Xentilicio

adxectivo relativo ao lugar de nacemento de alguén

O xentilicio é un adxectivo relativo, sobre todo, ó lugar de nacemento e, en menor medida, á liñaxe ou raza á que alguén pertence (estes serían etnónimos).

En Galicia existe tradicionalmente unha tendencia ó uso de xentilicios hipocorísticos para entidades menores, non derivados do nome do lugar e si de características e alcumes, normalmente despectivos. Na actualidade, a linguaxe xornalística está a crear e inventalos para moitas pequenas poboacións galegas, con moi desigual calidade.[1]

Sufixos habituais editar

Sufixos de territorios de lingua galega editar

Os sufixos máis habituais para construír xentilicios en galego son:[1]

  • -és / esa: lugués/luguesa, santiagués/santiaguesa
  • -án / -á (zonas occidentais e centrais) ou -ao / -á (zona oriental): compostelán/compostelá, ribeirao/ribeirá
  • -ego / -ega: naviego/naviega
  • -eiro / -eira: rosaleiro/rosaleira
  • -iño / -iña, -íu / -ía ou -ín / -ina: troncosiño/troncosiña, franquíu/franquía, vilafranquín/vilafranquina
  • -exo / -exa: portexo/portexa
  • -oto / -ota:[2] miñoto/miñota

Empréganse tamén algúns sufixos cultos que forman xentilicios co étimo do topónimo:[1]

  • -ense: mindoniense
  • -ino / -ina: monterrosino/monterrosina

Sufixos de exónimos editar

Os principais sufixos para a formación léxica de xentilicios nos exónimos son:

  • -ano / -ana e -iano / -iana: venezolano/venezolana, iraniano/iraniana que é o máis habitual[2]
  • -án / -á e -ón / -oa: alemán/alemá, bretón/bretoa, que aparecen en poucos casos
  • -és / esa: chinés/chinesa
  • -ense: londiniense
  • -ino / -ina: alacantino/alacantina
  • -o / -a, posiblemente por derivación regresiva de lugares rematados en -IA(S) átono: polaco/polaca, sueco/sueca

Nalgúns casos os sufixos teñen relación coa área xeográfica:[2]

  • -ún(o) / -una, de orixe vasca, non é propio da lingua galega pero foi introducido incorrectamente polos medios de comunicación: euscaldún/euscalduna,[3] batasuno/batasuna
  • -arra, de orixe vasca, non é propio da lingua galega: donostiarra é a única palabra aceptada por motivos tradicionais recentes. Non se di "bilbotarra, irundarra, eibotarra...", pois existen as terminacións propias de orixe latina
  • , nas áreas árabes e musulmás: marroquí
  • -eño / -eña e -eno / -ena, na área hispana: panameño/panameña, chileno/chilena
  • -eiro / -eira, na área lusobrasileira e como adaptación de xentilicios iberoamericanos: brasileiro/brasileira, santiagueiro/santiagueira
  • -enco / -enca, nas áreas catalás: eivisenco/eivisenca

Por último, existen moitos xentilicios que empregan terminacións menos habituais:

  • -ático / -ática: asiático/asiática
  • -ita: vietnamita
  • -al: provenzal
  • -ol / -ola: español/española
  • -ar: balear
  • -asco(n) / -asc(on)a, de orixe francomeridional: monegasco/monegasca
  • -iño / -iña: biscaíño/biscaíña

De todos os xeitos, cómpre reiterar que a tradición marca popularmente o uso de xentilicios non derivados: gavacho, chamaco, che, paio.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Costas González 2016, p. 34.
  2. 2,0 2,1 2,2 Dosil López, Benxamín; Riveiro Costa, Xesús (2004). Dicionario de ortografía da lingua galega. A Coruña: Galinova Editorial. ISBN 84-9737-040-6. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para euscaldún.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar


 
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.