Berdillo, Carballo

parroquia civil do concello de Carballo

San Lourenzo de Berdillo[2] (á espera da oficialización da forma Verdillo (San Lourenzo)) é unha parroquia que se localiza no leste do concello coruñés de Carballo, na comarca de Bergantiños.

Berdillo
Igrexa e cruceiro de San Lourenzo de Berdillo.
ConcelloCarballo[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°12′49″N 8°38′57″O / 43.21373056, -8.64924722
Poboación998 hab. (2022)
Entidades de poboación27[1]
editar datos en Wikidata ]

Toponimia

editar

A grafía do topónimo desta parroquia flutuou ao longo da historia debido a que é de etimoloxía e significado escuros[3]. Nos textos máis antigos, do mosteiro de Soandres (A Laracha), de principios do século XV, aparece como Uerdillo (1410) ou indistintamente como Verdillo ou Berdillo (1419). Nestes documentos móstrase a confusión no uso destas letras, o que demostra que está a cambiar o sistema fonolóxico: na Idade Media as dúas letras distinguían fonemas diferentes, pero a estas alturas xa se estaban a confundir as pronuncias de [b] (bilabial) e [v] (labiodental), o que se denomina betacismo. Daquela, os escribas pasan a grafar con B palabras que etimoloxicamente debían ter V, pero non á inversa

Nos séculos seguintes houbo vacilacións entre B e V (sobre todo no XVI e no XVII), dependendo moito dos cregos ou dos escribáns que redactaban. Así e todo, a escolla do V empezou a ser maioritaria no século XVIII (posiblemente, pola asociación semántica coa palabra verde). No entanto, esta relación non está demostrada, dado que non é clara a orixe etimolóxica da última parte do topónimo, -illo.

No século XIX virouse un pouco, tanto no mundo eclesiástico como nos nomenclátores oficiais da segunda metade, a favor do B. No entanto, malia que oficialmente se escribise con B, dende o último terzo do XIX, a única forma rexistrada nos libros e asociacións parroquiais foi Verdillo.

Neste sentido, a Real Academia Galega elaborou un informe onde se analiza a presenza do topónimo en textos notariais medievais, libros pertencentes ao arquivo da parroquia, cartografía histórica e outros documentos[4]. Neste informe, presentado en maio de 2022[5], propónselle á Xunta de Galicia o cambio do topónimo oficial á forma Verdillo debido ás atestacións gráficas históricas e do uso común da grafía con V entre a veciñanza. Este cambio formalizarase na vindeira revisión do Nomenclátor de Galicia.

Historia

editar

A parroquia de Berdillo esténdese ao longo da estrada que a cruza (DP-1904) e que, en tempos pasados, foi o camiño real que unía A Coruña con Fisterra. Era a principal vía de comunicación coa cidade herculina até que a vila de Carballo comezou a medrar en sona debido ao seu balneario de augas termais, e se construíu unha nova estrada, a actual AC-552, que se fixo pasar polo centro da vila[6].

Durante séculos, celebrouse nesta parroquia e na veciña de Artes, ao pé do camiño real, a que chegou ser a feira máis importante da antiga provincia da Coruña[7]. Na estrada entre Carballo e Ordes (AC-413) atópase a aldea da Feira de Berdillo, que se refire aos tempos nos que se celebrou a feira. Pese á oposición do barrio e dos párrocos de Sofán, Artes e Berdillo, a feira trasladouse en 1941 a Carballo[8].

Patrimonio

editar

No centro de Berdillo está a Igrexa de San Lourenzo (construída de novo no século XX e completada en 1931, sendo obra de Manuel Villaverde). Orixinalmente constaba dunha única nave, con tribuna de madeira e un longo presbiterio que correspondía ao templo anterior. En 1951 engádenselle dúas capelas laterais para aumentar o seu espazo interior, polo que pasa ser un templo de cruz latina. A última modificacións faráselle en 1979, cando se lle engade o pórtico lateral.

No seu interior conserva tres retablos. O maior, de estilo neoclásico, obra de Laureano Cao Cornido, do segundo terzo do século XIX, que preside o patrón San Lourenzo, unha talla da mesma época. E dous laterais, de estilo barroco, da segunda metade do século XVIII: o de San Roque, situado na parte esquerda, e o do Carme na parte dereita[8].

Diante da igrexa existe un cruceiro obra dun santeiro (canteiro de santos).

A parroquia conta cun centro social que se atopa preto da igrexa de San Lourenzo (cuxa construción se estendeu dende o ano 1989 até o 2007) e que é empregado polas asociacións da parroquia.

Demografía

editar

Segundo o IGE, Berdillo contaba con 998 habitantes (480 homes e 518 mulleres) no ano 2022, distribuídos en 27 entidades de poboación. É unha parroquia densamente poboada (a 5º do municipio), debido a súa proximidade a Carballo.

Gráfica de evolución demográfica de Berdillo, Carballo entre 2000 e 2022
Datos segundo o nomenclátor publicado polo IGE.

Asociacións

editar

A parroquia de Berdillo destaca pola forza do seu amplo movemento veciñal, cultural e deportivo. Compre salientar as seguintes asociacións:

  • Agrupación Cultural Arume: Creada en 1982, desenvolve actividades culturais como o baile e a música tradicional. Neste eido, conta con grupos de baile, cantareiras e gaiteiros cos que realiza diversas actuacións. Ten como obxectivo contribuír á promoción e difusión da animación socio cultural, salvagardar o patrimonio tradicional galego e favorecer a cooperación entre distintas entidades culturais.
  • Asociación Xuvenil Arume: Fundada en 1985, ten o obxectivo de promover o asociacionismo xuvenil no medio rural, fomentando o desenvolvemento comunitario e a participación da xuventude na vida social, política e cultural e contribuíndo á formación integral da mocidade.
  • Asociación de Veciños San Lorenzo de Verdillo: É un ente que agrupa dende o ano 2006 a unha meirande parte dos berdilleses coa finalidade principal de mellora da parroquia e organización de actividades de interese xeral.
  • Consello Parroquial de Berdillo: Constituído no 2016, é unha ferramenta posta en marcha polo Concello de Carballo que fomenta a participación dos veciños e veciñas nos asuntos da parroquia.
  • Sociedad Deportiva San Lorenzo de Verdillo: Equipo de fútbol fundado no ano 1978 que conta con equipo de veteranos e sénior (o cal compite no grupo 2 da Segunda Autonómica).
  • Unión Democrática de Pensionistas de Verdillo: Naceu no 2002 e está dirixida a pensionistas e xubilados desta parroquia. A entidade dedícase á organización de viaxes culturais, cursos de ximnasia ou clases de bailes de salón para dinamizar o tempo de lecer dos seus socios.

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Berdillo

editar
Lugares da parroquia de Berdillo no concello de Carballo (A Coruña)

O Alto | O Añón de Berdillo | O Areal | O Aseñado | O Campo | As Casas Novas | Chacín | A Costa | O Esmorís | A Ganduma | A Garrida | A Igrexa | Longras | O Lugar de Abaixo | O Moucho | O Paraíso | O Piñeiro | A Ponte Carral | As Pozas | O Prego | A Pumara | A Redonda | A Regueira de Abaixo | A Regueira de Arriba | Samiro | As Seixas | Vilarnovo

Parroquias de Carballo

editar
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Carballo

Aldemunde (Santa María Madanela) | Ardaña (Santa María) | Artes (San Xurxo) | Berdillo (San Lourenzo) | Bértoa (Santa María) | Cances (San Martiño) | Carballo (San Xoán) | Entrecruces (San Xens) | Goiáns (Santo Estevo) | Lema (San Cristovo) | Noicela (Santa María) | Oza (San Breixo) | Razo (San Martiño) | Rebordelos (San Salvador) | Rus (Santa María) | Sísamo (Santiago) | Sofán (San Salvador) | Vilela (San Miguel)

  1. 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
  2. Berdillo no Nomenclátor da Xunta
  3. Cabeza Quiles, Fernando. "Toponimia de Carballo". p. 171-172. Consultado o 15 de abril de 2021. 
  4. "O Seminario de Onomástica propón que o nome da parroquia carballesa de Berdillo pase a escribirse con V". Real Academia Galega. Consultado o 2022-08-15. 
  5. "A Comisión de Toponimia da Real Academia Galega propón, tras un minucioso estudo, a utilización do topónimo Verdillo". Concello de Carballo. Consultado o 15/08/2022. 
  6. "Turismo Carballo. Berdillo". Consultado o 25 de xullo de 2021. 
  7. Lucas Labrada, José (1804). Descripción económica del Reino de Galicia. 
  8. 8,0 8,1 Cabeza Quiles, Fernando; Domínguez Rial, Evaristo; Fernández Carrera, Xan X.; García Losada, Antón; Giadás Álvarez, Luis A. (2011). Andando por Bergantiños. Parroquias de Artes, Sofán e Berdillo. 12. Instituto de Estudos Bergantiñáns. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar