
editarPatrimonio arqueolóxico
editarOs xacementos do concello son de épocas que van desde o calcolítico, neolítico, idade de bronce ata o período romano e medieval. Os xacementos identificados no concello son:[7][9]
Patrimonio arquitectónico
editarO patrimonio arquitectónico civil do concello a destacar é:
- Castelo de Beldoña. Este castelo amparouno unha lei de 1949[41] e declarouse como ben de interese cultural en 1985 e 1995.
- Torres de Bordel. Este pazo tardiomedieval é do século XV e está en Bordel. Conta cunha construción, unha torre arruinada, que dataría do século XII. O resto fórmano dúas torres unidas por un corpo central. É de estilo gótico e nel aprécianse reformas e ampliacións dos dous séculos seguintes. Atrás das torres hai un amplo xardín. Os muros de cantería e cachotaría de granito locen un escudo cadrado na fachada principal, en referencia a liñaxe dos Figueroa e Andrade. O cen doncelas fai referencia a este pazo citando que as doncelas foran encerradas nel para seren enviadas ao Califato de Córdoba. Segundo a lenda, nas inmediacións deste pazo teríanse acontecido a batalla dos irmáns Figueroa para salvar ás súas irmás e demais doncelas.[7][42]
- Torre da Cerca. Este pazo está na Cerca, Cullergondo, e fórmano tres naves en "U", deixando un patio central, e unha capela. O seu escudo na fachada loce as armas dos Gaioso, Puga e Moscoso.[7] Esta torre amparouna unha lei de 1949[41] e declarouse como ben de interese cultural en 1985 e 1995.
- Torre e pazo de Figueroa. Esta edificación militar pertence á familia nobre do Marquesado de Figueroa e atópase na Praza, en Figueroa. Conta cunha torre central e un pazo e capela anexos. A torre construíuse no século XII e foi reformada no XVII; segundo un gravado no 1621 grazas ao cabaleiro Ares Pardo de Figueroa, da orde de Santiago. O seu pazo anexo foi construído no século XV. O escudo que loce a torre é de cinco follas de figueira e nos muros aparecen as armas dos Gaioso, os Puga, os Freixomil e os Moscosos e inscricións mencionando os Figueroa. O cen doncelas versa que en 791 os antecesores dos Figueroa foron protagonistas do asalto á torre de Bordel para liberar a cen doncelas, entre as cales estaban as súas irmás. O uso de polas de figueira para liberar as doncelas dos mouros sería a orixe do símbolo familiar.[7][42] Esta torre amparouna unha lei de 1949[41] e declarouse como ben de interese cultural en 1985 e 1995.
- Castelo de Porcas. Esta fortificación do medievo está derruída e sitúase entre as Covas e Guilliade en Limiñón. Quedan restos de 20 metros de altura deste forte cun foxo de ata 8 metros ao seu arredor.[7] Este castelo amparouno unha lei de 1949[41] e declarouse como ben de interese cultural en 1985 e 1995.
- Pazo dos Quiroga ou Torres de San Tirso. Este pazo atópase na Torre en Mabegondo. É un pazo de planta cadrada e de dous andares, cun patio interior, con dúas torres laterais contra a fachada de tres andares. As torres están telladas a catro augas e o resto do pazo a dúas. Posúe unha unha fachada barroca con parellas de columnas dóricas a modo de arco triunfal, con escudos en ambas torres e balcóns no piso intermedio. Loce escudos de armas dos Quiroga, Reimóndez, Capoa e Somoza nas dúas torres. Foi construído por Diego de Quiroga e Reimóndez, Cabaleiro da Orde de Santiago e capitán de infantaría, no século XVII.[7]
- Casa de Suárez. Este pazo plateresco e do século XVI e atópase na Igrexa, en Cos. A súa porta ten un arco con bóvedas grandes e sobre del ten o escudo da fidalguía dos Figueroa.[7]
- Pazo de Orto. Este pazo do século XVIII atópase en Orto de Arriba, Orto, á beira do encoro de Cecebre. Conserva unha torre cun tellado de catro augas, de forma cúbica e xunguida ao alongado pazo con tellado de dúas augas. Na súa parte traseira conta con escaleiras de balaústre de madeira. O portón de entrada está rematado co escudo dos Andrade. Conserva un coidado xardín centenario na súa parte traseira; con magnolios, tileiros ou cedros. Un dos seus donos foi Xoaquín Freire de Andrade e Saavedra, que actuou en Londres como representante da Xunta Suprema do Reino de Galicia na Guerra da Independencia cos franceses.[7]
- Pazo de Crendes. Esta casa barroca construíuse no século XVIII en Tras da Igrexa, Crendes. A súa fachada é ben alongada co que está dividida en dúas partes, e conta con escaleiras de acceso por unha delas. Foi doado á congregación das irmás de Cristo Rei para unha fundación benéfico-docente.[7]
- Pazo de Pastoriza ou Pazo dos Pardo de Andrade. Atópase na Pastoriza, Mabegondo, preto do pazo dos Quiroga. É un pazo rectangular que se construíu no século XVIII, e que é de tella a catro augas e que ten unha capela anexa comunicada por un pasadizo pétreo. Destaca pola súa grande chaminea e a porta de fundición que pecha o seu terreo.[7]
- Pazo de Macenda. Este pazo barroco sitúase na Torre, Crendes, e emprégase como residencial. É un pazo de tres corpos a distintas alturas, o central máis elevado e coa entrada principal. A cuberta do pazo é de tella árabe a catro augas. Ao entrar no pazo, que está rodeado totalmente de muralla, atópanse as casas de servizo e unha capela. A capela é sinxela e atópase preto do portón da propiedade. O xardín rodea ao pazo e ten árbores froiteiras e plataneiras. O escudo do pazo é do século XVIII e loce símbolos dos Ribadeneyra, Enríquez, Mosquera e Novoa.[7]
- Pazo da Chan ou Casa Grande. Este pazo ou casarío é de labranza e está na Chan, en Vilacova. A planta deste casarío forma unha "L". O seu terreo ten un muro de cantería e cachotaría rodeándoa. Contou con dous escudos. Un deles esa agora no Pazo de Sigrás e loce as figuras dos Ares de Barreira, Luaces, os Parga e os Montenegro.[7][43]
- Ponte de Beldoña. Esta ponte cruza o río Mero a altura de Beldoña, Mabegondo. Por ela pasou o antigo Camiño Real de peregrinación, que unía Betanzos con Compostela, e arestora pasa a variante ferrolá do camiño de Santiago. É dun estilo semellante ao romano e a súa orixe é do século II, mais ten trazas da arquitectura dos séculos III e IV. Restaurouse no século XIV.[7]
- Casa de Filipe II. Esta casa do século XVI atópase na Calle en Sarandós e nela descansou uns días o rei Filipe II en 1554. Viña á Coruña para embarcarse cara a Inglaterra cando ía celebrar os esponsais con María Tudor. Esta casa conserva dous escudos pétreos na súa fachada. Un é o da familia de Fernando González de Barral e Soutomaior e Catarina Sánchez de Boado e o outro é un escudo da realeza de Castela e o cálice do Reino de Galicia, e que se puxo como recordatorio do paso de Filipe II.[7]
- Convento de Sarandós. Construción clerical sita no lugar da Calle en Sarandós coñecida tamén como Priorato de Santa María de Sarandós pertencente ao mosteiro de San Martín Pinario en Santiago de Compostela, afectada pola desamortización de Mendizábal, pasou a mans particulares. Tramitado o expediente en 1821, a venda do edificio rematábase en pública poxa e adquiríao don José do Villar e Riobó. O edificio existente na actualidade foi construído no século XV e foi ampliado a principios do século XX cunha nova fachada principal cara á estrada de Carral a Montouto.
- Casas de Ponte. Estas dúas construcións, que ao parecer datan do século XVI, áchanse na parroquia de Cos e suponse que eran empregadas para vivenda das familias de peóns e actividades agrarias e gandeiras dos señores do lugar.
O patrimonio medieval e moderno civil rexistrado no concello é:[7][9]
Nome | Parroquia | Lugar | Tipo | Idade |
---|---|---|---|---|
Castelo | Abegondo | Torrente | Asentamento fortificado | Medievo |
Castelo ou Castro | Meangos | Souto | Asentamento fortificado | Medievo |
Castelo de Porcas | Limiñón | As Covas-Guilliade | Castelo | Medievo |
Ponte de Beldoña | Mabegondo | Beldoña | Vía | Medievo |
Castelo de Beldoña | Mabegondo | Beldoña | Castelo | Medievo |
Pazo dos Quiroga ou Torre de Santirso | Mabegondo | A Igrexa | Pazo | Século XVII |
Pazo de Pastoriza ou dos Pardo de Andrade | Mabegondo | O Souto do Val | Casarío | Século XVIII |
A Torre | Leiro | Torre | Asentamento fortificado derruído | Medievo |
Torre e pazo de Figueroa | Figueroa | A Torre | Torre e pazo | Medievo-Moderno |
Cruz da Beira ou Monte dos Matos | Sarandós | Cruz de Beira | Asentamento fortificado | Medievo |
Torre de Peito Bordel | Sarandós | Bordel | Torre e pazo | Tardomedieval-Moderno |
Pazo de Barral ou Casa de Filipe II | Sarandós | Sarandós | Casarío | Século XVI |
Torre ou Redondo | Vilacova | Currás | Asentamento fortificado | Medievo |
Torre de Cerca | Cullergondo | A Cerca | Asentamento fortificado | Medievo |
Minas de Tintín | Vizoño | Castromaior | Explotación mineira | Sen determinar |
Pazo de Folgoso ou de Borreiros | Abegondo | Borreiros | Casarío | Sen determinar |
Casa de Suárez | Cos | A Igrexa | Casarío | Século XVI |
Pazo de Macenda | Abegondo | A Torre de Macenda/Macenda | Pazo | Moderno |
Pazo na Aldea de Abaixo de Folgoso | Folgoso | Aldea de Abaixo | Pazo | Século XVII |
Pazo de Orto | Orto | Orto de Arriba | Pazo | Século XVIII |
Pazo e capela da Chán en Vilacoba | Vilacova | A Chan | Pazo | Moderno |
Patrimonio relixioso
editarEntre o patrimonio relixioso a destacar están os seguintes elementos:
- Convento de Sarandós: esta construción clerical data do século XV e está na Calle, Sarandós, pero a construción orixinal foi ampliada cunha nova fachada cara a estrada de Carral a Montouto a inicios do século XX. A construción é rectangular de dúas alturas e con balcóns de ferro forxado na súa fachada principal. Coñécese como "o convento" pois antes nese lugar houbera un servizo de hospital levado a cabo pola orde relixiosa de San Bieito dirixida dende o mosteiro de San Martíño Pinario. Don Gómez de Barral, rexedor de Santiago de Compostela no ano 1547, puido ter establecido nese lugar de Sarandós un priorado, e sábese que estivo presente ata o século XVIII. Entre 1821 e 1836 coa desamortización de Mendizábal o lugar tería pasado das mans do clero a particulares e volto ao clero. A construción do actual edificio levaríase a cabo coa volta da propiedade ao clero.[44]
- O Cruceiro Bonito de Abegondo: situado no Adro, diante da igrexa de Santaia de Abegondo. É un cruceiro singular que data do século XVIII, en 1787 segundo a súa lenda que ten ao pé [1]. Componse dun pousadoiro, peto de ánimas, e catro postes coas figuras de San Pedro, San Xoán, San Francisco de Asís e a Virxe ao redor da cruz central. Estivo no Camiño Real de peregrinación pero mudouse de lugar, ata o Adro, en 1913. Existe unha réplica deste cruceiro na cidade da Coruña, no adro da igrexa de San Xurxo.[7][45]
As igrexas, ermidas, capelas e conventos do concello son:[7][9][46]
Nome | Parroquia | Lugar | Estado |
---|---|---|---|
Santaia de Abegondo | Abegondo | O Adro | Conservada |
San Xián de Cabanas | Cabanas | O Igrexario | Conservada |
San Salvador de Cerneda | Cerneda | A Calva | Conservada |
Santo Estevo de Cos | Cos | A Igrexa | Conservada |
San Pedro de Crendes | Crendes | Tras da Igrexa | Conservada |
Santa María de Cullergondo | Cullergondo | A Cerca | Conservada |
San Miguel de Figueroa | Figueroa | A Igrexa | Conservada |
Santa Dorotea de Folgoso | Folgoso | Cancela-A Igrexa | Conservada |
Santaia de Leiro | Leiro | A Igrexa | Conservada |
San Salvador de Limiñón | Limiñón | O Souto | Conservada |
San Tirso de Mabegondo | Mabegondo | A Igrexa | Conservada |
Santiago de Meangos | Meangos | O Castro | Conservada |
Santa Cristina de Montouto | Montouto | Campo do Monte | Conservada |
San Martiño de Orto | Orto | Orto | Conservada |
Santa María de Presedo | Presedo | Campo da Nosa Señora da Saleta | Conservada |
Santa María de Sarandós | Sarandós | Fontán | Conservada |
Santuario de San Paio de Vilacova | Vilacova | San Paio | Conservada |
San Salvador de Viós | Viós | Pousada | Conservada |
San Pedro de Vizoño | Vizoño | A Fraga | Conservada |
Ermida da Quinta Angustia | Vizoño | Fondo da Aldea | Conservada |
Casa reitoral de Santaia de Abegondo | Abegondo | O Adro | Conservada |
Casa reitoral de San Xián de Cabanas | Cabanas | O Igrexario | Conservada |
Casa reitoral de Crendes | Crendes | Tras da Igrexa | Conservada |
Casa reitoral de Santa María de Cullergondo | Cullergondo | A Cerca | Conservada |
Casa reitoral de Santa María de Sarandós | Sarandós | O Rueiro | Conservada |
Casa reitoral de San Pedro de Vizoño | Vizoño | Os Currás | Conservada |
Capela de San Marco | Abegondo | San Marco | Conservada |
Ermida de Santo Antonio | Mabegondo | O Cruceiro | Conservada |
Ermida de Santo Antonio de Beldoña | Mabegondo | Beldoña | Conservada |
Capela de San Xoán | Sarandós | A Calle-Aquelanda | Conservada |
Capela Nosa Señora de Cancelada | Abegondo | Cancelada | Abandonada[46] |
Capela de San Xoán | Cullergondo | A Cerca | Conservada |
Capela de Santo André | Crendes | O Vilar | Abandonada[46] |
Capela de San Amaro | Figueroa | San Amaro | Abandonada[46] |
Capela de San Salvador | Limiñón | O Igrexario | Abandonada[46] |
Capela de Santo André | Meangos | O Couto | Abandonada[46] |
Capela da Virxe da Madalena | Meangos | O Souto | Abandonada[46] |
Capela de San Bertolameu | Montouto | San Bertolameu | Abandonada[46] |
Capela de Santa Ana | Orto | Orto de Arriba | Abandonada[46] |
Capela da Nosa Señora de Guadalupe | Orto | Guexe | Abandonada[46] |
Capela de San Martiño de Orto | Orto | Agra da Igrexa | Abandonada[46] |
Capela de San Román | Orto | San Román | Abandonada[46] |
Capela de Santa Catarina | Sarandós | Ponte de Sarandós | Abandonada[46] |
Capela de San Pedro | Sarandós | Bordelle | Abandonada[46] |
Capela da Concepción | Vilacova | A Chan | Conservada |
Escolas, centros sociais, bibliotecas e museos
editarEscolas
editarNo concello hai os seguintes centros educativos:
- Escola infantil Pasiños: escola preescolar para idades entre 0 e 3 anos e que se atopa na Ferrería, Mabegondo.[47][48]
- CEIP San Marcos: escola de educación infantil e primaria que se atopa na Agra de Abegondo.[49]
- IES de Viós: escola de educación secundaria que se atopa na Poceira, Viós.
Centros sociais, bibliotecas e museos
editar- Aula da Natureza de Crendes. Este centro de formación e educación ambiental está no Vilar, en Crendes. Conta cunha biblioteca e aula informática. Ten un miradoiro de aves do encoro e desde ela organízanse rutas polo LIC do encoro de Abegondo-Cecebre.[50]
- Sala multiusos de Mabegondo.[51]
- Outros centros sociais parroquiais distribuídos polo concello, case todos construídos reformando antigas escolas. Os centros que están en uso están no Adro en Abegondo, en Bordel[52], en Folgoso,[53] en Figueroa na antiga Escola do Neno Xesús[54][55], en Limiñón,[56] en Presedo, na Aquelabanda en Sarandós, en Meangos, en Xuanzo e en Vizoño.[57][58], e en Cabanas, Cos, Leiro, Orto e Crendes.[7]
- Bibliotecas municipais na casa do Concello de Abegondo e nos centros sociais de Crendes e Limiñón.
- Casa das Abellas. Centro privado de divulgación da apicultura no Francés, Meangos.[59]
Investigación e innovación
editarCentro de Investigacións agrarias de Mabegondo
editarA Granxa Agrícola Experimental en Galicia creouse en 1888 en Monelos, A Coruña. Coa construción da Avenida da Vedra na década de 1960 este centro de tívose que mudar primeiro a Guísamo e logo faríao nos anos 1970 a Mabegondo. Ese novo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) agora depende da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. Conta con 310 ha. en Mabegondo nas que se traballa na investigación de agricultura e gandería: en mecanismos de fertilización, fitoxenética e conservación de variedades autóctonas ou sanidade animal.[60][61][62]
Etnografía
editarFestas e romarías
editar- Festas da Nosa Señora da Saleta en Presedo, o día 19 de setembro.
- Festas da Nosa Señora dos Remedios en Sarandós, o 4º domingo de setembro.
- Romaría das cereixas en Vilacova, o 1º domingo de xullo.
- Celébrase unha feira en San Marcos de Abegondo o 2º domingo de cada mes e unha extraordinaria o día 25 de abril por ser San Marcos.
Símbolos
editarEscudo
editarO escudo de Abegondo é de: de ouro, e sobre ondas de azur e prata, unha póla de figueira de cinco follas de sinople. O timbre é de coroa real pechada.[63]
O escudo do concello recolle a lenda da orixe da liñaxe dos Figueroa, que ten o seu pazo ou Torre de Figueroa na localidade homónima do concello. A pola de figueira do heraldo desta, coas cinco polas, recordan a esta liñaxe. As augas representan ao encoro de Cecebre.[63]
Espazos naturais
editarAbegondo está dentro dunha reserva da bioesfera na súa totalidade e conta con 355,24 ha. protexidas dentro da rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000.[8]
Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
editarA totalidade do concello de Abegondo está dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Dentro desta está dentro da parte menos altitude da costa Ártabra, mais onde a densidade de poboación é menor e a economía agrogandeira segue o sector de maior peso relativo.[64][65]
Encoro de Cecebre e ribeiras do Mero e o Barcés
editarO Encoro construíuse en 1976 no Mero, collendo ao seu maior afluente, o Barcés. A maior parte do encoro e boa parte destes dous ríos decorren por terras abegondesas. Desde 1999 foise catalogando e declarando como ZEPVN, ZEC ao encoro de Cecebre e as súas ribeiras. Nas terras abegondesas esta ZEC pasa por parte das parroquias de Orto, Crendes, Mabegondo, Figueroa, Limiñón e Cos. Inda que fóra da protección da ZEC, na cabeceira das ribeiras destes dous ríos destacan outros espazos naturais.[7][66]
A ZEC ampara no concello ao encoro e a 3,8 km do Mero e 4,9 km do Barcés. Ademais das augas do encoro en Orto e Crendes, no encoro destaca o espazo da fraga, un bosque de ribeira que está preto do Pazo de Orto.
Ao encoro de Cecebre chega o río Mero despois tras pasar polas parroquias de Crendes e Mabegondo (dentro da ZEC). Nesta ribeira hai hábitats formados por salgueirais e ameneiros mergullados, así como outros hidrófitos, e outros de especies ripícolas, como chopos (Populus nigra) e carballos (Quercus robur). O rego Fontenlo e o Fontao desembocan no Mero e parte deles están dentro da ZEC. O Fontenlo pasa por Crendes e Beldoña e desemboca nunhas chairas de brañas. O Fontao pasa por Limiñón e Cos e ten para un lado unha chaira costaneira e para o outro lado do val é amplo e máis chan. En Vilacova, e fóra do ZEC pero con interese de conservación, o Mero ten un val ancho con varcias, moitas adicadas a agricultura.
O tramo abegondés da ribeira do Barcés discorre polas parroquias de Mabegondo, Abegondo e Figueroa. Namentres en Mabegondo e boa parte do seu paso por Abegondo as ribeiras do Barcés son amplas e teñen un uso agropecuario; en Beade, Damil, Muradelos, e a Ribeira de Figueroa teñen bosques de ribeira densos e conservados. Alí, as chairas do río son máis amplas e teñen unhas abas cunha caída media, máis importante. A vexetación desta zona é ripícola. En Sarandós, entre a Aquelabanda e o Rueiro, os meandros do Barcés forman unha insua. Está rodeada dunha chaira con abas de pouca pendente e con bosques de ribeira e especies ripícolas.
Aqueles espazos naturais descritos antes e que non foron incluídos dentro da ZEC Encoro Abegondo-Cecebre do concello foron declarados como zonas de interese local (ENIL) en 2015. Danlle protección aos hábitats de ribeira dos ríos Mero, Barcés, Gobia e o encoro de Beche.[67]
Río Gobia
editarO río Gobia está só dentro do concello de Abegondo e é un afluente do Mero. O seu tramo final, chegando ao Mero, e ao paso por Meangos, Mabegondo, Cos e Limiñón; é un espazo natural catalogado. A beira oeste do seu val úsase para a agricultura e a leste como zona forestal. Entre as especies de árbores de ribeira que alí aparecen están os amieiros, os bidueiros e os salgueiros.[7]
Ó seu paso por Meangos en Quintán e Coedo, que é xa a cabeceira do Gobia, a ribeira ten unha aba acusada que ocupa pouco terreo, con carballos e castiñeiros, e pastos e brañas de ribeira aproveitados para a agricultura. Cara a súa cabeceira, en Cabanas, as abas son pouco pendentes e as ribeiras amplas. Nesas brañas hai múltiples muíños.
Encoro de Beche e o rego de Roufrío
editarO Encoro de Beche, en Folgoso, é un encoro construído para o abastecemento de auga do concello e é un espazo natural de interese local. O alto do rego de Roufrío, no Couto, está no desaugadoiro do encoro e conserva vexetación ripícola e cun interese de conservación. A súa aba augas abaixo xa ten árbores introducidas, como piñeiros e eucaliptos. O Roufrío é un afluente do Mero. Este espazo natural é de 17 ha.[7]
Río Traveso no Abelar
editarParte das ribeiras do río Traveso no Abelar, Vizoño, son un espazo natural de 52 ha. de interese local. A súa vexetación máis o norte é típica de bosque atlántico e a súa zona sur de pradarías e brañas, que se empregan para a agrogandeiría.[7]
A carballeira da Chousa
editarNa Chousa en Figueroa, entre A Praza e Figueroa Pequeno, está a Carballeira do Marqués. Esta é unha arborada de carballos e castaños de elevados portes entre na cabeceira do rego de Figueiroa, afluente do Barcés. Ocupa unha área de 56 mil metros cadrados.[7]
Ancoraxes na Lameira
editarAs escavacións na construción da AP-9 ao seu paso pola Lameira en Folgoso supuxo rebaixar un talude. O sistema de rebaixamento do terreo e ancoraxe que se aplicou para evitar o seu derrube foi recoñecido outorgándolle a ese lugar a mención de punto de interese xeolóxico. O perfil xeolóxico que se observa pertence ao dominio xeolóxico da zona centro-ibérica e a unidade xeotectónica da serie de Ordes, con perfís estratigráficos que van do cámbrico ao cuaternario. Esas formacións que presenta son da oroxénese herciniana do macizo Ibérico.[68]
Economía
editarA agricultura, a gandería e o sector forestal son os sectores económicos de maior peso no concello. Así é que en 2009 só o 7,8% do solo do concello está edificado e o 24,3% se adica a uso agrícola e o 63,7% a cultivo forestal. Domina a cría de gando vacún, o 17% da produción, e porcino, que é o 80% da produción e que usan o 0,7% do terreo agrícola.[8] As industrias fóra do sector primario teñen menor peso no concello.
A proximidade a Betanzos e A Coruña permite que unha parte dos veciños se movan e traballen nesas cidades. Agás o 25,1% da poboación que non se despraza a diario, en 2011 o 61,3% da poboación empregou o vehículo para moverse, e só 0,12% vehículos públicos. A meirande parte dos desprazamentos son por motivos laborais e só 15,83% da poboación maior de 16 anos que traballa non precisa de se desprazar para o punto de traballo.[8]
No concello había en 2016 3314 parcelas edificadas e o seu valor catastral medio foi de 23.808 €. Considerando só as vivendas para uso residencial o sei valor chega aos 73.658€. En 2009 a porcentaxe de cotizacións sobre prestacións foi do 13.95 % e nos cinco últimos anos a renda bruta por fogar incrementárase nun 74,8%. En 2013 as afiliacións á seguridade social supoñían o 53% da poboación.[8]
Política
editarEleccións municipais de 2019
editarPartidos políticos | Concelleiros | Diferenza escanos | Votos | Repartimento de escanos |
---|---|---|---|---|
PPdeG | 9 | +1 | 1.911 | 9 / 13 |
AxA | 4 | = | 964 | 4 / 13 |
BNG | 0 | = | 205 | 0 / 13 |
FORO VECIÑAL-ABEGONDO EN COMÚN | 0 | novo | 161 | 0 / 13 |
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Abegondo.
-
Casa do Concello, en San Marco, Abegondo.
-
Adestramento do Deportivo da Coruña en Abegondo.
-
Igrexa de San Martiño do Orto.
-
Ribeiras en Vilacoba.
-
Muíño no rego de Figueiroa, ao seu paso por Damil.
-
Río Mero en Cos.
-
Muíños no rego Gobia en Cabanas.
-
O Camiño Inglés ao seu paso por Beche, en Folgoso.
-
Albergue do Camiño Inglés en Presedo.
-
Encoro de Beche, en Folgoso.
Parroquias
editarLugares de Abegondo
editar- Artigo principal: Lugares de Abegondo.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Malde, Antón Fernández; Vilariño, José Francisco Castro; Buxán, Anxo López; Salido, Juana Molina; Vázquez, Elisa Amigo; Sarabía, Antía Baliño; Pinos, Francisco Parada; Mateo, Lucia Diez; Velazquez, María Beatriz Fernández (2011). "A via per Loca Marítima ao seu paso polo territorio Mariñas-Betanzos". Consultado o 2017-08-27.
- ↑ 2,0 2,1 La Voz de Galicia, eds. (29 de xullo de 2011). "Arqueólogos definen en un estudio el trazado de la Vía XX a su paso por Abegondo". Consultado o 2017-08-27.
- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Universidade de Vigo, eds. Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega. p. 40. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Consúltese a páxina do Sistema de Información Xeográfica de Datos Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
- ↑ Cartografía 1:5000 Arquivado 13 de abril de 2008 en Wayback Machine. do Sistema de Información Territorial de Galicia, folla 45-85.
- ↑ Concello de Abegondo (eds.). "Turismo". Consultado o 24 de agosto de 2017.
- ↑ 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 7,12 7,13 7,14 7,15 7,16 7,17 7,18 7,19 7,20 7,21 7,22 7,23 7,24 7,25 "Orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Abegondo (14 de setembro de 2012)". 14 de setembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2019. Consultado o 4 de agosto de 2017.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "Instituto Galego de Estatística". Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Alfredo Garrote Pazos e Juan Manuel Páramo Neira para o Concello de Abegondo (27/17/1996). Xunta de Galicia, ed. "Normas subsidiarias de planeamento. Aprobación o 27/17/1996 e anunciado no DOG do 22/01/1997. Derogado por sentencia do Tribunal Supremo Xeral de Galicia o 14/09/2000". Consultado o 24 de agosto de 2017.
- ↑ Sánchez-Pardo, José Carlos (15 de xullo de 2010). Zephyrvs, eds. "Castros y aldeas galaicorromanas: sobre la evolución y transformación del poblamiento indígena en la Galicia Romana" 65 (0): 129–148. ISSN 2386-3943. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Maside Franco, Rosa María (2000). Gallaecia, eds. "Rutas naturais e vías romanas na provincia de A Coruña" 19: 143–170. ISSN 0211-8653. Consultado o 2017-08-27.
- ↑ Sánchez-Palencia, Francisco Javier (1997). "La tierra que florece de plata, estaño y oro blanco: (notas sobre la minería antigua en el territorio de los ártabros)": 41–47. ISBN 978-84-88991-12-6. Consultado o 2017-08-27.
- ↑ González García, Francisco Javier (2003). Os ártabros: estudio xeográfico e etnohistórico. ISBN 978-84-96011-27-4. Consultado o 2017-08-27.
- ↑ Rei, Maxi (2004). Anuario Brigantino, eds. "Referencias documentais ó concello de Abegondo durante a alta idade media" (27): 179–198. Consultado o 2017-08-27.
- ↑ 15,0 15,1 Sánchez Pardo, José Carlos (2010-04-15). "Las iglesias rurales y su papel en la articulación territorial de la Galicia medieval (ss. vi-xiii)". Mélanges de la Casa de Velázquez. Nouvelle série 40–1: 149–170. ISSN 0076-230X. Consultado o 2017-08-27.
- ↑ González Lopo, Domingo L. (1996). Universidade de Santiago de Compostela, eds. "La Evolución del asociacionismo religioso gallego entre 1547 y 1740: El arzobispo de Santiago." (5): 157–182. ISSN 1133-0481.
- ↑ Erias Martínez, Alfredo; Veiga Fernández, José María (2002). Anuario Brigantino, eds. "Betanzos y su provincia en la época del Emperador Carlos V" (PDF) 25.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Concello de Abegondo. "Historia: Concello de Abegondo". Consultado o 13/9/2015.
- ↑ Gándara, Felipe de la (1677). Nobiliario, armas, y triunfos de Galicia, hechos heroicos de sus hijos, y elegios de su nobleza y de la mayor de España, y Europa: dedicado al maestre de campo don Antonio Lopez de Quiroga. por Julian de Paredes.
- ↑ "Figueroa de Abegondo - Xenealoxía.org - Genealogía de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2017. Consultado o 2017-01-05.
- ↑ "Genealogía del linaje Figueroa, s. XV - XVI". Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2017. Consultado o 2017-01-05.
- ↑ "Genealogía del Linaje Pardo de Figueroa, s. XV - XVII". Consultado o 2017-01-05.
- ↑ Rocha Carro, Juan José (setembro de 2013). "Pazo de Quiroga, San Tirso de Mabegondo (Abegondo)".
- ↑ Daviña Sáinz, Santiago (2004). Nalgures - Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, eds. "Los primeros fueros de La Coruña" (PDF). Tomo 1. ISSN 1885-6349.
- ↑ Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Xunta de Galicia (eds.). "Camiño Inglés. Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao camiño de Santiago. Separata 10: Concello de Abegondo" (PDF).
- ↑ López, Tomás (1784). "Mapa geográfico del Reyno de Galicia contiene las Provincias de Santiago, Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Orense y Tuy. Dedicado al excelentísimo señor Don Joseph Moñino, Conde de Florida-Blanca...". Atlas particular de los Reynos de España, Portugal e Islas adjacentes Comprehende individualmente y con separación cada una de sus Provincias y Reynos, con todas las Ciudades, Villas, lugares, aldeas, ventas, y hasta los sitios de menor nota que encierran los referidos Reynos, sin olvidar las divisiones y subdivisiones con que distinguen y separan los territorios. Se hallará éste con todas las obras de su autor, en Madrid, Calle de Atocha, casa nueva de Santo Tomás, M. 159, N. 3.
- ↑ Rocha Carro, Juan José. "A formación e constitución dos concellos na privincia de A Coruña en 1836". Consultado o 5 de agosto de 2017.
- ↑ Rocha Carro, Juan José (xullo de 2016). "La guerra civil de 1936 en Abegondo - La improvisada resistencia.". Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Torres Regueiro, Xesús (2006). Anuario Brigantino, eds. "1936-1939: As vítimas betanceiras da represión" (PDF) 29.
- ↑ Xavier Castro (2004). Deputación Provincial de Ourense, eds. O galeguismo na encrucillada republicana (Vol. I). Ourense. ISBN 84-85858-14-X. Consultado o 2017-08-27.
- ↑ 31,0 31,1 Rocha Carro, Juan José (19 de xaneiro de 2015). "Acciones mas importantes llevadas a cabo por la guerrilla antifranquista en el municipio de Abegondo: Asesinado del cura de Viós; atentado contra la guardia civil en San Tirso de Mabegondo y el incendio intencionado de la casa consistorial.". Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Enciclopedia da emigración galega. Confederación Intersindical Galega (eds.). "Personaxes da emigración: Francisco Rey Balbis". Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ La Voz de Galicia, eds. (12 de marzo de 1967). "Permanente Municipal. Será restaurado el torreón del Jardín de Juan Carlos".[Ligazón morta]
- ↑ "La Coruña 1970 . La ciudad militar y los nuevos edificios públicos.". 30 de xullo de 1970.[Ligazón morta]
- ↑ La Voz de Galicia, eds. (26 de abril de 1974). "Las obras de ampliación del abastecimiento de aguas supondrán más de 550 millones de pesetas".[Ligazón morta]
- ↑ La Voz de Galicia, eds. (21 de febreiro de 1975). "La presa de Cecebre comenzará a embalsar agua en el próximo verano".[Ligazón morta]
- ↑ xenealoxia.org, eds. (5 de xullo de 2005). "Topónimos xermánicos que rematan en -GONDO". Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2017. Consultado o 24 de agosto de 2017.
- ↑ Albaiges Olivart, Josep María (1997): Enciclopedia de los topónimos españoles. Planeta.
- ↑ Cabeza Quiles, Fernando (2014). A toponimia celta de Galicia. Toxosoutos.
- ↑ No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
- ↑ 41,0 41,1 41,2 41,3 "Decreto de 22 de abril de 1949 sobre protección de los castillos españoles. Ministerio de Educación Nacional. BOE nº 125 de 5 de maio de 1949". 5 de maio de 1949. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2018. Consultado o 25 de agosto de 2017.
- ↑ 42,0 42,1 Xabier Moure (onosopatrimonio), eds. (xullo de 2011). "Castelos de Galiza/Galicia. Castelos e Torres da Provincia da Coruña". Consultado o 25 de agosto de 2017.
- ↑ García G. Ledo, Xosé Antón (1994). Heráldica de Abegondo. Imprenta Mundo. ISBN 9788460497530.
- ↑ Moure Salgado, Xabier (xullo de 2011). onosopatrimonio.net, eds. "En busca do mosteiro perdido". Consultado o 26 de agosto de 2017.
- ↑ Troiano, Xosé (15 de novembro de 2016). "O cruceiro Bonito de Abegondo". patrimoniogalego.net.
- ↑ 46,00 46,01 46,02 46,03 46,04 46,05 46,06 46,07 46,08 46,09 46,10 46,11 46,12 46,13 Veiga Ferreira, Xosé María; Sobrino Ceballos, Juan (2014). Anuario Brigantino, ed. "Ermidas e capelas desaparecidas na comarca das Mariñas" (PDF) 37.
- ↑ Servizos Sociais de Abegondo, eds. (2006). "Escola infantil Pasiños". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ La Opinión A Coruña, eds. (2 de marzo de 2016). "La escuela infantil Pasiños de Abegondo reserva plazas para el próximo curso".
- ↑ Xunta de Galicia (eds.). "CEIP San Marcos".
- ↑ La Voz de Galicia, eds. (9 de novembro de 2000). "El Aula da Natureza de Crendes nace como centro interactivo de educación ambiental".
- ↑ Concello de Abegondo (eds.). "Inauguración Centro Cultural O Salón Mabegondo". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Concello de Abegondo (eds.). "Abegondo logra o financiamento da Xunta para a construción de beirarrúas en Bordel". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Concello de Abegondo (eds.). "Patrimonio autoriza o Concello a acometer a ampliación do centro social de Folgoso". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Concello de Abegondo, eds. (22 de agosto de 2012). "Abegondo impulsa un centro xuvenil en Figueroa para dar resposta ás necesidades dos mozos do municipio". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Concello de Abegondo, eds. (6 de xaneiro de 2011). "Abegondo transforma a antiga Escola do Neno Xesús nun centro social". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Concello de Abegondo (eds.). "Abegondo emprende a remodelación do centro social de Limiñón coa mellora da cuberta". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Concello de Abegondo, eds. (30 de xullo de 2008). "O Concello de Abegondo rematou as obras de adaptación e mellora en centros sociais". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ Concello de Abegondo, eds. (12 de marzo de 2011). "Decenas de veciños acoden ás inauguracións dos centros sociais de Cullergondo e Sarandós". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2017. Consultado o 27 de agosto de 2017.
- ↑ La Opinión A Coruña (eds.). "Casa das Abellas".
- ↑ CRTVG (eds.). "Este domingo no Labranza repasaremos os 125 anos de historia do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo - Noticias de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2017. Consultado o 28 de agosto de 2017.
- ↑ GCiencia (eds.). "O CIAM de Mabegondo desenvolveu 33 proxectos de investigación no 2015". Consultado o 28 de agosto de 2017.
- ↑ Centro Investigaciones Agrarias Mabegondo (eds.). "Historia". Consultado o 28 de agosto de 2017.
- ↑ 63,0 63,1 Xunta de Galicia (eds.). "DECRETO 145/1994, do 19 de maio, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Abegondo. Consellaría de Xustiza, Interior e Relacións Laborais". Consultado o 26 de agosto de 2017.
- ↑ "Reserva de Biosfera: Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo". Consultado o 26 de agosto de 2017.
- ↑ Blanco Ballón J.M.; Crecente Maseda R.; Vales Vázquez, C. (Coordinadores) (2012). Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, eds. Propuesta de Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (Documento técnico presentado ante la UNESCO (Paris).) (en (en castelán)). Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2017. Consultado o 26 de agosto de 2017.
- ↑ "Encoro de Abegondo - Cecebre, Código ZEC ES1110004. Rede galega de espazos protexidos. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia.". Consultado o 4 de agosto de 2017.
- ↑ Xunta de Galicia (eds.). "RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Ribeiras do Mero-Barcés, pertencente ao concello de Abegondo. DOG nº 235 do 2015/12/10, Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio". Consultado o 2017-08-26.
- ↑ Instituto Geológico y Minero de España, eds. (31 de decembro de 1983). "Anclajes en Lameira. Código LIG: 45001, Inventario Nacional de PIG (IGME)". Consultado o 26 de agosto de 2017.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abegondo |
Bibliografía
editar- Navaza, Gonzalo (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. ISBN 978-84-17807-09-2. doi:10.32766/rag.377.
- Rocha Carro, Juan José (1996). Abegondo, un curruncho das Mariñas. Abegondo: Concello de Abegondo. p. 256. ISBN 8492183608.