Lingua galega
O galego ([ɡaˈleɣo̝][1]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia,[5] onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos.[6] Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga),[7] así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Galego | ||
---|---|---|
Pronuncia: | [ɡaˈleɣo̝][1] | |
Falado en: | Galicia Terra Eo-Navia O Bierzo As Portelas Val de Xálima Diáspora galega | |
Total de falantes: | 2,4 millóns (2012) 58% da poboación de Galicia (c. 1,56 millóns) son falantes como primeira lingua (2007)[2] | |
Posición: | 158 (Ethnologue, 2013) | |
Familia: | Indoeuropea Itálica Románica Italo-occidental Occidental Galoibérica Iberorrománica Galaico-portugués Galego | |
Escrita: | Alfabeto latino (galego) | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Galicia A Veiga (Asturias)[3] | |
Regulado por: | Real Academia Galega | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | gl
| |
ISO 639-2: | glg | |
ISO 639-3: | glg
| |
SIL: | GLG
| |
Mapa | ||
Status | ||
O galego moderno forma parte do grupo de linguas ibero-occidentais, unha familia de linguas románicas que inclúen o portugués, e que se desenvolveu dende o latín vulgar falado na provincia de Gallaecia, e evolucionou ao que os lingüistas chaman galaico-portugués, falado no Reino de Galicia. As diverxencias dialectais son observables entre as formas do norte e do sur do galaico-portugués en textos do século XIII, mais as dúas variedades eran semellantes abondo para manter un alto grao de unidade até mediados do século XIV, coa literatura galego-portuguesa medieval. A diverxencia continuou até o presente, producindo as modernas linguas galega e portuguesa.[8]
O léxico do galego é predominantemente de orixe latina, malia que tamén contén certo número de palabras de orixe celta e xermánica, entre outros substratos e adstratos. Tamén incorporou certo número de palabras do árabe de Al-Andalus, principalmente a través do castelán.
A Real Academia Galega é consonte a Lei de Normalización Lingüística vixente, a entidade competente para a fixación das normas da lingua galega, non obstante as actuais normas elaboráronse na súa orixe conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, teñen tamén un papel destacado o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e o Consello da Cultura Galega.[9]
Extensión
O galego fálase en Galicia, onde é a lingua oficial xunto co castelán[10]. Tamén se fala e se permite o seu ensino regrado no occidente da comarca do Bierzo (provincia de León) e nunha zona da provincia de Zamora, chamada As Portelas, que comprende os concellos de Porto, Pías, Lubián e Hermisende, sendo parcialmente galegofalante Pedralba de la Pradería, onde é falado na pedanía de Calabor.
Tamén é falado en 19 concellos limítrofes do Principado de Asturias, pertencentes á Terra Eo-Navia onde se chama eonaviego ou galego-asturiano (no sentido de galego falado no territorio de Asturias), aínda que este é un punto sobre o que hai gran controversia en Asturias. Por unha banda atópase a romanística internacional e a filoloxía galega, cuxos estudos afirman que a lingua natural desta comarca asturiana pertence formalmente ao conxunto lingüístico galaico-portugués como parte da lingua galega; no punto contrario sitúanse o goberno do Principado e a Academia de la Llingua Asturiana, que consideran as falas situadas entre o Navia e o Eo como unha transición entre o tronco galaico-portugués e o asturleonés.
En tres concellos estremeños, na fronteira con Portugal, do Val de Xálima (San Martín de Trebello, As Ellas e Valverde do Fresno), na provincia de Cáceres, fálase a fala de Estremadura, modalidade galaico-portuguesa sobre a que aínda non hai unanimidade acerca de se pode considerarse unha variedade de galego, procedente dos galegos participantes na Reconquista que se asentaron nesa zona, ou unha lingua diferenciada dentro do subgrupo Galego-portugués.
Unha enquisa lingüística realizada en 2003 en Cataluña polo seu goberno autónomo revelaba falantes de galego no territorio catalán. A extrapolación de poboación situaba en 61.400 os habitantes da comunidade autónoma que consideraban o galego como primeira lingua, 21.000 os que a consideraban lingua propia e 11.300 os que a consideraban lingua habitual.[11]
Distintas comunidades galegas da diáspora en Hispanoamérica (especialmente en Buenos Aires —Arxentina—, Caracas —Venezuela—, Montevideo —Uruguai—, A Habana —Cuba—, Cidade de México —México—) e en Europa conservan o uso oral do idioma con bastante precariedade[Cómpre referencia], sendo aproximadamente 500.000 os falantes do galego desas comunidades. No seo das comunidades emigrantes ao Brasil tamén se mantén o galego con xiros e adaptacións do portugués brasileiro[Cómpre referencia].
-
Extensión do galego fóra de Galicia.
-
Galego eonaviego.
-
Galego do Bierzo.
-
Galego de Sanabria.
-
Galego do Val de Xálima (A fala).
Historia
- Artigo principal: Historia da lingua galega.
“ | Porque no mundo mengou a verdade, punhei um dia de a ir buscar; e, u por ela fui nom preguntar, disserom todos: «Alhur la buscade, ca de tal guisa se foi a perder, que nom podemos en novas haver nem já nom anda na irmaindade. |
” |
—Airas Nunes (B 871, V 455. século XIII). |
A lingua galega é unha lingua romance ou neolatina. Presenta unha pequena porcentaxe de pervivencias léxicas dos substratos precelta, celta e paleohispánico, así coma dos superestratos xermánico, britónico e árabe.
O galego moderno descende do galego-portugués, lingua medieval que evolucionou e deu lugar aos actuais galego e portugués. Entre os séculos XIV e XVI, debido a circunstancias de carácter histórico e político, acentúanse as diverxencias entre as dúas variedades que, seguindo cadanseu destino, acaban fixándose como linguas independentes[12], aínda que ligadas por estreitos lazos de parentesco.
A lingua galega oral considérase formada arredor do século IX, como resultado da asimilación e evolución do latín vulgar levado ao noroeste da Península ibérica polos conquistadores romanos. Existe unha coincidencia significativa entre a área ocupada (durante o Bronce final/Ferro e no período galaico-romano) pola cultura castrexa e o futuro dominio lingüístico galego. A romanización lingüística puido culminar[13] entre os séculos III e IV d.C., período no que as linguas indíxenas quedarían reducidas a lugares pouco accesibles ata desapareceren. Cando xermanos e britanos se asentan en Galicia, esta probablemente fala xa latín vulgar totalmente.
Tras a primacía escrita do latín, o galego hase converter en lingua escrita culta tanto nos reinos de Galicia e Portugal coma nos de León e Castela. Recentemente foi achado o documento máis antigo escrito en galego que se conservou no territorio da Galicia actual, trátase do Foro do burgo de Castro Caldelas outorgado por Afonso IX en abril de 1228 ao concello de Allariz (Ourense). No século XIII escribirá en galego o rei Afonso X o Sabio as Cantigas de Santa María. A lingua galega medieval foi especialmente relevante no ámbito da lírica, considerada entre as referenciais[14] da época para toda Europa.
A escisión de Portugal no século XII, a decadencia do Reino de Galicia e da súa aristocracia (aceleradas polas derrotas que a nobreza galega sufriu ao tomar partido polos bandos perdedores nas guerras de poder de finais do século XIV e primeiros do século XV) e o desprazamento cara á Castela da centralidade e do poder políticos condicionarán o uso do idioma entre o final do período medieval e a Idade Moderna, especialmente nos ámbitos da escrita culta e no uso xurídico-administrativo. A pesar de continuar sendo hexemónico na oralidade e fóra dos ámbitos descritos, a perda das dimensións máis prestixiosas do idioma irá contribuíndo, como se verá na seguinte epígrafe, aos prexuízos negativos contra a lingua, aos cales tampouco é allea á animadversión contra todo o galego perceptible tanto na literatura barroca castelá coma na literatura popular, inzadas[15] de caracterizacións racistas. O portugués, pola súa banda, gozará no sucesivo dun desenvolvemento libre grazas a que Portugal, non sen conflitos, foi o único territorio peninsular que se manterá alleo á hexemonía do eixo Castela-Aragón/España e polo tanto do dominio lingüístico castelán.
O inicio dos Séculos Escuros cadra, pois, co proceso de formación[16] da nación-imperio española e implica para a lingua de Galicia un empobrecemento derivado da represión dos usos escritos e cultos, que a partir dese momento se reservan para o castelán. A nova situación terá efectos en todos os niveis da lingua. O paradigma léxico vivo será o relacionado co mundo do traballo nos sectores agrícola, artesanal e mariñeiro; os sistemas morfosintáctico e fonético evolucionan á marxe do antigo tronco común ao portugués. Diversas homoxeneizacións do paradigma verbal ou a distinción dos pronomes che e te —para as formas de obxecto indirecto e directo, respectivamente— rematarán cubrindo o territorio e facendo recoñecible unha variante iberorromance occidental delimitada por varios grupos de isoglosas[17]. Cómpre aclarar que algunhas delas pertencían tamén ao portugués falado no norte do Douro[18], mais a presión uniformizadora do patrón lisboeta fará que se vaian retirando cada vez máis cara ao Miño, ata o punto de viraren arcaísmos no estándar oral do norte urbano e vilego de Portugal xa a finais do século XX. Discútese a mediatización castelá ou a evolución autóctona dalgúns trazos da lingua galega; a gheada, por exemplo, que aparece indirectamente reflectida en documentos da Idade Moderna, é para algúns estudos unha reconfiguración interna da estrutura consonántica do galego, impulsada quizais polo substrato, e para outros simple interferencia co fonema fricativo velar xordo do español. En calquera caso irán avanzando como características galegas o enxordecemento das consoantes palatais ou a asimilación das vogais nasais ata dominaren a práctica totalidade do territorio agás —no que toca á sonoridade das sibilantes— pequenos núcleos da Limia e das Portelas ou —canto á nasalidade— nos Ancares. O thetacismo caracterizará a maior parte das falas centro-orientais.
Con respecto aos usos escritos cultos o Rexurdimento supoñerá no século XIX unha importante viraxe. Recupéranse xéneros literarios (sobre todo a poesía) e nace o xornalismo en lingua galega. Estes feitos contribúen ao agromar dunha nova conciencia lingüística que tende á dignificación e á normalización en calquera área de uso. O diálogo entre as elites intelectuais galegas e o resto do pobo reiníciase tras centos de anos de abandono, e (re)comezan usos que se tiñan por inéditos. Así e todo as interferencias entre galego e castelán son cada vez máis visibles, en maior grao canto máis urbano sexa o ambiente no que se fala o idioma propio. A castelanización estaba afectando xa profundamente ao modelo oral, que se vía minguado no cuantitativo ao longo das cidades e vilas —aínda que seguía sendo nelas moi maioritario— mais tamén no cualitativo, en canto a capacidade expresiva e os equilibrios léxicos se alteraban coa presenza crecente do castelán. Escolas, púlpitos e institucións seguían o ditado do espallamento da única lingua oficial do Estado, o español, reforzando o lugar común da escasa idoneidade do galego para usos que fosen máis alá do coloquial ou do folclórico.
O pulo normalizador implícito na etapa do Rexurdimento pleno conseguirá no século XX ir mudando preconceptos e introducindo usos que se crían descoñecidos ata daquela. Será esta nova centuria a que asista aos primeiros discursos públicos en lingua galega nos ámbitos político e intelectual; de feito foran intelectuais procedentes da pequena burguesía as encargadas de dignificar o idioma con eses novos usos, que non tardarán en callar socialmente. O ensaio, o teatro, a prosa, timidamente tamén o discurso científico van gañando o terreo perdido mediante o impulso que grupos de intervención político-cultural coma as Irmandades da Fala (1916) brindan ao idioma. Aínda que teña dificultades para adaptarse aos neoloxismos, moitas veces reproducidos en castelán no coloquio oral (ou adaptados desde el á escrita), a lingua galega continuaba sendo de uso cotián nas fábricas, nos barrios populares das cidades e, obviamente, tamén alí onde o seu uso nunca se abandonara, nos universos rural e mariñeiro. Se ben non chegará a ser na verdade oficial ata que así o dispoña o Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 a partir do texto constitucional de 1978, o Estatuto de 1936, que nunca chegou a entrar en vigor por causa do golpe de Estado fascista, xa contemplaba a oficialidade e semellaba culminar o traballo pola normalización que o galeguismo realizaría desde Manuel Murguía ata Castelao. O réxime franquista arruinará o soño da recuperación social do idioma endurecendo as leis e perseguindo aqueles usos que se recuperaran no primeiro terzo do século. A doutrina nacionalcatólica aludirá ao galego —xunto co catalán, éuscaro, asturiano etc.— como dialecto e eliminarao con saña das escolas e da vida pública. A dobre presión social e legal contra o uso da lingua, sumada ao masivo éxodo rural, provoca a maior caída de falantes en toda a historia. A ruptura de transmisión xeracional do idioma faise regra na vida urbana aínda que ao mesmo tempo o galego gaña terreo como idioma das reivindicacións políticas, socioeconómicas e culturais. É asemade nas cidades e nas vilas onde aparece a figura da neofalante, persoa cuxa lingua inicial era o castelán e vira falante monolingüe de galego.
A castelanización cuantitativa e cualitativa xa se converteu en modelo de referencia para as novas camadas e vai incrementarse no final do XX e principios do XXI a pesar dos avances que comporta a fin do réxime franquista. No lado positivo da balanza o galeguismo sitúa a entrada do idioma en todos os niveis de ensino e nas institucións, a creación de medios de comunicación públicos (CRTVG) e privados ou a relativización dalgúns prexuízos ao acceder a lingua galega a eses novos ámbitos. Lonxe aínda de cifras masivas, a literatura galega crecerá en canto á presenza social das editoras, libros, autores e autoras; xornadas coma o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que comezaron a celebrarse en 1963 de xeito semiclandestino, funcionan hoxe coma unha verdadeira festa nacional do idioma e da súa literatura. Con todo as últimas cifras de uso (2013-2015) divulgadas polo Instituto Galego de Estatística estenderon a alarma polo futuro da lingua galega: por primeira vez na historia a porcentaxe de falantes de español supera a de galegofalantes.
Actualmente o galego fálano case tres millóns de persoas; é a lingua minorizada con maior comprensión e uso porcentual dentro de España. É idioma oficial na Nacionalidade Histórica de Galicia (onde o castelán é tamén oficial[19]) e tamén se fala na Terra Eo-Navia (Asturias), no Baixo Bierzo (León), nas Portelas (Zamora) e na Serra de Xálima (Cáceres). Así mesmo é unha das linguas da importante comunidade galega no exterior, espallada por todo o mundo.
Estandarización
A posición sostida pola administración galega e pola conciencia metalingüística da meirande parte da poboación do país é que hoxe galego e portugués constitúen linguas separadas cada unha delas con cadanseu respectivo estándar elaborado por cadansúa institución pero conservando algunhas ligazóns. A lingua galega é, pois, un romance autónomo e independente[20]; con todo, existe unha corrente minoritaria segundo a cal o galego de hoxe non é senón unha variante codialectal do diasistema lingüístico galegoportugués ou mesmo unha variante da lingua portuguesa falada no territorio galego[21]. Sexa como for, o criterio da Real Academia Galega para a elaboración das NOMIG outorga prevalencia á lingua portuguesa en canto que lingua irmá da galega:
As escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas, especialmente coas romances en xeral e coa portuguesa en particular, evitando que o galego adopte solucións insolidarias e unilaterais naqueles aspectos comúns a todas elas.
Para o chamado reintegracionismo o galego non é unha lingua nin separada nin afastada do portugués, senón un dialecto do sistema galego-portugués. Existe tamén outra postura, o lusismo, que afirma que o galego e o portugués son a mesma lingua. Desde o punto de vista reintegracionista, Galicia fala unha lingua que ten 210 millóns de falantes no mundo coñecida como portugués; segundo esa perspectiva, o modelo de normalización proposto historicamente polo galeguismo e polo nacionalismo resultou un fracaso que deriva da negación do potencial que ofrecería a subsunción do galego no portugués.
As normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego son elaboradas pola Real Academia Galega con base nos seguintes criterios de estandarización.
- Ortograficamente son estandarizadas aquelas grafías que teñan meirande presenza na literatura galega durante todos os séculos de produción. Considéranse ilexítimas as minoritarias.
- A evolución da ortografía galega ao longo da súa literatura constituíuse coma unha ortografía máis fonética que etimolóxica en función das súas necesidades fonéticas coma a ortografía portuguesa, a catalá, a castelá ou a italiana. Só o francés e o inglés poden considerarse linguas de estandarización ortográfica estritamente etimolóxica.
- No que atinxe á morfoloxía tómase como referencia o galego central.
- Son estandarizadas as solucións morfolóxicas maioritarias do galego contemporáneo e aquelas que teñan unha meirande presenza na tradición literaria do idioma. A Real Academia Galega prescinde de solucións morfolóxicas minoritarias, sen tradición literaria, alleas e innecesarias. Dende o 2003 son aceptadas solucións dobres ao atoparen diferentes solucións morfolóxicas que cumpren os requisitos para a estandarización. Adóptase unha visión máis ecléctica do idioma e acéptase o polimorfismo do diasistema lingüístico.
O idioma portugués está estandarizado seguindo uns criterios distintos:
- A ortografía portuguesa está inspirada na ortografía do occitano produto do real decreto de Afonso III de Portugal, alegando motivos estéticos.
- A morfoloxía do portugués superpuxo o dialecto de Lisboa por riba do resto en todo o territorio, afastándose así das solucións morfolóxicas galegas similares ao material lingüístico das comarcas portuguesas máis norteñas.
- Dende o punto de vista sociolingüístico os trazos morfolóxicos residuais do actual norte de Portugal son cualificados pexorativamente de dialectais ou provincianos e só se conservan na franxa de idade máis avanzada dos seus falantes. Estas formas non foron aptas para a estandarización provocando, eles, un afastamento morfolóxico considerable con respecto ao galego. Hoxe en día, o idioma portugués, lingua de estado durante máis de oito séculos, encóntrase homoxeneizado morfoloxicamente en todo Portugal.
O proceso de substitución lingüística en Galicia
Descrición
A situación sociolingüística en Galicia está marcada pola diglosia resultante dun proceso histórico de substitución do galego polo castelán. Aínda que as posturas oficiais dos responsables da política lingüística en Galicia (case sempre vinculados orgánica ou ideoloxicamente ao Partido Popular) insistiron desde os anos oitenta na tese do chamado bilingüismo harmónico, concepto inexistente nas ciencias que estudan a relación entre lingua(s) e sociedade, o caso galego responde ás características dun cadro de linguas en contacto entre as que se dan relacións conflitivas. A fase actual, aparentemente bilingüe, constituiría un fotograma fixo do tempo que media entre o monolingüismo social na lingua propia do territorio (así define o galego o Estatuto de autonomía) e o desprazamento definitivo desta por parte do idioma imposto. Este último (o que as teses sobre diglosia denominan Lingua A) acumularía sobre si a maior parte das funcións do poder político e económico, e polo tanto o prestixio social, mentres que a lingua propia do territorio ou Lingua B quedaría reservada aos usos menos relevantes. Daquela, salvando casos puntuais, o bilingüismo en Galicia é unha ficción de raíz ideolóxica, en canto só adoitan ser bilingües as persoas falantes de galego (non teñen outra opción: a Constitución española de 1978 consagra o deber de coñecer a lingua española), mentres que as castelanfalantes, cuxo número non deixou de medrar —especialmente nos últimos cen anos—, rara vez se ven presionadas para usaren o idioma propio do país. A partir do novo contexto de relación xurdido da oficialidade das dúas linguas (1981) existen algunhas áreas nas que o galego recuperou a posición de normalidade (institucións locais, administración autonómica, Parlamento galego, determinados ámbitos literarios e artísticos...) e por iso se caracteriza como diglosia imperfecta o momento actual.
Inicio (séculos XIV-XVI)
O proceso de substitución lingüística, cuxas bases políticas e efectos documentais serán visibles a finais do século XV durante a época dos Reis Católicos, comezara un século antes. A aristocracia que ía chegando de Castela —ou que se achegaba aos costumes casteláns como sinal de submisión e promoción política— foi introducindo o idioma alleo. A partir de 1480 ordénase que os escribas se formen en lingua castelá, de xeito que queda interrompida a tradición secular e a crecente normalidade (en paralelo á evolución social dos idiomas romances europeos) da lingua galega, xunto doa documentación en latín e o uso esporádico do castelán, que adoitaba reservarse para a comunicación escrita coas institucións do Reino de Castela, coma a Chancelaría Real[22]. Os mosteiros serán os últimos en abandonar os usos administrativos do idioma, xa no século XVI. O gramático da raíña, Antonio de Nebrija, deixara escrito na prólogo da súa gramática da lingua castelá que "la lengua es compañera del Imperio", referíndose ao poder, e que estendela aos pobos conquistados formaba parte do "botín de guerra". Nese período consúmase ademais a desaparición da lírica medieval, que permanecerá esquecida centos de anos, e con ela o alto prestixio que levara a poetas de diversas nacionalidades a cultivar versos no idioma.
Da marxinalidade forzosa ao prexuízo: Séculos Escuros e Ilustración
Xa iniciados os Séculos Escuros a marxinación do idioma propio de Galicia avanza ao ritmo que o fan as institucións políticas e educativas de Castela/España e da Igrexa católica; quedando a rede monacal galega baixo o control de Valladolid, a Universidade compostelá nace sometida ás dúas poderosas institucións. A pesar dalgunha tímida protesta circunscrita ao ámbito literario ou á correspondencia privada, o castelán/español imponse como idioma de prestixio, quedando o galego relegado a funcións de dialecto oral. Haberá que esperar ao século XVIII para que, co espertar da Ilustración, figuras intelectuais de primeira orde coma os frades bieitos Feijoo e Martín Sarmiento reivindiquen en primeira instancia a latinidade do galego e, consecuentemente, a súa necesaria dignificación como lingua irmá dos outros romances cultos de Europa. Mais fóra do alborexar da conciencia sociolingüística contemporánea o panorama continúa sendo o mesmo: o galego é a lingua habitual de ben máis do 90% da poboación, o castelán domina a escola, a administración, os actos oficiais e os documentos. Son moitas as leis coas que España garante tal dominio e coa chegada dos Borbóns ao trono, a represión dos outros idiomas non casteláns falados no territorio español e o avance do modelo centralista serán o marco férreo a partir do cal todo avance na alfabetización e todo progreso cultural deberán ir indisolublemente ligados á promoción da lingua que se reserva en réxime de exclusividade o adxectivo de español. En calquera caso será durante os Séculos Escuros cando os prexuízos contra o galego ("dialecto", "rudo", "vulgar", "xiria" etc.) boten raíces na conciencia colectiva do país.
A reacción político-cultural do XIX: Rexurdimento
No século XIX as profundas crises económicas provocan a acentuación do fenómeno migratorio e a chegada ás grandes vilas e cidades dun apreciable continxente de poboación rural; era precisamente nos núcleos máis poboados onde a presenza das institucións reforzaba o castelán como lingua de poder e de ascenso social. Ao tempo, e da mesma maneira que durante o período medieval e renacentista a aristocracia castelá se erixira en modelo para a nobreza autóctona, a burguesía do século XIX ía medrando de xeito tímido e sen referentes nacionais de autoestima. Os postos máis destacados da Administración, incluída a eclesiástica, foran reservados para persoas alleas a Galicia desde había centurias[23]; igualmente a fina capa burguesa das vilas e das urbes estaba composta por empresariado de procedencia foránea, pouco disposto a recoñecer na fala popular un elemento cultural no que integrarse. Asemade para o estamento fidalgo en descomposición fora sempre o castelán o código da promoción social. A práctica totalidade do que rematarán sendo os sectores dirixentes —económico, político e xudicial— da Galicia do século XIX, con orixe nesa fidalguía sometida e na burguesía cuxo centro simbólico gravitaba en torno a Madrid, concibe a lingua galega, no mellor caso, como unha reliquia identitaria. O progreso, a ciencia, a riqueza, asócianse ao español; unicamente personalidades intelectuais e políticas vinculadas ao liberalismo alzan a súa voz contra tales prexuízos e contra a discriminación nacional e cultural asociada e eles: nacía o Rexurdimento.
Será a prensa liberal e protogaleguista a que avive o debate en torno aos prexuízos contra o idioma e reclame a extensión dos seus usos. Se ben nos seus inicios o provincialismo non facía do idioma o eixe da identidade nacional galega[24], a irrupción de Murguía como ideólogo da fase rexionalista do galeguismo asenta a idea de que sen a lingua propia do país ningunha autoafirmación irá máis alá do simple folclorismo. A propaganda que vai sementando a prensa durante todo o período oitocentista fai posible que se afonde na recuperación de usos escritos perdidos ou inéditos; debemos lembrar que cando Rosalía de Castro publica Cantares gallegos ela e o resto de ideólogos do movemento galeguista descoñecían a dimensión culta do galego medieval ou tiñan noticias moi difusas sobre el. Polo tanto posúe unha dimensión refundadora o cultivo e a publicación de poesía en galego, cuxos grandes nomes antes da eclosión rosaliana (o que se coñece como Rexurdimento pleno) son Francisco Añón Paz, Xoán Manuel Pintos e o propio padre Sarmiento, cuxo Coloquio de 24 galegos rústicos,[25] sería publicado aínda naquela altura. A Galicia decimonónica asistirá tamén á recuperación doutros xéneros para a lingua galega, desde o xornalismo ata a prosa, esta última nunha fase inicial e sen dar chegado á universalidade das grandes figuras poéticas; a propia Rosalía, Eduardo Pondal e Curros Enríquez intervirán mediante algúns dos seus versos contra a situación de marxinalidade forzosa do idioma no que escriben.
Século XX. Da persecución á oficialidade
As altísimas cifras de analfabetismo[26] —tres cuartas partes da poboación non sabían ler nin escribir no comezo do século XX— relativizaron as posibilidades de que o ideario do Rexurdimento se filtrase con rapidez á sociedade galega, cuxa esmagadora maioría continuaba a falar o idioma propio. A pesar de que non dispoñemos de estatísticas oficiais de uso, abonda comprobar as primeiras enquisas científicas sobre lingua que se realizaron en Galicia nos anos noventa[27] para certificar que o galego era a lingua inicial do 80,6% do total das persoas maiores de 65 anos, polo que non parece aventurado inducir que a porcentaxe de persoas educadas en galego á volta de 1901 sería próxima ao 90%. Con todo, o número de falantes non salvaba o idioma dos mesmos seculares prexuízos que enraizaron tanto no interior coma no exterior da comunidade falante. Unha nova xeración do galeguismo representada polas Irmandades da Fala toma maior conciencia do proceso de substitución e esixe a oficialidade da lingua galega como paso imprescindible para que abandone a súa estranxeiría nos ámbitos de prestixio do propio territorio. Mentres, a recuperación do uso culto continúa: pronúncianse os primeiros discursos[28] públicos na lingua galega e o idioma pasa a escoitarse cada vez máis nas comparecencias relacionadas con temas humanísticos. A ditadura de Primo de Rivera retarda o pulo normalizador, que se reinicia coa Segunda República Española. Para esa época a prensa en galego, ben que minoritaria, xa estaba solidamente asentada e o normal era que a poesía se escribise no idioma nacional. A prosa, ensaística ou de ficción, irá experimentando un crecemento apreciable en canto á súa recepción e enorme na calidade e na profundidade dos textos: é a Xeración Nós —varios dos seus membros pertenceran ás Irmandades da Fala— a protagonista deses avances. O idioma propio de Galicia conseguira recuperar algúns dos usos vedados, pero continuaba a ser semiclandestino no ámbito escolar e, fóra da órbita do Partido Galeguista, raro no debate político. O Estatuto do 36 introduciría a oficialidade, mais non chegou a entrar en vigor ao declararse o golpe de Estado fascista.[Cómpre referencia]
Alén da burguesía urbana e vilega, predominantemente castelanizada, os ámbitos de uso coloquial, familiar e laboral do idioma galego —os que continuaran de xeito ininterrompido ao longo da historia— transvasábanse con naturalidade desde os sectores primarios e artesanais ata os industriais. As fábricas naceran con obreiros e obreiras galegofalantes. Os núcleos operarios que se organizaran xa durante o século anterior tardarán aínda en naturalizar o idioma; as súas publicacións usan con preferencia case exclusiva, desde o XIX ata mediados do XX, a mesma lingua que utilizaba a patronal. Debates ao respecto puxéranse en marcha, pero foron abruptamente varridos polo triunfo do franquismo. O novo Estado totalitario retoma as máis radicais formulacións do españolismo e volve fortalecer os preconceptos lingüísticos contra o galego mediante o férreo control do ensino, dos medios de comunicación e da administración do Estado. O nacionalcatolicismo non dubida a partir de xullo de 1936 en valerse de políticas de terror: o asasinato, o exilio, a prisión ou a marxinalización social de figuras sobranceiras da intelectualidade galeguista responden a un programa no que a imposición histórica da lingua castelá debe percibirse como irreversible.[Cómpre referencia]
Ao mesmo tempo, e sendo as áreas urbanas as máis castelanizadas, o éxodo rural masivo que se suma á emigración nos anos 40 e 50 comporta que as familias chegadas ás cidades (A Coruña, Vigo, Ferrol etc.) rompan a transmisión da lingua. O cóctel entre vellos prexuízos, un contexto sociopolítico hostil e a presenza do castelán —asociada aos ámbitos todos do poder, comezando polo económico—, empuxa a maioría das familias emigradas desde o rural, cun nivel cultural precario e polo tanto forte descoñecemento da cultura galega académica (coa consecuente baixa estima pola propia identidade) a renunciaren a educar os seus fillos e fillas na lingua na que se viñera facendo desde sempre. Será pois a partir de mediados do século cando a substitución do galego polo castelán supere por primeira vez a barreira que representaba a cultura material e simbólica das clases populares, unidas aos sectores produtivos tradicionais. O español comeza a sentirse daquela con forza, por primeira vez, nos ámbitos urbanos de poboamento obreiro. A radio, a televisión e a universalización do ensino xogan a favor do proceso substitutivo, de maneira que as novas xeracións urbanas da época do desarrollismo franquista son tamén as primeiras da historia de Galicia para as que o galego pasa de ser o natural a constituírse en excepción. Reforzaranse con virulencia, ata a máis alá da fin da ditadura, os peores preconceptos que asociaban a lingua nacional de Galicia ao atraso rural, ao pasado decadente ou a unha versión paternalista do folclore.[Cómpre referencia]
Nos anos 70, a música cantada en galego por Andrés do Barro gañou gran popularidade. En 1969 comezou a traballar con Juan Pardo, tamén fillo de militar, quen se ofreceu a ser o seu produtor. "O tren" acadou axiña un grande éxito. En 1970 publicouse o sinxelo "Corpiño xeitoso", primeira canción en galego en estar no número 1 de Los 40 Principales.
Mentres, o galego conquistaba o debate clandestino nos espazos de resistencia ao franquismo que se foran configurando; será a ruptura coa oposición culturalista ao Réxime e a fundación dos novos partidos (UPG e PSG) de base marxista e vocación obreira as que actualicen a interacción do nacionalismo galego coas clases populares. O idioma faise presente nas pancartas, nos graffitis políticos, nas asembleas estudantís e obreiras, nos panfletos e nas manifestacións. A lingua intenta adaptarse ao medio urbano moi poucos anos despois de que se operasen mudanzas similares na expresión literaria grazas á infraestrutura que subministraban as editoras (especialmente Galaxia e Monterrey). A oficialidade convértese en reivindicación de varias forzas políticas, sobre todo as situadas no campo da esquerda, de maneira que cando remata a ditadura despois de 40 anos o uso do galego entrou en crise nas cidades, pero ao seu abeiro naceu o galeguismo co inicio do século e medrou a conciencia positiva sobre o idioma. O número de falantes decae, mais aparecen as persoas neofalantes, aquelas cuxa primeira lingua fora o castelán e que se converten en monolingües en galego.[Cómpre referencia]
A restauración da monarquía borbónica e a recuperación dalgunhas liberdades desde 1975 culminará a partir do marco constitucional de 1978, que abre a porta para que outras linguas, ademais do castelán, sexan oficiais no Estado. Nun acto con carga simbólica o rei Xoán Carlos I pronuncia (1979) un discurso en galego na sede da Real Academia Galega, poucos meses antes de que se aprobe o Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 que proclamaría a oficialidade da lingua propia do país. A dimensión legal e os efectos na vida cotiá virán desenvolvidos por outra serie de leis vixentes na comunidade autónoma, coma a Lei de normalización lingüística aprobada por unanimidade en 1983; quedan fóra deste recoñecemento institucional os territorios de lingua galega doutras comunidades autónomas (o chamado "galego exterior") e polo tanto as persoas galegofalantes de Asturias e de Castela-León non verán recoñecidos os seus dereitos. En todos eses territorios as cifras de substitución do galego polo castelán presentan un perfil moito máis acusado a prol deste último, incluso nos ámbitos rurais.[Cómpre referencia]
Na comunidade autónoma de Galicia non é doado establecer ata que punto os cambios lexislativos —que propiciaron a presenza do idioma onde estivera longamente proscrito— deron freado un proceso de substitución que viña alicerzado tamén en razóns de índole socioeconómica, ademais das histórico-políticas e as puramente lingüísticas. O galego recupera o uso institucional, perdido desde a fin do medievo, o que inclúe por vez primeira a moderna administración, o ensino, os medios de comunicación... Será determinante para a superación, canto menos parcial, de moitos prexuízos, a fundación da CRTVG. Asemade a presenza da lingua na escola, que aproxima o alumnado á realidade cultural do país e contribúe a dignificar producións asociadas á lingua (literatura, música, banda deseñada, audiovisual, teatro...), representa unha innegable mudanza xeracional.
Situación actual
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2019.) |
O galego está oficialmente recoñecido no ámbito da comunidade autónoma de Galicia conforme co disposto no artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981, que á súa vez parte do artigo 3.2 da Constitución española de 1978, que sen as citar garante a oficialidade das "outras linguas españolas" se así o estableceren, en cada territorio, os seus Estatutos de autonomía. Actualmente existen diversos instrumentos xurídicos que fan posible o dereito dos galegos a expresárense en lingua galega nos diferentes ámbitos de actuación públicos. Ademais do principal, a Lei de normalización lingüística (1983) están a Lexislación de Réxime Local, a Lei reguladora das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei do uso do galego nas corporacións locais, ordenanzas municipais de normalización lingüística etc.
Desde o punto de vista da sociolingüística, tanto a comunidade autónoma de Galicia coma os outros territorios que falan a lingua galega presentan trazos típicos dunha situación de conflito lingüístico. Galicia mostra un cadro de diglosia imperfecta no que conviven episodios nos que a lingua galega semella usarse con relativa normalidade (no Parlamento de Galicia, nos concellos, nas deputacións, en actos e eventos culturais etc.) con outros fenómenos de desprezo tanto do idioma en si coma das persoas falantes, sometidas a unha batería de prexuízos non tan diferente daqueles que se orixinaran nos Séculos Escuros. O uso da lingua nacional implicaría, segundo eses preconceptos[29], que a persoa que a fala ou ben procede da área rural ou ben pertence a algún grupo nacionalista. En ocasións existe un aprecio que se ten por sincero cara á lingua propia cando se limita a funcionar como elemento identitario, mais se do que se trata é de usalo no día a día ao mesmo nivel que o idioma dominante —o español— o aprecio pode virar incluso en rexeitamento. Desa ambivalencia tiran partido os grupos de oposición á oficialidade do galego, testemuñais en número pero con fortes apoios na prensa conservadora de Galicia.[Cómpre referencia]
En calquera caso as últimas cifras de uso que rexistrou o Instituto Galego de Estatística en outubro de 2024 ofreceron un panorama inédito: por vez primeira o número de galegos e galegas que usan só ou de forma habitual o castelán supera o de galegofalantes,[30] algo sen precedentes na Historia. As mostras de inquietude non tardaron: institucións como a Real Academia Galega, asociacións e partidos políticos como o BNG e PSdeG,[31] advirten que o camiño iniciado pola Xunta desde a chegada ao poder de Alberto Núñez Feijoo (a quen se culpa da ruptura do consenso a respecto da normalización gañado nos primeiros anos oitenta) parece colaborar, máis ca tentar evitala, coa ameaza de desaparición que pende xa sobre o idioma de Galicia.
Uso do galego
Galicia
Uso real da lingua galega (2001)[32] | |||||||
Total | Sempre | Ás veces | Nunca | ||||
Total | 2 587 407 | 1 470 836 | 56’84% | 783.780 | 30’29% | 332.791 | 12’86% |
De 5 a 9 anos | 101.840 | 38.329 | 37’63% | 48.651 | 47’77% | 14.860 | 14’50% |
De 10 a 14 anos | 122.747 | 50.891 | 41’46% | 60.430 | 49’23% | 11.426 | 9’30% |
De 15 a 19 anos | 156.950 | 69.760 | 44’44% | 66.343 | 42’27% | 20.847 | 13’28% |
De 20 a 24 anos | 207.341 | 95.008 | 45’82% | 77.044 | 37’15% | 35.289 | 17’01% |
De 25 a 29 anos | 213.402 | 96.059 | 45’01% | 79.586 | 37’29% | 37.757 | 17’69% |
De 30 a 34 anos | 201.392 | 94.785 | 47’06% | 72.506 | 36’00% | 34.101 | 16’93% |
De 35 a 39 anos | 193.342 | 96.992 | 50’16% | 65.641 | 33’95% | 30.709 | 15’88% |
De 40 a 44 anos | 191.180 | 104.074 | 54’43% | 60.615 | 31’70% | 26.491 | 13’85% |
De 45 a 49 anos | 174.056 | 100.166 | 57’54% | 51.965 | 29’85% | 21.925 | 12’59% |
De 50 a 54 anos | 168.473 | 102.227 | 60’67% | 46.607 | 27’66% | 19.639 | 11’65% |
De 55 a 59 anos | 163.029 | 106.103 | 65’08% | 39.920 | 24’48% | 17.006 | 10’43% |
De 60 a 64 anos | 135.040 | 94.459 | 69’94% | 27.844 | 20’61% | 12.737 | 9’43% |
Máis de 65 anos | 558.615 | 421.983 | 75’54% | 86.628 | 15’50% | 50.004 | 8’95% |
Competencia lingüística en galego (evolución)[32] | ||||
Data | Entenden | Falan | Len | Escriben |
Censo 1991 | 96’96% | 91’39% | 49’30% | 34’85% |
Censo 2001 | 99’16% | 91’04% | 68’65% | 57’64% |
Enquisas do IGE
As enquisas de fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) ofrecen amplos datos de uso da lingua desde 2003. Estes veñen a confirmar as grandes diferenzas no uso diario do idioma segundo a idade e o territorio.
Use do galego e o castelán en Galicia (2003-2018)[33] | ||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
2003 | 2008 | 2013 | 2018 | |||||
Sempre fala en galego | 42.9% | 1,112,670 | 29.9% | 779,297 | 30.8% | 789,157 | 30.3% | 778,670 |
Fala máis en galego ca en castelán | 18.2% | 471,781 | 26.4% | 687,618 | 20.0% | 513,325 | 21.6% | 553,338 |
Fala máis en castelán ca en galego | 18.7% | 484,881 | 22.5% | 583,880 | 22.0% | 563,135 | 23.1% | 593,997 |
Sempre fala en castelán | 19.6% | 506,322 | 20.0% | 521,606 | 25.9% | 664,052 | 24.2% | 621,474 |
Outros casos | 0.5% | 13,005 | 1.1% | 28,622 | 1.2% | 29,536 | 0.8% | 19,866 |
O uso habitual da lingua varía moito segundo a rexión ou cidade de Galicia. Mentres que en dúas grandes áreas da Provincia da Coruña (A Costa da Morte e o suroeste) máis do 90% da poboación fala sempre ou maioritariamente en galego, só un 15,2% da poboación da cidade de Vigo fai o mesmo.[34]
Rexión | Comarcas incluídas | Galegofalantes (porcentaxe)[a] |
Castelanfalantes (porcentaxe)[b] |
Galegofalantes (número)[c] |
Castelanfalantes (número)[d] |
---|---|---|---|---|---|
A Barbanza-Noia | A Barbanza e Noia | 88,85 | 11,15 | 82.434 | 10.344 |
A Coruña | A Coruña e Betanzos | 33,55 | 66,45 | 137.812 | 272.922 |
A Mariña | A Mariña Oriental, A Mariña Central e A Mariña Occidental | 75,85 | 24,15 | 50.420 | 16.053 |
Caldas-O Salnés | Caldas e O Salnés | 63,40 | 36,60 | 86.575 | 49.980 |
Lugo central | Terra Chá, Lugo, A Ulloa e a Meira | 65,04 | 34,96 | 105.423 | 56.676 |
Central Ourense | Valdeorras, Allariz-Maceda, Terra de Caldelas e a Terra de Trives | 69,45 | 30,55 | 30.152 | 13.265 |
A Costa da Morte | Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra, Muros e O Xallas | 92,43 | 7,57 | 117.630 | 9.627 |
Lugo oriental | Os Ancares, A Fonsagrada e Sarria | 88,50 | 11,50 | 32.025 | 4.160 |
Ferrolterra | Ferrol, O Eume e Ortegal | 33,75 | 66,25 | 60.202 | 118.162 |
Pontevedra noroeste | O Deza e Tabeirós-Terra de Montes | 81,85 | 18,15 | 50.720 | 11.249 |
O Carballiño-O Ribeiro | O Carballiño e O Ribeiro | 76,42 | 23,58 | 30.586 | 9.436 |
O Morrazo | O Morrazo | 40,56 | 59,44 | 31.554 | 46.233 |
Ourense | Ourense | 39,85 | 60,15 | 52.632 | 79.450 |
Pontevedra | Pontevedra | 38,82 | 61,18 | 45.865 | 72.292 |
Santiago | Santiago de Compostela, A Barcala e O Sar | 55,39 | 44,61 | 102.260 | 82.374 |
A Coruña suroriental | Arzúa, Terra de Melide e Ordes | 93,14 | 6,86 | 59.415 | 4.375 |
Sur de Lugo | Terra de Lemos, Quiroga e Chantada | 67,19 | 32,81 | 31.065 | 15.172 |
Sur de Ourense | A Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana | 88,00 | 12,00 | 64.878 | 8.850 |
Sur de Pontevedra | O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta | 58,56 | 41,44 | 60.392 | 42.737 |
Vigo | Vigo | 25,50 | 74,50 | 99.968 | 292.115 |
Cidade | Sempre fala galego |
Máis galego ca castelán |
Máis castelán ca galego |
Sempre fala castelán |
---|---|---|---|---|
A Coruña | 5,34 | 14,64 | 31,40 | 48,62 |
Ferrol | 6,71 | 10,98 | 29,59 | 52,72 |
Lugo | 21,34 | 23,36 | 28,88 | 26,41 |
Ourense | 10,71 | 22,80 | 38,85 | 27,65 |
Pontevedra | 8,38 | 14,62 | 35,94 | 41,06 |
Santiago de Compostela | 20,58 | 23,31 | 33,46 | 22,65 |
Vigo | 3,85 | 11,36 | 39,49 | 45,31 |
No exterior
O galego mantense como lingua comunitaria no interior de pequenas comunidades emigrantes, mesmo dispoñendo dalgún medio de difusión, como foi nalgún momento A Nosa Galiza, programa de radio en Barcelona.
Áreas lingüísticas do galego
- Artigo principal: Áreas lingüísticas do galego.
Segundo a separación dialectolóxica de Galicia empregada por organismos como a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) existen tres bloques lingüísticos recoñecidos, cada un coas súas particularidades:
- Occidental, comprende a parte occidental de Galicia, dende a Costa da Morte ata o río Miño, abarcando as rías Baixas e incluíndo parte da Baixa Limia. Está formado por catro áreas:
- Bergantiñá, comprende a Costa da Morte e Bergantiños, chegando ata os límites coa cidade da Coruña.
- Fisterrá, comprende a costa atlántica dende Cabana de Bergantiños ata Ribeira, chegando ata a cidade de Santiago de Compostela.
- Pontevedresa, comprende as Rías Baixas, dende o río Ulla ata o Miño, incluíndo Pontevedra e Vigo.
- Baixo Limiá, comprende os concellos ourensáns de Entrimo e Lobios.
- Central, comprende a maior parte de Galicia, dende as Rías Altas ata Portugal, incluíndo unha pequena parte de Asturias. Está formado tamén por catro áreas:
- Mindoniense, comprende o norte das provincias de Lugo e A Coruña, desde Pontedeume a Ribadeo, incluíndo a cidade de Ferrol e chegando ata a Terra Chá.
- Central de transición, comprende o territorio dende A Coruña á zona do Carballiño e dende Arzúa a Asturias, pasando por Lugo.
- Lucu-auriense, comprende a maior parte das comarcas de Sarria, A Ulloa, Chantada, Terra de Lemos e parte da dos Ancares.
- Oriental de transición, comprende a zona oeste da provincia de Ourense e unha pequena parte da provincia de Lugo: A Pobra do Brollón, Ribas de Sil e Quiroga.
- Oriental, comprende unha estreita franxa do leste de Galicia, incluíndo as zonas onde se fala galego na Terra Eo-Navia, O Bierzo, As Portelas e o Val de Xálima. Está formado por cinco áreas:
- Asturiana, comprende un territorio semellante ao da Terra Eo-Navia.
- Ancaresa, comprende un territorio pequeno nos Ancares leoneses.
- Oriental-central, comprende unha longa franxa oriental de Galicia e parte dos territorios limítrofes.
- Zamorana, comprende a zona das Portelas.
- Cacereña, comprende os tres concellos do Val de Xálima: As Ellas, San Martiño de Trebello e Valverde do Fresno.
Estes bloques están caracterizados pola forma de construír o plural das palabras acabadas en -n, sendo as isoglosas que os delimitan cans/cas (bloques occidental e central, respectivamente) e cas/cais (bloques central e oriental, tamén respectivamente).
O filólogo portugués Cintra, que estudou os dialectos galegos como pertencentes ao diasistema galego-portugués e cuxos traballos son considerados de referencia en Portugal, preferiu separar o territorio galego en dúas áreas: a occidental, que presenta gheada (aspiración do fonema /g/ converténdose nun /h/ aspirado similar ao do inglés) e a oriental, que non presenta este fenómeno.
Exemplos de isoglosas do galego
-
Seseo
-
Gheada
-
Cheísmo-teísmo
-
ti-tu
-
el-il
-
isto-esto
-
ons-os-ois
-
cantabamos-cantábamos
-
cantades-ás-ais-andes
-
colleu-colliu
-
colliches-eches-estes
-
partiu-parteu
-
irmán-irmá-irmao
-
mazán-mazá
-
llo-llelo
-
moito-uito-uto-utio
-
catro-cuatro
-
ver-mirar
Fonoloxía
O galego, polo seu carácter periférico, distínguese do resto dos romances polo seu carácter á vez conservador e orixinal. Entre os últimos fenómenos están a queda de -n- e -l- intervocálicos (acontecida nos séculos IX e X) e a evolución de cl- pl- e fl- iniciais latinos e entre os conservadores a sintaxe e a conservación de expresións e fenómenos latinos (como o futuro de conxuntivo, aínda que con outro uso) que desapareceron na maioría dos romances.
Vogais
- Artigo principal: Vogais da lingua galega.
Fonema (IPA) | Grafema | Exemplo |
---|---|---|
/a/ | a | nada |
/e/ | e | tres |
/ɛ/ | e | ferro |
/i/ | i | min |
/o/ | o | bonito |
/ɔ/ | o | home |
/u/ | u | rúa |
Aberta | Media aberta | Media pechada | Pechada | |
---|---|---|---|---|
Palatal | - | /ɛ/ | /e/ | /i/ |
Central | /a/ | - | - | - |
Velar | - | /ɔ/ | /o/ | /u/ |
Este é o sistema común a todos os falares galegos excepto a fala de Estremadura, que só presenta as cinco vogais pechadas.
Ditongos
Os ditongos decrecentes do galego son os seguintes:
- /ai/ (ex. laborais)
- /au/ (ex. causa)
- /ei/ (ex. conselleiro)
- /eu/ (ex. defendeu)
- /iu/ (ex. viviu)
- /oi/ (ex. escoitar)
- /ou/ (ex. Ourense)
- /ui/ (ex. puido)
Os ditongos crecentes son:
- /ia/ (ex. diante)
- /ie/ (ex. ciencia)
- /io/ (ex. cemiterio)
- /iu/ (ex. triunfo)
- /ua/ (ex. lingua)
- /ue/ (ex. frecuente)
- /ui/ (ex. lingüista)
- /uo/ (ex. residuo)
Consoantes
As consoantes existentes no galego represéntanse mediante as grafías e os dígrafos: b, c, ch, d, f, g (gu), h, l, ll, m, n, ñ, p, q (qu), r, r- (rr) s, t, v, x, z.
A pesar de se poderen atopar tamén nos dicionarios as letras j, k, w, y; estas non son propias do galego contemporáneo e só se utilizan en estranxeirismos aceptados pola normativa.
Nos dígrafos: rr, ch, ll, nh, qu, gu, os sons son diferentes a cada un dos grafemas consonánticas por separado.
Existe, tamén, o dígrafo gh que se corresponde co fonema farínxeo fricativo xordo, pero o seu uso é exclusivo da lingua oral das variantes occidentais e só aparece na lingua escrita para transcribir unha mensaxe en forma oral. Así, en varias zonas de Galicia aparecen fenómenos chamados gheada e seseo, que non son erros, senón que a Real Academia Galega permíteos a prol dunha maior riqueza na fala galega.
Oclusivo | Fricativo | Africado | Lateral | Vibrante | Nasal | Aproximante | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Xordo | Sonoro | Xordo | Sonoro | Xordo | Sonoro | Sonoro | Simple Sonoro |
Múltiple Sonoro |
Sonoro | Sonoro | |
Bilabial | /p/ | /b/ | - | - | - | - | - | - | - | /m/ | - |
Labiodental | - | - | /f/ | - | - | - | - | - | - | - | - |
Dental | /t/ | /d/ | - | - | - | - | - | - | - | - | - |
Interdental | - | - | /θ/ * | - | - | - | - | - | - | - | - |
Alveolar | - | - | /s/ | - | - | - | /l/ | /ɾ/ | /r/ | /n/ | - |
Palatal | - | - | - | - | - | - | /ʎ/ | - | - | /ɲ/ | /j/ |
Postalveolar | - | - | /ʃ/ | - | /ʧ/ | - | - | - | - | - | - |
Velar | /k/ | /g/ | - | - | - | - | - | - | - | /ŋ/ | - |
Labiovelar | - | - | - | - | - | - | - | - | - | - | /w/ |
* Este fonema está presente só nos dialectos galegos non seseantes, aqueles que pronuncian pazo de forma ben distinta de paso.
Asociacións relacionadas
Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes sobre a lingua galega.
- Artigo principal: Galería de imaxes de letreiros de Galicia.
-
Manifestación "Queremos galego" (xaneiro de 2010).
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Dicionario de pronuncia da lingua galega
- ↑ Observatorio da Lingua Galega (ed.). "Observatorio da Lingua Galega" (PDF). Consultado o 21 de decembro de 2019.
- ↑ "13 de xaneiro de 2016". Praza Pública.
- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ Constitución española de 1978 art. 3.2. e Estatuto de Autonomía de Galicia art. 5
- ↑ Ethnologue (ed.). "O galego en Ethnologue". Consultado o 11 de abril de 2018.
- ↑ O concello asturiano da Veiga declara oficial o galego no seu municipio, nova publicada en Praza Pública o 13 de xaneiro de 2016.
- ↑ de Azevedo Maia, Clarinda (1997). Fundação Calouste Gulbenkian, ed. História do galego-português: estado linguístico da Galiza e do noroeste de Portugal desde o século XIII ao século XVI (com referência à situação do galego moderno) (Reimpressã da edição do INIC (1986) ed.). Lisboa. pp. 883–891. ISBN 9789723107463.
- ↑ "Institucións" no Portal da Lingua Galega.
- ↑ Artigo 5.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia.
- ↑ Estadística d'usos lingüístics a Catalunya 2003
- ↑ de Azevedo Maia, Clarinda (1986). História do Galego-Português (Con referência à situação do galego moderno). Instituto Nacional de Investigação Científica - Coimbra. ISBN 9789723107463.
- ↑ Piel, Joseph-Maria (1989). Estudos de Linguística Histórica Galego-Portuguesa. Imprensa Nacional-Casa da Moeda.
- ↑ Xosé Ramón Freixeiro Mato: "O catalán Jofre de Foixá, autor dunhas Regles de Trobar escritas en occitano arredor de 1290, cita as linguas que el considera naquela altura habilitadas para a lírica: o francés, o provenzal, o siciliano e o galego; galego, pois, e non galego-portugués nin portugués, é a denominación que se lle daba á lingua dos cancioneiros, polo menos nos ambientes eruditos e trobadorescos." En O galego de Portugal. Algunhas observacións sobre a xénese e a denominación orixinaria do sistema lingüístico galego-portugués. Arquivado 12 de decembro de 2022 en Wayback Machine.
- ↑ Caramés Martínez, Xesús (1993). A imaxe de Galicia e os galegos na literatura castelá. Galaxia. ISBN 978-84-7154-883-2.
- ↑ Portas, Manuel (1991). Língua e sociedade na Galiza. Baía. ISBN 84-87674-03-8.
- ↑ Fernández Rei, Francisco (1990). Dialectoloxía da lingua galega. Xerais. ISBN 84-7507-472-3.
- ↑ Celso Cunha, Lindley Cintra (1986). Nova Gramática do Português Contemporâneo. Edições João Sá da Costa.
- ↑ Estatuto de Autonomía de Galicia. ARTIGO 5 Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
- ↑ "A 'historia da lingua' como marco filolóxico", epígrafe de Os rudimentos da lingüística galega: un estudio de textos lingüísticos de principios do século XX, de Benigno Fernández Salgado (Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2000)., p. 79
- ↑ García González, Constantino (1985). Temas de lingüística galega. La Voz de Galicia. ISBN 84-85287-40-1.
- ↑ MARIÑO PAZ, Ramón (1998). Historia da lingua. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-333-X.
- ↑ Monteagudo, Henrique (2012). Historia social da lingua galega. Galaxia. ISBN 978-84-9865-933-7.
- ↑ Barreiro, Xosé Ramón (2012). Murguía. Galaxia. ISBN 978-84-9865-425-7.
- ↑ "Coloquio de 24 galegos rústicos". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2015. Consultado o 20 de maio de 2015.
- ↑ Fernández Salgado, Benigno (2000). Os rudimentos da Lingüística galega: un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX (1913-1936). Servicio de Publicacións - Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-859-6.
- ↑ Real Academia Galega, Seminario de Sociolingüística, (1994). Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. RAG. ISBN 978-84-87987-08-3. Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2015. Consultado o 20 de maio de 2015.
- ↑ Real Academia Galega. "Primeiro discurso político en galego". Arquivado dende o orixinal o 05/03/2016. Consultado o 20/05/2015.
- ↑ Iglesias Álvarez, Ana (2003). Falar galego: "no veo por qué" : aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galicia. Edicións Xerais. ISBN 978-84-8302-939-8.
- ↑ "O castelán xa é o idioma predominante en Galicia". Praza.gal. 11 de outubro de 2024. Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ "A Xunta interpreta que o galego "segue a ser maioritario", a RAG urxe "un cambio de rumbo drástico"". Praza.gal. 11 de outubro de 2024. Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ 32,0 32,1 Plan Xeral de Normalización da lingua galega, páx. 36-38. Consultado o 6-10-2019.
- ↑ "IGE 2003-2018". Galicia. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2019. Consultado o 28 de setembro de 2019.
- ↑ IGE (2019). Coñecemento e uso do galego. Enquisa estrutural a fogares.
- ↑ % da poboación que fala sempre ou maioritariamente en galego. Esta porcentaxe exclúe a aqueles que falan maioritariamente en castelán pero que tamén usan o galego.
- ↑ % da poboación que fala sempre ou maioritariamente en castelán. Esta porcentaxe exclúe a aqueles que falan maioritariamente en galego pero que tamén usan o castelán.
- ↑ Número de xente que fala sempre ou maioritariamente en galego. Este número exclúe a aqueles que falan maioritariamente en castelán pero que tamén usan o galego.
- ↑ Número de xente que fala sempre ou maioritariamente en galego. Este número exclúe a aqueles que falan maioritariamente en galego pero que tamén usan o castelán.
Véxase tamén
Existe unha versión da Wikipedia en Lingua galega |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lingua galega |
Bibliografía
- Ferreiro Fernández, Manuel (1999). Gramática histórica galega I. Fonética e morfosintaxe. Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 9788489896437.
- Ferreiro Fernández, Manuel (1997). Gramática histórica galega II. Lexicoloxía. Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 9788484870005.
- Freixeiro Mato, Xosé Ramón (1998). Gramática da lingua galega I. Fonética e fonoloxía. Vigo: A Nosa Terra.
- Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2000). Gramática da lingua galega II. Morfosintaxe. Vigo: A Nosa Terra.
- Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2001). Gramática da lingua galega III. Semántica. Vigo: A Nosa Terra.
- Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2003). Gramática da lingua galega IV. Gramática do texto. Vigo: A Nosa Terra.
- Hermida Gulías, Carme (2004). Gramática práctica (Morfosintaxe). Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Edicións. ISBN 9788478244539.
- Lourenzo Suárez, Anxo M. (2008). A situación sociolingüística do galego: unha lectura. Vigo: Editorial Galaxia.
- VV., AA. (1990). Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias. Eilao: Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca.
- Regueira Fernández, Xosé Luís; Dubert García, Francisco; Novo Folgueira, Ramón (1998). Os sons da lingua. Vigo: Xerais. ISBN 9788483023266.
- Álvarez, Rosario; Xove, Xosé (2002). Gramática da lingua galega. Vigo: Xerais. ISBN 9788482883359.
Outros artigos
- Literatura galega
- Historia da lingua galega
- Wikipedia en galego
- Perífrases verbais galegas
- Normativa oficial do galego
Ligazóns externas
- Real Academia Galega Arquivado 15 de setembro de 2020 en Wayback Machine.
- Dicionario da RAG Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
- Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia
- Mesa pola Normalización Lingüística
- Portal galego da lingua
- A mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca Arquivado 04 de maio de 2013 en Wayback Machine.
- Loia, Consello da Cultura Galega.
- Recursos de galego Arquivado 02 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine. Universidade de Barcelona
- Algunhas claves básicas para o galego Arquivado 20 de decembro de 2016 en Wayback Machine., documento en PDF elaborado por Tagen Ata.
- The Galician language in education in Spain, como parte da serie Mercator sobre linguas en Europa do European Research Centre on Multilingualism and Language Learning. (en inglés)