Quíos
Quíos (grego: Χίος, turco: Sakız Adası traducións alternativas Quío, Khios, Chiou, Chíos ou Híos) é a quinta illa grega máis grande, situada no mar Exeo está separada polo estreito de Cesme a sete quilómetros da costa de Anatolia en Turquía. Quíos é famosa polas súas exportacións de goma de masilla, as olivas, os figos e o viño. O seu alcume é A illa da masilla. É un coñecido punto turístico pola súa historia, paisaxes e bo clima. As atraccións turísticas inclúen os seus pobos medievais e o mosteiro de Nea Moni do século XI, Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Grecia | ||||
Administracións descentralizadas | administración descentralizada do Exeo | ||||
Periferias | Exeo Setentrional | ||||
Unidades periféricas | Chios Regional Unit (en) | ||||
Concello | Chios Municipality (en) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 51.930 (2011) (61,64 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 842,5 km² | ||||
Bañado por | Mar Exeo | ||||
Altitude | 1.297 m | ||||
Punto máis alto | Profitis Ilias (en) (1.297 m) | ||||
Datos históricos | |||||
Evento clave
| |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 82x xx | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | chios.gr |
Administrativamente, a illa forma un municipio independente dentro da unidade rexional de Quíos, que forma parte da periferia do Exeo Setentrional. A cidade principal da illa e sede do concello é a cidade de Quíos.[1] Os residentes locais refírense á cidade de Quíos como "Chora" ("Χώρα" significa literalmente, terra ou país, pero polo xeral refírese á capital ou asentamento no punto máis alto dunha illa grega).
Ten unha superficie de 910 km², incluíndo illotes, con 51.930 habitantes (2011).
Xeografía
editarA illa de Quíos ten forma de media lúa ou de ril, 50 km de longo de norte a sur e 29 km no seu punto máis ancho, ten unha superficie de 842 km². O terreo é montañoso e árido, cunha cadea de montañas que percorren a lonxitude da illa. As dúas montañas máis grandes son "Pelineon" (1297 m) e "Epopeia" (1188 m), están situadas no norte da illa. O centro da illa está dividida entre o leste e o oeste por unha serie de picos máis pequenos, coñecidos como "Provatas".
Rexións
editarQuíos divédese en cinco rexións:
Costa leste
editarA medio camiño pola costa leste atópanse os principais centros de poboación, a cidade principal de Quíos, e as rexións de Vrontados e Kambos. Quíos, cunha poboación de 32.400 habitantes, está construída ao redor do porto principal da illa e do castelo medieval. O castelo actual, cun perímetro de 1400 m, foi construído basicamente durante a época de dominación veneciana e otomá, aínda que se atoparon restos de asentamentos datados no 2000 aC. A cidade foi substancialmente danada por un terremoto en 1881, e só conserva en parte o seu carácter orixinal.
Ao norte de Quíos atópase o gran barrio de Vrontados (poboación 4.500), que afirma ser o lugar de nacemento de Homero.[2] O barrio atópase no municipio Omiroupoli, e a súa conexión co poeta básase no sitio arqueolóxico coñecido tradicionalmente como "a rocha do profesor".[3]
Rexión Sur (Mastichochoria)
editarNo sur da illa atópase Mastichochoria,[4] literalmente: Vilas Mastic, as sete vilas de Mesta (Μεστά), Pyrgi (Πυργί), Olympi (Ολύμποι), Kalamoti (Καλαμωτń), Vessa (Βέσσα), Lithi (Λιθί) e Elata (Ελάτα), que en conxunto controlan a produción de resina vexetal da zona desde a época romana. As vilas, construídas entre os séculos XIV e XVI, teñen unha estrutura coidadosamente deseñada con portas fortificadas e rúas estreitas para protexer contra as frecuentes incursións dos piratas.[Cómpre referencia] Entre Quíos e Mastichochoria atópanse un gran número de vilas históricas, incluíndo Armolia (Αρμόλια), Myrmighi (Μυρμήγκι), e Kalimassia (Καλλιμασιά).[Cómpre referencia] ao longo da costa leste están as vilas pesqueiras de Kataraktis (Καταρράκτης) e a ao sur Nenita (Νένητα).
Interior
editarDirectamente no centro da illa, entre as localidades de Avgonyma ao oeste e Karyes cara ao leste, atópase o mosteiro do século XI de Nea Moni, Patrimonio da Humanidade da UNESCO. O mosteiro foi construído con fondos dados polo emperador bizantino Constantino IX, logo de que tres monxes, que vivían en covas próximas, solicitáranllo mentres se atopaba no exilio na illa de Mitilene. O mosteiro tiña grandes leiras adxuntas, cunha próspera comunidade ata a matanza de 1822. Resultou aínda máis danado durante o terremoto de 1881.[5] En 1952, debido á escaseza de monxes, Nea Moni converteuse nun convento.
Xeoloxía
editarA bacía Quíos é unha sub-unidade hidrográfica do mar Exeo adxacente á illa de Quíos.[6]
Clima
editarO clima da illa é cálido e moderado, categorizado como tépedo, Mediterráneo (CSA), cunha variación modesta debido ao efecto estabilizador do mar circundante. As temperaturas medias varían normalmente dunhas máximas en verán de 27 °C a unha mínima no inverno de 11 °C en xaneiro, aínda que se poden atopar temperaturas de máis de 40° ou por baixo de cero.
A illa experimenta normalmente brisas constantes (media de 3–5 m/s) durante todo o ano, con ventos predominantes de dirección norte ("Etesian" vento chamado localmente "Meltemi"), ou do sueste (Sirocco).
Datos climáticos para Chios, Greece | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
Media máxima en °C | 11 | 11 | 13 | 17 | 22 | 26 | 28 | 28 | 25 | 20 | 16 | 13 | 19,2 |
Media mínima en °C | 5 | 5 | 6 | 9 | 13 | 17 | 19 | 19 | 16 | 12 | 9 | 6 | 11,3 |
Precipitación media mm | 100 | 78 | 61 | 44 | 24 | 4 | 1 | 0 | 8 | 23 | 55 | 122 | 520 |
Fonte: www.weather-to-travel.com[7] |
Historia
editarEtimoloxía
editarCoñecido como "Ophioussa" (Οφιούσσα, "illa da serpe") e "Pityoussa" (Πιτυούσσα, "illa dos piñeiros") na antigüidade, no final da Idade Media a illa foi gobernada por varias potencias non-gregas e foi coñecida como Scio (xenovés), Chio (italiano) e Sakız (صاقيز — turco otomán). A capital durante ese tempo foi "Kastron" (Κάστρον, "castelo").
Prehistoria
editarA investigación arqueolóxica en Quíos atopou evidencias de ocupación que se remonta polo menos á éra neolítica. Os sitios primarios da investigación deste período foron casas covas en Hagio(n) Galas, no norte, e un asentamento e unha necrópole na actual Emporeio no extremo sur da illa. Os estudosos carecen de información sobre este período. Polo que de momento non estableceron ben o tamaño e a duración destes asentamentos.
O Escola Británica de Atenas baixo a dirección de Sinclair Hood escavou o sitio de Emporeio en 1952-1955, a maior parte da información actual provén destas escavacións.[8] O Servizo de Arqueoloxía grega tamén estivo escavando periodicamente en Quíos desde 1970, aínda que gran parte do seu labor na illa permanece inédito.
A notable uniformidade no tamaño das casas en Emporeio leva a algúns investigadores a crer que non existía distinción social durante a era neolítica na illa. Aparentemente todos os habitantes se beneficiaron da explotación agropecuaria.[9]
Tamén é amplamente sostido polos estudosos que a illa non foi ocupada polos seres humanos durante a Idade de Bronce Medio (2300-1600), aínda que os investigadores suxeriron recentemente que a falta de probas deste período só se pode demostrar pola falta de escavacións en Quíos e o norte do Exeo.[10]
No século XI aC a illa foi gobernada por unha monarquía, e a posterior transición á aristocrática (ou posiblemente á tiranía) ocorreu nalgún momento durante os seguintes catro séculos. Futuras escavacións poden revelar máis información sobre este período.[11] A presenza no século IX de eubeos e Chipriotas na illa está testemuñada pola cerámica, mentres que a presenza Fenicia se observa en Erythrae, o competidor tradicional de Quíos no continente.[12]
Períodos arcaico e clásico
editarFerécides, orixinario do Exeo, escribiu que a illa foi ocupada pola Léleges,[13] gregos aborixes que foron sometidos aos minoicos de Creta,[14] finalmente foron expulsados pola invasión xónia.
Quíos foi un dos primeiros doce Estados membros da Liga Xónia. Como resultado, Quíos, a finais do século VII aC,[15] foi unha das primeiras cidades en acuñar moedas, establecendo a esfinxe como o seu símbolo. Mantivo esta tradición case 900 anos.
No século VI aC, o goberno de Quíos adoptou unha constitución similar á desenvolvida por Solón en Atenas[16] e posteriormente desenvolveu elementos democráticos cunha asemblea por votación e maxistrados populares chamados damarchoi.[17]
No 546 aC, Quíos foi sometido ao Imperio Persa. Quíos uniuse á revolta xónia contra os persas no ano 499 antes de Cristo. O poder naval de Quíos durante este período demóstrase polo feito de que os Quíans tiñan a frota máis grande (100 barcos) de todos os xónios na batalla de Lade no 494 antes de Cristo. En Lade, a frota de Quíos continuou loitando tenazmente coa frota persa, incluso logo da deserción de Samos e outros, pero os Quíans foron finalmente obrigados a retirarse e someterse de novo á dominación persa.[18]
A derrota de Persia na Batalla de Mícala no 479 antes de Cristo significou a liberación de Quíos da dominación persa. Cando os atenienses forman a Liga de Delos, Quíos uniuse como un dos poucos membros que non tiñan que pagar tributo, pero que fornecía as naves da alianza.[19]
Entre os séculos V e IV antes de Cristo, a illa chegou a unha poboación estimada de máis de 120.000 habitantes (de dúas a tres veces a poboación estimada en 2005), baseándose nas enormes necrópoles da cidade principal de Quíos. Crese que a maioría da poboación vivía nesa zona.[20]
No 412 aC, durante a Guerra do Peloponeso, Quíos rebelouse contra Atenas, e os atenienses sitiárona. O alivio chegou ao ano seguinte cando os espartanos foron capaces de levantar o sitio. No século IV antes de Cristo, Quíos era membro da Segunda liga ateniense, pero se rebelou contra Atenas durante a Guerra Social, 357-355 aC, e Quíos converteuse en independente outra vez ata o xurdimento de Macedonia.
Período helenístico
editarTeopompo volveu a Quíos cos outros exiliados no ano 333 aC logo de que Alexandre invadise Asia Menor e decretase o seu regreso,[21] así como o exilio ou o xuízo dos partidarios persas na illa. Teopompo exiliouse de novo nalgún momento logo da morte de Alexandre e refuxiouse en Exipto.[22]
Durante este período, a illa tamén se converteu no maior exportador de viño grego, que se caracteriza por ser de calidade relativamente alta (ver "viño Chian"). Ánforas de Chian, cun característico emblema da esfinxe e acios de uvas, atopáronse en case todos os países cos que os antigos gregos comerciaron. Estes países inclúen Galia, Alto Exipto e o sur de Rusia.[23]
Período romano
editarDurante a Terceira Guerra Macedónica, trinta e cinco barcos aliados a Roma, levaron ao redor de 1.000 soldados das tropas de Galacia, así como un gran número de cabalos, que foron enviados por Eumenes II ao seu irmán Atalo II.
Saíndo desde Elaea, dirixíronse ao porto de Phanae, con intención de desembarcar alí e ir a Macedonia. Con todo, o comandante naval de Perseo, Antenor interceptou a frota entre Erythrae (na costa occidental de Turquía) e Quíos.
De acordo con Livio,[24] foron completamente collidos por sorpresa por Antenor. A primeira vista os oficiais de Eumenes pensaron que a frota interceptora eran romanos amigábeis, pero se dispersaron ao decatarse de que se enfrontaban a un ataque do seu inimigo macedonio, algúns abandonaron os barcos e nadaron a Erythrae. Outros, embarrancaron as súas naves en terra en Quíos e fuxiron cara á cidade.
Os Quians pecharon as súas portas, sorprendidos polo desastre. E os macedonios, que atracaran preto da cidade, cortaron o paso ao resto da frota ás portas da cidade, e no camiño que conduce á cidade. Dos 1.000 homes, 800 foron asasinados e 200 feitos prisioneiros
Logo da conquista romana, Quíos converteuse en parte da provincia de Asia.
Plinio comenta o uso dos insulares de gran cantidade de mármore nos seus edificios e o seu recoñecemento por tales pedras por encima dos murais ou outras formas de decoración artificial.[25]
De acordo cos Feitos dos Apóstolos, Lucas o Evanxelista, Paulo Apóstolo e os seus compañeiros pasaron por Quíos durante a terceira viaxe misioneira de Paulo, na pasaxe de Lesbos a Samos.[Cómpre referencia]
Período bizantino
editarLogo da división do Imperio Romano no ano 395 dC, Quíos foi durante seis séculos parte do Imperio bizantino. Isto chegou ao seu fin cando brevemente reinou na illa (1090-1097) Tzacas, un bey turco da rexión de Esmirna durante a primeira expansión dos turcos á costa do mar Exeo.[26] Con todo, os turcos foron rexeitados da costa do mar Exeo polos bizantinos axudados pola Primeira Cruzada, e a illa foi devolta ao dominio bizantino polo almirante Constantino Dalaseno.
Esta estabilidade relativa terminou co saqueo de Constantinopla pola Cuarta Cruzada (1204) e durante a crise do século XIII a propiedade da illa viuse constantemente afectada polas loitas de poder rexionais. Logo da cuarta cruzada, o imperio bizantino foi dividido polos emperadores latinos de Constantinopla, Quíos converteuse nominalmente nunha posesión da República de Venecia. Con todo, as derrotas do imperio latino resultaron na volta da illa ao dominio bizantino en 1225.
Período xenovés (1304-1566)
editar- Véxase tamén: Señorío de Quíos e Maona di Chio e di Focea.
Os gobernantes bizantinos tiñan pouca influencia e a través do Tratado de Ninfeo, a autoridade foi cedida á República de Xénova (1261).[27] A partir deste momento a illa foi atacada con frecuencia polos piratas, e por 1302-03 era un obxectivo para as renovadas frotas turcas. Para evitar a expansión turca, a illa foi reconquistada e mantívose como unha concesión renovable, a instancias do emperador bizantino Andrónico II Paleólogo, polo xenovés Benedetto I Zaccaria (1304), almirante de Felipe de Francia. Zaccaria instalouse como gobernador da illa, e fundou o efémero Señorío de Quíos. O seu goberno foi benigno e o control efectivo permaneceu en mans dos propietarios locais gregos das terras. Benedetto Zacharia foi seguido polo seu fillo Paleólogo e logo o seu neto e sobriño Benedetto II e Martino. Trataron de acercar a illa cara ás potencias Latina e papais, lonxe da influencia bizantina predominante. Os locais, leais ao Imperio bizantino, e malia un exército permanente duns mil soldados de infantaría, cen soldados de cabalaría e dúas galeras, expulsaron á familia Zacharia da illa (1329) e disolveuse o feudo.[28]
A administración local foi breve. En 1346, creouse en Xénova unha empresa ou Maona (a "Maona di Chio e di Focea") para reconquistar e explotar Quíos e a veciña cidade de Phocaea en Asia Menor. Malia que os insulares rexeitaron con firmeza unha oferta inicial de protección, a illa foi invadida por unha frota xenovesa, dirixida por Simone Vignoso, e o castelo sitiado. Unha vez máis, o dominio cambiou con toda tranquilidade, e o 12 de setembro o castelo foi entregado e asinouse un tratado sen ningunha perda de privilexios aos propietarios locais, a condición de que a nova autoridade fose aceptada.
Os xenovese, máis interesados nas súas ganancias que na conquista, controlaron os postos comerciais e almacéns, en particular o comercio da almáciga, alume, sal e brea. Outros comercios tales como gran, viño, aceite e teas e a maioría das profesións facíanse de xeito conxunto cos locais. Logo dun errado levantamento en 1347, e sendo fortemente superados en número (menos do 10% da poboación en 1395), os latinos mantiveron o control sobre a poboación local, que quedou en gran medida na vila e permitindo a plena liberdade relixiosa. Deste xeito, a illa permaneceu baixo o control xenovés durante dous séculos. Cando en 1566, Xénova perdeu Quíos co Imperio Otomán, había 12.000 gregos e 2.500 xenoveses (o 17% da poboación total) na illa.[29]
Época otomá
editarDurante o dominio otomán, o goberno e os impostos sobre a recolección quedaron de novo en mans dos gregos e a guarnición turca era pequena e pouco visible.[30]
Ademais da influencia latina e turca, os documentos rexistran unha pequena poboación xudía no 1.049 dC.[31] No grego orixinal (romaniota) Xudeus, crese que foron traídos polos romanos, e posteriormente incorporáronse Xudeus sefardís ben recibidos polos otománs durante as expulsións de España do século XV.
O alicerce da famosa riqueza da illa foi o cultivo de masilla. Quíos era capaz de facer unha contribución substancial ao tesouro imperial, mentres que ao mesmo tempo mantense soamente un nivel de imposición lixeiro. O goberno otomán considerábaa como unha das provincias máis valiosas do Imperio.[32]
Período moderno
editarCando estalou a Guerra de independencia grega, os líderes da illa eran remisos a unirse aos revolucionarios, por temor á perda da súa seguridade e prosperidade. Con todo, en marzo de 1822, varios centos de gregos armados da veciña illa de Samos desembarcaron en Quíos. Proclamaron a Revolución e lanzaron ataques contra os turcos, ata o punto no que os illáns decidiron unirse á loita.
Os otománs desembarcaron unha gran forza na illa, para sufocar a rebelión, na matanza de Quíos os otománs expulsaron, asasinaron (morreron uns 100.000 dos seus habitantes) ou escravizaron os habitantes da illa.[33] Arrasaron vilas enteiras, e as zonas de Mastichochoria, nas aldeas onde crece a Mástique no sur da illa. Desencadeouse unha reacción negativa do público en Europa Occidental, segundo o retratado por Eugène Delacroix, e o escrito por Lord Byron e Victor Hugo.
En 1881, un terremoto, que se estima que 6´5 na Escala sismolóxica de magnitude de momento, danou unha gran parte dos edificios da illa e resultou nunha gran perda de vidas. Os informes da época falaban de 5.500 a 10.000 mortes.[34]
Mentres tanto, Quíos durante este tempo xorde como a patria da industria naviera grega moderna. A título indicativo, en 1764, Quíos tiña 6 buques con 90 mariñeiros, en 1875 había 104 barcos con máis de 60.000 toneladas de rexistro, en 1889 rexistrábanse 440 veleiros de diversos tipos con 3.050 mariñeiros. O desenvolvemento dinámico das consignatarias en Quíos no século XIX testemúñase ademais polos diversos servizos relacionados co transporte marítimo ofertados na illa durante este tempo, tales como a creación de compañías de seguro de transporte Chiaki Thalssoploia (Χιακή Θαλασσοπλοϊα), Dyo Adelfai (Δυο Αδελφαί), Omonoia (Ομονοια), o banco navieiro Archangelos (Αρχάγγελος) (1863). O auxe da navegación en Quíos levou a cabo con éxito a transición dos buques de vela a vapor. Para este fin, os propietarios de buques de Quíos foron apoiados polos potentes comerciantes de Quíos na diáspora, que desenvolveran conexións cos centros de financiamento da época (Istambul, Londres), estableceran en Londres delegacións navieiras, e crearan academias de nautica en Quíos xunto coa experiencia dos mariñeiros da illa.[35]
Quíos reincorporouse ao resto da Grecia independente logo da Primeira Guerra Balcánica (1912). A armada grega liberou Quíos en novembro de 1912 nunha breve pero dura operación anfibia. O Imperio Otomán recoñeceu a anexión de Quíos e as outras illas do Exeo a Grecia polo Tratado de Londres (1913).
Malia que Grecia era neutral a illa foi ocupada polos británicos durante a primeira guerra mundial. Desembarcaron o 17 de febreiro de 1916. Isto foi debido á proximidade da illa ao Imperio Otomán e a cidade de Esmirna, en particular.[36]
Viuse afectada polos intercambios de poboación logo da Guerra Greco-turca de 1919-1922, os refuxiados gregos entrantes establecéronse en Kastro (anteriormente turco) e nos novos asentamentos que se apuraron a construír ao sur de Quíos.
A illa viu algo de violencia local durante a guerra civil grega con axustes de contas entre veciños. Isto terminou definitivamente cando os combatentes comunistas foron atrapados e mortos nas hortas de Kambos e os seus corpos conducidos a través da cidade principal na parte traseira dun camión. En marzo de 1948, a illa foi utilizada como campo de concentración para as mulleres dos detidos políticos (comunistas ou familiares de guerrilleiros) e os seus fillos, que foron aloxados en barracóns militares preto da cidade de Quíos. Ata 1300 mulleres e 50 nenos foron aloxados en condicións de hacinamento degradantes, ata marzo de 1949, cando o campo foi pechado e os habitantes se trasladaron a Trikeri.[37]
A produción de Mástique foi ameazada polo incendio forestal de Quíos de 2012 que se estendeu pola metade sur da illa en agosto de 2012 e destruíu algunhas arboledas de Mástique.
Notas
editar- ↑ Kallikratis law Arquivado 12 de xuño de 2018 en Wayback Machine. Greece Ministry of Interior (en grego)
- ↑ John Boardman; C. E. Vaphopoulou-Richardson (1986). Chios: a conference at the Homereion in Chios, 1984. Clarendon Press. p. v. ISBN 9780198148647. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2017. Consultado o 30 de xullo de 2014.
- ↑ Δασκαλóπετρα
- ↑ Μαστιχοχώρια
- ↑ 1881 Earthquake
- ↑ C.Michael Hogan. 2011. Aegean Sea. Eds. P.Saundry & C.J.Cleveland. Encyclopedia of Earth. National Council for Science and the Environment. Washington DC
- ↑ "Chios". xullo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2018. Consultado o 6 de febreiro de 2009.
- ↑ Boardman, John Excavations in Chios, 1952–1955: Greek Emporio (London : British School of Archaeology at Athens; Thames and Hudson, 1967), cf. also Hood, Sinclair Excavations in Chios, 1938–1955: prehistoric Emporio and Ayio Gala (London : British School of Archaeology at Athens: Thames and Hudson, 1981–) ISBN 0-500-96017-8
- ↑ Merouses, Nikos Chios. Physiko periballon & katoikese apo te neolithike epoche mechri to telos tes archaiothtas. (Chios. Natural Environment & Habitation from the Neolithic Age to the end of Antiquity) pg. 80. Papyros, 2002
- ↑ Merouses 2002 ch. 4
- ↑ Merouses 2002 ch. 5, sect. 1
- ↑ I.S. Lemos, The Protogeometric Aegean 2002:240, and Euboean ceramics in the Archeological Museum, noted by Robin Lane Fox, Travelling Heroes in the Epic Age of Homer, 2008:60 note 59.
- ↑ Strabo 14.1.3
- ↑ Herodotus 1.171
- ↑ Agelarakis A., "Analyses of Cremated Human Skeletal Remains Dating to the Seventh Century BC, Chios, Greece". Horos: Ena Archaeognostiko Periodiko 4 (1986): 145–153.
- ↑ Murray, Oswyn (1993). Early Greece (2nd ed.). London: Fontana. p. 188. ISBN 0006862497.
- ↑ Grant, Michael (1989). The Classical Greeks. Guild Publishing London. p.149
- ↑ Herodotus, The Histories IV.15
- ↑ Thucydides, Peloponnesian War 3.10.
- ↑ Merouses 2002 ch. 5, sect. 3
- ↑ A translation of the decree can be viewed online
- ↑ Anthon, Charles A Manual of Greek Literature, p.251, 1853
- ↑ Hugh Johnson, Vintage: The Story of Wine pg 41. Simon and Schuster 1989
- ↑ Livy, 44.28
- ↑ "Pliny the Elder, The Natural History, BOOK XXXVI. THE NATURAL HISTORY OF STONES., CHAP. 5. (6.)—AT WHAT PERIOD MARBLE WAS FIRST USED IN BUILDINGS". Perseus.tufts.edu. Consultado o 2013-03-26.
- ↑ Brownworth, Lars (2009) Lost to the West: The Forgotten Byzantine Empire That Rescued Western Civilization, Crown Publishers, ISBN 978-0-307-40795-5: "...the Muslims captured Ephesus in 1090 and spread out to the Greek islands. Chios, Rhodes, and Lesbos fell in quick succession." p. 233.
- ↑ William Miller, "The Zaccaria of Phocaea and Chios. (1275–1329.)" The Journal of Hellenic Studies, Vol. 31, 1911 (1911), pp. 42–55; doi 10.2307/624735.
- ↑ Arbel, Benjamin, Bernard Hamilton, and David Jacob. Latins and Greeks in the Eastern Mediterranean After 1204. ISBN 0-7146-3372-0.
- ↑ "Chios History". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2011. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ William St. Clair, That Greece Might Still Be Free, The Philhellenes in the War of Independence, Oxford University Press, London, 1972, p.79. ISBN 0-19-215194-0.
- ↑ "The Sephardic Community of Chios". Sephardicstudies.org. Consultado o 22 de marzo de 2009.
- ↑ William St. Clair, p. 79
- ↑ Hellenic Genocide Events Arquivado 04 de agosto de 2008 en Wayback Machine. retrieved 19 de maio de 2008
- ↑ Y. Altinok; B. Alpar B; N. Özer; C. Gazioglu (2005). "1881 and 1949 earthquakes at the Chios-Cesme Strait (Aegean Sea) and their relation to tsunamis" (PDF). Natural Hazards and Earth System Sciences 5: 717–725. doi:10.5194/nhess-5-717-2005. Consultado o 31 de xullo de 2010.
- ↑ Μιχαηλίδης, Σταύρος Γ. (2014). Σταύρος Γ. Λιβανός. Η Χιώτικη Ναυτιλιακή παραδοση στην κορυφή της παγκόσμιας ναυτιλίας. Χίος.
- ↑ "First World War.com - On This Day - 17 February 1916". www.firstworldwar.com. Consultado o 2016-02-17.
- ↑ Becoming a Subject: Political Prisoners During the Greek Civil War: Polymeris Voglis, Published 2002Berghahn Books ISBN 1-57181-308-X
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Quíos |
- Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Sitio arqueolóxico de Emporio de Quíos (en inglés). Arquivado 09 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine.
- Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Sitio arqueolóxico de Kambo de Quíos (en inglés). Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.