Países nórdicos
O termo países nórdicos aplícase a cinco estados soberanos situados na Europa setentrional: Finlandia, Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia.
A expresión países nórdicos é equivalente a Escandinavia, na acepción máis ampla deste último termo. O cal, en sentido propio, só corresponde aos estados da Península Escandinava: Noruega e Suecia. Sen prexuízo de que tamén se empregue para sinalar a todos os países nos que se falan linguas orixinarias da devandita península, como son Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia.
Finlandia, aínda que non ten vencellos étnicos nin lingüísticos cos demais países denominados nórdicos, é considerada como un deles por cuestións de índole histórica (formou parte de Suecia durante oito séculos) e cultural.
Todas as bandeiras destes países teñen o mesmo deseño (a chamada Cruz escandinava), variando de cor en cada caso, o que reflicte a unidade histórica e cultural que posúen.
Adóitase usar como símbolo dos países nórdicos a imaxe de cinco cisnes voando na mesma dirección, cada un representando unha nación.
Os cinco países nórdicos conforman o Consello Nórdico (Nordiska rådet), organización interparlamentaria de cooperación, a cal inclúe ademais ás rexións autónomas das Illas Feroe, Groenlandia e Åland. É símbolo do consello, un cisne branco con oito ás sobre un círculo azul que á súa vez se atopa sobre un fondo branco.
Bandeiras
editarTodos os países nórdicos, incluíndo os territorios autónomos das illas Feroe e Åland, teñen unha bandeira semellante, baseada na Dannebrog, a bandeira dinamarquesa. Todas estas bandeiras teñen unha cruz descentrada, coa interacción máis preto do pau que do voo, e reciben o nome de «cruz nórdica».
Dinamarca | Feroe | Finlandia | Islandia | Noruega | Suecia | Åland |
Groenlandia e o pobo saami adoptaron bandeiras sen a cruz nórdica, pero presentan un círculo descentrado situado no mesmo lugar que a cruz.
Groenlandia | Laponia |
Rexións vencelladas aos países nórdicos
editarDende a súa independencia da Unión Soviética en 1991, Estonia presentouse como un país nórdico, de tal xeito que o actual presidente de Estonia, Toomas Hendrik Ilves, constantemente describe ao seu pais como "un país nórdico"[1]. Os estonianos considéranse un pobo nórdico, e non báltico[2][3] O pobo estoniano é étnica e lingüisticamente próximo ao finlandés e ademais comparte fortes vencellos culturais e históricos con Suecia e Dinamarca. A maioría dos investimentos e do comercio internacional de Estonia son cos países nórdicos.[4] No eido militar, Estonia é membro do Grupo de combate Nórdico da Unión Europea. Porén, o país é xeralmente considerado un dos países bálticos, malia que etnicamente se diferencie destes.
As illas Shetland e Orkney situadas no norte de Escocia tamén teñen fortes raíces cos países nórdicos. Estas illas foron colonias norueguesas durante máis de 500 anos ata 1472, e ata o día de hoxe manteñen intercambios culturais con Escandinavia. O deseño das bandeiras de Shetland e Orkney amosa os seus vencellos cos países nórdicos.
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 19 de marzo de 2008.
- ↑ Publicación do Ministerio de relacións exteriores de Estonia Arquivado 25 de marzo de 2009 en Wayback Machine., 2004
- ↑ Publicación do Ministerio de relacións exteriores de Estonia Arquivado 07 de marzo de 2008 en Wayback Machine., 2002
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2007. Consultado o 19 de marzo de 2008.