Liceo de la Juventud

organización cultural galega

O Liceo de la Juventud foi unha organización cultural creada en Santiago de Compostela en 1847 por Antonio Neira de Mosquera, Leopoldo Martínez Padín e Alberto Camino, como lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista. O obxectivo desta sociedade era instruír por medio da literatura e das Belas Artes.

Liceo de la Juventud
Tipoasociación cultural
Data de fundación1847
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]
Regulamento do Liceo de la Juventud do ano 1852.

Historia editar

En 1846 o escritor Leopoldo Martínez Padín publicou un artigo no periódico El Avisador Santiagués, no cal propugnaba a creación de sociedades artísticas e literarias en Galicia e especialmente en Santiago de Compostela, a imitación do Liceo de Madrid. Leopoldo Martínez Padín pensaba que a creación de Liceos era un símbolo de engrandecemento para a propia comunidade:

A erección de Liceos en Galiza, tomando por tipo ao principal da Corte, e facendo nos seus estatutos e obxectos as variacións que as necesidades que este país esixen, colocándose á fronte deles algunhas persoas cuxo carácter lles dese prestixo entre toda clase de xentes, e habendo abnegación por parte de moitos ao comezo, serían o soplo vivificador destas provincias e os fachos do seu engrandecemento.[1]

Nese ano o movemento provincialista quedara descabezado, xa que algúns dos seus membros morreran, outros exiliáranse, e outros emigraron xeográfica e ideoloxicamente a Madrid a facer política. Porén, Neira, Martínez Padín e Alberto Camino crearán o Liceo de la Juventud de Santiago, sucesor da extinta Academia Literaria, onde se formará a segunda xeración de provincialistas: Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane, os irmáns Antonio e Francisco de la Iglesia, ou Rosalía de Castro. O 6 de xaneiro de 1848 o Liceo de la Juventud estableceu a súa sede no convento de Santo Agostiño, polo que tamén se coñeceuco nome de Liceo de San Agustín. Nese espazo unha das estancias máis importantes era o salón de festas, decorado con pinturas de anxos e grilandas.

O Liceo de la Juventud estaba conformado por socios, que podían ser de tres clases distintas: fundadores, de mérito e de número. Os fundadores estaban subdivididos en primitivos (os inscritos antes do 26 de abril de 1847) e secundarios (os inscritos ata o 6 de xaneiro de 1848, día no que se instalaron no convento de Santo Agostiño). Os socios de mérito eran aqueles que contribuían co seu traballo ao esplendor da sociedade. As socias de mérito, estaba exentas de calquera pago. Os traballos estaban divididos en catro seccións: literatura, pintura, música e declamación.

A primeira función do Liceo estivo composta pola interpretación da comedia Con amor y sin dinero e pola primeira e a segunda parte de La vuelta de Estanislao. Representáronse tamén obras de José Zorrilla como El zapatero y el rey e La elección de un novio.

O 6 de xaneiro de 1849 conmemorouse o primeiro aniversario da fundación do Liceo de la Juventud. Ás dez da mañá tivo lugar unha entrega de diplomas, e a continuación tivo lugar a sesión lírico-dramática co seguinte programa: Brillante sinfonía a telón corrido de la Muta di Portici; ¡Un hermano!, drama original y en verso del socio don Pelayo Catoira; Introducción y coro de la ópera Reinaldo y Elina, del maestro San Clemente; Sinfonía de la ópera Ana Bulen; Terminará la función con la graciosa pieza en un acto titulada Pascual y Carranza. Nos actos desa mañá leu tamén un discurso o Presidente, destacando os avances que estaba a provocar o Liceo. Tamén os señores Fraga Vázquez, Seoane, Sánchez e González leron varias composicións en prosa e verso.[2]

Houbo unha exposición de pintura con cadros do señor Vidal e doutros socios, como Adelaida Marcó. Tomás Vidal non aparece mencionado nos repertorios de arte compostelá do século XIX, mais presentou oito cadros na Exposición Rexional Galega de 1858. Nestes anos a vida cultural de Santiago xiraba ao redor do Liceo de la Juventud", onde se daban cita estudantes e intelectuais como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Rosalía de Castro, quen coñecería alí o seu futuro marido, Manuel Murguía. Durante esta época chegaron a imprimirse algunhas obras desta Sociedade.

Escritores relacionados editar

Rosalía de Castro editar

Destácase a Rosalía de Castro, a cal participou nas festas do Liceo no convento de Santo Agostiño no ano 1854, nunha obra de Antonio Gil y Zárate. Rosalía, con 17 anos, era unha figura destacada na sociedade literaria do Liceo de la Juventud, impregnouse do ambiente romántico que entón reinaba en Santiago.

Manuel Murguía editar

Desde moi novo comezou a colaborar con diversas publicacións e a se relacionar con outros rapaces interesados no futuro do país, e no Liceo de la Juventud entraría en contacto con Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro. Nesta sociedade forxou a súa conciencia progresista e a súa inclinación literaria. Publicou a súa primeira novela, Desde el cielo, aos dezasete anos, que co tempo deixaría paso á súa verdadeira paixón, o estudo da historia.

Eduardo Pondal editar

Eduardo Pondal tamén participou no Liceo de la Juventud onde manifestou a súa fe republicana e amosouse como un dos poetas emerxentes.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar