Abrir o menú principal

Antonio Pérez Dávila

político galego

Antonio Pérez-Dávila González-de Ron, nado en Santiago de Compostela[1] e finado na Coruña o 21 de maio de 1898[2], foi un político galego.

Antonio Pérez Dávila
 Santiago de Compostela
Falecemento21 de maio de 1898
 A Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Fillo de José Pérez-Dávila Cabredo e de Carmen González-de Ron Bermúdez-de Castro (da "Casa de Roncesvalles"), e irmán de Ramón (que casou cunha filla do Doutor Casares), José (que casou con Hermitas Puga Blanco, irmá de Luciano Puga Blanco e loitou en 1873 do lado dos carlistas en Navarra), Fermín (que se dedicou á ensinanza, acadando a Secretaría da Xunta Provincial de Instrución Pública da Coruña) e Teresa (fundadora do convento das Salesas de Oviedo). Pertenceu a unha familia de fortes conviccións católicas e de longa tradición militar (o seu pai e o seu avó foron xenerais de Artillaría; o seu irmán Ramón, coronel da Administración Militar; e o seu irmán José, comandante da Guardia Civil). Herdou o Pazo de Roncesvales (Roncesvales, Brexo, Cambre)[3] e o Pazo de Meirama (Meirama, Cerceda)[4].

Participou como socio accionista na fundación do Banco de La Coruña, en 1858[5]. Tamén formou parte da organización dos Xogos Florais da Coruña de 1861 como adxunto[6].

Tras dar comezo a Terceira Guerra Carlista (21 de abril de 1872), o Goberno de Práxedes Mateo Sagasta autorizou disolver as corporacións municipais en virtude dun Real Decreto de 26 de abril de 1872. O día 29 de abril o Secretario do Goberno Civil da Coruña, Abelardo Merello, disolveu o Concello (ao que pertencía Pérez-Dávila) e nomeou un novo provisorio. As protestas non se fixeron esperar e o mesmo Merello presentou a súa dimisión a mediados de xuño, comezando unha impase de espera[7]. A queixa máis importante viña do feito de que o Concello estaba paralizado debido a que as comisións de traballo tiñan a persoas especializadas que non estaba no novo consistorio[8]. Finalmente, grazas a un novo Real Decreto de 3 de xullo de 1872, foron repostos o día 9 os alcaldes e concelleiros elixidos por sufraxio, cesando o que Merello instalou. A primeira sesión produciuse o día 10 e nela comprobouse que o antigo alcalde ía dar paso a que Pérez-Dávila, como Tenente de Alcalde 1º, asumira a presidencia da alcaldía de modo interino. Nos seguintes meses, o desleixo dos labores municipais serían a tónica dominante, pasando a presidir as sesións nun principio os seguintes tenentes da alcaldía en grao (Manuel Vázquez Acebo, Antonio García Candal, Manuel Varela Vilarullo...), pero pouco a pouco estas sesións non se puideron constituír por non chegar ao quórum requirido[9]. A situación sería escandalosa, con continuas dimisións de concelleiros, ata o chegar a pasar máis de tres meses sen reunirse[10]. O mesmo Gobernador civil da Coruña trasladouse a finais de outubro á cidade para entender da situación e, por fin, o 1 de novembro oito concelleiros presentaron a súa dimisión[11], que serían admitidas 3 días despois[12], nomeando a Comisión Provincial aos seus substitutos. Así e todo, Pérez-Dávila convocou o 13 de decembro eleccións municipais para cubrir as que nese momento chegaban a ser 11 baixas de concelleiros. Se celebraron dos días 2 ao 5 de xaneiro e gañou a lista que presentaba o conservador Luciano Puga Blanco, que fora alcalde uns anos antes. Houbo dúbidas sobre a lexitimidade dos concelleiros electos e, aínda que tiñan que ter tomado posesión dos cargos ao inicio do mes de febreiro, isto non se produciu. Entrementres, en Madrid a situación do rei Amadeo era insostible e, finalmente, resignou a Xefatura do Estado o día 11 de febreiro. Ao día seguinte, unha comisión republicana encabezada polo catedrático Esteban Quet Puigvert reclamoulle a dimisión, e Pérez-Dávila resignou así mesmo a alcaldía na Xunta de Goberno Republicana de Santiago, que se ocupou da transición á República.

Foi reposto na alcaldía compostelá o 14 de febreiro de 1873. Durante o breve tempo que ocupou de novo o posto, o concello viviu un incremento de noticias sobre partidas carlistas no territorio. Ao mesmo tempo, se foi conformando e armando a Milicia de Voluntarios de Santiago, que estivo comandada por Manuel Ozores (Comandante 1º), Marcial Moure (Comandante 2º) e Pablo González Munín (Axudante)[13], membros todos eles da anterior Xunta de Goberno. Tamén durante este período mantívose a revisión do proceso de escrutinio das eleccións municipais de xaneiro, rematando nunha nova convocatoria electoral municipal para os días 16 ao 19 de abril, na que a composición das 11 concellerías vacantes foi ben distinta á de xaneiro. Os novos 11 concelleiros (case todos pertencentes ao Partido Republicano Democrático Federal), tomaron posesión o 14 de maio e deron a alcaldía a Sánchez-Villamarín o día 19, permanecendo desde entón Pérez Dávila como simple concelleiro ata o 11 de xaneiro de 1874, data na que foi deposto xunto ao resto do Consistorio.

O 31 de marzo de 1877, no Liceo de Santo Agostiño, foi elixido membro da primeira xunta directiva da acabada de crear Liga de Contribuíntes de Santiago, baixo a presidencia do Marqués de Algara de Gres[14], e que aglutinaba boa parte da burguesía compostelá máis podente. Nestes anos finais da década dos 70, participaba da vida social compostelá, acudindo ao Casino de Santiago a miúdo, onde adoitaba a cantar para os socios cunha voz de barítono, e vivía das rendas das súas propiedades.

Trasladouse á Coruña en torno a 1880[15]. Cabe salientar que, nunha propiedade que arrendou a Luciano Puga Blanco[16], na chamada Orta do Xeneral ou Orta Grande, situada no actual barrio coruñés de Monelos, ao carón da estrada a Santiago e da estación de ferrocarril, deu pulo Pérez Dávila en torno a 1883 a un xeito de granxa experimental[17], que foi o xermolo da "Granxa Agrícola Experimental de Monelos" (que desenvolveu a súa actividade entre 1888 e 1964)[18]. Estes traballos agrícolas valéronlle a concesión en 1884 da consideración de "socio de mérito" pola Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago[19]. Tamén aproveitounos para abrir unha sucursal do ilerdense "Gran Establecimiento de Arboricultura y Floricultura", no número 24 do Cantón Grande da Coruña, no que comerciaba coas especies vexetais que cultivaba[20], e pouco despois outra sucursal no número 81 da Rúa do Vilar en Santiago de Compostela[21].

Foi alcalde conservador da cidade da Coruña en dúas ocasións. A primeira, por nomeamento de finais do mes de xuño de 1891[22], foi substituíndo ao alcalde Marchesi o 1 de xullo. Non obstante, Pérez Dávila protestou a constitución do novo Consistorio porque non se fixeran eleccións para designar a unha boa parte do Consistorio[23]. Era nese intre o único conservador nun concello composto de liberais e republicanos, e con eles tivo que compoñer o novo goberno. En setembro recibiu un voto de censura polo seu comportamento durante o enterro do alcalde Federico Tapia, onde o Arcebispo de Santiago, José María Martín de Herrera, e el mesmo foron apupados pola multitude, logo que se lle reprochaba ser un alcalde imposto e de orixe santiaguesa. Durante este mandato propúxose o establecemento dunha rede de tranvías movidos por forza animal que unira o balneario de Riazor, a estrada xeral e a estación de ferrocarril[24]. O 26 de setembro de 1892 se constituíu un novo Consistorio, novamente presidido por Pérez Dávila[25], que durou moi pouco, xa que o 2 de xaneiro do ano seguinte presentou a súa renuncia perante o Gobernador civil da provincia, delegando o goberno no Tenente de Alcalde 1º, Ramón Cerviño, ata a toma de posesión do novo alcalde que produciuse o 10 de xaneiro na figura de José Soto González.

O seu segundo mandato estendeuse do 23 de abril de 1895[26] (a proposta do Gobernador civil da provincia, Silverio Moreda Alvariño[27]) ao 1 de xullo dese ano. No seu breve mandato deuse carpetazo ás acusacións de fraude nas últimas eleccións municipais[28] e asistíu ao envío de tropas do Rexemento de Infantaría de Zamora nº 54 para Cuba. Pouco despois foi elixido pola Deputación da Coruña[29], director de Beneficencia ou da Casa da Misericordia, cargo que desempeñou ata o seu falecemento.


Predecesor:
?
  
alcalde de Santiago
 
1872 - 1873
Sucesor:
Esteban Quet Puigvert[30]
Predecesor:
Esteban Quet Puigvert
  
alcalde de Santiago
 
1873
Sucesor:
José Sánchez-Villamarín Pereira
Predecesor:
José Marchesi Dalmau
  
Alcalde da Coruña
 
1891 - 1893
Sucesor:
José Soto González
Predecesor:
Carlos Martínez Esparís
  
Alcalde da Coruña
 
1895
Sucesor:
Luis Argudín Bolívar

Vida persoalEditar

Casou en primeiras nupcias con Tomasa Torreiro Varela (da Casa do Corgo, en Brexo, Cambre)[31], da que tivo unha filla (Carmen) que casou co xornalista Antonio Toledo Quintela[32]. Tras o pasamento de Tomasa, casou coa súa irmá Mariana Torreiro Varela, que faleceu en 1875[33]. Tivo problemas auditivos, que non lle impediron desenvolverse na súa vida política[34].

Títulos e distinciónsEditar

Herdeiro dos dereitos vinculares da "Casa de Roncesvalles" (Cambre) e da "Casa de Meirama" (Cerceda). Cabaleiro da "Real Maestranza de Caballería de Ronda"[35]. Socio correspondente[36] (11 de xuño de 1883) e socio de mérito (22 de xullo de 1884) da "Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago".

NotasEditar