Xabaril

mamífero selvaxe
Xabaril
20160208054949!Wildschein, Nähe Pulverstampftor (cropped).jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Suidae
Xénero: Sus
Especie: S. scrofa
Nome binomial
Sus scrofa
Linnaeus, 1758
Distribución Sus scrofa

Distribución Sus scrofa
Distribución no mundo. En azuis onde foron introducidos.

Distribución no mundo. En azuis onde foron introducidos.

O xabaril (do árabe djabalí[1]) ou porco bravo (Sus scrofa, L. 1758) é un mamífero artiodáctilo e suídeo de medio porte e corpo robusto. É considerado o antepasado a partir do cal evoluíu o actual porco doméstico (Sus domesticus ou Sus scrofa domesticus). A forma xabarín está considerada polo DRAG como menos recomendable.[2] Pola súa semellanza co porco, antigamente recibiu tamén denominacións derivadas deste: cocho bravo[3], porco montés[4] e porco fero[5].

Ten unha ampla distribución xeográfica, desde a área mediterránea de Europa ata Asia e Indonesia. En Galicia tamén está amplamente distribuído.

Das diferentes subespecies que existen do Sus scrofa, na Península Ibérica danse dúas:

  • Albar ou Sus scofra castilianus: de distribución máis norteña, tamaño maior e pelaxe máis clara e tupida, formada por sedas e borra.
  • Arocho ou Sus scofra baeticus: propia do sur da península, menor có anterior, de cor máis moura e menos pelo, formado só por sedas.

DescriciónEditar

O peso medio oscila entre os 70 e os 90 quilos dos machos e os 45 e 65 das femias, aínda que hai machos que poden acadar os 150 kg [6]. Mide entre 110 e 160 cm de cumprimento e 65–70 cm de altura. O corpo é robusto, co pescozo curto. A cola é de tamaño medio, cun penacho no cabo. Ten unha cabeza relativamente grande, triangular, cun longo fociño. Ollos pequenos e orellas relativamente grandes. Nos machos, a mandíbula superior está provista de dous caninos grandes e encorvados cara arriba (que se valoran como trofeo de caza [1]). Posúen un oído e un olfacto moi desenvolvidos, mentres que a vista é regular, particularmente a longa distancia.

 
Grupo de rellos.

A pelaxe, máis longa e densa no inverno, é rixa, con presenza de sedas moi fortes, e de cor parda escura. Medra especialmente no lombo e na base das orellas, formando unha crina abundante. As crías presentan unha pelaxe mimética característica (á que deben o nome en castelán: rayones), a base de raias leonadas e marróns; os exemplares subadultos -a partir dos seis meses de idade- preséntana máis acastañada, polo que reciben o nome de vermellos.

O tempo de vida medio é de 10-12 anos, alcanzando os 20 nos exemplares en catividade.

EcoloxíaEditar

O xabaril habita en zonas boscosas e de matogueira densa, pero tamén en zonas asulagadas e brañas, sen mostrar temperamento territorial definido; pode atoparse tanto á beira do mar como nas terras máis altas dos Ancares. Son animais gregarios que, fóra da época de celo, viven en grupos familiares formados por unha femia, as súas crías e exemplares xuvenís de partos anteriores, constituíndo mandas de entre 5 e 20 individuos. Os machos adultos viven illados e arrexúntanse ao grupo soamente na época de reprodución, que ten lugar entre novembro e xaneiro. A xestación vén sendo dunhas 12 semanas (114 días) e o parto prodúcese entre marzo a abril, parindo en cada camada de 3 a 12 crías (normalmente, 4-5).

A madurez sexual alcánzase ós 8-20 meses, nas femias, e ós 10 meses, nos machos.

É un animal omnívoro pero con clara preferencia polos produtos vexetais: herbas, landras, tubérculos, millo, cogomelos, castañas e froitas diversas, pero tamén come insectos, miñocas, réptiles, ovos e carniza. Por outra banda, o xabaril vén sendo unha presa habitual do lobo.

É de hábitos principalmente crepusculares e nocturnos pero resulta habitual que tamén saia dos seus agochos durante o día. Unha das actividades características desta especie son os baños de lama que teñen unha función de termorregulación e, probablemente, algún papel na selección sexual, xa que durante o período de celo as balsas de baño están ocupadas case exclusivamente por machos adultos, mentres que no verán son utilizados por exemplares de calquera idade e ámbolos dous sexos. Neste sentido, a lama que se fixa á pelaxe podería intervir na persistencia do olor sexual [7].

O xabaril é quen de provocar danos na agricultura ó realizar incursións nas terras de cultivo (preferentemente millo e patacas), nas que provoca maiores danos có valor dos froitos que consome. Tamén estraga os prados ó fozar neles na busca de raíces e invertebrados. Para compensar ós agricultores, a Xunta de Galicia inclúe estes danos entre os prexuízos subvencionables, realizando por este concepto pagos de 51.353 euros en 2006, 79.104 en 2007 e 109.576 en 2008 [8].

En Galicia, debido á súa caza masiva, ficou reducido á zona oriental ata que a partir da década dos sesenta comezou a espallarse de novo por case todo o país. Este aumento dos censos deuse tamén no resto do Estado Español, probablemente polo efecto combinado do control da caza, o descenso nas poboacións dos seus predadores (especialmente do lobo) e o abandono do medio rural (especialmente das zonas de monte, co que aumentaron as zonas aptas para a súa cría). López Seoane catalogouno en 1861 como escaso en Galicia pero nos anos 1980-1985 puido comprobarse a súa presenza en todo o país agás nas áreas costeiras da Coruña e Pontevedra [9].

Non dispón de ningunha figura de protección ó ser unha especie abundante e cazable.

PorcorilEditar

Dende o ano 2015 téñense detectado nos montes galegos un novo híbrido de porco bravo, froito do cruzamento entre o xabaril e porco vietnamita. Os porcos vietnaminas úsanse coma mascotas, porén, debido ao gran tamaño dos individuos adultos, moitos foron abandonados nos bosques. Estes conseguiron adaptarse bastante ben, chegando a cruzárense co porco bravo e dando lugar a unha nova variedade. No pelame é semellante ao xabaril, mais a forma do corpo lembra máis á dun porco vietnamita. Disque as maneiras son torpes e que non conseguiu adaptarse ben ao medio polo de agora. Se ben, supón unha ameaza ecolóxica para o monte galego xa que ademais de conseguir introducirse por moitos dos cerramentos polos que o xabaril non é quen, supón tamén un perigo para a sobrevivencia do xabaril autóctono. Téñense identificado máis dun centenar nas catro provincias galegas[10].

O recente nome: porcoril (de porco– polo porco vietnamita e mais –ril, en alusión ao xabaril), aínda non aceptado pola Real Academia Galega, é unha solución que foi prendendo entre os falantes galegos, coa empuxada da difusión polos medios de comunicación; de feito, é desde este ámbito de onde reclaman a autoría do neoloxismo (TVG, agosto de 2016)[11].

Especie cinexéticaEditar

 
Xabaril femia.

Desde a Antigüidade clásica á Idade Media, o xabaril foi sempre considerado como especie cinexética de prestixio, especialmente os machos adultos que eran vistos como o paradigma da coraxe e bravura. Antes das armas de fogo, o xabaril era cazado usualmente cun tipo de lanza específico para o obxectivo. A caza ao xabaril é aínda hoxe en día moi popular.

En Galicia, segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, o número de exemplares cazados foi medrando paseniño desde os 1.603 na tempada de caza 2000-2001 ata os 7.452 na tempada 2007-2008 e 16.118 na tempada 2018-2018 [12].

Na actualidade existen granxas nas que se cría o xabaril en réxime de semiliberdade.

GastronomíaEditar

A carne do xabaril adulto é de cor moura e con moi pouca graxa, e resulta dura aínda tras un cociñado prolongado, polo que se prefire a dos exemplares novos. Por mor dos seus hábitos nutritivos e da lonxevidade que poden alcanzar, o consumo de carne de xabaril presenta o risco de transmitir a triquinose, polo que cómpre realizar en todo caso un detido exame parasitolóxico.

Os xabarís na cultura e mitoloxíaEditar

 
Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, na igrexa de San Francisco (Betanzos).
 
Escudo da cidade alemá de Ebern.

As referencias culturais ao xabaril son abundantes desde polo menos a Grecia Antiga:

Mitoloxía gregaEditar

O terceiro dos doce traballos de Heracles foi capturar vivo o xabaril de Erimanto. Este era un animal enorme que devastana as terras nos arredores do Erimanto. Heracles obrigouno a saír do covo e perseguiuno pola neve, para así fatigalo. Ó final puido capturalo e entregalo a Euristeo quen, morto de medo, ordenou a Heracles que o soltase.

Eneo, rei de Calidón (cidade de Etolia), fixo unha ofrenda ós deuses pola colleita recollida pero esqueceu citar a Ártemis. Esta, furiosa, envioulle un porco bravo de gran tamaño e forza extraordinaria que secaba as terras e mataba os gandos. Eneo chamou a tódolos campións da Hélade e prometeu a pel do animal a quen acabara con el. Reuníronse moitos homes, entre eles Meleagro, fillo de Eneo, e Atalanta, filla de Esqueneo. Atalanta foi a primeira que o alcanzou coas súas frechas no lombo, pero foi Meleagro quen o matou, aínda que regalou a pel a Atalanta. Os fillos de Tesio, sogro de Eneo, quitáronlle a pel aducindo que era inaceptable que unha muller lograse o premio habendo varóns que o merecían, e arguíndo que, por razóns de parentesco, lles correspondía a eles se Meleagro o rexeitaba. Meleagro matounos e devolveu a pel a Atalanta, e entón, Altea, esposa de Eneo, prendeu lume ó tizón que prognosticaba o momento da morte de Meleagro e este morreu no acto [13].

Pelias, fillo de Poseidón, ofreceu a man da súa filla Alcestis a quen lograse xunguir nun mesmo carro a un león e un porco bravo. Apolo (que daquela estaba ó servizo de Admeto) conseguiuno e entregou o carro a Admeto, quen o levou ante Pelias e así obtivo a Alcestis. Pero cando fixo os sacrificios no momento da voda esqueceu ofrecerlle un a Ártemis, e cando esa noite foi abrir a cama encontrouna chea de cobras enrodeladas. Apolo conseguiu aplacar á deusa e pediu ás Moiras que, cando Admeto estivese a piques de morrer, poidera librarse da morte se alguén aceptaba voluntariamente morrer no seu sitio. Pero chegado este momento, ninguén quixo morrer no seu lugar, excepto Alcestis, aínda que Perséfone lle permitiu regresar á vida [14].

O xabaril na cultura popular galegaEditar

O unto de porco bravo emprégase para cura-lo fogo ardente (denominación popular do ergotismo) (LIS QUIBÉN:24).

Os cairos do xabaril utilizábanse adoito como amuleto protector. Púñase atado na man dos meniños para protexelos do mal de ollo e outras doenzas. Tamén se levaba, co mesmo fin, cosidos na roupa ou convertidos en colgantes.

CantigueiroEditar

  • Miña nai botoume fóra/ por enriba dun tellado;/ vaite, miña filla, vaite,/ vai tornar un porco bravo.

AdiviñasEditar

  • Era pinguín que pingaba,/ veu funguín que fungaba/ a comer a pinguín que pingaba,/ e veu rapín que rapaba/ e comeu a funguín que fungaba.[15]

LocuciónsEditar

  • Coma un porco bravo: ser moi irascible, ter mal xenio.
  • Ser de canteiro revirado, como ten o porco bravo: ser malintencionado.

NotasEditar

  1. Orixe do nome no artigo porcoril do Portal das Palabras da RAG.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xabarín.
  3. Ana Isabel Boullón Agrelo e Xermán García Cancela. Diccionario normativo galego-castelán (en castelán). p. 217. Consultado o 22 de maio de 2019. 
  4. Víctor López Seoane (1861). Fáuna Mastológica de Galicia, ó historia natural de los mamiferos de este antiguo Reino, aplicada á la medicina, á la agricultura, á la industria, á las artes y al comercio (en castelán). p. 525. Consultado o 22 de maio de 2019. 
  5. Juan Cuveiro y Piñol (1876). Diccionario gallego: el más completo en términos y acepciones de todo lo publicado hasta el día con las voces antiguas que figuran en códices, escrituras y documentos antiguos, términos familiares y vulgares y su pronuciacion. Para la escuela de diplomática, anticuarios, jueces, abogados, escribanos, párrocos y otras personas a quienes es indispensable su frecuente uso (en castelán). p. 254. Consultado o 22 de maio de 2019. 
  6. Cítase o caso excepcional dun exemplar de 210 kg cazado en Faramontaos (Atlas de vertebrados de Galicia, 305). A fonte non especifica a que Faramontaos se refire.
  7. Pedro Fernández-Llario.
  8. La Voz de Galicia, 1.03.2009.
  9. Atlas de vertebrados de Galicia, 304.
  10. Noticia en El Progreso sobre o porcoril
  11. Artigo sobre o porcoril no Portal das Palabras da RAG.
  12. La Opinión A Coruña 2.11.2019
  13. PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, Libro I, 8, 2-3.
  14. Pseudo-Apolodoro, Libro I, 9, 15.
  15. Solución: O castiñeiro ou a mesma castaña (pinguín), o xabarín (funguín) e o lobo (rapín).

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • "El imparable abandono del campo apuntala el imperio del jabalí", en La Voz de Galicia, 1.03.2009.
  • DACOSTA ALONSO, Marta et al: "Breves vocabularios da caza e da pesca" en Cadernos da Lingua 7, Real Academia Galega 1993.
  • DIRECCIÓN XERAL DE MONTES: Guía das especies cazables. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, 1992.
  • GÁRFER, José Luis e FERNÁNDEZ, Concha: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones, Madrid, 1984.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid, 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña, 1885-1886 (reed. facs. Akal, Madrid 1979).
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL: Atlas de vertebrados de Galicia, I. Consello da Cultura Galega, Santiago 1995.

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar