Concilio de Calcedonia

O Concilio de Calcedonia foi un concilio ecuménico que tivo lugar entre o 8 de outubro e o 1 de novembro do ano 451 en Calcedonia, cidade de Bitinia, en Asia Menor.

Concilio de Calcedonia

É o cuarto dos primeiros sete concilios ecuménicos da Cristiandade, e as súas definicións dogmáticas foron desde entón recoñecidas como infalíbeis pola Igrexa Católica e pola Igrexa Ortodoxa. Rexeitou a doutrina do monofisismo, defendida por Eutiques, e estableceu o Credo de Calcedonia, que describe a plena humanidade e a plena divindade de Cristo, segunda persoa da Santísima Trindade.

Precedentes editar

No Concilio de Éfeso (431) fora condenada a herexía nestoriana (difisitas), que defendía que as dúas naturezas (divina e humana) de Cristo eran completamente independentes entre si, é dicir, que Cristo era a un tempo Deus e home, pero formando un composto de dúas persoas distintas. No concilio, San Cirilo de Alexandría distinguírase rebatendo as teses de Nestorio.

Segundo os seus opoñentes, Cirilo, ao atacar a Nestorio, incorrera pola súa parte en erro, chegando a negar a existencia de dúas naturezas en Cristo. Escribira que en Cristo non hai máis que unha physis, a do Verbo encarnado, utilizando a fórmula «A única physis encarnada de Deus Verbo».[1] En 433, dous anos despois do concilio, a controversia entre Cirilo e os seus adversarios resolveuse cun edito de unión, no que explicitamente se falaba das dúas naturezas de Cristo.

Eutiques editar

En 444, dous anos despois da morte de Cirilo, un ancián arquimandrita de Constantinopla chamado Eutiques, comezou a predicar que a natureza humana de Cristo estaba como absorbida pola divina, de xeito que, na unión de ambas as dúas, non había senón unha natureza. Eutiques proclamábase seguidor de Cirilo de Alexandría; as súas teses tiveron moitos seguidores, entre eles Dióscoro, sucesor de Cirilo na sede de Alexandría. A herexía de Eutiques denomínase monofisita, do grego monos ("un") e physis ("natureza")

As ideas de Eutiques encontraron pronto opositores convencidos: entre eles, Teodoreto de Ciro, Eusebio de Dorilea e Flaviano, patriarca de Constantinopla. En certo xeito, o conflito monofisita propúxose tamén como unha pugna entre as sedes de Alexandría e de Constantinopla.

Nun sínodo rexional celebrado en Constantinopla en 448, Eusebio de Dorilea denunciou as teses de Eutiques. O sínodo expresou inequivocamente a ortodoxia da doutrina das dúas naturezas, e requiriu a presenza de Eutiques. Este negouse rotundamente a aceptar a decisión do sínodo, reafirmándose na súa doutrina dunha soa natureza de Cristo, polo que o sínodo lanzou anatema contra el e contra os seus partidarios.

O "latrocinio de Éfeso" editar

Artigo principal: Latrocinio de Éfeso.

Eutiques non aceptou a autoridade do sínodo, e recorreu ao Papa León I Magno. Este respondeu coa Epístola Dogmática, en que reafirmaba a doutrina das dúas naturezas. Esta solución non foi aceptada por Eutiques nin polos seus partidarios; a instancias de Dióscoro, o emperador de Oriente, Teodosio II, monofisita, convocou un sínodo xeral en Éfeso en agosto do ano 449. Este acontecemento é denominado polos historiadores católicos "latrocinio de Éfeso", seguindo unha expresión do Papa León I. O novo sínodo declarou a absolución de Eutiques, anatemizando a doutrina das dúas naturezas, e depuxo a Flaviano, patriarca de Constantinopla, quen foi conducido ao desterro e faleceu a consecuencia dos malos tratos que lle dispensaron os seus captores.

O Papa moveu todos os fíos ao seu alcance para modificar a situación: escribiu ao emperador Teodosio II, á súa irmá Pulqueria, partidaria do entendemento con Roma, e intentou facer intervir ao emperador de Occidente, Valentiniano III. Abriuse unha profunda crise entre León I e Dióscoro, patriarca de Alexandría, quen chegou a excomungar ao Papa.

A morte de Teodosio II en 450 produciu un xiro na situación: foi sucedido por Pulquería; ela, e o seu marido Marciano eran partidarios das teses de Flaviano e León, e realizaron varios xestos, como conducir a Constantinopla os restos de Flaviano para lles dar solemne sepultura. Finalmente, decidiu convocarse o concilio, non en Italia, como pretendía o Papa, senón en Calcedonia, en Asia Menor.

O concilio editar

O concilio reuniuse en Calcedonia en outubro de 451. Asistiron uns 600 bispos, dos que soamente 2 eran occidentais, deixando á parte os legados pontificios. Fronte á maior estabilidade do imperio romano oriental, en occidente hai que ter en conta que nese ano 451 se produciría o enfrontamento cos hunos de Atila, (Batalla dos Campos Cataláunicos) e a famosa intervención, lendaria ou certa, evitando que o huno marchase sobre Roma, do propio papa León I o Magno; quen non daría impedido a destrución e saqueo de Roma polos vándalos de Xenserico tres anos máis tarde.

A presidencia do Concilio foi ocupada polo patriarca de Constantinopla, Anatolio, ao lado dos representantes do Papa. O emperador Marciano apoiaba decididamente a ortodoxia. Na segunda sesión, recoñeceuse a Epístola Dogmática do Papa como documento de fe. Dióscoro foi condenado por unanimidade - seica os bispos exipcios foron premidos -, e todos os seus decretos foron declarados nulos.

Os partidarios de Eutiques deberon aceptar a Epístola do Papa para continuaren formando parte da Igrexa. Trece bispos exipcios, porén, refusaron aceptara, argüíndo que só aceptarían "a fe tradicional".

No seu canon 28, o Concilio aprobou tamén a práctica equiparación das sedes de Roma e Constantinopla, a pesar das protestas do Papa.

Dise que neste concilio foi a primeira vez que se utilizou o termo grego prósopon, que quere dicir máscara, para referirse a persoa, como hoxe coñecemos o termo.

Consecuencias editar

A principal consecuencia do Concilio foi o cisma dos monofisitas. O Patriarca de Alexandría non aceptou o concilio e finalmente terminou por escindir o seu patriarcado do resto da Igrexa. Tamén moitos bispos repudiaron o concilio argüíndo que a doutrina das dúas naturezas era practicamente nestoriana. Nas principais sedes apostólicas do Imperio bizantino, abriuse un período de disputas entre monofisitas e ortodoxos, con diversas vicisitudes, en que interviñeron a miúdo os emperadores. Aquí teñen a súa orixe as antigas igrexas orientais, que aínda hoxe rexeitan os resultados do Concilio: a igrexa ortodoxa copta que naceu da ruptura do Patriarcado de Alexandría co resto da Igrexa, a igrexa apostólica armenia, a igrexa ortodoxa siríaca e a igrexa ortodoxa malankara, da India.

Notas editar

  1. mía phýsis toû Theû lógu sesarkoméne Epíst. 17; Epíst. 46.