Pobo kurdo
Os kurdos[4] son un pobo iranio que se atopa na rexión montañosa de Kurdistán, no suroeste de Asia, esparexida principalmente entre os estados de Iraq, Turquía e Irán. Os kurdos son na súa maioría musulmáns sunnitas.
Pobo kurdo | |
---|---|
Nena kurda de Mardin. | |
Poboación | |
Poboación total: 36,4–45,6 millóns (2017) | |
Rexións principais: | |
Turquía | 14,3 a 20 millóns |
Irán | 8,2 a 12 millóns |
Iraq | 5,6 a 8,5 millóns |
Siria | 2 a 3,6 millóns |
Armenia | 37 500[1] |
Xeorxia | 13 861[2] |
Azerbaidján | 6 100[3] |
Aspectos culturais | |
Lingua | Lingua kurda (kurdo central, kurdo do norte, kurdo do sur, zazaki e goraní) |
Relixión | Islam dende o século VII (Sunnismo, pero tamén xiísmo e sufismo) con minorías de deísmo, agnosticismo, iezidismo, zoroastrianism, cristianismo e xudaísmo |
Grupos relacionados | Outros pobos iranianos |
Son ao redor de trinta millóns de individuos, malia que non existe ningún censo onde consten de maneira fiable. Calcúlase que preto do 55% do total vive en Turquía, un 20% en Iraq e un 5% en Siria. Existe tamén unha importante diáspora kurda en Europa occidental, sobre todo en países como Alemaña, o Reino Unido ou Suecia.
A finais da primeira guerra mundial, na que apoiaron os aliados contra o Imperio Otomán, os kurdos conseguiron, por medio do tratado de Sèvres o recoñecemento da independencia do Kurdistán. Mais, este acordo internacional endexamais foi ratificado e foi substituído en troques polo tratado de Lausana, que repartiu o territorio kurdo entre Turquía, Iraq, Irán e Siria.
Feitos da historia moderna kurda
editar- Tratado de Sèvres, 10 de agosto de 1920. Estabelecía a creación dun Kurdistán independente que comprendese a Anatolia suroriental (ao sur do lago Van) e a rexión de Mosul, pero todo quedou en nada por diferenzas tribais e o rexeitamento do líder nacionalista turco Kemal Ataturk. Nese punto, os partidarios kurdos dividíronse entre os que querían manter a autonomía en Turquía e os que optaban por un estado independente.
- 1945-1948: os kurdos pídenlle á ONU a autodeterminación do seu territorio.
- 1945: fúndase a República Independente de Mahabad (Irán), dun ano de duración.
- 1961-1970: revolta kurda en Iraq.
- 1970: os kurdos logran o dominio dunha rexión autónoma en Iraq.
- 1975-1991: Guerra entre os kurdos e as forzas armadas de Iraq.
- 1978: Abdullah Öcalan funda o Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), que comeza a operar en Turquía.
- Anos 1980: as guerrillas kurdas apoiadas pola OLP (Organización para a Liberación de Palestina) e con base en Siria, Iraq e Irán realizan centos de incursións armadas no sueste de Turquía.
- 1984: o PKK desencadea unha guerra aberta contra Turquía
- 1988: ataques con armas químicas aos kurdos iraquís por parte de Saddam Hussein.
- 1991: trala Guerra do Golfo, varias faccións kurdas érguense contra Iraq.
- 1992: faccións kurdas iraquís constitúen un Goberno.
- 12 de abril de 1995: Parlamento kurdo no Exilio, constituído na Haia.
- Outubro 1998: Siria deixa de apoiar o PKK.
- Marzo de 1999: secuestrado en Kenya o líder kurdo Abdullah Öcalan. Xulgado en Turquía por alta traizón e asasinato, Öcalan foi condenado a morte, pero a sentenza foi substituída por cadea perpetua trala abolición da pena de morte en Turquía.
Persoeiros kurdos históricos
editar- Saladino (1138-1193) ou Salah al-Din Yusuf-al-Ayyubi. Fillo de Ayyub, gobernador de Tikrit, e sobriño de Shirkuh, lugartenente de Nur al-Din, señor de Siria (1146-1174). Shirkuh fíxose co control do Califato fatimí de Exipto (1169) nunha campaña militar costeada por Nur al-Din e o mesmo ano foi herdado por Saladino á morte do seu tío Shirkuh. Disolveu o Califato do Cairo (1171) e proclamado Sultán de Exipto, entrou en disputa con Nur al-Din, o seu señor. Á morte de Nur al-Din (1174) fíxose co poder en Siria, ao norte até Armenia, ao oeste Mosul e o Kurdistán (1186), e con gran parte dos Estados Cruzados (1187). O Sultán kurdo, líder do estado máis poderoso de Oriente, falece en Damasco.
Notas
editar- ↑ Statistics of Armenia (ed.). "Information from the 2011 Armenian National Census" (PDF) (en armenia). Consultado o 27 de maio de 2014.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de outubro de 2017. Consultado o 20 de agosto de 2017.
- ↑ Statistical Yearbook of Azerbaijan 2014. 2015. p. 80.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para kurdo.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Artigo en gara sobre a posible ilegalización do DTPArquivado 05 de decembro de 2008 en Wayback Machine. (en castelán)
- Claves da situación en Iraq (en castelán)
- O conflito kurdo en Iraq (en castelán)
- Consecuencias do problema kurdo para o futuro de Iraq (en castelán)
- Construción e deconstrución nacional en Medio Oriente: o caso de Irak (en castelán)