Periplo do Mar Eritreo

O Periplo do Mar Eritreo ou Periplo do Mar Vermello (en grego Περίπλους τὴς Ἐρυθράς Θαλάσσης, en latín Periplus Maris Erythraei) é un periplo greco-romano, escrito en grego e que describe a navegación e comercio dos portos romano-exipcios como Berenice ao longo da costa do Mar Vermello, e outros ao longo do nordeste de África e India.

Nomes, rutas e localizacións do Periplo do Mar Eritreo.

Datación

editar

O texto ten sido datado entre o século I e século III, pero a data que esperta maior consenso é a de mediados do século I. De autor anónimo, é claramente unha descrición persoal de alguén familiarizado coa rexión e é practicamente único na descrición precisa do que era o mundo antigo nesa rexión.[1]

Contido

editar

Malia que Mar Eritreo (en grego Ἐρυθρά Θάλασσα) literalmente signifique "Mar Vermello", para os gregos incluía tamén o océano Índico e o golfo Pérsico. A obra consiste en 66 capítulos, a maioría deles cun parágrafo apenas. En moitos casos a descrición dos lugares é suficientemente precisa para identificar inequivocamente as localizacións actuais. Noutros non: por exemplo menciónase Rhapta como o mercado máis importante da costa africana de Azania, pero hai polo menos cinco localidades que se axustan á descrición, do sur de Tanga ata o delta do río Rufiji. A descrición da costa india menciona explicitamente o río Ganxes, pero China é confusamente descrita como a grande cidade interior Thina, produtora de seda. Outra característica interesante do periplo é que algunhas palabras que describen mercadorías obxecto de comercio non son vistas en ningunha outra obra literaria, polo que o seu significado real é misterioso. O periplo describe tamén como Hípalo foi o primeiro en descubrir a ruta directa entre o mar Vermello e o sur da India.

Tradición manuscrita

editar

O texto que chegou ata hoxe deriva dun manuscrito bizantino do século X en letra minúscula, gardado nas coleccións da Universidade de Heidelberg, e dunha copia deste, dos séculos XIV ou XV, hoxe no Museo Británico. No primeiro, o texto é atribuído a Flavio Arriano, probabelmente polo único motivo da súa proximidade temporal co Periplus Ponti Euxini, escrito por el. A primeira edición moderna do texto foi publicada en 1553 por Sigismund Gelenius.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar