Peso (moeda)
- Para outros artigos con títulos relacionados, véxase Peso e Peso monetario.
Peso é, inicialmente, a denominación da moeda española de 8 reais de prata, cun peso de entre 27 e 27,5 gramos e 40 milímetros de diámetro, cuñada desde pouco despois da Descuberta de América ata ben entrado o século XIX, así como doutras moedas de valores e métrica semellantes, emitidas tanto en España como nas súas colonias e noutros estados, moi especialmente as equivalentes españolas de 20 reais de billón, 2 escudos e de 5 pesetas, esta última en circulación ata a entrada do euro.[1][2][3][4]
Noutras tradicións culturais, estas moedas denomínanse spanish dollar (no mundo anglosaxón), piastre espagnole (no mundo francófono), dollaro spagnolo (no ámbito italiano), spaanse mat (nos Países Baixos) etc.
En España
editarA moeda de 8 reais recibiu en España, á parte do nome de real de a ocho (“real de oito”, polo seu valor), os de “peso”, nun sentido ponderal, por equivaler a un peso de ouro predeterminado, peso fuerte (“peso forte”) ou “peso duro”, cunha adxectivación que indicaba o cumprimento folgado tanto do peso como da lei establecida da aliaxe, ou simplemente “duro”, como forma reducida da anterior.[5][6] A partir desta situación, a forma que se impuxo no uso en castelán peninsular foi a de “duro”, mentres que nas colonias de América se preferiu “peso”, do mesmo xeito que en Galicia, onde a forma que acabou por estenderse en lingua galega foi “peso”.[7][8]
Esta peza de 8 reais acabou por converterse durante séculos en moeda de uso internacional, dado o seu prestixio, ata o punto de ser a base sobre a que se crearon outras, fundamentalmente as das repúblicas instituídas na América Hispana e nas illas Filipinas logo da súa independencia, pero tamén doutras tan importantes como o dólar estadounidense, o dólar canadense, o ien xaponés ou o iuan chinés, todas elas cun peso e unha lei similares, nas súas orixes, ao peso español.[9]
En España, os pesos de 8 reais, que comezaran a labrarse a finais do século XVI, deixaron de cuñarse no século XIX ao acabar o reinado de Fernando VII, e durante ese século víronse substituídas por moedas de igual métrica e composición pero con valores faciais de 20 reais de billón, inicialmente, e logo 2 escudos e 5 pesetas.
Aínda que a palabra “peso” se refira a todas estas moedas, a supervivencia da de 5 pesetas, xa en aliaxes e en tamaños moi diferentes aos orixinais, ata 1998, cando a peseta se ve substituída polo euro, fixo que a denominación de peso se asocie hoxe máis comunmente a este valor.[10]
En América
editarLogo da secular denominación de “peso” nas colonias españolas de América e en Filipinas para o real de oito, que se cuñaba moi abundantemente nas súas casas de moeda (Lima, México, Santiago, Potosí etc.), dada a abundancia deste metal, á medida que foron acadando a súa independencia, ao longo do século XIX, a maioría destes novos países mantivo a denominación para as súas respectivas moedas nacionais, con idéntica métrica pero introducindo xa o sistema decimal, que aínda se descoñecía na metrópole.[11][12]
Algúns deses países cambiaron, co tempo, a súa denominación, aínda que mantiñan inicialmente a métrica do peso español; noutros estados, porén, o peso segue a ser hoxe a denominación da moeda nacional.[13][14]
Estados que usaron o peso noutra época
editarEstado | Moeda | Vixencia do peso | Moeda sucesora |
---|---|---|---|
Bolivia | Peso boliviano | 1963-1988 | Boliviano |
Costa Rica | Peso costarriqueño | 1821-1896 | Colón |
Ecuador | Peso ecuatoriano | 1822-1884 | Sucre |
Guatemala | Peso guatemalteco | 1821-1925 | Quetzal |
Guinea-Bissau | Peso de Guinea-Bissau | 1975-1997 | Franco CFA |
Honduras | Peso hondureño | 1862-1931 | Lempira |
Nicaragua | Peso nicaraguano | 1878-1912 | Córdoba |
Paraguai | Peso paraguaio | 1856-1944 | Guaraní |
O Salvador | Peso salvadoreño | 1841-1892 | Colón |
Venezuela | Peso venezolano | 1821-1871 | Bolívar |
Estados que empregan o peso
editarEstado | Moeda | Código ISO 4217 |
---|---|---|
Arxentina | Peso arxentino | ARS |
Chile | Peso chileno | CLP |
Colombia | Peso colombiano | COP |
Cuba | Peso cubano | CUP |
República Dominicana | Peso dominicano | DOP |
México | Peso mexicano | MXN |
Filipinas | Peso filipino | PHP |
Uruguai | Peso uruguaio | UYU |
O peso no refraneiro galego
editarA palabra peso como unidade de conta callou moi fondo na cultura popular de Galicia. Aínda hoxe, coa peseta desaparecida como unidade monetaria en favor do euro, é frecuente escoitar esta denominación para as moedas de cinco pesetas e para determinadas cantidades usuais, como “cinco pesos” (25 pesetas), “vinte pesos” (100 pesetas), 1.000 pesos (5.000 pesetas) etc.
Entre os moitos casos do refraneiro galego en que aparece o peso recóllense aquí os seguintes:[15]
- Máis vale peseta na man que peso na faldriqueira.
- Non che hai maior amigo que un peso na faldriqueira.
- O mellor amigo, un peso.
- Os pesos de agora non valen nada; antes arrolaban e agora voan (en alusión á aparición dos billetes de 5 pesetas).
- Onde canta o crego e ornea o burro, alí nunca falta un peso duro.
- Un día é un día e un peso gástase.
- Un peso na casa non pare outro.
Notas
editar- ↑ Definición de “peso” no DRAG e no Portal das Palabras.
- ↑ “Peso”. En Frey, Albert. A dictionary of numismatic names. their official and popular designations. The American Numismatic Society. Nova York, 1917. Páxina 176 (en inglés)
- ↑ “Moedas para non saír de pobres. 1: peso”. En Portaldaspalabras.gal. 30 de xullo de 2014
- ↑ "The Spanish Peso". En Kampmann, U. (2010). Páxinas 42-46.
- ↑ “Peso”. En Online Etymology Dictionary (en inglés)
- ↑ Vilaplana Persiva, Manuel. “Origen de los nombres real de a ocho, peso, duro”. En Historia del real de a ocho. Universidade de Murcia, 1997. Páxina 65 [ISBN 84-7684-876-5] (en castelán)
- ↑ Resultado da procura “peso” no Dicionario de Dicionarios.
- ↑ Refráns como “Onde canta o crego e ornea o burro, alí nunca falta un peso duro” son testemuño de que non só no castelán, senón tamén no galego, se deu esta alternancia entre “peso”. “duro” e “peso duro”, aínda que finalmente foi “peso” a forma que acabou por imporse na nosa lingua.
- ↑ “Dollar”. En Online Etymology Dictionary (en inglés)
- ↑ Herrera, Adolfo. El duro. Estudio de los reales de a ocho españoles y de las monedas de igual o aproximado valor labradas en los dominios de la corona de España. Real Academia de la Historia. Madrid, 1914 (en castelán)
- ↑ Torres, Julio. “La implantación de la moneda en América”. En Revista de Filología Románica, 11-12. Universidade Complutense de Madrid, 1994-1995. Páxinas 115-130 (en castelán)
- ↑ Gill Aguinaga, Juan Bautista. “La moneda hispanoamericana. Sistema monetario”. Separata da Revista Nacional de Cultura. Año 1. Nº1. Asunción.
- ↑ “Peso”. En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
- ↑ Burzio, Humberto. Diccionario de la moneda hispanoamericana. Fondo Histórico y Bibliográfico José Toribio Medina. Santiago de Chile, 1958 (en castelán)
- ↑ Pita Fernández, Ricardo Luís. “A moeda e o diñeiro no refraneiro: peso”. En Numismática Galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999 [ISBN 84-605-9958-2]
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Peso |
Outros artigos
editar- Peso Independente
- Peso Constituínte
- Peso Coquimbo
- Peso das Illas Malvinas
- Real de oito
- Patacón
- Ducatón
- Peseta
- Lista das moedas de peseta de España
Bibliografía
editar- Gil Farrés, Octavio. Historia de la moneda española. Madrid, 1959 (en castelán)
- Herrera y Chiesanova, H. (1914). El duro: estudio de los reales de á ocho españoles y de las monedas de igual ó aproximado valor labradas en los dominios de la Corona de España. Tomo I Arquivado 18 de marzo de 2024 en Wayback Machine. / Tomo II[Ligazón morta]. Real Academia de la Historia, Madrid.
- Kampmann, U. (2010). Drachm, Dirham, Thaler, Pound. Money and currencies in history from earliest times to the euro. Money Museum. Zürich.