Valentiniano III
Valentiniano III, nado en Rávena o 2 de xullo de 419 e finado en Roma o 16 de marzo de 455, foi un emperador romano de Occidente entre os anos 424 e 455. Foi o fillo máis vello de Constancio III e Gala Placidia, filla do emperador Teodosio. Recibiu o título de césar o 23 de outubro de 424 en Constantinopla, e tras unha curta guerra en Italia, foi instituído como emperador (Augusto) de Occidente en Roma o 23 de outubro de 425.
Valentiniano III | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 2 de xullo de 419 |
Lugar de nacemento | Rávena |
Falecemento | 16 de marzo de 455 (35 anos) |
Lugar de falecemento | Roma |
Nacionalidade | Roma Antiga |
Ocupación | monarca e político |
Pai | Constâncio III |
Nai | Gala Placidia |
Cónxuxe | Licínia Eudóxia |
Fillos | Placidia e Princesa Eudócia |
Irmáns | Justa Grata Honória |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Traxectoria editar
Tiña só seis anos de idade cando recibiu o título de Augusto, e durante a súa minoría de idade encargouse do goberno primeiro súa nai e despois, a partir de 433, Aecio. Súa nai arranxou o seu matrimonio con Eudoxia, filla de Teodosio II, emperador de Oriente. Con ela tivo dúas fillas: Eudoxia e Placidia.
O seu reinado resultou marcado polo desmembramento do Imperio de Occidente; a conquista da provincia de África polos vándalos en 439; o definitivo abandono de Britania en 446; a perda de gran parte de Hispania e Galia, nas que se estableceron os bárbaros; e o saqueo de Sicilia e das costas occidentais do Mediterráneo polas frotas de Xenserico.
En contrapartida, fronte a tantas calamidades, tamén se produciu a gran vitoria de Aecio sobre Atila en 451, cerca de Châlons na batalla dos Campos Cataláunicos, e as súas vitoriosas campañas contra os visigodos no sur de Galia (426, 429 e 436) e fronte a distintos invasores no río Rin e no río Danubio (428-431).
O peso dos impostos resultaba cada vez máis insoportábel segundo se ía debilitando o poder de Roma, e en consecuencia a lealdade das provincias que ían quedando ía a menos por momentos. Rávena foi a residencia habitual de Valentiniano, mais tivo que fuxir a Roma cando se acercou Atila, o cal, tras saquear o norte de Italia, morreu ao ano seguinte (453). Atila reclamaba que a irmá de Valentiniano -chamada Honraia- se lle entregara como esposa.
En 454, Aecio, cuxo fillo casara coa filla máis vella do emperador, foi asasinado a traizón por Valentiniano. Mais o 16 de marzo do ano seguinte, o propio emperador foi tamén asasinado por dous bárbaros clientes de Aecio. Valentiniano non só careceu da habilidade para gobernar o imperio nunha época de grave crise, senón que ademais agravou os perigos a causa do seu egotismo e o seu carácter vingativo.
As fontes orixinais que temos sobre o reinado de Valentiniano III son as Crónicas de Próspero de Aquitania, a Historia Gótica de Xordanes, escrita no século VI, e a obra do poeta Sidonio Apolinar.
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Xoán Primicerius |
Valentiniano III | Precede a: Petronio Máximo |
Teodosianos |