Escandinavia

rexión cultural e histórica da Península Escandinava: Noruega, Suecia e Dinamarca
Este artigo é parte da serie
Escandinavia
Era viquinga
Ting
Unión de Kalmar
Dinamarca-Noruega
Suecia-Noruega
Unión Monetaria
Unión de defensa
Idiomas
Montañas
Península
Varanxianos
Viquingos
Historia de Suecia
Historia de Noruega
Historia de Dinamarca

Escandinavia[1][2] é a rexión cultural e histórica da Península Escandinava. Os países escandinavos son Noruega, Suecia e Dinamarca, que se recoñecen mutuamente como partes da Escandinavia. O rótulo colectivo "Escandinavia" reflicte a similitude cultural, e mailos fortes lazos históricos, entre eses países a pesar da súa independencia política.

O uso e o significado do termo fóra da Escandinavia é un tanto ambiguo, ás veces inclúese Finlandia e Islandia e outras veces exclúese Dinamarca. Eses significados alternativos son considerados incorrectos en Escandinavia.[Cómpre referencia]

Para evitar ambigüidades, úsase o termo países nórdicos incluíndo os reinos escandinavos da Noruega, Suecia, Dinamarca e mailas repúblicas da Finlandia e Islandia.

Os termos Fenoscandia e Feno-Escandinavia poden tanto ser usados para incluír á península Escandinava, á península de Kola, Karelia e Finlandia no mesmo termo que alude ao Escudo Fenoscandiano, como se poden usar nun senso máis cultural, máis ou menos como sinónimo de países nórdicos, significando o contacto historicamente estreito entre as culturas e pobos fínicos, saami e escandinavos.

Fóra da Europa, os Países Baixos ás veces tamén se considera, de modo erróneo, Escandinavia. A razón para isto semella ser unha confusión con Dinamarca: ámbolos dous son pequenos países teutónicos con fronteiras no mar do Norte e os adxectivos en inglés Dutch e Danish (neerlandés e dinamarqués, respectivamente) son un pouco semellantes.

Mapa da Escandinavia e Europa Setentrional

Etimoloxía editar

A fonte máis antiga na que aparece a palabra Escandinavia é a Naturalis Historiae de Plinio o Vello, datada no século I e que aparece baixo a forma de Scatinavia, nome que podería ser de orixe xermánica occidental, en orixe utilizada para denominar Escania e que estaría composta por *Skaðan (perigo ou escuridade) e *awjo (illa) e así Escandinavia significaría Illa perigosa ou Illa das tebras.

Linguas editar

Artigo principal: Lingua xermánica setentrional.

Pobos nómades de lingua xermánica chegaron a Escandinavia por volta do 1500 a.C durante a Idade de Bronce, a maioría dos dialectos de dinamarqués, sueco e noruegués son mutuamente intelixíbeis, e os escandinavos poden comprender, con pouca dificultade, as lingua estándar uns dos outros impresos, na radio e na televisión. Están relacionados, mais sen ser intelixíbeis, cos outros idiomas xermánicos setentrionais, islandés e feroés, todos eles derivados do nórdico antigo. Mais o dinamarqués, o sueco e o noruegués están, dende a época medieval, máis influenciados polo baixo-saxón.

 
Escandinavia conforme unha visión política do século XIX.

Os idiomas escandinavos non posúen relación co finés nin co estoniano que, como linguas linguas ugrofinesas, están distantemente relacionados co húngaro. Inda que os falantes de sueco constitúan unha pequena mais influente minoría na Finlandia — e falantes fineses constitúan unha minoría na Suecia, de tamaño relativamente similar, a pesar de menos influente — e a maioría dos finlandeses étnicos teña estudado sueco como materia escolar obrigatoria, a distancia lingüística entre as familias de idiomas é frecuentemente vista como indicativo dunha distancia cultural e unha forte razón para non clasifica-los finlandeses como escandinavos.

Os finlandeses e islandeses que estudan sueco e dinamarqués, respectivamente, coma linguas estranxeiras frecuentemente tamén atopan difícil comprender os outros idiomas escandinavos. No outro caró da balanza están os noruegueses que, con dous patróns de escrita paralelos, e costume que se apeguen aos dialectos locais, están acostumados á variación e poden comprende-lo dinamarqués e mailo sueco como se fosen uns dialectos un pouco máis distantes.[3]

Política editar

O uso moderno do termo Escandinavia debese ao movemento político escandinavista, que estaba activo na metade do século XIX, principalmente entre a primeira guerra de Schleswig (1848-1850), na cal a Suecia-Noruega contribuíu cunha considerábel forza militar, e a segunda guerra de Schleswig (1864).

O movemento propuña a unificación da Dinamarca, Noruega e Suecia nun único reino. O escenario para o movemento foron os turbulentos sucesos durante as guerras napoleónicas no comezo do século, que levaron á división de Suecia (a parte oriental tornándose no Gran Ducado ruso de Finlandia en 1809) e de Dinamarca (a través da cal a Noruega, de iure en unión con Dinamarca dende 1387, inda que de feito só unha provincia, tornouse independente en 1814 e despois diso foi forzada axiña a aceptar unha unión con Suecia).

 
Foto de satélite da Península Escandinava durante o inverno no hemisferio norte

Finlandia, sendo unha parte do Imperio Ruso, tería que ser deixada fóra de calquera ecuación para unha unión política entre os países nórdicos. Un novo termo que excluíse a Finlandia de tales aspiracións tivo tamén que ser inventado, e ese termo foi Escandinavia. A Escandinavia xeográfica incluía a Noruega e a Suecia, mais a Escandinavia política tamén incluiría a Dinamarca. Politicamente, Suecia e Noruega uníronse baixo a rexencia dun monarca. Dinamarca tamén incluía os territorios dependentes de Islandia, as Illas Faroe e Groenlandia no océano Atlántico (que, porén, historicamente pertenceran a Noruega, mais permaneceron con Dinamarca deacordo co Tratado de Kiel).

O fin do movemento político escandinavo ocorreu cando se lle negou a Dinamarca apoio militar da Suecia-Noruega para anexar o Ducado (dinamarqués) de Schleswig que, xunto co Ducado (alemán) de Holstein, estivera en unión persoal con Dinamarca. A segunda Guerra de Schleswig ocorreu en 1864. Esa foi unha breve mais desastrosa guerra entre Dinamarca e máis Prusia (apoiada por Austria). Schleswig-Holstein foi conquistado por Prusia e, despois do éxito de Prusia na guerra franco-prusiana, creouse un Imperio Alemán conducido por prusianos, e estableceuse un novo equilibrio de poder nos países do Mar Báltico.

Mesmo se unha unión política Escandinava nunca acontecese, había unha Unión Monetaria Escandinava establecida en 1873, coa krona/krone como moeda común, e que durou ata a primeira guerra mundial.

A cooperación Escandinava moderna despois da I guerra mundial tamén incluíu á independente Finlandia e (dende 1944) Islandia; e substituíu o termo escandinavo, como un termo político, polo termo países nórdicos e ultimamente, en 1952, pola institución Consello Nórdico.

Estrutura política histórica editar

Século Escandinavia e os Países Nórdicos
XX Dinamarca Islandia Noruega Suecia Finlandia
XIX Dinamarca Suecia-Noruega Gran Ducado de Finlandia
XVIII Dinamarca-Noruega Suecia
XVII
XVI
XV Unión de Kalmar
XIV Dinamarca Noruega Suecia
XIII
XII CW Islandés Noruega
Pobos dinamarqueses islandeses¹ noruegueses suecos fineses

1/ Os colonizadores orixinais de Islandia eran de orixe nórdica (principalmente norueguesa) e celta (da Gran Bretaña e Irlanda).

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escandinavo.
  2. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1289. ISBN 9788482887524. 
  3. [1]

Véxase tamén editar