Alentexo
O Alentexo[1][2] (en portugués: Alentejo) é unha rexión (NUTS II) portuguesa. Abrangue unha área de 31.152 km² (o 33% do territorio continental portugués) e ten unha poboación de 770.265 habitantes (o 8% da poboación continental portuguesa). A rexión propiamente dita de Alentejo (sen Lezíria do Tejo) ten 511.157 habitantes e unha área de 27.276 km².

Comprende integramente os distritos de Portalegre, Évora e Beja, e as metades sur dos distritos de Setúbal e de Santarém. Limita ao norte coa Rexión Centro, ao noroeste coa Rexión de Lisboa, ao leste con España, ao sur co Algarve e ao oeste co Océano Atlántico. Abrangue 58 concellos (18,8 % do total portugués) pertencentes a cinco subrexións estatísticas (NUTS III): Alentexo Central, Alentexo Litoral, Alto Alentexo, Baixo Alentexo e Lezíria do Texo.
A división actual non coincide coa antiga rexión tradicional do Alentexo (que non constituía unha provincia por si, aínda que o Alentexo era considerado como a unión das dúas provincias do Alto e Baixo Alentexo), a cal era lixeiramente menor que a actual: incluía apenas os distritos de Évora e Beja (na súa totalidade), case todo o distrito de Portalegre (agás o concello de Ponte de Sôr, que formaba parte do Ribatexo), e a metade sur do de Setúbal (os concellos dese distrito que forman parte da actual rexión do Alentexo Litoral, a saber: Alcácer do Sal, Grândola, Santiago do Cacém e Sines).
O seu topónimo fai referencia aos terreos situados máis alá do río Texo.
Xeografía Editar
O Alentexo é unha rexión cun relevo baixo, formada por solos ácidos, e cun clima mediterráneo con influencia oceánica. Nas súas devesas crecen a meirande parte das sobreiras de Portugal, que fan deste país o primeiro produtor mundial de cortiza con preto do 50% da produción total[Cómpre referencia]. Tamén foi a última rexión portuguesa na que viviu o lince ibérico.
As súas costas están pouco urbanizadas a causa do forte vento que vén do océano, o cal favorece a formación de grandes sistemas dunares.
Notas Editar
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alentexano.
- ↑ Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 111. ISBN 84-8158-266-2.