Idades prehistóricas
Holoceno   La Tène   Protohistoria
  Hallstatt
Idade de Ferro
  Bronce final  
  Bronce medio
  Bronce antigo
Idade de Bronce
    Calcolítico    
  Neolítico Prehistoria
Mesolítico / Epipaleolítico
Plistoceno     Paleolítico superior  
    Paleolítico medio
    Paleolítico inferior
  Paleolítico
Idade de Pedra

Epipaleolítico, que quere dicir Por Encima do Paleolítico, é un vocábulo acuñado a principios do século XX para definir unha fase da Idade de Pedra que ata entón se denominou Mesolítico. Este novo termo intentaba remarcar a continuidade cultural que se demostrou que existía entre ambos os períodos, moi afastada da percepción de ruptura e decadencia que ata entón se tivo desta época.

Problemas de terminoloxía

editar

O Epipaleolítico non foi aceptado por todo o mundo científico e, actualmente, é un termo utilizado de diferentes xeitos:

  • no ámbito anglosaxón xeralmente úsase como sinónimo de Mesolítico;
  • na área de influencia académica francesa adóitase establecer unha clara diferenza entre ambos:
    • Mesolítico reservaríase para aquelas sociedades de cazadores-recolectores que por si soas, debido aos seus propios procesos internos ao longo do tempo, terminaron transformándose en agricultores.
    • Epipaleolítico sería de aplicación a aqueloutras que só cambiaron a súa economía depredadora por unha produtora debido a influencias externas (contactos con pobos xa neolitizados)[1]
  • unha terceira tendencia sería a daqueles autores que identifican Epipaleolítico coas sociedades do Holoceno inicial de clara tradición paleolítica e Mesolítico coas súas sucesoras.[2]
  • para rematar, hai quen propón un terceiro termo para este período:
    • Epipaleolítico sería o adecuado para os grupos que mantiveron as estratexias paleolíticas pero especializándose.
    • Mesolítico adxudicaríase a aqueles que inicialmente optaron por tal vía pero logo foron entrando nunha dinámica de produción alimentaria.
    • Subneolítico aplicaríase ás comunidades veciñas de sociedades neolitizadas que foron asumindo aos poucos esas técnicas por aculturación.[3]

Adaptación

editar

O Epipaleolítico comezaría coa transición do Plistoceno ao Holoceno, hai uns 12000 anos, e acabaría coa aparición dos modos de vida produtores/neolíticos, cuxa cronoloxía varía moito dunhas rexións a outras e dun continente a outro. Esta época estivo marcada polo final da era glacial e a implantación dun clima tépedo/cálido que permitiu o aumento dos bosques e a biodiversidade, e provocou a inundación de amplas zonas costeiras. Cambios que influíron necesariamente no comportamento e na cultura material dos humanos da época, que tiveron que adaptarse a novas situacións, realizando modificacións na súa tecnoloxía e estratexias de caza para poder seguir obtendo recursos.

 
Fraccionamento concoide de sílex e afiados anacos cortantes.

Ao acabar a última glaciación do Plistoceno (a de Würm, que tamén foi a máis dura) comezou un cambio climático, marcado por unha alternancia de fases tépedas e frías, que permitiu a extensión das masas boscosas en Eurasia e Norteamérica, pero provocou tamén a formación de amplas faixas esteparias e/ou semidesérticas ao redor dos trópicos. Como consecuencia destes cambios extinguíronse ou emigraron os grandes mamíferos que formaran a base da dieta do home do Paleolítico Superior: o mamut lanudo e o rinoceronte lanudo, entre outros, desapareceron, e animais como o reno e o bisonte emigraron cara ao norte. Pola contra prosperaron animais de costumes menos gregarias, cuxa caza resultaba máis complexa: cervos, xabarils, corzos, coellos etc. Para cazalos o home utilizou, probablemente, cans, o primeiro animal que domesticó, xa a finais do Paleolítico Superior en Europa occidental.[4] A dieta diversificouse enormemente, incluíndo entón outros pequenos mamíferos e aves como os gansos, tordos, faisáns, gaios, pombas etc. A recolección de froitos e raíces estendeuse, e aumentou espectacularmente o consumo de caracois e cunchas, como o demostran os enormes concheros da vertente atlántica europea e os caracoleiros das covas pirenaicas. Tamén se comezou a desenvolver a pesca fóra da costa, en mar aberto.[5] Fabricáronse zorras, nun principio tiradas por homes e logo por cans, e canoas feitas con peles ou cortizas de árbores.

 
Arpón con armadura de microlitos xeométricos.

A industria lítica mostra unha clara tendencia á fabricación de pequenos utensilios adaptados ás novas situacións e usos, moi especializados, os microlitos. Estes eran utilizados para a recolección de moluscos e para a súa apertura, como puntas de frecha, nos arpóns, como raspadores, buriles etc. As armas máis abundantes foron os arcos, feitos de madeira e tendóns animais, con frechas que incorporaban na súa punta microlitos de variadas formas xeométricas: triángulos, trapecios etc. Tamén se usaron frechas e arpóns manufacturados enteiramente en óso, en corno ou en madeira.

Rexionalización

editar

Se por algo se caracteriza o Epipaleolítico é polo inicio dunha clara rexionalización que se aprecia na cultura material dos grupos humanos de diferentes zonas. Rexionalización que, posiblemente, foi a consecuencia da redución das súas áreas de captación de recursos e, xa que logo, dos seus "intercambios" culturais con outros grupos. En Europa hanse de diferenciar dúas grandes áreas:

  • as rexións meridionais e centrais, que non habían estado cubertas polo xeo e cuxas poboacións paleolíticas proseguiron as súas propias pautas de evolución;
  • as rexións setentrionais, que comezaron a ser repoboadas ao retirarse os glaciares[1].

Na área mediterránea ibérica e francesa, foron identificados dous complexos culturais sucesivos: o microlaminar, que deriva do magdaleniano paleolítico, pero sen industria ósea, con menos buriles e máis raspadores; e o xeométrico, con abundantes microlitos de forma triangular e/ou semicircular, primeiro, e trapezoidal despois (este complexo foi identificado e denominado en Francia cos apelativos de sauveterriense e tardenoisiense).

Na costa cantábrica e Pireneo francés destacou inicialmente o aziliense, caracterizado polos seus arpóns, máis ovalados que os anteriores magdalenianos, e polos abundantes cantos rodados pintados interpretados como obxectos máxicos e/ou rituais. Posteriormente na costa desenvolveuse o asturiense cuxos picos de factura arcaica poderían estar relacionados co masivo uso dos moluscos mariños que estas xentes deberon facer, como o proban os abundantes concheiros atribuídos a esta cultura.

No norte de Europa, colonizado tardiamente, destacou o maglemosiense, contemporáneo do complexo xeométrico, caracterizado polos seus microlitos e abundante industria en ósos, cornos e madeira. Despois, mentres o Neolítico estendíase polo continente, apareceu o erteboliense, con grandes concheiros, necrópoles e cerámica, signo evidente de aculturación[1].

Ao terminar o Paleolítico Superior tamén desapareceron con el as súas espléndidas manifestacións artísticas, aparecendo outras novas, influenciadas, inevitablemente, polos cambiantes factores climáticos e os novos hábitos socio-económicos. O problema desta nova arte postpaleolítico é que resulta moi difícil de datar e os investigadores non se pon de acordo acerca da súa periodización. Uns opinan que representacións como as da arte naturalista levantino son xa do Neolítico inicial, outros que é anterior. De calquera xeito a arte non desapareceu e seguímolo atopando en abrigos rochosos (arte parietal) e en obxectos persoais (arte moble).

A arte volveuse conceptual e racionalista, baseado no xeométrico e o abstracto.[6] A cultura aziliense da cornixa cantábrica e do Pireneo francés deparounos abundantes cantos rodados decorados con seriacións de bandas, puntos, ramiformes etc., de carácter abstracto, e aos que se lles outorga un significado máxico/simbólico.

No Levante español grupos humanos deixaron pinturas que mostran unha evolución da arte rupestre cara a modelos máis esquemáticos. Nas paredes dos abrigos, estes homes pintaron complexas escenas de caza, de danzas e ritos máxicos.[7] As figuras están feitas con pigmentos negros ou avermellados, e son moi estilizadas. A pesar diso pódense identificar personaxes como feiticeiros/xamáns, grazas aos tocados que lles cobren a cabeza, aos bastóns que levan e aos adornos que lles colgan de xeonllos e brazos; tamén se aprecian homes con plumaxes e brazaletes en brazos e nocellos, mentres que as mulleres locen longas saias. Hai moito movemento (como contraste coa arte paleolítica) e as loitas entre grupos aparecen con relativa frecuencia, con batallas de arqueiros que ata chegan ao corpo a corpo.

  1. 1,0 1,1 1,2 Fullola, Josep Mª; Nadal, Jordi (2005). Ed. UOC, ed. Introducción a la prehistoria. La evolución de la cultura humana (primeira ed.). Barcelona. pp. 111–113. ISBN 84-9788-153-2. 
  2. Bernabeu, Joan; Aura, J. Emili; Badal, Ernestina (1993). Ed. Síntese, ed. Ao oeste do Eden. As primeiras sociedades agrícolas na Europa mediterránea. Historia Universal, Prehistoria, 4 (primeira ed.). Madrid. pp. 190–192. ISBN 84-7738-182-8. 
  3. Eiroa García, Jorge Juan (2010). Selo Editorial SL, ed. Prehistoria do mundo. (primeira ed.). Barcelona. pp. 347,389. ISBN 9788493738150. 
  4. Fullola, Josep Mª; Gurt, Josep Mª (1992). Ed. Salvat, ed. La Prehistoria del Hombre. (en castelán) (primera ed.). Barcelona. p. 40. ISBN 84-8031-012-X. 
  5. Carlos López (13 de junio de 2006). El Diario Vasco, ed. "Aranzadi demuestra que los hombres del mesolítico se alimentaban con peces capturados a cierta distancia de la costa". Consultado o 3-11-2012. 
  6. arteespana.com (ed.). "Arte Mesolítico" (en castelán). Consultado o 18-11-2012. 
  7. memo.com.co (ed.). "La Escultura y la Pintura Rupestre del Paleolítico Superior" (en castelán). Consultado o 19 de setembro de 2010. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
Prehistoria del Vello Mundo
Idade de Pedra Idade dos Metais
Paleolítico Mesolítico
Epipa-
leolítico
Neolítico Idade do Cobre (excepto África subsahariana) Idade de Bronce (excepto África subsahariana) Idade de Ferro
Paleolítico inferior Paleolítico medio Paleolítico superior