Esteban Quet Puigvert
Esteban Quet Puigvert, nado en Santa Susanna de Pineda (Barcelona) en 1826[1] e finado en Barcelona en 18 de maio de 1897[2], foi un profesor universitario e político catalán.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1826 Santa Susanna, España |
Morte | 18 de maio de 1897 (70/71 anos) Barcelona, España |
Alcalde de Santiago de Compostela | |
12 de febreiro de 1873 – 14 de febreiro de 1873 ← Antonio Pérez Dávila – Antonio Pérez Dávila → | |
Catedrático de universidade | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Barcelona |
Actividade | |
Ocupación | político, farmacéutico |
Formación e primeiros anos
editarOs seus estudos universitarios desenvolveunos na Universidade de Barcelona[3]. Comezou estudando na Facultade de Medicina (1844 a 1845), pero ben cedo mudounos polos da Facultade de Farmacia, que rematou en 1851[4]. En febreiro de 1854 fundou e dirixiu a revista La Alianza Farmaceuticomédica, que se publicou ata o mes de decembro, tendo a súa sede no número 24 da rúa da Platería da cidade condal[5]. Entrementres, actuou como profesor substituto na Facultade de Farmacia desde 1852[6]. Nesta época ingresou como socio da barcelonesa Real Academia de las Buenas Letras, na que no derradeiro día do ano 1853 deu lectura a un estudo sobre a frenoloxía[7], materia na que comezou a interesarse. En 1854 Barcelona sufriu unha epidemia de cólera e o Concello nomeouno farmacéutico de distrito[8].
A finais de 1854, trasladouse a vivir a Madrid, onde refundou a revista baixo o nome de La Alianza Médica (xaneiro de 1855), saíndo o derradeiro número en decembro de 1856[9]. En xaneiro de 1858 atopámolo colexiado no Colegio de Farmacéuticos de Madrid e, cando menos, desde 1863 é membro da Academia Médico-quirúrgica Matritense[10]. Tras o peche da revista, desenvolveu os seus coñecementos sobre frenoloxía, dando cursos ao menos desde maio no salón da súa casa, no número 31 (4º piso, 2º) da céntrica Carrera de San Jerónimo[11], da que aínda se consideraba unha materia propia de "estudos modernos". Mesmo publicou estudos frenolóxicos de criminais, como o do asasino Miguel Fuentebuena ao ano seguinte[12]. Neste tempo relacionouse con intelectuais e científicos, como o médico Pedro González de Velasco, quen impulsou en 1864 a creación da Sociedad Antropológica Española, da cal participou Quet na súa fundación.
O 7 de decembro de 1860 obtivo o título de doutor en Farmacia pola Universidade Central de Madrid[13]. Finalmente, por Real Orde de 12 de decembro de 1863, e tras superar unha oposición, foi nomeado catedrático de Materia Farmacéutica Vexetal na Universidade de Santiago de Compostela[14].
Estadía en Santiago
editarEn Santiago residiu no número 18 da Rúa de San Pedro e no número 24 da Rúa de San Francisco[15]. Quet debeu tomar posesión da cátedra universitaria nos primeiros días de 1864, logo que o seu nomeamento sucedeu case que rematado o ano anterior. Ao ano seguinte entrou de cheo no organigrama directivo da facultade ao ser nomeado Secretario e, ao pouco, Decano interino por falecemento do anterior, Jaime Forn Segura. Mantívose como decano ata 1866, cando foi substituído por Antonio Brunet Talleda[16]. No mesmo ano abandonou a secretaría da facultade.
En setembro de 1868 produciuse un punto de inflexión na carreira de Quet cando triunfou a septembrina e a raíña Isabel II tivo que exiliarse. Estaba encargado de dar o discurso inaugural de apertura do ano académico, para o que tiña preparado o tema "Pesas y medidas" (que xa abordou ao colexiarse en Madrid uns anos antes). Pero, nunha rápida e arriscada decisión, decidiuno cambiar por outro, moito máis comprometido coa súa militancia republicana, que titulou "La Revolución de Septiembre, especialmente en lo que atañe a la enseñanza" ou "¡Libertad de enseñanza!"[17]. Ao pouco, fundou e dirixiu unha nova publicación chamada El Eco de la Democracia Santiaguesa, da que apenas saíron 5 números[18]. A partir de entón a implicación política de Quet no Sexenio Democrático sería moi importante.
En 1869 foi elixido Presidente do Comité do Partido Republicano Federal de Santiago e, como tal, acudiu á sinatura do Pacto federal astur-galaico do 18 de xuño, aínda que insospeitadamente quedou inscrito dentro dos representantes da provincia de Ourense[19]. En setembro publicou "Conferencias populares, dedicadas a los obreros y aldeanos de Galicia", no que dun xeito pedagóxico (cunha fórmula moi directa e breve de pregunta-resposta) tratou de explicar as conveniencias da nova República fronte á antiga Monarquía. Case rematado o ano, o día 23 de decembro, presentou un Manifesto, asinado con el por outros republicanos ben coñecidos (Ramón Hermida Romero, Baltasar García Villar, José Cañizo, Joaquín María Castaños Ordóñez, Marcial Moure González e Pablo González Munín), que lle reportou unha denuncia pola Autoridade por "delito de inxuria, calumnia e desacato contra o Goberno, por algunhas das súas actuacións e a marcha seguida". Esta denuncia foi arquivada pola Audiencia provincial da Coruña no mes de abril de 1871[20].
En agosto de 1872 o seu partido tomou a decisión de presentarlle ás eleccións ao Congreso dos Deputados, enfrontándolle ao candidato ministerial, Eugenio Montero Ríos[21]. Entendendo que a súa formación era netamente minoritaria e incapaz per se de gañar, o 23 de agosto publicou na prensa un novo manifesto no que chamou á unión de tódalas tendencias políticas opostas ao Goberno do momento, incluíndo a republicanos unitarios e federalistas, tradicionalistas, radicais e moderados[22]. O chamamento non acadou o resultado esperado e o escrutinio foi contundente, dando 3999 votos ao político de Lourizán e apenas 440 para o republicano[23]. Esta derrota levou ao Partido Repúblicano Federal de Santiago a elixir unha nova xunta directiva, e o día 14 de outubro ofrecéronlle a tesouraría do Comité, mentres que a presidencia pasou a mans de Marcial Moure González[24]. Esta derrota nas urnas foi dura no ámbito local, pero a nivel estatal viuse que os apoios ao rei Amadeu I eran febles, polo que se seguiu desde as filas republicanas unha estratexia de redobro de esforzos para preparar o que semellaba unha nova revolución política que estaba en intres de se presentar. Así, aproveitaron a leva de quintas para dar mitins nas principais prazas da cidade, facéndoo Quet na Praza de Cervantes[25].
Na primeira semana de febreiro de 1873 a situación do rei era insostible e Quet traballaba arreo para preparar o inevitable cambio[26]. O momento chegou o día 11 de febreiro cando o rei Amadeo renunciou ao trono e proclamouse esa mesma tarde a Primeira República Española. Ao día seguinte, unha representación dos republicanos locais presentouse perante o alcalde Pérez-Dávila e esixíronlle a renuncia, que aceptou. Nese momento, Quet pasou a presidir a Xunta de Goberno Democrática Republicana Federal de Santiago do 12 ao 14 de febreiro de 1873, o tempo indispensable para afiuzar a República na cidade. Logo, o poder municipal volveu ao anterior alcalde. O seguinte movemento foi o de formar unha Milicia Nacional que garantira a supervivencia da República. Para iso formouse o Batallón de Voluntarios da República, dividido en 4 compañías e cuns cadros integrados fundamentalmente por membros e simpatizantes do Partido Republicano, correspondéndolle a Quet a capitanía da 1ª compañía[27]. Nos meses seguintes a máxima preocupación foi a de armar adecuadamente aos milicianos, sendo habitual que dedicara a meirande parte dos seus esforzos á dirección da súa compañía.
Neste momento, cómpre salientar o interese de Quet Puigvert pola homoxeneización do sistema de pesos e medidas, como pode verse polas súas publicacións, e que materializouse nunha proposta que no mes de marzo fixo chegar ao Presidente Estanislao Figueras no que lle manifestaba que, ao seu xuízo, "sería conveniente unha pequena modificación, antes da cuñaxe da nova moeda co emblema da República, consistente aquela na adopción do duro por unidade monetaria, dividíndoo en 100 céntimos"[28].
Foi nomeado vogal da xunta directiva e membro dunha comisión do "Centro de Iniciativa para la Nueva Organización de Galicia", participando na redacción dun manifesto titulado A Galicia[29]. A proclamación da República Federal o 16 de xuño trouxo consigo o inicio dos levantamentos cantonais, como o de Ferrol. Ademais, a Terceira Guerra Carlista enquistouse e a cidade estaba ameazada constantemente por partidas carlistas que induciron un continuo ambiente de inseguridade e levaron ao reclamo de Quet de armar á poboación para a súa defensa[29]. Finalmente, todo isto xunto precipitou a caída da República e a Restauración dos Borbóns no trono o 29 de decembro de 1874.
Co novo orde de cousas, Quet Puigvert volveu á actividade docente, mantendo un perfil político baixo. En novembro de 1876 foi proposto para unha nova categoría de ascenso[30] e en 1881 comezou a impartir tamén a disciplina de "Materia Farmacéutica Animal e Mineral", facéndoo ata a súa marcha de Santiago[9]. En agosto de 1877 optou a unha praza na Facultade de Farmacia da Universidade Central de Madrid[31], pero foi rexeitado en medio dunha polémica co ministro de Fomento, que daquela era Montero Ríos, o antigo adversario político[32]. O candidato finalmente elixido foi Fausto Garagarza, un home cunha longa carreira política, moito máis acorde aos gobernos de corte moderado. En 1883 Quet foi elixido novamente Decano da Facultade de Farmacia[33], no que se mantivo ata que o 31 de decembro de 1888, unha Real Orde deulle traslado á Universidade de Barcelona para ser catedrático de "Materia Farmacéutica Vexetal"[34]. Quet xa tiña a comunicación desde principios do mes de decembro e, en canto o soubo, saíu cara á capital catalá coa súa familia[35].
En canto á súa actividade política na década dos 80, Quet non volveu ao organigrama doutro partido ata que en xaneiro de 1881 aceptou ser vogal do novo Partido Demócrata Progresista de Santiago, baixo a presidencia de Santiago de Andrés-Moreno García, no que se integraron antigos compañeiros republicanos como José Sánchez Villamarín, Pablo González Munín e outros políticos de períodos anteriores, como Maximino Teijeiro Fernández e Gerardo Jeremías Devesa[36]. En maio de 1885 presentouse ás eleccións municipais, pero non acadou a acta de concelleiro por apenas 34 votos[37], en plena voráxine do monterismo, cuxa preponderancia escenificouse na recepción ofrecida ao político santiagués o 12 de xuño de 1887 na que non faltou o propio Quet[38], rendido á súa influencia na política local. O canto do cisne de Quet na política local viría cando en abril de 1888 erixiuse como paladín da segregación do partido xudicial de Santiago da provincia da Coruña, propondo a súa constitución nunha nova provincia ou mesmo integrarse na de Pontevedra[39].
Quet Puigvert interesouse por asuntos moi diversos, como xa se puido constatar no respectante aos pesos e medidas. Así, tivo unha faciana de inventor menos coñecida. En marzo de 1888, abraiado polos incendios que, recorrentemente, se sucedían nos teatros da época, inventou un material ignífugo para os panos e bastidores dos escenarios, feito cunha mestura de tecidos de algodón, de fío, papel de estraza e bramante, e ofreceuno ao Ministro de Fomento, daquela o liberal Carlos Navarro Rodrigo[40].
Derradeiros anos en Barcelona
editarTras tomar posesión da cátedra barcelonesa, en 1889, Quet comezou a impartir a disciplina de "Materia Farmacéutica Vexetal" e a reintegrarse nos círculos intelectuais da cidade. A nivel académico, en xullo de 1894 recibiu do Ministerio de Fomento a categoría honorífica de termo da sección de farmacia[41], curiosamente ao mesmo tempo co seu antigo coñecido Fausto Garagarza.
En canto á súa presenza social, por unha banda, a súa proposta de empregar un material ignífugo da súa invención nos teatros non semella que acadara éxito. Isto non lle arredrou e o 9 de marzo de 1889 deu unha conferencia no "Instituto de Fomento del Trabajo Nacional" barcelonés titulado "Incendios de los teatros y el medio de evitarlos mediante el uso de telas incombustibles ó no inflamables"[42]. Finalmente, chegou a patentar o invento das "teas de fibra vexetal incombustiveis"[43]. Por outra banda, integrouse no Directorio do Partido Republicano Nacional da provincia de Barcelona, que se constituíu en febreiro de 1896[44], para ao ano seguinte ser o seu presidente[45].
O 18 de maio de 1897, Esteban Quet morreu en Barcelona[46]. O funeral de enterro do día seguinte estivo moi concorrido, contando coa representación da Universidade de Barcelona (acudiron o reitor e o decano da Facultade de Farmacia) e do Partido Republicano (o presidente do Círculo Republicano Nacional e o presidente do Directorio do Partido Republicano)[47]. Como curiosidade, sobre o cadaleito colocáronlle o barrete e a muceta morada, símbolo a mesmo tempo da Facultade de Farmacia e da República.
Quet Puigvert na sociedade compostelá
editarAo longo destes anos, a súa produción literaria non se circunscribe unicamente á dos seus discursos académicos e políticos, senón que son abondosas as colaboracións cos xornais da época, coma os composteláns La Gacetilla de Santiago e El Diario de Santiago (dirixidas polo tamén político Manuel Bibiano Fernández), o coruñés La Voz de Galicia ou mesmo algún portugués. Sempre como divulgador científico, publicou neles unha colección de artigos baixo o título de "Diálogos científicos", nos que abordaba temas como a potabilidade das augas, os xardíns, as pragas etcétera[9]. Así, cómpre destacar artigos como o dedicado á "Phylloxera Vaxtratix".[48] ou o titulado "Limpieza de los árboles. Brocha metálica"[49] Toda esta actividade viuse de súpeto interrompida pola presión da autoridade eclesiástica, notablemente molesta pola súa filiación política.
Tamén é interesante salientar a súa participación como socio, moi común por todo o demais na sociedade compostelá do século XIX, nas sociedades recreativas da cidade, como no Recreo Artístico e Industrial de Santiago de Compostela[50] e no Casino de Santiago de Compostela[51]. Mesmo Quet Puigvert acadaría un posto na directiva do Casino de Santiago de 1880, ao ser elixido o 13 de xaneiro Director 3º baixo a presidencia de Luis Rodríguez Seoane[52]. Serían moi frecuentes, a partir da caída da República, os seus discursos e charlas no Casino. Tamén foi socio da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago[53]. Dentro da Universidade, presidiu a comisión que en 1881 conmemorou o bicentenario de Pedro Calderón de la Barca, sobre o que formulou oportunos discursos[54].
Por último, Quet Puigvert destacouse por ser un decidido antitaurino, recomendando ás autoridades que non fomentaran as corridas de touros coa súa presenza ou autorizándoas fora dos días festivos, por ser "un espectáculo cualificado en todas as partes de bárbaro ou inhumano"[55]. Non obstante, isto contrasta coa súa pertenza á xunta directiva da "Asociación para el fomento de la caza y la pesca" que se constituíu en Santiago en 1883[56].
Quet Puigvert e a masonaría
editarNon se sabe con exactitude o momento en que Quet ingresa na masonaría. Pero, si que podemos deducir que o seu interese pola frenoloxía está relacionado coa organización masónica. Hai que lembrar que "a escola interna da Masonaría estudaba en tempos remotos a fisonomía como ciencia obxectiva, baseada na comparación sistemática das leis de correspondencia psicofísica, coa que se demostraba que determinadas formas de cranios e rostros corresponden a calidades e tendencias tamén determinadas"[57]. Para algúns, a mediados do século XIX, a frenoloxía era unha ciencia destinada a modificar as condutas e favorecer a integración na sociedade de tódolos seres humanos, democratizando verdadeiramente a humanidade, o que encaixa moi ben cos principios masónicos en xeral[58].
Para Valín Fernández, Esteban Quet pode ser o "simbólico" Quintiliano[59] que en 1871 dirixiu unha agresiva carta ao tradicionalista Arcebispo de Santiago, Miguel García Cuesta, en resposta a outra que o Prelado publicou no Boletín Oficial Eclesiástico del Arzobispado de Santiago de Compostela[60], na que reprobaba aos masóns galegos. A carta de Quintiliano titulouse "Carta de un masón de los valles galaicos al cardenal arzobispo de Santiago". Este masón contaba co grao 18º, unha categoría media que xa daba conto dunha certa relevancia dentro da loxa Luz Compostelana nº 13. Nesta loxa atopábase "toda la flor y nata del Partido Republicano Federal compostelano", polo que para Valín Fernández é lóxico que "Esteban Quet fose, nalgún momento, membro activo desta loxa"[61]. Así, vemos a José Sánchez Villamarín (Viriato 1º), a Pablo González Munín (Guzmán), a Marcial Moure González (Albar), a Fortunato Rodríguez Arizmendi (Rodrigo), a Isidro Berreco (Byron), a Manuel López Navalón (Lutero) e a Maximino Teijeiro Fernández (Tertuliano)[62]. En case tódolos casos podemos observar que a inicial do nome simbólico coincide coa inicial do primeiro apelido, así que o noso Quintiliano tería que ser, segundo esta lóxica, alguén cun apelido que comezara por Q.
Familia e vida persoal
editarEstivo casado con María Martínez Alarcón. Foi irmán de José Quet Puigvert, un liberal que acompañou a Prim no seu exilio en 1845 e que morreu en 1883[63].
Obras
editar- De los aceites volátiles y modo de obtenerlos. Barcelona, 1848.
- ¿La frenología es una verdad ó una mentira?. Barcelona, 1853.
- Medidas y Pesas españolas: su discordancia, su uniformidad y su correspondencia entre sí y con las métricas francesas. Madrid, 1858.
- Discurso acerca de las fermentaciones en general. Madrid, 1860.
- Pesas y medidas. Discurso para la apertura del año académico de 1868 a 1869. Santiago, 1868.
- La Revolución de Septiembre, especialmente en lo que atañe a la enseñanza. Breve discurso leido por el doctor don Esteban Quet en la solemne apertura del año académico de 1868 a 1869, en lugar del que sobre Pesas y medidas españolas estaba impreso y encuadernado á dicho objeto. Santiago, 1868.
- Conferencias populares, dedicadas a los obreros y aldeanos de Galicia. Santiago, 1869.
- A Galicia. Santiago, 1873. Manifesto republicano asinado xunto a Pedro Pais Lapido e José Portela García.
- Conferencia agrícola. Enfermedad de los castaños. Santiago, 1880[64].
- De los castaños, sus enfermedades y modo de combatirlas. De los eucaliptos, su importancia y gran utilidad que Galicia puede reportar de su cultivo. Santiago, 1881[65].
- El materialismo y el positivismo en la ciencia. Santiago, 1882.
- Enciclopedia de Fitología Médica. Tratado amplio y razonable de Materia Farmacéutica, Materia Médica y Terapéutica vegetales. Santiago, 1872-1883.
Notas
editar- ↑ FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A.: ficha Esteban Quet Puigvert, no Álbum da Ciencia do Consello de Cultura Galega.
- ↑ Gaceta de Instrucción Pública, 15-8-1898, p. 3. Tamén en La Correspondencia de España, de Madrid, 20-5-1897, p. 3. Tamén na Gaceta de Galicia, 1-8-1892, p. 3.
- ↑ (Bermejo 1995, p. 344)
- ↑ FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A.: id.
- ↑ La década homeopática, de Madrid, 10-11-1854, p. 8.
- ↑ Boletín de medicina, cirugía y farmacia, 21-11-1852, p. 8. En 1852 é profesor substituto para o 2º ano.
- ↑ El Áncora, de Barcelona, 30-12-1853, p. 9.
- ↑ FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A.: id. Anos despois Quet escribiu un artigo na revista El Pabellón Médico (número 32, de 28 de agosto de 1865 no que falou das posibilidades do allo (Allium sativum) no tratamento do cólera, tal como informa o xornal Diario de Córdoba de comercio, industria, administración, noticias y avisos, de 23-9-1865, p. 3.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 FRAGA VÁZQUEZ, Xosé A.: id.
- ↑ La Correspondencia de España, de Madrid, 7-5-1863, p. 2.
- ↑ La España, de Madrid, 25-4-1858. p. 4. Tamén en La Esperanza, de Madrid, 26-4-1858, p. 4. Por último, en La Iberia, de Madrid, 7-5-1858, p. 4.
- ↑ La Época, de Madrid, 11-6-1859, p. 3.
- ↑ La Época, de Madrid, 6-12-1860, p. 4. No acto de doutoramento, foi apadrinado polo tamén barcelonés José Alerany Nebot, doutor e catedrático da mesma universidade, ao quen con seguridade coñeceu en Barcelona, onde tamén fora catedrático da Facultade de Farmacia.
- ↑ MIÑONES TRILLO, José: Anecdotario de los primeros años de la Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela (siglo XIX): un recuerdo a sus profesores y alumnos distinguidos. Madrid, 2010, p. 21.
- ↑ POSE ANTELO, José Manuel: La economía y la sociedad compostelanas a finales del siglo XIX. Universidade de Santiago de Compostela, Santiago, 1992, p. 324.
- ↑ CALLEJA SUÁREZ, José María: El profesorado (1857-2007), dentro de De pharmaceutica scientia: 150 años de la Facultad de Farmacia (1857-2007), coord. de J. Santiago Sanmartín Míguez. Santiago, 2007, p. 314.
- ↑ PORTABALES VÁZQUEZ, Ángel: Quet y Puigvert, Esteban, artigo publicado dentro da Gran Enciclopedia Galega. Tomo 37. Silverio Cañada, 2003, p. 175.
- ↑ "Catálogo en liña da hemeroteca da Deputación de Pontevedra". Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2014. Consultado o 30 de setembro de 2014.
- ↑ Pacto federal galaico-asturiano. A Coruña, 1869. Quizais foi así para pechar os cadros de representación dun xeito máis homoxéneo, con seguridade moi abundante xa nos da provincia da Coruña.
- ↑ La Aurora de Galicia, 24-4-1871, p. 1.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 20-8-1872, p. 4.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 24-8-1872, p. 2.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 31-8-1872, p. 2.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 16-10-1872, p. 2. Moure viría a substituír ao interino José Puig, que recibiu o posto tras a debacle de Quet nas eleccións.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 21-10-1872, p. 2.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 5-2-/1873, p. 2. "En el partido Republicano de Santiago se trabaja activamente para conseguir una organización sólida y vigorosa para el mismo dentro de muy breve plazo".
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 4-3-1873, p. 2.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 17-3-1873, p. 2.
- ↑ 29,0 29,1 PORTABALES VÁZQUEZ, Ángel: id.
- ↑ El Diario de Santiago, 22-11-1876, p. 2.
- ↑ El Diario de Santiago, 30-8-1877, p. 2.
- ↑ El Diario de Santiago, 31-8-1877, p. 3.
- ↑ CALLEJA SUÁREZ, José María: id. Sucede no posto a Salustiano Aseguinolaza Aramburu.
- ↑ Gazeta de Madrid, 10-1-1889, p. 85.
- ↑ Gaceta de Galicia, 3-12-1888, p. 2.
- ↑ La Ilustración Gallega y Asturiana, 8-1-1881, p. 7.
- ↑ Gaceta de Galicia, 6-5-1885, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 13-6-1887, p. 1.
- ↑ Gaceta de Galicia, 2-4-1888, p. 1.
- ↑ Gaceta de Galicia, 31-3-1888, p. 1.
- ↑ La Correspondencia de España, de Madrid, 30-7-1894, p. 3.
- ↑ La Vanguardia, 9-3-1889, p. 2.
- ↑ La Crónica, de Huesca, 19-12-1889, p. 4.
- ↑ La Vanguardia, 10-2-1896, p. 2.
- ↑ La Autonomía, de Reus, 10-2-1897, p. 2.
- ↑ El Áncora, 3-6-1897, p. 2.
- ↑ La Vanguardia, 20-5-1897, p. 2.
- ↑ La Gacetilla de Santiago, 27-7-1872, p. 2.
- ↑ El Diario de Santiago, 2-6-1876, p. 1.
- ↑ Reglamento del Recreo de Santiago. Santiago, 1870, p. 35.
- ↑ POSE ANTELO, José Manuel: id.
- ↑ Gaceta de Galicia, 14-1-1880, p. 3.
- ↑ Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, 31-7-1887, p. 9.
- ↑ Gaceta de Galicia, 25-5-1881, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 22-9-1880, p. 2.
- ↑ Gaceta de Galicia, 16-3-1883, p. 2.
- ↑ ADOUM, Jorge: El Secretario, el Preboste y el Intendente. Editorial Kier, Bos Aires, 2003, p. 82. Engádese que "os Mestres non enganábanse, porque bastáballes mirar a faciana do neófito para saber se merecía ser iniciado ou non, e se sería fiel ás súas ensinanzas".
- ↑ IMBERT, Patrick: Trayectorias culturales transamericanas: medios, publicidad, literatura y globalización. Galerna, Bos Aires, 2009, pp. 147-148.
- ↑ (Valín Fernández 1990, p. 295)
- ↑ BOES, número 314, 30-1-1871.
- ↑ (Valín Fernández 1990, p. 297). Hai que ter en conta que dos cerca de 140 membros que ata 1881 tivo a loxa, só chegaron aos nosos días o nome real ou simbólico de 44.
- ↑ (Valín Fernández 1990, p. 307-308)
- ↑ Gaceta de Galicia, 20-12-1883, p. 3.
- ↑ Gaceta de Galicia, 20-9-1880, p. 3.
- ↑ Gaceta de Galicia, 18-11-1879, p. 3. Dous anos antes da publicación, deu unha conferencia sobre o asunto na Universidade.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bermejo Patiño, Manuel Rafael (1995). "O Colexio de Farmacia: unha xeración gloriosa". Gallaecia Fvlget (1495-1995): cinco séculos de historia universitaria. Santiago: Universidade de Santiago. ISBN 84-8121-304-7.
- Castelao, Carlos (2022). A Universidade retratada. Jules David-Cavaz en Galicia (1882). Universidade de Santiago / Alvarellos Editora. p. 88-89. ISBN 978-84-18567-15-5.
- Portabales Vázquez, Ángel (2005). "Quet y Puigvert, Esteban". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Valín Fernández, Alberto (1990). Galicia y la masonería en el siglo XIX (en castelán). Sada: Ediciós do Castro. p. 674. ISBN 84-7492-493-6.
Ligazóns externas
editar- Biblioteca Virtual da Real Academia de Farmacia.
- "Esteban Quet Puigvert". Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.
Predecesor: Antonio Pérez-Dávila González-de Ron |
Alcalde de Santiago de Compostela 1873 |
Sucesor: Antonio Pérez-Dávila González-de Ron |