Moeda da Antiga Grecia
A moeda da Antiga Grecia pódese dividir para o seu tratamento (do mesmo xeito que a maioría das restantes formas de arte gregas) en catro períodos históricos: o arcaico, o clásico, o helenístico e o romano. O período arcaico esténdese desde a aparición da moeda no mundo grego durante século VII a. de C. ata as Guerras Médicas, arredor de 480 a. de C. Nese momento comeza o período clásico, que dura ata as conquistas de Alexandre o Grande cara a 330 a. de C., data que marca o comezo do período helenístico, que perdura ata a absorción romana do mundo grego no século I a.de C.[1]
As cidades gregas continuaron a producir as súas moedas propias durante varios séculos baixo a dominación romana. Estas moedas coñécense habitualmente como "moedas provinciais romanas" ou, máis concretamente "moedas imperiais gregas".[4]
Padróns de peso e denominacións
editarOs tres padróns máis importantes do sistema monetario da Antiga Grecia eran o padrón ático, baseado no dracma ateniense de 4,3 gramos de prata; o corintio, baseado no estatero de 8,6 gramos de prata (subdividido en tres dracmas de 2,9 gramos); e o exineta, baseado nun dracma de 6,1 gramos e no seu múltiplo, o didracma (ou estatero) de 12,2 gramos.[5]
A palabra "dracma" significa na súa orixe "un feixe" ou "unha manchea".[6] Esta moeda foi dividida en seis óbolos, que en grego era a palabra equivalente á galega "espeto".[7] Na súa orixe, xa que logo, seis espetos collidos facían un feixe ou, o que é o mesmo, seis óbolos facían un dracma. Isto suxire que antes de que se empezase a utilizar o diñeiro en Grecia se utilizaban estes espetos ou variñas en tempos prehistóricos como medida de valor nas transaccións diarias.[8]
Posteriormente, o óbolo foi dividido en tetartemoria (en singular tetartemorion), que equivalían á súa cuarta parte ou a 1/24 dun dracma. Esta moeda (da que se coñece a súa cuñaxe en Atenas, Colofón e outras moitas cidades) é mencionada por Aristóteles como a moeda de prata máis pequena. Desta nova moeda emitíronse logo diversos múltiplos e tamén un divisor, o minúsculo hemitartemorion, de soamente 0,09 gramos de peso.
Múltiplos e divisores do dracma de prata | |||
---|---|---|---|
Imaxe | Denominación | Valor | Peso |
Decadracma[9] | 10 dracmas | 43 g | |
Tetradracma[10] | 4 dracmas | 17,2 g | |
Didracma[11] | 2 dracmas | 8,6 g | |
Dracma | 6 óbolos | 4,3 g | |
Tetróbolo[12] | 4 óbolos | 2,85 g | |
Trióbolo[13] (hemidracma)[14] | 3 óbolos | 2,15 g | |
Dióbolo[15] | 2 óbolos | 1,43 g | |
Óbolo[16] | 4 tetartemorion | 0,72 g | |
Tritartemorion[17] | 3 tetartemorion | 0,54 g | |
Hemióbolo[18] | 2 tetartemorion | 0,36 g | |
Trihemitartemorion[19] | 1.5 tetartemorion | 0,27 g | |
Tetartemorion[20] | 1/4 óbolo | 0,18 g | |
Hemitartemorion[21] | ½ tetartemorio | 0,09 g |
Historia
editarPeríodo arcaico
editarAs primeiras moedas coñecidas emitíronse en Lidia ou en Xonia, na Asia Menor, algo antes do ano 600 a. de C., probablemente polos lidios non gregos, para o seu propio uso, ou quizais debido a que os mercenarios gregos querían recibir os seus pagamentos en metais preciosos ao acabaren os seus servizos e cumpría un método de autenticación do seu valor. Estas moedas estaban feitas de electro, unha aliaxe de ouro e prata que era moi apreciada e moi abundante nese rexión.
Cara á metade do século VI a. de C., os avances tecnolóxicos simplificaron o proceso de produción de moedas de ouro e de prata puros e, consecuentemente, o rei Creso introduciu un dobre padrón no que se basearon as emisións das posteriores series de moedas en ambos os metais, que supuxeron un gran cambio no circulante existente no mercado.[22]
Os primeiros estateros de ouro e de prata levan nos anversos as cabezas dun touro e dun león afrontadas, e nos reversos dous cadrados incusos acaroados.[23] A denominación que reciben habitualmente é o de "creseidas", derivado do do rei Creso. A expresión "estatero creseida" foi utilizada por Plutarco e por Pólux.[24][25] As creseidas de ouro e de prata tiñan o mesmo peso (10,89 g) e amosaban unha tipoloxía común; dividíanse en hectés de ouro (a sexta parte) e en hemihectés de prata (a doceava parte). Con todo, estas creseidas iniciais foron substituídas por unhas máis lixeiras, probablemente para simplificar o cambio, cun peso de 8,7 g, de maneira que o valor dunha creseida de ouro equivalía ao de 20 de prata.[26][27][28]
Baixo o reinado de Darío I o Grande, pouco antes do 500 a. de C., estas moedas foron substituídas polos dáricos de ouro e os siclos de prata, que apareceron seguindo o mesmo padrón que o das creseidas lixeiras.[29][30] Os seus anversos amosaban sempre unha representación do rei e os reversos un cadrado incuso.[31]
O mundo grego foi dividido en máis de dúas mil cidades-Estado dotadas de autogoberno (en grego, póleis), das que máis da metade emitiron as súas propias emisións monetarias. Algunhas destas moedas chegaron a circular amplamente alén das súas cidades de orixe; o primeiro caso coñecido é o do estatero de prata ou didracma de Exina, que aparece adoito en achados en Exipto e no Levante mediterráneo, lugares que tiñan dificultades para o abastecemento de prata.[32] Dado o éxito e a amplitude do ámbito de circulación destas moedas, outras cidades comezaron a cuñar moedas baseadas nese estándar de peso exineta (6,1 gramos por dracma), aínda que dotadas dos seus propios símbolos e motivos.
As primeiras moedas atenienses aparecen á fin do século VI a. de C. Estas moedas emitíronse baixo o padrón ático dun dracma de 4,3 gramos de prata e, co tempo, a abondosa subministración de prata de Atenas procedente das minas de Lavrio e o seu crecente dominio no comercio fixeron que este se convertese no estándar preeminente.[33] Estas moedas, coñecidas como "mouchos" polo deseño do seu deseño central, eran moi apreciadas pola exactitude de peso e de pureza da prata, o que contribuíu ao seu éxito como premeira moeda de comercio da súa época.[34] Os tetradracmas emitidos neste padrón de peso chegaron a ser moedas moi amplamente utilizadas en todo o período clásico. Nos tempos de Alexandre o Grande e os seus sucesores helenísticos, os Diádocos, adoptouse esta denominación como a habitual para facer pagamentos grandes e para acumulacións de riqueza.
Período clásico
editarNo período Clásico, as moedas gregas alcanzaron un alto nivel de calidade técnica e estética.[35] As cidades meirandes producían series de moedas moi coidadas de prata e de ouro que amosaban, na maioría dos casos, o retrato dunha divindade ou dun heroe lendario nunha face e un símbolo da cidade na outra.[36] O uso de lendas ou inscrición nas moedas comezaba xeralmente co nome da cidade emisora e, no caso dalgunhas moedas, empregábanse xogos visuais; por exemplo, algunhas pezas cuñadas en Rodas amosaban o deseño dunha rosa, xa que a palabra grega correspondente era rhodon.
As cidades máis ricas de Sicilia emitiron ademais algunhas moedas especialmente finas. O gran decadracma (10 dracmas) de prata de Siracusa é considerada por moitos numismáticos como a moeda máis excelente producida no mundo antigo. As emisións de Siracusa eran bastante regulares no tocante aos seus motivos: nun lado levaban adoito a cabeza da ninfa Aretusa e no outro unha cuadriga vitoriosa. Siracusa foi un dos epicentros da arte numismática durante o período clásico. Baixo a dirección dos gravadores Kimon e Euainetos, nesta zona elaboráronse algúns dos deseños de moedas máis extraordinarios da Antigüidade.[37]
Emisións da Magna Grecia
editar- Artigo principal: Moeda grega da Península Itálica e Sicilia.
Entre os primeiros lugares que emitiron moedas durante a colonización grega do sur de Italia (Magna Grecia) atopábanse Paestum, Crotone, Síbaris, Caulonia, Metaponto e Tarento. Estas cidades antigas comezaron a producir moeda de 550 a. C. a 510 a. C.[38]
Período helenístico
editarO período helenístico caracterizouse polo espallamento da cultura grega a través dunha parte grande do mundo coñecido. Establecéronse reinos da órbita grega en Exipto e en Siria e, durante un tempo, mesmo en Irán e ata no que hoxe é Afganistán e o noroeste da India. Os comerciantes gregos difundían a moeda grega a través desa área tan ampla, e os novos reinos de camiño comezaron a emitir as súas propias moedas. Ao seren estes reinos moito máis grandes e máis ricos que os estados-cidade gregos do período clásico, as súas emisións, consecuentemente, foron moito máis abundantes e, frecuentemente, de ouro, aínda que polo xeral carecían da delicadeza estética das moedas do período anterior.
No entanto, algunhas das moedas grecobactrianas e dos seus sucesores na India, os indogregos están consideradas como os mellores exemplos da arte numismática grega, cunha mestura de realismo e idealización nos seus motivos. A estas series corresponden algunhas das moedas máis grandes que se cuñaron no mundo helenístico: a meirande moeda de ouro foi emitida a nome do rei grecobactriano Eucrátides I (171-145 a. de C.) e a de prata polo indogrego Amintas Nicátor (95-90 a. de C.). En palabras de Roger Ling: "os retratos destas moedas amosan "un grao de individualidade nunca igualado polas representacións adoito eslamiadas dos seus contemporáneos máis ao Oeste".[39]
A novidade máis salientable nos deseños das moedas helenísticas foi a inclusión de retratos de persoas vivas, é dicir, dos propios reis. Esta práctica comezara en Sicilia, pero outros pobos gregos non a admitían porque a concibían como unha mostra de arrogancia. Porén, os reis do Exipto tolemaico e da Siria Seleúcida non tiveron tales escrúpulos: logo de se autooutorgar o status de "divinos", emitiron magníficas moedas de ouro adobiadas cos seus propios retratos nos Anversos, adoito acompañados dunha lenda co seu nome, e cos símbolos dos seus Estados nos reversos. Esta distribución de motivos e lendas converteuse nun padrón para as moedas que se mantivo ata os nosos días.
Cuñaxe
editarTodas as moedas gregas estaban feitas á man, co procedemento do martelo.[40] Tanto o deseño dos anversos como o dos reversos era incuso (en relevo negativo) e aplicábase mediante un golpe de martelo a un punzón de bronce ou de ferro sobre un disco de ouro, prata ou electro modelado previamente por fusión e situado sobre unha base metálica fixa, de xeito que, ao levaren tanto o punzón coma a base senllos motivos do anverso e do reverso, eses motivos quedaban gravados en ambas as faces do disco.[41]
Moedas como símbolo da cidade-estado
editar-
Rosa nun tetradracma de Rodas.
As moedas das cidades-Estado gregas amosaban un único símbolo ou representación, unha forma primitiva de emblema, que simbolizaba a cidade e promovía o prestixio do seu Estado. Os estateros corintios, por exemplo, amosaban a representación de Pegaso, o cabalo alado mitolóxico domado polo seu heroe Belerofonte, que aparece xunto coa letra arcaica qoppa (ϙ).[42] As moedas de Éfeso representaban a abella sagrada a Ártemis. Os dracmas de Atenas exhibían o moucho de Atenea e os de Exina un sapoconcho. Nas moedas de Selinunte representábase un selinon (σέλινον; "apio"),[43] mentres nas de Heraclea se amosa o busto de Heracles. Nas emisións da cidade de Gela vese un touro con cabeza de home, a personificación do río que lle dá nome á cidade. O símbolo que aparece nas moedas de Knossos é o labirinto ou a criatura mítica coñecida como Minotauro, característicos da civilización minoica. As moedas de Milos exhiben un mēlon (μήλον; "mazá") e as de Tebas un escudo beocio.
Moedas conmemorativas
editarO uso de moedas conmemorativas para celebrar unha vitoria ou a anexión dun territorio foi unha invención grega. As moedas son valiosas e duradeiras, e pasan por moitas mans. Nunha época sen xornais nin outros medios de comunicación supuñan un xeito ideal de espallamento dunha mensaxe política. A primeira destas moedas conmemorativas foi un decadracma emitido por Atenas logo da vitoria grega nas guerras persas. Estas moedas cuñáronse arredor do ano 480 a. de C., e amosaban a representación do moucho de Atenas, a ave sagrada da deusa Atenea, ollando o espectador coas ás estendidas e sostendo un feixe de pólas de oliveira, que non só era a planta sagrada de Atenea senón tamén un símbolo de paz e prosperidade.
Notas
editar- ↑ "Greece Timeline". En Ancient-Greece.org
- ↑ Topalov, S. Formes prémonetaires de moyens d’échange. Les flèches-monnaies couleés d’Apollonie du Pont VII-Ve s.av.n.e. Sofía, 1993.
- ↑ Wells, H. B. "The arrow-money of Thrace and southern Russia". En Journal of the Society for Ancient Numismatists. 9 (1977-1978). 6-9 e 24-6.
- ↑ Wayne G. Sayles (2003). Páxina 21.
- ↑ "The coin-standards of European Greece". En Barclay Head (1911)
- ↑ Entada δράσσομαι. En Liddell, H. G et al. A Grrek-English Lexicon. Oxford University Press. 1843
- ↑ Entrada ὀβολός. En Liddell, H. G et al. (1843)
- ↑ "Dracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Decadracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Tetradracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Didracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Tetróbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Trióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Hemidracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Dióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Óbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Tritetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Hemióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Trihemitetartemorion". En Frey, A. R. (1916).
- ↑ "Tetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Hemitetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ Gerin (2001). Páxina 7.
- ↑ "Cuadrado incuso". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ Plutarco. Obras morais. 823a (texto en francés)
- ↑ Pollux. Onomasticon. III, 87 e IX, 84.
- ↑ "Creseida". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Croesean staters" e "Croeseid". En Melville Jones (1986).
- ↑ "Créséide". En Amandry (2001).
- ↑ "Dárico". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Shekel (2)". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ Nicolet-Pierre (2002). Páxina 153.
- ↑ Nicolet-Pierre (2002). Páxinas 137-138.
- ↑ Nicolet-Pierre (2002). Páxina 139-140 e 142.
- ↑ Rodríguez-Noriega, Lucía (2006). "Intentando socavar una falsa creencia: la identidad del ave de Atenea". Studium 12: 103-111.
- ↑ Gerin (2001). Páxina 11.
- ↑ Babelon, Ernest. "Les Origines du portrait sur les monnaies grecques". Revue de l'art ancien et moderne, 1899. Páxinas 89-102 ; 177-186.
- ↑ "Los decadracmas de Dionisio de Siracusa. Las obras maestras de Kimon y Euainetos. La moneda como obra de arte". En Algargos, Arte e Historia. Blog educativo de Historia del Arte. 2015
- ↑ Nicolet-Pierre (2002). Páxina 149.
- ↑ Ling, R. (1988)
- ↑ "Acuñación a martillo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ Nicolet-Pierre (2002). Páxina 31.
- ↑ Nicolet-Pierre (2002). Páxina 143.
- ↑ Nicolet-Pierre (2002). Páxina 145.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda da Antiga Grecia |
Outros artigos
editar- Moeda imperial grega
- Moeda cartaxinesa
- Moeda aqueménida
- Moeda sasánida
- Moeda etrusca
- Estatero de ouro exipcio
- Museo Numismático de Atenas
- Antiga Grecia
- Antigüidade clásica
- Arte grega
- Sylloge Nummorum Graecorum
- Moeda da Antiga Roma
- Moeda da Guerra Social (91-88 a. de C.)
Bibliografía
editar- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de Numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 9788481814057
- Amandry, M. (dir). Dictionnaire de Numismatique. París, 2001. ISBN 2-03-505076-6
- Barclay Head, V. H. Historia Numorum: a Manual of Greek Numismatics. Londres e Oxford, 1911.
- Frey, A. R. "A dictionary of numismatic names, their official and popular designations". American Journal of Numismatics. Vol. 50. American Numismatic Society, 1916.
- Hill, G. F. Historical Greek Coins. Archibald Constable and Co. Londres, 1906.
- Gerin, D. et al. La Monnaie grecque. Armand Colin. París, 2001. ISBN 2-7298-0846-9
- Jenkins, G. K. Ancient Greek Coins. Seaby. Londres, 1990. ISBN 1-85264-014-6
- Konuk, K. From Kroisos to Karia; Early Anatolian Coins from the Muharrem Kayhan Collection. 2003. ISBN 975-8070-61-4
- Kraay, C. M. Archaic and Classical Greek Coins. Sanford J. Durst. Nova York, 1976. ISBN 0-915262-75-4
- Ling, R. "Hellenistic and Graeco-Roman art". En Boardman, J. et al. Greece and the Hellenistic World. Oxford University Press, 1988. ISBN 978-0192821652.
- Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Greek Coins. Seaby, Londres 1986. ISBN 0900652810
- Melville Jones, J. R. Testimonia Numaria. Greek and Latin texts concerning Ancient Greek Coinage. Spink. Londres. Volume 1 (1993); volume 2 (2007). ISBN 0-907-05-40-0 e ISBN 978-1-902040-81-3
- Nicolet-Pierre, H. Numismatique grecque. Armand Colin. París, 2002. ISBN 2-200-21781-1
- Ramage, A.; Craddock, P. King Croesus' Gold; Excavations at Sardis and the History of Gold Refining, Trustees of the British Museum. 2000. ISBN 0-7141-0888-X
- Rutter N. K. et al (2001). Historia Numorum Italy. The British Museum Press. Londres, 2001. ISBN 0-7141-1801-X
- Sayles, W. G. Ancient Coin Collecting. Krause Publications. Iola, Wisconsin, 2003.
- Sayles, W. G, Ancient Coin Collecting II: Numismatic Art of the Greek World. Krause Publications. Iola, Wisconsin, 2007.
- Sear, D. Greek Coins and Their Values. Vol. 1. Spink, Seaby. Londres, 1978. ISBN 978-0713478495
- Sear, D. Greek Coins and Their Values. Vol. 2. Spink. Londres, 1979. ISBN 978-0713478501
- Seltman, Ch. Greek Coins. Methuen & Co, Ltd. Londres, 1933.
- Wayne G. Sayles. Ancient Coin Collecting. F+W Media, Inc. 2003. ISBN 0-87349-515-2
Ligazóns externas
editar- Stillman, W. J. The Coinage of the Greeks
- Historia Numorum. Manual en liña de numismática grega
- Historia da moeda grega
- Dicionario Numismático Grego (en inglés)
- Proxecto Sylloge Nummorum Graecorum
- Wildwinds. Base de datos de moedas gregas
- Museo Numismático de Atenas
- Asia Minor Coins. Base de datos de moedas gregas e romanas de Asia Menor