A triquinose, triquinelíase ou triquiníase é unha enfermidade parasitaria, de carácter zoonósico, provocada pola invasión no tecido muscular das larvas dun verme denominado triquina (Trichinella spiralis Raillet 1885). O contaxio prodúcese pola inxestión de carne de porco contaminada polos quistes do parasito.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Larva de Trichinella

En 2011 diagnosticáronse en España 33 casos, o que representa unha prevalencia de 0,07 casos por 100.000 habitantes, cunha única morte (un varón de 56 anos). Deste 33 casos, 30 corresponden a tres gromos producidos por consumo de carne de xabaril (2 gromos) e de porco. Por comunicades, concentráronse en Madrid (16 casos), Castela-A Mancha (8 casos), Aragón (7 casos) e Castela e León (2 casos); non houbo ningún caso en Galicia [1].

Etioloxía e patoxenia editar

 
Ciclo biolóxico da triquina

O axente causante da enfermidade é un verme nematodo, Trichinella spiralis, que parasita diferentes especies de mamíferos domésticos ou silvestres; hai identificadas ata 100 especies diferentes que poden actuar como hospedadores. A fase adulta é breve e ten lugar no intestino: alí, as larvas maduran ata alcanza-lo estado adulto (2–4 mm), reprodúcense e depositan as larvas na mesma luz intestinal [2]. Estas penetran na mucosa intestinal e pasan ó torrente circulatorio (a través do sangue ou da linfa), que as distribúe por todo o organismo. As larvas rematan fixándose nos músculos, especialmente no músculo estriado, onde se enquistan. Obsérvase unha especial preferencia polos músculos de maior actividade e, polo tanto, con maior irrigación sanguínea e maior subministración de osíxeno, como os piares do diafragma, músculos maseteros, intercostais, linguais, oculares etc., pero tamén poden enquistarse noutros órganos, coma o pulmón ou o cerebro.

Cando outro animal, ou o home, come esta carne parasitada, os quistes rompen e as larvas quedan libres no intestino, pechándose o ciclo.

O contaxio prodúcese, no porco ou no xabaril, por comer ratas ou outros portadores infestados, ou desperdicios de carne dun animal enfermo. No home, por comer carne de porco, xabaril ou cabalo infestados, ou produtos cárnicos elaborados a partir destes.

Ademais da Trichinella spiralis, en España tamén está presente outra especie, a Trichinella britovi. Noutras latitudes existen tamén outras especies.

Cadro clínico editar

 
Larvas de triquina enquistadas no tecido muscular

Nos animais parasitados (porco, xabaril, cabalo, rata etc.) non se observa sintomatoloxía clínica. No home, a enfermidade comeza con síntomas gastrointestinais, no momento da eclosión dos quistes no intestino, con dor difusa, vómitos e diarrea. Unha vez que as larvas pasan ó sangue e de aí ós músculos, aparecen síntomas como febre, dor muscular, cansazo, edemas e, por veces, síntomas nerviosos.

Diagnóstico e tratamento editar

A enfermidade diagnostícase, no home, mediante estudos serolóxicos ou por biopsias musculares que poñan en evidencia as larvas.

Nos animais, o diagnóstico faise por exame do tecido muscular no triquinoscopio (un microscopio de 40-80 aumentos adaptado a esta función) no que se observan mostras obtidas de músculos específicos nos que se concentran as larvas (piares do diafragma, maseteros ou base da lingua). Este método impúxose como obrigatorio nos matadoiros no século XIX, trala constatación de varios gromos epidémicos de carácter grave, entre os que destaca o producido en Alacant en 1887, con 25 mortos, formando así o recoñecemento triquinoscópico que fai sistematicamente a inspección veterinaria dos matadoiros, sobre tódolos porcos sacrificados. Agora ben, o exame triquinoscópico non posúe a sensibilidade necesaria e non detecta larvas non encapsuladas; ademais resulta de difícil aplicación nos matadoiros industriais, con cifras elevadas de animais sacrificados. Todo iso fixo que a partir de 2005 este método fose substituído polo de dixestión artificial de mostras constituídas por lotes dun máximo de 100 porcos. Esta dixestión libera as larvas que poden concentrarse no líquido obtido por decantación, polo que resulta un método máis fiable e seguro. Tamén se utilizan técnicas inmunolóxicas (ELISA), pero non son adecuados para o exame de animais individuais.

Este recoñecemento debe ser especialmente coidadoso nas carnes procedentes da matanza domiciliaria de porcos ou procedentes da caza. De feito, os poucos casos de positividade que se rexistran redúcense a matanzas clandestinas ou xabarís que non foron sometidos ó recoñecemento veterinario. Outras medidas que axudaron a reduci-la incidencia da enfermidade, con probada eficacia, son as medidas hixiénicas nas explotacións porcinas, especialmente as dirixidas ó control de roedores, principais vectores da enfermidade.

Non existe tratamento.[Cómpre referencia]

Notas editar

  1. Centro Nacional de Epidemiología. Instituto de Salud Carlos III. Resultados de la vigilancia epidemiológica de las enfermedades transmisibles. Informe anual 2011. Madrid, 2013
  2. A diferenza do que resulta habitual noutros parasitos intestinais, os ovos eclosionan xa no interior do exemplar adulto, de modo que este libera larvas vivas, non ovos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • SAIZ MORENO, Laureano: Las zoonosis. Aedos, Barcelona 1976.
  • VARIOS: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, 2002.
  • WEST, Geoffrey: Diccionario enciclopédico de veterinaria. Grass Ediciones, Barcelona 1985.

Ligazóns externas editar