Fogo de santelmo

O fogo de santelmo ou simplemente santelmo (de Santo Elmo),[1] é un meteoro eléctrico consistente nunha descarga de efecto coroa electroluminescente provocada pola ionización do aire dentro do forte campo eléctrico que orixinan as tormentas eléctricas. Chámaselle «fogo», pero na realidade é un plasma de baixa densidade e relativamente baixa temperatura provocado por unha grande diferenza de potencial eléctrico atmosférica que excede o valor de ruptura dieléctrica do aire, en torno a 3 MV/m
Este fenómeno toma o seu nome de Erasmo de Formia (Santo Elmo), patrón dos mariñeiros, os que tiñan observado o fenómeno da antigüidade e crían que a súa aparición era de mal agoiro.
Fisicamente, é un resplandor brillante branco-azulado, que nalgunhas circunstancias ten aspecto de lume, a miúdo en dobres ou triplos chorros xurdindo de estruturas altas e puntiagudas como mastros, pináculos e chemineas.
O santelmo obsérvase a miúdo nos mastros dos barcos durante as tormentas eléctricas no mar, nas que tamén se alteraba o compás. Benxamín Franklin observou correctamente en 1749 que é de natureza eléctrica. Tamén se dá nos avións e dirixibles. Nestes últimos era moi perigoso, pois moitos deles cargábanse con hidróxeno, gas moi inflamable, e podían incendiarse, tal como pasou no 1937 co Dirixible Hindenburg.
Dise que tamén pode aparecer nas puntas dos cornos do gando durante as tormentas eléctricas e nos obxectos afiados na metade dun tornado, pero non é o mesmo fenómeno que o raio globular, aínda que poden estar relacionados.
Na Grecia Antiga, a aparición dun único fogo de santelmo chamábase Helena e cando eran dous chamábanselles Cástor e Pólux.
CitasEditar
Hai referencias ao fogo de santelmo nas obras de Xulio César (De Bello Africo 47), Plinio o Vello (Naturalis Historia ii.101) e Herman Melville, asi como no diario de Antonio Pigafetta sobre a súa viaxe con Fernão de Magalhães.
En efecto, os brazos das vergas estaban rodeados dun lume lívido, e as triplas agullas dos pararraios lucían con tres linguas de lume. Os mastros enteiros parecían arder.
–¡Fogo de santelmo, ten piedade de nós! –gritou Stubb.
Outra referencia:
Charles Darwin observou o efecto mentres estaba embarcado no Beagle unha noite que estaba ancorado no río da Prata e describiu o episodio nunha carta a J. S. Henslow:
NotasEditar
- ↑ RAG. "santelmo". Consultado o 13 de setembro de 2015.
Véxase taménEditar
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Fogo de santelmo |