Tratado de Sèvres
O Tratado de Sèvres foi un tratado de paz entre o Imperio Otomán e as nacións aliadas da primeira guerra mundial (a excepción de Rusia e os Estados Unidos), que foi asinado en Sèvres (Francia) o 10 de agosto de 1920. O Tratado deixaba o Imperio Otomán sen a maior parte das súas antigas posesións, limitándoo a Istambul e parte de Asia Menor. En Anatolia Oriental creábase un estado autónomo para os kurdos (Kurdistán), e varios distritos pasaban a Armenia (a República de Armenia independizouse de Rusia en 1918) para formar a Grande Armenia. Grecia recibía Tracia Oriental, Imbros, Ténedos e a rexión de Esmirna. Recoñecíase a separación de Exipto, Hedjaz e o Iemen; mentres que Mosul, Palestina e Transxordania pasaban á administración británica e Siria, Líbano e Alexandreta á administración francesa, que tamén recibía unha zona de influencia en Cilicia. Chipre quedou para os británicos que xa o administraban e Castellorizo para os italianos cunha zona de influencia na rexión de Antalya. A navegación nos estreitos sería libre e controlada por unha comisión internacional.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/93/Treaty_of_S%C3%A8vres_map_partitioning_Anatolia.png/300px-Treaty_of_S%C3%A8vres_map_partitioning_Anatolia.png)
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/56/Map_of_Turkey_in_Asia%2C_Syria%2C_Palestine%2C_Hejaz_and_Arabia_by_Frank_Moore_Colby.png/300px-Map_of_Turkey_in_Asia%2C_Syria%2C_Palestine%2C_Hejaz_and_Arabia_by_Frank_Moore_Colby.png)
Contra este tratado, aceptado polo Sultán e o goberno otomán, erguéronse os nacionalistas ao mando de Mustafa Kemal Atatürk, que tomaron o poder e combateron vitoriosamente contra gregos e armenios logrando manter a posesión de toda Anatolia, e parte de Tracia Oriental, e pór fin ás zonas de influencia de Francia e Italia, tras o cal foi asinado o Tratado de Lausana en 1923, deixando sen aplicar o tratado de Sèvres.