Estatuto de autonomía de Galicia de 1936

texto lexislativo de Galicia

O Estatuto de autonomía de Galicia de 1936 foi un estatuto de autonomía, apoiado maioritariamente en referendo o 28 de xuño, pero que non chegou a ser aprobado en Cortes, e tan só foi admitido a trámite, por mor da guerra civil española e tamén debido a que Galicia foi territorio en poder dos sublevados dende o inicio da contenda.

Facsímile do Estatuto de Galicia de 1936 en pdf.

O proceso autonómico galego foi protagonizado nun primeiro momento polos republicanos da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), entre eles os nacionalistas Villar Ponte e Lois Peña Novo [1]. A ORGA foi sempre maioritaria nas comisións redactoras, nas Asembleas etc. ata 1932. Porén, a partir da aprobación do proxecto estatutario na Asemblea de municipios celebrada en Santiago de Compostela a finais de 1932, foi o Partido Galeguista o verdadeiro impulsor e dinamizador do proceso estatutario, especialmente na preparación e desenvolvemento do plebiscito de 1936 e en tódolos pasos seguintes.

Antecedentes

editar

Os primeiros movementos para dotar dunha constitución a un futuro Estado galego poden datarse na segunda metade do século XIX. Co Rexurdimento literario xorde tamén un movemento historicista dentro do cal Manuel Murguía comeza a escribir o que serán as bases ideolóxicas dos futuros rexionalismo e nacionalismo galegos. A Revolución de 1868, coa expulsión da raíña Isabel II, trouxo consigo o nacemento de movementos e partidos federalistas, como o Pacto Galaico-Asturiano asinado na Coruña o 18 de xullo de 1869, que propugnaba a creación dun estado federado formado pola confluencia de Galicia e Asturias. No mesmo contexto, outras tendencias, como a asemblea de demócratas de Ferrol de 1868, reclamaban a república federal da que formaría parte unha "Galicia independente, pero parte integrante da nación española"[2]. Na mesma liña, o alcalde de Santiago José Sánchez Villamarín e o seu grupo, o Centro de Iniciativas para Galicia, reclamaba en 1873, co gallo da proclamación da República, que os galegos tivesen capacidade lexislativa sobre os seus propios asuntos.

Así, non cabe estrañar que a constitución republicana de 1873 declarase o estado como unha República democrática federal, e a Galicia un estado federal integrante da nación española cunha elevada capacidade de autogoberno. Pero, como queira que esta constitución quedou abortada coa reinstauración da monarquía en 1874 e o regreso a un estado puramente centralista, todo quedou en nada.

Pero aínda baixo a monarquía borbónica, o Partido Republicano Federal mantivo viva a aspiración federalista e, en 1883, o Consello Federal de Galicia, baixo a presidencia de Segundo Moreno Barcia, redactou un "Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego" que sería aprobado en 1887. Este proxecto establecía que a rexión galega se erixía en Estado autónomo e soberano cun modelo de goberno democrático-republicano federal, prometendo "vivir perpetua e indisolublemente unida ó resto dos Estados irmáns da nación española ... para cooperar á grandeza da patria común". O proxecto non mencionaba aspectos lingüísticos ou culturais.

Aínda que o Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego nunca tivo efectos prácticos, cabe recoñecer a influencia que tivo sobre modelos autonomistas posteriores, como os de Brañas en 1889 ou o das Irmandades de 1918.

En 1890 nace en Santiago a Asociación Regionalista Gallega, a primeira organización política na historia do galeguismo [3], que só viviu 3 anos polas fondas discrepancias das tendencias que a integraban: os liberais-progresistas de Murguía, os tradicionalistas de Alfredo Brañas e os federalistas de Aureliano J. Pereira. Tampouco as organizacións que viñeron substituíla (Liga Gallega da Coruña e Liga Gallega de Santiago) tiveron futuro nin consecuencias. Con todo, Beramendi destaca o feito de que foron as primeiras propostas de autogoberno para Galicia non importadas e a primeira vez que se negaba que España fose unha nación de nacións, senón simplemente un Estado formado por varias nacións, teoría defendida por Murguía [4].

Neste contexto deséñanse dúas liñas cara a unha futura autonomía galega: a encabezada por Murguía e a Asociación Regionalista e a encabezada por Brañas e desenvolvida nos seus libros El Regionalismo (1889) e Bases del regionalismo y su aplicación a Galicia (1893).

"Que no noso, só nós poñámola man.
Que os que teñan que representarnos no Parlamento naceran en Galicia.
Que todo o que exerza cargo algún e en especial as primeiras funcionas públicas, o mesmo na orde civil que na relixiosa, sexa fillo do país.
Que non nos envíen de Madrid feitas as leis e os que teñan que aplicar, senón que aquí as elaboremos atendendo á nosa tradición, ó noso sentimento nacional, ás nosas necesidades.
Manuel Murguía: "Donde estábamos, estamos", en La Patria Gallega, 1892 (Traducido do orixinal)[5][6].

Xa no século XX, en 1907 nace Solidaridad Gallega, a semellanza da Solidaritat Catalana creada o ano anterior. Aínda que nas municipais de 1909 consegue un certo éxito, nas de 1910 fracasa e desaparece sen máis consecuencias en 1912.

Por fin, en 1916 rexorde o galeguismo e fúndanse as Irmandades da Fala, que protagonizan a transición entre o rexionalismo cara ó nacionalismo. Na Asambleia Nazonalista de Lugo de 1918 presentan un Manifesto que desenvolvía un proxecto de goberno rexional e no que xa se definía Galicia como nación. Neste Manifesto baseáronse tódolos programas do nacionalismo galego ata a Segunda República. Establecía unha federación de Estados dentro das nacións ibéricas, a cooficialidade do galego e o castelán (con predominio do galego en tódolos niveis do ensino e a esixencia ós funcionarios de ser galegos ou coñeceren o galego). Pero, segundo Beramendi, "Esta proposta federalizadora e modernizadora tivo unha audiencia cidadá tan escasa antes de 1931 que non foi quen de influír para nada na dinámica política galega".

No I Congreso de Estudios Gallegos, en 1919, presentouse un relatorio sobre o que debería ser o goberno rexional; en 1926, Losada Diéguez e outros presentaron outro semellante no I Congreso de Economía Galega; e en 1928, Ferreiro Cid presentou ó Seminario de Estudos Galegos un estudo sobre as implicacións fiscais dunha eventual autonomía de Galicia. Ningunha destas propostas callou en nada definitivo pero puxeron en evidencia que as distintas forzas políticas e intelectuais arelaban unha regulación legal dunha estrutura autonómica para o país.

Proxectos de Estatuto

editar

O Estatuto de Galicia de 1936 naceu, realmente, o 4 de xuño de 1931. Nesa data convocouse na Coruña unha Asemblea Pro-Estatuto, promovida pola Federación Republicana Gallega (FRG), plataforma na que destacaba a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA). Acababa de instaurarse en España a II República e abríase a posibilidade de converter o país nun estado federal.[7]

Nas eleccións do 12 de abril de 1931, que desembocaron na proclamación da República, venceu a coalición entre republicanos e socialistas, sen ningunha vocación autonomista, pero a necesidade de contar co apoio dos nacionalistas cataláns e vascos para fortalecer a República obrigounos a admitir un modelo intermedio entre o Estado Federal que moitos propugnaban nese momento e o centralismo que eles preferían. Este modelo intermedio foi o Estado integral cunha cesión de competencias moito menores que as que se definían en proxectos anteriores. Pero a esta solución non se chegou ata decembro dese ano, polo que partidos e intelectuais que se reunían na Coruña para conseguir a autonomía galega, aínda sen cumprirse o primeiro mes da República e sen sequera convocarse aínda as eleccións a Cortes constituíntes, confiaban na creación do Estado federal e na consecución dun alto nivel de competencias.

Participan na Asemblea, principalmente, cargos políticos dos partidos republicanos convocantes, pero tamén socialistas e moitos outros representantes de diferentes colectivos culturais, económicos e profesionais (como o Seminario de Estudos Galegos, a Universidade de Santiago, os Colexios de avogados etc.), así como representantes da emigración en América.

Na Asemblea presentáronse tres proxectos (do Secretariado de Galicia en Madrid, do Instituto de Estudios Gallegos e do Seminario de Estudos Galegos) e dous relatorios (da propia ORGA, convocante, e de Labor Galeguista de Pontevedra), con pretensión de borradores de texto constitucional. A proposta da ORGA-FRG, dado o peso político que daquela tiñan os republicanos, foi a que resultou aprobada, salvo pequenas modificacións.

 
Exposizón presentada pol-a poñenza encarregada de redactar o Anteproyeito de Estatuto da Galiza.

Seminario de Estudos Galegos

editar

O Seminario de Estudos Galegos presentou un Anteproyeito de Estatuto da Galiza que fora elaborado por Paz Andrade, Lois Tobío, Carballo Calero e Vicente Risco, se ben a redacción foi obra de Lois Tobío e Carballo Calero [8]; Alexandre Bóveda escribiría un informe económico que acompañaba a proposta, do que Castelao di que "estudaba, con cifras oficiaes, o aspecto económico-fiscal da proposta galeguista, para demostrar que non comprometía os intreses galegos nin prexudicaba os intreses dos demais pobos da Hespaña" [9].

O anteproxecto do Seminario foi publicado o 6 de maio de 1931. Estaba formado por 7 tíduos (títulos) e 41 artigos. Partía da base de España como estado federal (o que explica a redacción do artigo 1º) e Galicia como un estado libre no seu seo, e recollía a oficialidade do galego como lingua (principio que o Seminario defendía desde a creación das Irmandades da Fala en 1916). Comezaba así:

 
Anteproyeito de Estatuto da Galiza (1931), íntegro en pdf.
Art. 1º A Galiza é un Estado libre drento da Repúbrica Federal Española.

Art. 2º As linguas oficiaes no Estado galego son, indistintamente, a galega e a castelá.

  Non poderán desempeñar na Galiza cárregos púbricos os que non coñezan a lingua galega.

Art. 3º As côres nacionaes da Galiza son branco-azul.

Art. 4º O territorio da Galiza comprende as antigas catro provinzas da Cruña, Lugo, Pontevedra e Ourense.

Art. 5º Poderáse agregar ô territorio da Galiza calquera outro colindante, por acordo dos dous tercios dos seus eleitores, aprobado pol-a Asambreia do Estado galego e a lexislatura a que estivere sometido o territorio en custión; todo isto cô refrendo do Poder federal.

  O plebiscito a que se refire o primeiro párrafo d'iste artigo terá lugar por iniciativa do Consello do Estado galego ou da vixésima parte dos eleitores do país que se trata d'anexar.

Art. 6º Serán galegos:

a) os fillos de galegos nados no territorio do Estado galego.

b) os fillos de pai ou nai galegos, inda que nazan fora, sempre qu'isa sexa a súa vontade. Namentral-os fillos sexan menores, enténdese coma vontade súa a do seu representante legal.

c) os que non sendo originariamente galegos, gañen viciñanza en calquera lugar da Galiza.

Os órganos políticos eran a Asambreia, o Consello e o Presidente. A Asemblea elixíase por sufraxio universal, directo e secreto. O Consello era elixido pola Asemblea, e o cargo de presidente rotaba anualmente entre os membros do Consello. Menos definidos quedaban as relacións co Estado central e os conflitos de competencias. Tamén prevía a asunción de tódolos impostos que ata entón estaban atribuídos ó Estado central, excepto os correspondentes a aduanas e monopolios.

O proxecto do Seminario non chegou a debaterse xa que Cabeza de León, presidente nese momento desta institución, decidiu retiralo porque consideraba que os seus principios xa quedaban recollidos no texto da FRG.

Secretariado de Galicia

editar

O Secretariado de Galicia, radicado en Madrid, propuxo unhas Bases para un proyecto de Estatuto gallego que se publicara no Boletín do Secretariado o 30 de maio de 1931.

Na práctica, este texto non tivo ningunha incidencia na discusión xa que era inasumible polos demais participantes. Definía Galicia como unha rexión e estipulaba o castelán como lingua oficial. Segundo este texto, habería dúas cámaras, unha formada por representantes das corporacións e outra elixida por sufraxio directo, que constituirían a Asemblea, como órgano de poder, asemblea que estaría sometida a un delegado do Goberno central.

Instituto de Estudios Gallegos

editar

O Instituto de Estudios Gallegos [11] da Coruña presentou un Proyecto de bases que tampouco resultou aceptado, por representar unha filosofía conservadora e rexionalista. Foi redactado por Manuel Casás Fernández e Fernando Martínez Morás

Segundo este texto, de só 18 artigos, a lingua galega sería permitida, pero se prefire o castelán por ser este un idioma culto e polo alto continxente emigratorio. Galicia definíase como unha rexión dentro da unidade nacional española.

Federación Republicana Gallega

editar

Como xa se dixo, foi o borrador presentado pola Federación Republicana Gallega o texto que se tomou en consideración, tras introducir mínimas modificacións. Lois Peña Novo foi un dos redactores e tamén poñente na presentación e defensa do texto na Asemblea da Coruña do 4 de xuño, xunto a Antón Villar Ponte. Baseábase no proxecto de Constitución que se aprobara en 1887 e fora discutido nunha Asemblea que a FRG celebrara na Coruña no mes de maio [12]. Definía Galicia como un estado autónomo dentro da República española (art. 1º) e, sen empregar a palabra nación, preconizaba unha soberanía propia que residía no pobo galego (art. 16). Existiría unha Asemblea, elixida por sufraxio universal, que nomearía o Presidente, e este nomearía o Consello de Ministros. No tocante á lingua, galego e castelán serían linguas cooficiais.

 
Deputados galegos de 1931. Ramón Suárez Picallo, Daniel Vázquez, Alejandro Rodríguez Cadarso, Castelao, Nóvoa Santos, Antón Villar Ponte, Poza Juncal, Otero Pedrayo e Antón Alonso Ríos.

O texto do relatorio, redactado por dous antigos nacionalistas, achegábase máis ó federalismo que ó autonomismo, a pesar de que a FRG e o seu presidente, Casares Quiroga, avogaban por unha descentralización menos profunda. Este desapego explica a curta vida deste proxecto de Estatuto.

O Estatuto trala aprobación

editar

Aprobado finalmente o proxecto de Estatuto na citada Asemblea da Coruña do 4 de xuño de 1931, axiña xorden os primeiros problemas. Santiago Casares Quiroga, líder e fundador da ORGA, foi nomeado ministro de Mariña, xa en abril de 1931, e posteriormente ministro da Gobernación, en outubro, e desentendeuse, na práctica, das inquedanzas autonomistas galegas, tanto por ser partidario dunhas autonomías domesticadas como por verse comprometido polas directrices do Goberno central. Cómpre lembrar que na ORGA convivían sectores autonomistas xunto a outros que só admitían un rexionalismo moderado. En calquera caso, ese desinterese de Casares polo Estatuto non impediu que os republicanos da ORGA, máis particularmente que como partido, continuaran apoiando o proceso autonómico e achegando a influencia que tiñan ó controlar as deputacións provinciais da Coruña e Lugo e as alcaldías de importantes cidades, algo imprescindible con vistas a cumprir o trámite da aprobación do borrador polos dous terzos dos concellos galegos.

A maiores, o proceso constituínte republicano que acababa de poñerse en marcha vai baleirando de contido o proxecto de Estatuto ó desaparecer do texto constitucional o esperado modelo de Estado federal, substituído por unha fórmula de estado integral descentralizado, simplemente [13]

A consecuencia de todo o anterior, a ORGA terminou rexeitando o texto aprobado na asemblea da Coruña e encargou, no verán de 1931, a redacción dun novo Estatuto que se adaptara á organización política que establecía a Constitución. O 12 de xullo reúnense na Coruña os deputados galegos nas Cortes de Madrid que constituían a denominada minoría galega (Vilar Ponte, Suárez Picallo, Peña Novo, Emilio González, Otero Pedrayo e Castelao), que presentaron o novo texto nunha Asemblea celebrada tamén na Coruña, en outubro. Neste texto, de 17 artigos, defínese Galicia como rexión autónoma dentro da República española e o galego e o castelán como linguas cooficiais.

O texto resultante, aínda que rebaixara notablemente o nivel de autogoberno, conseguiu o acordo dos republicanos da ORGA e dos galeguistas, pero tampouco desta volta habería resultados definitivos, ante o rexeitamento do proxecto por parte do Partido Socialista Obreiro Español, o Partido Radical e a dereita republicana. Un dos grupos que mostraron maior oposición ó proxecto galeguista estivo protagonizado polo republicanismo coruñés de César Alvajar (A la Tercera República), que rexeitaban o que cualificaba de Estatuto caciquil. No fondo esta actitude e a doutras forzas coruñesas baseábase na eventual elección de Santiago como capital de Galicia, como se verá a seguir. Cando, anos despois, se celebre o referendo pro Estatuto, esta mesma agrupación A la Tercera República utilizará como lema a afirmación "La Coruña, como indiscutible capital de Galicia".

 
Fundación do Partido Galeguista, 1931.

O novo proxecto de 1932

editar

En decembro de 1931 coinciden dous feitos que van marcar o inmediato futuro do Estatuto: o día 6 créase o Partido Galeguista, verdadeiro impulsor do proceso estatutario desde ese momento; e o día 9 apróbase a Constitución republicana.

Coa aprobación da Constitución, aínda que moi esixente á hora de autorizar as futuras autonomías, ábrese por primeira vez a posibilidade de que determinados territorios con características históricas, culturais e económicas comúns poidan organizarse como rexións autónomas [14] e dotarse dun Estatuto que estableza a repartición de competencias entre o Estado e a rexión autónoma. A mesma Constitución establecía os requisitos que deberían cumprir e os pasos de tiñan que dar para alcanzar ese status [15]. Os partidos políticos galegos, especialmente os de tinguidura galeguista, retomaron de novo o obxectivo de redactar e aprobar un Estatuto de autonomía para Galicia, coa confianza, ademais, de que a esquerda española secundaría ese propósito.

 
Portada do Estatuto de Galicia feita por Camilo Díaz Baliño.[16]

O 18 de decembro, Castelao intervén no Congreso para pedir que sexa o Goberno español quen poña en marcha o procedemento de aprobación do Estatuto galego [17]. A resposta de Prieto pon en evidencia o desinterese do Goberno Central na autonomía galega, cando di que o goberno non pode improvisar e que calquera institución podía tomar a iniciativa prevista na Constitución.

En xaneiro de 1932, é de novo o Partido Galeguista quen reclama ás catro Deputacións provinciais maior interese polo Estatuto, que nin sequera fora publicado nin distribuído entre os concellos que, en definitiva, serían os que deberían aprobalo. Só responderon os presidentes das Deputacións de Ourense e de Pontevedra prometendo reunir as corporacións (promesa que en maio aínda non se cumprira). Mentres tanto, en Madrid, Súarez Picallo e Villar Ponte intentaban, sen éxito, que a Minoría Gallega do Congreso tomase o Estatuto como obxectivo primordial.

A proposta de Enrique Rajoy Leloup [18], concelleiro conservador de Santiago de Compostela, o alcalde Raimundo López Pol, republicano da ORGA, tomou a iniciativa de convocar a tódolos concellos do país para redactar e aprobar o novo Estatuto, cumprindo así o requisito constitucional de que fose aprobado pola asemblea de municipios. Para superar posibles prexuízos dos concelleiros ante as posicións nacionalistas do proxecto a aprobar, Rajoy insistiu nas vantaxes económicas que a autonomía podía reportar a Galicia, seguindo así as teses de Bóveda neste sentido, e denunciando a impasibilidade depresiva e suicida que se estaba amosando na política galega.

 
Portada do anteproxecto do 3 de xullo de 1932.

Nomeouse unha Comisión Organizadora que xestionase unha primeira reunión con representantes dos concellos e forzas políticas e, a seguir, a asemblea de municipios. O 29 de maio reuníronse en Santiago políticos, sindicalistas, empresarios e intelectuais, que se manifestaron a favor do Estatuto. O 25 de maio, o pleno municipal de Vigo, unha das cidades máis reticentes, aprobara a asistencia á asemblea, aínda que sen maiores compromisos cá simple asistencia. En xuño, a Federación Gremial Patronal invita a Bóveda a dar unha conferencia sobre as xa mencionadas vantaxes económicas, conferencia que consegue mudar a actitude dos empresarios.

A asemblea de municipios tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela o domingo 3 de xullo de 1932, presidida por Xaime Quintanilla, alcalde socialista de Ferrol, coa participación de dirixentes do Partido Republicano Gallego (a antiga ORGA), algúns membros do PSOE e de partidos conservadores e unha numerosa representación do Partido Galeguista. Tamén distintos persoeiros a título persoal, como Rodrigo Sanz.

Na asemblea acordouse crear unha comisión que redactase un novo proxecto de Autonomía axustado á Constitución pero tendo presente os textos anteriores e o Estatuto catalán que nese momento se debatía no Congreso. A comisión constituíuse baixo a presidencia de Salvador Cabeza de León[19] (decano da Facultade de Dereito de Santiago e presidente do Seminario de Estudos Galegos, a entidade cultural de maior prestixio nese momento) e co concurso de Eladio Rodríguez (presidente da Real Academia Galega), Lugrís Freire (académico da RAG), Iglesias Corral (alcalde da Coruña), Rodrigo Sanz (presidente do Secretariado de Galicia en Madrid), Avelino López Otero (secretario do Partido Republicano Gallego), Santiago Montero Díaz (doutor en Filosofía e Letras), Jacobo Arias del Villar (enxeñeiro forestal), Alexandre Bóveda (en representación do Partido Galeguista) e Enrique Rajoy (concelleiro de Santiago e decano do Colexio de Avogados de Santiago), como secretario.

Nos dous meses seguintes rematouse a redacción, que se entrega o 4 de setembro. Os redactores explicaron que buscaron os puntos de coincidencia entre as forzas presentes e tan só houbo desacordo nos votos particulares que presentaron Rodrigo Sanz e Santiago Montero Díaz, no sentido de negar a cooficialidade do galego e reducir considerablemente o seu uso público.

O texto que se presenta a exame consta de 6 títulos (I: Preliminar; II: Poder Rexional; III: Atribucións da Rexión; IV: Facenda Rexional; V: Disposicións Xerais e VI: Réxime Transitorio) e 49 artigos. O proxecto definía Galicia como unha rexión autónoma, establecía a cooficialidade do galego e do castelán e deixaba en mans galegas numerosas competencias e atribucións, incluíndo a creación dun Dereito civil galego, como apéndice do dereito civil xeral. Os órganos de poder establecidos eran a Asemblea Lexislativa (cuxos deputados serían elixidos por tres anos por sufraxio universal mediante un sistema de representación proporcional), a Xunta de Galicia e o Presidente (elixido por catro anos mediante votación popular directa e secreta).

 
Manifesto da Asemblea de Municipios de Galicia, 1 de novembro de 1932.

Abriuse un período de información pública ata o 29 de setembro. O texto publicouse integramente en El Pueblo Gallego (Vigo), Vanguardia Gallega (Lugo), Heraldo de Galicia (Ourense), La Voz de Galicia e El Ideal Gallego (A Coruña) así como en El Eco de Santiago e El Compostelano (de Santiago) e n'A Nosa Terra. Neste último medio, o Partido Galeguista manifestaba que este non era o Estatuto desexable, que non era un fin senón un medio para conseguir o autogoberno de Galicia, á vez que criticaba a postura dos socialistas galegos, que acababan de rexeitar a autonomía no congreso que celebraran en Monforte.

Presentáronse distintas emendas que demostraron o desinterese das Deputacións, da maioría dos concellos e certas forzas políticas, especialmente as da dereita, de socialistas, anarquistas e comunistas. Unha destas emendas ó proxecto, presentada polo Círculo Mercantil de Vigo, foi a seguinte:

"... entendemos que a lingua galega debería cultivarse, a fin de que non se perdese por completo, en academias e centros análogos, a fin de convertela nunha verdadeira lingua literaria e culta, pero fóra disto entendemos que non ten aplicación máis que en conversacións familiares. ... consideramos que o seu ensino obrigatorio ocasionaría unha gran perda de tempo, precioso para dedicalo a máis útiles disciplinas"
(Tradución do orixinal citado por Beramendi, 50).[20]

A Asemblea Rexional de Concellos que aprobará este proxecto celebrouse os días 17, 18 e 19 de decembro dese ano, na Facultade de Medicina de Santiago, coa presenza de representantes dos concellos galegos e numerosas entidades culturais e económicas, así como 15 deputados e outros persoeiros de sona. Contra os defensores do Estatuto aliñáronse o Partido Comunista, que consideraba que os nacionalistas que alentaban as autonomías eran burgueses e contrarrevolucionarios. Tamén o Partido Republicano Radical de Emiliano Iglesias o cualificaba como nacionalista disgregador. Outras razóns, como a capitalidade, eran a base da oposición da Cámara de Comercio da Coruña e os representantes deste concello. Por suposto, os partidos de dereitas, comezando polo partido de José Calvo Sotelo ou a Unión Regional de Derechas (a CEDA en Galicia), manifestaron claramente a súa oposición.

A asemblea estivo presidida por Bibiano Fernández Osorio-Tafall, alcalde de Pontevedra, e sentando na mesa os presidentes das catro Deputacións e os alcaldes ou representantes da Coruña, Vigo, Ferrol e Mondoñedo. Tralo inevitable debate sobre a capitalidade e despois de introducir algúns cambios sobre o texto orixinal, procedeuse á votación na tarde do día 19, coa ausencia de representantes de sona, como os dos concellos de Vigo, Betanzos, Cambados e Monforte. Votaron a favor 176 concellos, o 77% dos concellos galegos, que representaban 444.785 electores, o 84,7 % da poboación. Outros 33 concellos non se pronunciaron, entre eles o da Coruña, acordándose que tomarían unha decisión antes de 15 días, entendéndose que se non se manifestaban en contra nese prazo, asumíase o voto favorable.

Este estatuto foi proposto aos electores galegos por 256 Axuntamentos de elección popular (somentes fallaron 63) que representaban un 80 por cento da poboación de Galiza.
Castelao: Sempre en Galiza, cap. XVI

Entre eses cambios destaca o de postergar a decisión da capitalidade de Galicia ata a constitución da Xunta provisional, que sería a que elixiría entre Santiago e A Coruña, as dúas sedes en discusión. Non só foi A Coruña quen facía deste tema un principio irrenunciable, tamén Vigo, e foi a principal fonte de confrontación entre partidos e colectivos coruñeses e santiagueses, evidenciada nos tensos debates que mantiveron durante a Asemblea de municipios Iglesias Corral e Eladio Rodríguez, por unha banda, e Bóveda e Rajoy por outra. De feito, a escasa oposición ó Estatuto reflectía este desencontro. Nun intento de superar esta diferenza, nos debates chegou a propoñerse, como alternativas neutras, situar a capital de Galicia nas cidades de Melide, Mondoñedo ou Monforte de Lemos. O texto final quedou así:

Art. 36. Esta Asemblea [21], reunida en sesión previa no lugar que sinale a Xunta provisoria da Rexión, establecerá a súa residencia definitiva na localidade que ela mesma designe.

O longo camiño cara ao Referendo (1933-1936)

editar
 
Cartel de Camilo Díaz Baliño a prol do estatuto.

Trala aprobación na Asemblea cumpría dar o seguinte paso para a aprobación pola maioría dos concellos galegos. A tal fin, o 8 de xaneiro de 1933 constituíuse un Comité Central de Autonomía que solicitase do Goberno de Madrid a publicación urxente, a ser posible no mes seguinte, do decreto que convocase o referendo e, simultaneamente, organizase este. Este Comité estaba presidido por Bibiano Fernández Osorio-Tafall con Enrique Rajoy Leloup como Secretario, e nel negáronse a participar, como sempre, a Unión Regional de Derechas e os socialistas, comunistas e anarquistas. Non se puido conseguir este decreto coa prema desexada, entre outras razóns porque o propio Goberno Central, receoso das iniciativas autonómicas, non mostrou maior interese, aínda que contase co galego Casares Quiroga, da ORGA, como Ministro da Gobernación, con quen Castelao e outros deputados galeguistas se entrevistan o 14 de febreiro. A actitude obstrucionista de Casares xa viña producíndose, como se viu, desde que dous anos antes fora nomeado ministro, e foi duramente criticado por iso polos sectores nacionalistas na prensa da época (El Pueblo Gallego e A Nosa Terra), especialmente polo Partido Galeguista. Un claro exemplo é o seguinte texto que escribiu Castelao en 1933:

O señor Casares é o responsable de que o plebiscito non se celebrase en febreiro; ninguén máis que el fixo que os antiestatutistas -esmagados pol-o entusiasmo que a patríotica Asambrea de Compostela produxera- resucitase agora; a el se debe que todo o vello caciquismo campe agora pol-os seus respetos, esgrimindo contra os intereses de Galiza a bandeira patrioteira do hespañolismo centralizador. Ninguén pudo facer máis, por omisión ou aición, en contra da economía, a dinidade e a decencia política da nosa Terra
A Nosa Terra 309, 11.09.1933 [22]

Casares non fixo outra cousa que poñer inconvenientes á convocatoria do referendo, e remíteos a Azaña, con quen se reúnen o día 17 de marzo. Azaña acordou comentalo con Casares e resolvelo en Consello de Ministros pero rematado o mes de marzo aínda non se publicara o Decreto, polo que o Partido Galeguista esixiu unha reunión do Comité de Autonomía, que se celebrou o día 26 con tan escasa asistencia que o presidente, Osorio Tafall, presentou a dimisión, aínda que non lle foi aceptada. Por fin, o Consello de Ministros tratou este punto o 17 de maio, e o Decreto asínase o 27 e publícase na Gaceta o 31.

O decreto deixaba en mans do Comité de Autonomía fixar a data do referendo, pero tampouco agora se deron os pasos necesarios para celebralo. Ó contrario, o Comité, reunido o 11 de xuño, decide comezar cunha rolda de consultas a partidos, institucións e entidades, co pretexto de acadar o maior consenso posible. O 1 de agosto, Bóveda protesta pola inactividade do Comité, que segue sen tomar unha decisión á espera, segundo explica, de saber a contribución económica á que están dispostas as Deputacións. Estes novos atrasos levaron a Osorio Tafall a presentar, de novo, a dimisión como presidente do Comité.

As circunstancias galegas e españolas (coma o errado golpe de estado de Sanjurjo o 10 de agosto) desaconsellaban convocar o referendo e o Comité decide adiar a convocatoria, algo no que Castelao e o Partido Galeguista nunca estiveron de acordo. Proba disto son os críticos artigos que se publican n'A Nosa Terra denunciando os desleigamentos e traicións ó pobo por parte de Casares Quiroga e outros.

"O Partido Galeguista está canso de esperar. Está canso de transixir. Está canso de confiar en promesas que non se cumpren"
A Nosa Terra, 13 de agosto.

A situación política continúa empeorando ó longo do ano e provoca a caída dos gobernos de Azaña, primeiro, e de Lerroux, coa convocatoria de eleccións xerais o 19 de novembro de 1933. Nesta ocasión triunfan os partidos de dereitas, manifestamente contrarios a calquera política autonomista, e instáurase o denominado Bienio negro ou bienio radical-cedista durante os anos 1934 e 1935.

Ante esta situación, o Comité de Autonomía, que xa anulara unha reunión o 17 de setembro "en vista de las circunstancias políticas acaecidas en España"[23], reúnese o 3 de decembro e decide "adiar sine díe e mentres as circunstancias o aconsellen, o plebiscito do Estatuto". Este aprazamento durará dous anos, e o proceso estatutario só se volverá recuperar tralo triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936.

 
Texto íntegro en galego normativo (pdf).

1936: Vota o Estatuto

editar

A vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936, na que se integrara o Partido Galeguista a cambio, entre outros temas, do seu compromiso de aprobar decontado o Estatuto de autonomía, permitiu a revitalización do proceso estatutario. O prezo deste pacto para o PG foi unha crise interna moi aguda, xa que un sector importante, encabezado por Vicente Risco, abandonou o partido para integrarse na chamada Dereita Galeguista, aínda que logo colaborarían no referendo.

Nestas eleccións xerais, o Partido Galeguista consegue 3 deputados (Castelao e Suárez Picallo por Pontevedra e Villar Ponte pola Coruña). Eles e mais todo o partido reactivan o debate e organizan, xa desde marzo, numerosos mitins e actos públicos, sós ou con outras forzas, por todo o país. A Nosa Terra publica, o 20 de marzo, o texto íntegro do Estatuto e en abril e maio sucédense os acordos favorables de distintos concellos, comezando polo da Coruña que pide a inmediata convocatoria do referendo e anuncia que achegará 50.000 pesetas, á vez que insta ós outros concellos a tomar unha postura similar. Axiña responden, no mesmo sentido, os concellos de Santiago, de Pontevedra, da Estrada, de Lalín, de Vigo e outros moitos; tamén a Deputación de Pontevedra que ofrece 30.000 pesetas.

O Comité Central da Autonomía reúnese en Madrid o 8 de maio cos deputados galegos recentemente elixidos, pero non se acorda ningunha data concreta. Volve reunirse, en Santiago, o 17 de maio, nunha asemblea na que participaron partidos, concellos, deputacións, sociedades culturais e agrarias etc, e na que unicamente faltaron os derrotados partidos de dereitas. Cómpre salientar a adhesión dos centristas Portela Valladares e Armando Peñamaría, que ofreceron tamén o apoio do diario El Pueblo Gallego, de Portela.

O 19 de maio Rajoy Leloup entrevístase con Casares Quiroga, para pedirlle a convocatoria urxente do plebiscito, pero Casares delega esa decisión no Comité. Por fin, reunido este no salóns de reunións do concello de Santiago o 31 de maio, fixa a data definitiva no 28 de xuño.

A campaña polo SI tivo unha alta participación e cantidade de medios empregados: editáronse un millón de exemplares do Estatuto, recorreuse ós novos medios de comunicación que representaban a radio, o cine e a megafonía, e ós mitins en tódalas cidades e vilas importantes e numerosas aldeas rurais, así como en Madrid. Durante a campaña, o aviador ferrolán Francisco Iglesias Brage participou lanzando desde a súa avioneta chuvias de folliñas voandeiras sobre as cidades galegas pedindo o SI ó Estatuto [24].

Tamén chamou a atención grazas ós carteis que crearon ó efecto artistas consagrados como Castelao (que debuxou dous), Maside (outros dous), Díaz Baliño e José López Bouza (baixo o pseudónimo Zeus), así como outros que empezaban a coller sona, como Luís Seoane, con 26 anos nese tempo, ou Isaac Díaz Pardo (que, con só 15 anos, debuxou catro carteis, un deles baixo o pseudónimo Xalo). A imprenta Roel, da Coruña, foi a que realizou a impresión da maioría dos carteis.

Fronte á ampla maioría de partidos, entidades e persoeiros que chamaban á participación e pedían o voto afirmativo, as posicións en contra foron moi escasas. A coalición de dereitas CEDA, de Gil Robles publicou un manifesto chamando á abstención porque a autonomía levaba a "esnaquizar a unidade nacional", postura na que coincidían Acción Popular e o Bloque Nacional de Calvo Sotelo. Os medios de prensa ligados coas organizacións da dereita (El Ideal Gallego, da Coruña, Faro de Vigo ou La Región, de Ourense) manifestáronse abertamente contra o referendo, mentres que La Voz de Galicia, que sempre foi crítica co movemento autonomista, deixou de mostrar hostilidade.

Pero o caso é que, comezado xuño, aínda non se convocara oficialmente o referendo. O día 14, o alcalde santiagués Ánxel Casal reclamou a publicación da convocatoria polos gobernadores ante Osorio Tafall, daquela subsecretario de Gobernación, quen propuxo adiar o referendo ata o 26 de xullo. Casal negouse e ameazou cunha dura reacción política, e o resultado foi que a convocatoria publicouse finalmente nos boletíns oficiais das catro provincias os días 15 e 16.

O Estatuto

editar

Algúns dos principais artigos do Estatuto eran:

Artigo 1.º Galicia organízase como rexión autónoma no Estado Español, de conformidade coa Constitución da República e co presente Estatuto.

O seu territorio é o dos municipios dentro dos actuais límites administrativos das catro provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Art.2.º Poderase agregar a Galicia calquera territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante os requisitos que as leis xerais establezan.

Art.4.º Serán idiomas oficiais en Galicia o castelán e o galego; pero nas relacións oficiais da rexión con autoridades doutras rexións e co Estado, usarase sempre o castelán.

Art.5.º As atribucións recoñecidas a Galicia neste Estatuto serán exercidas: por unha Asemblea lexislativa, polo presidente da Rexión, e por un órgano de goberno que se denominará Xunta de Galicia (...)

Art.6.º A Asemblea comporase de deputados elixidos por sufraxio universal, igual, directo e secreto, segundo o sistema de representación proporcional e para un período de tres anos.

Art.7.º O presidente da Rexión asumirá a representación de Galicia para todos os efectos; (...).

Será elixido por votación popular directa e secreta, por un período de catro anos.

Art.15.º Consonte os artigos 48, 49 e 50 da Constitución, a Rexión poderá crear e rexer establecementos de ensino de todas clases e graos, cuxos certificados de estudos terán validez para obter os títulos académicos e profesionais que expida o Estado, mediante as probas finais e os requisitos que este estableza con carácter xeral.

Correspóndelle, así mesmo, á Rexión a adaptación, ás necesidades e conveniencia rexionais, da lexislación xeral relativa ao primeiro e segundo ensino e mais ás Escolas normais. Nas Escolas primarias da Rexión e nas do Estado, será obrigatorio o ensino das linguas galega e castelá, e nos Institutos e nas Escolas Normais crearanse as materias de Lingua, Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

Nos establecementos de ensinanzas especiais do Estado e na Universidade compostelá, a Rexión poderá soster ou subvencionar cátedras e institucións de cultura galega.

Por proposta da Rexión, o Goberno da República poderá outorgarlle á Universidade de Santiago un réxime de autonomía.

Corresponderanlle, ademais, á Rexión, os servizos de Arquivos, Bibliotecas e Museos radicados no seu territorio..
Estatuto de Galicia de 1936 en galego normativo. Parlamento de Galicia.

Texto da carteleiría

editar
 
Luís Manteiga nun mitin pro-estatuto o 27/6/1936 en Lugo.[25]
  • Para que remate esta vergonza VOTA O ESTATUTO (Castelao) [26]
  • Para que a nosa Terra sexa nosa VOTA O ESTATUTO (Castelao).[27]
  • ESTATUTO DE GALICIA SI (Díaz Baliño).[28]
  • GALEGOS, para conquerir a libertade hay que tronzal-a cadea. Para tronzala poñede SI cando votedes o Estatuto (Díaz Pardo).
  • Las dos simbolizan la libertad. ¡Camarada! al votar el Estatuto de Galicia pon SI y ayudarás a su triunfo (Díaz Pardo).[29]
  • Para arrematar cos caciques, cando votedes o Estatuto poñede SI (Díaz Pardo).[30]
  • SI, VOTADE por unha Galiza ceibe (López Bouza).[30]
  • GALEGOS...! Na vosa man esta o porvir da vosa terra ¡Votade o Estatuto! (Maside).
  • MULLERES que traballades como homes, como homes VOTADE O ESTATUTO (Maside).[31]
  • O Estatuto libertará a nosa Terra (Seoane).[32]
  • VOTAR O ESTATUTO é votar porque nos governemos con LEISES GALEGAS. Naide sabe do noso mais que nos (Bernardino Vidarte).[33]
 
Ánxel Casal convida os outros alcaldes a acudir ó Congreso o 15 de xullo.

Resultados do plebiscito

editar

O 28 de xuño de 1936 celebrábase o plebiscito do Estatuto, no que votou o 74,56% do censo electoral (1 343 135 electores inscritos), participación altísima nesa época. Dos 1 000 963 votos emitidos, 993.351 foron a favor (o 99,24%), 6.161 en contra e 1.451 en branco.

O 15 de xullo de 1936, unha comisión en representación do Comité Central da Autonomía de Galicia entregaba ó Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, o texto do Estatuto aprobado en referendo. Esta comisión estaba formada por unha nutrida representación de parlamentarios e políticos galegos, entre os que se encontraban Tafall e Rajoy (representando ó Comité), os presidentes das catro xestoras provinciais (en función de Deputacións), os alcaldes das catro capitais de provincia e mailos de Santiago, Vigo, Ferrol e Viveiro e un grupo de deputados galegos da Fronte Popular (Castelao, Elpidio Villaverde, Fernández de la Vega, Ramón Beade, Alfredo Somoza, Celestino Poza, Guiance Pampín etc.).

O día 17, a comisión entrevistouse con Manuel Azaña, Presidente da República, a quen Castelao lle dirixiu un breve discurso que remataba así:

Estamos ben certos, e atrevémonos a dicilo, que o día que S.E. asine o noso Estatuto autonómico crearase un novo baluarte da República.
Tradución do orixinal[34]

Ó que Azaña respondeu:

Teño fe no resultado das autonomías rexionais e cada vez estou máis convencido de que as rexións autónomas serán os mellores baluartes da democracia republicana.
Castelao: Sempre en Galiza, Libro II, V. (Traducido do orixinal)[35]
 
Depuración: pliego de cargos contra José Álvarez Blázquez.

En calquera caso, o estoupido da Guerra Civil o día seguinte, 18 de xullo, rematou brusca e definitivamente o proceso. O estatuto galego nunca chegou a entrar en vigor por mor do triunfo do bando sublevado en Galicia tras o Golpe de Estado.

Últimos pasos

editar

As Cortes republicanas, trasladadas a Cataluña, non admitiron a trámite o Estatuto ata o 1 de febreiro de 1938, na sesión celebrada en Montserrat, pero volveu quedar paralizado ante a negativa do Partido Socialista a nomear os seus representantes na Comisión [36]. Por fin foi aprobado na reunión de Cortes da República celebrada en México en 1945, que recoñecen que "Galicia deixou expresada a súa vontade de Autonomía no texto do Estatuto plebisticado e aprobado polo pobo galego"[37]. Este recoñecemento non tivo efecto práctico ningún, pero conseguiu a homologación de Galicia coas autonomías catalá e vasca, unha de cuxas consecuencias foi o nomeamento de Castelao como ministro no goberno de Giral no exilio en 1946.

Tamén serviu como antecedente á hora de catalogar a Galicia como nacionalidade histórica cando se recuperou a democracia coa Constitución de 1978 e poder, así, acollerse ó procedemento e ás maiores competencias que establecía no seu artigo 151.

Segundo contou Castelao nunha longa carta a Rodolfo Prada en 1947, a documentación do Estatuto perdérase e esa falta do texto e do documento que demostrara o estado parlamentario trala entrega nas Cortes foi utilizado polo socialista Indalecio Prieto para atrasar a aprobación, último paso que faltaba por dar neste longo camiño. Explica esa desaparición no traslado dos arquivos das Cortes a París ante a caída de Barcelona en 1939, traslado realizado polo oficial maior do Congreso Miguel Cuevas, quen durante a dominación nazi, en pluma de Castelao, queimou, efeitivamente, o Arquivo, pero foi autorizado para eso e, pol-o visto, conserva a debida autorización, negándose a decir quén foi o autorizante. Castelao sempre dixo que detrás de todas esas manobras estaba a man dos socialistas de Prieto.

  1. Quen, en 1921, publicara o libro La Mancomunidad Gallega, obra de referencia dos galeguistas á hora de concretar o autogoberno.
  2. Traducido da cita orixinal: "Galicia independiente, pero parte integrante de la nación española"
  3. Beramendi: A Autonomía de Galicia, 23.
  4. Beramendi, 24-25.
  5. Texto orixinal: "Que en lo nuestro, sólo nosotros hayamos de poner la mano.
    Que los que hayan de representarnos en el Parlamento sean nacidos en Galicia.
    Que todo el que ejerza cargo alguno y en especial las primeras funcionas públicas, lo mismo en el orden civil que en el religioso, sea hijo del país.
    Que no nos envíen de Madrid hechas las leyes y los que han de aplicarlas, sino que aquí las elaboremos atendiendo á nuestra tradición, á nuestro sentimiento nacional, á nuestras necesidades.
  6. Citado por Beramendi, 25.
  7. Reiriz Rey, Jesús María; Alfeirán Rodríguez, Xosé (2004). Tiempos republicanos (en castelán). A Coruña: Ateneo Republicano de Galicia. ISBN 84-933103-2-8. 
  8. Tobío conta que o Seminario lles encargou preparar o anteproxecto a pouco de instaurarse a República. Todos, excepto Risco, remitiron axiña as súas notas e propostas sobre as que el e mais Calero redactaron o proxecto na biblioteca da facultade de Dereito de Santiago, rematándoo a finais de abril. Risco entregou a súa colaboración meses despois, polo que as súas propostas non foron tidas en conta (Lois Tobío: As décadas de T.L. Ediciós do Castro, Sada 1994).
  9. Henrique Monteagudo: [Ligazón morta Obras [Castelao]][Ligazón morta], tomo 2, páx. 117, Editorial Galaxia, 1ª ed. 2000.
  10. VVAA: A Autonomía galega (1846-1981). Consellería da Presidencia, Santiago de Compostela 1986, 228-229.
  11. Non confundir co Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, fundado en 1944 sobre os restos que quedaron do Seminario de Estudos Galegos trala Guerra Civil.
  12. O 20 de maio, segundo Tobío, ou o 23 de maio, segundo Castelao.
  13. "La República constituye un Estado integral, compatible con la autonomía de los Municipios y de las Regiones" - Trad.: "A República constitúe un Estado integral, compatible coa autonomía dos Municipios e das Rexións" (art. 1º da Constitución de 1931). A idea de que a República ía instaurar un estado federal non era só unha esperanza galega. Moitos outros actos celebrados para proclamar a República así o defenderon. Sirva de exemplo a proclamación da República catalá o mesmo 14 de abril [1].
  14. Art. 11. Si una o varias provincias limítrofes, con características históricas, culturales y económicas comunes, acordaran organizarse en región autónoma para formar un núcleo políticoadministrativo, dentro del Estado español, presentarán su Estatuto con arreglo a lo establecido en el artículo 12 - Trad.: Se unha ou varias provincias limítrofes, con características históricas, culturais e económicas comúns, acordaran organizarse en rexión autónoma para formar un núcleo políticoadministrativo, dentro do Estado español, presentarán o seu Estatuto con arranxo ó estabelecido no artigo 12.
  15. No seu artigo 12 esixía que a proposta viñese da maioría dos concellos ou, canto menos, daqueles que representaran os dous terzos do censo; que fose aprobada por, canto menos, os dous terzos dos electores inscritos (é dicir, 895.423 votos favorables no caso galego); e, finalmente, que o aprobasen as Cortes.
  16. Impresa na Litografía e Imprenta Roel, Coruña, 1932. As páxinas interiores, tituladas Autonomía Gallega. El Estatuto de Galicia y La Asamblea Regional de Municipios, foron impresas por Tipografía «El Eco de Santiago».
  17. En Galicia non había institucións lexitimadas para encabezar o proceso nin unha clara vontade autonomista no conxunto dos partidos (Beramendi, 43).
  18. Segundo Beramendi, trala petición que lle fixera Castelao.
  19. El León del Estatuto del 36[Ligazón morta] (en castelán).
  20. Cita orixinal:"... entendemos que el idioma gallego debería cultivarse, a fin de que no se perdiese por completo, en academias y centros análogos, a fin de convertirlo en una verdadera lengua literaria y culta, pero fuera de este entendemos que no tiene aplicación más que en conversaciones familiares. ... consideramos que su enseñanza obligatoria ocasionaría una gran pérdida de tiempo, precioso para dedicarlo a más útiles disciplinas"
  21. Refírese á primeira Asemblea lexislativa galega, de carácter constituínte, que se reuniría trala aprobación do Estatuto.
  22. Henrique Monteagudo: Obras completas Castelao[Ligazón morta], tomo 3, páx. 79, Editorial Galaxia, 1ª ed. 2000.
  23. Traducido do orixinal: "aplazar sine die y mientras las circunstancias lo aconsejen, el plebiscito del Estatuto"
  24. Núñez de las Cuevas, Rodolfo, e López Gómez, Pedro: "Francisco Iglesas Brage y la expedición a la Amazonía", en Boletín de la Real Sociedad Geográfica Arquivado 12 de abril de 2012 en Wayback Machine. (Madrid), Tomo CXLIV, 2008, 46.
  25. Torna Ferreiro, Cilia (28/7/2014). "Luís Manteiga, un maldito aspirante a galego 100%". Sermos Galiza. 
  26. No cartel, un cacique moxe unha vaca mentres unha labrega lle dá de comer, representando ó que saca proveito fronte ó que corre cos gastos. Consérvase un bosquexo deste cartel no que esta mensaxe quedaba explícito no texto ó pé: "Galego: si coidas que non ten dereito a muxil-a vaca quén non lle dá de comer, vota o Estatuto". A idea do cartel nacera 25 anos antes, cando publica o 3 de decembro de 1910 en El Barbero Municipal (periódico do seu Rianxo natal fundado por Castelao, Dieste e outros) unha caricatura co mesmo concepto baixo o pé Pobre teixa esgurrumiada. Reaparece en 1921 cando, na viaxe que realizou por Europa, describe así un dos bosquexos que debuxara despois de visitar un museo de Bruxas con cadros de Brueghel. No Diario da viaxe escribe: "Un paisano (que pode non sere paisano e sí recaudador) está zugando o derradeiro sangue dunha vaca que ten a cabeza de caliveira" (Diario 1921, 224). Este bosquexo de 1921 (que pode verse na colección Castelao do Museo de Pontevedra[Ligazón morta]) é máis cru que os debuxos definitivos que sairían del: primeiro, unha das súas Cousas, que publica o 25 de novembro de 1923 co pé: Así quixeron que fose sempre a nosa terra[Ligazón morta] (175 debuxos de Castelao[Ligazón morta], Caixa de Aforros de Galicia, Santiago 1976, sen paxinar ), e finalmente este cartel para o Estatuto[Ligazón morta].
  27. "Museo de Pontevedra". Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 28 de setembro de 2011. 
  28. Patronato da Cultura Galega de Montevideo[Ligazón morta]
  29. No cartel hai dúas estrelas de cinco puntas, parcialmente superpostas.
  30. 30,0 30,1 Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, DVD.
  31. Exposición Feminismo galego: Cambios sociais e dereitos das mulleres.
  32. Consello da Cultura Galega
  33. Mondoñedo.net[Ligazón morta]
  34. Texto orixinal: Estamos bien seguros, y nos atrevemos a decirlo, que el día que S.E. firme nuestro Estatuto autonómico se habrá creado un nuevo baluarte de la República.
  35. Texto orixianl: Tengo fe en el resultado de las autonomías regionales y cada vez estoy más convencido de que las regiones autónomas serán los mejoes baluartes de la democracia republicana.
  36. É Castelao quen o explica así: "inquedábame máis o paradeiro do Estatuto, vendo en todo elo a man de quen ... logo negouse a dar representantes para reorgaizala dispois da sesión de Montserrat, é dicir, a man dos socialistas de Prieto" (Carta de Castelao a Rodolfo Prada Arquivado 18 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (10 de abril de 1947)).
  37. Traducido do orixinal: "Galicia dejó expresada su voluntad de Autonomía en el texto del Estatuto plebisticado y aprobado por el pueblo gallego"

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar