Abrir o menú principal
Exemplos de brasóns

A heráldica é unha das ciencias auxiliares da historia e da arte. Ocúpase do estudo da composición e do significado dos escudos de armas ou brasóns.

HistoriaEditar

A disciplina nace arredor do século XII e ten nos seus comezos unha aplicación práctica: permite identificar por debaixo da súa armadura o guerreiro que porta un determinado escudo e adscribilo a algún dos bandos enfrontados nun lance. Co tempo, a heráldica foi estendendo o seu ámbito para abranguer a identificación non só de persoas, senón tamén de corporacións, poboacións, entidades públicas etc.

Fronte a outras simboloxías, a heráldica caracterízase pola asunción dun conxunto de normas ríxidas para a composición dos escudos de armas e a transmisión das armarías a través de xeracións como elemento identificador da liñaxe. En efecto, a heráldica posúe as súas propias leis, como a da prohibición de que nun escudo figure metal sobre metal ou cor sobre cor. Ó longo da historia, estas leis fixéronse tan complexas que nin os señores que detentaban un escudo determinado podían interpretalo correctamente, polo que se crea a figura do rei de armas, un funcionario que se encarga de deseñar e interpretar os escudos heráldicos.

CaracterísticasEditar

Os escudos de armas constan das seguintes compoñentes:

  • Campo: é a superficie do escudo no seu interior, que dará ó brasón a súa forma redonda, ovalada, apuntada etc. O campo pódese dividir en partes iguais ou desiguais.
  • Figuras: son os obxectos ou seres representados no campo. Poden ser naturais (seres que existen no mundo real ou a representación dalgunha das súas partes) ou artificiais (seres fantásticos, obxectos comúns ou específicos da simboloxía da heráldica).
  • Fondo con esmaltes: son as cores ou os metais que cobren o campo, as figuras e calquera adorno do escudo. As cores só poden ser cinco: sabre (negro), goles (vermello), azur (azul), sinople (verde) e púrpura. Os metais poden ser ouro ou prata. Algúns autores inclúen tamén aquí os forros.
Metais Cores
Ouro
 
Prata
 
Goles
 
Azur
 
Sinople
 
Sable
 
Púrpura
 
Alaranxado
 

Os escudos de armas poden ter adornos arredor, denomínanse timbres e son de diferentes tipos:

  • Os helmos e as coroas representan diferentes graos de nobreza, desde o fidalgo ata o rei.
  • Os tenantes son figuras que se sitúan ós lados do escudo, como sosténdoo.
  • Mantos e insignias.
  • Lambrequíns (especie de encaixes que caen desde a parte superior do escudo por ambos lados).
  • Motes e lemas.

O lado esquerdo da composición heráldica denomínase "sinistra" e o dereito "destra". O escudo descríbese coma se mirásemos un espello; isto é, a esquerda é a dereita do observador.

Por exemplo, un escudo que levase pintado un carballo de cor verde, nun fondo branco cunha banda vermella desde unha punta a outra do campo, e que estivese sostido por un unicornio branco empinado á esquerda do observador e por un grifón verde á dereita, describiríase así:

"En campo de prata, unha banda de goles. En abismo, un carballo de sinople. Teñen o escudo á destra un grifón de sinople e á sinistra un unicornio rampante de prata".

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar