Illas Feroe

arquipélago dinamarqués entre Escocia e Islandia

As Illas Feroe[1] (en feroés: Føroyar, en dinamarqués: Færøerne, literalmente illas das ovellas) é un arquipélago situado no Atlántico Norte entre Escocia e Islandia e que constitúe un territorio dependente do Reino de Dinamarca, xunto con Groenlandia, posuíndo dende 1948 un goberno autónomo para case tódolos asuntos exceptuando a defensa e as relacións exteriores. Ademais a bandeira das Illas Feroe (Merkið) así como a súa condición de nación foron recoñecidas polo Estado Dinamarqués o 29 de marzo de 2005.

Modelo:Xeografía políticaIllas Feroe
Føroyar (fo) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoTú alfagra land mítt Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 61°58′12″N 6°50′40″O / 61.9699, -6.8445
EstadoDinamarca Editar o valor en Wikidata
CapitalTórshavn Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación54.149 (2023) Editar o valor en Wikidata (38,71 hab./km²)
Lingua oficiallingua feroesa
lingua dinamarquesa Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie1.399 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar de Noruega Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoSlættaratindur (pt) Traducir (880 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Creación1 de abril de 1948 Editar o valor en Wikidata
Evento clave
Organización política
• Xefe de estadoFrederico X de Dinamarca (2024–) Editar o valor en Wikidata
• Løgmaður Editar o valor en WikidataAksel V. Johannesen (2015–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoLøgtingið (pt) Traducir , (Escano: 33) Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal3.649.878.680 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
PIB per cápita3.000.000.000 $ (2017) Editar o valor en Wikidata
MoedaCoroa feroesa Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.fo Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+298 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112 Editar o valor en Wikidata
Código de paísFO Editar o valor en Wikidata

Tradicionalmente ligadas con Islandia, Shetland, Órcadas e as Hébridas Exteriores, o país está politicamente asociado a Dinamarca dende 1380, cando Noruega entrou na Unión de Kalmar, o que foi supoñendo un control gradual das illas por parte dos dinamarqueses, mais esta asociación cesou en 1814. As illas son un membro asociado ao Consello Nórdico e, a diferenza de Dinamarca, non pertencen á Unión Europea.

Historia

editar

As Illas Feroe foron descubertas no 625 por monxes irlandeses, que habitaron nun principio en Sumba, desta época só se sabe que se cultivaba avea e que a poboación estaría composta por un pequeno grupo de ermitáns. Despois de 800 colonizadas polos viquingos, dos que descenden en parte os actuais feroeses. Esta época viquinga orixinou a Saga Færeyinga, reconstruída a partir do achado de múltiples xacementos arqueolóxicos.

A colonización viquinga

editar
 
Típico mascarón dun bote de remos feroés.

A inmigración principal levárona a cabo os viquingos no século IX, que viaxaban dende Noruega cara ao oeste. De acordo á saga Færeyinga o primeiro colono foi Grímur Kamban e a súa chegada produciuse ao redor de 825. Outro colono coñecido deste tempo é Naddoddur, ao que se lle atribúe o descubrimento de Islandia en 850. Entre o ano 885 e 890 tivo lugar a segunda colonización, pois moitos noruegueses fuxiron da persecución de Harald I de Noruega, chegando tamén inmigrantes irlandeses e escoceses, principalmente viquingos, mais tamén mulleres e escravos celtas.

Crese que o antigo Løgting (Parlamento das Illas Feroe) xa estaba disposto en 900, aínda que só está documentada con seguridade a súa presenza dende 970, sendo nesa época unha república. A la foi dende esa época até o século XIX a exportación máis importante das illas, aínda que tamén destacaba o peixe desecado. Algunhas importacións eran por exemplo madeira de Noruega para a construción de barcos. Para o seu propio abastecemento os colonos servíanse da ampla variedade de aves autóctona e dos peixes, baleas e focas do mar.

Cristianización e goberno noruegués

editar
 
Estatua do bispo Erlendur.

Tras o bautizo do Rei Olaf I de Noruega en 994 por Etereldo II acudiron ás illas misioneiros noruegueses, convidados polo importante xefe feroés Sigmundur Brestisson para que convertesen aos feroeses dende o Althing (actual Løgting). A renuncia dos viquingos nativos baixo o mando de Tróndur í Gøtu levou en 1005 ao asasinato de Sigmundur Brestisson. A súa lápida en Skúvoy é un dos monumentos máis importantes do arquipélago. O seguinte Olaf, Olaf II de Noruega, levou a cabo a cristianización de Noruega, das Illas Feroe e de Islandia. Na actualidade celébrase o aniversario da súa morte, a Ólavsøka.

Desde 1035 o arquipélago pertenceu ao feudo de Leivur Øssurson de Noruega, que puxo fin á era viquinga. Os feroeses tiveron unha alta independencia debido á distancia da súa seño. Unha proba do comercio internacional desta época é o Tesouro de Sandur, que debeu enterrarse entre 1070 e 1080. En 1100 dispúxose o bispado católico de Kirkjubøur, sede da diocese das Illas Feroe. En 1110 os feroeses abriron a primeira escola de sacerdotes. En 1250 construíuse a Igrexa de San Olaf, que se conserva na actualidade. Neste tempo viviu Erlendur, o máis ilustre clérigo da era católica.

O Mapa Herefold de 1280 é o mapamundi máis antigo dos feroeses. Nel nomean ao arquipélago como farei. Segundo moitos lingüistas é un nome celta que significa illas afastadas. Con todo, o nome Feroe (Føroyar) provén de fær-øer, onde fár significa en nórdico antigo gando ou ovella e øer significa en danés illas. Dada a prevalencia desta interpretación, pódese dicir que o nome significa illas dos carneiros, e por iso é polo que no escudo de armas das Illas Feroe apareza un carneiro.

En 1294 Erik II prohibiu á Liga Hanseática o comercio coas Illas Feroe, que realizarse exclusivamente en Bergen. En 1302 renovouse a prohibición e en 1361 revogouse. En 1298 as Illas Feroe obtiveron do rei noruegués a súa «constitución», a Seyðabrævinð, que se modificaría por primeira vez en 1637. A Seyðabrævinð non só regulaba a gandaría, tamén a caza de baleas, os gastos en entretementos, e moitas outras cousas. A Peste Negra arrasou as Illas Faroe en 1349 e 1350, acabando con máis do 30% da poboación. No século XIV produciuse tamén o endurecemento do clima. A pobreza xeral agravou as consecuencias. Moitos granxeiros tiveron que ceder as súas terras á igrexa, que acabou posuíndo o 40% do territorio. A actividade comercial das illas resentiuse severamente.

Dacabalo entre os estados nórdicos

editar
 
Selo conmemorativo sobre a chegada dos cristiáns á illa.

O século XIV foi o inicio da dependencia absoluta dos estados nórdicos, unhas veces Noruega e outras Dinamarca. Dende 1397 a soberanía era da Unión de Kalmar, unión dos reinos noruegués, danés e sueco, unha unión persoal ao redor da figura do monarca. Ao pequeno país cortáronselle as ás, ao obrigar a que todo movemento comercial das illas pasase polo porto de Bergen para poder recadar os correspondentes impostos. O fortalecemento da Liga Hanseática como gran potencia comercial e a peste que arrasou a Noruega provocaron unha freada á actividade comercial e ao desenvolvemento de Noruega e das Feroe.

O século XVI supuxo bastantes sobresaltos á poboación local, provocados por aventureiros e piratas británicos. Desa época é a figura, aínda lembrada en cancións e poemas, de Magnus Heinesson, quen ás ordes do rei de Dinamarca, Federico II, enfrontouse con éxito aos alborotadores. En 1535 Christian III outorga todos os dereitos sobre a actividade comercial das illas ao mercador alemán Thomas Köppen. Este monarca tamén introduciu o luteranismo como relixión das illas, destruíndo incluso a catedral do bispado católico de Kirkjubour, cuxos restos aínda son visibles.

Despois de Köppen, outros asumiron o monopolio comercial, aínda que a economía sufrira como consecuencia da guerra entre Dinamarca e Suecia. Durante este período do monopolio a maior parte de bens feroeses (produtos de la, peixe, carne) foron exportados aos Países Baixos onde foron vendidos a prezos predeterminados mais con todo, as directrices do acordo comercial non eran cumpridas a miúdo, o que repercutiu nunha caída da calidade e no xurdir de actividades controladas por contrabandistas e piratas. Dinamarca tratou de solucionar o problema dando o arquipélago a Christoffer von Gabel (e máis tarde ao seu fillo, Federico) como un estado persoal feudal. Con todo, von Gabel era áspero e represivo, creando moito resentimento dos habitantes das illas. Finalmente, o 1 de xaneiro de 1856, o monopolio comercial foi suprimido. Xa antes Dinamarca conservara a posesión das Feroe no Tratado de Kiel de 1815. En 1816 o Logting (o parlamento feroés) foi suprimido oficialmente e substituído por unha xudicatura danesa. O danés foi imposto como a lingua principal, mentres que o feroés foi case abolido de calquera círculo oficial. En 1849 unha nova constitución foi promulgada en Dinamarca e anunciada nas Feroe en 1850, dando ao arquipélago dous asentos no Rigsdag (parlamento danés).

Historia recente

editar
 
Tórshavn, capital das Illas Feroe.

A finais do século XIX comezou un apoio crecente aos movementos autonomistas e independentistas. Mentres tanto, a economía feroesa crecía coa introdución de pesca en grande escala, finalmente o feroés converteuse en lingua escrita estandarizada en 1890. Durante a segunda guerra mundial, conquistada Dinamarca pola Alemaña nazi, as illas serían ocupadas polos británicos, o que fomentou os sentimentos favorables ao autogoberno perdido séculos atrás. As demandas de autogoberno cristalizaron na autonomía que recibiron en 1948. As illas Feroe non pertencen á Unión Europea, ao contrario que onde rexeitaron entrar ao facelo Dinamarca en 1973.

A bandeira das Illas Feroe, así como a súa condición de Nación foron recoñecidas o 29 de marzo de 2005, cando tamén se lles outorgou a potestade para levar a cabo as súas propias relacións internacionais e a súa propia política de seguridade. Dende 2002, as Illas Feroe posúen unha embaixada en Londres, aínda que está supeditada ás directrices ditadas pola embaixada danesa naquel país. Desde outubro de 2006 o representante de Feroe está tamén acreditado ante a República de Irlanda.

Xeografía

editar
 
Mapa das Illas Feroe

As illas Feroe son un arquipélago de 18 illas volcánicas situadas a 62° de latitude norte e 7° de lonxitude leste, cunha distancia de 113 km de norte a sur e 75 de leste a oeste. En total, teñen 1.117 km de costas. As illas presentan unha morfoloxía abrupta, rochosa, con costas de cantís recortadas por fiordes (ningún punto das illas está a máis de 5 km do mar). O punto máis alto é o pico Slættaratindur, a 882 metros sobre o nivel do mar, en Eysturoy.

O clima é oceánico, marcado pola influencia temperada da Corrente do Golfo, o que o fai moi suave se se considera a latitude. Así, en Tórshavn non se observan medias mensuais negativas, oscilando entre os 0,3° de xaneiro e os 11,1° de agosto, cunha media anual de 6,7°. A amplitude térmica é pois moi reducida, con veráns frescos e invernos suaves. Con respecto ás precipitacións, aproxímanse aos 1.400 mm ao ano, cun mínimo relativo en primavera-verán. O ceo está en xeral nubrado, coa presenza habitual de brétema. O forte vento é tamén habitual.

 
Toftir
 
Gjógv

Tódalas illas están habitadas agás Lítla Dímun. Datos de poboación correspondentes ó 31 de decembro de 2003.

Nome Área Habitantes Densidade (hab./km²) Municipio(s) Rexión(s)
Streymoy 373,5 21.717 57,4 Tórshavn e Vestmanna Tórshavn e resto de Streymoy
Eysturoy 286,3 10.738 37 Fuglafjørður e Runavík Eysturoy do Norte e Eysturoy do Sur
Vágar 177,6 2.856 15,7 Miðvágur e Sørvágur Vágar
Suðuroy 166 5.074 30,9 Tvøroyri e Vágur Suðuroy
Sandoy 112,1 1.428 12,4 Sandur Sandoy
Borðoy 95 5.030 52,4 Klaksvík Klaksvík e resto de Illas do Norte
Viðoy 41 605 15 Viðareiði Illas do Norte
Kunoy 35,5 135 3,8 Illas do Norte Illas do Norte
Kalsoy 30,9 136 4,8 Mikladalur e Húsar Illas do Norte
Svínoy 27,4 58 2,7 Svínoy Illas do Norte
Fugloy 11,2 46 4 Kirkja Illas do Norte
Nólsoy 10,3 262 26,1 Nólsoy Streymoy
Mykines 10,3 19 2 Mykines Vágar
Skúvoy 10 61 5,7 Skúvoy Sandoy
Hestur 6,1 40 7,1 Hestur Streymoy
Stóra Dímun 2,7 7 1,9 Dímun Sandoy
Koltur 2,5 2 0,8 Koltur Streymoy
Lítla Dímun 0,8 0 0 Sandoy
 
Caltha palustris, moi común nas illas nos meses de maio e xuño.

O clima é definido tecnicamente como Subártico Marítimo de acordo á clasificación climática de Köppen, tendo o mes máis cálido unha temperatura media de ao redor de 10 °C. As Illas Feroe xeralmente teñen veráns frescos e invernos fríos suaves, con ceos usualmente nubrados e frecuentes brétemas e fortes ventos. A brétema con frecuencia causa atrasos no tráfico aéreo.

A vexetación natural das Illas Feroe consiste en ao redor de 400 diferentes especies de plantas, dominada por plantas árticas, herbas, brións e liques. A maior parte das partes baixas é herbal e nalgúns casos queirugas, principalmente Calluna vulgaris. Non existen bosques nativos nas illas Feroe, e só unhas cantas plantas leñosas desenvólvense.

Catro especies de salgueiros aínda están presentes nas Illas Feroe. A Salix herbácea é moi común nas montañas, mais as outras tres especies: Salix phylicifolia, Salix lanata e Salix arctica pódense atopar en poucos lugares, debido ao intenso pastoreo dos animais. Soamente o perennifolio, Juniperus communis (nunha forma anana) crece naturalmente nas Illas Feroe.

Política e goberno

editar
 
Escudo na Comunidade Feroesa de Copenhaguen.

O 31 de marzo de 1948, a Lei sobre autogoberno interno, deu ampla autonomía ás illas. No entanto, existen importantes grupos de feroeses a favor da independencia total de Dinamarca. A loita de forzas entre os distintos partidos políticos feroeses, divididos entre os republicanos separatistas e os unionistas daneses está moi igualada. As coalicións para os gobernos locais entre ambos os bandos son moi comúns. A diferenza de Dinamarca, as Illas Feroe non son membros da Unión Europea. A pesar diso, envían a dous deputados ao Folketing danés así como ao Consello Nórdico. Co Documento Åland de 2007, as Illas Feroe, Groenlandia e Åland convertéronse en membros de pleno dereito do citado consello. A OTAN posúe un radar en Mjørkadalur, que pertence á rede de radares do círculo polar ártico. En Feroe non hai exército e os cidadáns non están obrigados a prestar o servizo militar danés. Con todo, hai moitos feroeses enrolados no exército como soldados profesionais, estando un deles dentro da garda real do soberano danés.

 
As Feroe dispoñen de selos propios dende 1976. Este, deseñado por Zacharias Heinesen amosa a Bandeira de Feroe.

A bandeira das Illas Feroe, "Merkið", así como a súa condición de Nación foron recoñecidas o 29 de marzo de 2005, cando tamén se lles outorgou a potestade para levar a cabo as súas propias relacións internacionais e a súa propia política de seguridade. Desde 2002, as Illas Feroe posúen unha embaixada en Londres, aínda que está supeditada ás directrices ditadas pola embaixada danesa naquel país. Desde outubro de 2006, o representante de Feroe está tamén acreditado ante a República de Irlanda. A Xefe de Estado é o rei Frederico X. O goberno central danés está representado por un alto funcionario nas illas. En 2005 o primeiro ministro feroés anunciou a súa intención de incluír ás Feroe no Espazo Libre Europeo.

Iniciativas populares

editar

Dentro das iniciativas populares cabe destacar a agrupación feroesa de Amnistía Internacional, que posúe 1.200 membros. Creouse en 1965, sendo un dos primeiros grupos de Amnistía Internacional en fundarse.

Demografía

editar
 
Os feroeses adoitan utilizar a vestimenta típica a miúdo. Na actualidade, os estudantes que se gradúan de bacharel fano coa vestimenta típica (na imaxe co chapeu de estudante).
 
A localidade de Kvívík en 1900.
 
Cantil de Beinisvørð.

Dos 48.000 habitantes que residen nas Feroe, o 98% son cidadáns do reino, é dicir, feroeses, daneses e groenlandeses. Segundo o lugar de nacemento pódense dividir en: 91,7% de feroeses, 5,8% daneses e 0,3% groenlandeses. Estes, xunto cos nacionalizados, compoñen o grupo de cidadáns de reino. O maior grupo de estranxeiros compono os islandeses que representan ao 0,4% da poboación, seguidos polos noruegueses e polacos, con 0,2% cada un. En total, residen nas Feroe persoas de 77 nacionalidades.

Estes datos non serven para contabilizar o número de falantes de feroés, debido a que un importante número de falantes nativos de feroés residen en Dinamarca así como existen familias feroesas descendentes de daneses que utilizan en danés como lingua vernácula.

Estudos xenéticos determinaron que o 80% da poboación masculina posúe xenes escandinavos (noruegueses) e o outro 20% británicos. No caso das mulleres os datos invértense, sendo o 90% delas de ascendencia celtas e 10% de ascendencia viquinga.[2]

Desenvolvemento da poboación

editar

Os primeiros habitantes das Feroe foron monxes irlandeses que fundaron pequenos asentamentos. Coa chegada dos viquingos, a poboación creceu exponencialmente até os 4.000 individuos ata que no século XVIII chegouse á cifra de 5.000 habitantes. Entre os anos 1349 e 1359 morreu case a metade da poboación, debido a unha praga de peste. Unha segunda colonización escandinava volveu elevar a poboación aos niveis anteriores á epidemia. Cando se permitiu a pesca de altura, que substituíu a difícil agricultura do arquipélago, e houbo melloras nos tratamentos médicos, a poboación feroesa volveu aumentar. Desde finais do século XVIII e comezos do século XXI, a poboación total multiplicouse por dez. Non obstante o anterior, na década dos 90, a crise económica provocou unha forte emigración cara a outras zonas do reino, aínda que co paso dos anos moitos regresaron.

As Illas Feroe son un dos poucos lugares do mundo onde a poboación masculina supera ás mulleres, cun 52% de homes e un 48% de mulleres (1 de xaneiro de 2007). No grupo de idade de 20 a 39 a diferenza ascende ao 11%.[3]

A media de fillos das familias feroesas é de 2,6. É a taxa de natalidade máis alta dos países nórdicos. Doutra banda, hai moi poucas separacións e divorcios, tendo tamén, a menor taxa de suicidios da zona.

Data Habitantes
1327 ca. 4.000
1350 ca. 2.000
1769 4.773
1801 5.255
1834 6.928
1840 7.314
1845 7.782
1850 8.137
1855 8.651
1880 11.220
Data Habitantes
1900 15.230
1911 ca. 18.800
1925 22.835
1950 31.781
1970 ca. 38.000
1975 40.441
1985 45.749
31 de decembro de 1989 47.787
31 de decembro de 1995 43.358
31 de decembro de 1996 43.784
Data Habitantes
31 de decembro de 1997 44.262
31 de decembro de 1998 44.817
31 de decembro de 1999 45.409
31 de decembro de 2000 46.196
31 de decembro de 2001 46.996
31 de decembro de 2002 47.704
31 de decembro de 2003 48.214
1 de xaneiro de 2004 48.353
1 de xaneiro de 2005 48.371

Idioma

editar
Artigo principal: lingua feroesa.
 
Feroeses ataviados coa vestimenta tradicional.

O feroés ten as súas orixes no Antigo Nórdico, sendo na actualidade unha das linguas xermánicas con menos falantes. Para os islandeses e algúns noruegueses da zona norte-occidental de Noruega, o feroés é unha lingua intelixible. A lingua máis próxima ao feroés era o xa extinto Norn, que se falaba nas Illas Shetland.

En 1540 o feroés foi desprazado polo danés como lingua oficial, manténdose, co paso dos séculos, como lingua oral. A cultura feroesa transmitíase de pais a fillos a través de baladas. Algúns pioneiros, como Jens Christian Svabo e Johan Henrik Schrøter tentaron escribir o feroés por primeira vez. A ortografía actual é obra de V. U. Hammershaimb e Jakob Jakobsen. Tras as folgas feroesas, o idioma feroés converteuse en lingua oficial e volveu ocupar todos os postos nos que fora desprazado polo danés. No entanto, este último segue manténdose como lingua oficial da administración, e, por este motivo, as leis feroesas sempre deben ser traducidas ao danés.

 
Nova Igrexa de Gøta.

As lendas e contos populares están en feroés e, no caso de que se aprenda outra lingua, os feroeses decántanse polo inglés antes que polo danés. O noruegués, sueco e islandés son entendidos por case todos os feroeses. Outros idiomas usados nas illas, aínda que de forma minoritaria son o alemán e o francés. A política lingüística feroesa é moi purista, similar á de Islandia, tratando de adaptar todo o vocabulario estranxeiro ás regras gramaticais e ortográficas feroesas. Á parte dos 45.000 feroeses que habitan nas illas, en Dinamarca existen uns 15.000 máis cuxa lingua materna é o feroés. En 1998 publicouse o Føroysk orðabók, o primeiro dicionario de feroés. Na Universidade das Illas Feroe pódese estudar na lingua autóctona.

Relixión

editar

As Feroe foron cristianizadas en 999 por Sigmundur Brestisson. Antes residían nas illas monxes irlandeses. Case o 100% da poboación das illas é cristiá. O 84% dos feroeses actuais pertencen á igrexa luterana. O 5% da poboación pertencen a outras confesións cristiás. A Igrexa católica Feroesa está formada por 130 membros. Doutra banda, 15 persoas son membros da comunidade bahá'í. Ademais, 98 persoas son Testemuñas de Xehová. As primeiras Biblias traducidas ao feroés apareceron en 1948.

Economía

editar
 
Barco pesqueiro en Klaksvík.

A economía das illas estaba tradicionalmente baseada na cría de cordeiros e sobre todo na pesca (bacallau, arenque). Porén, esta pasou por unha grave crise a finais dos 1980 e comezos dos 1990, cunha baixa das capturas. Aínda cando actualmente a situación ten mellorado (o paro apenas chega ao 4%), téntase diversificar a economía promovendo o turismo, as novas tecnoloxías e incluso a propia base pesqueira da economía estabelecendo piscifactorías e novas plantas de procesamento do peixe. Malia todo, a mocidade tende a marchar para Dinamarca para ir á universidade, co que a poboación mais cualificada, a que podería posibilitar a transformación económica, deixa as illas.

A raíz disto, recentes achados de petróleo en prospeccións preto das illas abren a posibilidade dun hipotético empurre económico motivado polo "ouro negro". A súa moeda é a coroa feroesa, porén o 5 de agosto de 2009 dous partidos da oposición presentaron un proxecto de Lei no Løgting para adoptar o euro como moeda nacional en espera dun referendo.

Tradición

editar

Existe nas Illas Feroe unha tradición que se repite cada ano e que consiste na matanza de golfiños caldeiróns, que dada a súa docilidade achéganse ás illas. Esta tradición data de aproximadamente hai 1.200 anos, e trátase dunha cerimonia para os adolescentes que chegan á súa etapa de adultos.

Nesta cerimonia mátanse ao redor de entre 1.000 e 2.500 caldeiróns, unha especie en perigo de extinción que se leva capturando tradicionalmente polo preciado sabor da súa carne. Esta matanza vai en contra da Declaración Universal dos Dereitos do Animal publicada pola UNESCO[4].

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para feroés.
  2. Færøerne i dag[Ligazón morta]
  3. "11% færri ungar kvinnur enn menn í Føroyum". Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2009. Consultado o 28 de decembro de 2009. 
  4. Dr. Marcos Sommer (2008). "Cetáceos Calderones." (en castelán). Consultado o 13/04/2009. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar