Éfeso[1] (grego Ephesos, latín Ephesus) foi unha das doce cidades de Xonia (hoxe en Turquía), preto da desembocadura do río Caistros, e á súa beira. Tiña un porto que se chamaba Panormos.

Éfeso
Biblioteca de Celso
Éfeso en Turquía
Éfeso
Éfeso
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísTurquía Turquía
TipoCultural
CriteriosIII, IV, Vi
Inscrición2015 (39ª Sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador1018

Etimoloxía editar

Estéfano de Bizancio menciona o mito de que se chamou Esmirna, nome collido dunha amazona. Outros nomes que se lle dan serían Samorna, Trecheia, Ortygia, e Ptelea.

Historia editar

Identificouse a Éfeso como a cidade de Apasa ou Abasa, mencionada polos hititas como a capital do reino de Arzawa. Tamén se atopou cerámica micénica.

Ferécides di que a rexión de Éfeso e Micale foi habitada polos lélexes (os carios ocupaban o resto de Xonia) e serían expulsados de alí polos xonios dirixidos por Androclo fillo de Codro, que fundou a cidade.

O rei Creso fixo a guerra aos xonios e cercou a cidade, que seguramente ambicionaba como porto de Sardes. Os cercados dedicaron as súas oracións a Ártemis e construíron un templo. A cidade foi rexida por unha monarquía.

A primeira noticia certa que se ten da cidade é unha guerra cos magnesios (os habitantes de Magnesia).

Os cimerios invadiron a Asia Menor no reinado do rei de Lidia Ardis. Subiron polo val do Caistros e chegaron a Éfeso, pero nada se sabe dos danos que lle causaron. Nestes ataques foi destruída Magnesia. Despois diso Éfeso caeu baixo dominio de Lidia e despois de Persia a finais do século VI a.C..

O -499 cando os atenienses e os eretrios xunto cos xónicos marcharon a Sardes, desembarcaron en Éfeso e deixaron os barcos en Coressos. Xente da cidade guiounos polo val do Caistros e ata os montes Tmolos. Sardes foi incendiada e retiráronse pero serían perseguidos ata Éfeso e derrotáronos nun combate naval fronte a Mileto. Os atenienses retiráronse a Micale e foron de noite a Éfeso cando se estaba celebrando a festa da Tesmoforia e os cidadáns, descoñecendo o que pasara, atacáronos pensando que eran ladróns, e matáronlles uns cantos. Por este feitos sábese que Éfeso non tiña barcos de guerra e polo tanto suponse que non participaba na revolta de Xonia a pesar de que en xeral debía de simpatizar con ela. Xerxes I incendiou algúns templos pero ao de Éfeso non lle pasou nada.

Tucídides considerábaa unha especie de cidade sagrada.

Case ao cabo da guerra do Peloponeso, o comandante ateniense Trasilo, que facía unha expedición de saqueo, desembarcou en Éfeso; o sátrapa persa Tisafernes fixo un chamamento a todo o país e puido evitar o saqueo da cidade derrotando aos atenienses.

Lisandro, a fronte da frota espartana, entrou en Éfeso o -407 co obxecto de entrevistarse con Ciro o Novo en Sardes. Mentres esperaba, o ateniense Antíoco, que estaba en Notion como comandante de Alcibíades, enfrontouse con el, pero o espartano obtivo a vitoria.

Despois de Egospotamos os efesios dedicaron unha estatua a Lisandro (e outros espartanos menos coñecidos) no templo de Ártemis. Pero despois da vitoria de Conón en Cnidos serían substituídas por estatuas de Conón e Timoteo.

Permaneceu en mans dos persas ata o tempo de Alexandre o grande, ao que acolleu como liberador.

Lisímaco construíu as murallas preto da cidade nunha nova localización máis favorábel e como os cidadáns non querían cambiar as súas localizacións para o lugar das murallas, inundou a cidade pechando as saídas da auga un día de moita chuvia, e así a vella cidade foi arrasada. Lisímaco rebautizou Arsínoe á nova cidade, polo nome da súa muller, pero este novo nome non durou. A historia explícaa Estéfano de Bizancio pero Estrabón simplemente di que a cidade desapareceu un día dunha grande tormenta que fixo medrar o río. Estéfano Bizantino baséase nun poema de Dures de Elea, do que só se sabe que viviu no século IV a.C.. A construción da nova cidade e destrución da vella foi no -322. Á nova cidade serían levados tamén cidadáns de Colofón e Lebedos.

Despois de Lisímaco (que reinou ata o -281) a cidade non tardou en caer baixo protección de Pérgamo. Un conflito enfrontou ao rei Atalo con Roma con motivo da asignación ao templo de Ártemis dos lagos chamados Selinúsia, na desembocadura do Caystrus (antes Caistros). Os publicanos romanos considerábanos suxeito do imposto e o rei insistía en que eran polo templo. Como os publicanos colleron as súas rendas, enviaron ao xeógrafo Artemidoro de Éfeso como delegado a Roma e serían recoñecidos como pertencentes ao templo e a Artemidoro erixíronlle unha estatua de ouro no templo.

Antíoco durante a súa guerra cos romanos pasou o inverno en Éfeso. A frota seléucida enfrontouse á romana e de Pérgamo en Corico (Corycus) e o almirante seléucida Polixénides foi derrotado e retirouse, e despois da batalla de Magnesia do Sipilo foi ocupada polos romanos. Lucio Cornelio Escipión distribuíu as súas tropas para pasar o inverno un terzo en Magnesia, outro en Trales e outro en Éfeso. Despois da guerra os romanos deron a cidade a Atalo de Pérgamo, así como outras cidades e comarcas.

O -133 Atalo morreu, e deixou os seus dominios a Roma, pero Aristónico, fillo do rei Eumenes II de Pérgamo e dunha muller de Éfeso, rebelouse e quixo ocupar o reino. Éfeso fíxolle fronte e derrotouno na batalla naval de Cyme. Creouse a provincia de Asia da que Éfeso foi a capital e residencia da gobernador, e tamén foi encabezamento dun convento xurídico. O distrito comprendía "Cesarientes et Augustas Cilbiani inferiores et superioras, Mysomacedones, Mastaurenses, Briullitae, Hypaepeni, Dioshieritae" (Plinio).

Cando Mitrídates invadiu Xonia foi ben recibido en Éfeso e derrubáronse as estatuas dos romanos. Mitrídates ordenou o masacre xeral dos romanos, e os efesios non respectaron aos que pediron o asilo na cidade e matáronos. Mitrídates visitou a rexión e casou con Monime, a filla de Filópomen de Estratónice de Caria, e designou a este como gobernador a Éfeso.

Pronto os efesios vanse rebelar e mataron o xeneral póntico Zenobio, o mesmo que deportara á xente de Quíos. Sila, despois de derrotar a Mitrídates, castigou a Éfeso, á que impuxo unha dura contribución.

Éfeso despois diso xa non tivo real autonomía. Era un porto dos romanos. Cicerón estivo nela o -51 cando foi á súa provincia de Cilicia. Despois de Farsalia, Metelo Escipión, que estaba en Éfeso, quixo arrebatar o diñeiro do templo, pero foi chamado por Pompeio para que se unise a el no Epiro.

Despois da derrota de Bruto e Casio en Filipos, Marco Antonio visitou Éfeso e fixo sacrificios á deusa e perdoou aos partidarios dos derrotados que se refuxiaran no templo (todos menos dous) e esixiu aos efesios o tributo de 10 anos nun só ano (Éfeso dera en dous anos os tributos de 10 anos a Bruto e Casio). Os efesios pediron perdón e explicaron que foran obrigados a dar os tributos e xa non lles quedaba nada e entón Antonio aceptou as taxas de 9 anos a pagar en dous anos.

En Éfeso, nun santuario do templo de Diana, Marco Antonio capturou aos irmáns de Cleopatra e fíxoos matar segundo Dión Casio, pero Apiano di que foi Arsínoe, a irmá de Cleopatra, e que o feito pasou no templo de Artemisia Leucofrina en Mileto, e que Arsínoe fora alí recibida como raíña polo gran sacerdote local Megabizos.

Antes de Accium a frota de Marco Antonio e Cleopatra estaba en Éfeso, onde chegou coa raíña. Despois da batalla (-31) Éfeso, por suxestión de Octavio Augusto, dedicou estatuas a Xulio César .

A cidade baixo o Imperio editar

Durante o imperio a cidade prosperou. Cando a visitou Estrabón era moi rica e facíase todo tipo de comercio, e toda a rexión ata Capadocia estaba chea de camiños (vías) que facilitaban o intercambio comercial. Di que había un senado dirixido polos epilectos que gobernaba a cidade, senado que fora instituído por Lisímaco. A cidade tiña un grammateus, funcionario común a todas as cidades gregas, e un arconte coidábase do rexistro de títulos.

Tiberio quixo eliminar o dereito de asilo do templo, ao que os efesios se opuxeron dicindo que fora aceptado por persas, macedonios e romanos ata entón; o asilo utilizábase normalmente por delincuentes. O porto arranxouse en tempo de Nerón, por obra da gobernador de Asia, Barea Soranus.

O -262 a cidade e o templo serían asolados polos godos. O templo quedou destruído e xa non se reconstruíu. Desde entón perdeu importancia.

Paulo e os efesios editar

Paulo visitou Éfeso. Unha igrexa cristiá estableceuse pronto na cidade. A carta de Paulo aos efesios forma parte do novo testamento. O 22 de xuño do 341 celebrouse na cidade o III Concilio xeral de Éfeso convocado pola Papa Celestino I e impulsado por Cirilo de Alexandría para combater o nestorianismo.

Os últimos séculos editar

A cidade sufriu ataques musulmáns nos séculos VII, VIII e IX. No século XI serían os turcos selxúcidas. Acabou desaparecendo no século XIII ou coa chegada de Tamerlán (1400). Tamerlán acampou alí e menciónaa como Ayazlic.

As ruínas de Éfeso editar

 
Odeón de Éfeso
 
Nice

As ruínas de Éfeso son das importantes do mundo. É preciso mencionar entre as cousas que se conservan parcialmente:

  • O templo de Ártemis, unha das sete marabillas do mundo antigo, con 120 columnas de 20 metros de altura (das que só fica unha).
  • O anfiteatro, con capacidade para 50.000 persoas, e que acollía tamén espectáculos de circo.
  • Odeum (Odeón).
  • O Templo de Diana.
  • O estadio.
  • Templo corintio.
  • Canteiras de Prión.
  • A biblioteca de Celso, un cidadán romano que a construíu en memoria do seu pai.
  • A caseta de María, onde a lenda di que viviu e morreu a virxe María (é do século VII)
  • A igrexa de San Xoán, do século VI, lugar onde supostamente san Xoán escribiu o seu evanxeo.

O culto de Ártemis editar

 
Plano da antiga Éfeso

Os xónicos xa atoparon establecido o culto a Ártemis cando chegaron ao país (ou a unha deidade con moitos peitos á que deron este nome). En tempo de Creso xa existía o templo. O heraion era máis grande que o de Samos, construído por Teodoro e Rocos. O arquitecto de Éfeso é mencionado por Estrabón co nome de Cersifrón e despois foi ampliado por outro. A estatua da deusa era de ouro. Nas inmediacións do templo estaba a rúa chamada Selinos. Xenofonte estaba en Éfeso cando se uniu a Axesilao na súa marcha de Asia a Beocia e fixo alí ofrendas dos dez mil. O culto foi levado polos foceos a Masalia e esta ás súas factorías. O templo foi destruído (incendiado) por Herostrato, segundo se di, a noite que naceu Alexandre o grande, co único propósito de ser famoso, pero foi reconstruído por un arquitecto cuxo nome era probablemente sería Dinócrates (esta pasaxe de Estrabón é de difícil lectura). Alexandre cando entrou na cidade, ofreceuse a pagar todos os gastos de reconstrución, pero a cidade non o aceptou e limitouse a poñerlle o nome do conquistador ao templo. A reconstrución durou 220 anos a pesar de que a xente de Éfeso colaborou ao máximo. Foi construído nun terreo pantanoso para protexelo dos terremotos e durou ata a incursión dos godos do 262.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar