Viquingo

exploradores, navegantes, comerciantes e guerreiros normandos

O termo viquingo[1] (do antigo nórdico víkingr[2]) polo común sinala os exploradores, navegantes, comerciantes e guerreiros normandos (literalmente "homes do Norte"), que orixinarios de Escandinavia, atacarían as costas das Illas británicas, Francia, a Península Ibérica e outras partes de Europa, chegando tan lonxe como ata o río Volga, en Rusia, entre o século VIII e o século XI. O período da historia europea, datada polo xeral entre 793 e 1066, é con frecuencia denominada a Era dos viquingos. O termo é usado, tamén, para designar as poboacións de Escandinavia na Era dos viquingos, e aínda os seus asentamentos noutras partes. Os viquingos controlaban boa parte do comercio co norte de Europa e dominaban as rutas do Báltico e do interior de Rusia ata Bizancio

Embarcación viquinga.
Viaxes viquingas.

Famosos polas súas habilidades mariñeiras e polos seus barcos oblongos, os viquingos fundaron en tres séculos asentamentos nas costas e ríos no continente europeo e fóra del: Irlanda, Normandía, as illas Shetland, as Orkney, e as Illas Feroe, Islandia, Groenlandia, Terra Nova e outras ata preto de mil. A súa influencia atinxiu ao Sur ata África do Norte; e ao Leste ata Rusia e Constantinopla, onde practicaron a pillaxe, pero onde chegaron tamén como mercadores e mercenarios. Viquingos so o mando de Leif Eriksson, herdeiro de Erik o Roxo, foron os primeiros exploradores de América do Norte, con probábeis expedicións ata o actual Canadá, no século X. As viaxes viquingas foron menos frecuentes a partir da introdución do Cristianismo en Escandinavia nos séculos X e XI. Considérase que a Era dos viquingos acabou na Batalla de Stamford Bridge en 1066.

A palabra viking (viquingo) foi introducida na lingua inglesa con connotacións románticas no século XVIII, mais os etimoloxistas datan os usos máis antigos da palabra nos escritores anglo-francos, que denominaban "víkingr" a quen vivía do saqueo e a pillaxe. Nas linguas escandinavas o termo viquingo aplícase a xente que marcha nas expedicións viquingas ben para atacar ou para comerciar.

Etimoloxía editar

 
Reconstrución dunha casa comunal da era viquinga, en Fyrkat (Dinamarca).

O nome feminino en antigo nórdico víking refírese a unha expedición de ultramar.[3][4] En inscricións rúnicas da era viquinga e escritos medievais posteriores encóntranse expresións como o verbo composto fara í víking, "ir nunha expedición". O nome masculino derivado en antigo nórdico víkingr aparece na poesía dos escaldos e en varias pedras rúnicas atopadas en Escandinavia, onde se refire a un mariñeiro ou guerreiro que toma parte nunha expedición de ultramar.[4] En textos posteriores, como as sagas de islandeses, a frase "ir nun viking" implica a participación en incursións ou actividades de piratería e non simplemente en misións marítimas de negocios e comercio.[5]

A palabra víking deriva do feminino vík, que significa "cala, enseada, pequena baía".[6] A forma tamén se encontra como nome persoal nalgunhas pedras rúnicas suecas. Hai unha pequena indicación dalgunha connotación negativa do termo antes do final da era viquinga. A pesar destas posibles orixes, no seu tempo a palabra foi empregada para indicar unha actividade e ás persoas que participaban nela, e que non pertencían a ningún grupo étnico ou cultural.[7] Nas linguas escandinavas modernas, a palabra Viking adoita referirse especificamente ás persoas que participaron en expedicións viquingas.[8][9]

No inglés antigo, a palabra wicing aparece por primeira vez no poema anglosaxón, Widsith, que probablemente data do século IX. En inglés antigo, e na historia dos arcebispos de Hamburgo-Bremen escrita por Adam de Bremen en torno a 1070, o termo xeralmente refírese a piratas ou asaltantes escandinavos. Ao igual que nos usos do nórdico antigo, o termo non se emprega para ningún pobo ou cultura en xeral. A palabra non aparece en ningún texto conservado en inglés medio. A palabra Viking foi introducida no inglés moderno durante o rexurdimento viquingo do século XVIII, momento no que adquiriu matices heroicos de "guerreiro bárbaro" ou nobre feroz. Durante o século XX, o significado do termo ampliouse para referirse non só aos invasores mariños procedentes de Escandinavia e outros lugares ocupados por eles (como Islandia e as Illas Feroe), senón en segundo lugar a calquera membro da cultura que produciu ditos asaltantes durante o período entre finais do século VIII ata mediados do século XI, ou máis vagamente dende arredor do ano 700 ata en torno ao ano 1100. Como adxectivo, a palabra é empregada para referirse a ideas, fenómenos ou artefactos conectados con este pobo e a súa vida cultural, producindo expresións como era viquinga, cultura viquinga, arte viquingo, barco viquingo, e así sucesivamente.[10]

Historia editar

A Era Viquinga editar

Artigo principal: Era viquinga.
 
Imperio franco, reinos e tribos de Europa e Oriente Próximo, a principios do século noveno, investigación histórica a partir de 1905, "Atlas Histórico das Escolas Públicas" por Ch. Colbeck

O período dende as primeiras incursións, nos anos 790, ata a conquista normanda de Inglaterra no ano 1066 é comunmente coñecido como a Era Viquinga da historia de Escandinavia.[11] Os viquingos empregaron o Mar de Noruega e o Mar Báltico para as súas rutas marítimas cara ao sur. Os normandos eran descendentes dos viquingos que recibiron un señorío feudal no norte de Francia, o Ducado de Normandía, no século X. A este respecto, os descendentes dos viquingos continuaron a ter influencia no norte de Europa. Do mesmo xeito, o Rei Harold Godwinson, o derradeiro rei anglosaxón de Inglaterra, tiña ascendentes dinamarqueses. Dous viquingos mesmo ascenderon ao trono de Inglaterra, con Sweyn Forkbeard ostentando o trono entre 1013 e 1014, e seu fillo Canuto o Grande converteuse en rei de Inglaterra entre 1016 e 1035.[12][13][14][15][16]

Xeograficamente, a Era Viquinga pódese asignar non só ás terras escandinavas (actualmente Dinamarca, Noruega e Suecia), senón tamén a territorios baixo dominio de pobos xermánicos do norte, principalmente Danelaw, incluíndo Jórvík, o centro administrativo dos restos do Reino de Northumbria,[17] partes de Mercia, e Anglia Oriental.[18] Os navegantes viquingos abriron rutas a novas terras ao norte, oeste e leste, que deron como resultado a fundación de asentamentos independentes nas Illas Shetland, Órcadas, e Illas Feroe; Islandia; Groenlandia;[19] e L'Anse aux Meadows, un asentamento de curta duración en Newfoundland, circa 1000.[20] Estas terras puideron ter sido buscadas deliberadamente, quizais sobre a base de consideracións de mariñeiros que viran terra na distancia. O asentamento de Groenlandia finalmente foi desocupado, posiblemente polo cambio climático.[21] Unha dinastía viquinga tamén tomou o control de territorios en áreas dominadas por pobos eslavos e ugrofineses no leste de Europa, anexionando Kíiv en 882 para servir de capital ao Rus de Kíiv.[22]

Expansión editar

 
Réplica dunha vivenda viquinga na vila de Frederikssund, Dinamarca.

A feudalización da sociedade nórdica levou consigo a concentración das terras de labor debido ao sistema hereditario nórdico que as daba en herdade ao primoxénito, deixando ao resto dos irmáns sen recursos propios.

A guerra contra os pobos da Xermania, emparentados etnicamente cos escandinavos, pode tamén explicar en parte os primeiros rápidos golpes de man (strandhögg) viquingos, que tiñan por obxectivo os edificios cristiáns, especialmente igrexas e mosteiros.

Ademais dos factores antes citados, algúns dos primeiros "strandhögg" puideron ter orixe nunha resistencia á cristianización forzada, e principalmente ás persecucións de Carlomagno contra os pobos pagáns, que debían aceptar a conversión ou o masacre (cfr. Capitular De partibus Saxoniae), o que igualmente explica a preferencia por edificios cristiáns, á parte de que estes atesouraban certas riquezas (mobiliario litúrxico).

Causas das expedicións editar

Os escritos nórdicos desta época redúcense a algúns epitafios rúnicos, a análise dos historiadores fundaméntase principalmente nos testemuños das vítimas,[23] frecuentemente moito tempo despois dos acontecementos, influenciados e distorcidos. A arqueoloxía, con todo, aporta aclaracións determinantes.

Pode ser contrastada con teses clásicas destacando causas demográficas, a situación interna en Escandinavia, ou unha expansión inicial baseada no comercio a unha recente tese centrada nun conflito relixioso real.

Expansión demográfica editar

O período cálido medieval arredor do século X aumentou as incursións viquingas. Este aumento da temperatura tería propiciado o crecemento da produción agrícola e, polo tanto, un aumento demográfico. As incursións viquingas foron unha resposta á expansión demográfica. Os historiadores cren que este argumento concirne principalmente ao oeste de Noruega.[24] Ao contrario, para o historiador François Neveux, "podemos afirmar que o argumento da superpoboación é hoxe en día amplamente desacreditada polos descubrimentos arqueolóxicos".[25] A arqueoloxía rural escandinava ten revelado que as terras cultivadas estaban menos estendidas na era viquinga que na nosa era.[26] Este suxire que a superpoboación non parece ter afectado a Escandinavia nos séculos VIII ou IX, mais podería ser unha conclusión rápida: para reducir a presión demográfica, os escandinavos poderían ter preferido gañar terras mellores no sur no canto de despexar terras marxinais, conxeladas durante seis meses ao ano.[27] Mais o quecemento global non explica por si as incursións viquingas, só as que comezaron ao redor do século X, mentres que as primeiras incursións datan do século VIII.

Guerras internas en Escandinavia editar

As incursións viquingas comezaron no século VIII. Escandinavia estaba entón dividida en moitos pequenos reinos. A vontade de establecer grandes reinos centralizados nos países escandinavos non apareceu ata a cristianización. Os príncipes convertidos ao cristianismo estableceron alianzas cristianizadas para acceder ao poder.

As guerras sucesorias impulsaron os daneses a lanzar expedicións de conquista a fin de adquirir riquezas e prestixio. No século IX, Dinamarca e, en menor medida Noruega, viviron numerosos conflitos internos ligados á oposición entre os jarls (condes ou duques, ás veces soberanos) e ás crises de sucesión. O rei dos daneses estaba a loitar para impoñerse sobre os diferentes clans e a súa familia. As incursións en Europa financiaron as guerras entre aristócratas e aumentaron o prestixio dos candidatos ao poder.[28]

Pista comercial editar

Os escandinavos comerciaban polo menos dende a época romana; adoitaban instalarse no verán nos vicus, polo que coñecían perfectamente o resto de Europa. No século VII, os árabes perturbaron o comercio no Mediterráneo. En Europa, isto levou á reorientación do comercio cara á zona do Mar do Norte. Os comerciantes occidentais encontraban en Escandinavia peles, madeira, ámbar e marfil e compartiron cos escandinavos o viño, os cartos e as armas. Os contadores de Birka en Suecia, de Hedeby e de Ribe nas costas de Xutlandia fóronse desenvolvendo. Os escandinavos que aceptaron a "prima signatio" (pequeno bautismo cristián) foron autorizados a comercializar como no pasado. Os seus postos de comercio foron tamén usados como "intelixencia" para as futuras incursións: segundo o historiador Stéphane Lebecq, "o comercio abriu o camiño para ás incursións viquingas".[29]

Carlomagno tentou varias ofensivas contra Dinamarca, mais sen éxito. Isto provocou unha reacción que propiciou as primeiras incursións viquingas durante o seu reinado. O Imperio Franco era moi poderoso e resistiu os ataques dos viquingos. O Imperio Carolinxio comezou un longo declive logo da morte de Carlomagno: estaba mal defendido e frecuentemente inzado de guerras internas. Os viquingos aproveitaron as debilidades deste vasto imperio. Comerciantes, algúns escandinavos convertéronse ocasionalmente en saqueadores.[30]

Reacción á conquista franca de Saxonia e á cristianización editar
 
Carlomagno impuxo pola forza o bautismo aos saxóns.

Segundo numerosos historiadores recentes, o fenómeno viquingo debeuse principalmente a unha reacción á "cristianización forzosa a sangue e ferro".[31]

Carlomagno, profundamente relixioso, na crenza de que Deus confiara ao pobo dos francos e ao seu soberano a tarefa de difundir e defender a fe cristiá, pasou a súa vida convertendo a todos os países de Europa. "Polo sangue e polo ferro", conseguiu establecer un imperio cristián na maior parte da Europa Occidental. Particularmente, os pobos que ocupaban o norte de Xermania na fronteira dinamarquesa, foron vítimas de masacres,[31] o rei franco empregou a forza e o terror,[32] impoñendo a súa fe con extrema violencia, como o masacre de Verden en 782, ou os 4 500 decapitados e os 12 000 mulleres e nenos deportados polos francos por negarse a recibir o bautismo.[33][34] O emperador franco fixo destruír a árbore sagrada, o Irminsul, para "expulsar o demo" de Saxonia[35][36].

O historiador das relixións, Rudolf Simek explica que "non é por casualidade que o inicio da actividade viquinga se producise durante o reinado de Carlomagno […] A aparición do cristianismo era unha ameaza en si mesma".[37]

Estes masacres contra todas as nacións xeraron unha considerable preocupación polos viquingos, que defenderon o seu honor, e os seus valores impuxéronlles o deber de vinganza. En 785, Carlomagno instaurou en Saxonia o capitular De partibus Saxoniæ. O xefe dos saxóns Widukind resistiu durante moito tempo e fuxiu varias veces a refuxiarse cos seus veciños nórdicos (dinamarqueses) e foi baixo a protección de Sigfred "rei dos dinamarqueses"",[36][38] amais de beneficiarse da protección do rei viquingo Godfried, o fillo e sucesor de Sigfred. Os saxóns e os dinamarqueses eran pobos moi próximos, tiñan a mesma cultura e as mesmas crenzas, e fixeron fronte común para resistir ao imperio cristián. Widukind converteuse en familiar de Godfried ao casar coa princesa Geva de Vestfold, filla de Oystein (Eystein) Ier de Vestfold.[39] En resposta, os viquingos dinamarqueses atacaron aos obodritas, un pobo aliado de Carlomagno. Reforzáronse en Danevirke para protexerse do imperio cristián que ameazaba as súas fronteiras, e posteriormente en 810, 200 barcos viquingos lanzáronse sobre Frisia.[40]

Trátase dun "odio entre relixións entre os viquingos e os cristiáns", explicando estes historiadores que foron principalmente as igrexas, os mosteiros e outros edificios relixiosos xunto cos seus habitantes (monxas, monxes e curas) o obxecto da furia, os insultos e os aldraxes dos Normandos aínda pagáns e o seu odio ao cristianismo.[41] Para vingarse, un strandhögg viquingo (pequeno comando), tomou o risco de internarse no territorio franco. Non se contentaron con saquear a tumba de Carlomagno en Aquisgrán, tomáronse tempo para profanar a súa tumba e os restos do grande emperador da cristiandade. Os viquingos actuaban así en todas as incursións, non contentos con roubar os bens da igrexa, "estaban decididos a pisar as reliquias sagradas, insultando e aldraxando, motivados polo odio real cara á relixión cristiá"[42][43][44]

Este grave conflito relixioso dividiu a Escandinavia e sobre todo a Noruega durante case un século, a causa da penetración do cristianismo.[45] "O duque Håkon Sigurdsson e todo o seu clan de Lade, foron os grandes defensores das crenzas cristiás fronte ao crecemento do cristianismo",[46] mais esta resistencia foi esmagada con extrema brutalidade polo emperador Otón II do Sacro Imperio Romano-Xermánico coñecido como "o sanguinario" e os dous reis Olaf evanxelizados. Otón II na batalla de Danevirke,[47] Olaf Tryggvason, que tomara como reféns os fillos de varios xefes da illa e de Islandia, tivo que aceptar o cristianismo,[48] e Olaf II de Noruega chamado "o Grande" ou "o santo" que cortou as mans e os pés dos que se resistiron á marcha triunfal do cristianismo.[48]

Moitos historiadores e especialistas confirman a pertinencia deste conflito relixioso que provocou o fenómeno "viquingo". Entre eles encontramos a Olaf Olsen[49], Pierre Barthélemy[50], Élisabeth Deniaux, Claude Lorren, Pierre Bauduin, Thomas Jarry[51]Lucien Musset[52], François-Xavier Dillmann[53] ou mesmo Michel Rouche[54] e Pierre Miquel.[55]

Montesquieu tivo tamén a súa opinión sobre este asunto; el escribiu en De l'esprit des lois: "Eles [Os viquingos] atribuíron aos eclesiásticos a destrución dos seus ídolos, e toda a violencia de Carlomagno, que os obrigara unha vez tras outra a refuxiarse no norte. Estes odios durante corenta ou cincuenta anos non foran capaces de esquecer".[56]

Final da Era Viquinga editar

Tipos de expedicións editar

  • Nos primeiros tempos as expedicións máis correntes eran as que organizaban xefes ou personaxes locais coa finalidade de obter botín coa práctica da piratería.
  • Expedicións comandadas por membros da aristocracia, contaban con numerosos barcos e guerreiros.
  • Expedicións organizadas polos reis coa finalidade de conquistar territorios.
  • Expedicións comerciais
  • Expedicións colonizadoras

Orixes xeográficas e áreas de expansión editar

 
Asentamentos viquingos nos séculos VIII (vermello escuro), IX (vermello claro), X (laranxa) e XI (amarelo). En verde, zonas de influencia viquinga
 
Pedras de Ledbergs en Östergötland, con gravados de guerreiros varegos e naves viquingas

O territorio orixinario dos viquingos influenciou fortemente a repartición das súas zonas de expansión. Os viquingos orixinarios da actual Suecia, deseguido coñecidos como varegos, expandiran os seus dominios ao Leste do Mar Báltico. Vivindo do comercio, da piratería e da pillaxe, e ofrecéndose como mercenarios, percorren a rede fluvial (especialmente do río Volga) do que será máis tarde Rusia e Ucraína. Atinxen logo o Mar Caspio, Constantinopla e aínda Bagdad. Polo ano 1040, unha expedición varega, dirixida por Ingvar chega mesmo ata Afganistán. Convidados a pacificaren a zona polas tribos eslavas e finesas, os varegosVaryags», en ruso), chamados «Russ» («remeiros») polos eslavos, chegan aproximadamente a mediados do século IX desde o Báltico, conducidos por Rurik e os seus compañeiros. Despois de se instalaren nos arredores da cidade de Novgorod (quizais fundada por varegos), unha verdadeira colonización sueca (Aldeigjuborg) enraíza en torno ao Lago Ladoga. Estes viquingos suecos montan, a partir dun conxunto de fortes e postos de intercambio, o primeiro Estado ruso.

Os daneses lanzáronse primeiro contra Xutlandia, ocupada polos francos, nunha expedición terrestre desde a súa fronteira fortificada, o Danevirke, construída polo rei Gulfridr. Os francos opuxeron unha sólida defensa militar que obrigou os viquingos a tentaren as vías de incursión polo mar. A morte de Carlomagno, en 814, marcou o inicio dun longo período de fraqueza do Imperio franco do que eles souberon sacar partido. Orientaron as súas conquistas e pillaxes ao longo das costas do mar do Norte e o canal da Mancha. Alcanzaron o litoral de Inglaterra e remontaron os seus cursos fluviais (Humbert e Támese). No Norte da Alemaña, os Países Baixos e Flandres, fundaron un efémero estado na Frisia medieval. No que é a actual Francia, efectuaron unha serie de expedicións remontando o Sena, o Loira, o Garona, e outros ríos menores, e gañaron o nome de normandos, antes de se estabelecer na rexión que hoxe denominamos Normandía. As súas numerosas expedicións guerreiras coincidiron con guerras de sucesión en Dinamarca: é, polo tanto, moi probábel que os viquingos daneses partisen en razzias para conseguiren financiamento para as súas guerras internas e para obter o prestixio que aureola un conquistador.

No que toca aos viquingos orixinarios das costas occidentais da actual Escandinavia, a Noruega de hoxe en día, as súas expedicións e conquistas abrangueron principalmente Escocia, Irlanda, as Illas Faroe, Islandia e Groenlandia. Conduciron as súas razias de exploración ata Vinlandia -posibelmente a actual Península de Labrador-, onde foi creado un posto avanzado, desde o cal practicaron a cabotaxe das costas americanas.

As consecuencias das súas expedicións fixéranse sentir máis aló da Europa continental, sobre as rutas comerciais que a unen con Oriente: unha moeda escandinava foi encontrada nunha tumba da India. Por contra, descubriuse un Buda de xade nunha sepultura norueguesa.

Expedicións a Galicia editar

Artigo principal: Viquingos en Galicia.
 
As Torres de Oeste, en Catoira, foron construídas para pechar a rota fluvial do Ulla ante os ataques viquingos.

A partir do ano 844 as costas galegas sufriron o ataque e pulo das hordas viquingas. Mais non só o litoral galego foi obxecto das incursións, xa que as naves invasoras eran capaces de remontar ríos, posibilitando o a chegada dos viquingos a importantes cidades como Tui. As costas galegas non contaban con medios axeitados de defensa ante as poderosas frotas e os numerosos homes que as integraban, que ás veces desembarcaban por moito tempo e profundaban no país para saquear, regresando ricos á súa terra. Aínda que os ataques se prolongaron ata finais do século XI (a última é datada en 1038), puido haber algunha pequena incursión máis no século XII, mais o perigo xa pasara.[57] A maior parte destas incursións eran realizadas por barcos procedentes de Noruega, Dinamarca e as Órcadas, segundo textos galegos, escandinavos, árabes e casteláns.[58]

Un documento na Historia Compostelá testemuña os saqueos e devastacións:[59]

Por causa dos nosos pecados viñeron as xentes dos normandos a esta terra e destruíron a igrexa de Santa Eulalia de Curtis e outras da comarca; os seus sacerdotes foron levados presos ou pasados pola espada; o lume consumiu as escrituras, e as mesmas pedras pereceron polas chamas.

Entre as primeiras invasións destaca a sufrida en 844 baixo o reinado de Ramiro I, cando os viquingos realizaron dous ataques menores sobre Xixón e A Coruña, nas que as tropas de Ramiro I conseguiron derrotar os viquingos.[60][61] Con todo, foi a ría de Arousa un dos principais escenarios dos enfrontamentos. Como resposta aos ataques, outro prelado, Cresconio, mandou erguer as Torres de Oeste no actual concello de Catoira para pechar a rota fluvial do Ulla.[57]

No ano 968, o bispo de Iria Flavia Sisnando II acudiu coas súas tropas para combater unha invasión, morrendo na batalla.[57] Despois os viquingos vagaron impunemente a través de Galicia, roubando e incendiando ata tal punto que, segundo o historiador francés Dudón, dezaoito poboacións foron destruídas.[59]

Esmorecemento das expedicións editar

 
Temoneiro viquingo con helmo cónico

Co paulatino asentamento dos viquingos e dedicación a actividades comerciais, chegaron influencias culturais do resto de Europa. A Cristiandade tivera unha temperá e crecente presenza en Escandinavia, que aumentaría. Co crecemento da autoridade central e o reforzamento das defensas costeiras nas que acostumaban depredar os viquingos, as expedicións destes fixéranse máis arriscadas e menos proveitosas. Coa aparición de monarcas, alta nobreza e un sistema case feudal en Escandinavia, cesaron por completo. No século XI os escandinavos aparecen en crónicas combatendo contra "viquingos" do Mar Báltico, o que levou, en ocasións, a que daneses e suecos participasen nas Cruzadas bálticas (c. 1180-1410), ademais de desenvolveren a formación da Liga Hanseática no século XIV.

Barcos editar

Artigo principal: Barco viquingo.

Téñense realizado varios achados arqueolóxicos de barcos viquingos de todos os tamaños que teñen achegado información da artesanía empregada para a súa construción. Houbo moitos tipos de barcos viquingos, construídos para varios usos; o tipo máis coñecido é probablemente o drakkar ou barco longo. Os drakkars estaban destinados á guerra e á exploración, deseñados para a velocidade e a axilidade, e estaban equipados con remos para complementar a vela, facendo posible a navegación independentemente do vento. O drakkar tiña un casco longo, estreito e de pouco calado para facilitar o desembarco e o destacamento de tropas en augas pouco profundas. Os drakkars foron empregados principalmente polos Leidang, as frotas de defensa escandinavas. O drakkar permitiu aos nórdicos ir nun viking, o que podería explicar por que este tipo de barco se converteu case nun sinónimo do concepto de viquingo.[62][63]

O drakkar reconstruído Sea Stallion.
Unha maqueta do barco tipo knarr.

Os viquingos construíron moitos tipos únicos de embarcacións, a miúdo utilizadas para tarefas máis pacíficas. O knarr era un buque mercante dedicado e deseñado para transportar carga a granel. Tiña un casco máis ancho, un calado máis profundo e unha pequena cantidade de remos (utilizados principalmente para manobrar en portos e zonas semellantes). Unha innovación dos viquingos foi a "beitass", un largueiro montado na vela que permitía aos seus barcos navegar eficazmente contra o vento.[64] Era común que os barcos viquingos navegasen ou remolcasen un barco máis pequeno para transferir tripulacións e carga dende o barco á costa.

Os barcos eran unha parte integral da cultura viquinga. Facilitaron o transporte diario a través de mares e canles, a exploración de novas terras, redadas, conquistas e o comercio coas culturas veciñas. Tamén tiñan unha grande importancia relixiosa. As persoas cun alto status ás veces foron enterradas nun barco xunto con animais sacrificados, armas, provisións e outros artigos, como o demostran os barcos enterrados en Gokstad e Oseberg en Noruega[65] e o enterro escavado do barco en Ladby, Dinamarca. Os viquingos tamén practicaban enterros no exterior, como o demostran as escavacións dos barcos de Salme na illa estoniana de Saaremaa.[66]

A finais da década de 1960, no fiorde de Roskilde, foron escavados os restos ben conservados de cinco barcos viquingos nos que apareceron tanto o buque insignia como os knarr. Os barcos foron afundidos alí no século XI para bloquear unha canle de navegación e así protexer Roskilde, daquela capital danesa, do asalto a través do mar. Os restos destes barcos exhíbense no Viking Ship Museum en Roskilde .

Museos de barcos viquingos editar

 
As escavacións do barco de Gokstad no 1880.

En Oslo (Noruega) existe un museo chamado Vikingskipshuset, que forma parte do Museo Cultural Histórico da Universidade de Oslo, onde se expón entre outros o gran barco de Gokstat, atopado en 1879 e de 24 metros de eslora por 5 de manga, e a súa análise dendrocronolóxica datouno no ano 890.[67]

Outro museo importante adicado aos barcos viquingos é o Vikingeskibsmuseet en Roskilde (Dinamarca). Este museo foi construído en 1969 para albergar os cinco primeiros barcos atopados nas escavacións realizadas en 1962 e que se encontraban somerxidos no fiorde de Roskilde. As instalacións do museo foron ampliadas en 1997, dispoñendo agora dunha illa e dun porto, onde é posible visitar unha colección de réplicas de barcos nórdicos e viquingos.[68]

Celebridades editar

Un dos viquingos máis famosos foi o noruegués Erik o Roxo, que colonizou Groenlandia. O seu fillo Leif Eriksson tamén está na lista de viquingos famosos por supostamente chegar a América antes que Cristovo Colón.

Ragnar Lodbrok e os seus descendentes son as figuras históricas máis coñecidas de todas as incursións e conquistas en Europa, liderando un exército que dominou gran parte de Inglaterra.

Tamén é salientable a figura de Canuto o Grande, rei de Dinamarca que logrou someter todo o leste de Inglaterra.

Outro dos grandes reis foi Harald Haardrade (Harald o Desapiadado), que é considerado o último rei viquingo. Harald fuxiu moi novo para Constantinopla, onde participou na Garda varega durante dez anos, sendo un dos seus maiores líderes. Logo escapou coa filla da emperatriz para Novgorod, para enviala de volta a Constantinopla. Compartiu o reino de Noruega co seu sobriño, Magnus o Bo, a cambio da metade da súa riqueza acumulada en Constantinopla, mais pouco tempo despois o seu sobriño faleceu en estrañas circunstancias e permaneceu gobernando só.

Cando Harald soubo que Guillerme o Bastardo (quen despois de conquistar Inglaterra sería chamado O Conquistador) tiña a intención de apoderarse de Inglaterra, deseñou unha árbore xenealóxica segundo a cal tiña dereito a ser rei de Inglaterra, reuniu un exército e, xunto con Tostig (irmán do rei Haroldo II de Inglaterra) embarcouse na conquista da illa. Desembarcou no norte e foi descendendo ata chegar a York, encontrando pouca resistencia, pois o exército do rei Harold II achábase no sur da illa. E nunha rápida e longa marcha, Harold II chegou ata onde estaba Haardrade, quen xa consideraba que estaba todo baixo control, mais encontrouse cunha férrea defensa e caeu na batalla de Stamford Bridge (25 de setembro de 1066).

Notas editar

  1. Dicionario da Real Academia Galega (ed.). "viquingo". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 20 de marzo de 2015. 
  2. Diccionario de la lengua española de la Real Academia Española (ed.). "vikingo, ga." (en castelán). Consultado o 31 de agosto de 2014. 
  3. Harper, Douglas. Online Etymology Dictionary, ed. "Online Etymology Dictionary - Viking" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2014. 
  4. 4,0 4,1 Hurstwic, LLC (ed.). "What does the word Viking mean?" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2014. 
  5. Þórðarson, Sveinbjörn. "Grettir's Saga". Icelandic Saga Database (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2014. 
  6. The Syntax of Old Norse By Jan Terje Faarlund; p 25 ISBN 0-19-927110-0; The Principles of English Etymology By Walter W. Skeat, publicado en 1892, definición de Viking: better Wiking, Icel. Viking-r, O. Icel. *Viking-r, a creek-dweller; from Icel. vik, O. Icel. *wik, a creek, bay, with suffix -uig-r, belonging to Principles of English Etymology By Walter W. Skeat; Clarendon press; Páx 479
  7. Desmond Collins, Background to Archaeology: Britain in Its European Setting, p.97, Cambridge University Press, 1973
  8. Gunnar Karlsson. Universidade de Islandia, ed. "Er rökrétt að fullyrða að landnámsmenn á Íslandi hafi verið víkingar?" (en islandés). Consultado o 21 de setembro de 2014. ; Gunnar Karlsson. Universidade de Islandia, ed. "Hver voru helstu vopn víkinga og hvernig voru þau gerð? Voru þeir mjög bardagaglaðir?"" (en islandés). Consultado o 21 de setembro de 2014. ; Sverrir Jakobsson. Universidade de Islandia, ed. "Hvaðan komu víkingarnir og hvaða áhrif höfðu þeir í öðrum löndum?" (en islandés). Consultado o 21 de setembro de 2014. 
  9. "What Is A Viking". vikingdenmark.com. EssentialContent.com. Consultado o 25 April 2014. 
  10. Beard, David. "The Term "Viking"". Archaeology in Europe (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2012. Consultado o 21 de setembro de 2014. 
  11. Peter Sawyer, The Viking Expansion, The Cambridge History of Scandinavia, Issue 1 (Knut Helle, ed., 2003), p.105.
  12. Lund, Niels (2001). "The Danish Empire and the End of the Viking Age", The Oxford Illustrated History of the Vikings. Ed. P. H. Sawyer. Oxford University Press, 2001, p. 167–181. ISBN 0-19-285434-8.
  13. The Royal Household, "Sweyn" Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine., The official Website of The British Monarchy, 15 de marzo de 2015, data de acceso acceso 15 de marzo de 2015
  14. Lawson, M K (2004). "Cnut: England's Viking King 1016-35". The History Press Ltd, 2005, ISBN 978-0-582-05970-2.
  15. The Royal Household, "Canute The Great" Arquivado 29 de novembro de 2014 en Wayback Machine., The official Website of The British Monarchy, 15 March 2015, accessed 15 March 2015
  16. Badsey, S. Nicolle, D, Turnbull, S (1999). "The Timechart of Military History". Worth Press Ltd, 2000, ISBN 1-903025-00-1.
  17. "History of Northumbria: Viking era 866 AD–1066 AD" www.englandnortheast.co.uk.
  18. Toyne, Stanley Mease. The Scandinavians in history Pg.27. 1970.
  19. The Fate of Greenland's Vikings, by Dale Mackenzie Brown, Archaeological Institute of America, 28 February 2000
  20. "The Norse discovery of America". Ncbi.nlm.nih.gov. 4 de abril de 2012. Consultado o 21 de maio de 2012. 
  21. Ross, Valerie (31 May 2011). "Climate change froze Vikings out of Greenland". Discover (Kalmback Publishing). Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2013. Consultado o 6 de abril de 2013. 
  22. Rurik Dynasty (medieval Russian rulers) Britannica Online Encyclopedia
  23. Boyer (2003), p. 27 e 193
  24. Élisabeth Deniaux, Claude Lorren, Pierre Bauduin, Thomas Jarry, La sexologie avant les Normands, de la conquête romaine à l'arrivée des Vikings, Ouest-France, Rennes, p. 372
  25. Neveux, François (2009). L'aventure des Normands (VIIIe-XIIIe siècle) (en francés). Paris: Perrin. p. 36. ISBN 978-2-262-02981-4. 
  26. Anne Nissen Jaubert, « La face cachée des Vikings », Cahiers de Sciences et Vie. Vikings : enquête sur les secrets des maîtres des mers, n.º 80, avril 2004, p. 89
  27. Cf Else Roesdahl, “The Vikings” Penguin, 1996 : “ The whole of Northern Europe had seen a great economic growth during the eighth century” p. 188; “Emigration became a way of life for many people » ; p. 190. Else Roesdahl, David M. Wilson, Chapitre introductif in “Les Vikings » Grand Palais, 1992, “L’une des causes de la participation de certains scandinaves aux expéditions et aux entreprises de colonisation peut avoir été l’existence de conditions matérielles difficiles dans leur pays d’origine : famines.., pauvreté, manque de terres… » p. 28; Peter Sawyer « The Oxford illustrated History of the Vikings », 1997, they « were attracted by the prospect of having more land than they could ever hope to own or rent in Scandinavia ». p. 3
  28. Philippe Descamps, « Guerres de clans et conquêtes forcées », Cahiers de Sciences et Vie, Vikings : enquête sur les secrets des maîtres des mers, n° 80, abril 2004, p. 18
  29. cité dans Jean-François Mondot, « Des raids vikings à l'installation définitive », Cahiers de Sciences et Vie. Vikings : enquête sur les secrets des maîtres des mers, n° 80, avril 2004, p. 28
  30. Régis Boyer, Les Vikings, Robert Laffont, 2008.
  31. 31,0 31,1 Decaux & Castelot 1981, p. 184-185
  32. Boyer 2008, p. 96
  33. Tout l’univers, édition Hachette, álbum 5, p. 1110
  34. Mabire & Vial 2004, p. 14
  35. Bruno Dumézil, Conversion et Liberté dans les royaumes barbares. V - VIII s, Fayard, 2005
  36. 36,0 36,1 Annales royales franques citées dans Peter Sawyer, The Oxford Illustrated History of the Vikings, 2001, p. 20
  37. Rudolf Simek, « L'émergence de l'âge viking : circonstances et conditions », dans Régis Boyer, Les vikings, premiers européens VIII - XI - Les nouvelles découvertes de l'archéologie, Autrement, 2005, p. 24-25
  38. Tout l’Univers Hachette, vol. 5, p. 1110) e (Axis Hachette, vol. 9 p. 294 ISBN 2-03-505279-3)
  39. Mabire & Vial 2004, p. 13 et Généalogie de la famille de Saxe sur GénéalogieQuébec
  40. (en inglés) C. D. Kindrock, A History of the Vikings, Courrier Dover Publications, 91-92
  41. Decaux & Castelot 1981, p. 715
  42. François Neveux, L'aventure des Normands VIII - XIII, collection Tempus, éditions Perrin, 48, ISBN 978-2-262-02981-4
  43. Else Roesdahl et David M. Wilson, dir., Les mondes nordiques. Histoire et héritage de l'Europe barbare, V-XII s, Tallandier, 1980, Les Vikings… Les Scandinaves et l’Europe 26 éditions AFAA 1992 ISBN 8773035572
  44. Barthélemy, Pierre (1988). A. Michel, ed. Les Vikings (en francés). Paris. p. 112. ISBN 2-226-03257-6. 
  45. Sturluson 2000, p. 34
  46. Sturluson 2000, p. 35
  47. Sturluson 2000, p. 250, chapitre « la bataille du Danevirke »
  48. 48,0 48,1 Sturluson 2000, p. 36
  49. Olaf Olsen, page 154 (1981 Der lange Weg des Nordens zum Christentum, éditions Ahrens) Les Vikings… Les Scandinaves et l’Europe 26 éditions AFAA 1992 ISBN 8-773-03557-2
  50. Barthélemy, Pierre (1988). Albin Michel, ed. Les Vikings (en francés). Paris. pp. 156. ISBN 2-226-03257-6. .
  51. Élisabeth Deniaux, Claude Lorren, Pierre Bauduin, Thomas Jarry, La Normandie avant les Normands, de la conquête romaine à l'arrivée des Vikings, Ouest-France, Rennes, p. 371
  52. Lucien Musset, « Naissance de la Normandie », Michel de Boüard (dir.), Histoire de la Normandie, Privat, 1970, 93
  53. Sturluson 2000, p. 8
  54. Chaine TV « Toute l’Histoire » émission du 3 février 2012 « les rois de France, Charlemagne »
  55. Les agrégés d’histoire : Stéphane Maire, Carole Bitoun, Leïla Dakhli, Catherine Donnadieu, Christine Gruest, Nicole Leroux « histoire collège » 268, 269 édition de la cité, manuel+ ISBN 2-844-10002-3)
  56. François-Xavier Dillmann, Culture et civilisation vikings. Une bibliographie de langue française, Caen, Centre de recherches sur les pays du Nord et du Nord-Ouest, Université de Caen, 1975, 19 et Les Vikings – Les Scandinaves et l'Europe 800-1200, 22e Exposition d'art du Conseil de l'Europe, 1992, 26
  57. 57,0 57,1 57,2 Carballo, Francisco; López, Felipe Senén; López Carreira, Anselmo; Obelleiro, Luís; Alonso, Bieito (1996). Historia de Galicia. Vigo: Edicións A Nosa Terra. pp. 84–85. ISBN 84-89138-65-6. 
  58. riasbaixas.net (ed.). "As invasións viquingas". Consultado o 19 de abril de 2015. 
  59. 59,0 59,1 saber.es (ed.). "Sancho, envenenado en Portugal" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 19 de abril de 2015. 
  60. Sánchez Albornoz, Claudio (1985). "Chapter VI: Tras cuarenta años de paz interior". En Sarpe. Orígenes de la nación española: el Reino de Asturias (en castelán). Madrid. ISBN 978-84-7291-739-2. 
  61. Collins, Roger (2012). "Ramiro I (842-850)". En John Wiley & Sons. Caliphs and Kings: Spain, 796-1031. pp. 70–72. ISBN 978-1-118-27399-9. Consultado o 19 de abril de 2015. 
  62. Hadingham, Evan (5 de setembro de 2000). NOVA science media, ed. "Secrets of Viking Ships". Consultado o 19 de abril de 2015. 
  63. Durham, Keith (2002). Osprey Publishing, ed. Viking Longship. Oxford. 
  64. Block, Leo (2003). To Harness the Wind: A Short History of the Development of Sails. Naval Institute Press. ISBN 1-55750-209-9. 
  65. Heath (1985), p. 4
  66. Curry, Andrew (10-06-2013). "The First Vikings". archaeology.org (en inglés). Consultado o 10-07-2018. 
  67. Kulturhistorisk museum (ed.). "Gokstad" (en noruec). Consultado o 3 de maio de 2013. 
  68. Finemodelships (ed.). "The Viking Ship Museum in Roskilde, Denmark" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2012. Consultado o 3 de maio de 2013. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar