Descubrimentos portugueses
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Hai unanimidade entre os historiadores en consideraren a conquista de Ceuta como o inicio da expansión portuguesa, comunmente coñecida como os Descubrimentos. A de Ceuta foi unha praza conquistada con relativa facilidade, por unha expedición organizada por Xoán I, en 1415. A aventura ultramarina gañaría grande impulso a través da acción do infante D. Henrique, O Navegante, recoñecido internacionalmente como o seu grande impulsor.
Terminada a conquista cristiá da Península Ibérica, o espírito da cristianización dos pobos musulmáns subsistía. Portugal dirixíase agora ao Norte de África, de onde viñeran os árabes que invadiron a Península Ibérica e aí se estabeleceron. Porén, Portugal non podía disimular o seu interese económico, xa que era tamén polo norte de África por onde pasaba a ruta das especias, un xénero de gran valor debido ao esforzo necesario para facelo chegar a Europa.
Portugal comeza así un proxecto nacional, desde o norte de África, que se estendería a todo o continente africano e mesmo ata Asia, e que se prolongou durante varios reinados e séculos, desde o reinado de Dinís (1279), con contactos nas illas Canarias, ata o de Xoán III (1557), época en que se establecería o Imperio portugués.
Antecedentes
editarEn 1317 Dinís contrata o xenovés Manuel Pesaña para o comando da frota real. Cerca de 1335 Afonso IV envía unha armada ao arquipélago das Canarias cuxos privilexios serían concedidos algúns anos máis tarde (1338) a mercadores estranxeiros. En 1344 as Canarias son concedidas ao castelán Luis de la Cerda e, no ano seguinte, Afonso IV envía unha carta ao papa Clemente VI referíndose ás viaxes dos portugueses ás Canarias e protestando contra esa concesión.
Nas reivindicacións de posesión, sucesivamente renovadas polos dous pobos ibéricos, prevaleceu ao final a vontade do rei de Castela sobre estas illas.
En 1353 asínase o Tratado de Windsor con Inglaterra para que os pescadores portugueses puidesen pescar nas costas inglesas.
En 1370 créase a Bolsa de Seguros Marítimos e en 1387 hai noticia do estabelecemento de mercadores do Algarve en Bruxas.
En 1395, Xoán I de Portugal emite unha lei para regular o comercio dos mercadores estranxeiros.
Motivacións
editarAs motivacións para as descubertas foron principalmente, aínda que non unicamente, de carácter económico: procurar acceso directo a fontes de fornecemento de trigo, de ouro ou de escravos e, máis tarde, das especias orientais.
Máis alá da necesidade de alcanzar as fontes de bens escasos ou caros en Europa, había a intención política de atacar ou debilitar pola retagarda o gran poderío islámico, adversario da Cristiandade (confundíndose neste desiderato a estratexia militar e diplomática e o espírito de evanxelización herdado das Cruzadas).
O equipamento
editarAta ao século XV, os portugueses practicaban unha navegación de cabotaxe utilizando, para o efecto, a barca e o barinel, embarcacións pequenas e fráxiles que posuían só un mastro con vela cuadrangular fixa. Estes barcos non conseguían dar resposta ás dificultades que xurdían no avance para o sur, como os baixíos, os ventos fortes e as correntes marítimas desfavorábeis. Están asociadas aos comezos dos Descubrimentos, a viaxes á Illa de Madeira, Azores, Canarias, e á exploración do litoral africano ata polo menos a localidade de Arguín, na actual Mauritania.
Mais o navío que marcou a primeira fase dos Descubrimentos portugueses, a fase atlántica e africana foi a carabela. Era de navegación fácil e mellor capacidade de bordear, ao ter un aparello latino.
Porén a súa capacidade limitada de carga e a necesidade dunha gran tripulación eran os seus principais inconvenientes, que, no entanto, nunca obstaron ao seu éxito. Este débese en boa parte á evolución técnica rexistrada no século XV e grazas ás múltiplas viaxes de exploración da costa atlántica africana, substituíndo definitivamente as barcas e os barineis naquelas actividades de navegación.
Para a navegación astronómica os lusos, como outros europeos, recorreron a instrumentos de navegación árabes, como o astrolabio e o cuadrante (un cuarto de astrolabio cun fío de chumbo), que alixeiraron e simplificaron. Inventaron tamén outros, como a balestilla, ou "bengala de Xacob" (instrumento que servía, no mar, medir a latitude e a altura de puntos inaccesíbeis, como a do Sol e doutros astros), que non utiliza a graduación dun arco de circunferencia senón un segmento deslizante ao longo dunha hasta, co ollo do observador en liña recta co astro observado. Mais os resultados variaban conforme o día do ano, o que obrigaba a correccións, feitas de acordo coa inclinación do Sol en cada un deses días. Por iso os portugueses utilizaron táboas de inclinación do Sol no século XV ou táboas astronómicas. Eran preciosos instrumentos de navegación en mar a fóra, coñecendo unha notábel difusión, como outras táboas que contiñan correccións necesarias para o cálculo da latitude a través da Estrela Polar.
O Norte de África
editarCinco anos despois da conquista de Ceuta (1415), o infante Henrique foi nomeado administrador da Orde de Cristo. Seguiu o desastre de Tánxer, en 1437, coa derrota portuguesa, adiando os portugueses o proxecto de conquistaren Marrocos.
No reino de Afonso V conquistáronse as seguintes prazas: Alcácer Ceguer (1458), Arcila (1471) e Tánxer, despois dos habitantes teren fuxido debido á caída de Arcila (1471). Safín (1508), Mazagón (1513) e Azamor (1513), conquistáronse no reinado de Manuel I.
Mais a vida dos portugueses nestas cidades fortificadas foi sempre difícil debido aos constantes ataque dos árabes. Os alimentos, a auga e outros bens necesarios para a vida cotiá viñan de Portugal ou de Castela por mar ou eran comprados aos árabes que en tempo de paz se dispuñan a comerciar cos portugueses.
A illa de Madeira
editarAínda durante o reinado de Xoán I, e baixo comando do Infante Henrique dáse o redescubrimento da illa de Porto Santo por João Gonçalves Zarco (1418) e máis tarde da illa de Madeira por Tristão Vaz Teixeira. Trátase dun redescubrimento porque xa se sabía da existencia das illas de Madeira no século XIV, segundo revela a cartografía da mesma época. Tratábanse de illas deshabitadas que, polo seu clima, ofrecían posibilidades de poboamento aos portugueses e reunían condicións para a exploración agrícola.
Os arquipélagos de Madeira e das Canarias espertaron, desde cedo, o interese tanto dos portugueses como dos casteláns; por seren veciños da costa africana, os referidos arquipélagos representaban fortes potencialidades económicas, en especial as Canarias, e tiñan unha grande importancia estratéxica. A disputa destes territorios deu orixe ao primeiro conflito ibérico, motivado por razóns expansionistas.
Para tentar evitar unha situación idéntica á das Canarias, perdidas para Castela, en 1424 iníciase a colonización de Madeira, adoptando un sistema de capitanías. Inicialmente Madeira exportaba cedro, teixo, sangue-de-dragón, anil e outros materiais tintureiros; a partir de 1450 tornouse un centro produtor de cereais.
Coa caída na produción de cereal, o infante Henrique resolve mandar plantar na illa de Madeira a cana de azucre -rara en Europa e, por iso, considerada especia- promovendo, para iso, a vinda de Sicilia da soca da primeira planta e dos técnicos especializados neste cultivo. O cultivo da cana e a industria da produción de azucre desenvolveríasen ata ao século XVII, seguíndose a industria da transformación -as alzapremas- facendo a extracción do zume para, despois, facer o recocer dos meles como entón se chamaba á fase da refinación.
Máis tarde, cerca do século XVII, o cultivo da cana de azucre sería promovida no Brasil, pasando Madeira a investir na produción do viño.
Os Azores
editarEn 1427, danse os primeiros contactos co arquipélago dos Azores por Diogo de Silves. Tamén nese ano descóbrese o grupo oriental dos Azores (San Miguel e Santa María). Segue o descubrimento do grupo central (Terceira, Graciosa, São Jorge, Pico e Faial). En 1452 o grupo occidental (Flores e Corvo) é descuberto por João de Teive.
Este arquipélago, tamén deshabitado, reunía condicións para o poboamento. Así, tamén aquí se aplica o sistema de capitanías, e a produción céntrase, sobre todo, no azucre, viño, trigo e gando.
A exploración de África
editarA navegación africana de Portugal está asociada á figura do infante Henrique, que dirixiu todas as exploracións como patrimonio persoal, a partir da base de Sagres, acompañándose por un grupo de cartógrafos, astrónomos e especialistas. Alén dos intereses materiais, o príncipe era guiado polo desexo de estabelecer unha alianza co Preste Xoán das Indias, un príncipe cristián que gobernaría as terras da Etiopía. Grazas a esa alianza, Henrique pensaba expulsar os musulmáns da Terra Santa e recomezar as Cruzadas, mais nunha escala planetaria.
No entanto, a interpretación dos descubrimentos portugueses non se debe resumir pola actuación exclusiva deste infante. Por tras dese movemento está un grupo vasto de mercadores e armadores profesionais, interesados e participantes nas navegacións e, como dirixente gobernativo, o infante Pedro, responsábeis por unha serie importante de iniciativas ás que o Navegaante se adheriu.
Xa na rexencia de Afonso V, en 1441 Nuno Tristán chega ao Cabo Branco. Xuntamente con Antão Gonçalves fixeron incursións no Río do Ouro, de onde foi obtido ouro en po. A partir de entón ficou xeneralizada a convicción de que esa área da costa africana podería, independentemente de novos avances, servir para o estabelecemento dunha actividade comercial que viría corresponder ás necesidades de moeda que, en Portugal, como en toda a Europa, se facía sentir.
Coas visitas anuais á Guinea e Mina para cargar escravos e ouro, trocados por tecido e trigo, adquiridos en Madeira ou no estranxeiro, subía o valor da moeda portuguesa. En Lagos pasou a funcionar un depósito de escravos e produtos de Guinea e Mina, que sería coñecido como Casa da Guinea e, despois da súa transferencia para Lisboa, en 1482, como Casa da Guinea e da Mina. Esta sería a institución predecesora da Casa da India.
En 1456, Diogo Gomes descobre Cabo Verde e segue a ocupación das illas aínda no século XV, poboamento este que se prolongou ata ao século XIX. O poboamento sería realizado con negros traídos de Guinea, e alí se desenvolveu o cultivo do algodón.
En 1455 é emitida a bula do papa Nicolao V declarando que as terras e mares descubertos son pertenza dos reis de Portugal. No ano seguinte chegaba a Bristol o primeiro cargamento de azucre proveniente da illa de Madeira.
En 1460, Pero de Sintra atinxe a Serra Leoa. Neste mesmo ano falece o infante Henrique. E coa súa morte, a misión é asignada temporalmente ao seu sobriño o Infante Fernando (fillo de Duarte). En 1469, Afonso V entrega, por cinco anos, a exclusiva do rescate do negocio de Guinea a un mercador da cidade de Lisboa, Fernão Gomes, mediante o pago dunha renda anual de 200.000 reais. Segundo João de Barros, ficaba aquel «honrado cidadán de Lisboa» coa obrigación de continuar os Descubrimentos, pois a exclusiva era garantida con «condición que en cada un destes cinco anos fose obrigado a descubrir pola costa en diante cen leguas, de maneira que ao cabo do seu arrendamento desas cincocentas leguas descubertas».[1] Este avance terrestre, do cal non hai grandes pormenores, tería comezado a partir da Serra Leoa, onde chegaran xa Pedro Sintra e Soeiro da Costa.
En 1471, ao servizo de Fernão Gomes, João de Santarén e Pero Escobar descobren a costa setentrional do golfo de Guinea, atinxindo a «mina de ouro» de Sama (actualmente Sama Bay), a costa da Mina, a de Benín, a do Calabar e a do Gabón e as illas de San Tomé e Príncipe e de Ano Bon. As penúltimas serían aproveitadas para a produción do azucre, utilizándose, para iso, a man de obra dos escravos traídos de Angola.
Tanto ou máis do que a adquisición do ouro e especias, o comercio escravista ofrecía boas perspectivas de lucro, nese período de exploración mercantil da costa occidental africana. Efectivamente, o xa antigo tráfico de escravos capturados nas Canarias (por casteláns, franceses, italianos e talvez portugueses), facíase cada vez máis difícil aos portugueses. Igualmente difícil era adquirir árabes en Marrocos.
Trocábanse escravos por panos e outros artigos. Sen loitas, eran os propios mercadores árabes ou os propios negros que alí vendían escravos ao Portugueses que, pola súa banda, os vendían a outros europeos.
Seguiron outros navegantes como Soeiro da Costa (que deu nome ao río Soeiro), Fernão do Pó (que descubriu a illa Formosa (en África), coñecida posteriormente polo nome do seu descubridor), João Vaz Corte-Real, que en 1472 descobre a Terra Nova, e en 1473 Lopes Gonçalves (cuxo nome se transmitiu ao cabo Lope, agora coñecido por Cabo Lopez) superou o Ecuador.
En 1474, Afonso V entrega ao seu fillo, o príncipe Xoán, futuro Xoán II, con só dezanove anos, a tarefa dos Descubrimentos por terras africanas. Máis tarde, en 1481, dirá o monarca en novo diploma que confirma a misión do príncipe Xoán: «...sabemos certo que el dá, per si, e per os seus oficiais, mui boa orde á navegación destes trautos e os goberna mui ben.». Así que lle foi entregada a política de expansión ultramarina, Xoán organiza a primeira viaxe de Diogo Cão. Este fai o recoñecemento de toda a costa ata á rexión do Padrón de Santo Agostiño. En 1485, Diogo Cão leva a cabo unha segunda viaxe estendéndose ata á Serra Parda.
Hai noticias de cargamentos de azucre de Madeira seren entregados en Rúan (1473) e Dieppe (1479).
En 1479 asínase o Tratado das Alcáçovas, no que Portugal abandonaría definitivamente as pretensións de posuír as Canarias.
En 1482 dáse a construción da Fortaleza de San Xorxe da Mina e, no ano seguinte, Diogo Cão chega ao río Zaire. Un ano despois, Martín da Bohemia chega a Portugal.
A ligazón do Atlántico co Índico
editarEn 1487, Xoán II envía Afonso de Paiva e Péro da Covillá en busca do Preste Xoán e de informacións sobre a navegación e comercio no océano Índico. Nese mesmo ano, Bartolomeu Dias, comandando unha expedición con tres Carabelas, atinxe o Cabo da Boa Esperanza. Estabelecíase así a ligazón náutica entre o Atlántico e o océano Índico. O proxecto para o camiño marítimo para a India foi deseñado por Xoán II como medida de redución dos custos nos trocos comerciais coa Asia e tentativa de monopolizar o comercio das especias. A xuntar á cada vez máis sólida presenza marítima portuguesa, Xoán II pretendía o dominio das rutas comerciais e a expansión do reino de Portugal que xa se transformaba en Imperio. Porén, o emprendemento non sería realizado durante o seu reinado. Sería o seu sucesor, Manuel I quen designaría Vasco da Gama para esta expedición, aínda que mantendo o plano orixinal.
Porén, este emprendemento non era ben visto polas altas clases. Nas Cortes de Montemor o Novo de 1495 era ben patente a opinión contraria en canto á viaxe que Xoán II tan esforzadamente preparara. Contentábanse co comercio de Guinea e do norte de África e temíase polo mantemento dos eventuais territorios alén mar, polo custo implicado na expedición e mantemento das rutas marítimas que de aí viñesen. Esta posición personifícase na personaxe do Vello do Restelo que aparece, n'Os Lusíadas de Luís Vaz de Camoes, a oporse ao embarque da armada.
El-Rei Manuel non era desa opinión. Mantendo o plan de Xoán II, mandou aparellar as naves e escolleu a Vasco da Gama, cabaleiro da súa casa, como capitán desta armada. Curiosamente, segundo o plan orixinal, Xoán II tería designado ao seu pai, Estévão da Gama, para comandar a armada; mais nesa época xa faleceran ambos.
O 8 de xullo de 1497 iniciábase a expedición semi-planetaria que terminaría dous anos despois coa entrada da nave Berrio polo río Texo, traendo a boa nova.
En 1492, Abraham Zacuto é expulsado da España por ser xudeu, indo vivir a Portugal, levando consigo as táboas astronómicas que axudarían os navegadores portugueses no mar. Ante a chegada de Cristovo Colón a América no mesmo ano, segue a promulgación de tres bulas papais -as Bulas Alexandrinas- que concedían ao reino de Castela o dominio desas terras e sería esa decisión de Alexandre II que iría vingar.
Ante iso, Xoán II consegue unha renegociación, mais só entre os dous Estados, sen a intervención do Papa. Así, en 1494 asínase o Tratado de Tordesillas: o Mundo divídese en dúas áreas de exploración: a portuguesa e a española. O mundo sería dividido en función dun semi-meridiano que debería pasar a 370 leguas de Cabo Verde - "mare clausum".
A chegada á India
editar- Artigo principal: Descuberta do camiño marítimo para a india.
No reinado de Manuel I, parte do Restelo, o 8 de xuño de 1497, a armada comandada por Vasco da Gama. Tratábase dunha expedición comportando tres embarcacións. É a partir da viaxe de Vasco da Gama que se introducen as naus. A 20 de maio de 1498 Vasco da Gama chega a Calcuta. Estabelecíase así o camiño marítimo para a India.
A chegada ao Brasil
editar- Artigo principal: Descuberta do Brasil.
En 1500, parte a segunda expedición para a India comandada por Pedro Álvares Cabral.
Era unha expedición composta por doce embarcacións. Mais Pedro Álvares Cabral, á altura de Cabo Verde, desvíase da ruta e en abril de 1500 chega a unha terra primeiro denominada Illa de Vera Cruz, máis tarde Terra de Santa Cruz e finalmente Brasil, pola abundante existencia de madeira de pau brasil (Caesalpinia echinata).
Pedro Álvares Cabral chega a Calcuta en 1501.
Ocorren algúns confrontamentos co Samorín, co cal Pedro Álvares Cabral acaba por romper relacións. Así, diríxese para o Sur e estabelece unha factoría en Cochín.
A chegada na China e no Xapón
editarEn 1514, Jorge Álvares atinxe a China.
En 1543, Francisco Ceimoto, Antonio Mota e Antonio Peixoto son os primeiros europeos a atinxir o Xapón.
Notas
editar- ↑ Barros, João (1777): Décadas da Asia.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Descubrimentos portugueses |
Bibliografía
editar- Collins, Robert O. & Burns, James M. (2007): A History of Sub-Saharan África. "Part II, Chapter 12: The arrival of Europeans in sub-Saharan Africa". Cambridge, UK: Cambridge University Press. ISBN 978-0-5218-6746-7.
- Diffie, B. W. & G. Winius (1978): Foundations of the Portuguese Empire, 1415-1580. Minneapolis, Minnesota, USA: University of Minnesota Press. ISBN 978-0-8166-0850-8.
- Koch, Peter O. (2003): To the Ends of the Earth: The Age of the European Explorers. "Following the Dream of Prince Henry". Jefferson, Carolina do Norte, USA: McFarland & Company. ISBN 978-0-7864-1565-6.
- Russell, Peter Edward (2000): Prince Henry "the Navigator": a life. New Haven, Connecticut, USA: Yale University Press. ISBN 978-0-3000-8233-9.
- Silva, Libório Manuel (2010): A Nau Catrineta e a História Trágico-Marítima: Lições de Liderança. Vila Nova de Famalicão, Braga: Edições Centro Atlântico. ISBN 978-98-9615-090-7.
Outros artigos
editar- Cronoloxía dos descubrimentos portugueses
- Descuberta do camiño marítimo para a India
- Ciencia Náutica Portuguesa
- Descuberta do Brasil
- Era dos Descubrimentos
- Imperio portugués
Ligazóns externas
editar- João Silva de Sousa: [https://web.archive.org/web/20190908035130/http://www.arqnet.pt/portal/artigos/jss_expansao.html Arquivado 08 de setembro de 2019 en Wayback Machine. A Expansão portuguesa no século XV{ En "O Portal da História" (en portugués).
- Descubrimentos – Cronoloxía (en portugués).