Cirilo de Alexandría

relixioso romano, patriarca de Alexandría

San Cirilo (en grego: Κύριλλος Ἀλεξανδρείας), nado entre os anos 370 e 373 en Alexandría, gobernou a Igrexa de Alexandría como o seu Patriarca durante 23 anos, até o 444. É considerado santo polas Igrexas Católica, Luterana, Ortodoxa e Copta.

Cirilo de Alexandría
Nacemento376
Lugar de nacementoAl-Mahalla Al-Kubra
Falecemento27 de xuño de 444
Lugar de falecementoAlexandría
NacionalidadeRoma Antiga
RelixiónCristianismo ortodoxo
OcupaciónPapa da Igreja Ortodoxa Copta de Alexandria e clérigo
editar datos en Wikidata ]
Imaxe de San Cirilo de Alexandría.

Traxectoria editar

Era sobriño do poderoso bispo Teófilo, que o precedeu no patriarcado alexandrino. Participou no Sínodo da Aciñeira (ou do carballo) (403) no que se destituíu a San Xoán Crisóstomo do Patriarcado de Constantinopla.

No ano 412 alcanza o Patriarcado, tras vencer unha certa oposición daqueles que o rexeitaban polo seu carácter impaciente e dominador. No seu novo cargo fechou todas as igrexas novacianas, expulsou da cidade os xudeus, o que lle importou grave conflito co gobernador Orestes.

Moitos historiadores opinan que Cirilo foi o principal responsable da morte de Hipatia, pero non existe documentación que o acredite de xeito directo. Dise que Cirilo era inimigo seu, teméndoa e admirándoa a un tempo e que propiciou un ambiente de odio e fanatismo contra dela. En marzo de 415, Hipatia foi asasinada por un grupo de monxes da igrexa de San Cirilo de Xerusalén. Os feitos foron recollidos polo bispo exipcio Xoán de Nikio xa no século VII, que nuns escritos[1] xustificando o masacre daquel ano contra dos xudeus de Alexandría, conta como un grupo de cristiáns atordados, impetuosos e violentos, seguidores dun lector chamado Pedro foron na busca de Hipatia, golpeárona, espírona e arrastrárona pola cidade ata o templo Cesáreo. No interior do templo, foi cruelmente torturada até a morte, tendo o corpo dilacerado por cunchas de ostras (ou cachos de cerámica, segundo outra versión). Despois de morta, despezárona e botaron o seu corpo nunha fogueira, no lugar chamado Cinaron. Orestes, o prefecto romano amigo e alumno de Hipatia informou e pediu a Roma unha investigación. Por "falta de testemuñas" atrasouse até que chegou un momento no que o propio Cirilo asegurou que Hipatia estaba viva e que habitaba en Atenas. Orestes tivo que abandonar o seu cargo.

Cirilo opúxose con toda a súa enerxía á herexía nestoriana. Nestorio, Patriarca de Constantinopla afirmaba que en Xesús Cristo non había soamente dúas naturezas, mais tamén dúas persoas; de onde concluía que María Santísima era Nai de Xesús como home e non Nai de Deus. A herexía tomou forza, incrementándose cada vez máis, e Cirilo, conforme o antigo costume da Igrexa, dirixiuse ao Papa. Celestino I convocou un sínodo en Roma, e foi condenada a herexía de Nestorio. Encargado de executar a sentenza da excomuñón, Cirilo reuniu en concilio os bispos do Exipto e enviou a Nestorio a determinación da Santa Sé, e acrecentou dous anatemas do sínodo de Alexandría. Nestorio revidou igualmente con doce antianatemas, asinados por el e polos bispos con el solidarios. Tendo a controversia chegado a este punto, os emperadores Teodosio II e Valentiniano III houberon convocar o terceiro concilio ecuménico de Éfeso, que se realizou no 431. Para este Concilio foron convidados todos os metropolitas e o Papa mandou como legados seus dous bispos e un sacerdote. Nestorio, malia ser tres veces convidado non compareceu. Dirixiu o concilio San Cirilo, onde estiveron presentes 198 bispos e foi novamente condenada a herexía, resultando Nestorio excomungado. Os nestorianos, con máis de douscentos bispos, conventos etc., propagáronse durante seis séculos; penetraron na India e na China.[2]

San Cirilo figura, pois, na historia da Igrexa como o grande e vitorioso defensor do Dogma mariano, que proclama a María Santísima Nai de Deus. Como defensor da fe católica San Cirilo figura entre os grandes Padres orientais da escola de Alexandría. Faleceu en 444.

En 1882 san Cirilo foi proclamado doutor da Igrexa polo Papa León XIII, ao mesmo tempo que o outro importante expoñente da patrística grega, san Cirilo de Xerusalén.

Escritos editar

A súa obra testemuña un coñecemento extenso da Biblia, dos escritores eclesiásticos e dos autores non cristiáns do seu tempo. Seica durante un tempo se retirou ao deserto, onde recibiu dos monxes educación ascética, segundo se deduce das catro cartas que lle escribiu Isidoro de Pelusio.

As súas numerosas obras están recompiladas nos 10 tomos da Patrologia Graeca de Migne. Aínda que non era contrario ás decisións do Primeiro Concilio de Nicea, tampouco era proclive ao uso da terminoloxía admitida nese sínodo debido a que se trataba de expresións "non contidas na Biblia" e que "pertencen máis ben á filosofía grega".[3]

Esexese escriturística:

  • Comentario ao evanxeo de San Xoán.
  • Glaphyra.
  • Sobre a adoración e o culto en espírito e en verdade.

Polémicas:

  • Contra das blasfemias de Nestorio.
  • Tesouro da Santa e Consubstancial Trindade: fronte aos arianos.


Predecesor:
Teófilo
 
Patriarca de Alexandría
 
412 - 444
Sucesor:
Dióscoro I

Festa editar

Calendario romano e luterano: 27 de xuño (Novus Ordo) e 9 de febreiro (Vetus Ordo). Calendario grego:18 de xaneiro e 9 de xuño.

Parroquias galegas editar

Titular dunha parroquia galega: San Cirilo de Recesende, en Baralla, Lugo.

Notas editar

  1. "Crônicas", 84.87-103
  2. Página Oriente Arquivado 08 de abril de 2009 en Wayback Machine. (en portugués)
  3. Moliné (1995), p. 480.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Campenhausen, Hans von (1974): Los padres de la Iglesia. T. 1: padres griegos. Madrid: Ediciones Cristiandad. ISBN 978-84-7057-155-8.
  • Deschner, Karlheinz (1992): Historia Criminal del Cristianismo. T. III: De la querella de Oriente hasta el final del periodo justiniano.Barcelona: Martínez Roca. ISBN 84-270-1561-5.
  • Loarte, José Antonio (1998). El tesoro de los padres. Madrid: Ediciones Rialp. ISBN 978-84-321-3216-2.
  • Moliné, Enrique (1995): Los Padres de la Iglesia. Una guía introductoria. Madrid: Ediciones Palabra. ISBN 84-8239-018-X-
  • Orlandis, José (2002): Historia de la Iglesia. Madrid: Ediciones Rialp. ISBN 978-84-321-3372-5.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar