A propaganda é unha forma de comunicación consiste no lanzamento dunha serie de mensaxes co fin de influír no sistema de valores e na conduta da cidadanía.

Tío Sam, imaxe usada polos EUA para recrutar soldados.
De forma neutral a propaganda é definida como unha forma intencionada e sistemática de persuasión con fins ideolóxicos, políticos ou comerciais, co intento de influír nas emocións, actitudes, opinións e accións dos grupos de destinatarios específicos a través da transmisión controlada de información parcial (que pode ou non estar baseada en feitos) a través dos medios de comunicación masiva e directa
Richard Alan Nelson: A Chronology and Glossary of Propaganda in the United States (1996.

Características editar

Artéllase a partir dun discurso persuasivo que busca a adhesión das persoas a determinados intereses. É unha comunicación unidireccional, e require do recurso do anuncio. A súa formulación consiste en utilizar unha información presentada e difundida masivamente coa intención de apoiar unha determinada opinión ideolóxica ou política. Aínda que a mensaxe conteña información verdadeira, é posible que sexa incompleta, non contrastada e partidista, de forma que non presente un cadro equilibrado da opinión en cuestión, que é contemplada sempre en forma asimétrica, subxectiva e emocional.

O seu uso primario provén do contexto político, referíndose xeralmente aos esforzos patrocinados por gobernos ou partidos para convencer as masas; amais, existe a propaganda como publicidade de empresas privadas.

A propaganda pode ser usada en contextos moi diferentes. A propaganda relixiosa foi moi difundida ao longo da historia, como cando san Paulo exerceu o apostolado do cristianismo e estableceu as primeiras igrexas cristiás en Asia Menor, Grecia e Italia. Algúns libros, mesmo novelas, tamén foron utilizados como vehículo para a propaganda, como As viaxes de Gulliver (Jonathan Swift, 1726), que atacou a vaidade e hipocrisía da política do seu tempo, ou A cabana do tío Tom (Harriet Beecher Stowe, 1852), que ao describir a escravitude nos estados sureños dos Estados Unidos contribuíu ao desenvolvemento do movemento abolicionista.

A coñecida como propaganda branca busca crear unha opinión favorable sobre unha organización, grupo ou goberno específico, como a difundida polo goberno nazi na década de 1930 para destacar a supremacía e a prosperidade do seu país. A propaganda negra intenta fomentar a intranquilidade e a superstición con respecto ás accións ou intencións doutra entidade, como a difundida durante a guerra fría.

Os avances tecnolóxicos dos medios de comunicación, especialmente os electrónicos, están ampliando as canles de propaganda.

Etimoloxía editar

Propaganda procede do latín propagare ('perpetuar, acrecentar, estender'). O termo comezou a ser usado pola curia romana, e continuou durante a Contrarreforma, onde a Igrexa usaba a expresión de propaganda fide, con intención pastoral.

En inglés, "propaganda" ten connotacións negativas.

Historia editar

 
Exemplo de propaganda da Guerra Civil Inglesa.

Os edictos de Asoka (século III a. C.) son unha serie de edictos escritos que se conservaron en columnas ou rochas naturais distribuídas polo Norte do subcontinente indio. Estas inscricións estaban localizadas en enclaves importantes como preto das cidades, rutas comerciais ou centros relixiosos, co que o goberno de Asoka se aseguraba de chegar ao maior número de xente posible. Eran preceptos morais, relixiosos e prestacións sociais en relación cos homes e os animais.

Sendo coñecida moito antes na India e a China, a propaganda en Europa ten os seus inicios escritos xa en inscricións de mensaxes publicitarias entre os comerciantes gregos. Na curia romana empregábase para difundir a súa mensaxe relixiosa. Esta ferramenta volver ser empregada e a expandirse grazas ao impulso da Igrexa católica co seu departamento de administración pontificia dedicado a controlar as rutas misioneiras do Novo Mundo. No período da Contrarreforma emprégase a expresión de propaganda fide con intención pastoral, cando o 22 de xuño de 1622 o papa Gregorio XV instituíu a Congregación para a Evanxelización dos Pobos ou Propaganda Fide, coa fin de propagar o catolicismo nos continentes en vías de colonización.

Século XX editar

 
Cartel onde se promove o traballo feminino (Young Women's Christian Association).
 
Propaganda estadounidense da segunda guerra mundial, onde se incita aos cidadáns a que aumenten a produción.

Porén, non foi ata a primeira guerra mundial cando se iniciou a sistematización do uso da información ao servizo dos intereses belicistas.[1] O xornalista Walter Lippmann e o relacionista público Edward Bernays foron os responsables de orquestrar a primeira campaña antialemá nos Estados Unidos de América para que o pobo estadounidense dese o seu visto e prace á entrada deste país na contienda.

Un ambiente de rivalidade internacional materializado en actitudes chauvinistas, sumado á tensión propia da época (agresivas políticas coloniais, conflitos ancorados na memoria como a guerra franco-prusiana) iniciaron o conflito.[1] Os sectores belicistas estimularon a agresividade recorrendo ao emprego de todos os medios ao seu alcance, entre os que destacou o uso da prensa e a colaxe masiva de carteis propagandísticos. Os medios de comunicación (prensa e radio) pasaron a seren controlados e censurados polos gobernos.[1]

As mensaxes propagandísticas intentaban evitar a desmoralización e o derrotismo, houbo un forte control da información que se recruou especialmente trala crise de 1917.[2][3]

A guerra civil española constituíu un verdadeiro fito e foi a antesala da segunda guerra mundial, onde se puxeron en práctica os elementos persuasivos máis importantes. Como parte da propaganda franquista quedou implantada a idea de que na guerra civil española había dous bandos enfrontados. Desta manera pretendeuse dar lexitimidade ao feito de apoiar coas armas un levantamento contra o goberno democrático lexítimo.

Século XXI editar

Despois dos atentados do 11 de setembro de 2001 o goberno estadounidense iniciou o que denominou guerra contra o terrorismo, comprendida como unha guerra de cuarta xeración, onde se fixo uso dos medios masivos, especialmente dos medios televisivos; sen excluír internet. A política estadounidense centrouse en propagar o suposto choque de civilizacións, propaganda que promoveu e logrou o apoio popular necesario para a invasión de Iraq de 2003 co argumento de que Saddam Hussein posuía armas de destrución masiva e que apoiaba a rede Al Qaeda.

Estados Unidos en relación ao programa nuclear de Irán utilizou en 2006 a denominación de fascismo islámico[4][5] nunha retórica tendente a xustificar un ataque contra Irán.

Se ben os gobernos contan coa capacidade de difundir a súa retórica por medios masivos globais en forma extensa, os grupos que son atacados dende os medios e os que se opoñen ás guerras válense dos medios alternativos e de internet principalmente, logrando influír na opinión pública.[6] Por outra banda, a estratexia dos medios alternativos é distinta, xa que se centran en ofrecer información que non se publica nos grandes medios e a participación horizontal do espectador ao poderen publicar a súa opinión xunto coa información alternativa, situación que contradí os principios da propaganda.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Propaganda sin rubor: la prensa durante la I Guerra Mundial". 20 minutos (en castelán). 1-4-2014. Consultado o 21-11-2014. 
  2. "Tu país te necesita, los comienzos de la propaganda bélica". National Geographic Society (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03-12-2014. Consultado o 21-11-2014. 
  3. "La Primera Guerra Mundial: entre la censura y la propaganda". Reportaje Gráfico. Consultado o 2013. 
  4. "Esta nación está en guerra con el fascismo islámico»". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2007. Consultado o 13 de outubro de 2007. 
  5. "V aniversario del 11-Septiembre: EEUU da nueva definición a Guerra Antiterrorista". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 28 de xuño de 2016. 
  6. "Estadounidenses repudian de manera abrumadora plan de guerra de Bush en Irak". Arquivado dende o orixinal o 05/10/2011. Consultado o 28/06/2016. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar