Estreito de Sunda

O estreito de Sunda (en indonesio, Selat Sunda) é un estreito mariño que separa as illas indonesias de Xava e Sumatra. Conecta o mar de Xava co océano Índico.

Estreito de Sunda
Vista do estreito de Sunda

O nome do estreito vén de Sunda, que significa o país dos Urang Sunda, o pobo que habita a parte occidental da illa de Xava. Sunda tamén deu o seu nome ás illas da Sonda, un nome que tradicionalmente se aplica a unha parte do Arquipélago Malaio.

XeografíaEditar

O estreito esténdese ao longo dun eixo de orientación xeral suroeste/nordés. O seu largo mínimo é de 24 km entre o cabo Tua, en Sumatra, e o cabo Pujats, en Xava. Ten arredor de 30 km de largo no seu tramo máis estreito, no extremo nororiental, pero é unha sección curta de arredor de 30 km de longo, aínda que logo se abre ata os 100 km nun tramo doutros 100 km de longo.

O estreito está salpicado por unha serie de pequenas illas, incluídas Sangiang, Sebesi, Sebuku, Panaitan e as illas de Krakatoa: Krakatoa, Lang (Panjang ou Rakata Kecil), Verlaten (Sertung) e Anak Krakatoa. Moitas delas (incluídas Sebesi e Panaitan) son de orixe volcánico. Anak Krakatoa é produto da famosa erupción de 1883.

O estreito é profundo no seu extremo occidental, pero na súa parte oriental, a profundidade mínima é de 20 metros. De feito, non é un estreito fácil para a navegación marítima, con numerosos bancos de area, fortes correntes de marea e con moitas plataformas petroleiras nas proximidades de Xava.[1]

Segundo unha hipótese emitida polo arqueólogo Daid Keys e o xeólogo Ken Wohletz, o estreito conecta o mar de Xava co océano Índico dende o ano 535, debido a unha erupción do mesmo Krakatoa. Esta erupción deixaría unha caldeira de 50 km de diámetro, separando as illas de Xava e Sumatra.[2] Con todo, esta hipótese non ten o favor da maioría dos xeólogos e historiadores, que xeralmente consideran que o estreito de Sunda é moito máis antigo, debendo a súa existencia non a unha caldeira, senón ao graben.[3]

HistoriaEditar

 
Mapa do estreito en 1729 por Pierre van der Aa

Foi durante séculos unha importante vía marítima, sobre todo cando a Compañía Holandesa das Indias Orientais facía pasar polas súas augas as súas mercadorías que proviñan das Molucas e ían cara a Europa ou á India, como porta de entrada ás illas das Especias (1602-1799). Como un dos principais pasos desde o mar da China Meridional ao océano Índico (sendo o outro o estreito de Malaca), o estreito de Sunda, a pesar dos perigos debidos á estreiteza e ás rocas, é moito máis curto có estreito de Malaca, e consecuentemente os barcos corrían menos riscos do ataque dos piratas.

As illas do estreito e as rexións das inmediacións que o rodean, en Xava e Sumatra, foron devastadas pola erupción do Krakatoa en 1883, debido principalmente á intensa caída de cinsas e pedra pómez e aos enormes tsunamis causados polo colapso do volcán. A erupción alterou drasticamente a topografía do estreito, con entre 18-21 km³ de ignimbrita que se depositaron nunha superficie de 1,1 millóns de km² ao redor do volcán. Algunhas zonas non foron nunca reocupadas de novo, como a rexión costeira de Xava incorporada no Parque Nacional de Ujung Kulon, pero a maior parte da costa está moi densamente poboada.

Hoxe en día, a angostura do estreito, a súa pouca profundidade e a falta de cartas mariñas fano inadecuado para moitos grandes buques modernos e foi relegado como ruta marítima en favor do estreito de Malaca, entre Sumatra e a península Malaia.[1]

A batalla do estreito de SundaEditar

O 1 de marzo de 1942 librouse nas súas augas a batalla do Estreito de Sunda, parte da gran batalla do Mar de Xava, cando os cruceiros aliados HMAS Perth e USS Houston atoparon unha forza xaponesa de desembarco anfibio preto de Bantam, ao mando do almirante Kenzaburo Hara,[4] que incluía portaavións, tres cruceiros e dez destrutores.[5] Os cruceiros aliados foron afundidos, pero un dragaminas e un buque de transporte xaponeses tamén foron afundidos por fogo amigo.[1]

Proxecto dunha ponteEditar

Na década de 1960 fixéronse propostas para construír unha ponte sobre o estreito de Sunda, e no decenio de 1990 xurdiron novas propostas. En outubro de 2007 anunciouse un novo plan que implicaría empregar as illas de Ular, Sangiang e Prajurit para crear unha ponte suspendida de catro partes, cunha lonxitude duns 26 km realizado a uns 70 metros sobre o nivel do mar e cun van máximo de 3 quilómetros, case un 50% máis longo que a Gran Ponte de Akashi Kaikyō.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 Donald B. Freeman, The Straits of Malacca: Gateway Or Gauntlet?. McGill-Queen's Press, 2006.
  2. "Were the Dark Ages Triggered by Volcano.". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2003. Consultado o 13 de outubro de 2009. 
  3. [Ligazón morta]
  4. L, Klemen (1999–2000). "Rear-Admiral Kenzaburo Hara". Forgotten Campaign: The Dutch East Indies Campaign 1941-1942. 
  5. Visser, Jan (1999–2000). "The Sunda Strait Battle". Forgotten Campaign: The Dutch East Indies Campaign 1941-1942. Arquivado dende o orixinal o 03-12-2014. Consultado o 03-07-2020.