Zheng He

militar, diplomático, mariñeiro e explorador chinés

Zheng He (chinés tradicional: 鄭和, chinés simplificado: 郑和 , Hanyu Pinyin: Zhèng Hé, Wade-Giles: Cheng Ho) tamén coñecido coma Ma Sambao, nado en 1371 e finado en 1435, foi un famoso militar, diplomático, mariñeiro, explorador chinés que realizou unhas viaxes colectivamente chamadas O eunuco Sanbao ao océano occidental (三保太監下西洋) ou Zheng He ao océano occidental, de 1405 a 1433.

Infotaula de personaZheng He
鄭和
郑和

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(zh) 鄭和 Editar o valor em Wikidata
1371 Editar o valor em Wikidata
Kunming (Dinastía Yuan) Editar o valor em Wikidata
Morte1433 Editar o valor em Wikidata (61/62 anos)
Nanjing (Dinastía Ming) Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaTomb of Zheng Da Chia (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeDinastía Ming Editar o valor em Wikidata
Grupo étnicoPobo hui Editar o valor em Wikidata
RelixiónIslam Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Dinastía Ming
Oriente Medio
África oriental
Subcontinente indio
Sueste asiático
Océano Índico Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónexplorador , Eunuco , Navegante , diplomático , viaxeiro Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1405 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata -
EmpregadorYongle
Hongxi
Xuande Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua chinesa Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rango militaradmiral of the fleet (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Comandante de (OBSOLETO)Viagens do tesouro Ming (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
PaiHajji Ma (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
ParentesSayyid Ajjal Shams al-Din Omar (en) Traducir (devanceiro) Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Thung-81

Durante as súas expedicións, que todas comezaron en Nanjing, Zheng He explorou o Sueste asiático, Indonesia, Ceilán, a India, o golfo Pérsico, a península arábiga, o leste de África até a canle de Mozambique e América.

O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero xeralmente considérase que navegou e explorou sete veces "o océano occidental". As súas escuadras resultan impresionantes se se comparan coas súas contemporáneas europeas: ao redor de 30.000 homes e un número variable de naves, entre cincuenta e trescentas.

As súas viaxes produciron un importante intercambio diplomático, comercial e cultural co estranxeiro. A pesar de contribuír a demostrar a capacidade organizativa e poder tecnolóxico chineses, non produciron anexións territoriais debido á falta de tradición de colonialismo e imperialismo na China.[1]

Trala súa morte, os confucionistas impuxeron de novo a súa visión do mundo, polo que nos séculos seguintes impulsouse o isolacionismo. No entanto Zheng He deixou unha profunda pegada na sociedade chinesa e, en xeral, en todo o sueste asiático.

Traxectoria editar

Zheng He foi un eunuco musulmán do pobo hui que serviu como confidente do emperador da China Yongle (gobernante de 1403 a 1424), o terceiro emperador da dinastía Ming. Chamado orixinalmente Ma Sanbao (馬 三保), procedía da provincia de Yunnan. Pertenceu á minoría Semur, orixinarios de Asia Central e practicantes do islam. Tanto seu pai como seu avó viaxaran en peregrinación á Meca e Zheng He tería escoitado os relatos das súas viaxes a terras afastadas. Despois de que o exército Ming conquistara Yunnan foi cativado e castrado, converténdose así nun eunuco. O nome Zheng He púxollo o emperador. Estudou en Nanjing Taixue (Colexio Central Imperial). As súas misións exhibiron impresionantes demostracións da súa capacidade organizativa e poder tecnolóxico, pero non produciron grandes comercios xa que Zheng He foi un almirante e un oficial, non un mercador.

Zheng He navegou até Malaca no século XV e trouxo consigo unha princesa da China, a Princesa Hang Li Po. Ela tería que desposar o rei de Malaca. A princesa foi cos seus 1.500 servintes, os cales se asentaron eventualmente en Bukit Cina en Malaca. Os descendentes desta xente son coñecidos na actualidade como Baba (o título masculino) e Nyonya (o título feminino).

En 1424 o emperador Yongle faleceu. O seu sucesor, Hongxi (gobernante de 1424 a 1425), decidiu reprimir a influencia dos eunucos na corte. Zheng He realizou unha última viaxe baixo o goberno do emperador Xuande (gobernante de 1426 a 1435), pero despois diso as frotas de tesouro chinesas acabaron. A súa tumba está en Nanjing (outeiro de Niushou), e en 1985 foi restaurada. Tamén construíu os estaleiros de Nanjing, que aínda funcionan actualmente.

Viaxes editar

 
Mapa das rutas das súas viaxes ao Océano occidental.

O "Océano Occidental" refírese aos lugares en Asia e África que Zheng He explorou, incluíndo:

O número das súas viaxes varía dependendo do método de división, pero explorou como mínimo sete veces cara ao "océano occidental" coa súa frota. A súa escuadra consistía nuns 30 000 homes e setenta naves. Levou a China moitos trofeos e embaixadores de máis de trinta reinos, incluíndo Alagonakkara de Ceilán, quen foi a China a se desculpar co emperador. A revista Life situou a Zheng He no posto 14 das persoas máis importantes do último milenio.

Primeira viaxe editar

A súa primeira expedición levantou áncora no outono do ano 1405 con aproximadamente 317 barcos. Recalaron en Fujian, na desembocadura do río Min, onde realizaron reparacións e partiron cara Champa (actual Vietnam) e, posteriormente, Palenbang (Sumatra). Tamén visitaron Xava e Ceilán, onde segundo as crónicas chinesas non recibiron boa acollida. Finalmente chegaron ao seu destino, Calicut, cidade estado da India coñecida como a Cidade das especias.

Tras intercambiar mercadorías, a frota iniciou o regreso a China en abril de 1407. No estreito de Malaca enfrontouse ao pirata Chen Zuyi e capturouno. Xa de novo no Mar da China a frota viuse no medio dun tifón. A tripulación, espantada, solicitou axuda á deusa Tianfei. Apareceu unha "lanterna máxica" no mastro (probablemente un Lume de San Telmo) e, pouco despois, o mar acougou. Para Zheng He o fenómeno foi un milagre da deusa. Pouco despois chegaron a China.[2]

Segunda viaxe editar

Ao pouco do regreso da primeira viaxe o emperador Yongle ordenou que se organizase outra nova expedición, co fin de devolver aos seus respectivos lugares de orixe os diplomáticos estranxeiros que chegaran a China na anterior expedición. Nesta viaxe non se sabe con seguridade se participou Zheng He ou se permaneceu supervisando a reparación do templo de Tianfei en Meizhou. No caso da súa ausencia a expedición debeu ser comandada polos eunucos Wang Jinghong e Hou Xian.

A frota formada por 68 barcos levou áncora a finais de 1407 ou comezos de 1408 e o reducido tamaño comparada coa primeira viaxe debeuse a que se valorou que non era preciso levar tantos navíos de guerra. A ruta foi similar á anterior, visitando Siam, Xava, Delhi, Ahceh, Cochin e Calicut. Tivo sobre todo carácter diplomático máis que comercial, intervindo nas disputas entre siameses e Khemeres e na elección do novo Zamurin (Rei) de Calicut: Mana Vikrana.[3]

Terceira viaxe editar

 
A Torre de Porcelana de Nankín, cuxa construción comezou trala terceira viaxe de Zheng He cos beneficios do comercio.

A terceira viaxe comezou en 1409 con 48 barcos. Os principais oficiais da Frota (ademais de Zheng He) foron Wang Jinghong e Hou Xian.[4] A bordo viaxa o cronista Fei Xin (que tamén o fixo na quinta e a sétima viaxe.[2][5][6]

Fixeron unha breve parada en Taiping e logo seguiron até Champa (actual Vietnam) e Temasek (actual Singapur).

Posteriormente chegaron a Malaca. Os chineses, que desexaban manter un equilibrio de poder entre Malaca, Siam e Xava que garantise a estabilidade na rexión,[Cómpre referencia] entregaron un novo selo ao rei Parameswara de Malaka, que simbolizaba o recoñecemento chinés da súa soberanía (o anterior fora roubado por siameses).[4]

Proseguiron até Semudera (Sumatra) e chegaron despois até Sri Lanka. A Frota levaba unha lápida conmemorativa de Buda, Alá e unha deidade hindú, que querían erixir na illa como mostra de respecto aos costumes locais. Ademais, ofreceron cuantiosos donativos ás tres relixións (en partes iguais).[7][8]

A illa estaba dividida en catro faccións: ao norte os támiles hindús, un usurpador musulmán e o lexítimo gobernante cingalés de Kotte, Vijaya Bahu VI. Nesa época convulsa os cingaleses desconfiaban dos estranxeiros e un dos seus líderes locais, Nissanka Alagakkonara (ou Alakeswara), ao atoparse cos enviados chineses rexeitou aceptar a soberanía chinesa na illa e erixir a lápida conmemorativa. Alakeswara, que anhelaba ademais facerse co trono de Vijaya Bahu VI, loitou contra eles e, tras unha breve escaramuza, obrigounos a volver aos seus barcos.[9]

A Frota proseguiu a súa viaxe até Quilon, Cochin e Calicut. Ao volver decidiron vingar o agravio cometido polos cingaleses. O que sucedeu a continuación é obxecto de discusión:

  • Segundo as fontes chinesas, Alakeswara solicitou a Zheng He o pago dun tributo, ao que este se negou. Alakeswara enviou entón un exército de 50.000 soldados a cortar a comunicación de Zheng He -e o exército de 2.000 soldados que o acompañaba- coa Frota. Zheng He, decatándose de que case todas as forzas cingalesas cortábanlle o paso, deu media volta e marchou contra a capital. Tras tomar a cidade e capturar a Alakeswara, Zheng He conseguiu marchar sen problemas á costa. Alakeswara foi levado a Nankín, onde se lle perdoou pola súa "ignorancia" e ordenouse que "un dos seus sabios seguidores" gobernase no seu lugar. As fontes chinesas non dan máis detalles e parecen confundidas sobre a estrutura de poder na illa, até o punto de que non queda totalmente claro se foi Alakeswara, Vijaya Bahu VI ou ambos quen estiveron en Nankín.
  • Os cingaleses explican que Zheng He chegou coa intención de depor ao rei Vijaya Bahu VI e instalarse el mesmo como soberano de Kotte. Alakeswara estableceu unha alianza con Zheng He para derrocar ao rei e foi este quen viaxou a China. Cando Vihaya Bahu VI volveu a Sri Lanka foi asasinado en segredo por Alakeswara, que se converteu así en soberano da illa.[10][11]

Con todo ambas fontes concordan en que o sagrado dente de Buda que se conservaba en Sri Lanka foi levado a China. As fontes chinesas non explican como nin por que chegou alí. Os cingaleses indican que os chineses desexaban facerse coa reliquia, pero iso non concorda co respecto que mostraran os chineses coas relixións da illa. É posible que fose o rei Vijaya Bahu VI quen levase voluntariamente o dente até China para convencer ao emperador de que era o lexítimo soberano ou para impedir que caese en mans de Alakeswara. En todo caso, cando o rei volveu á illa, o dente retornou con el.[12]

Como clara constancia da viaxe consérvase a lápida chinesa, erixida finalmente preto da cidade de Galle.[13]

En 1412, co diñeiro obtido do comercio, iniciouse a construción da Torre de porcelana en Nankín, de case 80 metros de alto. Ademais da torre en si, os xardíns que a rodeaban contaban con plantas e animais obtidos grazas ás expedicións de Zheng He. A torre foi destruída durante a rebelión Taiping en 1856.[14]

Cuarta viaxe editar

 
Xirafa con asistente (1414), de Shen Du.

Até ese momento as Frotas cumpriran os seus obxectivos de mellorar as relacións comerciais co sueste asiático. A partir deste momento Yongle ordena a exploración de Arabia e África, lugares que, aínda que non eran descoñecidos para os chineses,[15] non foran nunca explorados sistematicamente. Para moitos, é o carácter megalomaníaco de Yongle o que promove este novo e ambicioso obxectivo.[16][17]

Aínda que a orde de partir deuse en decembro de 1412, Zheng He non partiu de Nankín até xaneiro de 1414. A frota constou de 63 buques e entre os seus tripulantes contou por primeira vez co cronista e tradutor de árabe Ma Huan.[17]

A Frota mantivo o seu rumbo habitual até a India, recalando en Champa, Xava, Sumatra, Malaisia, Maldivas, Sri Lanka e a India. Parte da Frota, comandada polo eunuco Yang Min, separouse da principal e dirixiuse cara ao reino de Bengala.

Na cidade de Semudera (chamada polos chineses Liuqiu) ,en Sumatra, o caos interno provocou a intervención de Zheng He. O rei do momento debía afrontar un aspirante. O emperador Yongle decidiu que o mellor era deixar no trono ao rei e envioulle a el os agasallos; iso enfadou ao aspirante Sekander, que atacou a Zheng He. Nesta ocasión o mariño chinés tiña unha boa escusa para combater e capturou a Sekander, que foi enviado a China.

Desde as Maldivas, a frota principal de Zheng He partiu cara a Ormuz, cidade que impresionou aos chineses polas súas riquezas. Alí atopou embaixadores de África, aos que convenceu para que se unisen á súa frota e presentasen os seus respectos a Yongle.

Mentres tanto a frota secundaria de Yang Min volvera a China en 1414 levando como convidado o rei de Bengala, Saifu'd-Din. O rei levou consigo un curioso presente ao emperador chinés. Tratábase dunha xirafa, que os chineses creron que se trataba dun qilin, animal mitolóxico que aparecía só cando existía un bo goberno, por outra banda, foi un qilin o ser que anunciou a unha muller virxe que tería un fillo, o cal segundo a mitoloxía chinesa corresponde a Confucio, polo que o emperador ao ver este animal considerou que definitivamente o ceo e os deuses favorecían o seu reinado. Na corte, moitos, incluído Yang Min, felicitaron a Yongle por ese bo agoiro pero este, aínda que compracido, rexeitou as felicitacións e manifestou que o mérito era do anterior emperador.[18] Ademais do qilin apareceron outros animais fabulosos como cabalos celestiais (cebras) e cervos celestiais (antílopes).[19]

No verán de 1415 Zheng He volveu a China coa frota principal. O rebelde Sekander foi presentado ao emperador, que ordenou a súa execución. Os embaixadores de Malindi tamén trouxeron unha xirafa, o que produciu unha nova solicitude do Ministro de Ritos para facer un acto cerimonial de felicitación pola aparición dun novo qilin, pero Yongle tampouco aceptou esta vez.[20]

Quinta viaxe editar

Yongle ordenou a Zheng He preparar unha nova viaxe. Os obxectivos da mesmo serían devolver os embaixadores aos seus países de orixe e proseguir até África para establecer relacións comerciais. Ademais, levaba un selo de recoñecemento para o rei de Cochin e así manter un equilibrio de poder coa outra cidade india da costa malabar, Calicut.

A Frota detívose en Quanzhou para cargar porcelana e, despois, en 1417 comezou a súa viaxe. Repetiuse aproximadamente a mesma ruta: Champa; Xava; Palembang, Semudera e Atjeh en Sumatra; Pahang e Malaca en Malaisia; Maldivas; Sri Lanka; Cochin e Calicut na India. Volveron a Ormuz e despois visitaron por primeira vez Adén, cuxo reino abarcaba o sur da Península Arábiga até A Meca. A Frota foi ben recibida polo sultán de Adén, que posiblemente viu aos chineses como uns desexables aliados fronte ao expansionismo dos mamelucos de Exipto.[21]

Tras partir de Adén, a Frota encamiñouse ao sur, visitando por primeira vez as costas africanas. Devolveu aos embaixadores de Mogadiscio, Brawa (en Somalia) e Malindi. Nesas costas habita unha poboación falante de suahili, produto da mestura de mercadores coa poboación autóctona. Estes mercadores eran africanos, árabes, persas e indios pero os nativos, desconfiados porque sufrían frecuentes incursións, non recibiron de bo grado a Zheng He e a súa frota. De feito Fei Xin cualificounos de "revoltosos".[22]

Na cidade de La-sa (Somalia) produciuse un dos momentos máis controvertidos das viaxes de Zheng He. Segundo o novelista Luo Maodeng, Zheng He ordenou atacar a cidade con armas de fogo ata que obtivo a súa rendición.[22] Con todo esta afirmación non goza de credibilidade para a maior parte dos historiadores pois, aínda que a obra de Maodeng baséase nos escritos dun oficial de Zheng He (Gong Zhen) cabe lembrar que se trata dunha novela, apártase da política de Zheng He[23] e, ademais, as cidades-estado africanas daquela época carecían de defensas.

A Frota volveu a China o 15 de xullo de 1419. Os embaixadores estranxeiros causaron sensación na corte pola súa estrañeza. Ademais, levaron un novo qilin.

Sexta viaxe editar

A orixe da sexta viaxe é a orde de Yongle de devolver aos embaixadores aos seus países de orixe na primavera de 1421, aínda que se comenta que esa viaxe estivo impulsada en gran medida pola exploración e curiosidade en maior medida que outras viaxes anteriores. Hai que ter en conta que, aínda que a China mantivera relacións comerciais con África anteriormente, seguía sendo para eles unha terra nova. A Frota dividiuse en Semudera. Zhou Man conduciu a frota principal a Adén e África, mentres que Zheng He volveu a China, onde se atopaba xa en novembro dese mesmo ano. O motivo do rápido regreso de Zheng He puido ser a asistencia á inauguración da Cidade Prohibida de Beijing (Pequín), que xa era capital oficial desde 1420. A frota principal non regresou até un ano despois.[24]

Suspensión temporal das viaxes editar

A pesar de que neses momentos China controlaba o mar da China e gran parte do océano Índico, diversos motivos ían actuando para provocar o final das grandes viaxes da Frota do Tesouro:

 
Molde de madeira de imprenta chinesa do século XVII que se supón representa os barcos de Zheng He.
  • En gran medida as viaxes eran produto da personalidade megalomaníaca de Yongle e non era seguro que os seus sucesores mantivesen esa política.
  • As orixes humildes dos Ming fixéronlles desconfiar nun principio da clase dirixente confuciana.[Cómpre referencia] Con todo, co paso do tempo, era previsible que a influencia destes fóra en aumento.[Cómpre referencia]
  • A reinauguración da Gran Canle en 1416[25] fixo innecesario o transporte de comida e mercadorías entre o Yangtzé e o Huangho por vía marítima, o que contribuíu á decadencia da construción naval.[26]
  • O reinado de Yongle, caracterizado ao principio por grandes éxitos militares e económicos, viuse envolto despois en diversos problemas que minaron a capacidade do Imperio:
    • As súas últimas campañas contra os mongois non tiveron éxito.[Cómpre referencia]
    • Yongle conquistou Anam (norte de Vietnam), pero a nova provincia rebelouse e encerellouse nunha guerra inacabable.[Cómpre referencia]
    • Aparición dun severo déficit orzamentario, produto tanto dun excesivo gasto como dunha diminuída capacidade de recadación (por exemplo, o sistema de colonias militares deixou de funcionar ben a partir da metade do seu reinado e o exército pasou de ser excedentario de comida a precisala).[Cómpre referencia]
    • Estalido de epidemias e fames negras.[Cómpre referencia]
    • A inflación foi en aumento, o que produciu que os billetes Ming xa non fosen facilmente aceptados no estranxeiro.[Cómpre referencia] Para manter o comercio exterior a China foille preciso pagar con metais preciosos, algo que resultaba pouco atractivo.[Cómpre referencia]
  • O traslado da capital de Nankín a Pequín, iniciado en 1415 e culminado en 1420, que supuxo un gran gasto[27] e situou o centro de poder do país no interior.
  • O incendio da Cidade Prohibida (09-05-1421), que ao ser alcanzada por un raio, foi interpretado como un sinal de que o emperador estaba a perder o Mandato do Ceo e, xa que logo, debía cambiar a súa política.[28]

O 7 de setembro de 1424 faleceu o emperador Yongle e ascendeu ao trono o seu primoxénito, Gaozhi, que adoptou o nome de Hongxi. Gobernou de 1424 a 1425 e decidiu reprimir a influencia dos eunucos na corte e restaurar a dos confucianistas.[Cómpre referencia] O seu curto reinado caracterizouse polo desexo de diminuír a presión fiscal sobre a poboación.[Cómpre referencia] O seu primeiro decreto, emitido o mesmo día da súa coroación, deixou clara a súa actitude contraria á continuación das viaxes:

Todas as viaxes dos barcos do tesouro deben pararse. Ordénase a todos os barcos ancorados en Taicang volver a Nankín e todos os bens nos barcos deben devolverse ao Departamento de Asuntos Internos e almacenarse. Se houbese algunha delegación estranxeira desexando regresar a casa, proveráselles dunha pequena escolta. Aqueles oficiais que se atopen actualmente no estranxeiro deben regresar á capital inmediatamente... e a todos aqueles aos que se ordenou ir en futuras viaxes ordénaselles regresar aos seus fogares.
(...)
Débese deter inmediatamente a construción e reparación dos barcos do tesouro. A recollida de tielimu (unha madeira dura) débese facer tal e como foi en tempos do emperador Hongwu. Todas as recoleccións adicionais débense deter. Todos os envíos oficiais ao estranxeiro (coa excepción dos xa entregados) e a fabricación de moedas de cobre, compra de almiscre, cobre en bruto e seda en bruto débense deter... [e] todos aqueles involucrados na compra deben volver á capital.[29]
  • Hongxi cortou o poder dos eunucos e, aínda que quitou a Zheng He a responsabilidade ao mando da Frota do Tesouro, puxo baixo o seu cargo o exército na provincia de Nankín, onde pretendía trasladar de novo a capital. Era un posto de grande importancia e non está claro por que concedeu a Zheng He semellante responsabilidade. Nos seguintes meses Zheng He supervisou a finalización do templo de Bao'en e as reparacións das futuras estancias imperiais.[30]

Sétima viaxe editar

Hongxi morreu apenas nove meses despois de subir ao trono e cedeu o trono ao seu fillo máis vello Zhu Zhanji, que adoptou o nome de Xuande. O estilo de goberno do novo emperador combinou o do seu pai e o do seu avó. Aínda que mantivo os conselleiros confucionistas, repuxo no seu cargo a moitos eunucos.[Cómpre referencia] Do mesmo xeito que o seu pai, tentou manter os impostos baixos e evitou as aventuras militaristas, pero tamén desexou manter intensas relacións diplomáticas e comerciais.[Cómpre referencia]

Hongxi estaba preocupado porque o comercio tributario baixara dende a sexta viaxe e a perda de influencia no exterior.[31] Así o 29 de xuño de 1430, ao pouco tempo da morte de Xia Yuanji, un dos máis firmes detractores das viaxes, ordenou iniciar os preparativos dunha nova expedición.

Os preparativos levaron máis tempo que en anteriores ocasións debido ao parón de seis anos. Tratouse da maior de todas as expedicións, con máis de 300 barcos.[Cómpre referencia]

O obxectivo principal da expedición era restaurar a tranquilidade nos mares. Os nomes dos barcos son unha boa mostra diso: Pura Harmonía, Tranquilidade Duradeira ou Amable Descanso.[32]

Antes de partir Zheng He erixiu dúas táboas (unha na desembocadura do Yangtsé e a outra na desembocadura do Min) nas que se relataban os logros das súas viaxes.

A Frota partiu de Nankín o 19 de xaneiro de 1431, pero detívose en Jiangsu e Fujian para encher e recrutar tripulantes. Finalmente saíu da China o 12 de xaneiro do ano seguinte e detívose en Qui Nhon (Vietnam), Surabaja (Xava), Palembang (Sumatra), Malaka, Semudera (Sumatra) e Sri Lanka. Finalmente chegaron a Calicut (Calcuta, na India) o 10 de decembro de 1432.

De alí dividíronse en dous grupos. Hong Bao levou unha frota a África, chegando tan cara ao sur como Kenya e Mozambique. Dous barcos tentaron descargar mercadorías en Adén, pero foron mal recibidos por tensións políticas locais. Dirixíronse entón a Jidda e Dhurfar, dende onde Ma Huan asegura que foron á Meca e Medina aínda que, dado que as súas descricións conteñen diversos erros, dubídase de que realmente estivese alí.[33][34] Unha vez feito isto reuníronse co resto da Frota en Calcuta e emprenderon o regreso a China.

Parece ser que Zheng He non visitou Arabia xa que iso, como musulmán, sería escrito nas crónicas. No seu lugar é probable que motivos de saúde fixesen que quedase en Calcuta e que Ma Huan o acompañara. Si que parece claro que morreu na viaxe de regreso a China e o seu corpo lanzado ao mar, xa que iso é o que asegura a súa familia e, ademais, nesas datas celebrouse un funeral de corpo ausente en Semarang. Con todo, os seus zapatos e unha guedella dos seus cabelos foron levados a Nankín para ser enterrados nunha cova budista. En Nankín (outeiro de Niushou) erixiuse unha lápida funeraria musulmá, pero non se atopou nela ningún resto humano ou obxecto.[34] A tumba foi restaurada en 1985.

A frota chegou a China en xullo de 1433 e os embaixadores foron presentados ao emperador en setembro, portando agasallos (entre eles cinco novos qilin). Hongxi puido contemplar con satisfacción como se restauraba o comercio tributario, pero morreu en 1435 tras unha breve enfermidade.

Ecos culturais editar

Unha recente teoría controversial levada a cabo por Gavin Menzies suxire que Zheng He circunnavegou o globo e descubriu América no século XV, anteriormente a Fernão de Magalhães e Cristovo Colón. Esta hipótese de 1421 encontrou pouco apoio entre historiadores.

Descendentes editar

Coma eunuco castrado antes da puberdade Zheng He non tivo descendencia biolóxica, porén adoptou a Zheng Haozhao, un dos seus sobriños. A pesar de que non puido herdar os títulos do seu pai adoptivo si que o puido facer coas propiedades e bens materiais.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Levathes 1996, p. 146.
  2. 2,0 2,1 Levathes 1996, p. 87-102.
  3. Levathes 1996, p. 105-106.
  4. 4,0 4,1 When China ruled the seas, páx. 107
  5. Levathes 1996, p. 110.
  6. Levathes 1996, p. 110-150.
  7. Rozario 2005, p. 96.
  8. Levathes 1996, p. 112-113.
  9. Levathes 1996, p. 114.
  10. Levathes 1996, p. 115-116.
  11. Levathes 1996, p. 97-98.
  12. Levathes 1996, p. 117.
  13. Levathes 1996, p. 100.
  14. Levathes 1996, p. 121.
  15. Chinese science and civilization, vol. 4 páx. 494-503
  16. Zheng He and the Treasure Fleet, páx. 119
  17. 17,0 17,1 When China ruled the seas, páx. 137
  18. Levathes 1996, p. 136.
  19. Levathes 1996, p. 138-141.
  20. Levathes 1996, p. 142-143.
  21. Levathes 1996, p. 149.
  22. 22,0 22,1 When China ruled the seas, páx. 150
  23. Levathes 1996, p. 139.
  24. Levathes 1996, p. 151.
  25. Levathes 1996, p. 144.
  26. Church 1995, p. 20
  27. Levathes 1996, p. 147.
  28. Levathes 1996, p. 157-159.
  29. Levathes 1996, p. 164.
  30. Levathes 1996, p. 164-165.
  31. Levathes 1996, p. 167-168.
  32. Levathes 1996, p. 167-169.
  33. Zheng He and the Treasure Fleet, páx. 125
  34. 34,0 34,1 When China ruled the seas, páx. 172

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Chan, Hok-lam (1998). "The Chien-wen, Yung-lo, Hung-hsi, and Hsüan-te reigns, 1399–1435". The Cambridge History of China, Volume 7: The Ming Dynasty, 1368–1644, Part 1. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 9780521243322. 
  • Dreyer, Edward L. (2007). Zheng He: China and the Oceans in the Early Ming, 1405–1433. Longman. ISBN 0-321-08443-8. 
  • Levathes, Louise (1996). When China ruled the seas: the treasure fleet of the Dragon Throne, 1405-1433. Oxford University Press. ISBN 9780195112078. 
  • Needham, Joseph; Kuhn, Dieter; Tsien, Tsuen-hsuin (1971). Science and civilisation in China. Vol. 4. Physics and physical technology Pt. 3, Civil engineering and nautics. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 9780521070607. 
  • Rozario, Paul (2005). Zheng He and the treasure fleet, 1405-1433: a modern-day traveller's guide from antiquity to the present. Singapur: SNP Editions. ISBN 9789812480903. 
  • Tsai, Shih-shan Henry (2001). Perpetual happiness : the Ming emperor Yongle. Seattle: University of Washington Press. ISBN 9780295981093. 

Ligazóns externas editar