Vasco da Gama

navegante e explorador portugués

Vasco da Gama, nado en Sines (Portugal) en 1460 ou 1469 e finado en Cochin (actual India) o 24 de decembro de 1524, foi un célebre navegante e explorador portugués.

Vasco da Gama
Retrato de Vasco da Gama.png
Nacemento1469 e c. 1460
Lugar de nacementoSines
Falecemento24 de decembro de 1524
Lugar de falecementoCochim
Causamalaria
SoterradoMosteiro dos Xerónimos, Igreja de Santa Engrácia e Igrexa de San Francisco
NacionalidadeReino de Portugal
Ocupaciónexplorador, viajante mundial, navegante e oficial da armada
PaiEstêvão da Gama
NaiIzabel Sodre
CónxuxeCatarina de Ataíde
FillosEstêvão da Gama (1470) e Cristóvão da Gama
IrmánsPaulo da Gama
Na rede
WikiTree: Gama-16 Find a Grave: 6622573 Editar o valor em Wikidata
Vasco da Gama signature almirante.svg
editar datos en Wikidata ]

InfanciaEditar

Fillo de Dona Isabel Sodré e Estêvão da Gama (1430-1497), cabaleiro da casa D. Fernando de Portugal, Duque de Viseu, quen o nomeou Alcalde ou Capitán Maior de Sines e lle permitiu ingresar parte dos impostos da fabricación de xabón de Estremoz.

Segundo os estudos do historiador portugués Teixeira de Aragão, Vasco da Gama tería estudado en Évora, adquirindo coñecementos de matemáticas, navegación ou astronomía.

Unha das primeiras referencias que temos del é de 1492, cando o rei Xoán II o manda ao porto de Setúbal co fin de capturar navíos franceses na zona.

Primeira viaxe (1497-99)Editar

AntecedentesEditar

Dende comezos do século XV a Coroa de Portugal viña explorando a costa de África na busca dunha ruta marítima á India polo sur do continente. Esta ruta tería unha grande importancia económica e política ao dificultárense as rutas comerciais con Asia dende a caída de Constantinopla baixo o Imperio Otomán en 1453.

Sendo Vasco da Gama aínda moi novo o mariñeiro Bartolomeu Dias dobrou o Cabo de Boa Esperanza, na actual Suráfrica, abrindo a posibilidade a Portugal de romper o monopolio sobre o mercado do Mar Mediterráneo. Tamén se realizaron expedicións vía terrestre ata a India que debían determinar posibles rutas marítimas de acceso. Así Afonso de Paiva e Pêro da Covilhã chegaron ata Adén facéndose pasar por mercadores, vía Barcelona, Nápoles, Rodas e Alexandría. Alí separáronse; o primeiro dirixiuse a Etiopía onde morreu de peste sen enviar ningún informe do descuberto, mentres que Covilhã se dirixiu a Ormuz e despois á India, de onde volveu pola costa oriental de África. Nunca volveu a Portugal pero logrou enviar informes que determinaban a viabilidade da ruta marítima a Asia.

Así só faltaba un navegante que o demostrase.

A viaxeEditar

 
Ruta da primeira viaxe de Vasco da Gama.

Manuel I de Portugal confioulle o comando da frota que, o 8 de xullo de 1497, partiu do porto de Santa María de Belém, no río Texo, coa idea de rodear o Cabo de Boa Esperanza en busca da India. A única testemuña da viaxe é un diario de a bordo, atribuído a Álvaro Velho, xa que os documentos da Coroa se destruíron no Grande Incendio de Lisboa.

A expedición formábana 150 homes, entre mariñeiros e soldados, distribuídos en catro pequenos navíos:

  • São Gabriel, unha carraca de 27 metros de eslora, feita especialmente para esa viaxe e comandada polo propio Vasco da Gama.
  • São Rafael, nave xemelga da San Gabriel, tamén feita para esta viaxe e comandada por Paulo da Gama, irmán do capitán maior.
  • Berrio, ofrecida polo seu propietario, Don Manuel de Bérrio, e comandado por Nicolau Coelho.
  • São Miguel, unha carraca para o transporte de subministracións, que foi queimada preto da baía de São Brás na viaxe de ida, e que foi comandada por Gonçalo Nunes.

O 2 de marzo de 1498, proporcionou a armada a Mozambique, despois de sufrir fortes temporais e de ter Vasco da Gama sufocado, con man de ferro, unha revolta da tripulación. Foi en Mozambique onde atoparon os primeiros comerciantes indios. A pesar de que nun primeiro momento foron ben recibidos ao seren tomados por comerciantes musulmáns tiveron que saír da cidade disparando os canóns[1].

O piloto que o sultán da Illa de Mozambique lle dera, a certa altura, para o conducir á India, acordou secretamente entregar os navíos portugueses aos nativos en Mombasa. Unha casualidade fixo descubrir a emboscada e Vasco da Gama puido continuar até Melinde, cuxo rei lle forneceu un piloto árabe (Malemo Caná), coñecedor do Océano Índico.

Nesta zona os exploradores europeos levaron a cabo actos de piratería, saqueando navíos mercantes árabes, totalmente desarmados.

Despois de cruzar o Océano Índico en tan só 23 días, o 20 de maio de 1498, avistaba Calicut (actual Kozhikode), descubrindo o camiño marítimo para a India.

Calicut e regreso a PortugalEditar

O 20 de maio de 1498 arribou a Kappakadavu, preto de Calicut, no actual estado indio de Kerala, sendo o primeiro europeo en completar a ruta marítima á India.

Non obstante, unha vez alí as negociacións comerciais co gobernador local, Samutiri Manavikraman Rajá, Samoothiri de Calicut, foron difíciles, por unha parte polo escaso valor das mercancías que portaban os europeos e por outro a influencia dos comerciantes árabes que querían evitar a súa competencia. O que si produciu efecto foron as cartas que o rei portugués redactara para os gobernantes das terras por descubrir. Así Vasco da Gama conseguiu por escrito unha ambigua concesión de dereitos de comercio por parte do Samoothiri de Calicut.

Finalmente os portugueses venderon por debaixo do custo as súas mercancías para mercar pequenas cantidades de especias e xoias que levar na viaxe de regreso, que comezaría o 29 de agosto de 1498.

A viaxe de volta foi moito máis dura que a de ida, tardando 132 días en cruzar o Índico. Ao redor da metade da tripulación perecería a causa do escorbuto, sendo que só 55 homes volveron a Portugal. Tamén se viron obrigados a abandonar e queimar un dos navíos a causa da escasa tripulación, o São Rafael.

A primeira nave en chegar a Lisboa foi a Berrio, o 10 de xullo de 1499. Un mes máis tarde chegou a São Gabriel, pero sen Vasco da Gama, xa que abandonara o navío en Cabo Verde para fretar unha carabela e levar o seu irmán, moi enfermo, ás Illas Azores e tentar salvalo, obxectivo que non conseguiría.

Así Vasco da Gama chegou a Lisboa no mes de setembro, sendo recoñecido o seu fito co título de Almirante Maior das Indias, unha renda de trescentos mil reis con carácter hereditario, o título (ao igual que seus irmáns) de Dom e dúas vilas, Sines e Vila Nova de Milfontes.

Segunda viaxe (1502-1503)Editar

O 1502 organizouse unha nova expedición á India formada por vinte navíos de guerra para defender os intereses da Coroa de Portugal en Oriente. Nun primeiro momento fóiselle encomendada a Pedro Álvares Cabral pero desentendidos fixeron que finalmente recaese en Vasco da Gama.

Antes desta expedición realizouse outra no 1500, ao mando do xa mencionado Pedro Álvares Cabral, pero que se desviaría na travesía pola costa occidental de África e acabaría descubrindo Brasil. Á súa chegada a Calicut Cabral atopou un ambiente moi hostil xa que aos mercadores árabes e indios non lles gustaba a competencia que os portugueses podían significar. Así comezou unha escalada de violencia; Cabral tomou reféns para asegurarse o dereito de comercio e instalou unha factoría. Porén ao interpretar que se romperan os acordos atacou un barco árabe cargado con especias, polo que a factoría foi atacada e as mercancías portuguesas destruídas. Así Cabral abandonou Calicut e dirixiuse a Cochin, un reino rival, onde foi ben recibido. De todas as maneiras emprendeu a viaxe de volta con grandes perdas materiais o que fixo que caese en desgraza na corte portuguesa.

Así é como o 12 de febreiro Vasco da Gama parte de novo de Lisboa. No traxecto esixiu o pago dun tributo á illa de Kilwa (na actual Tanzania), un dos portos que na primeira viaxe fora hostil, converténdoa en tributaria do Reino de Portugal.

Nesta viaxe deuse o primeiro avistamento rexistrado por parte dun europeo das Illas Seychelles, que Vasco da Gama bautizou como Ilhas Almirante, na súa honra.

No norte do Océano Índico capturou un importante cargamento procedente da Meca, apoderándose das mercancías e queimando o navío. Ao chegar o 30 de outubro a Calicut, isto unido aos bombardeos consecutivos realizados por Cabral e João da Nova fixeron que o Samoothiri estivera disposto a asinar un tratado.

O 1 de marzo do ano seguinte comezou unha guerra entre o Samoothiri de Calicut e o Raxá de Cochin cos seus aliados portugueses. Vasco da Gama asaltou os barcos mercantes árabes e destruíu a frota de 29 navíos de Calicut, decantando a contenda cara aos intereses de Cochin e os portugueses. Así acadaron importantes concesións comerciais. Despois de fundar a colonia portuguesa de Cochin e instaurar a hexemonía marítima portuguesa na zona volveu a Lisboa en 1503.

Terceira viaxe (1524)Editar

No ano 1519 foi nomeado primeiro Conde de Vidigueira polo rei Manuel I, así como a concesión da Vila de Vidigueira e Vila de Frades. Converteuse así no primeiro conde portugués sen sangue real.

Despois de vinte anos afastado da navegación foi enviado de novo á India a causa do desastroso goberno do Vicerrei Duarte de Meneses e á fama de implacábel que se gañara da Gama na súa segunda viaxe. Así levantou áncora en 1524 contraendo a malaria ao pouco de chegar a Goa, xa na India. No cargo de Gobernador e Vicerrei da India actuou duramente e impuxo a orde pero morreu en Cochin no Nadal de 1524.

Foi sepultado na igrexa de San Francisco, en Cochin, e en 1539 os seus restos foron trasladados a Portugal, á igrexa dun convento carmelita preto de Vidigueira, de onde era conde dende 1519. No ano 1880 foi trasladado ao Mosteiro dos Xerónimos de Belém, que se construíu cos primeiros beneficios do comercio coa India.

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2011. Consultado o 21 de xaneiro de 2014. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar