Millán Picouto

escritor e músico galego

Millán Picouto Igrexas, nado en Ourense en 1949, é un poeta, dramaturgo e músico galego. A súa obra literaria completa, «O macrocosmos», consta de 33 dramas e 6 poemarios distribuídos organicamente en ciclos astrais, do Sol e da Lúa e de Mercurio a Urano, que configuran unha obra poética unitaria de arredor de 75.000 versos. A súa versión española dos dramas encóntrase en «El macrocosmos», e a súa música, no volume «Música coral», que inclúe cantigas, sonetos, madrigais, pezas didácticas e a música vocal e instrumental de varios dramas.[1]

Modelo:BiografíaMillán Picouto
Biografía
Nacemento1949 Editar o valor en Wikidata (74/75 anos)
Ourense, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico, escritor Editar o valor en Wikidata

BNE: XX1722646 Dialnet: 2035275

Traxectoria

editar

Primeiros anos

editar

Foi o primoxénito de Xosé Manuel Picouto Vinatea e Rosa Igrexas Díaz. O seu pai traballaba de contable e el recibiu o nome do seu avó materno, Emiliano. Cedo mostrou boa disposición para a lectura e o debuxo, e este sería a súa primeira vocación. En 1956 naceu a súa irmá, María Xosé. O seu pai, amante da poesía, corrixiulle en 1957 os primeiros ensaios de versificación.

En 1960, a familia trasladouse a Vigo e nesa cidade morreu o pai ao ano seguinte, cando el cumprira 12 anos. Tivo que abandonar os estudos secundarios para poñerse a traballar como auxiliar contable e desde entón el mesmo guiaría a súa formación como autodidacta. En 1962 a familia volveu a Ourense. Daquela mantivo unha estreita relación co seu avó paterno, a quen evocaría máis tarde en Réquiem por Manuel Picouto, incluído en «Odas e poemas». En 1963 leu o conde de Volney e separouse da relixión católica, na que fora bautizado. Por descansar de cada xornada laboral, nos seráns divertíase recitando a soas parágrafos oratorios nas prazas da cidade antiga, cando quedaban desertas.

De 1965 a 1966 asistiu á aula de copia de xeso do escultor Aurelio Iglesias Vázquez, na Escola de Artes e Oficios. Alí copiou a carbón as obras principais da estatuaria helénica e renacentista.

Viaxes e formación

editar

Viaxou a Madrid en 1967 para estudar no Museo do Prado, e un ano despois empezou a aprender por si mesmo as linguas clásicas para estudar filosofía. En 1969 retomou por libre os estudos secundarios oficiais e despediuse da práctica do debuxo cun autorretrato simbólico a pluma no que se representa como un ferreiro batendo metal nunha incre.

De 1970 a 1973 viaxou a París e Nova York, e logo percorreu España e as Illas Baleares como inspector contable. Namentres, estudaba a música tradicional de Galiza, traducía a Virxilio, Platón e Hölderlin cultivando o idioma galego e, nas súas versións de Sófocles, ensaiando enriquecer a métrica sobre unha base acentual. En 1974 visitou Portugal e tamén fundou o Grupo Teatral Auriense. Con el participou varios anos na Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia como director e ás veces como actor e con traducións e pequenas pezas propias.[2][3]

En 1975 empezou a escribir os «Sonetos da lúa chea» nas formas italiana e inglesa, e nese poemario incluiría para outra edición unha nova forma que inventou, simétrica. Igualmente usaría as tres formas en español para «Sonetos Omega». Co soneto Ti, terra, santamente me levaches gañou o premio O Volter da taberna homónima vinculada á memoria da Xeración Nós e aos artistas ourensáns. Así terminou os seus anos de formación e apareceu como poeta.

Produción literaria

editar

En 1976 escribiu a súa primeira traxedia, «Silvania», onde evocando o nacemento do teatro occidental incorporou o coro ao seu teatro para o recitado rítmico, a danza e o canto coa música tradicional de Galiza, reelaborada. Máis tarde publicaría «María Soliña» e «Prisciliano en Tréveris» con música vocal e instrumental. O coro volveu dotar as traxedias e comedias, sobre todo entre os actos, dunha voz colectiva que coa súa reflexión contribúe a substanciar e enaltecer o discurso dramático. Ese mesmo ano ingresou na Asemblea Nacional-Popular Galega. En 1977 casou con Blandi Conde.

De volta dunha viaxe por Suíza e Austria, en 1978 recuperou cunhas coplas anónimas o carácter satírico dos maios de Ourense, reprimido pola pasada ditadura. En 1979 galeguizou o seu nome durante unha campaña da AN-PG por recuperar o idioma galego nos topónimos e antropónimos, e ingresou na Unión do Povo Galego. O gobernador civil impúxolle a multa máxima ao detelo a policía na praza Maior de Ourense cando, á fronte duns camaradas, corrixía os letreiros de rúas e prazas restaurando os orixinais galegos. En 1981, licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. A policía secuestrou no prelo unhas coplas dos maios anónimas das que el era autor. Os membros da dirección local da AN-PG pasaron unha noite en prisión, mais el non foi molestado. Este feito desagradoulle e desde entón renunciou á poesía satírica.

Ese mesmo ano naceu a súa filla, Violeta. Daquela dedicábase á apicultura e á agricultura autosuficiente. Na poesía Dons evoca en ton pastoril a súa vida con Blandi Conde. En 1982 terminou o corpo principal de «Odas e poemas», onde adaptou ao galego as formas das odas alcaica e sáfica. Desde 1984 ata a súa xubilación en 2009, traballou en varios institutos de Ensino Secundario de Ourense e provincia como profesor de Lingua e Literatura Galega. Nun deles coñeceu o seu futuro editor, Manuel Ramos Méndez.

En 1989, para o coro Agromadas de Seixalbo, dirixido por Anselmo Iglesias Vázquez e no que cantaba cos barítonos, puxo música a versos propios e cantigas medievais, o que sería o xerme de «Cancións». Ademais, cofundador do grupo musical Harmonía Auriensis, para a súa estrea compuxo a música de Do amor amigo. En 1995 concorreu aos comicios municipais de Ourense na lista do Bloque Nacionalista Galego, foi elixido concelleiro e pasou á oposición. De 1996 a 1997 participou con recitados en homenaxes a persoas asasinadas polos fascistas durante a Guerra Civil: Lembranza e Trece de marzo. Este último ano publicou «Escola coral de Poesía e de Música» para a formación da mocidade e dos coros populares do seu teatro.

No ano 2000 empezou a traducir os dramas ao español, conservando as formas versais. Coa publicación de «Ciclo de Venus» en 2001 inaugurou con Linteo a edición metódica en galego do seu teatro, que presentou no Liceo de Ourense con Manuel Ramos Méndez e Laura Tato Fontaíña. Desde aquela ata o 2013 publicaría «Ciclo de Mercurio», «Ciclo da Terra», «Ciclo de Marte», «Ciclo de Xúpiter» e «Ciclo de Saturno», libros que serían saudados nos xornais polo historiador Marcos Valcárcel. En 2002 morreu a súa esposa e un ano despois verteu as cinsas no río Cherwell, ao seu paso por Oxford, recitando a elexía A urna e o río, que inicia «Elexías e himnos». En abril dese ano interveu por última vez no pleno da corporación municipal de Ourense cunha áspera crítica ao goberno. Non volveu presentarse aos comicios de xuño, co que se retirou da política activa. A fin de ano, coa elexía No naufraxio do "Prestige", contribuíu a un libro colectivo sobre ese desastre ecolóxico.

Na primavera de 2004 viaxou por Italia coa súa filla e no outono volveu a Florencia, onde coñeceu a Deborah Figueroa, coa que empezaría a convivir tres anos máis tarde e á que dirixiu en español os «Sonetos Omega», o seu último poemario. Viaxou dúas veces ao Perú en 2006, antes de abordar a escritura da Triloxía Incaica para o ciclo de Saturno. Visitou Lima, Cuzco e o Machu Picchu e a fin de ano empezou a escribir nun hotel de Lima «Atawallpa ou a morte do Sol». O 22 de decembro de 2008 o escritor Alfredo Conde, co artigo Milagre da creación compartida, en El Correo Gallego, eloxiou toda a súa obra dramática. Publicou en 2009, baixo o título «Macrocosmos», a versión española, dedicada ao seu editor, dos primeiros 23 dramas, algúns de máis de 3.000 versos e todos agrupados en ciclos planetarios.[4]

De 2010 a 2013 viviu en Florencia e viaxou pola Toscana. Nesa estadía orixinouse a sección O río e o lirio de «Elexías e himnos». En 2014 publicou en español a versión de «Ciclo de Saturno» baixo o título «La muerte del Sol», dedicada a Deborah Figueroa. Tamén estudou a discusión sobre a autoría das obras coñecidas como de William Shakespeare, recoñeceu como o verdadeiro autor a Edward de Vere e traduciu ao español o libro pioneiro de John Thomas Looney «Shakespeare identified», que publicaría Linteo baixo o título «El verdadero Shakespeare». O 17 de xullo de 2015 estreou en Lima, no Complejo Arqueológico Mateo Salado, a obra «El sueño del Machupikchu», dirixida por Myriam Reátegui, e o 1 de setembro presentou no Centro Español da mesma cidade, coa escritora Ana María García Silva, «El verdadero Shakespeare».

En 2017 Linteo publicou a súa tradución de «Hamlet» ao español, por primeira vez coa métrica e o ritmo orixinais.[5] A portada e a Introducción asignan a autoría a Edward de Vere e consideran «William Shakespeare» como un pseudónimo. En xaneiro de 2020 pasou o seu aniversario en Puerto del Carmen, Lanzarote, contemplou por vez primeira unha aurora sobre o mar e escribiu a última elexía, Grazas ao Sol e á Terra. De novo en Ourense, escribiu a última traxedia, «O ocaso de Teotihuacan», onde un personaxe, Axauíla, suma sacerdotisa do templo da Lúa, identifica como a mesma forza o amor e a gravitación universal. Así terminou o último ciclo, de Urano. Por fin, en 2021 publicou a obra completa baixo o título «O macrocosmos», a súa versión española «El macrocosmos» e «Música coral». Despois retirouse do traballo literario.[6]

Cronoloxía de dramas e poemas

editar
  • 1975–1991: Sonetos da lúa chea, poemario do "Ciclo do Sol e da Lúa"
  • 1976: Silvania, traxedia do "Ciclo de Mercurio"
  • 1979: Fisterra, traxedia do "Ciclo de Mercurio"
  • 1979–2000: Odas e poemas, poemario do "Ciclo do Sol e da Lúa"
  • 1980: Os espellos e a noite, comedia do "Ciclo de Venus"
  • 1982: Nausícaa, traxedia do "Ciclo de Venus"
  • 1984: A fada e o cabaleiro, comedia do "Ciclo de Venus"
  • 1985–1986: María Soliña, traxedia do "Ciclo da Terra"
  • 1986-1987: Catro soliloquios, poemario do "Ciclo do Sol e da Lúa"
  • 1987: As andoriñas, comedia do "Ciclo da Terra"
  • 1988: Prisciliano en Tréveris, traxedia do "Ciclo da Terra"
  • 1989–1991: Cancións, poemario do "Ciclo do Sol e da Lúa"
  • 1990: Os Guerreiros Celestiais, comedia do "Ciclo de Marte"
  • 1992: Pascuense I: Atán, traxedia do "Ciclo de Marte"
  • 1993: Pascuense II: Iko, traxedia do "Ciclo de Marte"
  • 1994: Pascuense III: Ororoina, traxedia do "Ciclo de Marte"
  • 1995: Asteroides, peciñas teatrais do "Ciclo de Marte"
  • 1995: Conto de abril, comedia do "Ciclo de Mercurio"
  • 1996: Zenobia, raíña de Palmira, traxedia do "Ciclo de Xúpiter"
  • 1997-1998: Xulio César, traxedia do "Ciclo de Xúpiter"
  • 1999: A peso de ouro, comedia do "Ciclo de Mercurio"
  • 2000: Empédocles, traxedia do "Ciclo de Venus"
  • 2001: Os corvos, traxedia do "Ciclo da Terra"
  • 2002–2003: Lánser e Íngrid, drama do "Ciclo de Xúpiter"
  • 2003-2020: Elexías e himnos, poemario do "Ciclo do Sol e da Lúa"
  • 2004: Vercinxetórix, principe da Galia, traxedia do "Ciclo de Xúpiter"
  • 2004-2018: Sonetos Omega, poemario do "Ciclo do Sol e da Lúa"
  • 2005: Péricles e Aspasia, traxedia do "Ciclo de Xúpiter"
  • 2006-2007: Incaica I: Atawallpa ou a morte do Sol, traxedia do "Ciclo de Saturno"
  • 2008–2009: Incaica II: A traxedia de Willkapanpa, traxedia do "Ciclo de Saturno"
  • 2010: Incaica III: O soño do Machupikchu, traxedia do "Ciclo de Saturno"
  • 2011: Lope de Aguirre, traxedia do "Ciclo de Saturno"
  • 2012: A comedia dos zapatos, comedia do "Ciclo de Saturno"
  • 2014–2015: A traxedia de Lumumba, traxedia do "Ciclo de Urano"
  • 2016: O xardín de Umbriel, comedia do "Ciclo de Urano"
  • 2017: A morte de Berta Cáceres, traxedia do "Ciclo de Urano"
  • 2018: O xardín de Indra, comedia do "Ciclo de Urano"
  • 2019: Arisa e Aris, comedia do "Ciclo de Urano"
  • 2020: O ocaso de Teotihuacan, traxedia do "Ciclo de Urano"

Obras publicadas

editar

Obra completa

editar

Teatro

editar

Poesía

editar

Música impresa (partituras)

editar

Traducións

editar

Obras colectivas

editar

Premios

editar
  • Premio O Volter de poesía no 1975 ao soneto Ti, terra, santamente me levaches.
  • Premio de Poesía Cidade de Ourense no 1983, por O poema dos lustros, despois Odas e poemas.[12]
  • Premio de Teatro da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 2008, por Ciclo de Marte.
  • Premio de Teatro e Poesía da Asociación Galega de Editores no 2009, por Ciclo de Xúpiter.
  1. "Cronoloxía biobibliográfica en «O macrocosmos» e Ediciones LINTEO". www.edicioneslinteo.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2021. Consultado o 2022-8-15. 
  2. "Millán Picouto. Ficha do autor". bvg.udc. 
  3. "Millán Picouto Iglesias". Babelio (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  4. "Ediciones LINTEO". www.edicioneslinteo.com. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-07. 
  5. Redacción (26 de outubro de 2018). "Millán Picouto traduce "Hamlet" al español "con la métrica y el ritmo originales"". farodevigo.es (en castelán). Consultado o 26 de agosto de 2022. 
  6. Xestoso, Manuel (6 de novembro de 2021). "Millán Picouto. O escritor na sombra". Suplemento. Nós Diario. 
  7. "PRESENTACION DE "MACROCOSMOS" DE MILLÁN PICOUTO". liceodeourense.com. 18 de decembro de 2009. Consultado o 26 de agosto de 2022. 
  8. "Ciclo de Venus Linteo Ediciones O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  9. "Ciclo de Mercurio Linteo Ediciones O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  10. "Ciclo da Terra Linteo Ediciones O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  11. "Ciclo de Marte Linteo Ediciones O soportal da Literatura Galega". culturagalega.org (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  12. "Millán Picouto recibe el Premio Cidade de Ourense". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-06-12. Consultado o 2021-11-07.