José Sánchez-Villamarín
José Sánchez-Villamarín Pereira, coñecido como Niram-Alliv, nado en Santiago de Compostela en 1819[1] e finado na mesma cidade o 3 de novembro de 1892, foi un enxeñeiro, avogado, escritor e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1819 Santiago de Compostela, España |
Morte | 3 de novembro de 1892 (72/73 anos) Santiago de Compostela, España |
Alcalde de Santiago de Compostela | |
19 de maio de 1873 – xaneiro de 1874 ← Antonio Pérez Dávila – Andrés Tomás Bouza de Figueroa → | |
Alcalde de Teo | |
1852 – 1854 | |
Datos persoais | |
Outros nomes | Niram-Alliv |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Republicano Democrático Federal |
Membro de | |
Traxectoria
editarFillo do coronel beadés Francisco Sánchez-Villamarín e da compostelá María de la Concepción Pereira, José Sánchez-Villamarín licenciouse en Leis en 1839. Politicamente, foi progresista e logo republicano. Durante os seus primeiros anos na política foi rexedor varias veces do Concello de Santiago (1846, 1847, 1865) e alcalde de Teo (1852-1854). Daquela era propietario dunha das moitas tenerías (fábrica de curtumes) da comarca compostelá, a situada na localidade teense das Galanas, que arrendou a Domingo Eleicegui Dainciart[2] entre 1857 e 1859.
Como socio da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (da que foi vicepresidente en 1861), o 25 de febreiro de 1860 foi elixido como un dos seis membros da comisión mixta chamada Junta Encargada del Proyecto de Vía Férrea de Santiago a la Ría de Padrón, a primeira experiencia de construción dun ferrocarril en Galicia. Durante a súa carreira política, impulsou o desenvolvemento do proxecto, que culminaría anos despois.
Foi editor do efémero xornal compostelán La Opinión Pública.
Foi un dos representantes máis importantes do federalismo rexionalista nos anos da Primeira República, acadando a alcaldía de Santiago de Compostela o 19 de maio de 1873[3], tras a súa elección como concelleiro do Partido Republicano nas primeiras eleccións municipais republicanas do 19 de abril. Durante o seu mandato inaugurouse a primeira liña de ferrocarril en Galicia, o 15 de agosto de 1873, entre Carril e o barrio de Cornes. No seu proxecto de Hacienda cantonal propugnou a descentralización do Estado.
Tras o golpe de Estado do xeneral Manuel Pavía, sucedido o 3 de xaneiro de 1874, tomou o control do Concello de Santiago a autoridade militar, que nomeou un novo consistorio encabezado por Andrés Tomás Bouza de Figueroa. Poucos anos despois, a noite do 11 de decembro de 1881, foi elixido 1º presidente do refundado Partido Republicano-Progresista de Santiago, que ofreceu a presidencia honoraria a Manuel Ruiz Zorrilla e a Nicolás Salmerón[4].
Arredor de 1870[5], iniciouse na masonaría, dentro da loxa Luz Compostelana nº 13, á que pertenceron Marcial Moure, Fortunato Rodríguez Arizmendi e Pablo González Munín[6], membros da Xunta de Goberno Democrática Republicana Federal de Santiago e mesmo este último formou parte do seu consistorio como 5º tenente de alcalde. O seu nome simbólico foi Viriato 1º, aínda que non parece que destacase especialmente[7]. Tamén estivo interesado no espiritismo, chegando a crear a Editorial Niram-Alliv, anagrama do seu nome (como era costume entre moitos masóns) que empregou como pseudónimo nalgunhas das súas obras. Unha delas, Aldrete ó los espiritistas españoles del siglo XVII[8] (1878), foi revisada polos censores do arcebispo Payá e condenada o 29 de xullo[9]. Esta 1ª edición tivo unha limitada distribución, pola retirada de case que todos os exemplares á venda. Tres anos despois, a barcelonesa Tipografía de Leodegario Obradors reeditouna dentro da súa colección Biblioteca de Obras Raras y Curiosas. Libros de Magia y Ciencias Ocultas. A obra foi profundamente combatida desde os círculos católicos, merecendo o desprezo de autores como Gumersindo Laverde Ruiz, que chegou a cualificar a Sánchez-Villamarín de «avogado chalado de Santiago»[10]. A Editorial Niram-Alliv, seguiu publicando outras obras de Sánchez-Villamarín, como La Biblia. Estudios de concordancia (1881), onde propuxo atopar concordancias entre o Cristianismo e o Espiritismo[11].
Interesado nos temas agrarios, en 1880 gañou con La Memoria sobre agricultura o 1º premio no Certame Científico da Exposición Rexional de Pontevedra[12]. Pouco tempo antes, participou na Exposición Rexional de 1877 de Lugo cun Plano para un establecemento de piscicultura artificial[13]. Faleceu en Santiago de Compostela, no número 30 da rúa das Orfas.[14]
Vida persoal
editarCasou o 16 de xullo de 1844 con Carmen García-Pertierra Martínez[1].
Obras
editar- Indústria fabril: tenerías (1860), na Revista Económica de la Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, primeira época, ano I, nº 12, pp. 178–179.
- Memoria leída en el Círculo Magnetológico Espiritista acerca del tema puesto a discusión sobre la necesidad de la reencarnación (1870), editado polo Establecimiento Tipográfico de Julián Peña, Madrid.
- Presupuesto de la República Federal Cantón o Región de Galicia (1873), impreso en Santiago de Compostela.
- Aldrete ó los espiritistas españoles del siglo XVII (1878), Editorial Niram-Alliv, Santiago de Compostela. Foi impresa nos talleres de El Diario de Santiago.
- La Memoria sobre agricultura, Editorial Niram-Alliv (1880), impreso en Santiago de Compostela.
- La Biblia. Estudios de concordancia (1881), Editorial Niram-Alliv, Santiago de Compostela[15].
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Rexistro Civil de Santiago. Libro de Matrimonios de 1844 (Arquivo Histórico Universitario de Santiago-sg.AM-767, p.23a, rexistro 90).
- ↑ ""073 Fábrica das Casas do Rego", na web "Asociación Buxa"". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2014. Consultado o 21 de setembro de 2014.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 20-05-1873, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 12-12-1881, p. 2.
- ↑ (Valín 1990, p. 299)
- ↑ (Valín 1990, p. 288)
- ↑ "Como francmasón, o irmán Viriato 1º, non debeu de sobresaír moito no pechado ambiente da súa loxa, dado que, en 1881, máis ou menos dez anos despois da súa iniciación na 'Luz Compostelana', ostentaba o modesto grao terceiro sen ocupar ningún cargo no obradoiro" (Valín, 1990: p. 299).
- ↑ Figura un estudo crítico no nº 219 (de 5-05-1878) Arquivado 23-09-2015 en Wayback Machine. do semanario Revista Europea, asinado por Antonio Torres-Solanot Casas, Vizconde de Torres-Solanot, pp. 551-555.
- ↑ "El libro maldito de Compostela", de Xosé Manuel Lema (El Correo Gallego, 8-7-2013).
- ↑ Véxase a carta que Laverde Ruiz remitiu a Menéndez Pelayo o 6-07-1882.
- ↑ "Bibliografía Espiritista Española, 1857 - 1936 (y X)" na web "Grupo Espírita de La Palma"
- ↑ Gaceta de Galicia, 6-4-1881.
- ↑ "Relación de los objetos que para remitir á la Exposición Regional de Lugo, que tendrá lugar en el corriente año de 1877, recibió la Comisión mixta del Excmo. Ayuntamiento y Sociedad Económica de Santiago" (1877).
- ↑ Gaceta de Galicia, 4-11-1892, p. 3.
- ↑ Gaceta de Galicia, 7-4-1881.
Predecesor: Antonio Pérez-Dávila González-de Ron |
Alcalde de Santiago 1873 - 1874 |
Sucesor: Andrés Tomás Bouza de Figueroa |
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Valín Fernández, Alberto (1990). Galicia y la masonería en el siglo XIX (en castelán). Sada: Ediciós do Castro. p. 674. ISBN 84-7492-493-6.