O franco CFA (franco da Comunidade Financeira de África; en francés franc de la Communauté Financière d’Afrique) é a moeda común de 14 países africanos, case todos eles antigas colonias francesas (coa excepción de Guinea Ecuatorial, antiga colonia española, e Guinea-Bissau, antiga colonia portuguesa).

Países que utilizan o franco CFA

Franco CFA de África Occidental editar

País Moeda
Benín  Franco CFA de África Occidental
Burkina Faso 
Costa do Marfil 
Guinea Bissau 
Malí 
Níxer 
Senegal 
Togo 

Franco CFA de África Central editar

País Moeda
Camerún  Franco CFA de África Central
Chad 
Gabón 
Guinea Ecuatorial 
República Centroafricana 
República do Congo 

Historia editar

As Illas Comores, no océano Índico están asociadas ao franco CFA, dentro da zona franco (franco comorano).

O franco CFA foi creado ao mesmo tempo que o franco CFP, o 26 de decembro de 1945, cando Francia ratificou os acordos de Bretton Woods. Naquel momento as súas siglas significaban franco das Colonias Francesas de África.

 
Moedas dun franco da África Occidental Francesa, de 1944 e 1948.

Sen cambiar de siglas, o nome evolucionou a franco da Comunidade Francesa de África en 1958, e hoxe significa franco da Comunidade Financeira de África, dentro da UEMOA, e franco da Cooperación Financeira en África Central, dentro da CEMAC. A existencia de dúas apelacións distintas evidencian a división da zona do franco en dúas: desde 1993, senllos institutos de emisión (o BCEAO, Banco Central dos Estados de África do Oeste, e o BEAC, Banco dos Estados de África Central) non intercambian xa as súas respectivas moedas.

Os acordos que vinculan os dous bancos centrais africanos coas autoridades francesas son idénticos e están baseados nas seguintes cláusulas:

  • Un tipo de cambio fixo fronte ao franco francés.
  • Plena convertibilidade das súas moedas en francos franceses garantida polo Tesouro francés.
  • Fondo común de reservas de moeda estranxeira no que participan todos os países da CFA (polo menos o 65 % das posicións en reservas depositadas no Tesouro francés, onde se lles concede unha garantía de tipos de cambio).
  • Como contrapartida á convertibilidade, dáse participación ás autoridades francesas na definición da política monetaria na zona CFA.

O franco CFA tiña unha paridade fixa con respecto ao franco francés, agás escasos momentos puntuais: a desvalorización do franco francés o 17 de outubro de 1948 (o franco CFA pasa de 1,70 FF a 2 FF ), a chegada do novo franco o 27 de decembro de 1958 (a paridade nominal pasa de 2 FF a 0,02 novos FF, é dicir que non hai ningunha desvalorización), e o 12 de xaneiro de 1994 a desvalorización repentina do franco CFA do 50 % (pasa de 0,02 FF a 0,01 FF), imposta por Francia e apoiada polas institucións financeiras internacionais (FMI e Banco Mundial). Esta desvalorización non resolveu os problemas económicos da rexión.

Desde o 1 de xaneiro de 1999, o franco CFA está fixado ao euro (un euro vale 655,957 francos CFA). O Tesouro francés (non a Unión Europea) segue garantindo a convertibilidade do franco CFA.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar