Océano Índico
O océano Índico[2] (en árabe, Bahr al-Hind) é un dos cinco océanos da Terra, e é a terceira masa de auga máis grande do mundo, cobre aproximadamente o 20% da superficie da Terra.[3] Esténdese por unha superficie duns 75 000 000 km². Limitado ó norte pola India, Paquistán e Irán; ó leste por Birmania, Tailandia e Malaisia (todos eles en Asia e Australia); ó sur polo océano Antártico; e ó oeste por África e a Península Arábiga.
Océano Índico | |
---|---|
![]() | |
Localización administrativa | |
Estado | 39 países e 7 territorios (Ver: Países e territorios ribeiregos) |
Localización xeográfica | |
Continente | África, Asia e Oceanía |
Xeografía | |
Subdivisións | Índico Oriental, Occidental e Índico Sur (inclúe os mares de Andaman, Arabia, Balí, Flores, Xava, Laquedivas, Vermello, Savu e Timor, o canle de Mozambique e os golfos de Adén, Aqaba, Bengala, Omán e Pérsico e a Gran Baía Australiana) |
Illas interiores | Illas do Índico |
Características | |
Superficie | 68 556 000 km² [1] |
Anchura máxima | ca. 10.000 km |
Lonxitude costa | 66 526 km [1] |
Profundiade máxima | 7 258 m (f. Xava) [1] |
Profundidade media | 3 741 m [1] |
Mapa | |
![]() Océano Índico en azul | |
Por convención o océano Índico convértese no océano Atlántico á altura do Cabo Agullas, no océano Pacífico á altura da illa de Tasmania e no océano Antártico a partir do paralelo 60º S.
Historia Editar
As primeiras civilizacións do mundo desenvolvéronse ao redor do océano Índico, ao longo dos vales dos ríos Tigris e Éufrates, Nilo e Indo: en Mesopotamia (comezando con Sumeria), no antigo Exipto e no subcontinente indio (comezando coa civilización do val do Indo). Outras civilizacións tamén xurdiron en Persia (a partir do antigo Imperio Elamita), en Armenia (a partír do antigo Imperio Urartu) e posteriormente no sueste de Asia (a partir do antigo Reino de Funan).
Durante a primeira dinastía de Exipto (ca. 3000 a.C.) xa se enviaron expedicións a navegar polo Índico, viaxando ata Punt, que se cre era parte da actual Somalia. Os barcos que regresaban traían ouro e mirra. O primeiro exemplo coñecido de comercio entre Mesopotamia e o val do Indo (ca. 2500 a.C.) desenvolveuse ao longo do Índico. É posible que os fenicios de finais do III milenio a. C. entrasen tamén na zona, pero non deixaron asentamentos.
O Índico é un mar bastante tranquilo, e grazas a iso abriuse ao comercio antes que o Atlántico ou o Pacífico. O cedo coñecemento dos monzóns tamén fixo posible a súa navegación: cara ao oeste ao principio da época dos monzóns, e logo, tras esperar uns meses, de regreso cara ao leste. Isto permitiu aos pobos de Indonesia cruzar o Índico para establecerse en Madagascar.
No século II a. C. ou século I a. C., Eudoxo de Cícico foi o primeiro grego coñecido en lograr cruzar o Índico, navegando ata a India. De Hippalus dise que descubriría a ruta directa desde Arabia ata a India ao redor desta época. Durante o século I e II a.C. desenvolvéronse relacións comerciais intensivas entre o Exipto romano e os reinos Tamil dos Cheras, Cholas e Pandyas do sur da India. Do mesmo xeito que os anteriores pobos indonesios, os mariñeiros occidentais utilizaron o monzón para cruzar o océano. O descoñecido autor do Periplo do Mar Eritreo, que se cre se escribiu entre o século I e o II, describe esta ruta e os portos e mercadorías ao longo das costas de África e da India ao redor do ano 70 a. C.
De 1405 a 1433, o almirante chinés Zheng He conduciu grandes frotas da dinastía Ming en varias viaxes a través do océano Occidental (o nome chinés do Índico) e alcanzou os países costeiros da África oriental (véxase Zheng He para referencia).
En 1497, o navegante portugués Vasco da Gama logrou dobrar o cabo de Boa Esperanza e converteuse no primeiro europeo en navegar á India e máis tarde ao Afastado Oriente. Os barcos europeos, armados con pesados canóns, rapidamente dominaron o comercio. Portugal intentou lograr preeminencia establecendo fortes nos estreitos e portos importantes e dominou o comercio e o descubrimento ao longo das costas de África e Asia ata mediados do século XVII. Máis tarde, os portugueses foron desprazados por outras potencias europeas. A Compañía Holandesa das Indias Orientais (1602-1798) buscou o control do comercio con Oriente a través do Índico. Francia e Gran Bretaña estableceron compañías de comercio na zona e España estableceu unha importante operación comercial en Filipinas e o Pacífico. Cara a 1815, Gran Bretaña converteuse na principal potencia no Índico.
A apertura do canal de Suez en 1869 reviviu o interese europeo no leste, pero ningunha nación tivo éxito en establecer o dominio do comercio. Desde a segunda guerra mundial o Reino Unido viuse obrigado a retirarse da zona, sendo substituído pola India, a Unión Soviética e os Estados Unidos. Os dous últimos trataron de establecer a súa hexemonía negociando sitios para as súas bases navais. Os países en desenvolvemento que bordeaban o océano, con todo, trataron de que fora unha «zona de paz»[Cómpre referencia] para que se puidesen utilizar libremente as súas rutas de navegación. O Reino Unido e os Estados Unidos manteñen unha base militar no Atol Diego García no medio do océano Índico.
Breve cronoloxía da exploración Editar
Os feitos máis destacados na exploración e navegación do Índico, principalmente para os occidentais, son:
- século II a.C.: o grego Eudoxo de Cícico viaxa á India por vía marítima. O xeógrafo Claudio Tolomeo, na mesma época, designouno co nome Indikon Pelagos (significa «mar da India»), e máis tarde Plinio o Vello nomeouno xa como Oceanus Indicus («Océano Índico»);
- século I-século IV: chegada á rexión dos primeiros austronesios, provenientes de Indonesia, en especial alcanzando a illa de Madagascar. Contactos coa África oriental onde se introducen plantas cultíxenas asiáticas (bananeira, taro, igname etc.);
- século VII: desenvolvemento do budismo nas illas de Sumatra e Xava. Viaxes de varios monxes budistas chineses, entre eles Yi Jing a India a través de ruta marítima;
- 860: unha inscrición de Xava menciona, nunha lista de domésticos, o nome de Jenggi, é dicir «Zeng», nome árabe dos habitantes da costa oriental de África;
- 945-46: o libro árabe Les Merveilles de l’Inde descrive arrivadas á costa de Mozambique de «un milleiro de embarcacións» feitas polos Waq-Waq que chegan de illas «situadas fronte á China» (é dicir, a actual Indonesia) buscando produtos e escravos;
- século IX: a dinastía Chola, na India meridional, conquista a illa de Ceilán e lanza expedicións contra o reino de Sriwijaya, na illa de Sumatra;
- século XIII: chegada dos persas shirazinos ao arquipélago das Comores;
- 1295: Marco Polo entra na China por vía marítima;
- século XIV: o marroquí Ibn Battuta, embaixador do sultanato de Delhi na China, visita Sumatra. O chinés Wang Dayuan fixo varias viaxes entre 1328 e 1339 que conducían a Arabia (despois a Exipto e a Marrocos) e á África oriental (ata a actual Tanzania)[4];
- 1400: fundación de Malacca na península malaia por un príncipe de Sumatra;
- 1421-22: Sexta viaxe do almirante chinés Zheng He alcanzando África oriental;
- 1488: Bartolomeu Dias supera o cabo de Boa Esperanza;
- 1497: Vasco da Gama vai ata a India;
- 1500: primeira chegada de europeos a Madagascar (Diogo Dias);
- 9 de febreiro de 1507 : Descubrimento da illa de Reunión polo portugués Diogo Dias;
- 1510: Toma de Goa, na India, polos portugueses baixo o mando de Afonso de Albuquerque;
- 1511: conquista de Malaca por Albuquerque;
- 1770: o inglés James Cook chegou a Australia;
- 1772 : descubrimento das illas Kerguelen por Yves Joseph de Kerguelen de Trémarec;
- 1820: descubrimento do continente antártico;
- 1869: apertura do canal de Suez;
Xeografía Editar
As placas tectónicas africana, india e antártica converxen no punto triplo de Rodrigues, a súa conxunción está marcada por ramificacións da dorsal oceánica que forman un Y invertido, coa raíz que vai cara ao sur desde o límite da plataforma continental preto de Bombai, na India. As bacías leste, oeste e sur subdivídense en bacías máis pequenas por cristas submarinas.
Os principais puntos de estreitamento son Bab el Mandeb, o estreito de Hormuz, o estreito de Lombok, o estreito de Malaca e o estreito de Palk, os principais mares deste océano son o golfo de Adén, mar de Andaman, mar Arábigo, baía de Bengala, gran Baía Australiana, mar de Laquedivas, golfo de Mannar, canle de Mozambique, golfo de Omán, golfo Pérsico, mar Vermello e outros corpos de auga tributarios. Está conectado artificialmente co mar Mediterráneo pola canle de Suez, accesible vía o mar Vermello.
Illas do océano Índico Editar
- Madagascar
- Arquipélago das Comores
- Illas Seychelles
- Reunión (Francia)
- Illa Mauricio
- Illa Rodrigues
- Territorio Británico do Océano Índico, no Arquipélago de Chagos.
- Illas Maldivas
- Sri Lanka
- Illas Andaman e Nicobar (India)
- Illa Christmas (Australia)
- Illas Cocos (Australia)
- Illas de Indonesia ao longo de Sumatra:
- Illas de Xava
- Zanzíbar
- Terras Austrais e Antárticas Francesas:
Notas Editar
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 CIA. "Océano Índico - Geografía - Libro Mundial de Hechos" (en castelán). Consultado o 23 de febreiro de 2017.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para índico.
- ↑ Rasul Bux Rais (1986). The Indian Ocean and the Superpowers. Routledge. ISBN 9780709942412.
- ↑ William Woodville Rockhill, Toung Pao (1915) Wang Dayuan (1328-1339) Daoyi Zhilue (Island Savages)
Véxase tamén Editar
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Océano Índico |
Outros artigos Editar
Os cinco océanos | ||||
Atlántico |
Ártico |
Índico |
Pacífico |
Antártico |
Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |