Carballo

concello da comarca de Bergantiños, na provincia da Coruña

Carballo é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca de Bergantiños. É un concello grande (186,09 km²) que en 2023 tiña 31 432 habitantes segundo o IGE (15 361 eran homes e 16 071 mulleres). O xentilicio é carballés/carballesa e ten a súa capitalidade en Carballo.[1]

Modelo:Xeografía políticaCarballo
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 43°13′00″N 8°41′00″O / 43.216666666667, -8.6833333333333Coordenadas: 43°13′00″N 8°41′00″O / 43.216666666667, -8.6833333333333
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña Editar o valor em Wikidata
Capital de
CapitalCarballo Editar o valor em Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación31.416 (2023) Editar o valor em Wikidata (168,82 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie186,09 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor em Wikidata
Altitude106 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor em WikidataEvencio Ferrero Rodríguez Editar o valor em Wikidata
Eleccións municipais en Carballo Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal15100 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico981 Editar o valor em Wikidata
Código INE15019 Editar o valor em Wikidata

Sitio webcarballo.gal Editar o valor em Wikidata
Facebook: concellodecarballo Twitter: carballo_gal Youtube: UCQwWc37tZPbWX8btruWQxrA Editar o valor em Wikidata

Xeografía editar

Parroquias de Carballo

Situación editar

O concello ten 186,09 km², e é un dos municipios de maior tamaño da provincia da Coruña. O termo municipal sitúase entre os primeiros cumios das serras de Soneira e Montemaior. Limita ao sur con Tordoia, ao oeste limita cos concellos de Coristanco, Ponteceso e Malpica de Bergantiños, ao norte, co océano Atlántico, mentres que ao leste linda cos concellos da Laracha,Cerceda e Arteixo.[2]

Orografía e hidrografía editar

 
Montes en Entrecruces, ao sur do concello de Carballo.

Entre os accidentes xeográficos, ao sur e ao leste do concello se encotran as maiores elevacións, nas marxes da superficie de aplanamento da denominada meseta de Ordes, salientando os montes de Santa Marta (477 m) na parroquia de Aldemunde, e Monte Alto (484 m) e o Petón das Mondas (474 m), ambos na parroquia de Rus. O río Anllóns atravesa o termo municipal de sueste a oeste formando o val do Anllóns.[3] Na canle dun dos seus afluentes, o río Outón, fórmase a fervenza de Entrecruces.[4] Ao norte, xa próximos á costa, están os montes de Lendo, Oza e Monte Neme, salientando pola súa altura Oza Vella (275 m) na parroquia de Oza, Coto de Vernes (349 m) na de Razo, e o propio Monte Neme (385 m), situado entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños, e que tivo unha grande importancia mineira, arqueolóxica e etnográfica.[3][5]

Especialmente salientable pola súa importancia ecolóxica e paisaxística é a franxa costeira de Razo - Baldaio,[3] integrada por unha serie de marismas, unha lagoa e longos areais litorais pertencente á Rede Natura declarada Zona de especial protección para as aves pola Unión Europea.[6]

Clima editar

  Valores de media
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura media (°C) 9 8 10 11 12 16 17 18 17 14 11 8
14,4
Precipitacións (mm) 110 65 110 48 46 21 19 32 58 167 113 68
857
Fonte: kyero.com

Demografía editar

 
Manifestación contra o proxecto de mina en Corcoesto no 2013.

Carballo é a capital e vila máis grande da comarca de Bergantiños, amais da maior poboación da Costa da Morte. Contaba no 2023 cunha poboación de 31 432 habitantes,[7] agrupados en 314 entidades de poboación e 18 parroquias. Por isto, é o 8º concello máis poboado da provincia da Coruña. Estímase que en torno ao 60 % dos habitantes do concello residen no seu núcleo urbano. Debido á grande extensión do concello (186,09 km²) a súa densidade de poboación non é moi alta, de 168,89 hab./km². As parroquias máis poboadas son as de Bértoa (1.563 habitantes) e Carballo (20.095 habitantes), mentres que a parroquia menos poboada é Aldemunde (84 habitantes).

Censo total 2015 31.283 habitantes
Menores de 15 anos 4.363 (13.95 %)
Entre 15 e 64 anos 20.107 (64.27 %)
Maiores de 65 anos 6.813 (21.78 %)
Fonte:INE Arquivo
Evolución da poboación de Carballo   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
13.032 15.127 20.965 25.713 29.521 30.990 31.303 31.358 31.366 31.288 31.283 31.256 31.195 31.261 31.349 31.429 31.414 {{{18}}} {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

O concello rexistra dende hai anos un crecemento constante de poboación, cun aumento de 720 habitantes dende o 2005, o que supón un 2,3%. Este aumento débese á natalidade (1.134 nacementos en cinco anos, cun saldo vexetativo positivo no concello), á inmigración, e principalmente á atracción que se exerce principalmente nos concellos da contorna, que recibiron entre 2005 e 2012 un total de 4.205 persoas procedentes doutros municipios. A poboación é relatívamente nova, con 9.315 veciños menores de trinta anos fronte aos 6.499 que superan os 65, e co groso da poboación, os 15.645 habitantes restantes, que se concentran na franxa de idade que vai dos 31 aos 64 anos.[8] Existen tamén asentamentos de moinantes en diversos lugares do concello, entre 600 e 1.000 segundo as fontes[9][10][11].

Inmigración editar

O fenómeno migratorio é un factor importante no crecemento demográfico de Carballo, pois asentáronse dende o 2007 un total de 982 estranxeiros,[8] aínda que dende o 2008 a poboación estranxeira do concello foi diminuíndo ata rexistrar 703 persoas estranxeiras de 43 nacionalidades distintas.[12] En 2007 residían en Carballo 778 cidadáns estranxeiros, o que supón o maior censo de estranxeiros das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, e o concello de Cerceda con en torno ao 50% dos residentes estranxeiros dos 16 concellos.[13] A colonia estranxeira máis numerosa é a uruguaia (se ben na actualidade hai menos da metade de cidadáns uruguaios no concello que no 2005), pero rexistran o maior crecemento as colonias de romaneses, brasileiros e senegaleses, mentres que as de cidadáns británicos, dominicanos e peruanos rexistraron un menor crecemento.[8]

Historia editar

 
O dolmen de Pedra Moura na parroquia de Aldemunde, o exemplo máis salientable da cultura megalítica no concello.

O territorio no que hoxe se asenta Carballo estivo poboado dende épocas moi temperás. Testemuño destes primitivos asentamentos son os utensilios paleolíticos atopados no espazo natural de Razo - Baldaio, expostos no Museo Arqueolóxico da Coruña. No concello atopáronse bifaces de pedra datados aproximadamente 120000 anos antes de Cristo.[14]

Da cultura megalítica chegou ata os nosos días o dolmen de Pedra Moura, situado na parroquia de Aldemunde e datado entre o 3500 e o 2700 anos antes de Cristo. No Monte Neme existiu un crómlech ou círculo lítico do que tan só se conservan as bases das pedras. Outras das mostras da cultura megalítica en Carballo son as numerosas mámoas como as catro mámoas dos Vilares na parroquia de Sísamo, a do Cruceiro de Arriba en Oza, a da Peniqueira en Ardaña, a de Queo en Bértoa, ou a da Agra das Moas en Cances.[15] Existe constancia da elevada poboación que debeu existir no municipio durante a etapa castrexa. Así o demostran as vinte construcións catalogadas.[16] Segundo algúns historiadores tería existido no concello canto menos un castro en cada unha das actuais parroquias que o conforman, e o profesor de prehistoria Antón Abel Rodríguez Casal sinala que no propio núcleo urbano, nas inmediacións do actual IES Alfredo Brañas, se encontraba un castro hoxe irrecoñecible como resultado da intervención humana.[17] Malia que a conservación destes castros é irregular, sobresaen pola súa complexa estrutura os de Vilela, Nión ou Oza, nos que aínda pode apreciarse o recinto defensivo. Os estudos realizados levan a pensar que estes castros poderían ser coetáneos da tribo celta dos brigantinos, que lle deu nome á comarca.

É posible que os romanos se asentasen nas terras atraídos pola súa fertilidade e abundancia en minerais. Ata os nosos días só chegou unha pequena parte do seu legado. Deste período queda no municipio o castro de Torre Pardiñas, en Razo. A influencia romana pode apreciarse nos restos do seu sistema defensivo. Sobresae ademais a ponte Lubiáns, unha das máis estreitas de Galicia, que formaba parte da calzada romana Per Loca Maritima que unía Finis Terrae con Brigantium. Segundo os historiadores, os vestixios visibles datan da época medieval ou do século XVIII.

Outro dos motivos que puideron contribuír ao asentamento dos romanos foron as augas sulfurosas de Carballo, que aínda se explotan na actualidade.[18] Así o testemuñan os restos dunha vila termal atopada no século XVIII.[19]

A parroquia de San Xoán de Carballo, que recibiu o seu nome dun carballo situado diante da antiga igrexa parroquial, pertencía nas súas orixes á xurisdición de Santiago de Sísamo. Malia que a súa existencia pode ser constatada dende o século XII, o primeiro libro parroquial de Carballo data de 1663. Durante este período, e ata que acadou a independencia en 1607, dependeu do mosteiro de Soandres (do cal dependía dende 1418) e do Couto de Ardaña.

Este primeiro núcleo complementouse no século XVIII cun novo asentamento arredor da Casa de Baños. O redescubrimento en 1716 das famosas e saudables augas termais —das que se abastece hoxe o balneario de Baños Vellos— contribuíu en gran medida á creación do municipio. O propietario do terreo construíu unha casa hospital e unha capela dedicada á virxe da Estrela, que posteriormente daría nome á rúa na que se encontra o balneario. O actual centro urbano non existía, polo que as persoas que visitaban os baños tiñan que parar no actual barrio da Lagoa, que daquela era aldea máis próxima ao balneario[19]

 
Mina abandonada en monte Neme. O monte foi explotado na década de 1940 para a extracción de volframio, empregado na fabricación de armamento durante a segunda guerra mundial.

Carballo estableceuse como concello en 1836[20] e dende aquela quedou dividido nas actuais 18 parroquias. Xa en 1923 o arquitecto Julio Galán construíu a que foi a Casa do Concello ata 1974, cando foi demolido. En 1925 remataron as obras dunha nova igrexa, de estilo modernista, nas inmediacións da antiga praza do mercado, que sería demolida na mesma época que a antiga casa consistorial.[21] Nos anos 20 e 30 do século XX asistiuse á modernización de Carballo, coa apertura de prazas, a creación de escolas ou a finalización do xardín. A década dos 40, co auxe da explotación de volframio, supuxo o comezo dunha época de crecemento que acadou o seu máximo esplendor a partir dos anos 60 e 80. Neste último terzo do século pasado produciuse a grande expansión urbanística do municipio.

Unha parroquia con forte personalidade propia é a de Rebordelos, pertencente á xurisdición de Caión durante toda a Idade Media e parte da Moderna e constitutiva de concello independente ata 1836. Existe unha mámoa na estrada que vai á praia da Pedra do Sal, un castro celta no lugar de Costenla, varias casas señoriais no de Vilar de Peres e a capela de San Xoán co seu cruceiro no de Leira. No igrexario de Rebordelos sábese da presenza do conde de Graxal e o convento de Santo Agostiño e da familia dos Rodríguez-Arixón. A igrexa de San Salvador sitúase no centro do lugar, cunha rúa que a circunda. O cruceiro está a uns 150 metros. A parroquia de Rebordelos está bañada polo océano Atlántico: marismas de Baldaio, Pedra do Sal, praias da Lapeira, Arnela e Leira, Porto Loureiro e Pedra Furada, testemuñas de innumerables naufraxios.

En 2011 o Concello de Carballo celebrou o 175 aniversario da súa constitución.[22]

Cultura editar

Toponimia editar

Se ben o nome de Carballo puido terse empregado antes do século XV, é a partir desta data cando o topónimo comeza a estar documentado. O topónimo faría referencia a un gran carballo que se encontraría ao carón da antiga igrexa do lugar de Cernide.[23] Co redescubrimento das augas medicinais no século XVIII a vila apareceu tamén citada na documentación como Caldas e Os Baños.[23]

Patrimonio editar

Patrimonio natural editar

O concello conta cunha gran variedade de ecosistemas, fluviais, de interior e costeiros nos que viven numerosas especies animais e vexetais.

Ecosistemas costeiros editar
 
Marismas de Baldaio.

O Espazo Natural de Razo-Baldaio é, sen dúbida, o punto de maior interese paisaxístico e ecolóxico do concello. O complexo de Baldaio comprende unha grande área de litoral xurdida dun entrante costeiro, que rematou pechándose cunha gran barra de area.

Na actualidade diferéncianse neste espazo catro medios naturais ou ecosistemas: unha barra de area con dunas ao longo da praia, que separa a lagoa do mar; a lagoa litoral, cunha canle que permite o intercambio das mareas; unha marisma sucada por unha gran cantidade de canles que desaugan na lagoa; e unha xunqueira no oeste, desenvolvida sobre unha chaira areosa á que non chega a influencia das mareas.

Este espazo natural constitúe un contorno ideal para a observación de aves, especialmente na zona comprendida entre a lagoa e a marisma. Entre a rica avifauna de Baldaio destaca o grupo das limícolas, con mazaricos, agullas, biluricos, píllaras, pilros ou pilriños.

Formando parte deste espectacular complexo está a praia de Razo, un dos areais máis extensos de Galicia.

Ecosistemas de interior editar
 
Férveda de Rus.

De entre tódolos ecosistemas de interior salienta na parroquia de Entrecruces a chamada férveda de Entrecruces, próxima á capela de San Paio, na que o abondoso caudal do río Outón (especialmente no inverno e na primavera) se precipita dende unha altura de máis de corenta metros, formando un cachón de escuma e auga que, antes de chegar ao fondo, rompe en dous para abrazar a rocha negra do leito do río. Nas proximidades da fervenza aínda poden verse os restos de antigos muíños de auga, e mesmo dunha pequena central hidroeléctrica que abasteceu o concello tempo atrás, a partir de 1915. No treito de camiño que vai dende San Paio ata a fervenza pola beira do río Outón, é posible observar o típico bosque de ribeira con abundantes ameneiros, salgueiros, freixos, estripos, abeleiras e loureiros, entre outras especies.

Ademais, produto da falla meridiana que separa as parroquias de Rus e Entrecruces xorde un salto de auga duns trinta metros formado no río da Férvida. Esta forte corrente de auga deslízase por un chan de gabros, rochas de gran dureza e difícil erosión. Trátase da chamada Férveda de Rus, que a pesar de non contar cun gran desnivel, vai baixando de forma sinuosa pola canle do río.

Ecosistemas fluviais editar
Artigo principal: Río Anllóns.

O río Anllóns é o principal río do concello, atravesándoo de Leste a Oeste. O Anllóns constitúe un importante ecosistema fluvial no que se poden atopar principalmente troitas, e en menor medida salmóns e reos. Ao longo do seu leito pódense observar numerosas árbores autóctonas e especies vexetais propias das zonas fluviais.

A man do home deixou á beira do Anllóns unha gran cantidade de edificacións como os muíños da Cheda ou o refuxio de Queo, ámbolos dous na parroquia de Bértoa. Tamén se crearon recentemente áreas recreativas como a do Tarambollo, na parroquia de Sofán, onde existe unha pequena piscina natural. Tamén salienta no leito do río o Bosque do Añón, onde os carballeses adoitaban bañarse no verán antes da popularización das praias, e no cal aínda hoxe acolle cada ano a tradicional e concorrida romaría que se celebra durante as festas do San Xoán. Xa no casco urbano, dúas das principais zonas verdes sitúanse no leito do río, os parques do San Martiño e o Parque do Anllóns.

Eventos culturais editar

 
Pazo da Cultura de Carballo.
 
Mural.
 
Mural.

Carballo conta cunha importante actividade cultural ao longo de todo o ano que se estrutura arredor de programas que adoitan estar vinculados a determinadas épocas do ano como o Nadal Cultural, Antroido, Programa das Letras, San Xoán, Verán Cultural ou a Feira do Libro; amais conta con ciclos e festivais adicados a áreas determinadas da cultura como o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), Novembro con Música ou Primavera EnDanza. O Pazo da Cultura é o principal foco cultural da vida carballesa e nel teñen lugar os principais eventos culturais da cidade.

Teatro editar

O teatro ten un papel moi importante na axenda cultural carballesa, especialmente durante o mes de outubro, cando se celebra o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), un festival anual que conta coa presenza das principais compañías teatrais galegas, españolas e doutros países. Celebrado ininterrompidamente dende 1992 e organizado conxuntamente polo Concello e a Asociación Cultural Telón e Á parte, é considerado como unha das máis importantes citas do panorama escénico galego. O núcleo do programa constitúeo o Programa de Sala (que ten lugar no Pazo da Cultura durante as fins de semana de outubro), mais inclúe tamén un amplo abano de actividades paralelas como a Rúa dos Contos (ciclo de espectáculos teatrais, contacontos, cabaré etc, en pubs, cafeterías e tascas durante varios días); dende 2010 o ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); Teatro de Rúa; exposicións; encontros con compañías (nomeados Café con...) e unha Escola do Espectador, ou o Concurso Escolar de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís'.[24] No 2020 o certame promove o FIOT Fónico, funcións sonoras de autoras bergantiñás (Rosalía Fernández Rial, María Lado) que se poden escoitar dende o móbil[25].

Amais do FIOT, o Concello de Carballo conta cunha Aula de Teatro Municipal, creada en 2009 e formada por actrices e actores non profesionais, que colabora con representacións teatrais dentro da programación cultural anual do concello e ten aparecido tamén no propio FIOT.[26]

Música editar

Carballo conta tamén cunha importante actividade musical ao longo de todo o ano, con numerosos concertos na súa programación cultural anual, pasando polo auditorio do Pazo da Cultura orquestras como a Orquestra de Cámara da Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra de Cámara Galega. A música ten especial peso na programación cultural do Concello durante o mes de novembro, cando ten lugar o ciclo Novembro con Música, un programa coa música como protagonista no que se pode asistir a concertos de diversos estilos e destinados a distintos públicos que van desde a música académica, o jazz ou a música tradicional galega ata a música coral ou pop, pasando por outras actividades como exposicións ou concertos didácticos.

Carballo conta cun Conservatorio Profesional de Música que nutre de rapaces a Banda Municipal de Carballo, fundada en 1984,[27][28] así como a Big Band do Conservatorio de Carballo, fundada en 1993.[29][30]

No que se refire á música tradicional, no Concello existen numerosas asociacións culturais que ofrecen frecuentemente espectáculos de música e danza tradicional.

Danza editar

Cada ano durante varios fins de semana de primavera (principalmente no mes de abril), a Concellaría de Cultura de Carballo organiza o ciclo Primavera EnDanza, adicado á danza e no que se inclúen espectáculos tanto para o público adulto como para os máis pequenos, nel participan compañías de danza galegas e españolas e organízanse actividades complementarias, como encontros entre o público e os creadores, accións na rúa ou obradoiros co obxectivo de achegar á cidadanía a danza e a súa linguaxe.[31] Amais deste ciclo monográfico de danza contemporánea, a programación cultural inclúe ás veces espectáculos de danza.

Murais editar

En 2014 inaugurouse o primeiro dos murais realizados en paredes en estado de abandono como loita contra o feísmo urbano. Cada ano invítase artistas de todo o mundo para realizar as súas pinturas dentro do Rexenera Fest (Festival Internacional de Arte Pública de Carballo).[32][33][34]

Carballo Interplay editar

En 2014 o Concello de Carballo presentou o Carballo Interplay (CIP), o primeiro festival de webseries de España da man de Sonia Méndez. Como parte do festival celébrase un concurso de webseries, obradoiros, charlas, mesas redondas e outras actividades relacionadas cos contidos dixitais.[35][36]

Símbolos editar

 

O escudo de armas de Carballo foi aprobado tras o preceptivo informe do Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, polo Goberno autonómico segundo Decreto 544/2005, do 20 de outubro de 2005. Por este decreto o escudo do concello definíase do seguinte xeito:[37]

De ouro (amarelo) e sobre ondas de azur (azul), o carballo de sinople (verde). Ao timbre, coroa real pechada.

— DECRETO 544/2005, do 20 de outubro

 

Do mesmo xeito, ese mesmo día, por medio do Decreto 542/2005, o Concello ordenou a súa bandeira de acordo co informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e quedou definida do seguinte xeito:[38]

Sobre o pano de amarelo, o carballo de verde.

— DECRETO 542/2005, do 20 de outubro

Educación editar

 
A Escola do Xardín foi un dos primeiros centros de ensino público da localidade. Actualmente acolle a Ludoteca Municipal.[39]

Os primeiros centros de ensino público de Carballo foron construídos en 1929, tratábase da chamada Escola do Xardín, situada na actual Praza do Concello, e a Escola de Arrabaldes, no Campo da Feira. Na primeira metade do século XX existían no concello outros centros de carácter privado como o Colexio Leus, ou a Academia Esteco (Estudos Técnicos Comerciais). Tamén existía a opción de estudar na preceptoría de Sofán, para posteriormente ingresar no Seminario de Santiago de Compostela.[40]

En agosto de 1970 produciuse un feito de grande importancia para a localidade, así como para toda a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, un área cunha poboación superior aos 150 000 habitantes que carecía dun instituto. Nesa data, o daquela Ministro de Educación e Ciencia Villar Palasí, xunto co director xeral de Educación Primaria Eugenio López e o alcalde de Carballo Jacinto Amigo Lera, inauguraron o Complexo Escolar, dotado dos hoxe coñecidos como Colexio Fogar e o IES Alfredo Brañas, así un como de campo de fútbol, outro de baloncesto, un frontón e unha zona de recreo e xardíns, cunha superficie total de 22 820 . O colexio contaba con servizo de comedor e un internado con 300 prazas, e achegou unha metodoloxía cunha maior democratización do ensino, mentres que o instituto contaba ademais cun gran salón de actos no que se realizaban actividades educativas e culturais moi novidosas no momento,[40] pero que en 2021 encontrábase gravemente deteriorado, o que obrigou á dirección do centro a pechalo.[41]

 
O IES Isidro Parga Pondal.

Na actualidade o concello conta con tres institutos de ensino secundario, o IES Alfredo Brañas, o IES Monte Neme e o IES Isidro Parga Pondal, nos que se ofrece tamén Ciclos Formativos de Grao medio e superior de Formación Profesional, así como de Formación Profesional Básica, e formación para persoas adultas.[42][43] Os estudos primarios impártense en seis centros repartidos pola xeografía do concello: CEIP Fogar, CEIP A Cristina, CEIP Bergantiños, CEIP Gándara-Sofán, CEIP Nétoma-Razo e CEIP Xesús San Luís Romero. Existe tamén un centro concertado, o CPR Artai, e sete escolas infantís nas diferentes parroquias.[42]

No curso 2004-05 comezou a súa actividade no concello unha sección da Escola Oficial de Idiomas da Coruña coa oferta do primeiro curso de inglés. Posteriormente a escola, que ten as súas instalacións no Pazo da Cultura, foi engadindo estudos de francés e alemán.[44]

Polo que respecta ás ensinanzas artísticas, Carballo conta cun conservatorio no que se imparten os graos elemental e profesional nas disciplinas de piano, guitarra, violín, viola, violonchelo, contrabaixo, gaita galega, saxofón, clarinete, óboe, frauta travesa, trombón, tuba, bombardino, trompeta, fliscorno, fagot, percusión e acordeón. O conservatorio ten as súas instalacións no Pazo da Cultura.[45] O concello conta tamén cun Aula de Gravado Municipal.[46]

Economía editar

Carballo é o motor económico da comarca de Bergantiños, un dos motivos deste desenvolvemento económico é a súa situación xeográfica.[47] A riqueza mineira desta zona atraeu os romanos, que estableceron explotacións como as de estaño, entre outras.[48] Posteriormente foi a agricultura a que determinou o desenvolvemento do municipio. Na primeira metade do século XX a minaría cobra de novo importancia. Comeza nesta etapa a explotación de xacementos de arsénico en Noicela e, especialmente a de volframio en Monte Neme, converténdose esta última no dinamizador económico de toda a comarca. Se ben o sector mineiro perdeu importancia no concello, este aínda contaba en 2014 con 19 dereitos mineiros co autorización vixente para a extracción de caolín, estaño, ferro, produtos de canteira (granito), cuarzo e un adicado ao aproveitamento das augas mineromedicinais.[49] Nos anos sesenta do século XX produciuse a expansión do sector secundario, naceron empresas como a conserveira Calvo, convertida hoxe nunha grande industria internacional. Tamén é de grande importancia o sector forestal, así atopamos no territorio carballés múltiples empresas dedicadas á transformación da madeira, lideradas por unha gran compañía que xera —directa e indirectamente— un elevado número de postos de traballo.

Unha gran parte do sector empresarial carballés aséntase no polígono industrial de Bértoa, claro referente do crecemento económico do municipio. Inaugurado o 7 de xullo de 1990, o polígono carballés foi un dos primeiros parques empresariais galegos nados por iniciativa privada.[50] O polígono vén de ampliar a súa superficie en máis de 718 000 metros cadrados, estando programados 443 000 metros cadrados máis. Así, nun futuro próximo, o parque empresarial de Bértoa contará con preto de 2 000 000 de metros cadrados brutos.

Tamén destaca no concello o seu sector comercial, que atrae compradores de toda a comarca. Todos os xoves e os segundos, cuartos e quintos domingos de cada mes ten lugar a feira, na que é posible adquirir todo tipo de produtos agrícolas.

Turismo editar

Lugares de interese editar

 
Fachada do Museo de Bergantiños.
  • No concello de Carballo atópanse catro petos de ánimas en distintas parroquias. Na parroquia de Oza existe un preto da ingresa parroquial en bo estado de conservación e salientable polas súas dimensións, no lugar da Brea da parroquia de Carballo existe outro no que aínda é posible distinguir policromía, outro máis encóntrase no muro do cemiterio de Ardaña, e o último na de Cances, situado na base dun cruceiro no muro do adro.[51]
  • Dolmen de Pedra Moura, na parroquia de Aldemunde, datado entre o ano 3 500 e o 2 700 antes de Cristo, é un dos máis grandes de Galicia.[52]
  • Museo de Bergantiños, situado nun edificio do século XIX que acolleu o antigo cárcere do partido xudicial. O museo achega aos visitantes á cultura, á historia e aos costumes da comarca de Bergantiños e presenta un espazo adicado á Costa da Morte.[53]
  • Pazo de Vilardefrancos (non visitable). Ten as súas orixes en tempos de Carlos V, sendo construído ao redor dunha antiga torre defensiva, se ben a maior parte foi construída no século XVII. O pazo pertenceu ao marqués de Atalaia. O conxunto está formado polo pazo, un xardín, a vivenda dos caseiros, un vello hórreo, un cruceiro e unha capela adicada a Santo Antón de Padua. Fora das murallas encóntrase o coñecido como Carballo de Santo Antonio, un vello carballo declarado árbore senlleira.[54][55]
  • Espazo natural Razo-Baldaio. Trátase dunha faixa litoral de máis de tres quilómetros de dunas que une as dúas praias, a de Razo e a de Baldaio. Neste espazo mestúranse o mar aberto, a lagoa e a marisma.[56] A lagoa de Baldaio saliente pola riqueza da súa fauna, especialmente de aves, moluscos e peixes.[57] Pola súa banda, a praia de Razo marca o inicio da Depresión Meridiana, e nos seus cantís poden observarse distintos estratos nos que se pode apreciar a evolución da praia ao longo de milleiros de anos.[58]
  • Ponte Lubiáns (unindo os concellos de Carballo e Coristanco), que cruza o río Rosende, é unha das pontes históricas máis estreitas de Galicia. A súa orixe é incerta, habendo especialistas que a datan na época romana e outros que a sitúan na Idade Media e mesmo no século XVIII, se ben a orixe romana parece a máis probable.[59][60]

Infraestruturas de transporte editar

Distancias a outras
cidades galegas
km
  A Coruña 34,7
  Santiago de Compostela 46,6
  Pontevedra 107,7
  Lugo 128,1
  Ourense 149,4

Carballo foi dende tempos inmemoriais punto de encontro para os viaxeiros que dende a Costa da Morte se dirixían á Coruña e Compostela. Polo municipio transcorreu a vía romana Per Loca Marítima, que comunicaba A Coruña con Fisterra.[61] Xa a comezos do século XX, parte deste traxecto era cuberta por unha das liñas de trolebuses máis longas de Europa, xestionada pola compañía Trolebuses Coruña-Carballo (TCC).[62]

Estradas editar

Amais de todas estas vías, Carballo dispón dunha ampla rede viaria municipal que comunica as parroquias do concello.

Deporte editar

Carballo conta con numerosos clubs deportivos de distintas disciplinas. Os clubs máis importantes, tanto por número de fichas como por masa social e historia son o Bergantiños FC (fundado en 1923, foi o primeiro club federado da comarca de Bergantiños)[68] e a AD Xiria (club polideportivo con seccións semiprofesionais nas disciplinas de balonmán e baloncesto - actualmente Escola Basket Xiria). Outros clubs son o Escola Lubiáns (hóckey a patíns), AD Fogar da Xuventude (natación), SYSCA e SERCA (socorrismo), ou as Escolas de Fútbol Luis Calvo (encargadas de promover a práctica do fútbol e do fútbol sala, entre outras moitas.

No que se refire a instalacións deportivas, Carballo conta con tres polideportivos:

O Estadio das Eiroas é o principal campo de fútbol da localidade e nel xoga os seus partidos como local o Bergantiños FC. O complexo das Eiroas conta, ademais deste estadio principal, cun campo de fútbol anexo. Ámbolos dous campos son de herba artificial.[69]

O concello conta ademais cun circuíto que tras anos de abandono acolle probas de motocross e autocross.[70][71]

Política e administración editar

Goberno municipal editar

 
Fachada da Casa do Concello de Carballo.

Desde o 2003 goberna o BNG, sendo o rexedor o mestre Evencio Ferrero Rodríguez, que sucedeu na alcaldía ao PPdeG tras dúas lexislaturas dos populares á fronte do goberno local. En 2019 logo de revalidar e ampliar a maioría absoluta obtida en 2015, Evencio Ferrero iniciou o seu quinto mandato á fronte do goberno municipal.[72]

Carballo contou unicamente con tres alcaldes ao longo da democracia: José Sánchez Vilas (1979-1991: UCD, CP e CPG nas respectivas lexislaturas), Manuel Varela Rey (1991-2003: IxC na primeira lexislatura e PPdeG nas dúas seguintes) e Evencio Ferrero Rodríguez (desde 2003: BNG).

Grupos políticos editar

Nas últimas eleccións de 2019, presentáronse cinco partidos políticos, conseguindo catro deles representación: O BNG con 12 concelleiros, o PPdeG con catro concelleiros, o PSdeG-PSOE con tres concelleiros e TEGA con dous concelleiros, mentres que Compromiso por Galicia non logrou representación na cámara municipal logo de recoller tan só 181 votos (o 1,14 % dos votos do concello).[73]

Eleccións municipais, 24 de maio de 2019[73]
Partido Votos % Concelleiros
BNG 8 203 51,63 % 12
PP 3 409 21,46 % 4
PSOE 2 366 14,89 % 3
TEGA 1 530 9,63 % 2

Administración xudicial editar

Carballo é a capital do partido xudicial número 6 da provincia da Coruña. O Partido Xudicial de Carballo comprende, ademais do concello de Carballo, os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso, todos eles pertencentes á comarca de Bergantiños, o que supón un total de 67 173 habitantes en 2018.[74]

Carballo conta en 2019 con tres xulgados constituídos, o que supón un xulgado por cada 22 391 habitantes.[75] En 1994 esta cifra era dun xuíz cada 37 247,5 habitantes e dez anos despois, en 2004, había un xuíz por cada 35 349 habitantes, un descenso motivado pola redución de poboación que a comarca experimenta.[76]

En 2021 a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considerou a demanda da principal central sindical de xustiza en Galicia de abrir un novo xulgado mixto para a capital bergantiñá, que acumulaba unha media de 400 casos pendentes de resolución por trimestre en cada unha das súas tres salas.[77]

A sede do Partido Xudicial de Carballo está situada na rúa da Concordia da capital bergantiñá.

Cidades irmás editar

Galería de imaxes editar

Artigo principal: Galería de imaxes de Carballo.

Notas editar

  1. Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 44. ISBN 978-84-8158-706-7. 
  2. Fernández Carballada 2014, p. 8.
  3. 3,0 3,1 3,2 Cabeza Quiles 2020, p. 5.
  4. "As férvedas de Entrecruces e de Rus". turismocarballo.org. Consultado o 1 de xaneiro de 2024. 
  5. "Os miradoiros". turismocarballo.org. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  6. "O espazo natural Razo-Baldaio". turismocarballo.org. Consultado o 1 de xaeiro de 2024. 
  7. "IGE 2023". ige.gal. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  8. 8,0 8,1 8,2 A inmigración en Carballo baixou case un 10% en cinco anos en La Voz de Galicia (13 de febreiro de 2012)
  9. "La cifra de moinantes afectados por la exclusión social supera el millar en Carballo". Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2015. Consultado o 08 de xuño de 2015. 
  10. "Un estudio denuncia la segregación social de los moinantes en Carballo. La Voz de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 15/03/2010. Consultado o 25/12/2016. 
  11. Social and Spatial Segregation of The Moinantes in Carballo (A Coruña) Julia Regueiro & Ricardo García-Mira Universidade da Coruña ISSN 1576-6462 en PDF (en inglés)
  12. A poboación estranxeira na comarca cae por segundo ano en La Voz de Galicia (17 de xaneiro de 2012)
  13. A poboación estranxeira creceu un 57% en Carballo en catro anos en La Voz de Galicia (17 de xaneiro de 2008)
  14. "Paleolítico". Oficina de Información Turística de Carballo. Consultado o 23 de febreiro de 2021. 
  15. "Megalítico". Oficina de Información Turística de Carballo. Consultado o 23 de febreiro de 2021. 
  16. "A época castrexa". Oficina de Información Turística de Carballo. Consultado o 9 de marzo de 2021. 
  17. "Un castro construido en el centro urbano de Carballo". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xuño de 2001. Consultado o 9 de marzo de 2021. 
  18. "Século XVIII". Oficina de Información Turística de Carballo. Consultado o 9 de marzo de 2021. 
  19. 19,0 19,1 "Un pouco de historia". Oficina de Información Turística de Carballo. Consultado o 9 de marzo de 2021. 
  20. Matabuena, Laura (4 de setembro de 2007). "La plaza del Concello recuerda a los alcaldes de Carballo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 4 de maio de 2021. 
  21. "Julio Galán fue el arquitecto que creó el edificio del Ayuntamiento ya destruido". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de setembro de 2009. Consultado o 4 de maio de 2021. 
  22. Suárez, Mª Carmen (5 de novembro de 2011). "Un paseo por la memoria de Carballo". La Opinión. Consultado o 16 de setembro de 2019. 
  23. 23,0 23,1 Cabeza Quiles 2020, p. 54-55.
  24. "Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT)". Concello de Carballo. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  25. Redacción. "A estrea absoluta de 'O espello que arde', de María Lado, e outros pratos fortes do FIOT". Nós Diario. Consultado o 2021-11-11. 
  26. "Aula de Teatro Municipal". Concello de Carballo. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  27. "CMUS Profesional de Carballo. Presentación". Concello de Carballo. Consultado o 23 de febreiro de 2021. 
  28. "Banda Municipal de Música". Concello de Carballo. Consultado o 23 de febreiro de 2021. 
  29. Big Band do Conservatorio de Carballo, CD gravado na Casa da Cultura de Carballo en abril de 1999
  30. García Pérez, Leticia (2007). "A BIG BAND" (PDF). Pomba Dourada (Carballo: IES Alfredo Brañas). 
  31. "Primavera enDanza". Concello de Carballo. Consultado o 24 de marzo de 2021. 
  32. Guía práctica para visitar Derrubando muros con pintura
  33. "Carballo está de estrea nos seus murais contra o feísmo urbano". Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2016. Consultado o 25 de decembro de 2016. 
  34. Rexenera Fest 2016
  35. "NACE O CARBALLO INTERPLAY (CIP)". Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (Crea). 7 de febreiro de 2014. Consultado o 11 de xullo de 2018. 
  36. Reguero, Patricia (3 de abril de 2018). "Carballo Interplay: los nuevos caminos de los contenidos digitales pasan por la Costa da Morte". El Salto (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2018. 
  37. "DECRETO 544/2005, do 20 de outubro , polo que se aproba o escudo do Concello de Carballo". Diario Oficial de Galicia (209): 17491. Consultado o 16 de setembro de 2019. 
  38. "DECRETO 542/2005, do 20 de outubro , polo que se aproba a bandeira do Concello de Carballo". Diario Oficial de Galicia (209): 17490. Consultado o 16 de setembro de 2019. 
  39. "Ludoteca". Concello de Carballo. 23 de xaneiro de 2022. 
  40. 40,0 40,1 Fraga, Xan (1 de xaneiro de 2022). "Un antes e un despois na historia de Carballo". La Voz de Galicia. Consultado o 20 de xaneiro de 2022. 
  41. Garrido Rial, Santiago (17 de decembro de 2021). "El histórico salón de actos del instituto Alfredo Brañas de Carballo acumula 6 meses de continuo deterioro". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xaneiro de 2022. 
  42. 42,0 42,1 "Centros de ensino". Concello de Carballo. Consultado o 20 de xaneiro de 2022. 
  43. "Ciclos Formativos e Educación de adultos". Concello de Carballo. Consultado o 20 de xaneiro de 2022. 
  44. "Escola Oficial de Idiomas". Concello de Carballo. Consultado o 20 de xaneiro de 2022. 
  45. "CMUS Carballo. Presentación". Concello de Carballo. Consultado o 20 de xaneiro de 2022. 
  46. "Aula de Gravado Municipal". Concello de Carballo. Consultado o 20 de xaneiro de 2022. 
  47. "De que vivimos". Oficina de Información Turística de Carballo. Consultado o 24 de marzo de 2021. 
  48. "Sigillata hispánica de Veigue (Coruña)". Anejos de Gerión (en castelán) (Madrid: Universidade Complutense de Madrid): 265. 1988. 
  49. Fernández Carballada 2014, p. 38-39.
  50. "Asociacionismo empresarial". Polígono de Carballo. Consultado o 24 de marzo de 2021. 
  51. "Petos de ánimas". turismocarballo.org. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  52. "A Pedra Moura". turismocarballo.org. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  53. "Museo de Bergantiños". turismocarballo.org. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  54. "Pazo de Vilar de Francos". turismocarballo.org. Consultado o 16 de setembro de 2019. }}
  55. "ANEXO I- Árbores senlleiras" (PDF). Xunta de Galicia. Consultado o 16 de setembro de 2019. 
  56. "Introdución". turismocarballo.org. Consultado o 23 de xaneiro de 2022. 
  57. "Fauna". turismocarballo.org. Consultado o 23 de xaneiro de 2022. 
  58. "Xeoloxía". turismocarballo.org. Consultado o 23 de xaneiro de 2022. 
  59. "A ponte Lubiáns". turismocarballo.org. Consultado o 16 de setembro de 2019. }}
  60. "Ponte Lubiáns". patrimoniogalego.net. 19 de xullo de 2011. Consultado o 16 de setembro de 2019. }}
  61. "PONTE LUBIÁNS" (en castelán). Xunta de Galicia. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  62. Blanco, Patricia (15 de marzo de 2016). "Carballo, sin trolebuses desde hace 45 años". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  63. "Inauguración do treito A Laracha-Carballo da autoestrada AG-55". CRTVG. 23 de decembro de 2014. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  64. "La acumulación de glorietas hace de la AC-552 una travesía infinita". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de novembro de 2015. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  65. "La siniestralidad de la DP-1914 preocupa a los conductores". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de novembro de 2016. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  66. "La Xunta adjudicó en 800.000 euros la mejora del firme de la AC-413". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de xullo de 2019. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  67. "Las carreteras de Carballo se cobran su tercera víctima en menos de una semana". Diario de Arousa (en castelán). 16 de febreiro de 2016. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. Consultado o 11 de setembro de 2019. 
  68. "Bergantiños FC, un equipo histórico" (en castelán). Bergantiños FC. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2008. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  69. 69,0 69,1 69,2 "Instalacións" (PDF). Concello de Carballo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xullo de 2012. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  70. "El Concello recupera el circuito de Bértoa tras seis años de abandono". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de outubro de 2008. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  71. "¡10 años de Autocross Carballo!" (en castelán). Concello de Carballo. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  72. "Evencio Ferrero inicia o seu quinto mandato como alcalde de Carballo". Xornal Galicia. 18 de xuño de 2019. Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2019. Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  73. 73,0 73,1 "Carballo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 12 de setembro de 2019. 
  74. "NOMENCLÁTOR DE PARTIDOS JUDICIALES Sedes y Municipios integrantes" (PDF). Ministerio de Xustiza. 5 de febreiro de 2019. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de marzo de 2019. Consultado o 2 de marzo de 2019. 
  75. Consejo General del Poder Judicial (2019). SITUACIÓN DE LA DEMARCACIÓN Y LA PLANTA JUDICIAL a 1 de enero de 2019 (PDF) (Informe). 
  76. Partido Judicial de Carballo
  77. Longueira, Toni (3 de marzo de 2021). "El Tribunal Superior de Galicia propone crear el cuarto juzgado de Carballo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2021. 
  78. "ORÍGENES HERMANAMIENTO". carballo-lisle.org. Consultado o 12 de setembro de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar


Ligazóns externas editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Carballo

Aldemunde (Santa María Madanela) | Ardaña (Santa María) | Artes (San Xurxo) | Berdillo (San Lourenzo) | Bértoa (Santa María) | Cances (San Martiño) | Carballo (San Xoán) | Entrecruces (San Xens) | Goiáns (Santo Estevo) | Lema (San Cristovo) | Noicela (Santa María) | Oza (San Breixo) | Razo (San Martiño) | Rebordelos (San Salvador) | Rus (Santa María) | Sísamo (Santiago) | Sofán (San Salvador) | Vilela (San Miguel)