Pentateuco, termo grego que significa as cinco caixas, polos cinco libros que o compoñen. En Hebreo Torá, Lei. Comprende os cinco primeiros libros da Biblia: Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio.

Contido

editar

O Pentateuco recolle os acontecementos que rodearon o nacemento de Israel como pobo escolleito por Deus. Desde os patriarcas ata a chegada á terra prometida.

Recollemos agora o contido dos libros sen entrar na súa historicidade:

Xénese

editar
Artigo principal: Xénese.

Comeza cos relatos cosmogónicos da creación do mundo e do home. Seguen relatos etiolóxicos, que reflexionan sobre a causa do mal no mundo: o paraíso e o pecado orixinal, Caín e Abel, Noé e o diluvio universal, e remata coa Torre de Babel.

A segunda parte do libro trata dos patriarcas, xefes de clans nómades que recorrían o que hoxe é Oriente Medio. Comeza por Abraham, chamado por Deus de Ur de Caldea para que sexa pai dun gran pobo. O relato narra a alianza de Deus con Abraham, a historia da súa descendencia, cos seus fillos Ismael pai dos ismaelitas, é dicir, os árabes; e Isaac; a súa relación co seu sobriño Lot e o relato derivado sobre o pecado e castigo de Sodoma e Gomorra, e o sacrificio de Isaac.

Isaac colle despois o protagonismo, el e mailos seus fillos Esaú e Xacob, o enfrontamento entre estes polos dereitos de primoxenitura, que implicaba herdar todo, tanto bens materiais como dereitos de primacía no clan, e a súa posterior reconciliación. De Xacob escoitamos o relato das súas viaxes, os seus matrimonios e os seus doce fillos, os pais das doce tribos de Israel.

O seu penúltimo fillo Xosé, é protagonista do final do libro. As súas visións, a envexa dos seus irmáns, a súa venda como escravo ao ministro do Faraón. O seu posterior ascenso ao goberno de Exipto e como axuda aos seus irmáns. O libro remata co establecemento de Xacob e os seus doce fillos en Exipto.

Éxodo

editar
Artigo principal: Éxodo.

O libro comeza cos israelitas convertidos en escravos dos exipcios. Un neno israelita, Moisés é confiado ao río para protexelo da lei de Faraón. Aporfillado por unha princesa exipcia, chega a ser un persoeiro importante da corte ata que, xa adulto, descobre a súa auténtica orixe. Exiliado por orde de Faraón, Deus móstraselle no Sinaí e o envía como liberador do seu pobo.

Convertido en profeta, Moisés volta a Exipto e esixe a Faraón a liberdade do seu pobo. Ante a negativa deste, Deus por mediación de Moisés envía dez pragas que asolan Exipto, ata que Faraón cede e os deixa marchar ceibes. Cando máis tarde o rei exipcio os persegue para castigalos, Moisés abre o Mar Vermello para que o pobo poida fuxir a pé seco, cando o pecha de novo todo o exército de Faraón morre afogado.

A través do deserto chega todo o pobo ao monte Sinaí. Alí Deus fai alianza co seu pobo e lle entrega a Moisés a lei pola que se rexerá Israel e as táboas dos Dez Mandamentos. Pero, namentres, o pobo faise un becerro de ouro ao que adoran, ao baixar do monte, Moisés destrúe o ídolo e Deus castiga aos que o adoraron.

O libro remata coa construción da Tenda do encontro e da Arca da Alianza, lugar da presenza de Deus no medio de seu pobo.

Levítico

editar
Artigo principal: Levítico.

En hebreo vaiiqrá, é un libro de leis que regulan a vida relixiosa de Israel, o seu contido pódese dividir en cinco partes:

  • Capítulos 1 a 7: leis sobre os sacrificios: clasificación, vítimas axeitadas, comportamento dos sacerdotes.
  • Capítulos 8 a 10: leis sobre os sacerdotes, consagración dos mesmos e normas sobre as súas funcións.
  • Capítulos 11 a 16: normas sobre pureza legal, condición dos alimentos para ser puros, pureza legal nas enfermidades, e sobre a roupa ou as casas.
  • Capítulos 17 a 23: lei da santidade do pobo, dos sacerdotes e dos días festivos.
  • Capítulos 24 a 27: algunhas normas sobre as cerimonias e sobre a blasfemia; leis sociais sobre o xubileu, os anos sabáticos, décimos e votos.

Números

editar
Artigo principal: Números.

O nome vén do comezo do libro, no que se enumeran as familias e tribos que compoñen o pobo de Israel.

Narra os acontecementos que sucederon despois da Alianza do Sinaí, durante os corenta anos de travesía do deserto, dun xeito ás veces un pouco desordenado.

Deuteronomio

editar
Artigo principal: Deuteronomio.

O título grego co que coñecemos este libro significa lei (nomos) segunda (deuteros). E ese é o seu contido, a lei que rexerá a vida do pobo. Se o Levítico regula a vida relixiosa, este fai o propio coa civil.

Comeza cunha sección narrativa onde relata parte dos acontecementos que seguiron á Alianza do Sinaí.

Esta narración serve de prólogo á sección central e con diferenza a máis grande, onde se recollen as leis de Israel. Son presentadas como concreción da Alianza e rexen con bastante detalles practicamente tódolos aspectos da vida, tanto pública como privada.

Remata con outra sección narrativa onde relata a fin do éxodo polo deserto e a morte de Moisés no monte Nebo, xa á vista da Terra Prometida, pero sen que Deus lle permita entrar nela.

A tradición atribuíulle sempre o Pentateuco a Moisés. Un autor que era a un tempo líder, cronista da historia do seu pobo e lexislador que promulgaba as leis polas que tiña que rexerse.

Co inicio da ciencia bíblica, aos primeiros do século XIX, esta atribución comeza a poñerse en dúbida. Primeiro por unha constatación bastante obvia: se Moisés é o autor, como pode ser que no Deuteronomio escriba a súa propia morte?

Conforme vai avanzando a ciencia bíblica vanse descubrindo diferenzas na teoloxía de fondo, no estilo, na linguaxe, nas influencias literarias, que falan de textos compostos con moita diferenza de tempo, incluso séculos, entre eles; así como repeticións, versións diferentes dun mesmo feito...

Isto leva a abandonar a idea da autoría de Moisés. Se acaso, deixalo como un autor "moral", no senso de protagonista e inspirador.

As catro fontes

editar

O estado actual da investigación fala de tres tipos de materiais previos a partir dos que se compuxo o Pentateuco:

  • un longo período de transmisión oral das narracións que aparecen no libro: os relatos dos patriarcas, os feitos do Éxodo...
  • un material lexislativo, que se foi promulgando en distintas épocas.
  • obras literarias dos pobos veciños que, despois de adaptadas, foron incorporadas á Biblia. O caso máis claro é o relato de Noé, unha reescritura dun capítulo dunha obra babilónica: Epopea de Gilgamesh.

Todo este material, máis o orixinal dos autores do texto escrito desembocan nas catro escolas autoras do Pentateuco, o que se chama as catro fontes. Cada unha fixo a súa propia contribución e, as dúas máis recentes fixeron ademais o traballo de unir todo o material para forma-los libros tal como os coñecemos. Estas catro fontes son: iavista, eloísta, deuteronómica e sacerdotal.

Iavista

editar

Chámase así porque denomina a Deus Iavé (en hebreo co tetragrama sagrado IHWH). É a tradición máis anterga, arredor do ano -950. É unha tradición humanista, centrada na relación entre o ser humano e Deus. Considerada a de máis calidade literaria, da súa autoría son, por exemplo, os relatos da creación do home, no capítulo 2 do libro, ou boa parte do relato de Abraham.

Eloísta

editar

O seu nome vén de que chama Eloím a Deus. Aproximadamente dous séculos posterior no tempo á tradición Iavista. A formulación eloísta está máis preto da primitiva tradición oral e marca máis as distancias entre home e Deus.

Sacerdotal

editar

Responsable, entre outros textos, da famosa creación do mundo en sete días, ou do libro do Levítico. Dátase no século VI antes de Cristo. A súa preocupación e fundamentar as normas polas que se rexen as cuestións relixiosas. O seu nome ven de que, polo estilo e a teoloxía subxacente, suponse obra de sacerdotes do Templo de Xerusalén.

Deuteronomista

editar

Autora do Deuteronomio e de boa parte dos Libros históricos. A súa redacción definitiva dátase durante o desterro de Babilonia.

O texto actual

editar

Os autores destas tres fontes tamén foron os responsables da forma actual do texto. Nun primeiro momento uníronse as tradicións iavista e eloísta. Posteriormente, os autores da tradición sacerdotal fixeron o seu engadido e, finalmente os deuteronomistas achegaron o seu material e xuntándoo coas outras tradicións, lle deron ao texto a forma que hoxe coñecemos.

Os autores, para ir creando o texto, utilizaron o método da xustaposición. Salvo en casos moi concretos, unha tradición uníase a outra, poñendo os materiais un a carón do outro ao longo dunha liña cronolóxica definida de antemán. Este método de construción do texto explica en parte a desorde do libro de Números o fai que en ocasións nos atopemos seguidas dúas versións dun mesmo relato. O exemplo máis famoso atopámolo na creación do mundo: hai un primeiro relato, o da creación do mundo en sete días, obra dos autores sacerdotais; a seguir del empeza o relato iavista que pasa moi rápido pola creación do mundo para centrarse na creación do home e da muller (o coñecido relato do barro e a costela).

Este sistema de traballo dá lugar a un texto que pode resultar difícil para o lector, sobre todo o que se achega por primeira vez ao texto, ás veces o libro parece contradicirse, ou, noutros casos, cando rematou de explicar algo parece volver a empezar. Pero tamén ten dúas enormes vantaxes.

En primeiro lugar conserva os distintos matices que aportan cada unha das fontes que conforman o libro. Volvendo ao relato da creación, grazas á xustaposición podemos apreciar o estilo cadencioso e solemne do relato sacerdotal e o próximo e vital do iavista; o Deus señor universal que crea o mundo en sete días, e o Deus próximo, máis antropomórfico, que se preocupa porque Adán está so e lle fai unha compañeira.

A segunda gran vantaxe e para os estudosos: lingüistas, literatos, historiadores. Que poden acceder, sen case atrancos, ás fontes orixinais do libro, o que facilita recorre-lo traballo de redacción coas distintas mans, as súas influencias...

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • A Biblia, ed. SEPT, 1ª ed., Vigo 1989
  • SCHMIDT, Werner H.: Introducción al Antiguo Testamento, ed. Sígueme, Salamanca 1983
  • VON RAD, Gerhard: El libro del Génesis, ed. Sígueme, Salamanca 1982