Neolítico

etapa da prehistoria, parte final da Idade de Pedra
Idades prehistóricas
Holoceno   La Tène   Protohistoria
  Hallstatt
Idade de Ferro
  Bronce final  
  Bronce medio
  Bronce antigo
Idade de Bronce
    Calcolítico    
  Neolítico Prehistoria
Mesolítico / Epipaleolítico
Plistoceno     Paleolítico superior  
    Paleolítico medio
    Paleolítico inferior
  Paleolítico
Idade de Pedra

O Neolítico, Nova Idade de Pedra, (do grego néos "novo" e lithos "pedra"), por contraposición a Paleolítico ou Vella Idade de Pedra, é un dos períodos en que se considera dividida a Prehistoria. Inicialmente déuselle este nome en razón dos achados de ferramentas de pedra puída que parecían acompañar ó desenvolvemento e expansión da agricultura. Hoxe en día defínese o neolítico precisamente en razón do coñecemento e uso da agricultura ou da gandaría. Normalmente, pero non necesariamente, vai acompañado polo traballo da olería.

Stonehenge

Desenvolvemento

editar

O Neolítico ou Revolución neolítica tivo o seu desenvolvemento en Oriente Próximo, dende onde se estendeu por Asia, Europa e África. Así a todo, tanto en Asia Oriental como en América cabe pensar nun desenvolvemento autóctono, ó menos en gran medida.

A etapa de transición ó neolítico coñécese como mesolítico, mentres que as fases do paleolítico tardío contemporáneas co neolítico e o mesolítico noutras rexións do planeta coñécense como epipaleolítico. Denomínase subneolítico a unha comunidade de economía cazadora-recolledora que recibe algún influxo de tipo neolítico, tipicamente a olería, dos seus veciños agricultores.

Inda que neolítico se traduce literalmente como "Nova (idade de) Pedra", quizabes sería máis apropiado chamalo "Idade da Pedra Puída". Abarca distintos períodos temporais segundo os lugares. Aproximadamente sitúase entre o 7000 a.C. e o 4.000 a.C. aproximadamente. Este período iniciouse no Curdistán antes do 7.000 a.C. (quizabes cara ó 8.000 a.C.) e difundiuse lentamente, sen que en Europa poida falarse de Neolítico ata datas posteriores ó 5.000 a.C.

A partir do ano 8.000 a.C. o cambio climático (época Pos-glaciar) fixo fuxir os rabaños de renos cara ó Norte, provocando unha diminución da caza. Declinou a cultura, volvendo o home ás covas (inda que nalgúns casos illados se conservaron as cabanas). O culto ós defuntos e os rituais funerarios se fixeron máis complexos. Esta época é chamada "período de marasmo" e sitúase no final do mesolítico e o principio do neolítico. Este cambio de clima cara ó 8.000 a.C. (en que se pasou a un clima temperado) fixo que o home modificara os seus costumes (o que se facilitaría polos cambios climáticos -temperado, frío, temperado, frío- do período 12.000 a 8.000 a.C.). As diferenzas culturais dunha zona a outra son perceptibles pero resulta imposible dar outro cualificativo ós homes que poboan extensas zonas cá de “Homo sapiens” ou “Home de Cro-Magnon” (unha das variedades do Homo sapiens), sen que poidan establecerse diferenzas étnicas rexionais que necesariamente houberon de darse polo desenvolvemento separado dos distintos grupos, o ambiente xeográfico distinto, a diversa climatoloxía, os hábitos alimentarios diferentes, e os múltiples costumes locais. Do establecemento da gandaría, e dunha economía de base gandeira, xorde a transhumancia, que pon en contacto os pobos, e consecuentemente a facilidade de comunicación entre culturas diversas e os contactos relativamente frecuentes entre xentes de diversas terras, e unha maior comunicación entre as diversas tribos. A emigración de tribos e a difusión de técnicas que cada grupo aprende do veciño, vai estendendo as culturas neolíticas dende o seu foco orixinario ó resto do mundo. Destes contactos e do desenvolvemento simultáneo da agricultura xorden, entre outras cousas, os primeiros muíños manuais para moer os grans que se cultivan.

Fases do Neolítico

editar

O Neolítico divídese en tres fases:

  • Neolítico inicial (I Fase)
  • Neolítico Medio (II Fase)
  • E Neolítico final (III Fase).

Características deste período son a completa domesticación dalgúns animais (o asno, o cabalo, o reno, ...), a substitución dos útiles de pedra tallada polos de pedra puída (que non é a novidade máis importante, se ben é a que dá nome ó período), unha práctica desaparición das manifestacións artísticas e o desenvolvemento dos cultivos na primeira fase, seguida dun decaemento xeral.

Pode seguirse o Neolítico con relativa exactitude na zona de Canaán, rexión onde xorden culturas agrícolas, sedentarias, (as primeiras culturas agrícolas xurdiron sen dúbida no Sueste de Anatolia (Çatal Höyük) cara ó 8.000 a.C.) probablemente antes do 7.000 a.C. Sábese da sementeira, plantación e almacenaxe de cereais, e sábese que domesticaron algúns animais, e entre eles, o primeiro, o can. Construíronse poboados de casas aproximadamente rectangulares en medianeira, sen rúas e con entrada pola cuberta. Tamén cabanas circulares, semi-subterráneas, dunha soa cámara, cos muros e o chan cubertos de barro (Jyroquitya, en Chipre).

A innovación difundiuse con extrema rapidez e antes do 7.000 a.C. xa se constata ó menos unha gran cidade, Xericó, cunha superficie dunhas catro hectáreas, cunha muralla de pedra e un foso escavado duns 8 metros de ancho por 3 metros de fondo, e con, ó menos, unha gran torre circular de 9 metros de altura, que servía como torre de vixilancia, con escaleira para acceder ó teito e á parte alta da muralla.

Esta primeira cultura neolítica (Neolítico pre-oleiro) durou dende aproximadamente o 7.500 a.C. ó 6.500 a.C. e foi substituída por outra "invasión" dende o Norte, de Anatolia, que durou tamén uns mil anos (6.500 ó 5.500 a.C.); seguiu despois outra cultura neolítica procedente tamén do Norte, que subsistiu outros mil anos (5.500-4.500 a.C.). Estas culturas fóronse difundindo por toda Eurasia, acelerándose a difusión despois do 5.000 a.C., data en que pode fixarse o inicio do período Neolítico no continente Europeo, alcanzando pouco despois a Península Ibérica.

A olería

editar
 
Alfararía neolítica

Nesta época difúndese o uso das pezas de olería, cuxa utilización na Península Ibérica é segura, existindo restos do Neolítico Medio.

Aparecida a olería, o home intenta decorala. Parece que as primeiras decoracións se facían con cordas, utilizadas a miúdo de reforzo, pero despois se introduciron outras variantes: a acanaladura, o cordón (liña en relevo a modo de corda, lixeiramente debaixo do bordo) e as asas de diversos tipos. A cerámica da época inicial (cara ó 4.000 a.C.) é da chamada de tipo cardial, con incisións de diversos tipos feitas cos dedos o con punzóns o espátulas de óso ou pedra puída, na arxila branda pero xa moldeada (sen torno evidentemente), antes da cocción. Recibe o nome de cardial por estar producidas a maioría das incisións cun tipo de cuncha chamada “Cardium Edule” (berberecho), da que se deriva o apelativo “cardial”. As incisións, a miúdo combinadas, buscaban efectos simétricos.

A vida no Neolítico

editar
 
Machado puído.

O cambio climático provoca unha lenta reconversión da economía de subsistencia baseada na caza, a unha economía máis estable de base gandeira e apoiada nos cultivos. Apréciase que o home deixa as montañas para desprazarse cara ás chairas en persecución das súas presas de caza. O home volve ás covas inda que nalgúns puntos puido conservar a utilización de cabanas nas proximidades de ríos.

O desenvolvemento da gandaría dá lugar á transhumancia e ós contactos relativamente frecuentes con xentes doutras terras existindo unha maior intercomunicación entre as diversas tribos. Para os machados e outros instrumentos utilízase a pedra puída e os útiles e algunhas ferramentas fabrícanse frecuentemente con óso.

Un descubrimento de capital importancia para a vida do home, e que tivo un desenvolvemento moi rápido, é a olería, que permitiu a construción de recipientes para líquidos. Facilitou enormemente a vida do home que xa non necesitaba estar permanentemente nas proximidades da auga, ou realizar a miúdo longos percorridos para fornecerse, pois almacenaba a auga (e non só auga, tamén grans, sementes, produtos moídos....) nos recipientes de olería. Só necesitaba desprazarse periodicamente para renovar o abastecemento da cantidade consumida dende a subministración anterior.

O culto ós mortos empeza a desenvolverse e aparecen os primeiros megálitos. (en realidade o culto ós mortos apareceu fai 30.000 anos, como o demostra o enterramento da cova de Morín, Cantabria).

Empezan a usarse os primeiros trenzados de fibras. Probablemente os primeiros se fixeron toscamente con ramas. A técnica foi evolucionando ata chegarse a cestos bastante ben logrados no neolítico, produto da necesitade de recolección de froitos. Os cestos fixéronse de vimbio. Nestas, os humanos déronse conta, por causas descoñecidas, quizabes por casualidade, de que algúns produtos, como o liño e o cánabo (e logo outros) podían estirarse mediante un fuso ou unha barra de madeira redonda, a modo de imitación dos tecidos dos cestos podían tecerse estes fíos e fabricar teas. Seguramente ó principio pensouse utilizar o invento para facer cestas máis lixeiras, antes de destinalos a teas de vestidos. Outra peza de roupa moi difundida é o saco, tecido en esparto.

Neste período o home domesticou o can. O óso emprégase frecuentemente.

Para conservar a carne, secábase ó sol ou salgábase, colocándoa colgada no centro dunha figura de tres estacas co chan no mesmo vértice.

A olería é unha innovación da época. Antes usábanse cabazas baleiras (que podían conter auga pero non podían pórse ó lume) e cestos de vimbio (que non podían conter auga). Posteriormente estes recipientes de vimbio se impermeabilizaron coa arxila seca ó sol ou cocida ó lume. Máis tarde aprenderon a dar a forma á arxila cun esqueleto de vimbio moi simple e logo sen esqueleto. A forma era a miúdo de cabaza e as dimensións parecidas ó cesto de vimbio.

Os cazadores non usaban as pezas de arxila (pola súa fraxilidade), preferindo as de vimbio ou de tecidos. En cambio ós gandeiros e agricultores lles proporcionaba seguridade no almacenamento de auga e outros produtos (fariña, mel...), o que, xunto cos medios de conservación da carne, axúdaos a ser menos dependentes da caza diaria.

A habilidade manual dos poboadores da época utilizábase na preparación de trampas de cordas de certa complexidade. O animal capturado polas cordas tendidas polo ser humano, era rematado despois por este. O desenvolvemento das trampas coincide co culto á araña, estendido por tódalas culturas neolíticas de Europa Occidental e outras, culto probablemente vinculado á habilidade deste pequeno animal para colocar as súas trampas, as teas de araña.

O humano estaba habituado a seguir as pegadas dos animais e é notoria a especialización que alcanzara, ata o punto de que nas pinturas rupestres, nos pés están representados perfectamente os pezuños tal e como se marcaban no chan. Ó parecer, polas representacións pictóricas, os homes corrían a unha altísima velocidade, perseguindo as súas presas.

Desta época son tamén as primeiras culleres, que non se usaban para comer senón para mesturar os alimentos en cocción.

Por mor de capturas de xabarís vivos (leitóns), principalmente femias, estes animais foron domesticados e deron orixe ó porco (en xeral o xabaril era unha peza de caza). A miúdo se representan nas pinturas rabaños de xabarís que non son obxecto de caza e que poderían tratarse de rabaños en proceso de domesticación.

As danzas rituais, asociadas a ritos de fertilidade e ás prácticas relixiosas (que agora descoñecemos) da época, seguen practicándose. Probablemente, cada grupo dispoñía dun feiticeiro, que se adornaba cunha cabeza de touro salvaxe oca e unha pel de touro que incluía a cola. Estes meigos son os que aprendían e difundían as novas técnicas, transmitían os seus coñecementos ó seu sucesor ou sucesores e ata é posible que foran os autores das pinturas rupestres pois en xeral estas se supoñen asociadas a ritos relixiosos ou máxicos.

Os meigos tiñan vagos coñecementos astronómicos (observaban o ceo e nunha pintura está representada a Osa Maior); observaban os costumes dos animais, salvaxes ou non, para facer máis doado a súa captura ó imitalos (por exemplo a araña, pero tamén outros) e ensaiaba sobre vexetais, comestibles ou non.

Existen representacións de execucións: unha falanxe de guerreiros, entre os que parece distinguirse un dos demais pola súa posición e polo uso dunha peza na cintura, e que probablemente debía ser o xefe do grupo, dispara frechas contra un condenado ¿eran sacrificios humanos ligados a crenzas relixiosas? ¿eran execucións de prisioneiros de guerra? ¿era a aplicación da pena capital por algún delito?. Non é posible sabelo.

Neste período celebrábanse asembleas ou reunións de guerreiros. Crese que tiñan importancia política ou relixiosa. As escenas que representan reunións achegan imaxes cuns vinte guerreiros, o que demostraría a existencia de grupos duns cen individuos ou máis, xa que hai que incluír as mulleres, nenos, anciáns, adolescentes, meigos e os seus axudantes, sentinelas, e outros. Pénsase que a asemblea de guerreiros exercía un poder decisorio. Por algunhas representacións dedúcese que a asemblea, se non tiña carácter militar, tiña unha finalidade relixiosa, venerándose as pinturas dos grandes animais ou a estes mesmos (da veneración das pinturas neolíticas existe constancia en épocas posteriores, incluso en tempos dos romanos, presumíndose que a tradición continuou sen interrupción dende o Neolítico ó período romano).

O uso do mel continúa. A súa importancia deriva do feito de que era o único alimento doce coñecido, igual que o sal era o único salgado. Ademais, dos panais obtíñase a cera, que seguramente se usaba en rituais másicos, relixiosos e/o funerarios.

Do mel obtívose nunha época indeterminada o hidromel, solución acuosa de mel que a consecuencia da fermentación alcohólica perdeu toda ou parte da materia azucrada e converteuse en alcohol etílico, sendo parecido no seu sabor a algúns tipos de viño. O hidromel tiña unha cor brillante e dourada. Para fabricar hidromel usábase a auga utilizada para lavar utensilios que contiveran mel, á cal se engadía mel (25% de mel e 75% de auga) co pole extraído dos panais para a súa fermentación (0,05%), creándose unha bebida duns quince graos.

Outra bebida é a cervexa, que é anterior ós cultivos. Crese que os poboadores neolíticos quentaban ó máximo unha pedra oca contendo auga e plantas silvestres, fermentándoo coas mesmas herbas mastigadas e cuspidas no líquido. Este procedemento usábase aínda na industria leiteira vasca a principios do século XX para fabricar callada (se ben o leite se introducía en recipientes de madeira nos que se introducían as pedras quentes). Foi en Exipto onde se aprendeu a elaborar a cervexa con cebada, sistema que probablemente non acadou Europa ata o período dos indoeuropeos ou celtas.

Non se coñecía o viño, nin tampouco o aceite (usándose graxas animais). En cambio si se coñecía o leite, a raíz da domesticación do gando, inda que só se usaba o de cabra (ata a época romana non se difundiu o uso do leite de vaca).

O trigo, que era unha planta silvestre difundida en Asia menor, foi cultivado dende antigo en Oriente Medio, e o seu cultivo difundiuse no Neolítico chegando a Europa cara ó 5.000 a.C. Comíanse os grans de trigo e outros cereais, e máis tarde trituráronse, coméndoos entón triturados o convertidos en pasta ó mesturalos con auga. Ás veces tamén se comían os grans fervidos.

Os sistemas de moer fariña con muíños de pedra apareceron no Neolítico. A pasta ou masa (fariña e auga) cocíase en pedras quentes. Máis tarde descubriuse o sistema de fermentación e a súa cocción pasou a realizarse en fornos cada vez máis evolucionados. Fabricábase o pan con fariña de trigo, de cebada e de centeo, e probablemente tamén con fariña doutros cereais (millo, avea...).

O Neolítico Medio ou Pleno

editar

O Neolítico Medio ou pleno pode situarse entre o 3500 a.C. e o 2500 a.C..

É neste período que a olería acada a súa maior difusión, coa importancia que tivo para a vida do home. A olería de entón corresponde ó tipo chamado de olería con acanaladura que dá idea dun maior desenvolvemento da cerámica en xeral.

Chama a atención neste período a desaparición dos cultivos agrícolas, que adquiriron bastante desenvolvemento na etapa anterior, e que nesta case se extinguen ou cando menos retroceden en forma notoria. Non se coñece a causa que motivou este fenómeno xeral.

Parece ser que este período provocou desprazamentos masivos de poboacións que se asentaron en determinadas zonas xeográficas. En Cataluña percíbese claramente o asentamento dunha poboación procedente seguramente de Suíza e do norte de Italia, que empuxou ós primeiros emigrantes orientais do período anterior máis ó Sur. Os emigrantes instalados en Cataluña, que constitúen a Cultura das sepulturas de fosa, achegaron unha cultura de base agrícola e gandeira, que establecía os seus poboados en cabanas nas chairas, soterrándose en fosas como sepultura, distintas da sepultura en covas, o que demostra que non as utilizaban. Sen dúbida pasada a primeira época de invasión, e asentada solidamente a poboación, estes emigrantes puideron adoptar novos costumes funerarios, relixiosos, económicos e sociais, incluídos non só pola cultura de onde procedían, senón tamén polos restos da cultura mesolítica anterior á primeira emigración oriental, e por esta primeira cultura oriental.

A transhumancia puxo en contacto ós poboadores de diversas rexións. Así a cultura arcaizante, Asturiense, da cornixa Cantábrica e Aquitania, a Cultura das Covas no Val do Ebro (neolítica), e a Cultura dos Sepulcros de fosa en Cataluña.

Nesta época xa apareceron algúns elementos de bronce en Francia, cara ó final do período.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar