Barroco
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII. O termo provén do francés baroque, de barocco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.[1]
A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.
O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, frecuentemente tratada con extrema crueza. Ao mesmo tempo mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.
Arquitectura
editarA arquitectura barroca empregou formas máis dinámicas, cunha exuberante decoración e un sentido escenográfico das formas e dos volumes. Cobrou relevancia a modulación do espazo, con preferencia polas curvas cóncavas e convexas, pondo especial atención nas ilusións ópticas (trompe-l'œil) e no punto de vista do espectador. Tamén adquiriu unha grande importancia o urbanismo, debido aos monumentais programas desenvolvidos por reis e papas, cun concepto integrador da arquitectura e a paisaxe, que buscaba a recreación dun continuum espacial, da expansión das formas na procura do infindo, como expresión duns elevados ideais, sexan políticos ou relixiosos.
Como obras mestras da arquitectura barroca podemos destacar a Basílica de San Pedro do Vaticano, obra do mestre Bernini en Italia, o Palacio de Versalles en Francia ou a fachada da Catedral compostelá.
Pintura
editar- Artigo principal: Pintura barroca.
Os pintores barrocos, mediante as súas obras, buscan a expresión, o sentimento interior, a paixón, o temperamento, o movemento e a profundidade, como se pode observar na obra de Velázquez As fiandeiras. Tamén destaca o pintor italiano Caravaggio e o seu dominio da técnica do claroescuro, e nos Países Baixos destaca Rembrandt.
Con este estilo, nacen unha nova clientela, na que está a alta burguesía, a burguesía media acomodada, os nobres, a igrexa, as institucións públicas etc.
Os cadros constan dunha temática variada: relixiosa, mitolóxica, retratos da vida cotiá, paisaxes, naturezas mortas, bodegóns, escenas de caza...
Brotan novos artistas especializadas para as temáticas:
- Van Dyck, retratista.
- Vermeer, temas burgueses, cotiáns, tranquilos.
- Carracci, grandes frescos mitolóxicos.
- Claudio de Lorena, paisaxes.
- Rubens, aristocracia católica.
Escultura
editarA escultura barroca está moi vinculada coa arquitectura, como por exemplo, nos retablos, pois foron os temas relixiosos ou, na súa falta, inspirados na mitoloxía clásica nos que máis abonda a produción deste movemento. Entre os escultores destaca sobre todo Bernini en Italia.
Lírica
editarOs autores que máis destacaron na lírica do Barroco en España foron Quevedo e Góngora.
Teatro
editarOs autores de maior relevancia no teatro barroco en España foron Lope de Vega, Calderón de la Barca e Tirso de Molina. Nesta época o teatro español en castelán vive a súa época de máximo esplendor, o chamado Século de Ouro. Isto contrasta coa escasísima produción literaria en galego, que se atopa nos chamados séculos escuros.
O Barroco galego
editarO esplendor do Barroco coincide cun momento de gran transformación social e económica de Galiza, coa fidalguía de pazo e a Igrexa coma clases directoras da sociedade[2].
O Barroco é un dos períodos culminantes da historia da arte galega, en especial no caso da arquitectura e dos retablística, de xeito tal que dende o Románico non se asistira a un afán semellante de renovación das fábricas relixiosas coma o que se vai desenvolver desde mediados do século XVII até a segunda metade do seguinte. Galiza asiste entón, tanto a nivel urbano coma rural, a un fenómeno de transformación das súas estruturas arquitectónicas e urbanas só comparable aos momentos culminantes de épocas históricas anteriores.
Hai que resaltar o rol tido polo Cabido da catedral de Santiago neste pulo renovador, xa que a súa privilexiada situación económica, así coma o afán por conservar a catedral coma un dos edificios máis significativos da Cristiandade, levárono a se converter no decidido defensor dunha nova opción artística, a barroca, que desde alí irradiará por toda Galiza da man de arquitectos coma Andrade, Casas Novoa ou Ferro Caaveiro.
Entre as principais obras relixiosas salientan en Compostela a fachada do Obradoiro da catedral e a súa torre do reloxo, a fachada do mosteiro de San Martiño Pinario ou a Casa do Cabido. Outras construcións de sona son a a capela da Virxe dos Ollos Grandes, na catedral de Lugo, e a igrexa do mosteiro de Oseira. Na arquitectura civil, é a época dos pazos, nos que salienta o pazo de Oca.
A recuperación económica que se dá en Galiza a partir dos primeiros anos do século XVIII vai propiciar a aparición dunha nova clientela, a pequena nobreza, moitas veces segundos de grandes familias, cuxos primoxénitos se trasladaran para a Corte. Estes segundos acometen entón a construción de pazos, contrapunto da arquitectura eclesiástica.
Notas
editar- ↑ Definición de barroco, -ca no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Villares, Ramón (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Arquitectura barroca
- Barroco siciliano
- Pintura barroca
- Pintura barroca
- Música barroca
- Pintura do Século de ouro neerlandés
- Pintura barroca de España
Ligazóns externas
editar Este artigo sobre arte é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |