Sebastião José de Carvalho e Melo
Sebastião José de Carvalho e Melo, primeiro Conde de Oeiras e Marqués de Pombal, nado en Lisboa o 13 de maio de 1699 e finado en Pombal o 8 de maio de 1782, foi un diplomático e político portugués, Primeiro Ministro do rei Xosé I de Portugal. É unha das figuras máis carismáticas e controvertidas da historia portuguesa. Representante en Portugal do Despotismo ilustrado, a súa obra política marca un tempo na historia de Portugal que se coñecerá como a época pombalina.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de maio de 1699 Sernancelhe, Portugal |
Morte | 8 de maio de 1782 (82 anos) Pombal, Portugal |
Lugar de sepultura | Igreja da Memória (pt) |
Primeiro ministro | |
2 de agosto de 1750 – 4 de marzo de 1777 | |
Ministro de Relacións Exteriores | |
2 de agosto de 1750 – 6 de maio de 1756 | |
Embaixador | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Coímbra |
Actividade | |
Campo de traballo | Diplomacia, política e state administration (en) |
Ocupación | político, urbanista, ministro, sismólogo, diplomático, funcionario |
Membro de | Royal Society (1740–) |
Outro | |
Título | Margrave |
Cónxuxe | Leonor Ernestina de Daun, Marquesa de Pombal |
Fillos | Henrique José de Carvalho e Melo, Doña Maria Amalia de Carvalho e Daun |
Pai | Manuel de Carvalho e Ataíde |
Irmáns | Francisco Xavier de Mendonça Furtado |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Помбал Себастьян Жозе) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarNado en Lisboa, nunha familia de fidalgos con raíces e casa petrucial en Pombal, estudou leis na Universidade de Coímbra e serviu durante pouco tempo no exército. Pouco máis se sabe da súa vida, na que non parece haber unha ocupación destacada, ata que en 1738, xa con 39 anos, e en parte grazas a amizades da súa familia próximas ao rei Xoán V de Portugal, é nomeado embaixador en Londres. Non parece que fixera ningunha xestión destacada nesta misión diplomática, pero serviulle para coñecer os comezos da Revolución Industrial que despois tentará trasladar a Portugal.
Foi despois destinado a Viena, co encargo de mediar nas disputas que mantiñan o Imperio Austrohúngaro e a Santa Sé. A pesar das dificultades da empresa e dos cambios políticos, Pombal tivo un papel destacado e resolveu a misión con bastante éxito. E gañou ante a corte portuguesa un prestixio que tivo moito que ver co seu futuro político.
Chegado ao trono Xosé I, nomea a José de Carvalho como primeiro ministro. Neste posto irá aumentando cada vez máis o seu poder ata converterse nun auténtico valido que goberna segundo a súa vontade.
Características do seu goberno
editar- Un estilo de goberno despótico: Pombal impón as súas reformas e todo intento de oposición é esmagado.
- Unha época reformista:
- Esforzo pola modernización de Portugal.
- Reforma do sistema educativo, desde a primeira ensinanza ata a Universidade.
- Modernización económica, seguindo o modelo inglés.
- Abolición da escravitude no Brasil
- Enfrontamentos cos distintos estamentos, sobre todo a nobreza vella e a Igrexa.
O terremoto e a reconstrución de Lisboa
editar- Artigo principal: Terremoto de Lisboa de 1755.
O Día de Santos de 1755 un terremoto de grao 9 na escala de Richter arrasou Lisboa e boa parte da fachada atlántica da Península Ibérica e norte de África. O terremoto, o tsunami posterior e o incendio que se declarou a consecuencia destes destruíron o 85% da cidade.
Pombal, fiel ao seu estilo eficiente, despótico e reformista, dita normas para facer fronte á situación, conforme á frase que se lle atribúe "enterrar os mortos, socorrer os vivos e reconstruír".
As primeiras disposicións
editar- Ordena que o exército tome a cidade, para previr delitos e vandalismo.
- Prohibiu que os lisboetas superviventes abandonasen a cidade, co obxecto de contar con man de obra para todo o traballo que esperaba.
- Ante a enorme cantidade de mortos, e para previr unha epidemia, ordena que sexan cargados en barcos e botados ao mar. O que motiva a oposición da Igrexa, que considera que este xeito de actuar priva aos defuntos dun enterro cristián.
Con estas medidas Pombal evitou un andazo, tan común entón nestas situacións e estivo en disposición de reconstruír en tempo moi breve.
A reconstrución
editarA zona afectada da cidade e que Pombal mandou reconstruír é o que se coñece hoxe como a Baixa pombalina ou simplemente A Baixa. Nun primeiro momento, Pombal deu ordes de que os propietarios reconstruíran os edificios ou os venderan a quen estivera en condicións de facelo, so pena de sérenlles expropiados os terreos. Isto foi motivo de enfrontamento coa nobreza, que, en moitos casos, non dispoña de medios para reconstruír os seus pazos; ao tempo que permitiu a unha nacente burguesía que si tiña recursos facerse con novas propiedades. A reconstrución fíxose dun xeito coherente cos ideais do racionalismo: planta urbana trazada a escuadra, rúas amplas, prazas. Ademais, en cada bloque de casas había un pozo que fornecía de auga en caso de incendio. E as medianeiras entre casas eran máis altas que os tellados, para evitar que o lume se transmitise de casa en casa por eles.
Os edificios foron deseñados por arquitectos portugueses buscando a estrutura que mellor resistira aos terremotos. Para isto, fixéronse modelos a escala de distintas estruturas e fíxose desfilar arredor delas a compañías do exército, simulando un terremoto, para comprobar cal era a máis resistente.
Pro tamén estes deseños foron motivo de disputas entre Pombal, a Igrexa e a nobreza. O Marqués dispuxo que tódolos edificios fosen iguais (alturas, disposición, fiestras, portas), sen facer distincións, incluso igrexas e pazos nobiliarios. Había dúas razóns para estas normas:
- A idea de racionalidade e orde propia da época.
- A uniformidade permitía construír pezas como portas e fiestras en serie e, polo tanto, abreviar o tempo de reconstrución.
As reformas pombalinas
editarA reforma educativa
editarA reforma da Universidade de Coímbra
editarNa Universidade de Coímbra, promúlganse novos Estatutos en 1772, créanse dúas novas facultades (Matemáticas e Filosofía), amplíase o claustro de profesores, reformúlanse programas e lánzase un ambicioso programa de obras: Laboratorio Químico, Gabinete de Física, Observatorio Astronómico, Xardín Botánico, Museo de Historia Natural e Tipografía Académica.
Na reforma da Facultade de Medicina, seguíronse as teorías experimentalistas de Ribeiro Sanches, que levaron á fundación do Teatro Anatómico e do Dispensario Farmacêutico.[1]
A figura de Pombal na literatura e na cultura popular
editar- Na novela de Gonzalo Torrente Ballester Filomeno, a mi pesar (1988), a avoa portuguesa do protagonista ensínalle unha soa oración Que el Marques de Pombal arda en el infierno por los siglos de los siglos. Amén.
- En Portugal é costume dicir simplemente "O Marqués" para referirse a el.
- Corre a narración oral de que, cando a Compañía de Xesús foi restaurada e volveu a Portugal, alguén escribiu na súa tumba: "Acorda, que volveron!".
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2009. Consultado o 17 de agosto de 2013.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sebastião José de Carvalho e Melo |
Bibliografía
editar- Saraiva, José H. (1991), História concisa de Portugal, 14ª ed., Editorial Europa-América.
- Sena-Lino, Pedro (2020), De quase nada a quase rei. Biografia de Sebastião José de Carvalho e Melo, Marquês de Pombal, Contraponto Editores.