Xeorxia

país no Cáucaso

Xeorxia[1] é un país situado no límite entre Asia e Europa[2] localizado na costa do mar Negro, ao sur do Cáucaso, que se independizou da Unión Soviética, tras ser a República Socialista Soviética de Xeorxia. Limita ao norte e ao leste con Rusia, ao leste e sur con Acerbaixán, ao sur con Armenia e Turquía, e ao oeste co Mar Negro. A súa capital é Tbilisi.

Modelo:Xeografía políticaXeorxia
საქართველო (ka) Editar o valor en Wikidata

HimnoTavisupleba Editar o valor en Wikidata

Lema«Dzala ertobashia (en) Traducir» Editar o valor en Wikidata
EpónimoPobo xeorxiano Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°N 44°L / 42, 44
CapitalTbilisi (1122–) Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación3.717.100 (2017) Editar o valor en Wikidata (53,33 hab./km²)
Lingua oficiallingua xeorxiana
Lingua abkhaza (língua regional (pt) Traducir) Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa Ortodoxa Xeorxiana Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie69.700 km² Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoChkhara (pt) Traducir (5.193,2 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoMar Negro (0 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación 25 de decembro de 1991Estado soberano Editar o valor en Wikidata
Día festivo
Santo padrónXurxo de Capadocia Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoRepública semipresidencialista
Estado unitario
República parlamentaria
república Editar o valor en Wikidata
• Presidente Editar o valor en WikidataSalome Zourabichvili (2018–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGovernment of Georgia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeiro-ministro da Geórgia (pt) Traducir Editar o valor en WikidataIrakli Kobakhidze (pt) Traducir (2024–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoParlamento da Geórgia (pt) Traducir , (Escano: 150) Editar o valor en Wikidata
Máxima autoridade xudicialConstitutional Court of Georgia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal24.605.375.420 $ (2022) Editar o valor en Wikidata
MoedaLari (moeda) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.ge e .გე (mul) Traducir Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+995 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112, 111, 113 e 122 Editar o valor en Wikidata
Código de paísGE Editar o valor en Wikidata

BNE: XX451331

Historia

editar
 
Rei David IV de Xeorxia

A Xeorxia antiga e medieval

editar

Dous reinos xeorxianos na antigüidade, Iberia no leste do país e Cólquida no oeste foron as primeiras nacións da rexión en adoptar o Cristianismo (317 e 523, respectivamente). Egrisi presenciou con frecuentemente batallas entre os rivais Persia e Imperio Bizantino, os cales pretendían conquistar Xeorxia cada certo tempo.

Como resultado disto, estes reinos foron desintegrados en varias rexións feudais nos primeiros anos da Idade Media. Isto fixo doado aos árabes conquistaren Xeorxia no século VII. As rexións rebeldes foron liberadas e unidas ao Reino de Xeorxia nos comezos do século XI. Comezando o século XII, o dominio de Xeorxia estendeuse sobre gran parte do Cáucaso meridional, incluíndo zonas nororientais e case toda a costa norte da actual Turquía.

Este Reino de Xeorxia, que era tolerante cos seus súbditos musulmáns e xudeus, foi subordinado polos mongois no século XIII. Consecuencia diso foi que os diferentes gobernadores locais pelexaron pola súa independencia do goberno xeorxiano central ata a total desintegración do Reino no século XV. Os reinos lindeiros aproveitaron a situación, e dende o século XVI o Imperio Persa e o Otomán subxugaron o leste e o oeste de Xeorxia, respectivamente. Os gobernadores destas rexións, que conservaran en parte a súa autonomía, organizaron rebelións en varias ocasións. Sucesivas rebelións locais e invasións persas e otomás acabaron por debilitar aos reinos. Como resultado das guerras contra os estados islámicos a poboación de Xeorxia viuse reducida a 250.000 habitantes.

Protectorado e anexión ao Imperio Ruso

editar

En 1783 Rusia e o reino occidental xeorxiano de Kartl-Kakheti asinaron o Tratado de Georgievsk, de acordo co cal Kartl-Kakheti recibía a protección de Rusia. Isto, con todo, non evitou que Tbilisi fose saqueada polos persas en 1795.

O 22 de decembro de 1800 o tsar Paulo I de Rusia, para beneficio da petición do rei xeorxiano Xurxo XII, asinou a proclamación correspondente á incorporación de Xeorxia (Kartl-Kakheti) ao Imperio Ruso. A proclamación foi anunciada o 18 de xaneiro de 1801.

Só unha pequena parte da nobreza xeorxiana se someteu, mentres outros organizaron rebelións antirrusas en varias ocasións. No verán de 1805 pequenos destacamentos rusos no río Askerani e preto de Zagam derrotaron ao exército persa e protexeron Tbilisi. En 1810, logo dunha curta guerra, o reino xeorxiano occidental de Imereti foi anexado polo tsar Alexandre I de Rusia. O derradeiro rei imeretio e Bagratid xeorxiano Salomón II morreu no exilio en 1815. Dende 1803 a 1878, como resultado das numerosas guerras rusas contra Turquía e Irán, algúns territorios foron anexados a Xeorxia. Estas zonas (Batumi, Artvin, Akhaltsikhe, Poti e Abkhazia) agora representan a maioría do territorio xeorxiano.

O principado de Guria foi abolido en 1828 e o de Samegrelo (Mingrelia) en 1857. A rexión de Svaneti foi gradualmente anexada entre 1857 e 1859.

A República Democrática e a era soviética

editar
 
Declaración de Independencia en 1918

Logo da Revolución Rusa de 1917 Xeorxia declarou a súa independencia o 26 de maio de 1918 no medio da guerra civil rusa. As eleccións parlamentarias foron gañadas polo Partido Xeorxiano Socialdemócrata e o seu líder, Noe Zhordania, converteuse no primeiro Ministro. Con todo, a independencia non perdurou: en febreiro de 1921 Xeorxia foi atacada polo Exército Vermello. As tropas locais perderon a batalla e o goberno fuxiu do país. O 25 de febreiro de 1921, o Exército Vermello entrou na capital Tbilisi e instaurou un goberno monicreque de corte comunista liderado polo bolxevique xeorxiano Filipp Majardze. Xeorxia foi incorporada á República Socialista Soviética de Transcaucasia, uníndose Armenia e Acerbaixán. A RSST foi disolta nos seus compoñentes orixinais e en 1936 pasou a ser a RSS de Xeorxia.

O radical xeorxiano Iósif Dzhugashvili, prominente entre os bolxeviques rusos, chegou ao poder no Imperio Ruso logo da Revolución de Outubro de 1917. Yugashvili foi máis coñecido polo seu alcume Stalin (do ruso сталь: aceiro). Stalin alcanzou a máis alta posición no estado soviético.

Dende 1941 ata 1945, durante a segunda guerra mundial, preto de 700.000 xeorxianos pelexaron como soldados do Exército Vermello contra a Alemaña nazi e case 350.000 deles morreron nos campos de batalla da fronte oriental. Así mesmo, durante este período os pobos da República dos Inguxos, Karachay, ademais dos chechenos e os balkarios do Cáucaso setentrional foron deportados a Siberia por suposta colaboración cos nazis. Coas súas respectivas repúblicas autónomas abolidas, a RSS de Xeorxia obtivo brevemente os seus territorios ata 1957.

Eduard Shevardnadze, o ministro xeorxiano de Relacións Exteriores da URSS, foi un dos artífices da Perestroika durante a década de 1980. Durante este período, Xeorxia desenvolveu un vigoroso sistema multipartidista que alentou fortemente a independencia. O país tivo as primeiras eleccións pluripartidistas da Unión Soviética o 28 de outubro de 1990. Dende novembro dese ano a marzo de 1991 un dos líderes do movemento de Liberación Nacional, Zviad Gamsajurdia, foi o presidente do Consello Supremo da República de Xeorxia (o Parlamento).

Independencia e goberno de Shevardnadze

editar

O 9 de abril de 1991, pouco despois do colapso da URSS, Xeorxia declarou a súa independencia. O 26 de maio dese ano Zviad Gamsajurdia foi electo como o primeiro Presidente da Xeorxia independente. Porén, Gamsajurdia foi deposto mediante un sanguento golpe de estado entre o 22 de decembro de 1991 e o 6 de xaneiro de 1992. O golpe foi instigado por parte da Garda Nacional e unha organización paramilitar chamada "Mjedrioni", da que se dicía que era apoiada por unidades militares rusas con base en Tbilisi. O país viuse envolto nunha guerra civil que durou case ata 1995. Shevardnadze retornou a Xeorxia en 1992 e uniuse aos líderes do golpe –Kitovani e Ioselani– para encabezar un triunvirato chamado "Consello de Estado".

En 1995, Shevardnadze foi oficialmente electo como presidente, ao mesmo tempo en que dúas rexións do país, Abkhazia e Osetia do Sur, axiña se viron en disputa con outros separatistas locais, feito que desembocou en guerras e violencia interétnica. Apoiadas por Rusia, Abkhazia e Osetia do Sur manteñen unha independencia de facto de Xeorxia. Máis de 250.000 xeorxianos foron limpados etnicamente de Abkhazia por separatistas abkhazos e voluntarios nor-caucásicos, na súa maioría chechenos, entre 1992 e 1993. Máis de 25.000 xeorxianos foron expulsados de Tsjinvali tamén, e moitas familias osetas foron forzadas a abandonar os fogares na rexión de Borjomi e foron desprazados para Rusia. Calcúlase que morreron ao redor de 10.000 persoas, a maior parte deles civís asasinados en operacións de limpeza étnica.

A Revolución Rosa

editar

En 2003 o propio Shevardnadze foi deposto por un golpe pacífico e sen derramamento de sangue, coñecido como a «Revolución Rosa», liderada por Mijeíl Saakashvili, Zurab Zhvania e Nino Burdzhanadze, os membros fundadores e líderes do partido maioritario. Nino Burdzhanadze asumiu interinamente o poder ata a elección de Saakashvili, quen tomou posesión como presidente de Xeorxia o 25 de xaneiro do 2004. Restaurar a integridade territorial nacional, reverter os efectos da limpeza étnica e o retorno dos refuxiados para os seus fogares foron as promesas preelectorais do goberno de Saakashvili.

Logo da Revolución Rosa, comezou unha serie de reformas para reforzar as milicias e a capacidade económica do país. Os esforzos do goberno de restablecer a autoridade de Xeorxia na república autónoma suroccidental de Adzaria desembocaron nunha crise maior a comezos do 2004. O éxito en Adzaria animou a Saakashvili a intensificar os seus esforzos, mais non tivo éxito rotundo na separatista Osetia do Sur. A pesar disto, Saakashvili segue gozando dunha gran popularidade no país.

Dend o 2004, o Presidente Mijeíl Saakashvili iniciou unha política de achegamento con occidente e en particular coa Unión Europea.

Xeografía

editar

Relevo

editar
 
Mapa político de Xeorxia

Xeorxia sitúase na costa oriental do mar Negro. O Cáucaso, fronteira natural entre Europa e Asia, marca o carácter montañoso do relevo. O Gran Cáucaso, polo norte, separa Xeorxia de Rusia e alberga o Shkhara (5.204 m), cumio de Xeorxia e a segunda cima de Europa. O Cáucaso Menor (3.301 m), ao sur, illa o país de Turquía e Armenia. Entre ámbalas dúas cadeas ábrense dous vales fluviais: o do Kura, que desemboca no Caspio, e o do Rioni, que flúe ata o Negro, creando unha rexión de terras baixas. É un pequeno país de aproximadamente 69.875 quilómetros cadrados. A pesar da súa área de escaso tamaño, Xeorxia ostenta unha das topografías máis varias das antigas repúblicas soviéticas. As montañas do Cáucaso Menor, que corren paralelas ás fronteiras turca e armenia, e as montañas de Surami e Imereti -que conectan o Cáucaso Menor co Gran Cáucaso- crean unha barreira natural, en parte responsable das diferenzas culturais e lingüísticas entre as rexións.

 
Vista satélite de Xeorxia
 
Castelos medievais da vila de Shatili en Khevsureti

Debido á súa altura e a súa pobre infraestrutura de transportes, moitas vilas montañesas quedan virtualmente illadas durante o duro inverno. Os tremores de terra e os desprendementos de montaña nestas zonas chegan a ser característicos e condicionan o estilo de vida. Entre os desastres naturais máis recentes estivo o deslizamento de rochas en Adzaria, en 1989, que desprazou centos de persoas no suroeste de Xeorxia, e dous tremores en 1991, que destruíron varias aldeas na zona central e norte do país, ademais de Osetia do Sur.

O río máis grande é o Mtkvari (ou tamén coñecido como Kura, o nome que se lle dá na beira azerí), que despois de atravesar Acerbaixán remata no Mar Caspio, após percorrer 1 364 quilómetros dende o nordés de Turquía a través das chairas de Xeorxia e atravesar a capital Tbilisi. O río Rioni, o máis longo do oeste do país, baixa do Cáucaso Maior e remata no Mar Negro no porto de Poti.

 
Paisaxe das montañas do leste de Xeorxia

O clima de Xeorxia é en extremo diverso, considerando que o país é dun tamaño pouco significativo. Existen dúas zonas climáticas principais, como o son a zona Leste e a Oeste do país. Os montes Cáucasos xogan un importante rol, moderando o clima xeorxiano e protexendo o país da penetración de correntes de aire xélidas provenientes do extremo setentrional. Os pequenos montes caucásicos protexen parcialmente así mesmo á rexión da influencia de masas de aire cálidas e secas do sur.

Gran parte do sector oeste de Xeorxia preséntase como unha zona húmida subtropical con precipitacións cunha media entre 1 000 e 4 000 mm. As precipitacións tenden a estar uniformemente distribuídas ao longo do ano, a pesar de que a choiva pode ser particularmente forte no outono. O clima da rexión varía de modo significativo coa altura e, mentres a maioría das terras baixas kartvelianas do leste de Xeorxia son relativamente cálidas ao longo do ano, a precordilleira e as áreas montañosas (incluíndo os grandes e pequenos montes do Cáucaso) experimentan veráns húmidos e frescos e invernos con nevadas: a neve acumulada con frecuencia supera os dous metros en moitas rexións. Adzaria é a rexión máis húmida das rexións do Cáucaso.

 
Vista das montañas do Cáucaso

O leste de Xeorxia ten un clima de transición entre o húmido subtropical e o continental. Ámbolos dous están influenciados polas masas de aire secas provenientes de Asia Central e o Caspio polo leste e as masas de aire húmidas do Mar Negro polo oeste. A penetración das masas de aire húmidas dende o Mar Negro é frecuentemente impedida por algunhas montañas (Likhi e Meskheti) que dividen o país en metades occidentais e orientais. A precipitación anual é considerablemente menor en comparación coa do oeste de Xeorxia, e nese sentido o leste do país presenta veráns calorosos e invernos relativamente fríos. Así como nas zonas occidentais da nación, a altura xoga un papel importante na zona oriental, e as condicións climáticas por riba dos 1 500 msnm son considerablemente máis frescas (ata máis frías) que as presentes en terras máis baixas. As rexións que están situadas por riba dos 2.000 msnm acostuman experimentar xeadas ata no verán.

Estado

editar

Política

editar
 
Nino Buryanadze, voceira do parlamento

Logo dunha crise que implicou alegacións de fraude electoral nas eleccións parlamentarias do 2003, Eduard Shevardnadze dimitiu como Presidente o 23 de novembro daquel mesmo ano durante a pacífica Revolución Rosa.[3] A presidenta interina foi a portavoz do Parlamento saínte (cuxa substitución foi anulada), Nino Buryanadze.[4][5] O 4 de xaneiro do 2004, Mikheil Saakashvili, líder de Movemento Nacional-Demócrata (MND) gañou as eleccións presidenciais[6] cun 95% dos votos e un 83% de participación.[7] O 25 de xaneiro do 2004 asumiu a presidencia da república.

As eleccións parlamentarias limpas foron celebradas o 28 de marzo daquel ano,[8] onde o MND asegurouse a gran maioría dos escanos (preto do 75% dos votos) con soamente outro partido que acadou o limiar do 7% (a oposición dereitista obtivo o 7,5%). Crese que estas foron unha das eleccións máis limpas que xamais tivo a Xeorxia independente, a pesar do aumento de tensión entre o goberno central e o líder adzario Aslan Abashide que afectou en menor medida as eleccións da súa rexión.

A tensión entre o goberno xeorxiano e o de Adzaria medrou cada vez máis despois das eleccións ata os últimos días de abril. A cúspide foi o día 1 de maio, cando Abashidze respondeu ás manobras militares realizadas por Xeorxia preto da rexión, facendo estourar as tres pontes que conectan Adzaria co resto de Xeorxia sobre o río Choloki. O 5 de marzo, Abashidze foi obrigado a fuxir de Xeorxia mentres as manifestacións masivas pedían a súa dimisión.

O 3 de febreiro do 2005, o Primeiro Ministro Zurab Zhvania morreu debido ao seu envelenamento por dióxido de carbono nunha aparente escape de gas na casa de Raul Usupov, gobernador da rexión de Kvemo Kartli.[9] Pouco despois, un amigo próximo de Zhvania e aliado desde hai moito tempo, Zurab Nogaideli, foi designado Ministro de Finanzas polo Presidente Saakashvili.

Nos últimos anos a república caucásica reduciu significantemente a corrupción. Transparencia Internacional posicionou Xeorxia no posto nº 79 do Índice de percepción da corrupción do ano 2007, dándolle unha puntuación ao país de 2,8 puntos (sendo 10 a mellor cualificación).[10] A pesar da súa baixa posición, constitúe unha notable melloría con respecto aos postos dos anos 2005 e 2006 nos que o país se atopaba nos postos 130 e 99 respectivamente.

O 7 de novembro do 2007, durante un período de protestas masivas, o presidente Saakashvili declarou Tbilisi en estado de excepción.[11] As masivas demostracións de protesta da oposición civil chamaban á dimisión de Saakashvili. Durante as manifestacións a policía xeorxiá empregou axentes antidisturbios, canóns de auga e armas acústicas de alta tecnoloxía para despexar as rúas da capital. O 8 de novembro, o presidente declarou o estado de emerxencia en todo o país durante 15 días. O goberno ruso negou as acusacións de ter que ver coas revoltas. O presidente Saakashvili rexeitou as demandas de dimisión feitas pola oposición; porén, anunciou eleccións anticipadas para xaneiro do 2008,[12] acurtando a duración do seu mandato nun ano.

O 16 de novembro do 2007, o presidente de Xeorxia, Mikheil Saakashvili, levantou o estado de excepción do 7 de novembro e destitui o goberno, presentando a Lado Gurguenidzeo como primeiro ministro de xeorxia, trala dimisión de Zurab Noghaideli por problemas de saúde.[13] No mes de abril do 2007 Noghaideli fora operado nos EEUU, no hospital St. Luke's Episcopal de Houston, polo doutor Charles Frazier.

O 22 de novembro do mesmo ano, o novo primeiro ministro Lado Gurguenidzeo e dous novos ministros Koba Subeliani e Maia Miminoshvili xuraron os seus postos ante o Parlamento de Xeorxia.

Mikheil Saakashvili deixou o seu posto de presidente do país o 25 de novembro do 2007. Xa que, a Constitución de Xeorxia establece que o presidente da república debe deixar o seu posto polo menos 45 días antes das eleccións se quere ser elixido para unha nova quenda. Segundo Ivane Noniashvili, director de prensa da presidencia, Mikheil Saakashvili vaise presentar ás eleccións do 2008.[14] A actual voceira do parlamento de xeorxia, Nino Burjanadze asumiu a presidencia en funcións ata ser anunciado un novo presidente nas vindeiras eleccións do 8 de xaneiro.

O rexistro para concorrer ás eleccións presidenciais de xaneiro foi pechado o 27 de novembro. No rexistro presentáronse 22 persoas, incluíndo o derradeiro presidente ata o momento, Mikheil Saakashvili, o candidato da oposición Levan Gachechiladze, o home de negocios Badri Patarkatsishvili, David Gamkrelidze o líder do Novo Partido de Dereita, Shalva Natelashvili líder do Partido Laborista Xeorxián, Irina Sarishvili-Chanturia líder do Partido da Esperanza entre outros.

O 27 de novembro anunciouse un referendo para o ingreso da república na OTAN que terá lugar o 5 de xaneiro do 2008, o mesmo día cas eleccións presidenciais.[15]

División de poderes

editar
  • O Poder Executivo está liderado polo Presidente como cabeza do goberno, quen é elixido por un período de cinco anos. O seu sucesor constitucional é o presidente do Parlamento. Actualmente, a Presidenta é Salome Zurabishvili e o seu Primeiro Ministro é Mamuka Bakhtadze.
  • O Poder Lexislativo compono o Parlamento de Xeorxia (Sak'art'veos Parlamenti) , tamén coñecido como Umaghiesi Sabcho (Consello Supremo), o cal conta con 235 membros, elixidos por un período de catro anos; 150 asentos por representación proporcional, 75 por distritos dun só escano e 10 membros que representan aos desprazados da rexión separatista de Abkhazia. O portavoz do Parlamento é Nino Burjanadze.
  • O Poder Xudicial conta en Xeorxia cunha Corte Suprema, con xuíces elixidos polo Parlamento considerando as recomendacións do Presidente e unha Corte Constitucional.

Organización territorial

editar

Xeorxia está dividida en 9 rexións (xeorxiano: Mjare, მხარე) unha cidade e dúas repúblicas autónomas: Abkhazia e Adzaria.

Código Rexión Capital
 
Rexións de Xeorxia
1 Abkhazia Sukhumi
2 Samegrelo-Zemo Svaneti Zugdidi
3 Guria Ozuvgeti
4 Adjara Batumi
5 Racha-Lechjumi e Kvemo Svaneti Ambrolauri
6 Imereti Kutaisi
7 Samtskhe-Javaxeti Akhaltsikhe
8 Shida Kartli Gori
9 Mtscheta-Mtianeti Mtscheta
10 Kvemo Kartli Rustavi
11 K'akheti Telavi
12 Tbilisi Tbilisi

O status do antigo distrito autónomo administrativo de Osetia do Sur ou Samachablo está sendo negociado co goberno separatista pro-ruso establecido alí. O goberno separatista reclama a parte norte da rexión Shida Kartli como o seu territorio, así como tamén pequenas zonas das rexións veciñas.

As rexións están subdividas en 70 distritos (xeorxiano: Raioni, რაიონი).

 
  Bandeira de Xeorxia entre 1990 e 2004

Símbolos nacionais

editar

A antiga bandeira foi empregada ata o 2004 e a actual impúxose rapidamente, pois a anterior identificábase co réxime estrito e impopular do expresidente Eduard Shevardnadze. Logo da súa caída, Mijáil Saakashvili adoptou o seu uso, argumentando ademais que vai en concordancia coa tradición cristiá do país. A insignia actual ten a Cruz de San Xurxo (presente así mesmo na bandeira de Inglaterra) e catro pequenas cruces, que probablemente corresponden a Xurxo V de Xeorxia (tamén coñecido como "O Brillante"), quen expulsou os mongois no medioevo.

Demografía

editar
 
Cultivadores de preto de Chakva
 
Evolución demográfica de Xeorxia
 
Patriarca xeorxiano ortodoxo

A poboación actual de Xeorxia é de 4.677.401 (estimado a xullo de 2005), onde etnicamente os xeorxianos forman a maioría con preto do 83,8% da poboación, os azeríes forman o 6,5%, os armenios o 5,7% e os rusos o 1,5% (a maioría dos rusos emigraron dende que Xeorxia declarou a súa independencia). Os abkhazios e os osetos do sur (e os que están na fronteira con Osetia do Norte) trataron de independizarse de Xeorxia dende a independencia desta. Outros dous grupos kartvelianos viven en Xeorxia: os svan e os mingrelianos, cun menor número que os Laz, a maioría dos cales vive en Turquía. Son lingüisticamente diferentes pero próximos étnica e culturalmente aos xeorxianos. Hai tamén numerosos grupos máis pequenos no país, incluíndo os gregos, kurdos, xudeus, tártaros, turcos e ucraínos.

Dende a caída da Unión Soviética, Xeorxia sufriu un serio colapso da poboación, como a rebelión en Abkhazia, Adjaria e Osetia do Sur, unha fráxil economía e poucas oportunidades de traballo permitiron que centos de xeorxianos emigrasen en busca de traballo, especialmente a Rusia. O problema agrávase aínda máis coa baixa taxa de natalidade entre a poboación que reside permanentemente no país. Un problema semellante existe na veciña Armenia. Estímase que a poboación actual é un millón de persoas menor que a que había en 1990, e algúns observadores suxiren que o número actual é ata menor. O crecemento da poboación presenta un acusado balance negativo (-1,1% anual), un dos máis baixos do mundo. A fecundidade tamén é baixa (1,4 fillos por muller). A poboación tende á madureza, pero a proporción de mozos (33,9%) aínda domina sobre a de anciáns (19,4%).

Relixión

editar

O paganismo histórico xeorxiano está relacionado coa lúa e o deus maior no panteón era un ídolo de Armazi, unha figura que representaba a un soldado, deus da Lúa, sobre un outeiro en Mtskheta. Neste sentido, outros ídolos foron Gatsi, Gaime e Zademi. No lugar onde estaba o ídolo de Armazi foi construído o mosteiro de Jvari. Os ídolos foron destruídos cando a cristiandade se volveu a relixión de estado en Xeorxia.

Hoxe en día a maioría da poboación profesa o culto da Igrexa Ortodoxa e Apostólica Xeorxiana (84,6%). As minorías relixiosas son o islam cun 7,1% da poboación; apostólica armenia, 5,2%; o xudeus cun 0,8%, e os católicos romanos cun 0,6% entre outros.

Sociedade

editar

Os xeorxianos considéranse étnica e culturalmente europeos. O xeorxiano é falado por preto do 85% da poboación, aínda que o ruso está bastante estendido, como un dos últimos vestixios da era soviética. Ata hai pouco, a vida dos xeorxianos estaba suxeita aos vaivéns da política e estaba marcada pola escaseza de enerxía eléctrica, pero despois de que Shevardnadze fose deposto o panorama social albíscase máis tranquilo.

Os xeorxianos saúdanse cun apertón de mans e din Gamarjoba (Ola; literalmente, que gañes). As respostas difiren: en saúdos oficiais, respóndese coas mesmas palabras; en circunstancias informais, as persoas responden con Gagimarjos (Que ti gañes). Rogor khar? (Como estás?) é un xeito informal para iniciar unha conversa. Rogor brdzandebit? é máis formal. Kargad ikavit significa "Que che vaia ben". Mshvidobit (A paz sexa contigo) emprégase en despedidas de maior significado, xeralmente cando a xente non agarda verse por un longo período de tempo.

O apertón de mans é frecuente ata en encontros fortuítos; darlle unha aperta amigable a alguén ou bicarlle na fazula é tamén habitual, sobre todo entre mozas e mulleres. Os nenos pequenos adoitan recibir caricias e bicos. Un diríxese aos adultos polos seus títulos profesionais seguidos dos apelidos, ou polo seu nome de bautismo seguido de Batono (Señor) ou Kalbatono (Señora). O uso dos termos Batono ou Kalbatono con só o apelido é moi formal, de modo que se usan nomes e apelidos na correspondencia e nos medios de comunicación.

Os habitantes de Tbilisi acostumaban pasear polas tardes ao longo da Avenida de Rustaveli para atoparse con amigos ou tomar algo nun dos numerosos cafés que bordean as beirarrúas. Na recente etapa de violencia nas rúas, retiráronse para a seguridade de televisións e teléfonos, pero unha crise enerxética que xurdiu en 1994 converteu ata isto nunha rara diversión.

Economía

editar
Artigo principal: Economía de Xeorxia.
 
Barrios residenciais en Tbilisi

A economía xeorxiana virou tradicionalmente ao redor do turismo do Mar Negro, o cultivo de cítricos, e uvas; a minería extractiva do manganeso e o cobre ademais dun pequeno sector industrial que produce viño, metais, maquinaria, químicos e téxtiles. O país importa a gran maioría da enerxía que require, incluíndo gas natural e petróleo. A súa única fonte importante de enerxía é o poder hidroeléctrico. A pesar do severo dano que a economía doméstica sufriu a razón da guerra civil, Xeorxia -coa axuda do Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial- fixo avances económicos substanciais dende 1995, incrementando o ritmo do crecemento do produto interior bruto e reducindo a inflación. A economía continúa experimentando un gran déficit orzamentario debido á imposibilidade de obter ingresos fiscais por impostos. Xeorxia continúa tamén sufrindo das escasezas de enerxía; privatizouse a rede de distribución en 1988, e as entregas están mellorando constantemente.

Xeorxia está fixando as súas esperanzas para unha recuperación a longo prazo no desenvolvemento dun corredor internacional de transporte a través de portos clave no Mar Negro como Poti e Batumi. O déficit comercial cada vez maior, os continuos problemas coa evasión tributaria e a corrupción, e as incertezas políticas opacan o cadro económico a curto prazo. Con todo, o investimento restablecido podería estimular un desenvolvemento económico máis alto a ritmo do 6%.

Transporte e comunicacións

editar

Debido ás continuas crises enerxéticas, os apagóns continúan escurecendo a Tbilisi con regularidade, sobre todo no inverno. Aínda que os apagóns tiñan, no pasado, inhabilitado o faro da dirección do aeroporto, non aconteceu ningún accidente serio. Dúas aeroliñas locais -Georgian Airlines e Air Georgia- teñen hubs en Tbilisi, desde os cales serven a varias locaciones rexionais. As liñas aéreas máis grandes que serven ao aeroporto son British Airways, Swiss Air e Turkish Airlines; Aeroflot prové o servizo de viaxes de Tbilisi para calquera punto do ex-bloque soviético.

A autoestrada que conecta Xeorxia con Rusia a través da costa de Abkhazia vía o túnel da Gama Caucásima está pechada. Outros puntos de entrada inclúen a ruta pola Autoestrada Militar Xeorxiana, a cal percorre o Dariali a través de Turquía, Armenia e Acerbaixán polo sur. Os tres portos máis grandes (Batumi, Poti e Sujumi) sitúanse na costa do mar Negro. Batumi e Poti son puntos de partida para barcos de transporte de ocasionalmente parten a Odesa, Sochi, Trabzon e Istambul.

Cultura

editar
 
Antigo alfabeto xeorxiano no mosteiro de David Gareja

A cultura xeorxiana evolucionou durante centos de anos a partir dos seus alicerces nas civilizacións ibera e Colqui, ata acadar a súa idade dourada durante o reinado dos Bragationi, dinastía que gobernou o Reino xeorxiano. Esta época dourada tivo o seu apoxeo século XI, neste século produciuse o renacemento da literatura clásica, das artes, da filosofía, da arquitectura e as ciencias. A lingua xeorxiana co seu propio alfabeto, e a literatura xeorxiana clásica do poeta épico lendario Shota Rustaveli foron restablecidas no século XIX tralo longo período da axitación, sentando os alicerces dos grandes logros literarios do romanticismo e dos novelista da era moderna tales como Grigol Orbeliani, Nikoloz Baratashvili, Ilia Chavchavadze, Akaki Tsereteli, Vaza Pshavela, e moitos outros. A cultura xeorxiana coa súa propia civilización foi influenciada pola Grecia clásica, o Imperio romano e o bizantino, e máis tarde polo Imperio ruso o que contribuíu á identidade europea da cultura xeorxiana.

Xeorxia é coñecida polo seu rico folclore, única música tradicional, teatro, cine, artes etc. Os xeorxianos son coñecidos polo seu amor á música, á danza, ao teatro e ao cine o cal foi amosado durante o século XX polos grandes representantes da cultura xeorxiana como son os pintores Niko Pirosmani, Lado Gudiashvili, Elene Akhvlediani, os coreógrafos de balé George Balanchine, Vakhtang Chabukiani, Nino Ananiashvili, poetas Galaktion Tabidze, Lado Asatiani, Mukhran Machavariani, e os directores de teatro e cine Robert Sturua, Tengiz Abuladze, Otar Ioseliani.

Arquitectura

editar

A arquitectura xeorxiana é unha das máis distinguidas e únicas do mundo. Porén, esta foi influenciada e enriquecida por moitas civilizacións ao longo da historia do país. No país atópanse diversos estilos arquitectónicos nos castelos, torres, fortificacións e igrexas. A fortificación de Svaneti e o castelo cidade de Shatili en Khevsureti son os mellores exemplos de castelos medievais xeorxianos.

A arte eclesiástica xeorxiana fai parte dun dos trazos principais da arquitectura cristiá xeorxiana, a cal combina as cúpulas clásicas coas orixinais de cúpula cruzada. As cúpulas cruzadas desenvolvéronse en Xeorxia durante o século IX, as cúpulas anteriores eran do tipo basilica. Algúns exemplos da arquitectura eclesiástica xeorxiana poden atoparse noutras terras fóra do Cáucaso, como é o caso do mosteiro Bachkovo en Bulgaria, construído en 1083 polo militar xeorxiano Grigorii Bakuriani. En Grecia destaca o mosteiro Iviron, construído no século X, e en Xerusalén (Israel) o mosteiro da cruz, construído no século IX.

Deportes

editar
 
Xeorxia vs. Romanía na Copa do Mundo de Rugby 2011.

Os deportes máis populares en Xeorxía son o fútbol, baloncesto, rugby, loita, judo e halterofilia. Historicamente, a loita é un deporte importante en Xeorxia e mesmo algúns historiadores cren que a loita grecorromana incorpora moitos elementos xeorxianos[16], actualmente un dos estilos máis populares de loita en Xeorxia é o da rexión de K'akheti. No século XIX foron populares o polo e o Lelo, un deporte tradicional xeorxiano substituído polo rugby.

O primeiro e único circuíto de carreiras do Cáucaso está en Xeorxia, o Circuíto de Carreiras Rustavi orixinalmente construído en 1978 e reaberto en 2012 logo da súa total reconstrución[17] nun valor de 20 millóns de dólares, e que se utiliza para competicións de Legends car e Fórmula Alfa.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xeorxiano.
  2. Dependendo das fontes, considérase que Xeorxia é un país asiático ou europeo. A ONU (ver a súa clasificación das rexións do mundo) sitúa a Xerxia en Asia occidental; The World Factbook Arquivado 16 de outubro de 2015 en Wayback Machine., da CIA, National Geographic e a Encyclopædia Britannica tamén considera que Xeorxia se encontra en Asia. Non obstante, existen outras fontes segundo as cales é un país europeo, como a BBC, os dicionarios Oxford Reference Online e Merriam-Webster's Collegiate Dictionary, e www.worldatlas.com.
  3. "Shevardnadze dimite «para evitar un derramamiento de sangre» en Georgia". La Voz de Galicia (en castelán). 2003-11-23. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-11. Consultado o 2019-02-26. 
  4. "La nueva presidenta de Georgia reúne hoy a los parlamentarios de 1999". La Voz de Galicia (en castelán). 2003-11-24. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-12. Consultado o 2019-02-26. 
  5. "De discípula a opositora". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-12. Consultado o 26 de febreiro de 2019. 
  6. "Saakashvili, líder de la «revolución de terciopelo», virtual presidente de Georgia". La Voz de Galicia (en castelán). 2004-01-04. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-13. Consultado o 2019-02-26. 
  7. "Saakachvili arrasa en los comicios en Georgia y aboga por la retirada del ejército ruso". La Voz de Galicia (en castelán). 2004-01-05. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-13. Consultado o 2019-02-26. 
  8. "La coalición nacionalista gana las legislativas por mayoría". La Voz de Galicia (en castelán). 2004-03-28. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-14. Consultado o 2019-02-26. 
  9. "Un supuesto escape de gas mata al primer ministro de Georgia". La Voz de Galicia (en castelán). 2005-02-03. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-11. Consultado o 2019-02-26. 
  10. "Índice de percepción da corrupción do 2007". www.transparency.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2009. Consultado o 2019-02-26. 
  11. "El presidente de Georgia decreta el estado de excepción en Tiflis". El País (en castelán). 2007-11-07. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-26. 
  12. "Georgia adelanta a enero los comicios presidenciales para frenar la crisis". La Voz de Galicia (en castelán). 2007-11-09. Consultado o 2019-02-26. 
  13. "El presidente de Georgia destituye el gobierno". La Voz de Galicia (en castelán). 2007-11-16. Consultado o 2019-02-26. 
  14. "The Administration of the President of Georgia". web.archive.org. 2012-01-20. Archived from the original on 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 2019-02-26. 
  15. "Georgia convoca un referéndum sobre el ingreso en la OTAN". El País (en castelán). 2007-11-26. ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-02-26. 
  16. Williams, Douglas. Georgia in my Heart, 1999.
  17. Rustavi2.com, ed. (29 de abril de 2012). "Rustavi 2 Broadcasting Company". Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2013. Consultado o 05 de abril de 2014. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar