Cristianismo

relixión abrahámica monoteísta

O cristianismo[1] (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Sermón da Montaña.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Crucifixión

Crenzas editar

Aínda que hai moitas diferenzas importantes na interpretación da Biblia, os cristiáns comparten unha serie de crenzas que consideran esenciais para a súa fe.

Os Credos editar

Artigo principal: Credo.

Os Credos (do latín credo, "creo") son confesións doutrinais concisas, usualmente de crenzas relixiosas. Naceron como fórmula bautismal e expandíronse durante as discusións cristolóxicas dos séculos IV e V para pasar a ser declaracións de fe.

O Credo dos Apóstolos (Symbolum Apostolorum) foi desenvolto entre os séculos II e IX. É o Credo máis empregado na liturxia polo cristianismo occidental. Xa que o Credo non se viu afectado por divisións cristolóxicas posteriores, as súas posicións sobre diferentes artigos da fe cristiá seguen a ser aceptábeis para a inmensa maioría das denominacións cristiás:

O Credo niceno, unha resposta ao arianismo, foi formulado nos Concilios de Nicea e Constantinopla en 325 e 381 respectivamente e ratificado como o Credo universal da Cristiandade polo Primeiro Concilio de Éfeso en 431.

Xesús Cristo editar

 
Representación de Xesús como un neno coa súa nai, María, a Nai de Deus de Vladimir. Século XII, Rusia.

O principio central do cristianismo é a crenza en Xesús de Nazaret como o Fillo de Deus e o Mesías (Cristo). O título "Mesías" ven da verba hebrea מָשִׁיחַ (māšiáħ), que significa "o unxido". A tradución grega Χριστός (Christós) é de onde provén a verba galega "Cristo".

Os cristiáns cren que Xesús, como Mesías, foi unxido por Deus para salvar aos homes dos seus pecados, e manteñen que en Xesús cumpríronse as profecías mesiánicas do Antigo Testamento. A crenza central do cristianismo é que a través da crenza e aceptación da morte e resurrección de Xesús, a humanidade ferida polo pecado orixinal pode reconciliarse con Deus e xa que logo pode salvarse e obter a promesa da vida eterna.

Aínda que hai moitas diferenzas teolóxicas sobre a natureza de Xesús, xeralmente os cristiáns cren que Xesús é Deus encarnado e "verdadeiro Deus e verdadeiro home" (plenamente divino e plenamente humano). Xa que Xesús fíxose humano, sufriu as dores e tentacións como calquera home, pero non pecou. Ao ser Deus, volveu á vida.

Confesións editar

Os aproximadamente 2 000 000 000 de cristiáns (33% da poboación mundial) agrúpanse, principalmente, en tres correntes:

Historia editar

Primeiros anos editar

Nun principio, o cristianismo foi unha división dentro do xudaísmo, constituída polos seguidores de Xesús de Nazaret. Pouco a pouco, foise separando da doutrina xudía e foi acollendo a pagáns; Isto supuxo un factor de división entre os cristiáns máis conservadores -que defendían que os pagáns debían facerse xudeus antes que cristiáns- e o grupo liderado por Paulo de Tarso, que finalmente rematou imperando. Durante os primeiros séculos da historia cristiá, foise, pouco a pouco, establecendo unha certa xerarquía. Neste tempo, xurdiron as primeiras herexías ou desviacións do dogma orixinal.

As herexías nos séculos III e IV editar

Arrio, na doutrina coñecida como Arianismo, defendía que o Fillo era inferior ó Pai, situándose nun punto intermedio entre humano e divino. Esta crenza condenouse no Concilio de Nicea. Nestorio defendía que Cristo non era verdadeiramente Deus. A súa doutrina, o Nestorianismo, foi condenada no Concilio de Éfeso. No Concilio de Calcedonia condenouse o Monofisismo, que consistía na crenza en que, en Cristo, a natureza humana e divina se mesturaron.

Legalización editar

Co Edicto de Milán, en 313, o emperador Constantino I proclama a liberdade de culto no Imperio Romano; á súa morte bautízase, dándolle así un rango privilexiado á Igrexa católica. No ano 391, Teodosio I prohibe o culto pagán e proclama o Cristianismo como relixión oficial do Imperio.

O Cisma de Oriente editar

Considérase que o Cisma de Oriente tivo lugar no ano 1054, pero as súas causas atópanse varios séculos atrás. Ata entón, as igrexas de Oriente e Occidente fóranse afastando ó longo dos anos debido a criterios culturais e políticos. A principal causa da división entre a Igrexa católica e a que despois recibiría o nome de Igrexa ortodoxa débese, principalmente, á inclusión da cláusula filioque ("e o fillo") no credo de Nicea. Esta inclusión supuña a afirmación de que o Espírito Santo procedía tanto do Pai coma do Fillo, algo que en Oriente non era aceptado.

A Igrexa na Idade Media editar

A Idade Media considérase, tradicionalmente, como o período de esplendor da Igrexa e do Cristianismo, que pasaron a afectar a tódolos estratos da sociedade. Isto debeuse, sobre todo, ó forte contacto producido entre a Igrexa e o poder secular (que non estivo exento de roces, coma o acontecido na Querela das Investiduras), que tamén estivo relacionado co Cisma de Occidente.

O Cisma de Occidente editar

Foi unha división producida na Cristiandade occidental. En 1305, os papas marcharon da súa tradicional residencia en Roma a Aviñón, Francia. Alí permaneceron ata 1378, cando Gregorio IX decidiu volver a Roma. Á morte de Gregorio, escolleuse un novo papa, Urbano VI. A súa selección non agradou a grandes sectores da Igrexa, polo que elixiron un segundo papa, Clemente VII, que pasou a residir en Aviñón. A situación con dous papas, un vivindo en Roma e o outro en Aviñón, continuou durante anos, ata que, en 1408, o Concilio de Pisa quixo solucionala escollendo un terceiro papa. Pero, ó non abdica-los outros dous, a Cristiandade occidental pasou a ter tres papas. Esta división rematou co Concilio de Constanza en 1417

A Idade Moderna: Reforma e Contrarreforma editar

 
Martiño Lutero

A Reforma protestante foi un movemento dentro do Cristianismo dirixido por Martiño Lutero, monxe agostiño profesor na Universidade de Wittenberg que escribiu as 95 Teses que tiñan como finalidade a reforma da Igrexa e, sobre todo, a eliminación das indulxencias. A finais de 1517, Martiño Lutero distribuíu estas Teses entre as autoridades relixiosas da época.

Estas ideas estendéronse rapidamente por toda Alemaña grazas á imprenta e, paralelamente, xurdiron outros movementos protestantes en Suíza (creados por Huldrych Zwingli), algo máis radicais có de Lutero, e que perviven hoxe (Anabaptistas)

Por mor de todo isto, Martiño Lutero foi excomungado polo Papa León X, que condenou terminantemente tódolos aspectos da Reforma. Porén, grazas ós traballos de Martiño Lutero e Calvino, o protestantismo estendeuse por Alemaña, Suíza, Escocia, Hungría e moitas outras zonas de Europa.

En Inglaterra, Henrique VIII separouse da Igrexa católica e fundou a Igrexa de Inglaterra, que se considera protestante aínda que ten moitos aspectos en común coa Igrexa católica.

A Reforma protestante fixo evidente a necesidade dunha reforma dentro da Igrexa católica. Esta, que se produciu grazas ó Concilio de Trento (1545-1563) convocado polo papa Paulo III, recibiu o nome de Contrarreforma. O Concilio rexeitou a Reforma protestante e estableceu que:

 
O Papa Paulo III
  • A única interpretación correcta da Biblia era a da Igrexa. Calquera que se opuxese a ela era un herexe.
  • Para salvarse, facían falla tanto as obras como a fe, non só a fe (coma os protestantes defendían e defenden.
  • Tanto a Biblia como a Igrexa deben guiar a vida cristiá (non só a Biblia).
  • As indulxencias estaban permitidas.

Tamén tomáronse unha serie de medidas en relación co establecemento dunha maior disciplina dentro da Igrexa (moitos dos estratos da cal estaban cometendo excesos moi notables).

Ó longo dos séculos seguintes, e trala separación definitiva dos protestantes (non exenta de conflitos bélicos), a Igrexa foi perdendo progresivamente poder político.

Resumo das súas crenzas editar

Tendo en conta o que é común a todos ou a meirande parte dos cristiáns e deténdose tamén naquilo no que difiren.

Biblia editar

Artigo principal: Biblia.

O cristianismo é unha relixión ‘’do libro’’. Como o islam, parte dunha revelación divina que foi fixada nuns escritos. No caso do cristianismo, a Biblia é o libro sagrado no que se contén a revelación de Deus e no que se basea toda doutrina, rito, teoloxía etc. O propio nome –Biblia- xa dá indicacións sobre o concepto que se ten do libro sagrado. Biblia significa, en grego, ‘’libros’’, en plural, posto que está formado por libros feitos en distintos estilos, por distintos autores, moitos descoñecidos, e en distintas épocas. Para o cristianismo, os distintos libros compleméntanse e fan cada un a súa propia achega sobre a revelación divina. Tódolos cristiáns coinciden en separar a Biblia en dous grandes bloques:

  • Un primeiro que recolle a revelación anterior a Xesucristo, chamado Antigo Testamento. Que coincide coa Biblia xudía.
  • Un segundo bloque que coincide coa revelación de Xesucristo e dos seus discípulos, o Novo Testamento, que si é exclusivo do cristianismo.

A cerna da revelación é o Novo Testamento, sinaladamente os Evanxeos, posto que son as ensinanzas de Xesucristo, que se completan co resto dos libros desta parte da Biblia. O Antigo Testamento sería como unha revelación preparatoria e o seu valor está por embaixo do Novo.

O canon da Biblia editar

Artigo principal: Canon bíblico.

Este é un dos puntos de diverxencia entre as distintas confesións cristiás, a lista de libros que deben ser considerados como sagrados e, polo tanto deben formar parte da Biblia. Esta lista de libros é o que se coñece como canon da Biblia. Neste punto hai tres posturas principais:

  • As igrexas reformadas, que optan por un canon curto: do Antigo Testamento só admiten os libros incluídos no Texto Masorético da Biblia hebrea (protocanónicos).
  • A Igrexa católica, que fixou o seu canon no Concilio de Trento e que, en parte como reacción ao canon reformado, optou por un canon longo, que segue no Antigo Testamento a Biblia dos Setenta (incluíndo, ademais dos protocanónicos, os chamados deuterocanónicos).
  • Os ortodoxos son o que sosteñen un canon máis longo (e con algunhas diferenzas entre as distintas tradicións ortodoxas), sumando ao canon católico os libros de 1 Esdras, 2 Esdras, Oración de Manasés, Salmo 151, 3 Macabeos e 4 Macabeos.

En canto ao canon do Novo Testamento, todas as distintas confesións cristiás coinciden no seu recoñecemento da mesma lista de 27 libros como canónicos, aínda que con diferenzas na orde en que aparecen nas edicións da Biblia dalgunhas ramas das igrexas ortodoxas (especialmente, a eslava, a armenia e a etíope).

A verdade da Biblia editar

Durante séculos, todo o que dicía a Biblia aceptouse acríticamente e de xeito literal, baixo a premisa de que era verdade revelada por Deus. Calquera incongruencia resolvíase apelando á omnisciencia divina, que non permitía ao home coñecer tódolos seus segredos. Ou se atacaba e se facía calar calquera voz disidente (Galileo Galilei, Giordano Bruno, Charles Darwin). A Biblia dicía sempre a verdade e a dicía sobre calquera materia, xa fóra teoloxía, historia, astronomía ou bioloxía.

Cara a finais do século XVIII comeza a abrirse paso o estudo crítico da Biblia, partindo moitas veces de preguntas moi básicas que, de fondo, axudaban a pór en cuestión certas seguridades herdadas de séculos: como era posible que Moisés fose o autor do Pentateuco se nesa pentaloxía se nos conta a súa morte e o que sucedeu despois co pobo de Israel? Como podía Isaías narrar feitos históricos dos que parecía ser contemporáneo pero que sucederan ao longo de case trescentos anos? Por que nunha parte do relato de Noé Iavé lle pide que meta na Arca unha parella de cada especie e noutro parágrafo dille que meta sete parellas dos animais puros e só unha dos impuros? E xa postos, como era posible unha arroiada tal que cubrira tódolos continentes?

Ábrese entón paso o estudo crítico da Biblia, especialmente entre os teólogos das igrexas reformadas. Abórdase o seu estudo como o de calquera outro libro, tendo en conta a historia, os datos da arqueoloxía, da literatura comparada, da lingüística etc.

Neste momento, sobre a verdade da Biblia os cristiáns manteñen dúas posturas:

  • Unha, maioritaria entre as grandes igrexas, que defende que a Biblia só ofrece unha verdade teolóxica, sobre Deus e a súa relación coa humanidade. As afirmacións científicas que pode facer responden só aos coñecementos científicos da época na que foi escrito cada libro, sen pretensión de autoridade. E os relatos históricos hai que tomalos coma calquera outro documento histórico, que pode ser parcial, subxectivo ou errado.
  • Outra, minoritaria e propia de sectores máis conservadores e de pequenas igrexas reformadas, defende unha interpretación literal de cada parágrafo bíblico, sexa cal sexa o tema de que se trate. É o chamado fundamentalismo bíblico.

No primeiro caso, a Biblia debe ser interpretada e a súa mensaxe actualizada para poder ser aplicada en cada momento histórico. A segunda postura defende a aplicación directa da Biblia a cada situación que se presente ou poida presentarse.

Cosmoloxía editar

 
A creación de Adán, fresco de 1511 de Miguel Anxo, na Capela Sistina.

Todo o cristianismo cre nun Deus creador do Universo, da terra e do home, como di o catecismo da Igrexa católica:

290 No principio, Deus creou o ceo e a terra" (Xn 1,1): tres cousas afírmanse nestas primeiras palabras das Escrituras: o Deus eterno deu principio a todo o que existe fóra de El. Só El é creador (o verbo "crear" —en hebreo 'bara'— ten sempre por suxeito a Deus). A totalidade do que existe (expresada pola fórmula "o ceo e a terra") depende de Aquel que lle dá o ser.

Cousa distinta é saber que significado exacto se lle dá ao termo Deus creador. Neste punto e consonte coa visión que se teña do alcance da verdade da Biblia, atopamos dúas posturas:

  • Unha, maioritaria, que defende a fe nun deus creador, pero que respecta e valora os avances da ciencia, por exemplo, no propio catecismo citado:
283 A cuestión sobre as orixes do mundo e do home é obxecto de numerosas investigacións científicas que enriqueceron magnificamente os nosos coñecementos sobre a idade e as dimensións do cosmos, o devir das formas viventes, a aparición do home. Estes descubrimentos invítannos a admirar máis a grandeza do Creador, a darlle grazas por todas as súas obras e pola intelixencia e a sabedoría que dá ós sabios e investigadores.(...)
  • Outra, con forte implantación en igrexas cristiás de, por exemplo, Estados Unidos sostén que o mundo foi ceado por Deus tal como hoxe o coñecemos, nega a evolución das especies e todas as teorías científicas sobre o Universo. É o que se coñece como creacionismo. Caracterízase pola agresividade coa que ataca calquera descubrimento científica que vaia en contra da súa postura e por intentar fundamentar cientificamente os seus postulados:
O creacionismo baséase en principios científicos. Asenta sobre unha base científica: os Principios da Causalidade:

1./ Todo fenómeno obedece a unha causa.

2./ O fenómeno e a súa causa están intimamente relacionados. A lóxica científica e a razón indican que toda estrutura que reflicte un deseño intelixente (como tal un avión) é consecuencia dunha causa intelixente (un enxeñeiro aeronáutico).

Todos os estudos científicos conclúen que o Universo, a Vida e o Home presentan as características de haber sido deseñados por un creador intelixente. Grazas ó método científico as probas científicas da creación se acumulan cunha velocidade vertixinosa.[2]

Esta insistencia en buscar unha validación científica deu lugar a parodias relixiosas como o pastafarismo.

Demografía editar

Artigo principal: Cristianismo por país.
 
Os países cun 50% ou máis de cristiáns están de cor púrpura, e os países con entre un 10% e un 50% de cristiáns levan cor rosa.
 
Nacións onde o cristianismo é a relixión do estado:      Cristianismo ortodoxo      Protestantismo e anglicanismo      Catolicismo
 
Distribución global dos cristiáns: os países con cores escuras amosan unha maior proporción de cristiáns sobre o total da poboación.[3]

Cun número de seguidores de arredor 2 278 millóns de persoas,[4] divididos en 3 grupos principais (católicos, ortodoxos e protestantes), o cristianismo é a relixión con máis crentes a nivel mundial.[5] A proporción de cristiáns no mundo é dun 33% dende os últimos séculos, o que supón que unha de cada tres persoas no mundo é cristiá. Isto, porén, agocha un dato importante, xa que o crecemento do cristianismo é maior nos países en vías de desenvolvemento (arredor de 23.000 ao día) é acompañado dun descenso no primeiro mundo, principalmente en Europa e América do Norte (arredor de 7.600 ao día).[6] En total, 126 países son de maioría cristiá, mentres que en 71 os cristiáns son minoría.

O Cristianismo é a relixión dominante en Europa, América e África subsahariana. En Asia predomina en Xeorxia, Armenia, Timor Leste e as Filipinas. Porén, o número de fieis diminúe nos estados do norte e oeste dos Estados Unidos de América, así como Australia, Nova Zelandia, o norte de Europa (incluíndo o Reino Unido e os países nórdicos), Francia, Alemaña, as provincias canadenses de Ontario, a Columbia Británica e o Quebec, Oriente Medio (por mor da emigración cristiá[7]), Corea do Sur, Taiwán[8] e Macau[9]. A pesar da perda de fieis, segue a ser a relixión máis importante en Occidente, onde o 70% da poboación é cristiá.[10]

Á esquerda: unha listaxe dos dez países con maior números de cristiáns. Á dereita: unha listaxe dos países con maior porcentaxe cristiá sobre a poboación total.[11][12]

Posto País Cristiáns % sobre a poboación total País % sobre a poboación total Cristiáns
1   Estados Unidos de América 246 780 000 70,6%   Cidade do Vaticano 100% 800
2   Brasil 175 700 000 91,4%   Romanía 99% 21 490 000
3   México 113 500 000 93%   Papúa Nova Guinea 99% 6 860 000
4   Nixeria 92 281 000 52,8%   Tonga 99% 100 000
5   Filipinas 86 500 000 85,8%   Armenia 98,5% 3 090 000
6   Rusia 67 640 000 73,6%   Grecia 98% 11 000 000
7   R.D. do Congo 68 558 000 95,6%   Namibia 97,6% 2 280 000
8   Etiopía 54 978 000 64,5%   Illas Marshall 97,5% 50 000
9   Italia 54 070 000 91,5%   Moldavia 97,5% 3 570 000
10   Alemaña 50 000 000 62%   Zambia 97,5% 13 090 000