Algarve
O Algarve[1][2] é unha rexión administrativa de Portugal, situada no sur do territorio continental, constituída dende 2003 como Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional (CCDR)[3]. Ten unha superficie de 5.412 km² e 451.005 habitantes (2011). A actual rexión do Algarve correspóndese na súa totalidade coa antiga provincia do mesmo nome e co distrito de Faro.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Faro | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 438.864 (2018) (88,48 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua portuguesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 4.960 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Punto máis alto | Fóia (902 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Código NUTS | PT150 | ||||
Sitio web | algarvepromotion.pt |
O Algarve divídese en 16 concellos e a súa capital é a localidade de Faro. A principal actividade económica da rexión é o turismo, atraído polas praias e o patrimonio cultural.
Etimoloxía
editarO termo "Algarve" provén de "al-Gharb al-Ândalus", nome dado ao actual Algarve e baixo Alentexo durante o dominio musulmán. O seu significado é "Andaluz Occidental", pois era a parte occidental da Andalucía musulmá.
Historia
editarAs rexións españolas e portuguesas outrora coñecidas por al-gharb al-Andalus (en árabe: الغرب الأندلس) eran o centro musulmán máis importante da época da "Hispania Islámica", cunha importante produción cultural, científica e tecnolóxica. Daquela, a principal cidade da rexión era Silves, que en tempos da súa conquista por parte do rei Sancho I de Portugal era case 10 veces maior e estaba máis fortificada que Lisboa. O Algarve foi a última parte do territorio de Portugal conquistado aos mouros, no ano 1249 durante o reinado de Afonso III. Segundo algúns documentos históricos, a conquista definitiva do Algarve aos mouros neste reinado, a toma da cidade de Faro, foi feita de forma relativamente pacífica. En 1267, co tratado de Badaxoz , o Algarve foi recoñecido como territorio portugués fronte ás pretensións da Coroa de Castela. Curiosamente, o nome oficial do reino resultante seria frecuentemente designado como Reino de Portugal e do Algarve, aínda que nunca foron dous reinos separados. A zona occidental do Algarve denomínase Barlavento e a oriental Sotavento. Esta designación débese ao vento predominante na costa sur do Algarve, aínda que a orixe histórica desta división é incerta e bastante remota. Na Antigüidade, os Romanos consideraban no suroeste da Península Ibérica a rexión do Cabo Cúneo, que ía dende Mértola por Vila Real de Santo António até a enseada de Armação de Pêra, e a rexión do Promontório Sacro, que abranguía o resto do Algarve. O primeiro ministro do rei Xosé I, o Marqués de Pombal, tentou efectuar unha división, nunca recoñecida polo papado romano, da diocese de Faro en dous bispados: Faro e Vila Nova de Portimão. O límite entre eles era o regato de Quarteira e o seu prolongamento en liña recta ata o Alentejo.
Xeografía
editarO Algarve limita ao norte coa rexión do Alentexo (subrexións do Alentexo Litoral e Baixo Alentejo), ao sur e oeste co océano Atlántico e ao leste o río Guadiana marca a fronteira con España. O punto máis alto sitúase na Serra de Monchique, cunha altitude máxima de 902m (Pico da Fóia). Alén de Faro, teñen tamén categoría de cidade as aglomeracións urbanas de Albufeira, Lagoa, Lagos, Loulé, Olhão, Portimão, Quarteira, Silves, Tavira e Vila Real de Santo António. Todas elas agás Quarteira son sedes de concellos.
Concellos do Algarve por poboación | ||||
---|---|---|---|---|
N° | Concello | Hab.(2011) | ||
1 | Loulé | 70 622 | ||
2 | Faro | 64 560 | ||
3 | Portimão | 55 614 | ||
4 | Olhão | 45 396 | ||
5 | Albufeira | 40 828 | ||
6 | Silves | 37 126 | ||
7 | Lagos | 31 048 | ||
8 | Tavira | 26 167 | ||
9 | Lagoa | 22 975 | ||
10 | Vila Real de Santo António | 19 156 | ||
11 | São Brás de Alportel | 10 662 | ||
12 | Castro Marim | 6 747 | ||
13 | Monchique | 6 045 | ||
14 | Aljezur | 5 884 | ||
15 | Vila do Bispo | 5 258 | ||
16 | Alcoutim | 2 917 | ||
Instituto Nacional de Estatística |
Concellos
editarA rexión subdivídese en 16 concellos:
Turismo
editarO Algarve dispón de belísimas praias e paisaxes naturais, sendo a máis turística das provincias de Portugal. Neste aspecto destaca Vilamoura, un dos complexos turísticos máis coñecidos de Europa, xunto á praia da Falésia (concello de Loulé), Albufeira (considerada a capital do turismo) e a praia da Rocha no concello de Portimão.
Agricultura
editarOs produtos agrícolas tradicionais máis importantes son as producións de froitos secos (figos, améndoas e alfarrobeiras), augardente de érbedo e cortiza, especialmente nas rexións do nordeste algarvío.
Deportes
editarFútbol
editarO principal club de fútbol do Algarve é o Sporting Clube Farense, que disputou 23 tempadas na Primeira Liga, acadando un 5º posto na edición 1994/95. Malia ser o club máis exitoso da rexión, na tempada 2012/13 compite na categoría de bronce do fútbol portugués despois de ser refundado en 2006. O equipo disputa os seus encontros como local no Estadio Algarve, con capacidade para 30.305 seareiros, que foi construído en 2003 por mor da Eurocopa 2004 que organizou Portugal. Este recinto foi unha das 10 sedes do evento.
O Sporting Clube Olhanense milita por 19ª vez na máxima categoría do fútbol portugués durante a tempada 2012/13. A súa mellor participación foi o 4º posto acadado na tempada 1945/46. O Portimonense Sporting Clube participou en 14 edicións da Primeira Liga, acadando un 5º posto na tempada 1984/85.
Ciclismo
editarDende 1977 vense disputando cada ano polo mes de febreiro a Volta ó Algarve, unha carreira ciclista de 5 etapas pertencente ó UCI Europe Tour. Trátase da carreira máis importante do país xunto coa Volta a Portugal e a Volta ó Alentexo. Nos últimos anos gañou importancia xa que moitos corredores internacionais elixen esta proba para preparar as clásicas de primavera, de xeito que nos últimos anos contou con gañadores tan salientables como Alberto Contador, Alex Zülle, Alessandro Petacchi, Tony Martin ou Floyd Landis.
Motor
editarO Rally de Portugal, creado en 1967 e pertencente ó Campionato do Mundo de Rally, dispútase dende 2005 en terras algarvias. Polo xeral ten lugar o derradeiro fin de semana do mes de marzo, pero tamén se ten disputado noutras datas.
En novembro de 2008 foi inaugurado o Autódromo Internacional do Algarve, un circuíto de velocidade sobre asfalto de 4.682 metros de lonxitude, situado no concello de Portimão. O recinto está homologado polas federacións internacionais de automobilismo e motociclismo para acoller carreiras internacionais. Nel téñense feito adestramentos oficiais de Fórmula 1, probas do Campionato do mundo de Superbikes, do Campionato FIA GT e moitas outras probas.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para algarvío.
- ↑ Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 111. ISBN 84-8158-266-2.
- ↑ Decreto-Lei 104/2003, de 27 de Maio (en portugués)
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Eventos de Verán no Algarve (en portugués)
- Guía turística do Algarve (en portugués)
- Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Algarve Arquivado 27 de maio de 2005 en Wayback Machine. (en portugués)
- Portal do Algarve Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine. (en portugués)