Os mamelucos (do árabe singular: مملوك plural: مماليك) , "escravo, paxe, criado, propiedade de") eran soldados escravos usados polos califas musulmáns e polo Imperio Otomán para os seus exércitos que constituíron un corpo especial e que tamén tomaron o poder en máis dunha ocasión. En Exipto, onde os levou no século XIII o sultán Malik al-Salih, escolleron un sucesor á súa morte. Foron soxuzgados polo turco otomán Selim I a comezos do século XVI. A mediados do século seguinte, os emires mamelucos restableceron a súa supremacía até que Napoleón invadiu Exipto. Cando en 1801 os franceses evacuaron Exipto, os mamelucos tentaron recuperar o poder pero foron dezmados polos turcos en 1811.

Mameluco otomán. Gravado de 1810.

Orixe editar

Os primeiros mamelucos serviron os califas abásidas en Bagdad no século IX. Os abásidas recrutárannos das familias non musulmás capturadas en áreas que inclúen a actual Turquía, Europa do Leste e o Cáucaso.

O uso de non musulmáns xustificouse sobre todo porque os gobernantes islámicos lidaban moitas veces con conflitos tribais e debatíanse en intrigas para manter o poder, como relata Ibn Khaldun. Desta maneira podían confiar en tropas sen ligazón coas estruturas de poder (familiares e culturais) estabelecidas. Tamén se pode xustificar esta escolla en parte polo argumento de que o islam prohibía que os musulmáns combatesen entre si (o que naturalmente era un argumento retórico, dado que na verdade combatían entre eles). O principal motivo desta opción, polo tanto, era político: os guerreiros locais eran frecuentemente máis fieis aos sheiks tribais, ás súas familias ou nobres, do que ao sultán ou califa. Se algún comandante militar local conspirase contra o gobernante, era frecuentemente imposíbel lidar con el sen causar intranquilidade entre a nobreza (ligada a ese comandante por lazos familiares ou culturais). As vantaxes das tropas-escravas era que eran estranxeiros, posuían o estatuto máis baixo posíbel na sociedade e non podían conspirar contra o gobernante sen correren o risco de ser punidos.

Após seren convertidos ao islam, eran treinados como soldados de cabalaría. A pesar de non seren máis escravos desde un punto de vista técnico, após ese treino obrigábaselles a servir o sultán. Este mantíñaos como unha forza autónoma so o seu comando directo, para usar no caso de conflitos entre tribos locais. O adestramento intensivo e rigoroso contribuíu a manter as prácticas mamelucas basicamente as mesmas durante case oito séculos.

Os mamelucos en Exipto editar

En Exipto gobernaron dúas dinastías mamelucas: a dos barís (بحري "do río", por estaren acantonados na ínsua de al-Manial, no Nilo), consistente en turcos quipchacos e mongois, e os burxís (برجي "da torre", polo seu centro na cidadela do Cairo), de orixe circasiana e xeorxiana.

En 1250, á morte de Mālik al-Sālih (12401249), os mamelucos barís asasinaron o seu herdeiro, al-Mū'adham. O seu xefe, 'Izz al-Dīn Aybak casou coa súa sogra (ou nai, segundo as fontes) Chajar al-Durr, e tomou o poder. É entón que se instala a hereditariedade dos cargos. Gobernará até 1257. O saqueo de Bagdad polos mongois en 1258 axuda ao establecemento da dinastía barí ao destruír os abbásidas, que poderían ter tentado retomar o poder no Cairo. Os barís racharon coa tradición de postos non herditarios establecendo unha dinastía da que facían parte só unhas poucas familias. Até o século XIX, os mamelucos continuaron a incrementar o seu número mediante a compra de máis soldados escravos.

En 1382, os mamelucos barís son depostos polos mamelucos burxís, que instalan unha dinastía fundada sobre o principio da sucesión por elección, o que comporta numerosos golpes de estado, conspiracións e asasinatos. Manteñen, porén, unha cohesión que lles permite, baixo Qutuz, rexeitar aos mongois de Tamerlán, e baixo Baibars, Qalawun, e Khalil, expulsar aos francos da Siria e conquistar Chipre entre 1424 e 1426.

 
Vaso de farmacéutico. Exipto, século XIV.

En 1517, o sultán otomán Selím I derrota aos mamelucos, axudado pola súa artillaría e os seus xanízaros. Mantén, porén, aos xefes mamelucos nos postos clave dándolles o título de beis, de maneira que Exipto gozará sempre de bastante autonomía. Cando, en 1766, Alí Bey al-Kabir encabeza unha revolta independentista, logra aplastala en 1777.

En 1798, Napoleón derrota aos mamelucos durante a súa campaña de Exipto na batalla das Pirámides e estes foxen ao Alto Exipto. En todo este tempo, os mamelucos só engadiran o mosquete ás súas tácticas de carga de cabalaría tradicional. Cando as tropas napoleónicas se retiran en 1801, os mamelucos deben combater aos otománs e aos británicos. Como anécdota, en 1803 dous líderes mamelucos solicitáronlle a Rusia poder retornar á súa patria, Xeorxia, pero denegáronllo pois na altura o movemento nacional de liberación xeorxiano resultáballes perigoso.

En 1806, chegada a paz cos otománs, estes nomean gobernador a Muhammad Alí. Os mamelucos, divididos, non son quen de enfrentárenselle. Muhammad Alí dividiunos, enviando unha parte ao Sudán e mascrando nunha emboscada a 600 ou 700 o 1 de marzo de 1811 A tradición di que só un, chamado Hasán, se salvou. Nas semanas seguintes, miles de mamelucos foron asasinados por todo o Exipto.

Os mamelucos en Francia editar

Napoleón constituíu o seu propio corpo de mamelucos nos primeiros anos do século XIX. Mesmo a súa Garda Imperial tiña soldados mamelucos durante a campaña de Bélxica, incluídos algúns dos seus servidores persoais. Após a Batalla de Austerlitz (1805) gañaron o seu propio estandarte reximental. Roustan, o famoso gardacostas de Napoleón, era tamén un mameluco exipcio.O cadro de Francisco de Goya O 2 de maio de 1808 en Madrid: a carga dos mamelucos mostra unha actuación durante a invasión napoleónica de España.

A historia dese corpo napoleónico comezou cando Napoleón lles comprou 2000 mamelucos a uns mercadores sírios coa intención de formar un destacamento. Deixoullo a Kleber cando deixou Exipto, que constituíu unha compañía montada formada por auxiliares mamelucos e xanízaros sirios procedentes de turcos capturados durante o sitio de Acre. En 1800 convertéronse en tres compañías de 100 homes cada un como os "Mamelucos da República". Tres anos máis tarde eran unha compañía dos Cazadores a Cabalo da Garda Imperial. Coa Primeira Restauración, a compañía de Mamelucos da Vella Garda foi incorporada ao Real Corpo de Cazadores de Francia.

O uniforme consistía nun sombreiro (cahouk) verde, turbante branco, pantalóns (saroual) verdes, camisa frouxa e chaleco e botas amarelas, vermellas ou castañas. As armas eran unha cimitarra, pistolas nunha pistoleira decorada coa lúa crecente e unha estrela e unha daga. En 1804 o cahouk pasou a ser vermello cunha lúa crecente e unha estrela e a camisa foi pechada e con gola. Comezaron a usar parte da guarnicionaría regulamentaria, aínda que a sela e os arneses ficaron de estilo árabe.

Os mamelucos noutras partes do Imperio Otomán editar

En Bagdad, os mamelucos proclamáronse independentes no século XVIII até a reconquista otomána en 1832.

Na India, o comandante mameluco das forzas musulmás, Qutbuddin Aibak, proclamouse sultán en 1211, co que se converteu no primeiro Sultanato de Delhi. Esta dinastía mameluca durou até 1290.

Outros soldados escravos editar

Outros estados islámicos tamén usaron soldados escravos, como os xanízaros do Imperio Otomán e os saqaliba das taifas de Al-Andalus, especialmente en Dénia.

Mameluco no sentido suramericano editar

Na América do Sur, mameluco é tamén o termo usado para identificar as persoas de orixe europea mesturada e nativos americanos. Nos séculos XVII e XVIII, "mameluco" referíase a bandos organizados de portugueses cazadores de escravos, tamén coñecidos como bandeirantes, que deambulaban polo interior da América do Sur desde o Atlántico até as abas dos Andes, e do río Paraguai até ao río Orinoco facendo incursións entre áreas habitadas polos guaranís en busca de escravos.

A palabra vulgarizouse en Portugal posibelmente na Idade Media, derivando do termo árabe. Os mamelucos coloniais herdaron, pois, no propio nome, a fama de violencia dos guerreiros turco-exipcios.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar