Rebordelos, Carballo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2013.) |
San Salvador de Rebordelos é unha parroquia que se localiza no norte do concello coruñés de Carballo, na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE en 2019 tiña 210 habitantes (102 homes e 104 mulleres), distribuídos en 7 entidades de poboación (Rebordelos, A Pedra do Sal, Sambade, Vilar de Peres, Costenla, Cestro, Carballedo e Leira), o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 237 habitantes.
Rebordelos | |
---|---|
Concello | Carballo[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 43°17′44″N 8°38′36″O / 43.29565898, -8.64335562 |
Poboación | 210 hab. (2019) |
Entidades de poboación | 7[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía
editarRebordelos está situada no extremo nororiental do concello. Conxuga unha zona de marismas pertencentes ao espazo natural de Razo-Baldaio coñecida como o xuncal, e un litoral máis abrupto en pleno arco Ártabro, preto da Costa da Morte. Seguindo a liña costeira, esta parroquia esténdese dende un marco natural situado no punto máis alto da Pedra do Sal, demarcando con Lema ata outro que a separa do concello da Laracha. Limita polo norte co océano Atlántico, polo oeste coa parroquia de Lema, polo sur coa de Noicela na que está integrada como "anexo" e polo leste coa de Caión. O lugar da Imende é un territorio "enclavado" sen saída ó mar, pertencente á parroquia de Noicela.
Distínguense tres zonas, predominantemente de clima atlántico:
- O litoral: con veráns moi frescos debido ós ventos que sopran de compoñente nordés durante toda a estación estival.
- A ladeira: cun microclima de tipo case mediterráneo con bosquetes de piñeiro manso, únicos en toda a provincia da Coruña.
- A chaira: que soporta as noites de inverno máis frías e as enchentes máis acusadas de toda a parroquia, pola proximidade do río Miñoteira.
A parroquia de Rebordelos está bañada polo océano Atlántico: marismas de Baldaio, praias da Pedra do Sal, Arnela e Leira, Porto Loureiro e Pedra Furada ("O Burato do Demo" na serie de TVE, "Néboa") testemuñas de innumerables naufraxios.
Historia
editarRebordelos pertenceu á xurisdición de Caión durante toda a Idade Media e parte da Idade Moderna[2] e foi concello independente ata 1836.
No igrexario de Rebordelos sábese da presenza do Conde de Graxal e o Convento de San Agustín.
Así mesmo houbo no lugar unha casa dos Rodríguez-Arijón na que naceu o tataravó do Conde de Castillo de Tajo, Alfonso Díez de Tejada Rodríguez-Arijón. En 1816 Miguel Antonio Rodríguez-Arijón, natural de Rebordelos fixo provisión e gañou executoria de nobreza na Real Chancelería de Valladolid. Estes Rodríguez-Arijón tamén posuíron soar en San Cristovo de Cerqueda, San Mamede de Seavia e San Pedro de Sorrizo.
Respecto do territorio da Imende, aínda que este está adscrito á parroquia de Noicela, historicamente pertenceu á de Rebordelos, e aínda para a igrexa católica forma parte da súa parroquia eclesiática pois os imendeses poden bautizarse, casar ou enterrarse en Rebordelos por razóns de proximidade ou antecedentes familiares. Como di o escritor Xosé Pumar Gándara, é este un caso peculiar aínda vixente, pois outros semellantes tanto en parroquias como en dioceses xa se resolveron por decretos eclesiásticos.
En abril de 1843 produciuse o naufraxio do RMS Solway, que levantou as reclamacións do goberno inglés ó español sobre a falta de sinais marítimas en Galicia. A catástrofe do Solway ó chocar nos baixos de Baldaio causou 35 mortos e foi a causa de que se aprobase a primeira Lei de Faros onde se sinalaba a colocación de luces nos cabos Fisterra e Vilán e nas Illas Sisargas. O desastre produciuse de noite, con bo tempo e lúa clara. O escritor Jules Verne na súa obra Vinte mil leguas baixo dos mares fai referencia a este naufraxio fronte ás costas de Rebordelos.
En novembro de 1929 chocou cos baixos de Baldaio o mercante vasco María Victoria, que levaba nas súas adegas 3500 toneladas de carbón. Os náufragos foron rescatados polos mariñeiros que faenaban na zona. Atribúese o naufraxio á espesa néboa.
Durante a segunda guerra mundial un avión alemán caeu ó mar e o corpo do seu piloto, atopado na praia da Arnela, foi enterrado no cemiterio de Rebordelos. Alí aínda existe a súa cruz e unha inscrición borrosa e deteriorada, coñecida como a cruz do alemán.
Patrimonio
editarHai unha mámoa ó lado da estrada que vai á praia da Pedra do Sal, no predio da Medoña; un castro en Costenla, habitado no seu día polo pobo dos Brigantinos, segundo o etnógrafo e historiador Xesús Taboada Chivite, mestizos de Oestrimnios e Celtas. En Vilar de Peres hai varias casas señoriais, entre as que destaca a Casa da Tulla, onde ten orixe outra das ramas dos Rodríguez-Arijón. Tamén se pode ver a capela de San Xoán co seu cruceiro en Leira.
A igrexa de San Salvador, de estilo románico, está no centro do lugar de Rebordelos cunha rúa que a circunda. Hai un cruceiro a uns 150 metros. No informe do cardeal Jerónimo del Hoyo de 1607, consta que esta parroquia era anexa ó mosteiro da orde de Santo Agostiño de Caión. No catastro de Ensenada infórmanos que os décimos desta freguesía ían destinados a este mosteiro, e a loitosa pagábase ó Conde de Graxal de Caión, título correspondente ós Bermúdez de Castro. A igrexa pasou a ser anexa de Noicela a comezos do século XVII. Reedificouse desde a base no ano 1735, e levantouse de novo unha construción moi sobria tal e como a vemos na actualidade. Ten unha fachada lisa, na que se abre unha porta e unha pequena fiestra rectangulares, e coroando o conxunto, unha sinxela espadana dun so oco. O retablo maior e o lateral dereito pertencen ó primeiro barroco. Nos dous aparece no segundo corpo a imaxe do patrón San Salvador. Isto dános a insinuar que este lateral debía ser o que presidía a igrexa. O retablo da esquerda ardeu, e no seu lugar púxose un novo de comezos do século XX. En 1865, o arcebispo de Santiago, o cardeal Miguel García Cuesta, suprimiu o culto dominical en Rebordelos, obrigando ós fregueses a acudir a Noicela.
Destacan asemade varias casas de labranza con elementos típicos da arquitectura popular como son o hórreo ou o pombal.
Festas
editarCelébranse as festas do patrón San Salvador e o Neno Xesús no mes de agosto, da Virxe da Candelaria e San Brais en febreiro, o 13 de decembro unha misa na honra a Santa Lucía, o 25 de abril a San Marcos e o 13 de xuño a San Antonio de Padua. O 7 de decembro celébrase a Vixilia da Inmaculada que reúne a mozos de Rebordelos, Noicela e Caión. Estes acompañan á Virxe en procesión con fachos de noite dende a "principal" de Noicela ata o seu "anexo" de Rebordelos.
Nos solsticios de inverno e de verán existen dúas tradicións coñecidas como "A noite do lume novo" e "A noite das cacharelas". En canto a primeira, as familias colócanse arredor das lareiras e acenden un tronco novo de carballo. O tizón resultante gárdase todo o ano e protexe contra as desgrazas. A segunda consiste en organizar fogueiras que hai que saltar para expulsar ós malos espíritos: demos, meigas e bruxas que segundo a tradición se xuntan para facer os seus conxuros no monte Nemeth ("monte sagrado" na antiga lingua celta). O 1 de novembro é a "Noite dos mortos" cando se colocan farois acesos nos cemiterios en honor ós defuntos e entre as casas, nas silveiras e nas leiras cabazas para asustar a amigos e veciños. O 1 de maio son "As lumieiras do pan" cando se lle pon lume ós feixes de folla de millo acumulados nas leiras durante todo o inverno. A borralla esténdese coa intención de atraer as boas colleitas. Despois bendícese a leira con auga e un ramo de oliveira ou loureiro.
Lendas
editar- Lenda da bruxa dos dentes verdes. No castro de Costenla hai unha meiga cos dentes verdes. Ela vive dentro do castro pero anda tódalas noites polos camiños próximos na procura de nenos. Ós que atrapa xa non se lles volta a ver xamais. Por isto ós cativos prevénselles de non achegarse por alí caída a noite.
- Lenda da cidade asolagada. Fronte á Pedra do Sal, no que hoxe se coñece como os "Baixos de Baldaio", había unha cidade de nome Galilea. Esta foi inundada e quedou somerxida como castigo divino, tras padecer un forte temporal de choiva e vento. O motivo está en que a veciñanza dese lugar non quixo darlle pousada a Xesucristo cando veu predicar por estes lares, xunto con San Miro e Santa Mariña. Cando a marea baixa moito vense os tellados das casas de Galilea e escóitase ós galos cantar.
- Lenda da pedra fronteiriza. Existe unha pedra enorme que divide as parroquias de Lema e Rebordelos. Os veciños de ámbalas dúas parroquias discutían constantemente e non se poñían de acordo de ata onde chegaba a unha e mais a outra. Como os santos San Cristovo e San Salvador non chegaban a un entendemento deixaron que o vento do oeste lle dese a cada un o que lle pertencía. Subiron ó Monte Neme e soltaron a pluma dunha pomba. O lugar onde caese ía ser o límite definitivo de ambas parroquias. Cando a pluma chegou ó chan cravouse na terra converténdose nunha grande pedra.
- Lenda da galiña cos pitos. Nunha eira na Medoña de Rebordelos hai unha galiña con pitos de ouro que aparece coincidindo co solsticio de verán. É inútil correr detrás dela e imposible atrapala. Na ponte de Sambade desaparece repentinamente ata o solsticio do ano seguinte.
- Lenda do Mal de Maio. O 30 de abril colócanse pólas e flores de xesta nas portas e ventás das casas e cortes do gando para protexer as colleitas e os animais do "Maio", un mal misterioso que lles pode afectar ata morrer.
- Lenda da Barca de Pedra. Cóntase que A Pedra do Sal é unha barca varada. Nela viaxan a noite do 31 de outubro as almas dos falecidos cara a Illa dos Mortos, nos Baixos de Baldaio.
Lugares e parroquias
editarLugares de Rebordelos
editarLugares da parroquia de Rebordelos no concello de Carballo (A Coruña) | |
---|---|
Carballedo | Cestro | Costenla | Leira | Rebordelos | Sambade | Vilar de Peres |
Parroquias de Carballo
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
- ↑ Daviña Sáinz, Santiago (11 de maio de 2005). "Rebordelos, señorío de Graxal". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de xaneiro de 2024.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Parroquias costeiras de Carballo: Rebordelos, Noicela, Vilela, Lema e Razo. Andando por Bergantiños. Instituto de Estudos Bergantiñáns. 2006.