Suíza
Suíza (/ˈswi.θa/; en alemán: Schweiz;[1] en francés: Suisse; en italiano: Svizzera; en romanche: Svizra), é un estado federal situado na Europa central, sen saída ao mar, mais con conexións a través do río Rin. Linda ao norte con Alemaña, ao leste con Austria e Liechtenstein, ao sur con Italia e ao oeste con Francia. É tamén coñecida como a Confederación Suíza ou de xeito oficial, aínda que menos usual, Confoederatio Helvetica (en latín para Confederación Helvética).
Schweizerische Eidgenossenschaft (de) Confédération suisse (fr) Confederazione Svizzera (it) Confederaziun svizra (rm) | |||||
Himno | Himno de Suíza | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Unus pro omnibus, omnes pro uno» | ||||
Epónimo | Cantón de Schwyz | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Berna (1848–) | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 8.902.308 (2023) (215,63 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua alemá lingua italiana lingua francesa lingua romanche | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 41.285 km² | ||||
Punto máis alto | Pico Dufour (pt) (4.634 m) | ||||
Punto máis baixo | Lago Maior (193 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Creación | 12 de setembro de 1848 | ||||
Día festivo | |||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | sistema diretorial (pt) república federal (1848–) | ||||
Órgano executivo | Consello Federal suízo (Escano: 7) | ||||
• Presidente da Confederación Helvética | Consello Federal suízo | ||||
Órgano lexislativo | Asemblea Federal de Suíza , (Escano: 246) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supremo Tribunal Federal da Suíça (pt) | ||||
Membro de | Organización Mundial da Saúde Grupo de Fornecedores Nucleares (pt) Agência Internacional de Energia (pt) ../... 36+ | ||||
PIB nominal | 807.706.035.352 $ (2022) | ||||
Orzamento | 89.700.000.000 Fr (2024) | ||||
Moeda | Franco suízo | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .ch e .swiss (mul) | ||||
Prefixo telefónico | +41 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112, 117, 118, 144 (pt) , 1414 (en) , 140 (en) e 145 (en) | ||||
Código de país | CH | ||||
Código NUTS | CH0 | ||||
Páxina web | admin.ch | ||||
A nación ten unha forte tradición de neutralidade política e militar, razón pola cal é a sede de numerosas organizacións internacionais, incluíndo a Cruz Vermella, a Organización Mundial do Comercio ou unha das oficinas das Nacións Unidas. Non forma parte da Unión Europea, mais si forma parte do Acordo de Schengen.
É segundo as propias autoridades suízas unha nación multiétnica, multilingüística e multicultural, froito dunha vontade política, onde conviven catro linguas nacionais: o alemán, o francés, o italiano e o romanche. O estado réxese por unha estrutura confederal dende 1848, que consiste en vinte e seis estados chamados cantóns. A súa capital é Berna.
O seu nome deriva dun dos cantóns fundadores da federación, Schwyz (en alemán estándar: Schweiz, aparentemente variante da tribo dos suevos), en canto ao nome de Confederación Helvética deriva da antiga tribo celta dos helvecios que habitaron a metade oeste e parte do centro deste país durante a antigüidade. Suíza é, dende finais do século XIX, un dos estados máis ricos e desenvolvidos do mundo.
Historia
editarA Antiga Confederación Suíza foi unha alianza entre as comunidades do val central dos Alpes, que facilitaba a xestión dos intereses comúns e garantía a paz na montaña das rutas comerciais máis importantes. A Carta Federal de 1291 asinada polos representantes dos cantóns rurais de Uri, Schwyz e Nidwalden, é considerada o documento fundacional da confederación, malia ser probable que as alianzas xa existisen décadas antes.
Un dos motivos deste acordo foi unirse fronte ao dominio da foránea casa dos Habsburgo, entón detentores do trono do Sacro Imperio Romano Xermánico. Na Batalla de Morgarten en 1315 os suízos derrotaron o exército dos Austrias, garantindo así a súa independencia de facto como a Confederación Suíza. Na Paz de Westfalia de 1648 os países europeos recoñeceron a independencia helvética do Sacro Imperio e a súa neutralidade.
En 1798 o exército da Revolución francesa conquistou Suíza, constituíndo un novo estado centralizado e abolindo os cantóns. O novo réxime, coñecido como a República Helvética, foi moi impopular, ao ser imposto por un exército invasor que destruíu séculos de tradición para converter Suíza nun estado satélite francés. En 1815 o Congreso de Viena restabeleceu a independencia do país e as potencias europeas concordaron en recoñecer a súa neutralidade de xeito permanente.
Suíza adoptou unha constitución federal en 1848, na cal se elixiu Berna como capital. Até entón a sede do goberno rotaba cada ano e máis tarde cada dous anos para non menosprezar ningún cantón da confederación. As outras dúas cidades candidatas eran Zürich e Lucerna. A idea da necesidade dun equilibrio entre os cantóns nun sistema federado (argumento en contra de Zürich como a cidade máis forte e capital industrial) e os resentimentos debidos á guerra separatista do Sonderbund (Liga Separada ou A Outra Alianza) de 1845 (á cal Lucerna pertencía) levaron á elección final de Berna como sede do Goberno.
A constitución sufriu extensas emendas en 1874, estabelecéndose responsabilidade federal para os asuntos legais, de defensa e comercio. Dende entón, as melloras continuas nos campos político, económico e social caracterizaron a historia do país. Historicamente neutral, o país non participou en ningunha das guerras mundiais. En 2002, de acordo coa constitución federal de 1999, Suíza finalmente tornouse membro integral das Nacións Unidas.
Política
editarDe acordo coa constitución de 1999, os cantóns deteñen todos os poderes non especificamente delegados á Confederación. O parlamento bicameral suízo, a Asemblea Federal, é principalmente quen exerce o poder. As dúas cámaras, o Consello dos Estados e o Consello Nacional, teñen poderes iguais en todos os aspectos, inclusive canto á iniciativa lexislativa. Non existen o cargo de primeiro ministro nin o de presidente a Suíza. O Presidente da Confederación Suíza é soamente un primus inter pares do Consello Federal Suízo, un consello executivo de sete membros que constitúen o goberno e a prefectura de Estado de Suíza.
Os 46 membros do Consello de Estados (dous de cada cantón e un de cada un dos antigos semicantóns) elíxense directamente en cada cantón, mentres os 200 membros do Consello Nacional son electos directamente nun sistema de representación proporcional. Calquera cidadán pode oporse a unha lei que sexa aprobada polo parlamento. Se é capaz de recoller 50.000 firmas contra devandita lei en 100 días, hase de convocar un referendo a nivel nacional no que os votantes deciden por maioría sinxela se aceptan ou rexeitan a lei.
Ademais, calquera cidadán pode solicitar que se adopte unha decisión sobre unha emenda que queira facer á constitución. Para que tal emenda prospere, ten que recoller 100.000 firmas en 18 meses. Devandita iniciativa popular pode ser formulada como unha proposta xeral ou, máis frecuentemente, como un novo texto cuxo contido non poida ser mudado nunca polo parlamento e o goberno. Despois da recollida de votos, o Consello Federal (Goberno) pode crear unha contraproposta á proposta de emenda e realizar unha votación no mesmo día. Dita contraproposta adoita ser un compromiso entre o sistema actualmente vixente e a nova proposta. Os votantes decidirían de novo nun referendo nacional se aceptan a iniciativa, a contraproposta ou ámbalas dúas. Se ambas son aceptadas, o votante ten que asinar adicionalmente unha preferencia. As iniciativas teñen que ser aceptadas por unha dobre maioría dos votos populares e unha maioría dos cantóns.
O órgano executivo máximo é o Consello Federal, un colexiado de sete membros. Aínda que a constitución determine a responsabilidade da Asemblea Federal pola elección e supervisión dos membros deste Consello, el asumiu gradualmente un papel destacado na dirección do proceso lexislativo, alén da súa atribución na execución da lei federal. O Presidente da Confederación elíxeno os sete conselleiros pola Asemblea Federal, e por un ano asume funcións representativas especiais.
Dende 1959, os catro partidos maioritarios están representados no Consello Federal, proporcional á súa representación no Parlamento federal:
- 2 demócratas cristiáns (CVP/PDC)
- 2 socialdemócratas (SPS/PS)
- 2 demócratas liberais (FDP/PLD)
- 1 Partido Popular da Suíza (SVP/UDC).
Esta distribución tradicional das cadeiras non está sustentada por ningunha lei, e nas eleccións de 2003 para o Consello Federal o CVP/PDC perdeu a súa segunda cadeira para o SVP/UDC.
O Tribunal Federal vela polo cumprimento da lei e resolución de conflitos oriúndos de violacións de autonomías cantonais e comunais, ben como de tratados internacionais; aprecia aínda reclamacións por violación de dereitos constitucionais. Os seus xuíces son elixidos pola Asemblea Federal para mandatos de seis anos.
Cantóns
editar- Artigo principal: Cantóns de Suíza.
A Confederación suíza divídese en 26 cantóns:
*Estes semicantóns están representados por un só representante no Consello de Estados (no canto de dous).
As súas poboacións oscilan entre os 15.000 habitantes de Appenzell Interior e os 1.253.500 de Zürich. A súa área entre os 37 km² do cantón menor, Basilea-Cidade, e os 7.105 km ² dos Grisóns. Os cantóns comprenden un total de 2.889 municipios. En Suíza existen dous enclaves: Büsingen, que pertence a Alemaña e Campione d'Italia, que pertence a Italia.
Nun referendo celebrado no estado austríaco de Vorarlberg o 11 de maio de 1919 máis do 80% dos votantes apoiou a proposta de que o Estado debería unirse á Confederación Suíza. Con todo, finalmente foi impedido pola oposición do goberno de Austria, os aliados, os liberais suízos, os italo-suízos (persoas de nacionalidade Suíza que viven nas rexións de fala italiana) e o romands (suízos que viven nas rexións de fala francesa).[2]
Institucións internacionais en Suíza
editarUn número inusitado de institucións internacionais teñen a súa sede en Suíza, en parte debido á súa política de neutralidade. A Cruz Vermella foi fundada aquí en 1863 e aínda ten o seu centro institucional no país. Tamén ten a súa sede a Unión Europea de Radiodifusión, concretamente na cidade de Xenebra.
Aínda que Suíza non é membro da Unión Europea, xa que o pobo suízo rexeitou a súa adhesión nun referendo a comezos de 1990, forma parte do Acordo de Schengen, que permite a libre circulación polo estados da Unión. Suíza é un dos máis recentes países que se sumaron ás Nacións Unidas, no ano 2002, aínda que a segunda maior sede da Organización xa se atopaba en Xenebra. Ademais Suíza foi membro fundador da Liga das Nacións. A parte da sede das Nacións Unidas, Xenebra é sede de moitos organismos das Nacións Unidas, como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) entre outros.
Tamén moitas das federacións e organizacións deportivas internacionais teñen a súa sede arredor de todo o país, como por exemplo a Federación Internacional de Hóckey sobre Xeo. Os máis importantes son, probablemente, o Comité Olímpico Internacional, en Lausana, a FIFA (Federación Internacional de Fútbol Asociación), en Zürich, e a UEFA (Unión Europea de Fútbol Asociación).
A fundación do Foro Económico Mundial fundación tamén ten a súa sede en Xenebra, organización mellor coñecida pola súa reunión anual en Davos, reúne os líderes económicos e políticos para discutir os temas importantes que enfronta o mundo, incluída a saúde e o medio ambiente.
Xeografía
editarA paisaxe suíza caracterízase polos Alpes, unha alta cadea montañosa que se estende polo centro-sur do país. Entre os altos picos dos Alpes suízos, o máis alto dos cales é o Pico Dufour, de 4.364 m, encóntranse innúmeros vales, algúns con glaciares. En total, conta con 48 montañas que superan os 4.000 metros. Deles emerxen varios dos máis importantes ríos europeos como o Rin, o Ródano, o Inn, o Aar ou o Tesino, que adoitan desembocar en lagos como o Léman, o de Zürich, o Neuchâtel e o de Constanza, volvendo logo a descender. Á súa vez, estes e outros lagos son de orixe glaciar, os meirandes formados nas terminais dos antigos glaciares alpinos. O norte do país é máis aberto e máis habitado, mais tamén ten ondulacións como o macizo do Xura, unha cadea menor no noroeste, famosa pola súa abundancia en fósiles de dinosauros e que deu nome ao período Xurásico da era mesozoica. As súas maiores alturas roldan os 1.200 metros.
A meseta central é na que se concentran as maiores cidades do estado, coma por exemplo Zürich. Non é totalmente plana, acadando altitudes de case 600 metros nas inmediacións do Lago de Xenebra.
Clima
editarO clima suízo[3] é en xeral temperado, mais as variacións rexionais son grandes, dende as rigorosas condicións nas altas montañas ao agradábel clima mediterráneo no extremo sur. Está notablemente influenciado pola proximidade do océano Atlántico, xa que, ao seren predominantes os ventos do oeste, estes traen o aire marítimo ao país, favorecendo un efecto refrescante no verán e un atenuamento do frío invernal, ademais de asegurar precipitacións abondas na maior parte das rexións ao longo do ano.
Os Alpes actúan como unha barreira climática entre o norte e o sur de Suíza. A zona máis meridional do país, influenciado pola proximidade do mar Mediterráneo, posúe uns invernos moito máis suaves que o sector setentrional. Tamén son a causa de que os vales dos Alpes centrais teñan un clima máis seco, xa que se atopan protexidos das precipitacións polo obstáculo que representa a cadea montañosa tanto ao norte coma ao sur.
A altitude condiciona fortemente a climatoloxía suíza. A elevada altitude media do país, a maior de Europa, determina un endurecemento das condicións climáticas, con nevaradas continuas nos meses de inverno a partir dos 1.200 metros. En contraste, nas rexións baixas de Xenebra, Basilea e as do sur do país poden ter lugar invernos nos que a neve non chegue a callar.
Unha particularidade do clima suízo é o efecto Foehn. Os ventos do sur acadan a barreira alpina, ascendendo e condensándose, deixando abondosas precipitacións na aba sur do cordal e a predominancia de ventos fortes e secos na aba norte. Este fenómeno adoita acontecer entre outono e primavera.
A continuación expóñense os datos climáticos de Zürich, a principal cidade do país:
Parámetros climáticos medios de Zürich | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima media (°C) | 2,0 | 4,2 | 8,3 | 12,6 | 17,3 | 20,5 | 23,0 | 22,0 | 18,8 | 13,3 | 6,9 | 2,9 | |
Temperatura mínima media (°C) | - 2,8 | - 1,9 | 0,6 | 3,7 | 7,7 | 10,8 | 12,8 | 12,4 | 10,0 | 6,2 | 1,4 | - 1,7 | |
Precipitacións (mm) | 67 | 70 | 69 | 87 | 103 | 124 | 117 | 133 | 92 | 69 | 82 | 73 | |
Fonte: Servizo de Información Meteorolóxica Mundial |
A maior temperatura rexistrada en Suíza foi tomada en Grono, na rexión sur do país, o 11 de agosto de 2003, ao se medir 41,5 °C. A máis fría data do 12 de xaneiro de 1987 en La Brévine, nos montes do Xura. Rexistráronse 41,8 °C baixo cero.
Flora e fauna
editarA variabilidade climática suíza, debida á súa vez á variabilidade na súa altimetría, condiciona fortemente a súa flora e fauna. Na zona sur, especialmente no cantón do Ticino, o clima con trazos mediterráneos permite o crecemento de especies vexetais tales coma piñeiros, castiñeiros ou mesmo eucaliptos. Cultivos de vides ou tomates son quen de se desenvolveren nesta zona. Na zona norte, o bosque componse dunha mestura de especies caducifolias e coníferas. Ata os 1.400 metros medran carballos e faias e a partir desa altura dominan os abetos. Por último, na zona alpina a vexetación está moi limitada pola altitude. Ata os 1.800 metros aínda atopamos especies arbóreas, pero a partir desa altura só medran os matos e algunhas raras especies de flores alpinas, entre as que cómpre salientar a edelweiss, Leontopodium alpinum, figura emblemática da vexetación europea de alta montaña.
Canto á fauna, en Suíza abundan os raposos, cervos, corzos e martas. Osos, lobos, linces e castores desapareceron do país hai arredor dun século. Porén, o lobo volveu a entrar en datas recentes no país dende a veciña Italia, mentres que o lince e o castor foron reintroducidos deliberadamente. As zonas alpinas son o hábitat de especies coma o íbex e a marmota. Dentro das aves, cómpre salientar a reintrodución do quebraosos, extinta tamén no século XX[4].
Economía
editar- Artigo principal: Economía de Suíza.
A pesar da ausencia de recursos naturais, a economía suíza figura dentro das máis prósperas e desenvolvidas do mundo. A taxa de desemprego é particularmente baixa así como a taxa de infiltración. A continuación pódese observar un pequeno resumo da economía helvética por sectores.
Sector primario
editarO sector primario ocupa un lugar mínimo na economía suíza. O custo da agricultura non permite a exportación sen a axuda do estado (subvencións), que utiliza miles de millóns de francos, o que permite a supervivencia dun gran número de agricultores. O consumo de produtos biolóxicos e as restricións de utilizar fertilizantes e pesticidas comeza a gañar a opinión suíza. Os controis son moi estritos e son un dos factores principais que beneficia a imaxe da agricultura suíza.
Os organismos xeneticamente modificados son aínda centro de polémica, as sondaxes demostran que a poboación suíza concorda coa procura científica nese dominio (o grupo Syngenta, filial agro de Novartis, é actualmente líder do sector), aínda que esta discorda co consumo destes produtos.
A empresa suíza Nestlé, cuxa sede principal se atopa en Vevey, é o líder mundial da industria agroalimentaria.
Sector secundario
editarO sector secundario está en regresión desde os anos 70. As principais razóns son:
- O traslado das actividades do sector, debido en parte aos custos extremadamente elevados.
- O traslado da produción para países asiáticos e de Europa Oriental.
A pesar disto, os sectores da mecánica, electrónica, da reloxaría, da tecnoloxía médica e da química son recoñecidos pola súa calidade e innovacións. Entre as empresas que exercen neste dominio, Novartis (líder mundial de medicamentos xenéricos) é unha das maiores empresas farmacéuticas do mundo, Hoffmann-A Roche (medicamentos) e Rolex (reloxos).
Sector terciario
editarActualmente, a maioría dos empregos atópase no sector terciario e continúa avanzando neste sector grazas á importancia das actividades financeiras, de seguros, de transportes así como as empresas ditas de "consello" ou conselleiras. Ademais o aumento do nivel de vida, significativo en Suíza despois de mediados do século XX, participa no progreso do sector grazas a unha ganancia de intereses nas actividades de entretemento da poboación (vacacións, cinema, actividades deportivas, entre outras). O turismo, os bancos e os estudos de enxeñaría son sectores de gran prosperidade.
Demografía
editar- Artigo principal: Demografía de Suíza.
Suíza atópase no cruzamento de diversas das principais culturas europeas, que influenciaron profundamente nas linguas e prácticas culturais do país. Hai catro linguas oficiais: o alemán no norte e no centro (62,7% da poboación), o francés ao oeste (20,4%), o italiano ao sur (6,4%) e o romanche, unha lingua románica falada por unha pequena minoría (0,5%) no cantón dos Grisóns.
O alemán falado en Suíza é fundamentalmente un dialecto suízo coñecido como alemán suízo (Schwyzerdütsch), mais os xornais e algúns programas de televisión usan o alemán estándar. Con todo, a meirande parte dos suízos falan máis dunha lingua e ademais estranxeiros, residentes ou traballadores temporais, suman aproximadamente o 21% da poboación.
A relixión maioritaria, practicada polo 43% dos suízos, é o catolicismo, seguido por diversas crenzas protestantes (35%). Debido á inmigración hoxe en día tamén se estabeleceron o islamismo (4%) ou o cristianismo ortodoxo (2%), o resto da poboación pertencen a minorías relixiosas máis pequenas ou non practica relixión ningunha. A estabilidade e prosperidade da Suíza, combinada coa poboación lingüística e relixiosamente diversa, leva a algúns a describir o país como un estado consociacional. A esperanza de vida es de 81,3 anos (a terceira máis alta do mundo) e a media de fillos por muller é de tan só 1,44. A composición étnica actual é a seguinte (2007):
- Suízos: 77,6% (5.894.501 residentes)
- Europeos: 19,1% (1.450.000 residentes)
- Italianos: 295.507
- Alemáns: 224.324
- Serbios e montenegrinos: 196.078
- Portugueses: 193.299
- Franceses: 83.129
- Turcos: 75.382
- Macedonios: 60.509
- Bosníacos: 41.654
- Croatas: 38.144
- Austríacos: 36.155
- Españois: 33.499
- Británicos: 32.207
- Asiáticos: 1,4% (109.113 residentes)
- Americanos: 0,9% (69.010 residentes)
- Africanos: 0,9% (66.599 residentes)
- Oceánicos: 0,1% (3.777 residentes)
Cidades máis habitadas
editarCultura
editarOs suízos son quizais mundialmente famosos polos seus bancos, o seu chocolate, os seus queixos, as súas fondues, os seus reloxos, a súa neutralidade e os seus colexios internados privados. Con todo, o país helvético sempre foi influenciado por moitas das maiores culturas europeas, quedando dende as súas prácticas culturais ata os seus idiomas. A súa festa nacional é 1 de agosto.
Linguas
editarEn Suíza hai catro idiomas nacionais[7]: o alemán, idioma máis falado, oficial fundamentalmente no norte e centro do país (62,7%), o francés no oeste (20,4%), italiano no sur (6,5%) e unha pequena minoría fala romanche no cantón dos Grisóns (0,5%). Porén, con respecto á súa oficialidade, a Constitución di no seu artigo 70 que As linguas oficiais da Confederación son o alemán, o francés e o italiano, o retorrománico é tamén unha lingua oficial nas relacións que a Confederación manteña con persoas desta lingua. Ademais, cada cantón determina cal é a súa lingua oficial, aínda que sempre baixo o mandato constitucional de preservar a harmonía entre as comunidades lingüísticas e protexer as minorías idiomáticas. Con todo, os cantóns de Tesino e Xura, aínda que se definen lingüisticamente como italiano o primeiro e francés o outro, a maioría da comunidade é xermana.
Oficialmente hai rexións que se denominan bilingües: as comunidades de Biel-Bienne, Friburgo, Murten-Morat e Sierre-Siders. Nos Grisóns, pola súa banda, as comunidades defínense en moitas ocasións como retorromanas, aínda que o alemán domine como lingua de comunicación. Nestes casos, o retorromano é a lingua administrativa e escolar, mentres que na vida cotiá a lingua utilizada é o suízo alemán. Hai ademais tres cantóns bilingües, Friburgo, Berna e Valais, ademais do xa nomeado cantón trilingüe dos Grisóns.
O alemán falado é predominantemente o dialecto suízo, coñecido como alemán suízo (Schwyzerdütsch), que á súa vez está dividido en varios subdialectos que forman dous conxuntos: os dialectos alemánicos ao oeste e os saxóns ao leste, mais nos medios de comunicación úsase o alto alemán (Hochdeutsch ou Schriftdeutsch), é dicir, o alemán normativo.
En canto ao francés, o idioma estendeuse na idade contemporánea sobre o substrato de dialectos do arpitano.
O sistema escolar suízo obriga a cada cantón a ensinar como mínimo unha lingua nacional á parte da lingua oficial do cantón. O conxunto de cantóns e territorios nos que predomina o idioma alemán é chamada Suíza alemá, a parte francesa Suíza Romanda ou Romandía e a parte italiana Suíza Italiana. Pese a todo é preciso sinalar que a meirande parte dos suízos falan máis dun idioma.
Festas e días festivos
editarSoamente a festa nacional do 1 de agosto está inscrita na Constitución. Cada cantón é libre de fixar ata 8 días festivos ao ano, aínda que esta posibilidade é só utilizada por vinte e un deles. Legalmente os días festivos contan como un domingo, polo que hai as mesmas restricións en materia de transporte, salarios e a apertura de almacéns (prohibida os domingos, con excepción dos sitios autorizados, como as estacións de tren e aeroportos maiores do país, ou no caso de que o dono do almacén traballe tamén).
Os días festivos varían moito dun cantón a un outro. Soamente o Nadal e o Ano Novo son celebrados por todos. Outras festas, como Pascua, Luns de Pentecoste, Ascensión, Tódolos Santos, festas de relixiosas, varían dependendo da confesión do cantón, sexa esta católica ou protestante.
Data | Nome | Cantóns onde o día é festivo | Cantóns onde o día é inhábil |
---|---|---|---|
1 de xaneiro | Aninovo | Todos | |
2 de xaneiro | Berchtoldtag | Argovia, Berna, Neuchâtel (soamente se o día 1 é domingo), Xura, Zug | Argovia, Friburgo, Glaris, Lucerna, Neuchâtel, Obwalden, Schwyz, Soleura, Vaud, Xura, Zürich |
6 de xaneiro | Epifanía | Schwyz, Tesino, Uri | |
1 de marzo | Independencia | Neuchâtel | |
19 de marzo | San Xosé | Lucerna (medio día), Nidwalden, Schwyz, Tesino, Uri, Valais | |
21 de marzo | Santa Benedicta | Lucerna | |
1 de abril | Fahrtsfest | Glaris | |
Variable | Venres Santo | Todos agás Tesino e Valais | |
Variable | Luns de Pascua | Argovia, Appenzell Interior, Appenzell Exterior, Berna, Basilea-Campo, Basilea-Cidade, Glaris, Grisóns, Sankt Gallen, Schaffhausen, Schwyz, Tesino, Turgovia, Uri, Vaud, Xenebra, Xura, Zürich | Lucerna, Neuchâtel, Nidwalden, Obwalden, Soleura, Zug |
Variable | Ascensión | Todos | |
Variable | Luns de Pentecostes | Argovia, Appenzell Interior, Appenzell Exterior, Berna, Basilea-Campo, Basilea-Cidade, Glaris, Grisóns, Sankt Gallen, Schaffhausen, Schwyz, Tesino, Turgovia, Uri, Xenebra, Xura, Zürich | Friburgo, Lucerna, Neuchâtel, Nidwalden, Obwalden, Soleura, Vaud, Zug |
19 de abril | Sechseläuten | Zürich | |
1 de maio | Día do Traballo | Basilea-Cidade, Basilea-Campo, Schaffhausen, Soleura, Tesino, Uri, Xura, Zürich | |
23 de xuño | Conmemoración do plebiscito | Xura | |
Variable | Corpus Christi | Argovia, Appenzell Interior, Friburgo, Lucerna, Nidwalden, Obwalden, Schwyz, Soleura, Tesino, Uri, Valais, Xura, Zug | |
29 de xuño | San Pedro e San Paulo | Tesino | |
1 de agosto | Festa nacional | Todos (federal) | |
15 de agosto | Asunción | Argovia, Appenzell Interior, Friburgo, Lucerna, Obwalden, Nidwalden, Soleura, Schwyz, Tesino, Uri, Valais, Xura, Zug | |
xoves despois do 1º domingo de setembro | Xaxún xenebrino | Xenebra | |
luns seguinte ao 3º domingo de setembro | Luns de xaxún federal | Vaud | Neuchâtel |
2 de outubro | Leodegar | Lucerna | |
25 de setembro | Festa de San Nicolao de Flüe | Obwalden | |
1 de novembro | Día de Tódolos Santos | Argovia, Appenzell Interior, Glaris, Friburgo, Lucerna, Nidwalden, Obwalden, Sankt Gallen, Soleura, Schwyz, Tesino, Uri, Valais, Xura, Zug | |
O 4º luns de novembro | O mercado de cebolas | Berna | |
8 de decembro | Inmaculada Concepción | Argovia, Friburgo, Lucerna, Nidwalden, Obwalden, Schwyz, Tesino, Uri, Valais, Zug | |
12 de decembro | A escalada | Xenebra | |
25 de decembro | Nadal | Todos | |
26 de decembro | Santo Estevo | Argovia, Appenzell Interior, Appenzell Extarior, Basilea-Campo, Basilea-Cidade, Berna, Glaris, Grisóns, Lucerna, Neuchâtel (soamente se o 25 cae un domingo), Sankt Gallen, Schaffhausen, Schwyz, Tesino, Turgovia, Uri, Zürich | Friburgo, Nidwalden, Obwalden, Soleura, Zug |
31 de decembro | Restauración da República | Xenebra |
Educación
editarSuíza conta con catro linguas, culturas variadas, unha fermosa paisaxe e completa calma política. Por iso ten un papel destacado no panorama da educación internacional.
Con todo, para o inmigrante con fillos pequenos, a diversidade de idiomas expón un problema. Tomando como exemplo os cantóns de fala alemá, o neno inmigrante vese confrontado cunha variedade de idiomas no ámbito escolar que lle esixen un esforzo para adaptarse correctamente. Este neno falará no seu fogar o idioma materno, cos nenos locais deberase comunicar no dialecto suízo, situación que se prolongará durante todo o kindergarten (xardín de infancia), e paulatinamente deberá incorporar o alemán normativo, que é a lingua de instrución, tanto falado como escrito, na escola primaria e superior.
É así que o dialecto suízo falado no xardín de infancia representa unha lóxica transición para o neno local, que deberá pasar do dialecto falado no seu fogar ao alemán normativo (linguaxe de instrución na escola primaria). Pero para o neno inmigrante, isto representa unha complicación, pois deberá facer o esforzo de aprender en dous anos (a habitual duración do kindergarten), o dialecto suízo que logo deberá substituír polo alemán normativo durante a duración das clases, e seguirse comunicando en dialecto local cos seus compañeiros locais durante os recreos. Debido a isto, moitos padres inmigrantes con medios suficientes envían os seus fillos a xardíns de infancia de ensino en lingua exclusivamente alemá ou bilingües (inglés/alemán), para simplificar a aprendizaxe do idioma alemán, que é o idioma oficial da Suíza alemá. Aínda que isto facilita a aprendizaxe do alemán normativo (cuxo dominio é altamente prezado polos locais), isto non resolve totalmente o complexo problema de integración, dado que os locais prefiren comunicarse informalmente en dialecto suízo, xa que idioma que segue sendo considerado por algúns un idioma estranxeiro. Isto crea unha división cultural entre locais e inmigrantes que non dominen o dialecto local. Hai canles de televisión (por exemplo TeleBasel) e radios (por exemplo Radio Basilik) que actualmente transmiten os seus programas en dialecto suízo.
Notas
editar- ↑ En lingua alemá suíza: Schwyz ou Schwiiz.
- ↑ "Centre for Research on Direct Democracy". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2009. Consultado o 11 de maio de 2009.
- ↑ "Páxina web de MeteoSwiss". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2011. Consultado o 27 de maio de 2011.
- ↑ Flora e fauna de Suíza (en inglés)
- ↑ Swiss Federal Statistical Office. "Languages and religions - Data, indicators". Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2007. Consultado o 2009-11-09. O primeiro número refírese ao número de falantes totaism o segundo só aos cidadáns suízos.
- ↑ Nova que trata o censo electoral de galegos fora do país
- ↑ Artigo 4 da Constitución Suíza.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Suíza |